DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Venres, 9 de xaneiro de 2026 Páx. 1281

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 7 de xaneiro de 2026 pola que se establecen os servizos mínimos que se prestarán durante a folga convocada os días 12, 13, 16, 19, 20 e 23 de xaneiro de 2026 e a partir do 2 de febreiro de 2026 con carácter indefinido no sector do transporte de viaxeiros por estrada da provincia da Coruña.

O exercicio da folga por parte das persoas traballadoras para a lexítima defensa dos seus intereses é un dereito fundamental recoñecido pola Constitución no seu artigo 28.2. O seu respecto e protección resulta esencial para o correcto funcionamento dun estado democrático, en que se deben garantir todos os mecanismos de expresión da soberanía popular. Non obstante o anterior, o exercicio dese dereito debe cohonestarse co respecto ao resto dos dereitos constitucionalmente establecidos e coa garantía de acceso da comunidade aos servizos considerados esenciais.

No sector do transporte, os servizos que se prestan teñen un carácter esencial para a cidadanía en canto que supoñen unha ferramenta básica para o exercicio doutros dereitos como son os de libre circulación dentro do territorio nacional (artigo 19 da Constitución), a educación (artigo 27) e o traballo (artigo 35). Desta maneira, a garantía dunha mínima mobilidade da cidadanía durante as xornadas de folga convértese nunha demanda do interese xeral que debe ser atendida pola Administración no ámbito das competencias que ten atribuídas.

O 31 de decembro de 2025, os sindicatos Confederación Intersindical Galega (CIG), Comisións Obreiras (CC.OO.) e Unión Xeral de Traballadoras e Traballadores (UGT) comunicaron a convocatoria dunha folga no sector do transporte de viaxeiros en autobús por estrada da provincia da Coruña os días 12, 13, 16, 19, 20 e 23 de xaneiro de 2026 e a partir do 2 de febreiro de 2026 con carácter indefinido. A folga afectará todos os centros de traballo e aos traballadores e traballadoras aos cales lles sexa de aplicación o convenio colectivo provincial de transporte de viaxeiros en autobús por estrada da provincia da Coruña e á empresa Maitours.

A indicada convocatoria afecta os servizos de transporte regular de uso xeral de viaxeiros por estrada prestados no marco dos contratos de concesión de servizos públicos que teñan a súa orixe, destino ou parada intermedia na provincia da Coruña, e resulta de aplicación a aquelas persoas traballadoras adscritas a un centro de traballo na dita provincia.

No marco das competencias atribuídas á Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes no sector do transporte, os servizos afectados por esta folga son:

A) Servizos públicos de transporte regular de uso xeral: están afectados pola folga os servizos que teñan a súa orixe, destino ou parada intermedia na provincia da Coruña.

Dentro da regulación dos servizos mínimos do servizo público de transporte regular de uso xeral de viaxeiros/as por estrada diferéncianse, por unha banda, os servizos correspondentes ás expedicións integradas, nos cales existe unha reserva de praza a favor de escolares en aplicación da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación, e en que se establecen como servizos mínimos as expedicións cunha lonxitude superior a catro quilómetros.

Por outra banda, respecto do resto de expedicións non integradas, diferénciase as de lonxitude inferior a vinte e cinco quilómetros, nas cales, nas franxas horarias da primeira e última hora do día, das 6.00 ás 9.00 horas e das 18.00 ás 21.00 horas, se establecen como servizos mínimos o cincuenta por cento das expedicións existentes, e nas expedicións non integradas de lonxitude superior a vinte e cinco quilómetros, con orixe ou destino nalgunha das sete cidades, en que se mantén unha expedición de ida e outra de volta nos servizos con saída anterior ás 14.00 horas e posterior ás 18.00 horas.

Tendo en conta que a convocatoria se efectúa de xeito indefinido desde o 2 de febreiro, e que a explotación dos servizos de transporte varía duns días da semana a outros, a proposta de servizos mínimos alcanza ata o 29 de marzo, e deberán establecerse os servizos mínimos que se prestarán no caso de que a folga continúe máis aló do dito período temporal.

B) Servizos de transporte público regular de uso especial-escolares: o campo destes servizos resulta especialmente sensible, tanto por ser o transporte un mecanismo auxiliar para o exercicio dun dereito fundamental como é o da educación, como polas especiais exixencias que implica a protección aos menores.

Do mesmo xeito, a dispersión poboacional en Galicia determina que, diariamente, se teña que realizar unha significativa cantidade de desprazamentos para os cales non existe alternativa real de mobilidade, polo que o mantemento dos servizos de transporte público resulta fundamental.

Coa finalidade de ponderar a garantía do dereito esencial á folga das persoas traballadoras, xunto coa garantía do igualmente elemental dereito de acceso ao sistema educativo, deberán manterse como esenciais os servizos de entrada aos centros da provincia da Coruña desde as 7.30 ata as 10.30 horas, e os de saída desde as 13.30 ata as 19.00 horas, nos itinerarios de transporte escolar de estudantes de niveis de ensino obrigatorio cuxa lonxitude total sexa superior a 4 quilómetros.

C) Servizos regulares de uso especial para transporte de traballadores: co fin de garantir a chegada e a saída aos postos de traballo naqueles servizos de carácter interurbano en que a ausencia dunha previsión mínima crebaría toda posibilidade de acceso ao traballo, propóñense como mínimos todos os servizos nas expedicións anteriores ás 9.00 horas e posteriores ás 18.00 horas.

D) Servizos de transporte público regular de uso especial de usuarios de centros socioasistenciais para a atención diúrna de persoas maiores en situación de dependencia ou grave risco de padecela e centros de atención a persoas con discapacidade: debido á especial necesidade de protección das persoas usuarias dos centros de día para persoas maiores e centros de atención a persoas con discapacidade, equipamentos destinados á atención de persoas con perda da súa autonomía física ou psíquica e en situación de dependencia ou en grave risco de padecela que, residindo nos seus propios fogares, pola súa vulnerabilidade precisan dunha serie de coidados e atencións de carácter persoal, terapéutico ou social, manteranse como esenciais os servizos de entrada aos centros desde as 8.00 horas ata as 11.30 horas, e os de saída, desde as 16.30 horas ata as 20.00 horas.

Convocado o Comité de Folga ao mantemento dunha xuntanza para analizar a proposta de servizos mínimos, esta tivo lugar o día 7 de xaneiro de 2026 coa participación de representantes da Administración e da CIG, sen que se acadase a conformidade do Comité de Folga coa proposta de servizos mínimos presentada.

As circunstancias apuntadas, a garantía de dereitos vinculados coa mobilidade, co traballo e a propia liberdade de circulación son as que levan a establecer os servizos mínimos concretados na presente proposta, dirixidos a garantir a mínima prestación de servizos que posibilite o exercicio daqueles outros dereitos esenciais, compatibilizando así o contido esencial de todos os dereitos en conflito.

E en virtude das facultades que me confire o Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, por proposta da Dirección Xeral de Mobilidade e oído o Comité de Folga designado polas organizacións sindicais convocantes,

DISPOÑO:

Artigo único. Servizos mínimos

Durante a folga sectorial convocada para os días 12, 13, 16, 19, 20 e 23 de xaneiro de 2026 e a partir do 2 de febreiro de 2026 con carácter indefinido polas organizacións sindicais Confederación Intersindical Galega (CIG), Comisións Obreiras (CC.OO.) e Unión Xeral de Traballadoras e Traballadores (UGT) no sector do transporte de viaxeiros por estrada da provincia da Coruña, terán a consideración de servizos mínimos, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, os seguintes:

1. Servizos públicos de transporte regular de uso xeral: os servizos mínimos fixados poderán consultarse na páxina web da Xunta de Galicia https://www.bus.gal/gl/descargas/servizos_minimos

2. Servizos de transporte público regular de uso especial-escolares: os servizos de entrada aos centros desde as 7.30 ata as 10.30 horas, e os de saída desde as 13.30 ata as 19.00 horas, nos itinerarios de transporte escolar de estudantes de niveis de ensino obrigatorio cuxa lonxitude total sexa superior a 4 quilómetros.

3. Servizos regulares de uso especial para o transporte de traballadores: todos os servizos nas expedicións anteriores ás 9.00 horas e posteriores ás 18.00 horas.

4. Servizos de transporte público regular de uso especial de usuarios de centros socioasistenciais para a atención diúrna de persoas maiores en situación de dependencia ou grave risco de padecela e centros de atención a persoas con discapacidade: os servizos de entrada aos centros desde as 8.00 horas ata as 11.30 horas, e os de saída, desde as 16.30 horas ata as 20.00 horas.

As empresas de transporte darán a máxima difusión dos servizos concretos que resulten afectados ás persoas usuarias a través daqueles medios que permitan o seu coñecemento e, en todo caso, nos propios vehículos, con antelación ao inicio e durante a folga.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de xaneiro de 2026

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes