En cumprimento do establecido no acordo vixente para aplicación da segunda actividade derivado do acordo publicado mediante a Resolución do 9 de xaneiro de 2017, da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, convócase o procedemento para a concesión da segunda actividade no ano 2026 de acordo co seguinte:
Primeiro. Pode solicitar o pase á segunda actividade o persoal traballador fixo e temporal das categorías de bombeiros/as forestais que faga ou fixese xa no ano 2026 os 60 anos de idade e que se comprometa a xubilarse á idade legalmente establecida ou, de ser maior de 65 anos, no prazo dun ano despois de concedida a segunda actividade.
Segundo. As persoas interesadas pasarán á segunda actividade para realizar tarefas preventivas ou de apoio loxístico ao Servizo de Defensa Contra Incendios Forestais sen vinculación directa á extinción de incendios.
Terceiro. As solicitudes (anexo II) deberán ir acompañadas do compromiso de xubilación (anexo III) e remitiranse á Consellería do Medio Rural, que será a competente para realizar a proposta de adscrición a segunda actividade á Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, que é a competente para resolver todas as solicitudes presentadas.
Cuarto. O prazo de solicitude será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no DOG.
Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2025
Miguel Corgos López-Prado
Conselleiro de Facenda e Administración Pública
