A Orde da Consellería do Medio Rural do 27 de febreiro de 2024, publicada no DOG núm. 49, do 8 de marzo de 2024, regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control para a campaña 2024.
O artigo 26 da Orde do 27 de febreiro de 2024 dispón que as notificacións das resolucións das solicitudes presentadas ao abeiro da citada orde se farán conforme o establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia, cunha ligazón á páxina web do Fogga.
Por outra banda, de conformidade cos artigos 15 e 24.2 da Orde do 27 de febreiro de 2024 e co disposto no Decreto 7/2014, do 16 de xaneiro, polo que se aprobaron os estatutos do organismo autónomo Fondo Galego de Garantía Agraria (en diante, Fogga), atribúeselle á Dirección do Fogga a competencia de resolver os procedementos de concesión destas axudas.
De acordo co anterior,
RESOLVO:
Primeiro. Facer pública na web do Fogga a relación de persoas beneficiarias e dos importes pagados así como, se é o caso, do importe da perda de dereito ao cobramento, das solicitudes de pagamento das axudas relativas ás intervencións ambientais e climáticas do PEPAC 2023-2027 para a campaña 2024, presentadas ao abeiro da Orde do 27 de febreiro de 2024.
As persoas interesadas poden acceder á dita web na seguinte ligazón:
https://fogga.xunta.gal/gl/pac/resolucions-de-axudas/campaña-2024
Segundo. Poñer á disposición das persoas interesadas as resolucións completas das solicitudes indicadas no punto primeiro mediante a aplicación para teléfonos móbiles Sga@pp, dispoñible en Google Play ou en App Store, e no portal de axudas PAC a través da seguinte ligazón:
https://fogga.xunta.gal/gl/pac/consultas_pac/portal_de_axudas_pac
Neste portal, cada persoa interesada poderá acceder ao contido da súa resolución mediante o certificado dixital, DNI-e (DNI electrónico) ou empregando a Chave365. A información sobre a forma de alta da Chave365 atópase na ligazón que se indica a seguir:
https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365
Terceiro. Contra as citadas resolucións, que non poñen fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de alzada ante a persoa presidenta do Fogga no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao desta publicación, consonte o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. O prazo de interposición concluirá o mesmo día desta publicación no mes de vencemento, de conformidade co artigo 30.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2025
Juan José Cerviño Varela
Director do Fondo Galego de Garantía Agraria
