DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Venres, 9 de xaneiro de 2026 Páx. 1357

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 19 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas, en concorrencia competitiva, para silvicultura produtiva de coníferas e para actuacións silvícolas con obxectivos ambientais e non produtivos en frondosas e na rehabilitación de soutos de castiñeiros, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da política agrícola común de España para o período 2023-2027, e se convoca para o ano 2026 (código de procedemento MR605C).

O Regulamento (UE) 2021/2115 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021, polo que se establecen normas en relación coa axuda aos plans estratéxicos que deben elaborar os Estados membros no marco da política agrícola común (plans estratéxicos da PAC), financiada con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e polo que se derrogan os regulamentos (UE) nº 1305/2013 e (UE) nº 1307/2013, establece o marco das axudas comunitarias ao desenvolvemento rural.

O Plan estratéxico da política agrícola común de España para o período 2023-2027, aprobado pola Decisión de execución da Comisión Europea C(2022) 6017 final, do 31 de agosto de 2022, e modificado pola Decisión de execución da Comisión Europea C (2025) 5713 final, do 14 de agosto de 2025, recolle no seu punto 5.3, Intervencións sobre o desenvolvemento rural, as intervencións 6881.4 «Investimentos forestais non produtivos en actuacións silvícolas con obxectivos ambientais» e 6883 «investimentos forestais produtivos», que contribúen á consecución dos seguintes obxectivos específicos, recollidos no artigo 6 do Regulamento (UE) 2021/2115:

– Contribuír á adaptación ao cambio climático e á súa mitigación, tamén mediante a redución das emisións de gases de efecto invernadoiro e mellorando a captura de carbono, así como promover a enerxía sustentable.

– Promover o desenvolvemento sustentable e a xestión eficiente dos recursos naturais como a auga, o solo e o aire, incluíndo a redución da dependencia química.

– Contribuír a deter e reverter a perda de biodiversidade, potenciar os servizos relacionados cos ecosistemas e conservar os hábitats e as paisaxes.

As actuacións que se propoñen no marco destas intervencións pretenden fomentar a xestión forestal sustentable, incrementando a multifuncionalidade dos bosques, a súa protección e a súa restauración para lograr o bo estado dos hábitats e das especies relacionados con eles co fin de mellorar os servizos ecolóxicos e a biodiversidade e, dese modo, crear resiliencia ante os efectos do cambio climático nos bosques e sistemas agroforestais. Ademais, cómpre destacar que un dos obxectivos do Plan estratéxico da PAC de España é apoiar as actuacións de silvicultura para a conservación dos montes e mellorar a súa adaptación ao cambio climático. Todo iso atópase en consonancia coa recomendación da Comisión «intensificar o coidado do ambiente e a acción polo clima e contribuír a alcanzar os obxectivos climáticos e ambientais da UE»

Ademais, os investimentos forestais produtivos contribúen a crear oportunidades de emprego e actividade económica nas zonas rurais, de acordo coa recomendación da Comisión de «reforzar o tecido socioeconómico nas zonas rurais».

Esta iniciativa está aliñada coa primeira revisión do Plan forestal de Galicia 2021-2040 (en diante, 1ª revisión do PFG), cara á neutralidade carbónica, aprobado polo Decreto 140/2021, do 30 de setembro, que se estrutura en distintos eixes estratéxicos de intervención para o deseño e execución da política forestal galega.

Así, as actuacións da Subintervención 6883_02-Silvicultura produtiva de coníferas, encaixa na medida IV 2.1: Programa de fomento e valorización de masas de coníferas, da 1ª revisión do PFG 2021-2024, que ten por obxecto incentivar os tratamentos silvícolas que favorezan o crecemento da masa e a obtención de madeira de calidade para poñer á dispoñibilidade do mercado materia prima de alta calidade, prestando especial atención ao incremento do uso de madeira estrutural na construción, potenciando tanto beneficios aos propietarios como unha mellora da economía verde.

As actuacións forestais non produtivas da Subintervención 68814_05-Actuacións non produtivas de silvicultura de frondosas, canalízase en aplicación da medida I 1.1: Programa de fomento de xestión activa de masas de frondosas autóctonas, e da medida I 1.5: medidas de fomento da multifuncionalidade e doutros valores do monte, dispostas na 1ª revisión do PFG 2021-2024; que ten por obxecto, entre outros, fomentar a aplicación dunha silvicultura activa que favoreza a recuperación das masas existentes e a multifuncionalidade do monte. No marco da 1ª revisión do PFG 2021-2024 planificouse a Estratexia para o fomento da xestión activa das masas de frondosas que desenvolve eixes de actuación para acadar entre os anos 2024-2040, estando a Subintervención 68814_05 encadrada no eixe 3 (fomento de xestión activa e da conservación dos montes de frondosas).

As actuacións da Subintervención 68814_06-Silvicultura con obxectivos ambientais, rehabilitación de soutos están aliñadas coa 1ª revisión do PFG 2021-2024 e co Programa estratéxico do castiñeiro e da produción de castaña, dado a coñecer ao Consello da Xunta na súa xuntanza do 25 de maio de 2022. O desenvolvemento deste programa é a ferramenta que guía e orienta as liñas de actuación coa finalidade de acadar unha serie de obxectivos cuantitativos no horizonte temporal 2021-2040 recollidos na primeira revisión do Plan forestal de Galicia 2021-2040, entre outras, na intervención de recuperación de soutos tradicionais en produción mediante medidas de rehabilitación.

As axudas da Intervención 6883-Investimentos forestais produtivos, ampáranse nos artigos 49 e 59 Regulamento (UE) 2022/2472 da Comisión, do 14 de decembro de 2022, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea (DOUE L 327/1, do 21 de decembro de 2022), e foron comunicadas polo Estado á Comisión Europea co número de axuda SA.109374.

As axudas da Intervención 6881.4-Investimentos forestais non produtivos en actuacións silvícolas con obxectivos ambientais- ampáranse no artigo 44 Regulamento (UE) 2022/2472 da Comisión, do 14 de decembro de 2022, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea (DOUE L 327/1, do 21 de decembro de 2022), e foron comunicadas polo Estado á Comisión Europea co número de axuda SA.114392.

De acordo co artigo 4 da Lei 30/2022, do 23 de decembro, pola que se regulan o sistema de xestión da política agrícola común e outras materias conexas, en relación co artigo 14, puntos 2 e 3, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a tramitación electrónica será obrigatoria para todas as persoas solicitantes en todas as fases do procedemento. A experiencia demostrada na xestión destas axudas acadada pola Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal nos últimos anos acredita que os destinatarios destas axudas, aínda sendo nalgúns casos persoas físicas, son un colectivo que ten acceso e dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios para relacionarse electronicamente coa Administración.

Para a xestión e xustificación das axudas concedidas ao abeiro desta orde emprégase a opción de custos simplificados, método que permite simplificar o proceso administrativo asociado á xustificación dos gastos realizados polas persoas beneficiarias dos fondos. Este enfoque busca reducir a carga administrativa tanto para as persoas beneficiarias como para as autoridades de xestión e control, facilitando a execución e verificación dos proxectos subvencionados. Ademais, permite o acceso de pequenos beneficiarios aos fondos europeos gracias á simplificación dos procesos de xestión.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que confiren os artigos 7 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de acordo co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa concorrente,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regulan as axudas para silvicultura produtiva de coníferas e para actuacións silvícolas con obxectivos ambientais e non produtivos en frondosas e na rehabilitación de soutos de castiñeiros, en réxime de concorrencia competitiva, e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento MR605C).

2. Nesta orde inclúense as seguintes intervencións contidas no Plan estratéxico da política agraria común de España 2023-2027 (PEPAC) e cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader):

a) Intervención 6883-Investimentos forestais produtivos.

• Subintervención 6883_02-Investimentos forestais produtivos_2, que financia actuacións de silvicultura produtiva de coníferas (liña I).

b) Intervención 6881.4-Investimentos forestais non produtivos en actuacións silvícolas con obxectivos ambientais.

• Subintervención 68814_05-Silvicultura con obxectivos ambientais e outros fins non produtivos, que financia actuacións non produtivas de silvicultura de frondosas (liña II).

• Subintervención 68814_06-Silvicultura con obxectivos ambientais e outros fins non produtivos + uso público, que financia actuacións de rehabilitación de soutos de castiñeiros (liña III).

Artigo 2. Ámbito de aplicación

1. Esta orde será de aplicación aos montes ou terreos forestais, segundo a definición do artigo 2 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (en diante, terreo), do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, con exclusión:

a) Dos bosques ou outras superficies forestais que sexan propiedade da Administración central ou autonómica.

b) Dos bosques e outras superficies forestais propiedade da Coroa.

c) Dos bosques que pertenzan a empresas públicas.

d) Dos bosques propiedade de persoas xurídicas, cando polo menos o 50 % do seu capital pertenza a algunha das institucións anteriormente citadas.

e) Das superficies que tivesen algún compromiso de mantemento e/ou conservación de ordes de axuda anteriores e as súas accións fosen obrigadas para o cumprimento dos ditos compromisos.

f) Dos terreos cun proceso iniciado de expropiación forzosa.

g) Dos terreos que dentro da Rede Natura 2000 teñan hábitats prioritarios establecidos na Directiva 92/43/CEE do 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres.

h) Dos terreos que foron obxecto de concesión dunha axuda no marco da Orde do 30 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas, en concorrencia competitiva, para silvicultura produtiva de coníferas e para actuacións silvícolas con obxectivos ambientais e non produtivos en frondosas e na rehabilitación de soutos de castiñeiros, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da política agrícola común de España para o período 2023-2027, e se convoca para o ano 2026 (código de procedemento MR605C).

i) Dos terreos que quedan enclavados no perímetro dunha agrupación forestal de xestión conxunta inscrita no correspondente rexistro e que non forman parte dela.

2. Non obstante o establecido no punto anterior en relación cos montes propiedade do Estado e da Comunidade Autónoma de Galicia, a axuda poderá ser concedida se o órgano que xestiona esas terras é un organismo privado.

3. Os montes consorciados coa Administración, na data que remate do prazo de solicitude da axuda, non poderán solicitar as axudas dentro da superficie consorciada, agás que teñan solicitado a rescisión dos devanditos consorcios na data de remate do prazo para a presentación da solicitudes da axuda.

Artigo 3. Beneficiarias

1. Na liña I (Subintervención 6883_02-Investimentos forestais produtivos_2, que financia actuacións de silvicultura produtiva de coníferas) poderán ser persoas beneficiarias as agrupación forestais de xestión conxunta AFXC) que estean inscritas no correspondente rexistro antes de que finalice o prazo de presentación das solicitudes de axuda, así como aquelas que teñan presentada a solicitude de inscrición dentro dese mesmo prazo. Neste segundo caso, deberán figurar inscritas no devandito rexistro antes do pagamento da axuda.

Así mesmo, na liña I tamén poderán ser persoas beneficiarias as persoas silvicultoras activas que estean inscritas no correspondente rexistro de silvicultor/a activo/a antes de que finalice o prazo de presentación das solicitudes de axuda, así como aquelas que teñan presentada a solicitude de inscrición dentro dese mesmo prazo. Neste segundo caso, deberán figurar inscritas no devandito rexistro antes do pagamento da axuda correspondente á execución das actuacións do módulo de silvicultura produtiva de coníferas.

Na liña II (Subintervención 68814_05-Silvicultura con obxectivos ambientais e outros fins non produtivos, que financia actuacións non produtivas de silvicultura de frondosas) e na liña III (Silvicultura con obxectivos ambientais e outros fins non produtivos, que financia actuacións de rehabilitación de soutos de castiñeiros) serán persoas beneficiarias as persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares dos terreos obxecto de axuda, entendendo por titulares tanto propietarios como arrendatarios ou xestores.

2. Non terán a condición de persoas beneficiarias as peticións individuais nos seguintes casos:

a) As solicitudes como persoa física correspondentes ás superficies incluídas dentro do perímetro dun monte de varas, abertal, de voces, de vocerío ou de fabeo que figuren como tal no sistema rexistral forestal de Galicia.

b) As solicitudes como persoa física correspondentes ás superficies incluídas no perímetro de terreos que no seu día foron clasificados como montes veciñais en man común e que, mediante sentenza xudicial, perderon a súa condición de propiedade xermánica mantendo o seu carácter de propiedade colectiva pertencente aos veciños dun lugar.

c) As solicitudes presentadas por persoas físicas titulares de terreos que se atopen enclavados dentro do perímetro dunha agrupación forestal de xestión conxunta (AFXC) inscrita no correspondente rexistro, e que non formen parte dela.

3. Non poderán ser persoas beneficiarias as empresas en crise ou as que teñan unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior.

4. As persoas beneficiarias deben cumprir coas obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e non estar incursas en ningunha clase de inhabilitación de axudas previstas no seu artigo 10. Ademais, non deben estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

5. As comunidades de montes veciñais en man común (en diante, CMVMC) para poder acceder a estas axudas deberán estar legalmente constituídas e regulamentariamente inscritas no Rexistro Provincial de CMVMC, de acordo co disposto no artigo 57 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e cumprir co disposto no artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e no Decreto 23/2016, do 25 de febreiro, polo que se regula o reinvestimento dos ingresos obtidos polas CMVMC en actuacións de mellora e protección forestal como moi tarde o día en que remate o prazo de solicitude da axuda.

6. Os monte de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo deben cumprir co estipulado no artigo 126 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e no Decreto 16/2024, de 18 de xaneiro, polo que se regula o réxime xurídico e o rexistro de monte de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo.

7. As agrupacións forestais de xestión conxunta (AFXC) deberán estar inscritas no correspondente rexistro, de acordo co establecido na Orde do 26 de abril de 2022 pola que se desenvolve a tramitación electrónica das solicitudes para o recoñecemento como agrupación forestal de xestión conxunta (código de procedemento MR608B) e como persoa silvicultora activa. Non obstante, de acordo co previsto no artigo 3.1 desta orde, tamén poderán acollerse á presente liña aquelas agrupacións que teñan presentada a solicitude de inscrición dentro do prazo de presentación das solicitudes de axuda. Neste segundo caso, deberán figurar inscritas no devandito rexistro antes do pagamento da axuda.

8. A persoa silvicultora activa deberá estar inscrita no correspondente rexistro, de acordo co establecido na Orde do 26 de abril de 2022 pola que se desenvolve a tramitación electrónica das solicitudes para o recoñecemento como agrupación forestal de xestión conxunta e como persoa silvicultora activa (código de procedemento MR608C). Non obstante, de acordo co previsto no artigo 3.1 desta orde, tamén poderán acollerse á presente liña aquelas persoas que teñan presentada a solicitude de inscrición dentro do prazo de presentación das solicitudes de axuda. Neste segundo caso, deberán figurar inscritas no devandito rexistro antes do pagamento da axuda.

Artigo 4. Intensidade e compatibilidade da axuda

1. Para a liña I (Intervención 6883-Investimentos forestais produtivos) a intensidade da axuda será de ata o 65 % do investimento total subvencionable segundo o valor do módulo de silvicultura produtiva de coníferas do modelo silvícola seleccionado pola persoa interesada.

A concesión da axuda será incompatible coa concesión doutras subvencións para o mesmo obxecto e superficie.

2. Para a liña II e a liña III (Intervención 6881.4-Investimentos forestais non produtivos en actuacións silvícolas con obxectivos ambientais) a intensidade da axuda será de ata o 100 % do investimento total subvencionable segundo o valor do módulo de silvicultura non produtiva de frondosas, do módulo de silvicultura básica de rehabilitación de soutos de castiñeiro ou do módulo de silvicultura básica de rehabilitación de soutos de castiñeiro e podas de renovación de copas, segundo corresponda.

A concesión da axuda será incompatible coa concesión doutras subvencións para o mesmo obxecto e superficie.

As actuacións previstas nestas liñas contribúen ao interese público ao promover a xestión sustentable dos montes mediante intervencións ambientais en frondosas e soutos de castiñeiros. Estas actuacións favorecen a conservación da biodiversidade, melloran a resiliencia fronte ao cambio climático e reducen o risco de incendios forestais. Ademais, fomentan o desenvolvemento socioeconómico das zonas rurais, contribuíndo á creación de emprego e á fixación da poboación no territorio, en liña cos obxectivos do PEPAC 2023-2027.

3. Tanto na solicitude da axuda como na solicitude de pagamento, a persoa beneficiaria deberá indicar o detalle doutros ingresos ou subvencións que financien a actividade subvencionada, con indicación do importe e da súa procedencia.

4. O IVE non é subvencionable.

Artigo 5. Actuacións obxecto de axuda e condicións técnica específicas para a liña I (Subintervención 6883_02-Investimentos forestais produtivos_2, que financia actuacións de silvicultura produtiva de coníferas)

Para a liña I (Subintervención 6883_02-Investimentos forestais produtivos_2, que financia actuacións de silvicultura produtiva de coníferas) as condicións de subvencionalidade son as seguintes:

1º. Os terreos obxecto de axuda deberán estar poboados con algunha das especies indicadas na seguinte táboa, sobre as cales se poderá aplicar algún dos modelos silvícolas (en diante, MS) recollidos nela, orientados á produción de madeira de serra ou madeira técnica, e que inclúan, cando menos, dúos rareos e podas altas:

Especie

Código MS

Piñeiro do país (Pinus pinaster Ait.)

PP2

Piñeiro do país (Pinus pinaster Ait.)

PP3

Piñeiro insigne (Pinus radiata D. Don.)

PR2

Piñeiro insigne (Pinus radiata D. Don.)

PR3

Piñeiro silvestre (Pinus sylvestris L.)

PS1

Piñeiro negral (P. nigra subsp. salzmannii var. corsicana)

PN1

Piñeiro de Oregón (Pseudotsuga menziesii Mirb. Franco)

PM1

As características e requisitos técnicos dos indicados modelos pode consultarse no enderezo web https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/forestal/ordenacion/adhesion-a-ms-e-rbfp-orientativos

Tamén poden ser obxecto de axuda os terreos poboados con algunha das especies indicadas na táboa anterior, ás cales sexa posible aplicar os modelos silvícolas específicos ou propios que teñan a mesma orientación e finalidade que os modelos indicados nesa táboa. De ser o caso, debe indicarse o modelo silvícola da táboa do punto 1º co que se asimila.

2º. Os terreos obxecto de axuda forestados coas especies Pinus sylvestris, Pinus uncinata, o Larix decidua, Sequoia sempervirens, Picea sp., Abies sp., ou Cedrus sp. asimílanse ao modelo silvícola PS1 para os efectos técnicos e económicos.

3º. Na superficie forestal poboadas con especies obxecto de axuda, serán subvencionable as actuacións do módulo de silvicultura produtiva de coníferas e que son as seguintes:

a) Roza de penetración, de ser o caso.

b) Formulación do informe técnico sobre os rareos a 5-7 anos.

c) Selección de pés de porvir e control de pés para extraer.

d) Podas altas sobre os pés que se deixen para corta final.

e) Operacións de control do aproveitamento.

f) Trituración ou extracción dos restos dos tratamentos.

4º. O módulo de silvicultura produtiva de coníferas é finalista, e dicir, ao finalizar a execucións das actuacións do módulo o terreo obxecto de axuda debe estar rozado, os pés que se deixen para a corta final deben ter unha poda alta, debe estar realizada a primeira rareo segundo o formulado no informe técnico sobre os rareos e o establecido no modelo silvícola de adhesión, e os restos dos tratamentos deben estar triturados ou extraídos do terreo.

5º. As actuacións do módulo de silvicultura produtiva de coníferas deben ser realizadas cas condicións e requisitos técnicos indicados no anexo VIII.

Artigo 6. Actuacións obxecto de axuda e condicións técnica específicas para a liña II (Subintervención 68814_05-Silvicultura con obxectivos ambientais e outros fins non produtivos, que financia actuacións non produtivas de silvicultura de frondosas)

Para a liña II (Subintervención 68814_05-Silvicultura con obxectivos ambientais e outros fins non produtivos, que financia actuacións non produtivas de silvicultura de frondosas) as condicións de subvencionalidade son as seguintes:

1º. Será obxecto de subvención a execución das actuacións do módulo de silvicultura non produtiva de frondosas necesarias para a xestión forestal activa das masas de frondosas de especies relacionadas no anexo I da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, salvo masas da especie Castanea sativa mill. e Castanea x hybrida (que é obxecto da liña III), e que cumpran os criterios do artigo 3 do Decreto 167/2019, do 5 de decembro, polo que se crea e se regula o Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas, así como que teñan unha idade media de polo menos quince anos.

2º. Os terreos obxecto de axuda deberán estar poboados con algunha especie de frondosa que cumpra as condición indicadas no punto primeiro, e sobre as cales se poida aplicar algún dos seguintes modelos silvícolas QR1, QR2, QP2, QS1, BC1, PA1, PFMV, PF2, SEF e XFAS establecidos na Orde do 19 de maio de 2014 pola que ese establecen os modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos e referentes de boas prácticas forestais para os distritos forestais de Galicia modificada pola Orde do 9 de febreiro de 2021.

Tamén poden ser obxecto de axuda os terreos poboados con algunha das especie de frondosa que cumpra as condicións indicadas no punto primeiro, as cales se poden aplicar aos modelos silvícolas específicos ou propios que teñan a mesma orientación e finalidade que os modelos indicados no parágrafo anterior.

3º. No terreo obxecto de axuda deberanse executar as actuacións do módulo de silvicultura non produtiva de frondosas necesarias para a xestión forestal activas das masas de frondosas indicada no punto 1º, e que son as seguintes:

a) Roza.

b) Formación de guías.

c) Selección de abrochos.

d) Desmestas.

e) Extracción, trituración ou picado dos restos que se obteñen como consecuencia do tratamento.

4º. As actuacións do módulo de silvicultura non produtiva de frondosas deben ser realizadas coas condicións e requisitos técnicos indicados no anexo IX.

Artigo 7. Actuacións obxecto de axuda e condicións técnica específicas para a liña III (Subintervención 68814_06-Rehabilitación de soutos)

1. As actuacións da liña III (Subintervención 68814_06-Silvicultura con obxectivos ambientais e outros fins non produtivos + uso público, que financia actuacións de rehabilitación de soutos de castiñeiros) poden ser de dous tipos:

– Silvicultura básica para rehabilitación de soutos de castiñeiros (liña III-A).

– Silvicultura básica para rehabilitación de soutos de castiñeiros e podas de renovación de copas (liña III-B).

1.1. Para a liña III-A (Silvicultura básica para rehabilitación de soutos de castiñeiros) as condicións de subvencionabilidade son as seguintes:

1º. Será obxecto de subvención a execución das actuacións do módulo de silvicultura básica para rehabilitación de soutos de castiñeiros sobre masas de soutos da especie Castanea sativa mill. e Castanea x hybrida cunha densidade mínima de 50 pés/ha se se aplica o MS CS3 e a establecida no modelo silvícola para o CS1, no caso de ser o que se aplica.

2º. Os terreos obxecto de axuda deberán estar poboados con algunha especie indicada no punto primeiro, e sobre a cal se poida aplicar o modelo silvícola CS1 ou CS3, establecidos na Orde do 19 de maio de 2014 pola que se establecen os modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos e referentes de boas prácticas forestais para os distritos forestais de Galicia.

Tamén poden ser obxecto de axuda os terreos poboados con algunha das especies indicadas no punto primeiro, ás cales sexa posible aplicar os modelos silvícolas específicos ou propios que teñan a mesma orientación e finalidade que os modelos indicados no parágrafo anterior.

3º. No terreo obxecto de axuda deberanse executar as actuacións do módulo de silvicultura para a rehabilitación de soutos de castiñeiros, que son as seguintes:

a) Roza.

b) Selección de chupóns ou abrochos.

c) Eliminación non mecánica ou extracción dos restos que se obteñen como consecuencia do tratamento.

4º. As actuacións do módulo de silvicultura básica para a rehabilitación de soutos de castiñeiros deben ser realizadas cas condicións e requisitos técnicos indicados no anexo X.

1.2. Para a liña III-B (Silvicultura básica para rehabilitación de soutos de castiñeiros e podas de renovación de copas) as condicións de subvencionabilidade son as seguintes:

1º. Será obxecto de subvención a execución de todas as actuacións do módulo de silvicultura básica para rehabilitación de soutos de castiñeiros e podas de renovación de copas sobre masas de soutos da especie Castanea sativa mill. e Castanea x hybrida e con unha densidade mínima de 50 pés/ha.

2º. Os terreos obxecto de axuda deberán estar poboados con algunha especie indicadas no punto primeiro, e sobre as cales se poida aplicar o modelo silvícola CS3, establecido na Orde do 19 de maio de 2014 pola que se establecen os modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos e referentes de boas prácticas forestais para os distritos forestais de Galicia.

Tamén poden ser obxecto de axuda os terreos poboados con algunha das especies indicadas no punto primeiro, ás cales sexa posible aplicar os modelos silvícolas específicos ou propios que teñan a mesma orientación e finalidade que os modelos indicados no parágrafo anterior.

3º. No terreo obxecto de axuda deberase executar as actuacións do módulo de silvicultura básica para a rehabilitación de soutos de castiñeiros e para podas de formación de copas, que son as seguintes:

a) Roza.

b) Selección de chupóns ou abrochos.

c) Podas de renovación de copas.

d) Eliminación non mecánica ou extracción dos restos que se obteñen como consecuencia do tratamento.

4º. As actuacións do módulo de silvicultura básica para a rehabilitación de soutos de castiñeiros e podas de renovación de copas deben ser realizadas coas condicións e requisitos técnicos indicados no anexo X.

Artigo 8. Condicións técnicas xerais

1. As condicións e requisitos técnicos mínimos das actuacións dos módulos de concesión e xustificación da axuda deben observarse no anexo VIII para a liña I (Subintervención 6883_02-Investimentos forestais produtivos_2, que financia actuacións de silvicultura produtiva de coníferas), no anexo IX para a liña II (Subintervención 68814_05-Silvicultura con obxectivos ambientais e outros fins non produtivos, que financia actuacións non produtivas de silvicultura de frondosas) e no anexo X para a liña III (Subintervención 68814_06-Silvicultura con obxectivos ambientais e outros fins non produtivos + uso público, que financia actuacións de rehabilitación de soutos de castiñeiros).

2. Nos terreos obxecto de solicitude de axuda deberase cumprir, en todo caso, o disposto na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia; na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia; os artigos 12 número 1.e), 15 números 2 ao 8 e 17 do Decreto 105/2006, do 22 de xuño, que regula as medidas relativas á prevención de incendios forestais, á protección dos asentamentos no medio rural e á regulación de aproveitamentos e repoboacións forestais; na Orde do 31 de xullo de 2007 pola que se establecen os criterios para a xestión da biomasa vexetal e na Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

3. No caso de existiren valores singulares de tipo xeolóxico, edáfico, botánico, faunístico, histórico e paisaxístico, a persoa beneficiaria debe proceder segundo a lexislación sectorial aplicable.

4. Os terreos obxecto de subvención, antes do remate do prazo de presentación da solicitude da axuda convocada, deberán contar cun instrumento de ordenación ou xestión forestal inscrito no Rexistro de Montes Ordenados, ou deberán estar adheridos aos modelos silvícolas consonte o establecido no Decreto 52/2014, do 16 de abril, polo que se regulan as instrucións xerais de ordenación e de xestión de montes de Galicia (procedemento MR627D) e na Orde do 19 de maio de 2014 pola que se establecen os modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos e referentes de boas prácticas forestais para os distritos forestais de Galicia, así como na súa modificación mediante a Orde do 9 de febreiro de 2021 pola que se modifica o anexo I da antedita orde.

Ademais, os terreos obxecto de axuda poderán estar adheridos a modelos silvícolas específicos ou propios que teñan a mesma orientación e finalidade que os modelos indicados nos artigo 5, 6 ou 7.

5. En todo caso, para a liña I e de existir aproveitamentos madeireiros e leñosos na liña II ou III, a persoa beneficiaria debe cumprir co estipulado no Decreto 73/2020, do 24 de abril, polo que se regulan os aproveitamentos madeireiros e leñosos, de cortiza, de pastos, micolóxicos e de resinas en montes ou terreos forestais de xestión privada na Comunidade Autónoma de Galicia, no suposto de que os terreos obxecto de axuda estean xestionados por persoas físicas ou xurídicas de dereito privado.

No suposto de que os terreos obxecto de axuda estean conveniados coa administración forestal e exista un aproveitamento madeireiro e leñoso, deberá procederse segundo o disposto no anexo XIII.

6. As actuacións deben cumprir coa normativa vixente que lles sexa de aplicación e contar coas perceptivas autorizacións administrativas, no caso de que estas as requiran.

7. Para os efectos desta orde, enténdese por rareo o tratamento silvícola que implica un aproveitamento comercial da masa forestal.

Artigo 9. Superficies mínimas e máximas para solicitar as axudas e superficies excluídas

1. As superficies mínimas e máximas son as seguintes:

a) A superficie mínima de actuación por solicitude será de 1 hectárea nun máximo de 5 coutos redondos; salvo para as agrupacións forestais de xestión conxunta (AFXC), inscritas no correspondente rexistro ou con solicitude de inscrición presentada dentro do prazo establecido, para as que non se exixirá superficie mínima.

b) A superficie máxima de actuación por solicitude será de 50 hectáreas nun máximo de 5 coutos redondos, salvo no caso das agrupacións forestais de xestión conxunta (AFXC), inscritas no correspondente rexistro ou con solicitude de inscrición presentada dentro do prazo establecido, para as que non se establece limitación no número de coutos redondos.

2. En todos os casos a continuidade superficial do couto redondo non se verá interrompida pola existencia de barreiras naturais ou artificiais.

3. Superficies excluídas:

a) Excluiranse da superficie de actuación os enclavados de extensión igual ou superior a 500 m2, pistas, estradas etc.

b) Superficies incluídas nun proceso concentración parcelaria en execución. Soamente poden ser aprobadas as axudas solicitadas en superficies en que o acordo de concentración parcelaria sexa firme antes do remate do prazo de solicitude da axuda convocada.

c) Superficies incluídas nun proceso iniciado de expropiación forzosa, non se poderán beneficiar destas axudas.

d) No caso de existiren valores singulares de tipo xeolóxico, edáfico, botánico, faunístico, histórico e paisaxístico, a persoa beneficiaria debe excluír da superficie de actuación a delimitación determinada na lexislación sectorial aplicable.

Artigo 10. Compromisos

1. As persoas beneficiarias das axudas comprométense expresamente ao cumprimento das condicións previstas nesta orde e demais normativa concorrente. A responsabilidade do bo fin da actuación será exixible a cada beneficiario segundo a lexislación aplicable en cada caso.

2. Compromisos de mantemento e conservación:

a) A persoa beneficiaria de axudas da liña I (Subintervención 6883_02-Investimentos forestais produtivos_2, que financia actuacións de silvicultura produtiva de coníferas) comprométese a cumprir o formulado no informe técnico sobre os rareos e as condicións establecidas no modelo silvícola seleccionado (idade do segundo rareo e idade de corta), de entre os indicados no artigo 5 desta orde.

b) A persoa beneficiaria de axudas da liña II (Subintervención 68814_05-Silvicultura con obxectivos ambientais e outros fins non produtivos, que financia actuacións non produtivas de silvicultura de frondosas) comprométese a manter a masa conforme as condicións de aprobación da axuda e a conservalos durante un mínimo de vinte anos contados desde a data da solicitude de pagamento da axuda, cumprindo as condicións establecidas no instrumento de ordenación ou xestión forestal inscrito no Rexistro de Montes Ordenados, ou, de ser o caso, no modelo silvícola de adhesión.

c) A persoa beneficiaria de axudas da liña III (Subintervención 68814_06-Silvicultura con obxectivos ambientais e outros fins non produtivos + uso público, que financia actuacións de rehabilitación de soutos de castiñeiros) comprométese a manter e conservar a masa conforme as condicións de aprobación da axuda durante un período mínimo de vinte anos desde a data da solicitude de pagamento da axuda, cumprindo as condicións establecidas no instrumento de ordenación ou xestión forestal inscrito no Rexistro de Montes Ordenados ou, de ser o caso, no modelo silvícola de adhesión.

d) A persoa beneficiaria comprométese á devolución do diñeiro percibido e dos seus xuros legais se o terreo obxecto de axuda é danado ou destruído por descoido, neglixencia, cambio de uso ou falta de coidados silvícolas por parte da persoa solicitante.

e) No caso de que a persoa beneficiaria sexa unha persoa xurídica, todos os seus membros se comprometen a cumprir todos os compromisos e obrigas establecidos nesta orde, así como na demais normativa concorrente.

3. Se as superficies obxecto de axuda se transmiten en todo ou en parte durante o período de compromiso, o novo titular deberá cumprir as condicións exixibles para a percepción da axuda que se lle outorgou e queda vinculado aos compromisos recollidos na orde de convocatoria, circunstancia que debe ser recollida no documento de transmisión.

4. Se a superficie obxecto de subvención foi afectada por un incendio forestal antes de executar as actuacións do módulo da axuda, a persoa beneficiaria deberá comunicalo inmediatamente ao Servizo de Montes da Departamento Territorial da Consellería do Medio Rural que corresponda por razón de territorio, co obxecto de adecuar a memoria descritiva das actuacións á nova realidade física do terreo antes do inicio dos traballos.

5. No caso de catástrofe biótica ou abiótica que comporte a destrución da totalidade ou de parte da masa forestal obxecto de axuda, a persoa beneficiaria estará obrigada a comunicar os feitos e circunstancias que a provocaron, no prazo máximo dun mes.

6. Nas superficies obxecto de axuda, as persoas beneficiarias comprométense a cumprir co establecido no Manual de boas prácticas na xestión forestal sustentable, aspecto que se verificará na comprobación final e o seu incumprimento pode dar lugar á revogación da axuda concedida.

7. A administración forestal terá dereito a recoller o material forestal de reprodución nos terreos obxecto de axuda, logo de comunicación á persoa beneficiaria.

8. No caso de cesións do dereito de pagamento, o titular da conta bancaria debe coincidir co cesionario e comprométese a manter a conta aberta ata o final do proceso de xestión da axuda.

Artigo 11. Criterios de selección

1. Establecerase unha orde de prioridade segundo a seguinte prelación por liña, tendo en conta que a data de referencia á hora de computar os méritos será a correspondente ao derradeiro día de presentación de solicitudes. As solicitudes presentadas ordenaranse, para cada liña de axuda, de acordo cos criterios de prioridade indicados na seguinte epígrafe, e aprobaranse os expedientes de maior a menor puntuación ata esgotar o orzamento dispoñible segundo:

a) A persoa solicitante sexa unha comunidade de monte veciñal en man común (MVMC) inscrita no rexistro correspondente: 30 puntos.

b) A persoa solicitante sexa un monte de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo rexistrado no rexistro correspondente: 25 puntos.

c) A persoa solicitante sexa unha sociedade de fomento forestal (Sofor) rexistrada no rexistro correspondente: 25 puntos.

d) A persoa solicitante sexa unha agrupación forestal de xestión conxunta rexistrada no rexistro correspondente (salvo Sofor): 20 puntos.

e) Por solicitude de propietario particular, asociacións sen ánimo de lucro, sociedades civís e comunidades de bens, cooperativas e outras entidades de economía social, sociedades agrarias de transformación, sociedades mercantís reguladas na lexislación de sociedades de capital e calquera outra que teña por obxecto a recuperación, de forma conxunta, de terras forestais: 15 puntos.

f) MVMC con investimentos de máis dun 40 % dos seus ingresos no último exercicio fiscal pechado anterior á solicitude da axuda: 10 puntos.

g) MVMC con investimentos dun 50 % a un 60 % dos seus ingresos no último exercicio fiscal pechado anterior á solicitude da axuda: 20 puntos.

h) MVMC con investimentos de máis dun 60 % dos seus ingresos no último exercicio fiscal pechado anterior á solicitude da axuda: 30 puntos.

i) Por cada membro do monte de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, da agrupación forestal de xestión conxunta ou outras figuras de propiedade forestal colectiva: 1 punto (ata un máximo de 10 puntos).

j) A persoa solicitante sexa un silvicultor activo rexistrado no rexistro correspondente: 5 puntos.

k) Actuacións para realizar en montes rexistrados no Rexistro de Montes Ordenados: 10 puntos.

l) Montes con certificación forestal co sistema PEFC ou FSC: 20 puntos.

m) Actuacións en masas de frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras: 5 puntos por hectárea de actuación ata un máximo de 40 puntos.

n) Actuacións en superficies forestais en que existan masas consolidadas de frondosas autóctonas inscritas no rexistro correspondente: 5 puntos por hectárea de actuación ata un máximo de 40 puntos.

ñ) Superficie forestal en zonas con limitacións naturais ou limitacións específicas de acordo co artigo 71.2 do Regulamento (UE) 2021/2115 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021 (en virtude do artigo 32.1.a), do Regulamento (UE) nº 1305/2013): 10 puntos.

o) Zonas de alto risco de incendio forestal (Orde do 18 de abril de 2007 pola que se zonifica o territorio con base no risco espacial de incendio forestal): 10 puntos.

p) Actuación en zona clasificada como Rede Natura 2000: 10 puntos.

q) Actuacións en terreos forestais que teñan superficie incluída en zonas demarcadas para implantar medidas de erradicación do organismo de corentena do nematodo do piñeiro (Bursaphelenchus xylophilus (Steiner et Buhrer) Nickle et al.): 40 puntos. As superficies incluídas son as seguintes:

– Na área demarcada establecida polo artigo 2 do Decreto 10/2011, do 28 de xaneiro, polo que se declara de utilidade pública a erradicación do organismo de corentena do nematodo do piñeiro Bursaphelenchus xylophilus (Steiner et Buhrer) Nickle et al., e se ordenan as medidas para evitar a súa propagación (DOG núm. 24, do 4 de febreiro).

– No anexo IV da Resolución do 28 de decembro de 2018, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se declara no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia a presenza de cinco novos positivos do organismo de corentena Bursaphelenchus xylophilus e se ordena comezar as medidas para a súa erradicación (DOG núm. 8, do 11 de xaneiro de 2019).

– No punto 1.a) da Resolución do 6 de abril de 2017, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se dá publicidade ao inicio da execución de medidas fitosanitarias para a erradicación do organismo de corentena Bursaphelenchus xylophilus na zona demarcada das Neves e na franxa tampón de 20 quilómetros coa fronteira con Portugal (DOG núm. 76, do 20 de abril).

r) Por cada parcela para a que se solicita axuda que estean dadas de alta no Rexistro da Propiedade: 1 punto por cada parcela, ata un máximo de 10 puntos.

2. A puntuación máxima será de 65 puntos, mentres que a mínima será de 15 puntos. En caso de empate, desempatarase polos seguintes criterios, segundo sexa o tipo de persoa beneficiaria e na orde que se establece:

a) Cando a persoa solicitante sexa propietaria particular de forma individual, priorizarase de acordo con os seguintes criterios:

1. Actuacións en terreos forestais que teñan superficie incluída en zonas demarcadas para implantar medidas de erradicación do organismo de corentena nematodo do piñeiro (Bursaphelenchus xylophilus (Steiner et Buhrer) Nickle et al.).

2. Actuacións en superficies forestais en que existan masas consolidadas de frondosas autóctonas rexistradas no rexistro correspondente.

3. Actuacións para realizar en montes rexistrados no Rexistro de Montes Ordenados.

4. Maior número de parcelas para as que se solicitou a axuda que estean dadas de alta no Rexistro da Propiedade.

5. Maior superficie de actuación.

6. Maior investimento nas actuacións.

b) Cando a persoa solicitante sexa unha persoa xurídica ou outros formas de propiedade forestal, priorizarase segundo os seguintes criterios:

1. Actuacións en terreos forestais que teñan superficie incluída en zonas demarcadas para implantar medidas de erradicación do organismo de corentena nematodo do piñeiro (Bursaphelenchus xylophilus (Steiner et Buhrer) Nickle et al.).

2. Actuacións en superficies forestais en que existan masas consolidadas de frondosas autóctonas rexistradas no rexistro correspondente.

3. Solicitudes que sumen un maior número de propietarios.

4. No caso de seguir empatados, por maior superficie de actuación.

5. Maior investimento nas actuacións.

c) Cando o tipo de beneficiario sexa unha comunidade de montes veciñais en man común priorizarase segundo os seguintes criterios:

1. Actuacións en terreos forestais que teñan superficie incluída en zonas demarcadas para implantar medidas de erradicación do organismo de corentena nematodo do piñeiro (Bursaphelenchus xylophilus (Steiner et Buhrer) Nickle et al.).

2. Actuacións en superficies forestais en que existan masas consolidadas de frondosas autóctonas rexistradas no rexistro correspondente.

3. Actuacións para realizar en montes rexistrados no Rexistro de Montes Ordenados.

4. Porcentaxe de reinvestimento nas melloras do monte no último exercicio fiscal pechado anterior á solicitude da axuda.

5. Maior superficie de actuación.

6. Maior número de comuneiros.

7. No caso de seguir empatados, por maior superficie clasificada do monte.

Artigo 12. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible (anexo I) na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. A persoa solicitante fará constar na solicitude de axuda (anexo I) se a superficie de actuación comprende afectación segundo a lexislación sectorial vixente en materias distintas da forestal (Rede Natura 2000, zonas de protección lateral do Camiño de Santiago, afectación ribeira de Augas de Galicia etc.). Estas afectacións están reflectidas no visor que figura no enderezo electrónico http://mapas.xunta.gal/visores/aproveitamentos

3. A persoa interesada deberá presentar unha solicitude, dirixida ao Departamento Territorial da Consellería do Medio Rural da provincia onde radique o terreo obxecto de actuación, axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo I (solicitude), que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 14 desta orde xunto cos anexos que fosen necesarios.

4. Para cada liña de axuda soamente se poderá presentar unha solicitude por persoa titular, ano e para os terreos que se encontren nun mesmo concello, agás no caso de que un titular teña terreos en dúas ou máis agrupacións forestais, nas cales o 50 % dos seus membros deberá ser distinto. No caso contrario, procederase de oficio a arquivar sen máis trámite as solicitudes presentadas con posterioridade á primeira. Deberase presentar unha solicitude para cada petición realizada sobre diferentes concellos e, de ser o caso, para cada liña.

5. Toda a información para a presentación de solicitudes está dispoñible na Guía de procedementos e servizos no enderezo https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos

6. A presentación da solicitude non implica ningún dereito para o peticionario mentres non exista resolución favorable á petición.

Artigo 13. Prazos de presentación de solicitudes e emenda da solicitude

1. O prazo de presentación de solicitudes será de 30 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. Se a solicitude non está debidamente cuberta, non se achega a documentación exixida ou non se reunen os requisitos sinalados na normativa da convocatoria ou os que, con carácter xeral, se indican na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a persoa solicitante será requirida para que, no prazo de 10 días hábiles contados desde o día seguinte ao da notificación do requirimento, emende o defecto advertido, a falta detectada ou presente os documentos preceptivos, e indicarase, ademais, que, de non o facer, se considerará que desiste na súa petición, logo de resolución que declarará esta circunstancia e que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da citada lei.

Artigo 14. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Documentación xeral:

a.1) Documentación que acredite, por calquera medio válido en dereito, a representación coa que actúa a persoa que asina a solicitude.

a.2) Acreditación da dispoñibilidade dos terreos onde se van realizar os investimentos por calquera documentación xustificativa da propiedade admisible en dereito ou, de ser o caso, copia do contrato de arrendamento ou de xestión para o caso de titulares non propietarios do terreo.

Para as CMVMC, montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo e as agrupacións forestais de xestión conxunta (incluído as Sofor): mediante declaración responsable da persoa representante da entidade solicitante e de acordos cos datos que consten no correspondente rexistro administrativo. No caso das AFXC que aínda non estean inscritas pero teñan presentada a solicitude de inscrición dentro do prazo establecido, a acreditación realizarase con base nos datos que figuren na devandita solicitude de inscrición.

a.3) Unha memoria descritiva das actuacións, asinada dixitalmente por unha persoa titulada en enxeñaría de montes ou enxeñaría técnica forestal, ou titulada universitaria de grao ou posgrao en materia forestal, que conterá, como mínimo:

a) Estado legal do predio obxecto de solicitude de axuda: superficie, localización, estremeiros e accesos.

b) Descrición inicial da situación dos terreos obxecto de axuda e final tras a realización das actuacións do módulo: tipo e estado vexetación inicial, especies existentes, densidade inicial, descrición e planificación dos traballos que se van realizar, densidade final tras tratamento etc.

c) Indicación segundo o visor http://mapas.xunta.gal/visores/aproveitamentos se existe algunha afectación, de que afectación se trata e localización das parcelas afectadas.

d) Nomeamento do técnico responsable dos tratamentos silvícolas.

e) Xustificación do/dos modelo/s silvícola/s que se vai/vaian aplicar as masas arbóreas entre os indicados nos artigos 5, 6 ou 7 e indicar módulo de concesión e xustificación segundo o anexo VII.

a.4) Cartografía: planos sobre mapas oficiais. A planimetría presentarase xeorreferenciada en coordenadas UTM, fuso 29 N, con referencia ao datum ETRS89 (EPSG 25829), e terá que ser achegada en soporte dixital e vectorial (segundo o establecido no anexo XI), no formato shape (arquivos, dbf, shp, shx e prj), obtido a partir dun plano de escala mínima 1:10.000, e preferentemente 1:5.000. Indicarase, claramente, o ano do Sixpac respecto do cal se toman os datos. No caso de instrumento de ordenación, indicarase a planificación dividida por cuarteis e unidades de ordenación e o modelo de adhesión e, de existiren, os cantóns e mouteiras de ordenación. Ademais, tamén se presentarán os planos en formato pdf.

a.5) Número de expediente dixital da adhesión a modelos silvícolas ou de xestión forestal, de ser o caso.

a.6) Número de expediente dixital da autorización ou da declaración responsable para aproveitamentos madeireiros e leñosos en montes ou terreos forestais de xestión privada (procedementos MR604N e MR604R) no caso de que a persoa solicitante estea obrigada segundo o Decreto 73/2020, do 24 de abril, e o teña tramitado dentro do prazo de presentación da solicitude.

Se a tramitación se realiza con posterioridade ao remate do prazo de presentación da solicitude de axuda ao abeiro desta convocatoria, o número de expediente deberá ser facilitado tan pronto como se dispoña del ou cando así sexa requirido. Do mesmo xeito, calquera modificación posterior deberá ser comunicada ao órgano de xestión en canto se produza.

a.7) Código do instrumento de ordenación ou xestión forestal inscrito no rexistro correspondente, de ser o caso.

a.8) No caso de que a/as parcela/s para a/as que se solicita axuda estea/n dada/s de alta no Rexistro da Propiedade, a persoa solicitante debe presentar copia da documentación acreditativa e para os únicos efectos de aplicar os criterios de baremación.

a.9) Para a liña I (Subintervención 6883_02-Investimentos forestais produtivos_2, que financia actuacións de silvicultura produtiva de coníferas) o número de inscrición no rexistro de silvicultor/a activo/a ou pola contra a solicitude de recoñecemento como silvicultor/a activo/a segundo o establecido na Orde do 26 de abril de 2022 pola que se desenvolve a tramitación electrónica das solicitudes para o recoñecemento como agrupación forestal de xestión conxunta (código de procedemento MR608B) e como persoa silvicultora activa (código de procedemento MR608C).

b) Documentación sobre acordos:

b.1) As comunidade de bens, asociacións sen ánimo de lucro e entidades sen personalidade xurídica presentarán o anexo II (acordo de toma de razón).

b.2) As organizacións inscritas no Rexistro de Agrupacións Forestais de Xestión Conxunta (incluído as Sofor) presentarán o anexo III (toma de razón dos compromisos e obrigas establecidas na orde).

b.3) As entidades con personalidade xurídica (S.L., S.A., Cooperativas, SAT etc.) presentarán o anexo IV (certificación do acordo de solicitude de subvención).

c) Certificados, autorizacións e informes:

c.1) As CMVMC: certificado do acordo que autoriza o/a presidente/a da CMVMC a presentar a solicite da axuda, tomado en asemblea xeral e asinado polo/a secretario/a co visto e prace do/da presidente/a.

c.2) Os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo: acordo que autoriza a persoa representante da xunta xestora ou da asemblea de copropietarios do monte a presentar a solicite da axuda, tomado en asemblea de copropietarios ou pola xunta xestora.

c.3) Cooperativas agrarias ou sociedades agrarias de transformación (SAT): certificado do responsable do rexistro conforme se atopa inscrita.

c.4) Autorización/informe, do órgano administrativo competente, para executar os traballos das actuacións obxecto de solicitude de axuda nos terreos con zonas con afectacións distintas da forestal segundo a lexislación sectorial aplicable e segundo os datos do visor http://mapas.xunta.gal/visores/aproveitamentos. Na súa falta, a solicitude das correspondentes autorizacións/informes perante o devandito órgano competente, documentos que deberán ser entregados durante a tramitación ou segundo o disposto no artigo 19.1.

Non obstante, non será necesario presentar os informes sectoriais da administración autonómica se a persoa solicitante está obrigada, segundo o Decreto 73/2020, a presentar unha autorización ou declaración responsable para aproveitamentos madeireiros e leñosos.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada. De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se deben presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 15. Trámites posteriores á presentación das solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 16. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña a súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) DNI/NIE da persoa representante (de ser o caso).

d) DNI/NIE da persoa cesionaria (de ser o caso).

e) NIF da entidade cesionaria (de ser o caso).

f) DNI/NIE da persoa representante da persoa cesionaria (de ser o caso).

g) Estar ao día no pagamento de obrigas coa Seguridade Social a persoa solicitante e, de ser o caso, da persoa cesionaria.

h) Estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria a persoa solicitante e, de ser o caso, da persoa cesionaria.

i) Estar ao día no pagamento de obrigas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia a persoa solicitante e, de ser o caso, da persoa cesionaria.

j) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.

k) Consulta de concesións ampliado.

l) Expediente dixital da autorización ou declaración responsable para aproveitamentos madeireiros e leñosos en montes ou terreos forestais de xestión privada.

m) Expediente do Rexistro de Montes Ordenados ou instrumentos de ordenación ou xestión forestal.

n) Consulta de axudas do Estado.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no anexo I, V e VI (de ser o caso), e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 17. Instrución, resolución e recursos

1. Os órganos competentes para tramitar esta orde de axudas son a Subdirección Xeral de Recursos Forestais da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural e os servizos de montes dos departamentos territoriais da Consellería do Medio Rural (en diante, servizos provinciais de montes).

2. Os servizos provinciais de montes examinarán as solicitudes presentadas e requiriran os solicitantes para que, no prazo máximo de dez días hábiles, acheguen a documentación non presentada e, no caso de que as solicitudes conteñan defectos ou omisións, as emenden, conforme se establece no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Neste requirimento indicarase ademais que, se non o fixer, se terá por desistido da súa petición, logo de notificación nos termos que se recollen no artigo 21 da citada Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Unha vez tramitadas as solicitudes, a persoa titular do departamento territorial de cada provincia proporá a relación de solicitudes que cumpren os requisitos da convocatoria e as que non os cumpren ou non se axustan, indicará a súa causa de incumprimento e remitiraa á subdirección xeral responsable dos recursos forestais.

4. Posteriormente, a subdirección xeral responsable dos recursos forestais emitirá un informe onde se reflictan os criterios de priorización, as solicitudes que, de acordo coa clasificación realizada atendendo a estes criterios, cubrisen a dispoñibilidade orzamentaria, e formulará a proposta de resolución que, de acordo co artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, resolverá a persoa titular da dirección xeral responsable da planificación e ordenación forestal por delegación da persoa titular da Consellería do Medio Rural.

5. A aprobación das axudas solicitadas en réxime de concorrencia competitiva axustarase aos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non-discriminación.

6. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ás persoas interesadas será de cinco meses, contados a partir do día seguinte da finalización do prazo para a presentación de solicitudes. Este prazo poderase ampliar segundo o indicado no artigo 23 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No caso de non se ditar resolución expresa no prazo indicado, o interesado poderá entender desestimada a súa solicitude sen prexuízo da obriga legal de resolver expresamente, conforme o disposto nos artigos 21 e 25 da mesma Lei 39/2015.

7. As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería do Medio Rural, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución.

Artigo 18. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, agás o establecido no artigo seguinte, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 19. Publicación de actos

1. As notificacións das resolucións de aprobación e denegación destas axudas realizaranse mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, a persoa beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada, así como a indicación das causas da desestimación e expresaranse, ademais, os recursos que contra a resolución procedan, órgano administrativo ou xudicial ante o que deben presentarse e o prazo para interpolos. Tamén figurará a puntuación de todas as solicitudes que entran no procedemento de concorrencia competitiva.

Por outra banda, tamén figurará unha lista de todos os expedientes aprobados que non teñan a autorización ou informe sectorial de afeccións distinta da forestal nos cales se dará un prazo de 3 meses, contados desde a resolución de aprobación, para a súa presentación no caso de que a autorización ou informe sexa desfavorable ou sexa entregada fóra do prazo dado, procederase á tramitación do correspondente expediente de perda do dereito ao cobramento da axuda.

2. Na notificación de concesión da axuda informaranse as persoas beneficiarias que as intervencións subvencionadas están recollidas no marco do Plan estratéxico da política agrícola común de España para o período 2023-2027 e son cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

Artigo 20. Inspeccións previas

Persoal da Consellería do Medio Rural poderá realizar unha inspección no campo para verificar as superficies polas que se solicita axuda, comprobar os datos da solicitude, a viabilidade dos traballos e súa compatibilidade co Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga). Esta inspección realizarase antes da resolución de aprobación.

Unha diferenza superior ao 30 % entre os datos achegados coa solicitude/documentación acreditativa e as comprobacións que resulten na inspección de campo implicará a denegación da axuda. No caso de minoración ou denegación da axuda solicitada, o servizo provincial de montes remitirá copia da inspección a persoa solicitante.

Artigo 21. Execución dos traballos

1. O prazo máximo para executar e xustificar as axudas concedidas nesta orde remata o 30 de xuño de 2027, e só serán subvencionables os investimentos que se realicen entre unha data posterior á inspección previa, no caso de ser realizada, ou, pola contra, entre unha data posterior á resolución de concesión da axuda e a data límite de xustificación.

2. A axuda definitiva será a resultante da comprobación final realizada por empregados da Consellería do Medio Rural, unha delas distinta das que realizaron a inspección previa, no caso de ser realizada.

Para a liña I, ao finalizar as execucións das actuacións do módulo de silvicultura produtiva de coníferas, o terreo obxecto de axuda debe estar rozado, os pés que se deixen para a corta final deben ter unha poda alta, debe estar realizado o primeiro rareo segundo o formulado no informe técnico sobre os rareos e o establecido no modelo silvícola de adhesión e os restos dos tratamentos deben estar triturados ou extraídos do terreo. De ser o caso, modificarase á baixa a cantidade aprobada inicialmente; deducindo o importe do módulo correspondente a superficie con execucións deficientes ou inexecucións.

Para a liña II, no caso de non realizar na superficie obxecto de axuda algunha/s da/das actuación/s subvencionable/s do módulo de silvicultura non produtiva de frondosas necesarias para a xestión forestal activa da masa de frondosas, modificarase á baixa a cantidade aprobada inicialmente; deducindo o importe do módulo correspondente a superficie con execucións deficientes ou inexecucións de actuacións necesarias para a xestión da masa.

Para a liña III, no caso de non realizar na superficie obxecto de axuda algunha/s da/das actuación/s subvencionable/s dos módulos do artigo 7 (módulo de silvicultura básica para rehabilitación de soutos de castiñeiros ou módulo de silvicultura básica para rehabilitación de soutos de castiñeiros e podas de renovación de copas) modificarase á baixa a cantidade aprobada inicialmente; deducindo o importe do módulo correspondente a superficie con execucións deficientes ou inexecucións.

3. Atendendo ao artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, poderase conceder a ampliación do prazo de execución establecido, que non exceda a metade del, se as circunstancias o aconsellan e con isto non se prexudican dereitos dun terceiro. Esta ampliación deberá solicitarse, como mínimo, dous meses antes de que acabe o prazo de execución. Os acordos sobre ampliación dos prazos ou sobre a súa denegación non serán susceptibles de recurso. Os servizos provinciais de montes proporán as anteditas ampliacións á persoa titular da subdirección xeral responsable dos recursos forestais, que elevará a proposta á persoa titular da dirección xeral responsable da planificación e ordenación forestal para a súa aprobación con base nas funcións delegadas pola persoa titular responsable do Medio Rural para resolver.

4. Transcorrido o prazo establecido de execución sen ter presentado a xustificación das actuacións subvencionadas a que se fai referencia no artigo 22, requirirase a persoa beneficiaria para que a presente no prazo improrrogable de dez días hábiles. A falta de presentación da solicitude no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención e poderá supor a apertura dun expediente sancionador, segundo se establece na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá a persoa beneficiaria das sancións que, conforme a lei, correspondan.

5. Así mesmo, no caso de ter presentada a xustificación dos traballos subvencionados se a persoa beneficiaria foi requirida para presentar documentación adicional e non achega esa documentación no prazo establecido no requirimento, perderá o dereito ao cobramento total ou parcial da subvención.

6. Ata dous meses antes da data de remate dos traballos, poderase solicitar unha modificación da resolución de aprobación para modificar ou reducir a superficie obxecto de axuda pola aparición de circunstancias técnicas non detectadas. Esta modificación, que poderá aprobarse logo do informe favorable do Servizo de Montes provincial, non poderá superar en ningún caso a superficie de actuación inicialmente aprobada. Para tramitar a solicitude de modificación da resolución de aprobación deberá estar asinada pola persoa beneficiaria da axuda, explicar os motivos da dita solicitude e deberá entregar un ficheiro shapefile coa nova superficie proposta, que poderá incluír parcelas Sixpac novas. No caso de non contestación á solicitude de modificación, entenderase desestimada.

Artigo 22. Xustificación das actuacións a través de módulos

1. A data límite de xustificación da execución das actuacións do módulo de silvicultura produtiva de coníferas, do módulo de silvicultura non produtiva de frondosas, do módulo de silvicultura básica para a rehabilitación de soutos de castiñeiros e do módulo de silvicultura básica para a rehabilitación de soutos de castiñeiros e poda para formación de copas será o 30 de xuño de 2027, podendo presentarse a correspondente xustificación en calquera momento desde a data de notificación da resolución de concesión ata o remate do citado prazo.

2. As persoas beneficiarias deberán presentar, xunto coa solicitude de pagamento (anexo V), a documentación xustificativa acreditativa do cumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención, que constará dos seguintes documentos:

a) Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos. Deberá estar asinada por unha persoa titulada en enxeñaría de montes ou enxeñaría técnica forestal, ou titulada universitaria de grao ou posgrao en materia forestal.

b) Unha memoria económica xustificativa que conterá, como mínimo, os seguintes aspectos:

i. Acreditación sobre o número de unidades físicas consideradas como módulo, asinada por unha persoa titulada en enxeñaría de montes ou enxeñaría técnica forestal, ou titulada universitaria de grao ou posgrao en materia forestal.

ii. Contía da subvención calculada sobre a base das actividades cuantificadas na memoria de actuación e os módulos previstos na orde de convocatoria, asinada por unha persoa titulada en enxeñaría de montes ou enxeñaría técnica forestal, ou titulada universitaria de grao ou posgrao en materia forestal.

iii. Un detalle doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada, con indicación do importe e a súa procedencia, no cal deberá figurar a sinatura da persoa solicitante ou representante.

c) Para a liña I (Subintervención 6883_02-Investimentos forestais produtivos_2, que financia actuacións de silvicultura produtiva de coníferas).

i. O informe técnico sobre os rareos que deberá conter os puntos e información que se relaciona no anexo de condicións e características técnicas das actuacións da subintervención (anexo VIII), asinado por unha persoa titulada en enxeñaría de montes ou enxeñaría técnica forestal, ou titulada universitaria de grao ou posgrao en materia forestal.

ii. Informe sobre as operacións de control do aproveitamento e, de ser o caso, das parcelas de contraste, asinado por unha persoa titulada en enxeñaría de montes ou enxeñaría técnica forestal, ou titulada universitaria de grao ou posgrao en materia forestal.

d) Arquivo gráfico (medición con GPS) en formato dixital SHP coa superficie afectada polas actuacións subvencionadas, coas mesmas características que o ficheiro que figura no anexo XI.

e) Certificado final de obra emitido polo técnico responsable dos tratamentos silvícolas, en que figure unha relación valorada dos traballos executados.

f) Só no caso de CMVMC, xustificación do cumprimento da obriga de comunicación establecida no artigo 125.7 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, tendo en conta que as cotas mínimas de reinvestimento das CMVMC serán do 40 % de todos os ingresos xerados. No caso de ter un reinvestimento superior ao mínimo legal, debe indicarse esa porcentaxe.

g) No caso de cesión do dereito de cobramento da axuda cun terceiro:

i) Comunicación da cesión do dereito de cobramento, conforme o modelo que figura no anexo VI desta orde. No caso de que a persoa cedente do dereito de cobramento sexa unha persoa xurídica, será necesario acreditar a autorización, do órgano de decisión correspondente, para efectuar a cesión do dereito de cobramento a favor da persoa cesionaria. No caso particular das CMVMC, o anexo será asinado pola presidencia da CMVMC en nome da comunidade e deberá constar o certificado do secretario da comunidade en que indique que a asemblea xeral autorizou, expresamente, o presidente para asinar a dita cesión de cobramento.

ii) Copia do documento público ou privado no cal se formalizou a cesión. No caso de documento privado, este deberá estar asinado electronicamente. No caso de documento público, xustificación da liquidación do imposto de transmisións patrimoniais de actos xurídicos documentados (ITPAXD).

Artigo 23. Pagamento

1. Recibida a solicitude de pagamento e a documentación complementaria, o servizo provincial de montes analizará a documentación xustificativa acreditativa do cumprimento e realización das actuacións do módulo que son obxecto de subvención e emitirá unha proposta de pagamento, que elevará á Subdirección Xeral de Recursos Forestais.

2. Os pagamentos calcularanse sobre a base dos importes que se consideren subvencionables durante os controis administrativos realizados por persoal da consellería competente no medio rural, que examinará a solicitude de pagamento presentada pola persoa beneficiaria e realizará unha visita in situ aos terreos onde se realizaron as actuacións do módulo e determinará os importes subvencionables. No caso de existir sobredeclaración, procederá a penalización de conformidade co establecido no artigo 51 do Real decreto 147/2023, do 28 de febreiro, polo que se establecen as normas para a aplicación de penalizacións nas intervencións recollidas no Plan estratéxico da política agrícola común, e se modifican varios reais decretos polos que se regulan distintos aspectos relacionados coa aplicación en España da política agrícola común para o período 2023-2027.

A visita aos terreos onde se realizaron as actuacións do módulo será comunicada con antelación á persoa beneficiaria e ao técnico responsable dos tratamentos silvícolas.

3. O pagamento efectuarase de forma nominativa a favor das persoas beneficiarias (e no número de conta indicado no anexo I) e despois da acreditación e comprobación da realización con conformidade das actuacións do módulo para a liña I ou III ou as actuacións necesarias para a xestión forestal activa de frondosas do módulo II. No caso de que na visita in situ se determine que na superficie obxecto de axuda non se executaron con conformidade aos requisitos da orde de convocatoria algunha/s das actuacións do módulo, o importe da axuda decaerá no importe do módulo correspondente á superficie con execucións deficientes ou, de ser o caso, na súa totalidade.

4. A Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal poderá solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que considere axeitado.

5. Malia o anterior, no caso de que a persoa beneficiaria concerte con terceiros a execución total das actividades obxecto de subvención e se acolla á cesión do dereito de cobramento, establecido no número 3 do artigo 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considerarase efectivamente pagado o gasto coa cesión do dereito de cobramento da subvención a favor das persoas cesionarias.

Artigo 24. Contratación

A persoa beneficiaria poderá concertar con terceiros a execución total das actividades que constitúe o obxecto da subvención, salvo que o impida a súa natureza, nos termos recollidos no artigo 27 e concordantes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 25. Reintegros e penalizacións

1. Procederá o reintegro total ou parcial das axudas concedidas ao abeiro desta orde e dos xuros de demora correspondentes no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, dos requisitos establecidos no articulado desta orde e, en xeral, nos casos establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Sen menoscabo do establecido no primeiro parágrafo, ás persoas beneficiarias das axudas reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de reintegro previsto nos título II Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Aplicarase a penalización tras os controis de subvencionalidade dos gastos da solicitude de pagamento segundo o establecido no artigo 51 do Real decreto 147/2023, do 28 de decembro, polo que se establecen as normas para a aplicación de penalizacións nas intervencións recollidas no Plan estratéxico da política agrícola común, e modifícanse varios reais decretos polos que se regulan distintos aspectos relacionados coa aplicación en España da política agrícola común para o período 2023-2027. A penalización para aplicar calcularanse en función dos importes que non resulten subvencionables tras os controis administrativos realizados por persoal da consellería competente no medio rural, que examinará a solicitude de pagamento presentada polo beneficiario e determinará os importes subvencionables e os que non o son. Ademais, fixará:

a) O importe pagadeiro á persoa beneficiaria en función da solicitude de pagamento e a decisión de concesión. No caso de que o primeiro sexa superior ao segundo, o importe solicitado axustarase ao límite da concesión.

b) O importe pagadeiro á persoa beneficiaria logo do exame da subvencionabilidade do gasto que figure na solicitude de pagamento.

Se o importe fixado conforme a letra a) supera o importe fixado conforme a letra b) en máis dun 10 %, aplicarase unha penalización ao importe fixado conforme a letra b). O importe da penalización será igual á diferenza entre eses dous importes, pero non irá máis alá do importe solicitado.

3. Procederá a penalización por incumprimento dos requisitos de subvencionablidade establecida no artigo 52 do Real decreto 147/2023, do 28 de decembro, que se aplicará segundo a seguinte cualificación:

a) Execucións entre o 60 % e o 80 % do importe concedido en relación co importe controlado tras o estudo de admisibilidade da solicitude de pagamento; incumprimento que dá lugar a unha redución do importe de axuda ao 50 %.

b) Execucións inferiores ao 60 % do importe concedido en relación co importe controlado tras o estudo de admisibilidade da solicitude de pagamento; incumprimento que dá lugar á perda do dereito ao cobramento do 100 % da axuda.

4. Non se imporán penalizacións nos supostos relacionados no artigo 5 do Real decreto 147/2023, do 28 de decembro, polo que se establecen as normas para a aplicación de penalizacións nas intervencións recollidas no Plan estratéxico da política agrícola común, e modifícanse varios reais decretos polos que se regulan distintos aspectos relacionados coa aplicación en España da política agrícola común para o período 2023-2027.

Artigo 26. Financiamento e distribución do crédito

1. O financiamento das axudas recollidas nesta orde efectuarase, nos exercicios 2026 e 2027, con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias segundo a subintervención:

Liña (subintervención)

Aplicación orzamentaria

Ano 2026

Ano 2027

Total

Liña I (6883_02)

15.03.713B.770.0 2024 00100

660.000

6.340.000

7.000.000

Liña II (68814_05)

15.03.713B.770.0 2024 00104

570.000

5.430.000

6.000.000

Liña III (68814_06)

15.03.713B.770.0 2024 00114

500.000

1.500.000

2.000.000

Total

1.730.000

13.270.000

15.000.000

As axudas destinadas as actuacións previstas na liña I (Intervención 6883-Investimentos forestais produtivos-Subintervención 6883_02-Investimentos forestais produtivos_2, que financia actuacións de silvicultura produtiva de coníferas, do PEPAC 2023-2027 de Galicia), están financiadas polo Feader, nun 60 %; o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, nun 12 %, e a Xunta de Galicia, nun 28 %.

As axudas destinadas ás actuacións previstas na liña II (Intervención 6881.4-Investimentos forestais non produtivos en actuacións silvícolas con obxectivos ambientais-Subintervención 68814_05-Silvicultura con obxectivos ambientais e outros fins non produtivos, que financia actuacións non produtivas de silvicultura de frondosas, do PEPAC 2023-2027 de Galicia), están financiadas polo Feader, nun 80 %; o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, nun 16 %, e a Xunta de Galicia, nun 4 %.

As axudas destinadas ás actuacións previstas na liña III (Intervención 6881.4-Investimentos forestais non produtivos en actuacións silvícolas con obxectivos ambientais-Subintervención 68814_06-Silvicultura con obxectivos ambientais e outros fins non produtivos + uso público, que financia actuacións de rehabilitación de soutos de castiñeiros, do PEPAC 2023-2027 de Galicia), están financiadas polo Feader, nun 80 %; o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, nun 16 %, e a Xunta de Galicia, nun 4 %.

2. Do crédito de cada subintervención resérvanse as seguintes porcentaxes da dispoñibilidade orzamentaria indicada na epígrafe anterior segundo o tipo de beneficiario:

a) Agrupacións forestais de xestión conxunta rexistrada no rexistro correspondente (incluído Sofor): 40 %.

b) CMVMC: 40 %.

c) Propietario particular, asociacións sen ánimo de lucro, sociedades civís e comunidades de bens, cooperativas e outras entidades de economía social, sociedades agrarias de transformación, sociedades mercantís reguladas na lexislación de sociedades de capital e calquera outra que teña por obxecto a recuperación, de forma conxunta, de terras forestais: 20 %.

No caso de que unha vez priorizados os expedientes solicitados non se consuma a totalidade do importe especificado nos distintos puntos da distribución do crédito detallado no parágrafo anterior, os importes sobrantes dos distintos puntos pasarán aos demais para facer fronte aos expedientes solicitados.

3. Esta orde tramítase mediante tramitación anticipada de gasto, conforme o establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, polo que queda condicionada a súa eficacia a que exista crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026.

4. Sen prexuízo das contías indicadas anteriormente, existe a posibilidade de ampliación de crédito nos supostos previstos no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 xaneiro. Neste caso, o órgano concedente procederá a publicar esta ampliación nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

5. A distribución de fondos e aplicacións orzamentarias sinalados son unha previsión que, de acordo co artigo 31 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 xaneiro, se deberá axustar, tras a valoración das solicitudes para adecuarse á proposta elaborada pola subdirección xeral responsable dos recursos forestais recollida no artigo 17 da orde. Será posible incluso a incorporación de novas aplicacións sen incrementar o crédito total, tendo en conta a natureza xurídica das entidades beneficiarias.

Artigo 27. Infraccións e sancións

En materia de infraccións e sancións será de aplicación o disposto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no título II da Lei 30/2022, de 23 de decembro, pola que se regulan o sistema de xestión da política agrícola común e outras materias conexas, así como o Real decreto 147/2023, do 28 de decembro, polo que se establecen as normas para a aplicación de penalizacións nas intervencións recollidas no Plan estratéxico da política agrícola común, e se modifican varios reais decretos polos que se regulan distintos aspectos relacionados coa aplicación en España da política agrícola común para o período 2023-2027.

Artigo 28. Obrigas das persoas beneficiarias

1. As persoas beneficiarias destas subvencións e a persoa cesionaria do dereito de cobramento, se for o caso, están obrigadas a someteranse ás actuacións de comprobación e control que realice a Consellería do Medio Rural para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, á autoridade de control e aos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas da Unión Europea.

Despois da certificación final e pagamento da axuda a persoa beneficiaria e a persoa cesionaria do dereito de cobramento, se for o caso, deberá dispor á disposición dos citados órganos de control a documentación xustificativa dos gastos da totalidade dos traballos, dos pagamentos e demais documentación exixida pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa beneficiaria e á persoa cesionaria do dereito de cobramento, se for o caso.

A maiores, ao tratarse de axudas cofinanciadas cos fondos do Feader, deberán someterse aos específicos controis administrativos sobre o terreo e a posteriori, segundo o recollido no Regulamento de execución (UE) 2022/128 da Comisión, do 21 de decembro de 2021, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 2021/2116 do Parlamento Europeo e do Consello sobre os organismos pagadores e outros órganos, a xestión financeira, a liquidación de contas, os controis, as garantías e a transparencia, e o Real decreto 1047/2022, do 27 de decembro, polo que se regula o sistema de xestión e control das intervencións do Plan estratéxico e outras axudas da política agrícola común.

Ademais, deberán proporcionar á autoridade de xestión, aos avaliadores designados ou a outros organismos en que a dita autoridade delegue a realización deste tipo de tarefas toda a información necesaria para poder realizar o seguimento e a avaliación do programa, en particular en relación co cumprimento de determinados obxectivos e prioridades, de conformidade co disposto no Regulamento (UE) nº 2021/2115, do 2 de decembro de 2021.

2. A persoa beneficiaria e a persoa cesionaria do dereito de cobramento, se for o caso, está obrigada a someterse a calquera actuación que a Administración concedente poida realizar para comprobar a aplicación das axudas á finalidade que determinou a súa concesión, o cumprimento dos requisitos exixidos para a concesión e o pagamento da axuda e o mantemento das condicións establecidas nas bases reguladoras, a convocatoria e a resolución de concesión.

3. No caso de achado casual de obxectos e restos materiais que posúan valores que son propios do patrimonio cultural galego, o descubridor deberá comunicarllo inmediatamente á consellería competente en materia de cultura, de conformidade coa Lei 5/2016, do 4 de maio, pola que se regula o patrimonio cultural de Galicia.

4. As actuacións na zona lateral de protección do Camiño de Santiago serán comunicadas polo solicitante á consellería competente en materia de cultura, co obxecto de contar coa súa autorización previa, de conformidade coa Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.

5. Así mesmo, son obrigas das persoas beneficiarias da axuda as sinaladas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. As persoas beneficiarias ou outros organismos que participen na execución das intervencións están obrigadas a manter un sistema de contabilidade separado, ou ben un código contable axeitado para todas as transaccións relativas a unha operación, segundo o establecido no artigo 123.2.b).i) do Regulamento 2021/2115.

7. De conformidade co Regulamento (UE) 2021/2116 toda persoa ou entidade que reciba fondos da Unión debe cooperar na protección dos intereses financeiros desta. No caso de bases reguladoras, exíxese ás persoas ou entidades potenciais beneficiarias a obriga de asumir a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no ámbito de xestión da entidade, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeitas de fraude no ámbito dos fondos Feader.

Artigo 29. Medidas informativas e publicitarias

As persoas beneficiarias deben cumprir cos requisitos en materia de información, publicidade e visibilidade relacionados coas axudas da Unión e o Plan estratéxico da PAC recollidos no Regulamento de execución (UE) 2022/129 da Comisión, do 21 de decembro de 2021, e na Instrución AXR PEPAC 01/2023 Información, publicidade e visibilidade. En particular:

a) Todas as actividades de información e publicidade que leven a cabo as persoas beneficiarias deberán destacar o apoio dos fondos á operación incorporando:

a. O logo da Xunta de Galicia.

b. O emblema da Unión Europea e, xunto a el, a declaración «Financiado pola Unión Europea» ou «Cofinanciado pola Unión Europea», que figurará sen abreviar.

c. O logotipo xeral oficial do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA).

d. Referencia á axuda do Feader a través do PEPAC, indicando o cofinanciamento pola Unión Europea, a porcentaxe de cofinanciamento e o importe total da axuda.

b) Cando a persoa beneficiaria dispoña dun sitio web e/ou contas oficiais nas redes sociais, deberá incorporar, ademais do disposto no punto anterior, unha breve descrición da operación que recibe os fondos europeos, de maneira proporcionada ao nivel da axuda, e indicará os seus obxectivos e resultados.

c) As intervencións que reciban unha axuda pública total superior a 10.000 euros deberán colocar, polo menos, un panel de tamaño A3 (297×420 mm) nun lugar ben visible no terreo onde se realicen as actuacións obxecto de subvención, que fará referencia clara e inequívoca á axuda concedida con expresión dos datos identificativos desta orde, acompañados polo logotipo da Xunta de Galicia e da Consellería de Medio Rural, e o do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, destacando a axuda financeira recibida pola Unión (anexo XII).

Artigo 30. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 31. Réxime xurídico

1. As axudas reguladas nesta orde nas intervencións contidas no Plan estratéxico da política agraria común de España 2023-2027 (PEPAC) e cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), polo que o o marco normativo básico é o seguinte:

– Regulamento (UE) 2021/2115 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021, polo que se establecen normas en relación coa axuda aos plans estratéxicos que deben elaborar os Estados membros no marco da política agrícola común (plans estratéxicos da PAC), financiada con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e polo que se derrogan os regulamentos (UE) 1305/2013 e (UE) 1307/2013.

– Regulamento (UE) 2021/2116, do 2 de decembro de 2021, sobre o financiamento, a xestión e o seguimento da política agrícola común e polo que se derroga o Regulamento (UE) 1306/2013.

– Regulamento de execución (UE) 2022/129 da Comisión, do 21 de decembro de 2021, polo que se establecen normas para os tipos de intervención relativos ás sementes oleaxinosas, ao algodón e aos subprodutos da vinificación en virtude do Regulamento (UE) 2021/2115 do Parlamento Europeo e do Consello, así como para os requisitos en materia de información, publicidade e visibilidade relacionados coa axuda da Unión e os plans estratéxicos da PAC.

– Regulamento de execución (UE) 2022/128 da Comisión, do 21 de decembro de 2021, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 2021/2116 do Parlamento Europeo e do Consello sobre os organismos pagadores e outros órganos, a xestión financeira, a liquidación de contas, os controis, as garantías e a transparencia

– Regulamento de execución (UE) 2022/1475 da Comisión, do 6 de setembro de 2022, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 2021/2115 do Parlamento Europeo e do Consello no que incumbe á avaliación dos plans estratéxicos da PAC e á subministración de información para o seguimento e a avaliación.

– Plan estratéxico da PAC 2023-2027 (PEPAC) de España para a axuda da Unión financiada polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía e o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural, aprobado inicialmente por Decisión de execución da Comisión C(2022) 6017 final, do 31 de agosto de 2022, modificado pola Decisión de execución da Comisión C(2025) 5713 final, do 14 de agosto de 2025.

– Lei 30/2022, do 23 de decembro, pola que se regulan o sistema de xestión da política agrícola común e outras materias conexas.

– Real decreto 1047/2022, do 27 de decembro, polo que se regula o sistema de xestión e control das intervencións do Plan estratéxico e outras axudas da política agrícola común.

– Real decreto 147/2023, do 28 de febreiro, polo que se establecen as normas para a aplicación de penalizacións nas intervencións recollidas no Plan estratéxico da política agrícola común, e modifícanse varios reais decretos polos que se regulan distintos aspectos relacionados coa aplicación en España da política agrícola común para o período 2023-2027.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

– Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

– Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

– Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

– Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

– Decreto 167/2019, do 5 de decembro, polo que se crea e se regula o Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas.

– Orde do 19 de maio de 2014 pola que ese establecen os modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos e referentes de boas prácticas forestais para os distritos forestais de Galicia modificada pola Orde do 9 de febreiro de 2021 pola que se modifica o anexo I da Orde do 19 de maio de 2014.

– Circular de coordinación 37/2023 relativa ao Plan nacional de controis das intervencións de desenvolvemento rural non establecidas no ámbito do sistema integrado do período 2023/2027 incluídas no Plan estratéxico da política agrícola común.

– Plan galego de controis, Intervencións PEPAC 2023-2027-Réxime Feader non SIXC.

– Instrución AXR PEPAC 01/2023 Información, publicidade e visibilidade.

2. Sen prexuízo das normas específicas de aplicación para o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e para execución do Plan estratéxico da política agraria común de España 2023-2027 (PEPAC) que se poidan establecer, e en defecto do previsto nesta normativa, aplicaranse as normas de dereito administrativo, incluídas as sectoriais, así como as normas de dereito privado ou outras de ámbito nacional ou europeo que puidesen resultar aplicables.

Disposición adicional primeira. Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co establecido nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional segunda. Protección de datos das persoas físicas

De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Informarase aos beneficiarios da publicación de datos que lles concirnen de conformidade co artigo 98 do Regulamento (UE) 2021/2116 e de que os ditos datos poderán ser tratados por organismos de auditoría e investigación da Unión e dos Estados membros para protexer os intereses financeiros da Unión, de conformidade co artigo 99 do Regulamento (UE) 2021/2116.

Disposición derradeira primeira. Habilitación competencial

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal para que dite, no ámbito das súas competencias, as instrucións necesarias para a aplicación ou o cumprimento do establecido nesta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2025

María José Gómez Rodríguez
Conselleira do Medio Rural

ANEXO VII
Importes e características dos módulos de concesión e xustificación

a) Liña I (Subintervención 6883_02-Investimentos forestais produtivos_2, que financia actuacións de silvicultura produtiva de coníferas): módulos de silvicultura produtiva de coníferas, segundo o modelo silvícola seleccionado.

Código módulo*

Cód. MS

Obxectivo do MS

Especie

Importe (€/ha)

PIN

PP2

Madeira de serra e chapa. 400-500 pés/ha de calidade de corta final

Piñeiro do país (Pinus pinaster Ait.)

3.694,02

PP3

Madeira técnica e quenda curta

Piñeiro do país (Pinus pinaster Ait.)

2.648,39

PR2

Madeira de serra e chapa. 250-300 pés/ha de calidade de corta final

Piñeiro insigne (Pinus radiata D. Don.)

2.935,61

PR3

Madeira técnica e quenda curta

Piñeiro insigne (Pinus radiata D. Don.)

2.648,39

PS1

Produción multifuncional. Madeira de serra e chapa. 250 pés/ha de calidade en corta final

Piñeiro silvestre (Pinus sylvestris L.)

3.070,62

PN1

Madeira de serra e chapa. 250 pés/ha de calidade de corta final

Piñeiro negral (P. nigra subsp. salzmannii var. corsicana)

3.070,62

PM1

Madeira de serra e chapa. 200 pés/ha de calidade de corta final

Piñeiro de Oregón (Pseudotsuga menziesii Mirb. Franco)

2.952,82

*O código deste módulo será PIN-código MS (por exemplo: PIN-PP2)

b) Liña II (Subintervención 68814_05-Silvicultura con obxectivos ambientais e outros fins non produtivos, que financia actuacións non produtivas de silvicultura de frondosas): módulo de silvicultura non produtiva de frondosas.

Código módulo

Obxectivo do módulo

Especie

Importe (€/ha)

FRO

Tratamentos silvícolas en masas de frondosas con obxectivos ambientais e non produtivos, as actuacións elixibles non conducirán a un aumento significativo do valor ou rendibilidade da masa forestal

Masas de frondosas das relacionadas no anexo I da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, salvo masas da especie Castanea sativa mill. e Castanea x hybrida

2.483,87

c) Liña III (Subintervención 68814_06-Silvicultura con obxectivos ambientais e outros fins non produtivos + uso público, que financia actuacións de rehabilitación de soutos de castiñeiros).

c1) Liña III-A: módulo de silvicultura básica para a rehabilitación de soutos de castiñeiros.

Código módulo

Obxectivo do módulo

Especie

Importe (€/ha)

CAST-1

Tratamentos silvícolas necesarios, excluída a poda, para a xestión e o aproveitamento con obxectivos ambientais e non produtivos, así como para a restauración dos ecosistemas formados por soutos de castiñeiro

Soutos de castiñeiros da especie Castanea sativa mill. e Castanea x hybrida e unha densidade mínima de 50 pés/ha se aplica o modelo CS3 e a establecida no modelo silvícola para o CS1 no caso de ser o que se aplica

2.299,11

c2) Liña III-B: módulo de silvicultura básica para a rehabilitación de soutos e poda para renovación de copas.

Código módulo

Obxectivo do módulo

Especie

Importe (€/ha)

CAST-2

Tratamentos silvícolas necesarios, incluída a poda de renovación de copas, para a xestión e o aproveitamento con obxectivos ambientais e non produtivos, así como para a restauración dos ecosistemas formados por soutos de castiñeiro

Soutos de castiñeiros cunha densidade mínima de 50 pés/ha, especie Castanea sativa mill. e Castanea x hybrida; sobre o que se aplique o modelo silvícola CS3.

4.344,77

ANEXO VIII
Actuación do módulo de silvicultura produtiva de coníferas, condicións
e requisitos técnicos mínimos (Subintervención 6883_02) liña I

Actuación

Requisitos técnicos

Roza de penetración

Antes do comezo dos traballos opcionalmente poderase realizar unha roza para facilitar o acceso ao piñeiral

Formulación do informe técnico sobre os rareos a 5-7 anos

O informe técnico sobre os rareos, que deberá contar cun mínimo de dous rareos, deberá conter os seguintes puntos e información:

A) Os parámetros que se estudarán no informe técnico sobre os rareos por estrato serán os seguintes:

• Planimetría dos estratos da masa obxecto do informe técnico sobre os rareos

• Modelo silvícola ao cal está adherido cada estrato

• Especie ou especies principais

• Orixe da masa: masas artificiais ou de rexeneración natural

• Caracterización do mato acompañante

• Idade media da masa por estrato

• Área basimétrica

• Altura dominante, que poderá ser obtida con tecnoloxía LiDAR

• Densidade nº de pés/ha

• Diámetro medio cuadrático

• Volume da árbore media

• Superficie de cada estrato

B) A caracterización do primeiro rareo por estrato, que se realizará tendo en conta os seguintes parámetros:

1. Xustificación técnica do rareo que se vai realizar: xustificarase tecnicamente a necesidade do rareo, e estableceranse os criterios básicos para a selección dos pés que se van extraer, os cales deberán priorizar a extracción dos pés mortos, enfermos, danados, dobres, bifurcados, con guía morta, dominados, mal conformados, e os necesarios para aproximar a silvicultura da masa ao modelo silvícola de referencia. Pódese empregar como referencia a publicación Ferramentas silvícolas para a xestión forestal sustentable en Galicia
(https://mediorural.xunta.gal/sites/default/files/publicacions/2019-10/herramientas_selvicolas.pdf)

2. Tipo de rareo: sistemático, mixto ou selectivo

3. Peso: porcentaxe de área basimétrica que se vai extraer (límites superior e inferior) ou número de pés por ha que se van extraer (límites superior e inferior)

4. Volume aproximado que se vai extraer

5. Taxación aproximada do aproveitamento

C) Memoria técnica do estado final da masa tras a execución do 1º rareo por estrato. A memoria analizará o grao de consecución dos obxectivos propostos no informe técnico sobre os rareos, incluíndo unha reportaxe fotográfica de cada estrato tras o rareo executado, e indicando, en todo caso, o número de pés finais e a altura dominante en cada un dos estratos. Para a estimación da altura dominante poderá empregarse tecnoloxía LiDAR.

Formulación do informe técnico sobre os rareos a 5-7 anos

D) Caracterización do segundo rareo cos mesmos parámetros que no primeiro.

Debe terse en conta que a orde de modelos silvícolas establece unha posible desviación de 25 % respecto do modelo silvícola de adhesión (artigo 8 da Orde do 19 de maio de 2014 pola que se establecen os modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos e referentes de boas prácticas forestais para os distritos forestais de Galicia, modificada pola Orde do 9 de febreiro de 2021 pola que se modifica o anexo I).

Selección de pés de porvir e control de pés de extraer

A dirección técnica fará un control cualitativo e cuantitativo dos pés de extraer e dos pés de porvir, durante a execución do rareo. A selección dos pés farase con criterios acordes á mellora da calidade futura da madeira no momento das cortas finais, e atendendo en todo caso aos obxectivos e criterios marcados no informe técnico sobre os rareos.

Podas altas sobre os pés que se deixen para corta final

Poda alta en masas de coníferas, ata acadar fustes libres de ramas de polo menos 5,50 m nos pés que se deixen para corta final. En xeral, podaranse, como mínimo, o número de pés que establece o modelo silvícola para corta final. Nos modelos silvícolas PR3 e PP3 podaranse, como mínimo, os mellores 100 pés/ha.

Operacións de control do aproveitamento do primeiro rareo planificado

O control do aproveitamento do primeiro rareo consistiría en supervisión de camións que entran e saen do monte e con que tipoloxía de madeira saen (serra ou trituración). Tamén se poderán realizar parcelas de contraste. En montes de xestión pública observarase o previsto na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Trituración ou extracción dos restos dos tratamentos

A actuación consistirá na eliminación da totalidade dos restos de podas e/ou rareos, sen danar o arboredo de porvir. En caso de que sexa preciso, procederase ao acordoado dos restos para a súa posterior eliminación. A eliminación consistirá na trituración dos restos con rozadoira mecanizada (de cadeas ou martelos), realizando o número de pasadas necesarias para acadar a correcta trituración dos restos. Alternativamente, poderase substituír a eliminación in situ pola extracción dos restos.

ANEXO IX
Actuación do módulo de silvicultura non produtiva de frondosas e condicións
e requisitos técnicos mínimos (Subintervención 68814_05) liña II

Actuación

Requisitos técnicos e condicións técnicas mínimas

A densidade final mínima despois do tratamento será de 400 pés/ha e a máxima de 1.200 pés/ha.

Roza

A roza deberá ser do 100 % da superficie, e unha vez realizado o traballo a altura da vexetación leñosa non poderá superar os 10 cm.

Se na superficie de actuación hai pés puntuais doutras especies arbóreas que non sexan frondosas autóctonas deberán eliminarse, salvo xustificación técnica.

As rozas serán selectivas e afectarán preferentemente as especies heliófilas ou cuxo excesivo desenvolvemento poida comprometer a viabilidade do arboredo ou a biodiversidade das especies de subpiso da masa consolidada de frondosas. Ademais, é obrigatorio a eliminación de eucalipto (Eucalyptus sp.), acacia negra (Acacia melanoxylon), mimosa (Acacia dealbata) falsa acacia (Robinia pseudoacacia) e piñeiros (Pinus sp.).

Formación de guías

Formación de guías en que se manifeste nitidamente a dominancia apical e/ou poda ata 1/3 da altura como mínimo

Desmestas (nestas superficies é obrigatorio a eliminación de pés de eucalipto (Eucalyptus sp.), acacia negra (Acacia melanoxylon), mimosa (Acacia dealbata) e/ou por falsa acacia (Robinia pseudoacacia)

O diámetro normal mínimo para realizar as desmestas será de 7 cm, por debaixo deste diámetro considérase roza.

A intensidade das desmestas será a establecida para a idade da masa no instrumento de ordenación ou xestión forestal do monte, de ser o caso, ou no modelo silvícola a que estea adherido o monte, agás nos seguintes casos, que non poderán excluírse da superficie obxecto de axuda:

– Superficies ocupadas por eucalipto (Eucalyptus sp.) con diámetro normal medio inferior a 10 cm.

– Superficies ocupadas por acacia negra (Acacia melanoxylon), mimosa (Acacia dealbata) e/ou falsa acacia (Robinia pseudoacacia).

Selección de abrochos

O diámetro mínimo unha vez feita a selección será de 5 cm. Unha vez feito o tratamento, deixaranse un máximo de 3 abrochos por cepa.

Extracción, trituración ou picado dos restos dos tratamentos

Unha vez rematados os traballos é obrigatoria a extracción, a trituración ou o picado dos restos que se obteñan coma consecuencia do tratamento.

Prohíbese o picado en masas afectadas por pragas ou enfermidades, sendo obrigatorio neste caso a extracción ou eliminación non mecánica. De ser o caso, debe cumprise o establecido na lexislación sectorial sobre a prevención de incendios forestais.

Os restos dos tratamentos xestionados mediante picado ten que ter un diámetro mínimo de 7 e máximo de 15 cm. Os restos picados deben ter unha lonxitude inferior a 50 cm e unha distribución uniforme.

ANEXO X

1. Actuación do módulo de silvicultura básica para rehabilitación de soutos de castiñeiros, condicións e requisitos técnicos mínimos (Subintervención 68814_06) liña III-A.

Actuación

Requisitos técnicos e condicións técnicas mínimas

A densidade final mínima despois do tratamento será de 50 pés/ha se aplica o modelo CS3 e a establecida no modelo silvícola para o CS1 no caso de ser o que se aplica. A densidade final mínima poderá ser acadada con plantacións puntuais de pés da especie Castanea sativa mill. e Castanea x hybrida

Roza

As rozas serán selectivas e afectarán preferentemente as especies heliófilas ou cuxo excesivo desenvolvemento poida comprometer a viabilidade do arboredo ou a biodiversidade das especies de subsolo do souto. Ademais, é obrigatorio a eliminación de eucalipto (Eucalyptus sp.), acacia negra (Acacia melanoxylon), mimosa (Acacia dealbata), falsa acacia (Robinia pseudoacacia) e piñeiros (Pinus sp.)

Eliminación de abrochos secundarios ou chupóns

O diámetro mínimo dos abrochos que quedan unha vez feita a eliminación será de 5 cm. Deixaranse como máximo unha vez feito o tratamento un máximo de 3 abrochos por cepa.

Os chupóns serán eliminados na súa totalidade.

Os cortes deben ser tratados con funxicidas de acción preventiva, produtos a base de cobre, pastas protectoras naturais etc. para favorecer a cicatrización e previr a colonización de axentes patóxenos externos

Eliminación non mecánica ou extracción dos restos dos tratamentos

Unha vez rematados os traballos é obrigatoria a eliminación non mecánica ou a extracción dos restos que se obteñan como consecuencia do tratamento. De ser o caso, debe cumprise o establecido na lexislación sectorial sobre a prevención de incendios forestais

Características da planta das plantacións puntuais

– Empregarase planta enxertada sobre portaenxertos de castiñeiro con algunha das seguintes variedades: castiñeiro enxertado sobre Castanea sativa mill. ou Castanea x hybrida (resistente á tinta) (enxerto das variedades Amarelante, De parede, Famosa, Garrida, Longal, Luguesa, Negral, Ventura e Xudía; como polinizadoras: Negral, Picona e Rapada)

– A planta debe ser adquirida a produtores de planta de castiñeiro para froito que estean dados de alta no Rexistro de Operadores Profesionais de Vexetais (ROPVEG)

2. Actuación do módulo de silvicultura básica para rehabilitación de soutos e poda de renovación de copas, condicións e requisitos técnicos mínimos (Subintervención 68814_06), liña III-B.

Actuación

Requisitos técnicos e condicións técnicas mínimas

A densidade final mínima despois do tratamento será de 50 pés/ha. Só se aplica o modelo silvícola CS3

Roza

As rozas serán selectivas e afectarán preferentemente as especies heliófilas ou cuxo excesivo desenvolvemento poida comprometer a viabilidade do arboredo ou a biodiversidade das especies de subsolo do souto. Ademais, é obrigatorio a eliminación de eucalipto (Eucalyptus sp.), acacia negra (Acacia melanoxylon), mimosa (Acacia dealbata), falsa acacia (Robinia pseudoacacia) e piñeiros (Pinus sp.)

Eliminación de abrochos secundarios ou chupóns

O diámetro mínimo dos abrochos que quedan unha vez feita a eliminación será de 5 cm. Deixaranse como máximo unha vez feito o tratamento un máximo de 3 abrochos por cepa.

Os chupóns serán eliminados na súa totalidade.

Os cortes deben ser tratados con funxicidas de acción preventiva, produtos a base de cobre, pastas protectoras naturais etc. para favorecer a cicatrización e previr a colonización de axentes patóxenos externos

Podas de renovación de copas

Podas das ramas envellecidas e/ou de baixa produción de castaña; a renovación planificarase de modo progresivo e evitando descabezar toda a árbore.

O obxectivo é formar un fuste con moitas polas, con ampla copa aberta e cunha gran ramificación.

Ten gran importancia todas as medidas de prevención fitosanitaria, polo que os cortes deben ser tratados con funxicidas de acción preventiva, produtos a base de cobre, pastas protectoras naturais etc. para favorecer a cicatrización e previr a colonización de axentes patóxenos externos

Eliminación non mecánica ou extracción dos restos dos tratamentos

Unha vez rematados os traballos é obrigatoria a eliminación non mecánica ou a extracción dos restos que se obteñan como consecuencia do tratamento. De ser o caso, debe cumprise o establecido na lexislación sectorial sobre a prevención de incendios forestais

ANEXO XI
Instrucións de remisión da información

E co fin de asegurar unha homoxeneidade na información vectorial subministrada, detállase a continuación o modelo de datos e codificación alfanumérica das entidades vectoriais (polígonos) que deberán figurar nos arquivos que se van entregar:

Formato: shapefile (a información subministrarase nos arquivos que compoñen o formato shapefile). Ademais, dos arquivos dbf, shp, shx, é necesario o arquivo coa extensión «prj», coa información do sistema de referencia, que se comprobará para ver que se corresponde co ETRS89 en coordenadas UTM sobre o fuso 29N (EPSG 25829).

Nome do arquivo: coincidente co código completo do expediente de axudas coa separación do ano mediante guión baixo (nos arquivos do shapefile). No caso de non ter o número de expediente de axudas, poñerase o NIF do solicitante, sen letra e o ano. Exemplo: 30150001_2025/99999999_2025.

Datum e proxección: ETRS89 en coordenadas UTM sobre o fuso 29N (EPSG 25829).

Sixpac: no proxecto técnico indicarase o ano do Sixpac respecto do cal se toman os datos que figuran no proxecto: 2024 ...

Información alfanumérica asociada ás entidades vectoriais:

Táboa: descrición detallada da información alfanumérica asociada ás entidades vectoriais.

Nome do campo

Características

Observacións

Cod

Numérico enteiro (curto) de tres caracteres

Serán números correlativos comezando polo 1

Sub_Cod

Numérico enteiro (curto) de tres caracteres

Segundo os subrecintos en que se divida un recinto ao ter diferentes tipos de traballo. Serán: 0→ningún, 1→un, 2→dous...

Cod_exp

Alfanumérico (texto/cadea de caracteres/string) de 13 caracteres

Código completo do expediente de axudas (ou do NIF se non hai número de expediente). Exemplo: 30150001_2025 (co guión baixo)/33333333_2025

Prov

Numérico enteiro (curto) de dous caracteres

Segundo o Sixpac. Exemplo: provincia A Coruña→15

Conc

Numérico enteiro (longo) de cinco caracteres

Segundo o Sixpac. Lémbrase que deberá ser «prov+conc». Exemplo: provincia A Coruña (15), concello Carballo (19)→15019

Agreg

Numérico enteiro (curto) de tres caracteres

Segundo o Sixpac

Zona

Numérico enteiro (curto) de tres caracteres

Segundo o Sixpac

Polig

Numérico enteiro (longo) de seis caracteres

Segundo o Sixpac

Parc

Numérico enteiro (longo) de seis caracteres

Segundo o Sixpac

Recin

Numérico enteiro (longo) de seis caracteres

Segundo o Sixpac

REFCAT

Alfanumérico (texto/cadea caracteres/string) de 14 caracteres

Código da referencia catastral obtida da sede electrónica do Catastro

Sup_Tot

Numérico (dobre) de dez caracteres con 2 decimais

Superficie total do recinto segundo o Sixpac, en hectáreas redondeadas a dous decimais

Sup_Act

Numérico (dobre) de dez caracteres e ata 2 decimais

Superficie de actuación no recinto, que deberá coincidir coa súa intersección co Sixpac, en hectáreas redondeadas a dous decimais

Mouteira

Alfanumérico (texto/cadea de caracteres/string) de 3 caracteres

Identificación da mouteira a que pertence o recinto: 1, 2... (posibilidade de incluír letras, nunca acentuadas)

Mod-silv

Alfanumérico (texto/cadea de caracteres/string) de 10 caracteres

Código do MS seleccionado entre os indicados nos artigos 5, 6 ou 7: PP2, PP3...

Modulo

Alfanumérico (texto/cadea de caracteres/string) de 10 caracteres

Módulo de concesión/xustificación segundo anexo VII: CAST-1, FRO, PIN-PP2*...

*O código do módulo de silvicultura de coníferas é o indicado no anexo VII (código do módulo-código MS, por exemplo: PIN-PP2).

Nos casos que non exista valor para o campo poñerase «0» ou «---», sempre que o admita.

ANEXO XII
Paneis e placas

missing image file

Nota: o logotipo da empresa executora pódese incluír pero non pode estar ao carón do logo da Unión Europea.

Dimensións aproximadas do panel: A3 (altura 297 mm, longo 420 mm).

As placas serán de material resistente (ríxido ou semirríxido), non sendo admisibles a simple impresión en papel.

Ten que localizarse nun lugar visible no terreo obxecto de actuación.

• Publicación en medios de comunicación ou soporte dixital.

No suposto de publicidade en medios de comunicación deberá incluírse:

missing image file

ANEXO XIII
Procedemento para aproveitamentos madeireiros en terreos forestais conveniados coa administración forestal que se acollan ao establecido na disposición transitoria décimo sexta da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia

1. O procedemento iníciase por instancia de parte, e ten por obxecto autorizar a adxudicación de rareas dos montes de xestión pública directamente polas persoas propietarias ou titulares dos dereitos de aproveitamento dos ditos montes.

2. A instancia deberá acompañarse da certificación de ter tomado o acordo de acollerse ao previsto na dita disposición transitoria décimo sexta, conforme a normativa que regule a adopción de acordos no monte ou terreo forestal de que se trate.

3. Na dita solicitude indicarase, segundo a codificación e nomenclatura prevista no instrumento de ordenación ou xestión forestal, cales son os aproveitamentos que se pretenden realizar.

4. Será preciso que as persoas propietarias acheguen un informe de cubicación e taxación que poderá basearse nas previsións do instrumento de ordenación ou xestión forestal, asinado por persoal técnico competente en materia forestal. Este informe terá carácter estimativo e será actualizado e completado co informe técnico sobre os rareos a 5-7 anos, incluído no módulo de silvicultura produtiva de coníferas.

5. Este informe conterá para cada aproveitamento o procedemento proposto (risco e ventura ou resultas de liquidación final), unha descrición do método empregado, a zonificación realizada, a identificación das especies presentes, o número de pés por especie e os valores de volume por especie e produto (rolla de 1ª e 2ª, puntal) de forma estimativa.

Os datos deberán entregarse tamén en formato shp, constando na táboa de atributos de cada unha das zonas de corta os datos anteriores.

6. Na eventual resolución de autorización figurarán os pregos que rexerán os aproveitamentos e as condicións que garantan o cumprimento das porcentaxes de reinvestimento e devolución da débeda xerada polos investimentos da Administración que correspondan, así como as exixencias de concorrencia que se indican a continuación.

7. Unha vez recibida a comunicación, as persoas propietarias procederán á adxudicación para o que será preciso realizar cando menos 3 invitacións por cada un dos lotes.

A CMVMC remitirá á xefatura territorial da Consellería do Medio Rural unha proposta de adxudicación xunto coas invitacións remitidas e as ofertas recibidas.

8. Unha vez recibida a dita proposta, que deberá cumprir cos requirimentos indicados anteriormente, a dirección territorial procederá á adxudicación e a tramitación continuará do xeito habitual, segundo o regulado no Decreto 244/1998, do 24 de xullo, polo que se regulan os alleamentos dos aproveitamentos forestais en montes xestionados pola Comunidade Autónoma de Galicia e o previsto no Sistema de xestión forestal sustentable da Xunta de Galicia, tanto no Manual coma nos procedementos PR006_Control dos aproveitamentos madeireiros e PR009_Xestión da venda de madeira certificada.

Toda a tramitación se realizará na aplicación CORPU, consignando o tipo de procedemento «Disposición décimo sexta-Adxudicación directa».

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file