DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Venres, 9 de xaneiro de 2026 Páx. 1310

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

ORDE do 17 de decembro de 2025 pola que se regula o réxime de axudas a centros docentes privados concertados da Comunidade Autónoma de Galicia para a realización de probas de nivel lingüístico para o alumnado que realice os seus estudos no curso 2025/26 (código de procedemento ED531D).

As accións e recomendacións emanadas da Comisión Europea e do Consello de Europa nos últimos quince anos veñen configurando as políticas lingüísticas e a innovación en educación lingüística dos distintos países membros da Unión, ao considerar a competencia en linguas como un recurso económico e social indispensable dentro, e máis aló, dunha Europa cultural e lingüisticamente diversa.

En consonancia con estas políticas, as liñas estratéxicas desta consellería recollen medidas e accións enfocadas a que o alumnado adopte unha actitude positiva de cara ás linguas e, ao mesmo tempo, aprecie a diversidade cultural e a comunicación intercultural. Así, durante o curso 2010/11, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade implantou, de xeito experimental, os centros plurilingües en Galicia, como parte do proceso de fomento da diversidade lingüística e cultural da súa política educativa, e do que forman parte programas como a Anticipación da primeira lingua estranxeira, os cursos para a formación complementaria de aprendizaxe de linguas estranxeiras ou o programa de seccións bilingües. Esta implantación experimental permitiu, por unha banda, incrementar a presenza da lingua estranxeira como lingua vehicular, mediante a aplicación do disposto no Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia e, pola outra, favorecer a transferencia entre as linguas que se imparten nos centros educativos galegos, tanto nas destrezas comunicativas como nas destrezas académicas, mediante a concreción de medidas tendentes á impartición dun currículo integrado das linguas no proxecto lingüístico de centro.

A resposta altamente favorable dos centros educativos e das familias á participación neste proxecto de plurilingüismo da Consellería e o compromiso do profesorado, responsable do desenvolvemento do proxecto, coa formación do alumnado e a súa propia, levaron á Administración educativa a continuar na vía iniciada e a promover a ampliación do programa plurilingüe na educación infantil, no bacharelato e na formación profesional desde o ano 2017.

Igualmente, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, en coherencia coa política educativa que desenvolve, convoca cada curso a Orde pola que se regula o réxime de axudas a centros privados concertados para a contratación de auxiliares de conversa coa finalidade de mellorar a competencia lingüística do alumnado en linguas estranxeiras, especialmente a aqueles que forman parte da Rede de centros plurilingües ou participan no programa de seccións bilingües.

Ademais, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional organiza anualmente actividades de formación en linguas estranxeiras para o alumnado, que se desenvolven durante o curso escolar en centros residenciais situados en Galicia en réxime de internado, así como actividades de inmersión lingüística no estranxeiro, enfocados cara á mellora da comunicación oral co apoio de profesorado nativo, co fin de estimular a práctica do idioma e a súa utilización en contextos comunicativos diversificados.

Actualmente, a nova liña de actuación para o fomento e desenvolvemento de programas de plurilingüismo da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, EDUlingüe2030, recolle, como un dos seus obxectivos estratéxicos, a internacionalización do sistema educativo galego creando un novo marco de traballo a partir das relacións internacionais e apostando por unha educación intercultural e multilingüe. Na súa liña de impacto 6, Programa intensivo de certificación e acreditación da competencia lingüística en linguas estranxeiras, fornece ao alumnado galego a posibilidade de acreditar a súa competencia lingüística en linguas estranxeiras apostando por unha educación multilingüe e cosmopolita, sustentable e acorde co mundo actual.

En consecuencia, de conformidade co exposto, e por proposta da Dirección xeral de Ordenación e Innovación Educativa, como conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional,

ACORDO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

O obxecto desta orde é convocar e regular o procedemento de solicitude e concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, a centros docentes privados concertados da Comunidade Autónoma de Galicia, que impartan ensinanzas de educación secundaria obrigatoria, bacharelato e formación profesional para a realización de probas de nivel lingüístico para o alumnado.

Esta convocatoria, para os efectos da súa identificación e acceso polas persoas interesadas, na sede electrónica da Xunta de Galicia, aos formularios de inicio, denomínase «Axudas a centros docentes privados concertados para a contratación de probas de nivel lingüístico para o alumnado», código de procedemento ED531D.

Artigo 2. Financiamento e contía das axudas

1. O financiamento das axudas previstas nesta orde efectuarase con cargo á partida orzamentaria 07.03.423A.780.3 por un importe máximo de 150.000,00 € con cargo ao orzamento de 2026.

2. Esta convocatoria tramítase como expediente de tramitación anticipada de gasto, condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025-2026, conforme o proxecto de Lei de orzamentos para o exercicio 2026, que foi aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o día 17 de outubro de 2025, e ao abeiro do establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de gasto, modificada polas ordes da Consellería de Economía e Facenda do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, xunto co artigo 25 do Decreto 11/2009, de 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo o establecido no dito artigo 25, a concesión das axudas queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión. Así mesmo, todos os actos de trámite ditados no expediente de gasto entenderanse condicionados a que no momento de ditarse a resolución, unha vez aprobado o orzamento, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que se produciron.

3. Dado que esta convocatoria abrangue a xestión e realización das probas lingüísticas durante o curso 2025/26, o orzamento desta pode cubrir os gastos orixinados entre outubro de 2025 e xuño de 2026.

4. A axuda outorgada a cada centro será de 100 € por alumna/o e proba. Esta dotación económica será destinada:

a) Á realización das probas das destrezas orais e das destrezas escritas.

b) Á certificación correspondente conforme o MCERL.

5. A contía total da axuda outorgada a cada centro determinarase en función do número de alumnado que resulte beneficiario e de acordo cos criterios establecidos no artigo 9 da presente orde.

6. Os centros non poderán percibir unha asignación superior ao número total de alumnado que resulte beneficiario. A dotación económica outorgada para cada centro será destinada, exclusivamente, á realización e certificación das probas para o alumnado do curso que resultou beneficiario, non podendo ser trasladada a alumnado doutros cursos, etapas ou ciclos.

Artigo 3. Finalidade das axudas

As axudas reguladas nesta orde serán destinadas a contratar a realización de probas de nivel lingüístico para o alumnado. As probas a que se refire esta orde desenvolveranse de acordo co obxectivo e as características que se especifican a seguir:

1. O obxectivo destas probas é acreditar a competencia en lingua estranxeira do alumnado nos niveis de competencia B1, B2 ou C1, descritos no Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas do Consello de Europa (MCERL).

2. As probas que realizará o alumnado serán do nivel B1, B2 ou C1, segundo decida o alumnado, logo de orientación do seu profesorado de lingua estranxeira, e axustaranse ás titulacións recollidas no anexo da Orde do 21 de xuño de 2016 pola que se modifica a Orde do 18 de febreiro de 2011 pola que se establece o procedemento de acreditación de competencia en idiomas do profesorado para impartir nunha lingua estranxeira áreas, materias ou módulos non lingüísticos nos centros docentes públicos dependentes desta consellería ou proba análoga que conte co mesmo recoñecemento internacional e siga os mesmos estándares de calidade.

Artigo 4. Centros beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios das axudas establecidas nesta orde os centros docentes privados que teñan concerto educativo vixente coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, en que se impartan ensinanzas de educación secundaria obrigatoria, bacharelato e formación profesional, cuxas titularidades, persoas físicas ou xurídicas cumpran os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. As probas están destinadas a alumnado que estea matriculado, durante o curso 2025/26, en 2º de bacharelato, 4º de ESO e 2º curso de ciclos medios e superiores de formación profesional.

3. Non poderán ter a condición de beneficiarios das axudas previstas nesta orde os centros docentes privados concertados en que se dea algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007.

Artigo 5. Organización e xestión das probas

1. A organización e xestión das probas será competencia exclusiva do centro docente, que deberá seleccionar o alumnado candidato ás probas e ás institucións ou empresas certificadoras. Non será competencia das familias nin do alumnado a selección das ditas empresas certificadoras.

2. As probas de nivel lingüístico deberán ser realizadas por empresas ou institucións acreditadas que expidan as titulacións que figuran no anexo da dita Orde do 21 de xuño de 2016.

3. O alumnado, logo de orientación do profesorado de lingua estranxeira, poderá decidir a proba a que se presenta e deberá coñecer, con antelación suficiente, as súas características.

4. Cada alumno ou alumna poderá matricularse nunha única proba de lingua estranxeira, que será, preferentemente, a que curse como primeira lingua estranxeira. Previamente, o alumnado ou as persoas representantes legais deberán asinar un compromiso individual de aceptación para concorrer ás probas, que será custodiado no centro educativo.

5. Tras a publicación da resolución definitiva de centros docentes beneficiarios e da dotación económica que se lles asigna, estes poderán proceder á selección das empresas ou institucións examinadoras, de acordo con criterios que faciliten a xestión para as familias: a maior proximidade e comodidade para que o alumnado poida participar nas probas e a adecuación do custo destas á dotación económica facilitada por esta consellería, co fin de reducir, na medida do posible, o custo para as familias.

6. Se a dotación económica outorgada ao centro beneficiario resulta insuficiente para cubrir todas as demandas do alumnado interesado, os centros educativos seleccionarán, en acto público, o alumnado participante, de acordo con criterios transparentes, públicos e obxectivos, aprobados en consello escolar, previo informe ao claustro. A dita selección documentarase en acta que se custodiará no centro educativo.

7. No caso de que as probas non poidan realizarse no propio centro educativo, as familias ou, de ser o caso, os centros educativos, encargaranse da organización do traslado do alumnado ao lugar de realización das probas. A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional non asumirá os gastos derivados destes desprazamentos.

8. Os centros educativos aboarán ás empresas ou institucións avaliadoras os importes correspondentes ao número de alumnos/as efectivamente avaliados.

Artigo 6. Solicitudes e prazo de presentación

1. As solicitudes presentaranse, obrigatoriamente, por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento, non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

3. Así mesmo, e co fin de axilizar o proceso de solicitude, os centros educativos participantes nesta convocatoria deberán completar os datos requiridos no formulario electrónico dispoñible na aplicación á cal se accede na ligazón https://www.edu.xunta.gal/programaseducativos, seleccionando Programas de éxito educativo na pestana Programa, convocatoria 2025-2026, e premendo en Acreditación LE alumnado de centros concertados.

4. A persoa responsable da dirección do centro, ou persoa autorizada, terá o permiso para rexistrar e completar o formulario electrónico na aplicación informática, onde fará constar os datos de identificación do centro e da persoa directora requiridos, así como:

– O número de alumnado candidato ás probas;

– O curso, etapa ou ciclo en que está matriculado o alumnado candidato.

5. A presentación da solicitude implica a aceptación das bases da presente convocatoria.

Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automáticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoñan á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo I) e achegar os documentos correspondentes.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos datos citados, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Criterios de selección dos centros

1. Poderán participar na convocatoria todos os centros docentes que cumpran cos requisitos de participación indicados na presente orde.

2. Terán preferencia os centros docentes que soliciten a axuda para alumnado que curse etapas ou ciclos plurilingües:

– Alumnado de 2º curso de bacharelato de especialización en idiomas (PluriBach).

– Alumnado de 4º curso da etapa ESO plurilingüe.

– Alumnado de 2º curso de ciclos medios e superiores que impartan ensinanzas de formación profesional plurilingües.

Non será computable, para tales efectos, a participación no programa de seccións bilingües.

3. A dotación económica para cada centro resultará da distribución da dotación económica total, prevista para esta convocatoria, entre os centros docentes solicitantes atendendo á seguinte orde de selección:

3.1. Centros que soliciten a axuda para alumnado de 2º curso de bacharelato de especialización en idiomas (PluriBach).

3.2. De sobrar remanente, este distribuirase entre os centros que soliciten a axuda para alumnado de 4º curso da etapa ESO plurilingüe.

3.3. De sobrar remanente, este distribuirase entre os centros que soliciten a axuda para alumnado de 2º curso dun ciclo medio ou superior de formación profesional que imparta ensinanzas de formación profesional plurilingües.

3.4. De sobrar remanente, este distribuirase entre os centros que soliciten a axuda para alumnado de 2º curso de bacharelato que non curse etapa plurilingüe.

3.5. De sobrar remanente, este distribuirase entre os que soliciten a axuda para alumnado de 4º curso de ESO que non curse etapa plurilingüe.

3.6. De sobrar remanente, este distribuirase entre os centros que soliciten a axuda para alumnado de 2º curso dun ciclo medio ou superior de formación profesional que non imparta ensinanzas de formación profesional plurilingües.

4. A distribución do remanente entre os centros docentes solicitantes, na última das categorías anteriores, farase repartindo o dito remanente de xeito proporcional, ata esgotar o crédito dispoñible, tendo en conta o número total de centros docentes solicitantes nesa categoría e o número total de alumnado candidato ás probas presentado por cada centro nesa categoría.

Artigo 10. Órganos competentes

1. O procedemento de concesión das subvencións será o de concorrencia competitiva.

2. O órgano instrutor do procedemento será o Servizo de Innovación e Programas Educativos da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, que realizará, de oficio, as actuacións que resulten necesarias para a determinación, o coñecemento e comprobación de datos en virtude dos cales deba formular a proposta de resolución.

3. O órgano competente para resolver esta convocatoria será a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, por delegación da atribución do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional na persoa titular deste centro directivo.

Artigo 11. Instrución do procedemento

1. O órgano instrutor realizará unha preselección dos centros docentes solicitantes que reúnan os requisitos establecidos nesta convocatoria atendendo á orde de selección detallada no punto 3 do artigo 9 da presente orde.

2. A continuación, o órgano instrutor emitirá a proposta de resolución provisional que se publicará no portal educativo da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia http://www.edu.xunta.gal. Nesta proposta figurarán os centros beneficiarios, co importe asignado, así como, se é o caso, a exclusión daqueles centros docentes que non reúnan algún dos requisitos da convocatoria.

3. A exposición abrirá un prazo de dez días naturais para efectuar reclamacións ou renuncias, que se dirixirán á Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e presentaranse, obrigatoriamente, por medios electrónicos na sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) accedendo á Carpeta cidadá como un trámite posterior á presentación da solicitude.

Artigo 12. Resolución definitiva

1. Transcorrido o prazo establecido no punto 3 do artigo 11, unha vez estudadas e, se é o caso, atendidas as mencionadas reclamacións e renuncias, o órgano instrutor elevará á persoa titular da Dirección xeral de Ordenación e Innovación Educativa, que resolverá por delegación do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, a proposta de resolución definitiva, na cal figurarán os centros beneficiarios, co importe asignado, así como, se é o caso, a exclusión daqueles centros docentes que non reúnan algún dos requisitos da convocatoria.

2. A resolución definitiva será ditada pola persoa titular da Dirección xeral de Ordenación e Innovación Educativa e publicarase no portal educativo (http://www.edu.xunta.gal) e no Diario Oficial de Galicia no prazo máximo de cinco meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

3. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, por delegación do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, en virtude do establecido no punto segundo, g) da Orde do 5 de xuño de 2024, de delegación de competencias nos órganos superiores e de dirección e nos departamentos territoriais, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

4. Se transcorre o prazo máximo que se sinala no parágrafo segundo deste artigo sen que se publique a resolución definitiva os centros docentes solicitantes poderán entender desestimadas, por silencio administrativo, as súas solicitudes, para os efectos de interpoñer os recursos que proceda.

Artigo 13. Renuncias

1. Os centros docentes poderán renunciar á axuda nos dez días naturais seguintes á publicación da resolución provisional.

2. Se un centro renunciase á axuda despois deste prazo non poderá concorrer á concesión desta nos dous cursos seguintes ao correspondente a esta convocatoria.

Artigo 14. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, conforme o artigo 17.4 da citada Lei 9/2007.

Artigo 15. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 16. Compatibilidades

Estas axudas serán compatibles con outras que o centro poida percibir para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

De concedérselle outra subvención para esta mesma finalidade no prazo de vixencia desta convocatoria, a entidade terá que comunicalo á Administración, segundo dispón o artigo 11.d) da Lei 9/2007, para que, en aplicación do seu artigo 17.3, o importe da subvención se minore, co fin de que, illadamente ou en concorrencia coas subvencións concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, non supere o 100 % do investimento.

Artigo 17. Notificacións

1. De conformidade co artigo 45 da Lei 39/2015, os actos administrativos serán obxecto de publicación, que producirá os efectos da notificación.

2. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

5. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 18. Pagamento e xustificación

1. O pagamento da axuda farase de conformidade co disposto no artigo 31 da Lei 9/2007, antes do remate do mes de outubro de 2026, logo da xustificación, polo beneficiario, da realización da actividade para a que se concedeu.

2. Para tal fin, os centros beneficiarios deberán presentar, antes do 8 de setembro de 2026, a seguinte documentación:

a) Anexo II: xustificación para o pagamento, debidamente cuberto en todos os seus puntos, que incluirá:

– Os datos referidos, exclusivamente, ao alumnado beneficiario que se presentou ás probas, con indicación do seu número, o curso e a etapa, o idioma e nivel da/das proba/s realizada/s, o nome da empresa acreditadora e o importe total de gastos xustificables.

– Declaración doutras axudas.

b) Factura da entidade ou empresa acreditadora expedida a nome do centro, na que conste o importe que corresponda, exclusivamente, ao alumnado do centro que resultou beneficiario das axudas e realizou ás probas. Os centros beneficiarios deben achegar, ademais, a xustificación do pagamento á entidade que realizou as probas.

Non deberá figurar ningún outro alumnado que non resultara beneficiario das axudas.

3. Os documentos acreditativos dos gastos deberán reunir todos os requisitos exixidos pola normativa vixente. Se a xustificación está incompleta ou é incorrecta, pagarase unicamente a cantidade da axuda concedida correctamente xustificada.

Artigo 19. Seguimento da realización das probas de acreditación do nivel lingüístico do alumnado

A Dirección xeral de Ordenación e Innovación Educativa realizará o seguimento da xestión das probas subvencionado a través dos servizos territoriais de Inspección Educativa.

Artigo 20. Fiscalización e control

1. Os centros docentes beneficiarios quedarán obrigados a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e de control do destino das axudas.

2. Así mesmo, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional poderá realizar, en calquera momento, e ata transcorridos tres anos a partir da resolución de concesión das axudas, as comprobacións e avaliacións que considere oportunas sobre as actuacións realizadas e a xustificación.

3. Os centros docentes beneficiarios darán a axeitada publicidade do carácter público do financiamento das actividades que foron obxecto de subvención.

Artigo 21. Perda do dereito ao cobramento da subvención e reintegros

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención nos seguintes supostos:

a) incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente da subvención.

b) Incumprimento total ou parcial dos fins ou obxectivos para os cales se concedeu.

c) Non estar ao corrente nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, así como ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

d) Perda da capacidade xurídica ou de obrar, ou inhabilitación para ser beneficiario de subvencións e axudas públicas, nos termos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

e) Calquera outro incumprimento de calquera das condicións e obrigas establecidas nesta orde e demais normas aplicables.

2. Procederá o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

De conformidade co artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, o importe que se reintegrará determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:

a) A obtención da subvención falseando os datos, os feitos ou a documentación, así como as condicións requiridas para a concesión ou ocultando aquelas que o impedisen: reintegro do 100 % da subvención concedida.

b) O incumprimento da finalidade, requisitos e condicións exixidas á entidade beneficiaria para a concesión da subvención: reintegro do 100 % da subvención concedida.

c) O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos, públicos ou privados, que financien as actividades subvencionadas: reintegro do 5 % da axuda concedida.

Artigo 22. Base de datos nacional de subvencións

1. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

2. As subvencións outorgadas ao abeiro desta resolución figurará no Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios. En todo caso, a presentación da solicitude implica que a persoa solicitante consente na inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no dito rexistro, feito que terá lugar, agás nos casos legalmente establecidos, de acordo co regulado no artigo 16.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, de conformidade co disposto no artigo 14 da Lei de subvencións de Galicia, o beneficiario poderá facer constar o seu dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas na letra d) do punto 2 do artigo 15 da devandita lei.

Artigo 23. Réxime sancionador

As persoas beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 24. Recursos

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente un recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira primeira. Delegación de atribucións

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional na persoa titular da Dirección xeral de Ordenación e Innovación Educativa para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das axudas previstas nesta orde.

Disposición derradeira segunda. Habilitación para o desenvolvemento desta orde

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para ditar, dentro das súas competencias, as resolucións e demais actos precisos para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2025

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
P.D. (Orde do 5.6.2024; DOG núm. 114, do 13 de xuño)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Ciencia,
Universidades e Formación Profesional

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file