BDNS (Identif.): 879814.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/879814
Primeiro. Beneficiarios
Esta convocatoria está destinada a todos os centros docentes privados que teñan concerto educativo vixente coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, en que se impartan ensinanzas de educación secundaria obrigatoria, bacharelato e formación profesional, cuxas titularidades, persoas físicas ou xurídicas cumpran os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Segundo. Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto regular o procedemento de solicitude e concesión de axudas a centros docentes privados concertados que impartan ensinanzas de educación secundaria, bacharelato e/ou formación profesional para a realización de probas de nivel lingüístico para o alumnado (código de procedemento ED531D).
2. O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.
Terceiro. Bases reguladoras
Orde do 17 de decembro de 2025 pola que se regula o réxime de axudas a centros docentes privados concertados da Comunidade Autónoma de Galicia para a realización de probas de nivel lingüístico para o alumnado que realice os seus estudos no curso 2025/26 (código de procedemento ED531D).
Cuarto. Financiamento e contía das axudas
1. O financiamento das axudas previstas nesta orde efectuarase con cargo á partida orzamentaria 07.03.423A.780.3 por un importe máximo de 150.000,00 € con cargo ao orzamento de 2026.
2. Esta convocatoria tramítase como expediente de tramitación anticipada de gasto, condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025-2026, conforme o proxecto de Lei de orzamentos para o exercicio 2026, que foi aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o día 17 de outubro de 2025, e ao abeiro do establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de gasto, modificada polas ordes da Consellería de Economía e Facenda do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, xunto co artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Segundo o establecido no dito artigo 25, a concesión das axudas queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión. Así mesmo, todos os actos de trámite ditados no expediente de gasto entenderanse condicionados a que no momento de ditarse a resolución, unha vez aprobado o orzamento, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que se produciron.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.
Se o último día de prazo for inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento, non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.
Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
P.D. (Orde do 5.6.2024; DOG núm. 114, do 13 de xuño)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Ciencia,
Universidades e Formación Profesional
