DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Xoves, 8 de xaneiro de 2026 Páx. 1171

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 26 de decembro de 2025, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se nomea como persoal estatutario fixo e se lle adxudica destino definitivo á persoa aspirante seleccionada no proceso selectivo, polo sistema de concurso de méritos, para o ingreso na categoría de técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría, convocado pola Resolución do 26 de decembro de 2022.

Mediante a Resolución desta dirección xeral do 26 de decembro de 2022 (Diario Oficial de Galicia número 4, do 5 de xaneiro de 2023) realizouse a convocatoria excepcional, polo sistema de concurso de méritos, para o ingreso na categoría de técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría.

Mediante as resolucións do 19 de setembro de 2024 (Diario Oficial de Galicia número 188, do 30 de setembro) e do 10 de outubro de 2025 (Diario Oficial de Galicia número 202, do 20 de outubro) publicáronse o nomeamento e a adxudicación de destino definitivo das persoas aspirantes seleccionadas no proceso selectivo, polo sistema de concurso de méritos, para o ingreso na categoría de técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría.

A base 10.4 da resolución da convocatoria prevé que, co fin de asegurar a cobertura das prazas convocadas, no suposto de situacións en que as persoas seleccionadas, por diversos motivos, non continúen no proceso, se cubrirá a baixa coa persoa aspirante incluída inmediatamente a continuación na relación de seleccionadas, pola orde de prelación que resulte da lista definitiva, con independencia da quenda de acceso.

Unha vez realizado o proceso de elección de destino da praza que resultou vacante, logo da última resolución de nomeamento do 10 de outubro de 2025, e ao abeiro da Resolución do 26 de decembro de 2022, esta dirección xeral, como órgano convocante do proceso,

RESOLVE:

Primeiro. Coa finalidade de asegurar a cobertura das prazas convocadas neste proceso extraordinario de estabilización polo sistema de concurso de méritos, e segundo o que establece a base 10.4 das resolucións de convocatoria, realizouse a oferta da praza que resultou vacante na categoría de técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría á nova persoa aspirante incluída inmediatamente a continuación pola orde de prelación que resultou da lista definitiva, con independencia da quenda de acceso.

De acordo coa convocatoria, quedan sen efecto todas as actuacións das persoas aspirantes seleccionadas que, no prazo e conforme o procedemento establecido, non seleccionaron os destinos que se ofertaron pola orde de prelación que consideraron, non resultaron adxudicatarias de ningún destino polo que optaron ou renunciaron á dita elección.

Tamén se recolle na base novena que as persoas aspirantes que, dentro do prazo fixado, non presenten a documentación ou do exame dela se deduza que carecen dalgún dos requisitos para participar neste proceso selectivo non poderán ser nomeadas persoal estatutario fixo e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorran por falsidade na solicitude inicial.

As actuacións destas persoas aspirantes no concurso de méritos quedan anuladas e decaen en todos os dereitos derivados da súa participación.

Segundo. Nomear como persoal estatutario fixo do Servizo Galego de Saúde, na categoría de técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría, a persoa aspirante que se inclúe no anexo desta resolución, logo de acreditar o cumprimento dos requisitos establecidos e de realizar a elección de destino, segundo o previsto nas bases 9 e 10 da convocatoria do proceso selectivo.

Adxudicarlle á dita aspirante, con carácter de destino definitivo, a praza que figura no anexo indicado.

Terceiro. Declarar finalizado o proceso selectivo para o ingreso, polo sistema de concurso de méritos, na categoría de técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría, convocado pola Resolución do 26 de decembro de 2022, sen prexuízo do previsto na base 10.4 da resolución de convocatoria para o suposto de situacións en que a persoa seleccionada, por diversos motivos, non continúe no proceso.

Cuarto. A aspirante nomeada disporá do prazo dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para incorporarse á praza adxudicada. A toma de posesión da praza efectuarase no centro de xestión ao cal pertenza esta.

A falta de incorporación no prazo referido, cando sexa imputable ao/á interesado/a e non responda a causas xustificadas, producirá o decaemento do seu dereito a obter a condición de persoal estatutario fixo como consecuencia do concreto proceso selectivo.

No entanto, en casos de forza maior, e por instancia da persoa interesada, a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde poderá prorrogar o prazo de toma de posesión. A incorporación ás prazas adxudicadas levará aparellado o cesamento do persoal temporal que, se é o caso, as ocupe, de acordo cos criterios de incorporación e cesamento vixentes.

Quinto. De conformidade coa disposición adicional segunda do Decreto 70/2017, do 13 de xullo, polo que se regula a formación en igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero do persoal ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, como condición para o perfeccionamento do nomeamento que se expida, os/as aspirantes seleccionados/as deberán realizar, con carácter obrigatorio, e nun prazo non superior aos seis meses contados desde a data de publicación do correspondente nomeamento como persoal estatutario fixo no Diario Oficial de Galicia, as actividades formativas para obter o nivel básico de coñecemento en materia de igualdade de xénero e prevención e loita contra a violencia de xénero que recolle o artigo 157 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia.

Non terán que realizar esta actividade formativa os/as aspirantes seleccionados/as que a realizasen con anterioridade, se consta rexistrada en Fides/expediente-e e foi debidamente validada.

Sexto. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso potestativo de reposición, ante esta dirección, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderase impugnar directamente, na xurisdición contencioso-administrativa, nos termos da Lei 29/1998, do 13 de xullo.

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2025

María del Mar Pousa Cobas
Directora xeral de Recursos Humanos

ANEXO I

Relación definitiva de persoas nomeadas estatutarias fixas e destinos definitivos adxudicados

Técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría

DNI

Apelidos e nome

Centro directivo

Centro

Concello

Quenda

***5485**

Coto Gómez, Iria Belén

A. S. de Vigo

Complexo Hospitalario Universitario de Vigo

Vigo

-

(*) Ocúltase parcialmente o número do documento nacional de identidade para preservar os datos de carácter persoal, de acordo coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro.