DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Venres, 9 de xaneiro de 2026 Páx. 1286

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

ORDE do 16 de decembro de 2025 pola que se regula o réxime de axudas a centros docentes privados concertados da Comunidade Autónoma de Galicia para a contratación de auxiliares de conversa durante o curso 2025/26 coa finalidade de mellorar a competencia lingüística do alumnado en linguas estranxeiras (código de procedemento ED504E).

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, recolle os obxectivos formulados pola Unión Europea para que as linguas sexan un medio para a construción da cidadanía europea, co fin de favorecer a mobilidade entre as persoas e o intercambio cultural e lingüístico.

O preámbulo da Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, pola que se modifica a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, recoñece, segundo o establecido na Axenda 2030, a importancia de incardinar nos plans e programas educativos a educación para a cidadanía mundial incluíndo a comprensión internacional e a educación intercultural e de dar resposta á necesidade dun sistema educativo moderno, máis aberto, menos ríxido, multilingüe e cosmopolita.

Os decretos polos que se establecen os currículos das distintas etapas de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria e bacharelato outórganlle especial importancia ao desenvolvemento da competencia en comunicación lingüística e da competencia plurilingüe.

Consonte este propósito, as liñas estratéxicas da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional veñen recollendo medidas e accións enfocadas a que o alumnado adopte unha actitude positiva de cara ás linguas e, ao mesmo tempo, aprecie a diversidade cultural e a comunicación intercultural. Así, o proxecto de plurilingüismo da consellería implicou a posta en marcha de medidas tendentes á impartición dun currículo integrado das linguas no proxecto lingüístico de centro, concretadas mediante a Orde do 12 de maio de 2011 pola que se regulan os centros plurilingües na Comunidade Autónoma de Galicia e se establece o procedemento de incorporación de novos centros á Rede de centros plurilingües de Galicia, e mediante a Orde do 12 de maio de 2011 pola que se regulan as seccións bilingües en centros sostidos con fondos públicos de ensino non universitario.

A Estratexia galega de linguas estranxeiras 2030 –Edulingüe 2030– concrétase arredor de dous eixes: mellorar a competencia comunicativa e metodoloxía no proceso de ensino-aprendizaxe de linguas, e estender e afianzar a internacionalización do sistema educativo para favorecer a cidadanía global. Pretende, entre outros obxectivos, ofrecer un novo impulso cualitativo e cuantitativo ao ensino en linguas estranxeiras para que o alumnado poida rematar os seus estudos tendo un dominio completo, polo menos, dunha primeira lingua estranxeira con aprendizaxe integral e dominio extensivo. En concordancia coa liña de impacto 5, Dinámicas de alta especialización de apoio lingüístico, da Estratexia galega de linguas estranxeiras –Edulingüe 2030–, continuadora do Plan de potenciación de linguas estranxeiras, e dentro do marco das liñas de actuacións que está a desenvolver a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional para o fomento do plurilingüismo nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia, unha das liñas prioritarias é a dotación de persoas auxiliares de conversa aos centros plurilingües e a aqueles que dispoñen de seccións bilingües.

En consecuencia, de conformidade co exposto e por proposta da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, como conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional,

ACORDO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

O obxecto desta orde é convocar e regular o procedemento de solicitude e concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, a centros docentes privados concertados da Comunidade Autónoma de Galicia para a contratación de auxiliares de conversa durante o curso 2025/26 coa finalidade de mellorar a competencia lingüística do alumnado en linguas estranxeiras (código de procedemento ED504E).

Esta convocatoria, para os efectos da súa identificación e acceso polas persoas interesadas aos formularios de inicio na sede electrónica da Xunta de Galicia, denomínase Axudas a centros docentes privados concertados para a contratación de auxiliares de conversa para mellorar a competencia lingüística do alumnado en linguas estranxeiras (código de procedemento ED504E).

Artigo 2. Financiamento e contía das axudas

1. O financiamento das axudas previstas nesta orde efectuarase con cargo á partida orzamentaria 07.03.423A.482.0, por un importe máximo 500.000,00 €, con cargo ao orzamento de 2026.

2. Esta convocatoria tramítase como expediente de tramitación anticipada de gasto, condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026, conforme o proxecto de Lei de orzamentos para o exercicio 2026, que foi aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o día 17 de outubro de 2025, e ao abeiro do establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de gasto, modificada polas ordes da Consellería de Economía e Facenda do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, xunto co artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo o establecido no dito artigo 25, a concesión das axudas queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión. Así mesmo, todos os actos de trámite ditados no expediente de gasto se entenderán condicionados a que no momento de ditarse a resolución, unha vez aprobado o orzamento, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que se produciron.

3. Dado que esta convocatoria abrangue a actividade da persoa auxiliar de conversa durante o curso 2025/26, o orzamento desta convocatoria pode cubrir os gastos orixinados entre outubro de 2025 e xuño de 2026.

4. A contía da axuda para cada centro determinarase en función da puntuación obtida de acordo cos criterios de valoración establecidos nos artigos 9 e 10 da presente orde.

Artigo 3. Finalidade das axudas

As axudas reguladas nesta orde poderán utilizarse para:

1. A contratación de persoas auxiliares de conversa, que realizarán funcións de apoio á docencia da lingua estranxeira no centro docente.

2. A adquisición de material específico que sexa necesario para o desenvolvemento das clases de conversa, de carácter ordinario e non inventariable. Para a adquisición de material non poderá superarse o 10 % da axuda concedida.

Artigo 4. Requisitos do centro e da persoa auxiliar

Os centros privados concertados que desexen optar a estas axudas deberán cumprir os seguintes requisitos:

1. Ter o concerto educativo vixente coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, e contar con titularidades, persoas físicas ou xurídicas que cumpran os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007.

2. Impartir ensinanzas de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria, bacharelato e/ou formación profesional.

3. Ter en funcionamento seccións bilingües ou ser centros plurilingües.

4. Dispoñer dunha persoa auxiliar de conversa que teña como lingua materna a lingua vehicular estranxeira que se imparte na aula e que posúa unha diplomatura, licenciatura, unha titulación de grao ou equivalentes. Tamén poderán desenvolver esta función as persoas estudantes que, tendo como lingua materna a lingua vehicular estranxeira que se imparte na aula, estean a cursar o último curso académico dos seus estudos universitarios de grao ou equivalentes.

5. Formalizar un contrato coa persoa auxiliar de conversa, cunha duración non inferior a sete meses, de natureza laboral ou mercantil. No caso de persoas que desenvolvan esta función no marco de programas de formación vinculados a acordos con entidades ou organismos públicos e privados dos amparados polo Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participan en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social, deberán acreditar a existencia do acordo en que se encadra a actuación da persoa auxiliar e os termos do desenvolvemento das prácticas. Do mesmo xeito, aquelas persoas auxiliares que accedan cun visado de estudos deberán cumprir co artigo 35 do Real decreto 1155/2024, do 19 de novembro, polo que se aproba o regulamento da Lei orgánica 4/2000, do 11 de xaneiro, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social. Igualmente, será preciso que todas as persoas auxiliares de conversa e os centros docentes cumpran coa lexislación vixente.

6. Non poderán ter a condición de beneficiarios das axudas previstas nesta orde os centros privados concertados en que se dea algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007.

Artigo 5. Forma e prazo de presentación

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

5. A presentación da solicitude implica a aceptación das bases da presente convocatoria.

Artigo 6. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo I) e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos datos citados, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 7. Trámite de emenda

Presentada a solicitude, examinarase para comprobar se os criterios de selección alegados son correctos. En caso contrario, requirirase o solicitante, de acordo co Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para que no prazo improrrogable de dez días, emende e/ou complete, pola sede electrónica da Xunta de Galicia, os datos que sexan erróneos ou falten co fin de axustar a solicitude aos requirimentos da convocatoria. De non facelo, considerarase que desistiu da súa petición, logo de que se dite a correspondente resolución nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, e arquivarase o expediente.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Criterios de valoración

1. Para a baremación da solicitude teranse en conta os seguintes criterios e puntuación:

a) Número total de horas semanais de apoio da persoa auxiliar (máximo 6 puntos):

1º. Ata 12 horas: 2 puntos.

2º. Máis de 12 horas e ata 24 horas: 4 puntos.

3º. Máis de 24 horas: 6 puntos.

b) Número de alumnos/as con apoio da persoa auxiliar (máximo 5 puntos):

1º. Ata 25 alumnos/as: 1 punto.

2º. De 26 a 50 alumnos/as: 2 puntos.

3º. De 51 a 100 alumnos/as: 3 puntos.

4º. Máis de 100 alumnos/as: 5 puntos.

c) Contar con programas de plurilingüismo (máximo 16 puntos):

1º. Ser centro plurilingüe en primaria e/ou secundaria: 10 puntos.

2º. Desenvolver o programa Plurinfantil: 2 puntos.

3º. Desenvolver o programa Pluribach: 2 puntos.

4º. Desenvolver ensinanzas de formación profesional plurilingües: 2 puntos.

d) Contar con seccións bilingües activas no centro (máximo 3 puntos):

1º. 1 ou 2 seccións: 1 punto.

2º. De 3 a 5 seccións: 2 puntos.

3º. Máis de 5 seccións: 3 puntos.

e) Número de alumnos e alumnas pertencentes a todas as seccións bilingües e/ou aulas plurilingües do centro (máximo 3 puntos):

1º. De 10 a 30 alumnos/as: 1 punto.

2º. De 31 a 180 alumnos/as: 2 puntos.

3º. Máis de 180 alumnos/as: 3 puntos.

2. Para a valoración das solicitudes, de acordo cos criterios de selección recollidos neste artigo, consultaranse os datos correspondentes que constan nesta Administración.

3. En caso de empate, os desempates resolveranse aplicando sucesivamente os seguintes criterios:

a) Alínea a): maior número de horas semanais de apoio.

b) Alínea e): maior número de alumnos e alumnas pertencentes a todas as seccións bilingües e/ou aulas plurilingües do centro.

4. O resultado da avaliación recollerase nun informe elaborado polo órgano instrutor.

Artigo 10. Dotación económica por puntuación

1. Segundo a puntuación acadada pola solicitude conforme os criterios de baremación establecidos no artigo 9, concederanse as seguintes subvencións:

a) Solicitudes cunha valoración de 14 ou máis puntos: 5.200,00 €.

b) Solicitudes cunha valoración de 13 puntos: 5.000,00 €.

c) Solicitudes cunha valoración de 12 puntos: 4.500,00 €.

d) Solicitudes cunha valoración de 11 puntos: 4.000,00 €.

e) Solicitudes cunha valoración de 10 puntos: 3.500,00 €.

f) Solicitudes cunha valoración de 9 puntos: 3.000,00 €.

g) Solicitudes cunha valoración de 8 puntos: 2.500,00 €.

2. Os centros con solicitudes que non acaden unha puntuación mínima de 8 puntos quedan excluídos.

3. Dadas as limitacións orzamentarias establecidas no artigo 2 desta orde, poden non recibir subvención centros docentes que alcancen unha puntuación superior á mínima.

4. O máximo da axuda para a contratación ou contraprestación económica dunha persoa auxiliar de conversa non superará os 5.200,00 € por centro docente.

5. Nunca se concederá axuda para a contratación ou contraprestación económica de máis dunha persoa auxiliar de conversa por centro docente.

Artigo 11. Órganos competentes

1. O procedemento de concesión das subvencións será o de concorrencia competitiva.

2. O órgano instrutor do procedemento será o Servizo de Innovación e Programas Educativos, dependente da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, que realizará de oficio as actuacións que resulten necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación de datos en virtude dos cales deba formular a proposta de resolución.

3. O órgano competente para resolver esta convocatoria será a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, por delegación da atribución do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional na persoa titular deste centro directivo.

Artigo 12. Proposta de resolución provisional

1. Valoradas as solicitudes, o órgano instrutor ditará a proposta de resolución provisional, que se publicará no portal educativo da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia http://www.edu.xunta.gal

Nesta proposta figurarán os centros beneficiarios, co importe asignado, os centros non beneficiarios e os centros excluídos, así como os motivos de exclusión.

2. A exposición abrirá un prazo de dez días hábiles para efectuar reclamacións ou renuncias á concesión das axudas, que se dirixirán á Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, e presentaranse, obrigatoriamente, por medios electrónicos na sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) accedendo á Carpeta cidadá como un trámite posterior á presentación da solicitude.

Artigo 13. Resolución definitiva

1. Transcorrido este prazo, unha vez estudadas e, se é o caso, atendidas as mencionadas reclamacións e renuncias, o órgano instrutor elevará á persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, que resolverá por delegación do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, a proposta definitiva na cal se sinalará a concesión ou a denegación das axudas, así como, se é o caso, a exclusión daqueles centros docentes que non reúnan algún dos requisitos da convocatoria.

2. A resolución definitiva será ditada pola persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e publicarase no portal educativo (http://www.edu.xunta.gal) e no Diario Oficial de Galicia no prazo máximo de cinco meses, a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

3. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, por delegación do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, en virtude do establecido no punto segundo g) da Orde do 5 de xuño de 2024, de delegación de competencias nos órganos superiores e de dirección e nos departamentos territoriais, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas ou, directamente, recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, conforme os artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

4. Se transcorre o prazo máximo que se sinala no parágrafo segundo deste artigo sen que se publique a resolución definitiva, os centros docentes solicitantes poderán entender desestimadas, por silencio administrativo, as súas solicitudes, para os efectos de interpoñer os recursos que procedan.

Artigo 14. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 15. Comunicación á Base de datos nacional de subvencións

1. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, comunicaranse á Base de datos nacional de subvencións o texto da convocatoria e a información requirida por esta para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

2. As subvencións outorgadas ao abeiro desta resolución figurarán no Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios. En todo caso, a presentación da solicitude implica que a persoa solicitante consente na inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no dito rexistro, feito que terá lugar, agás nos casos legalmente establecidos, de acordo co regulado no artigo 16.1 da Lei 9/2007.

Asi mesmo, de conformidade co disposto no artigo 14 da Lei de subvencións de Galicia, o beneficiario poderá facer constar o seu dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas na letra d) do punto 2 do artigo 15 da devandita lei.

Artigo 16. Compatibilidades

Estas axudas serán compatibles con outras que o centro poida percibir para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional, da Unión Europea ou de organismos internacionais, tendo en conta o disposto nos artigos 11.d) e 17.3 da Lei 9/2007.

Artigo 17. Renuncias

1. Os centros docentes poderán renunciar á axuda nos dez días hábiles seguintes ao da publicación da resolución provisional.

2. Se un centro renunciase á axuda despois deste prazo non poderá concorrer á concesión desta nos dous cursos seguintes ao correspondente a esta convocatoria.

Artigo 18. Notificacións

1. De conformidade co artigo 45 da Lei 39/2015, os actos administrativos serán obxecto de publicación, que producirá os efectos da notificación.

2. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e polas entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

5. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 19. Pagamento

1. O pagamento da axuda farase ao remate do mes de outubro de 2026, logo de que o beneficiario xustifique o cumprimento da finalidade para a que se concedeu.

2. O pagamento das axudas concedidas farase de conformidade co disposto no artigo 31 da Lei 9/2007, polo que se desenvolve o procedemento de aprobación do gasto e pagamento de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Documentación xustificativa

1. Para o pagamento, o centro docente concertado terá que presentar, antes do 8 de setembro de 2026, a seguinte documentación:

a) Facturas a nome do centro.

b) Nóminas e outros documentos acreditativos dos gastos derivados da execución das actividades subvencionadas no ano 2025 e no ano 2026.

c) Xustificación bancaria de que o pagamento do seu importe foi efectuado á persoa auxiliar de conversa.

d) Anexo II, declaración doutras axudas, cuberto e asinado dixitalmente.

e) Anexo III, relación de gastos mensuais e a suma total que se xustifica para o pagamento, cuberto e asinado dixitalmente.

f) Un documento acreditativo conforme a persoa auxiliar de conversa ten como lingua materna a lingua vehicular estranxeira de aula.

g) Un documento acreditativo dos estudos universitarios da persoa auxiliar de conversa.

h) Unha memoria das actividades realizadas, asinada pola persoa representante legal do centro, conforme a solicitude e obxecto da convocatoria, que permita asegurar a relación directa delas cos xustificantes de gasto que se acheguen.

2. Os documentos acreditativos dos gastos deberán reunir todos os requisitos exixidos pola normativa vixente. Se a xustificación está incompleta ou é incorrecta, pagarase unicamente a cantidade da axuda concedida correctamente xustificada.

Artigo 21. Seguimento da actividade da persoa auxiliar de conversa

A Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa realizará o seguimento da solicitude subvencionada a través dos servizos territoriais da Inspección Educativa. Para facer ese seguimento a Inspección Educativa realizará, como mínimo, unha visita no ano 2026, na medida en que sexa posible.

Artigo 22. Fiscalización e control

1. Os centros beneficiarios quedarán obrigados a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e de control do destino das axudas.

2. Así mesmo, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional poderá realizar, en calquera momento e ata transcorridos tres anos a partir da resolución de concesión das axudas, as comprobacións e avaliacións que considere oportunas sobre as actuacións realizadas e a xustificación.

3. Os centros beneficiarios darán a axeitada publicidade do carácter público do financiamento das actividades que foron obxecto de subvención.

Artigo 23. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, conforme o artigo 17.4 da citada Lei 9/2007.

Artigo 24. Perda do dereito ao cobramento da subvención

1. O centro docente perderá o dereito ao cobramento total ou parcial da axuda polas seguintes causas:

a) Xustificación de forma incompleta ou fóra de prazo.

b) Incumprimento dos fins ou obxectivos para os cales se concedeu.

c) Perda da capacidade xurídica ou de obrar, ou inhabilitación para ser beneficiario de subvencións e axudas públicas, nos termos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007.

d) Calquera outro incumprimento total ou parcial de calquera das condicións e obrigacións establecidas nesta orde e demais normas aplicables.

2. De concedérselle outra subvención por esta mesma finalidade no prazo de vixencia desta convocatoria, a entidade terá que comunicalo á Administración, segundo dispón o artigo 11.d) da Lei 9/2007, para que, en aplicación do seu artigo 17.3, o importe da subvención se minore, co fin de que, illadamente ou en concorrencia coas subvencións concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, non supere o 100 % do investimento.

3. No caso de que se revogue a axuda, o centro docente terá que reintegrar as cantidades percibidas e mais os xuros de demora xerados desde o momento do seu pagamento, nos termos que figuran nos artigos 33 a 38 da referida Lei 9/2007.

De conformidade co artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, o importe que se reintegrará determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:

a) A obtención da subvención falseando os datos, os feitos ou a documentación, así como as condicións requiridas para a concesión ou ocultando aquelas que o impedisen: reintegro do 100 % da subvención concedida.

b) O incumprimento da finalidade, requisitos e condicións exixidas á entidade beneficiaria para a concesión da subvención: reintegro do 100 % da subvención concedida.

c) O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos, públicos ou privados, que financien as actividades subvencionadas: reintegro do 5 % da axuda concedida.

Artigo 25. Réxime sancionador

Os centros beneficiarios destas axudas quedan suxeitos ao réxime de infraccións e sancións previstos para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 26. Recursos

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente un recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Delegación de atribucións

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional na persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das axudas previstas nesta orde.

Disposición derradeira segunda. Habilitación para o desenvolvemento desta orde

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para adoptar todas as actuacións e medidas que sexan necesarias para a execución e o desenvolvemento do previsto nesta orde.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2025

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
P.D. (Orde do 5.6.2024; DOG núm. 114, do 13 de xuño)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Educación,
Ciencia, Universidades e Formación Profesional

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file