DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Venres, 9 de xaneiro de 2026 Páx. 1429

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 19 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas, en concorrencia competitiva, para silvicultura produtiva de coníferas e para actuacións silvícolas con obxectivos ambientais e non produtivos en frondosas e na rehabilitación de soutos de castiñeiros, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desarrollo Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da política agrícola común de España para o período 2023-2027, e se convoca para o ano 2026 (código de procedemento MR605C).

BDNS (Identif.): 880302.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3 b) e 20.8 a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/880302

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/880311

Os códigos asignados pola BDNS corresponden a un mesmo texto de convocatoria.

Primeiro. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regulan as axudas para silvicultura produtiva de coníferas e para actuacións silvícolas con obxectivos ambientais e non produtivos en frondosas e na rehabilitación de soutos de castiñeiros, en réxime de concorrencia competitiva, e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento MR605C).

2. Nesta orde inclúense as seguintes intervencións contidas no Plan estratéxico da política agraria común de España 2023-2027 (PEPAC) e cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader):

a) Intervención 6883-investimentos forestais produtivos.

• Subintervención 6883_02-Investimentos forestais produtivos_2, que financia actuacións de silvicultura produtiva de coníferas (liña I).

b) Intervención 6881.4-Investimentos forestais non produtivos en actuacións silvícolas con obxectivos ambientais.

• Subintervención 68814_05-Silvicultura con obxectivos ambientais e outros fins non produtivos, que financia actuacións non produtivas de silvicultura de frondosas (liña II).

• Subintervención 68814_06-Silvicultura con obxectivos ambientais e outros fins non produtivos, que financia actuacións de rehabilitación de soutos de castiñeiros (liña III).

Segundo. Bases reguladoras

Orde do 19 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas, en concorrencia competitiva, para silvicultura produtiva de coníferas e para actuacións silvícolas con obxectivos ambientais e non produtivos en frondosas e na rehabilitación de soutos de castiñeiros, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da política agrícola común de España para o período 2023-2027, e se convoca para o ano 2026 (código de procedemento MR605C).

Terceiro. Beneficiarios

1. Na liña I (Subintervención 6883_02-Investimentos forestais produtivos_2, que financia actuacións de silvicultura produtiva de coníferas) poderán ser persoas beneficiarias as agrupacións forestais de xestión conxunta (AFXC) que estean inscritas no correspondente rexistro antes de que finalice o prazo de presentación das solicitudes de axuda, así como aquelas que teñan presentada a solicitude de inscrición dentro dese mesmo prazo. Neste segundo caso, deberán figurar inscritas no devandito rexistro antes do pagamento da axuda.

Así mesmo, na liña I tamén poderán ser persoas beneficiarias as persoas silvicultoras activas que estean inscritas no correspondente Rexistro de Silvicultor/a Activo/a antes de que finalice o prazo de presentación das solicitudes de axuda, así como aquelas que teñan presentada a solicitude de inscrición dentro dese mesmo prazo. Neste segundo caso, deberán figurar inscritas no devandito rexistro antes do pagamento da axuda correspondente á execución das actuacións do «Módulo de silvicultura produtiva de coníferas».

Na liña II (Subintervención 68814_05-Silvicultura con obxectivos ambientais e outros fins non produtivos, que financia actuacións non produtivas de silvicultura de frondosas) e na liña III (Silvicultura con obxectivos ambientais e outros fins non produtivos, que financia actuacións de rehabilitación de soutos de castiñeiros) serán persoas beneficiarias as persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares dos terreos obxecto de axuda, entendendo por titulares tanto propietarios como arrendatarios ou xestores.

2. Non terán a condición de persoas beneficiarias as peticións individuais nos seguintes casos:

a) As solicitudes como persoa física correspondentes ás superficies incluídas dentro do perímetro dun monte de varas, abertal, de voces, de vocerío ou de fabeo que figuren como tal no sistema rexistral forestal de Galicia.

b) As solicitudes como persoa física correspondentes ás superficies incluídas no perímetro de terreos que no seu día foron clasificados como montes veciñais en man común e que, mediante sentenza xudicial, perderon a súa condición de propiedade xermánica mantendo o seu carácter de propiedade colectiva pertencente aos veciños dun lugar.

c) As solicitudes presentadas por persoas físicas titulares de terreos que se atopen enclavados dentro do perímetro dunha agrupación forestal de xestión conxunta (AFXC) inscrita no correspondente rexistro, e que non formen parte dela.

3. Non poderán ser persoas beneficiarias as empresas en crise ou as que teñan unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior.

4. As persoas beneficiarias deben cumprir coas obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e non estar incursas en ningunha clase de inhabilitación de axudas previstas no seu artigo 10. Ademais, non deben estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

5. As comunidades de montes veciñais en man común (en diante, CMVMC) para poder acceder a estas axudas deberán estar legalmente constituídas e regulamentariamente inscritas no Rexistro Provincial de CMVMC, de acordo co disposto no artigo 57 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e cumprir co disposto no artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e no Decreto 23/2016, do 25 de febreiro, polo que se regula o reinvestimento dos ingresos obtidos polas CMVMC en actuacións de mellora e protección forestal, como moi tarde, o día en que remate o prazo de solicitude da axuda.

6. Os monte de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo deben cumprir co estipulado no artigo 126 da lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia e no Decreto 16/2024, do 18 de xaneiro, polo que se regula o réxime xurídico e o rexistro de montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo.

7. As agrupacións forestais de xestión conxunta (AFXC) deberán estar inscritas no correspondente rexistro, de acordo co establecido na Orde do 26 de abril de 2022 pola que se desenvolve a tramitación electrónica das solicitudes para o recoñecemento como agrupación forestal de xestión conxunta (código de procedemento MR608B) e como persoa silvicultora activa. Porén, de acordo co previsto no artigo 3.1 desta orde, tamén poderán acollerse á presente liña aquelas agrupacións que teñan presentada a solicitude de inscrición dentro do prazo de presentación das solicitudes de axuda. Neste segundo caso, deberán figurar inscritas no devandito rexistro antes do pagamento da axuda.

8. A persoa silvicultora activa deberá estar inscrita no correspondente rexistro, de acordo co establecido na Orde do 26 de abril de 2022 pola que se desenvolve a tramitación electrónica das solicitudes para o recoñecemento como agrupación forestal de xestión conxunta e como persoa silvicultora activa (código de procedemento MR608C). Porén, de acordo co previsto no artigo 3.1 desta orde, tamén poderán acollerse á presente liña aquelas persoas que teñan presentada a solicitude de inscrición dentro do prazo de presentación das solicitudes de axuda. Neste segundo caso, deberán figurar inscritas no devandito rexistro antes do pagamento da axuda.

Cuarto. Financiamento

1. O financiamento das axudas recollidas na presente orde efectuarase, nos exercicios 2026 e 2027, con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias segundo a subintervención:

Liña (subintervención)

Aplicación orzamentaria

Ano 2026

Ano 2027

Total

Liña I (6883_02)

15.03.713B.770.0 2024 00100

660.000

6.340.000

7.000.000

Liña II (68814_05)

15.03.713B.770.0 2024 00104

570.000

5.430.000

6.000.000

Liña III (68814_06)

15.03.713B.770.0 2024 00114

500.000

1.500.000

2.000.000

Total

1.730.000

13.270.000

15.000.000

As axudas destinadas as actuacións previstas na liña I (Intervención 6883-Investimentos forestais produtivo-Subintervención 6883_02-Investimentos forestais produtivos_2, que financia actuacións de silvicultura produtiva de coníferas, do PEPAC 2023-2027 de Galicia), están financiadas polo Feader nun 60 %, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación nun 12 % e a Xunta de Galicia nun 28 %.

As axudas destinadas ás actuacións previstas na liña II (Intervención 6881.4-Investimentos forestais non produtivo en actuacións silvícolas con obxectivos ambientais-Subintervención 68814_05-Silvicultura con obxectivos ambientais e outros fins non produtivos, que financia actuacións non produtivas de silvicultura de frondosas, do PEPAC 2023-2027 de Galicia), están financiadas polo Feader nun 80 %, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación nun 16 % e a Xunta de Galicia nun 4 %.

As axudas destinadas ás actuacións previstas na liña III (Intervención 6881.4-Investimentos forestais non produtivo en actuacións silvícolas con obxectivos ambientais-Subintervención 68814_06-Silvicultura con obxectivos ambientais e outros fins non produtivos + uso público, que financia actuacións de rehabilitación de soutos de castiñeiros, do PEPAC 2023-2027 de Galicia), están financiadas polo Feader nun 80 %, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación nun 16 % e a Xunta de Galicia nun 4 %.

2. Do crédito de cada subintervención resérvanse as seguintes porcentaxes da dispoñibilidade orzamentaria indicada no punto anterior segundo o tipo de beneficiario:

a) Agrupacións forestais de xestión conxunta rexistrada no rexistro correspondente (incluído Sofor): 40 %.

b) CMVMC: 40 %.

c) Propietario particular, asociacións sen ánimo de lucro, Sociedades civís e comunidades de bens, cooperativas e outras entidades de economía social, sociedades agrarias de transformación, sociedades mercantís reguladas na lexislación de sociedades de capital e calquera outra que teña por obxecto a recuperación, de forma conxunta, de terras forestais: 20 %

No caso de que unha vez priorizados os expedientes solicitados non se consuma a totalidade do importe especificado nos distintos puntos da distribución do crédito detallado nos parágrafos anteriores, os importes sobrantes dos distintos puntos pasarán aos demais para facer fronte aos expedientes solicitados.

3. Esta orde tramítase mediante tramitación anticipada de gasto, conforme o establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, de 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, polo que queda condicionada a súa eficacia a que exista crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026.

4. Sen prexuízo das contías indicadas anteriormente, existe a posibilidade de ampliación de crédito nos supostos previstos no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 xaneiro. Neste caso, o órgano concedente procederá a publicar esta ampliación nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

5. A distribución de fondos e aplicacións orzamentarias sinalados son unha previsión que, de acordo co artigo 31 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 xaneiro, se deberá axustar, tras a valoración das solicitudes para adecuarse á proposta elaborada pola subdirección xeral responsable dos recursos forestais recollida no artigo 17 da orde. Será posible incluso a incorporación de novas aplicacións sen incrementar o crédito total, tendo en conta a natureza xurídica das entidades beneficiarias.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes será de 30 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2025

María José Gómez Rodríguez
Conselleira do Medio Rural