DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Xoves, 8 de xaneiro de 2026 Páx. 1006

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

DECRETO 129/2025, do 22 de decembro, polo que se declara a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos necesarios para a realización do proxecto denominado Incremento de superficie e mellora da conectividade de hábitats prioritarios en escenarios vulnerables no litoral do concello de Ribadeo (ZEC As Catedrais), no concello de Ribadeo (Lugo).

O Pleno do Concello de Ribadeo, na sesión ordinaria do 18 de marzo de 2025 acordou solicitar á Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados para a realización do proxecto denominado Incremento de superficie e mellora da conectividade de hábitats prioritarios en escenarios vulnerables no litoral do concello de Ribadeo (ZEC As Catedrais).

Os bens en que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

O 23 de setembro de 2025 tivo entrada no rexistro electrónico da Xunta de Galicia a solicitude do Concello de Ribadeo e o expediente. O 6 de outubro e o 16 de decembro de 2025 a citada entidade local remitiu, a través do Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia, documentación complementaria á inicialmente enviada. O expediente contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación.

O expediente tratouse na Comisión de Secretarios Xerais previa á súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

O expediente contén a documentación a que se refire o artigo primeiro da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

A xustificación da pertinencia da declaración de urxente ocupación baséase en que as actuacións que se van realizar teñen como obxectivo a eliminación do tránsito peonil incontrolado de visitantes sobre o bordo litoral, moi preto do cantil rochoso, cun elevado risco de caída das persoas nun contorno perigoso e hostil que, de feito, xa cobrou vítimas. Ademais, está prevista a eliminación de especies invasoras en áreas ocupadas polo hábitat 4040 para, posteriormente, restaurar a vexetación natural nesas superficies, así como a protección do hábitat 7220 fronte a condicións antropoxénicas e, polo tanto, favorecer o restablecemento nun estado de conservación favorable destes tipos de hábitat. A presenza de especies invasoras nesta área provoca que na actualidade este tipo de hábitat estea nun estado de conservación desfavorable, cun elevado risco para a conservación da biodiversidade, debido á súa baixa naturalidade e elevada fragmentación.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle á Xunta de Galicia, segundo o disposto nos artigos 27.2 e 28.2 do Estatuto de autonomía de Galicia. En virtude da asunción de transferencias de competencias do Estado á Xunta de Galicia en materia de Administración local realizada polo Decreto da Xunta 138/1982, do 1 de decembro, o Consello da Xunta é o competente para aprobar a declaración de urxente ocupación.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do vinte e dous de decembro de dous mil vinte e cinco,

DISPOÑO:

Artigo único

De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución do proxecto denominado Incremento de superficie e mellora da conectividade de hábitats prioritarios en escenarios vulnerables no litoral do concello de Ribadeo (ZEC As Catedrais), no concello de Ribadeo (Lugo). De ser o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, deberanse obter as autorizacións que sexan necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das actuacións.

Santiago de Compostela, vinte e dous de decembro de dous mil vinte e cinco

O presidente
P.S. (Artigo 26.7 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro,
da Xunta e da súa Presidencia)
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes