DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Venres, 9 de xaneiro de 2026 Páx. 1511

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 30 de decembro de 2025 pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 29 de decembro de 2025, polo que se declara o interese autonómico do proxecto denominado Mellora da funcionalidade, capacidade e integración ambiental da VG-4.1 e PO-308 na contorna da Lanzada, de clave PO/25/199.01, situado nos concellos do Grove e Sanxenxo.

En cumprimento do disposto no artigo 42.4 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, faise público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 29 de decembro de 2025, polo que se declara o interese autonómico do proxecto denominado Mellora da funcionalidade, capacidade e integración ambiental da VG-4.1 e PO-308 na contorna da Lanzada, de clave PO/25/199.01, situado nos concellos do Grove e Sanxenxo.

Exposición de motivos:

A Axencia Galega de Infraestruturas ten prevista unha actuación integral de mellora da funcionalidade, capacidade e integración ambiental da VG-4.1 e PO-308 na contorna da Lanzada.

Dado o singular o espazo afectado, a estratexia prevista está fundamentada en tres aspectos:

• Enfoque Integral. Tramitación como proxecto de interese autonómico (PIA), que permite tratar de forma conxunta unha ordenación territorial que teña en conta as necesidades de mobilidade e de preservar os valores ambientais.

• Mellora substancial da situación ambiental actual, que compense calquera afección puntual.

• Mellora substancial da mobilidade global, tanto da capacidade viaria como da situación actual de falta de accesibilidade alternativa ao vehículo.

A singularidade e relevancia da actuación fan necesario acudir a unha das ferramentas de que dispón a Comunidade Autónoma a través da Lei 1/2021, como é a do proxecto de interese autonómico, para poder acometer a actuación.

A documentación da proposta de actuación requirida no artigo 41.2 da Lei 1/2021 está á disposición da cidadanía na páxina web da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas:

https://vivendaeinfraestruturas.xunta.gal/transparencia/pia/lanzada

Polo exposto, o Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 29 de decembro de 2025, adoptou o seguinte

ACORDO:

1. Declarar o interese autonómico, para os efectos previstos na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, do proxecto de mellora da funcionalidade, capacidade e integración ambiental da VG-4.1 e PO-308 na entorna da Lanzada, de clave PO/25/199.01, situado nos concellos do Grove e Sanxenxo.

2. Determinar como órgano competente por razón da materia a Conselleria de Vivenda e Planificación de Infraestruturas ,a través da Axencia Galega de Infraestruturas.

Contra o dito acordo do Consello da Xunta de Galicia, que pon fin á vía administrativa, poderase formular un recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 8, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que, con carácter previo e potestativo, se poida formular un recurso de reposición no prazo dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No caso de ser un suxeito obrigado a relacionarse electronicamente coa Administración, para a interposición do recurso de reposición deberá empregar o modelo IF321B de recurso en materia de infraestruturas, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal/, ante a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.

O que se fai público para o xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2025

María Deza Martínez
Directora da Axencia Galega de Infraestruturas