DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Luns, 12 de xaneiro de 2026 Páx. 1652

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

ORDE do 18 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras de bolsas de formación en materia de arquivos e se convocan as correspondentes ao Programa 2026-2027 (código de procedemento CT110A).

A Lei 7/2014, do 26 de setembro, de arquivos e documentos de Galicia, pola que se regula o sistema de arquivos e o patrimonio documental de Galicia, expresa a necesidade de velar pola conservación, organización e difusión do patrimonio documental de Galicia, tanto en mans públicas como privadas, así como a responsabilidade de fomentar a adecuada formación do persoal técnico de arquivos.

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude é o órgano da Xunta de Galicia que ten atribuídas as competencias en materia de patrimonio cultural e dentro delas correspóndenlle as actuacións en materia de patrimonio documental e arquivos, e, concretamente, a súa conservación, coidado, promoción e difusión, así como velar pola accesibilidade aos documentos custodiados nos arquivos como garante dos dereitos e deberes dos cidadáns e das administracións públicas.

Un elemento fundamental no funcionamento dos arquivos é a cualificación e formación técnica do seu persoal. A existencia de estudos universitarios dedicados a esta especialidade corrobora a súa importancia. A finalidade das bolsas é proporcionar unha formación teórico-práctica que, engadida á formación académica, contribúa a completar o currículo académico.

Trátase dunha formación titorizada por profesionais con coñecementos e experiencia neste ámbito. Polo seu carácter formativo é preciso poñer un límite no goce das bolsas e tratar de ofrecelas ao maior número de persoas posibles, en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de obxectividade e publicidade.

Esta orde tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, para o que existe crédito adecuado e suficiente previsto no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2026. Na súa virtude, e de conformidade co establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da mesma consellería de 27 de novembro de 2000 e de 25 de outubro de 2021, a concesión de subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2026.

Para estes efectos, é necesario establecer as bases reguladoras da concesión destas bolsas, de conformidade co disposto no artigo 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia así como as normas de desenvolvemento.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Por medio da presente orde establécense as bases reguladoras de bolsas de formación en materia de arquivos e convócanse as correspondentes ao Programa 2026-2027 (código de procedemento CT110A).

2. As bolsas irán destinadas a actividades de formación relacionadas cos procesos técnicos que se realizan no ámbito dos arquivos e os seus fondos documentais.

O persoal bolseiro realizará a súa actividade nos arquivos do Sistema de arquivos de Galicia que conten con persoal técnico arquiveiro. Serán tutelados polo persoal técnico dos centros receptores, sen prexuízo da coordinación e seguimento realizados pola consellería competente en materia de cultura.

3. A formación comprenderá unha parte teórica impartida polo persoal técnico designado pola dirección xeral competente en materia de cultura.

Artigo 2. Principios de xestión

A xestión deste procedemento realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

c) Eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.

Artigo 3. Financiamento

1. A dotación deste programa, que ten carácter plurianual, é de 246.000,00 €, distribuídos como segue:

a) Para a dotación das bolsas destinaranse 228.000,00 € con cargo á aplicación orzamentaria 13.03.432A.480.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2026 e 2027 (114.000,00 € en cada unha das dúas anualidades).

b) En cumprimento do Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social, para os efectos da súa inclusión no réxime xeral da Seguridade Social destinaranse 18.000,00 € con cargo á aplicación orzamentaria 13.03.432A.484.0, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2026 e 2027 (9.000,00 € na anualidade 2026 e 9.000,00 € na anualidade 2027). Para o cálculo deste importe aplícanse as regras de cotización correspondentes aos contratos para a formación e aprendizaxe, tomando como referencia a cota empresarial para o ano 2025, máis unha cantidade adicional para posibles incrementos da cota ou que poidan derivar de altas e baixas na mesma bolsa e no mesmo mes.

2. Este expediente tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, posto que existe crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da comunidade autónoma para o exercicio 2026 . Na súa virtude, e de conformidade co establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, a concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026.

De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar, como máximo, ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da devandita orde, todos os actos de trámite ditados no desenvolvemento desta orde enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

De ser o caso, farase unha modificación orzamentaria para adecuar esta previsión ao gasto real. Non existirá obriga de cotizar pola continxencia de desemprego, así como tampouco ao Fondo de Garantía Salarial nin por formación profesional.

Artigo 4. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas bolsas as persoas solicitantes que cumpran os seguintes requisitos:

1. Ter grao universitario ou equivalente, segundo o Espazo Europeo de Educación Superior, cunha configuración curricular (expediente académico) en que se acredite un mínimo de 75 créditos nas materias de historia, arquivística e/ou xestión documental.

2. Acreditar coñecemento da lingua galega, nivel perfeccionamento, mediante certificado oficial ou Celga 4.

3. Non desfrutar, con anterioridade á publicación desta convocatoria de bolsas, dun período de tempo igual ou superior a 6 meses destas mesmas bolsas, nin renunciar a elas sen unha causa de forza maior, ao xuízo da Dirección Xeral competente en materia de cultura, unha vez adxudicada a bolsa.

4. Non ter emprego remunerado nin gozar doutra bolsa ou axuda durante o período de duración das reguladas por medio desta orde.

5. Non ter sido sancionado por infracción cometida por razón de bolsas concedidas para a organización e descrición de arquivos de interese galego.

Artigo 5. Número, duración e importe das bolsas

1. O número de prazas convocadas será de dezaoito (18), que se adxudicarán de acordo co baremo indicado no artigo 11 desta convocatoria.

2. As bolsas terán unha duración máxima de 12 meses, contados a partir da data de incorporación que estableza a Dirección Xeral competente en materia de cultura de acordo co centro de destino. Darán comezo dentro do prazo que se estableza na resolución, non antes do 1 de xullo de 2026.

3. O importe bruto mensual de cada bolsa será de 1.055,00 €.

Artigo 6. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. As persoas potencialmente beneficiarias das axudas reguladas nesta orde pertencen a colectivos de persoas físicas cuxa formación e capacidade técnica permite concluír que teñen acceso e dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios para relacionarse por este medio co sector público autonómico.

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda. Se a emenda deste concreto defecto (presentación presencial da solicitude) se realiza unha vez transcorrido o prazo indicado na convocatoria da subvención para a presentación de solicitudes, o órgano competente ditará resolución en que se desestimará a solicitude por presentarse fóra do prazo, de acordo co artigo 23 en relación co artigo 20.2 (letra g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia

3. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 7. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Certificación académica oficial completa, en que deberá constar a nota media simple do expediente académico da titulación na escala numérica 0-10.

b) Certificado do Celga 4 ou equivalente cando non estea expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

c) Copia dos documentos acreditativos dos méritos alegados. Só contabilizarán aqueles méritos dos que se achegue proba documental.

d) Xustificante de pagamento das taxas para a expedición de título universitario de non estar en posesión do título universitario.

e) Título estranxeiro e declaración de equivalencia da titulación e das notas medias.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración.

Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada. De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supera os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI / NIE da persoa solicitante.

b) DNI / NIE da persoa representante.

c) Títulos oficiais universitarios.

d) Certificado do Celga 4 ou equivalente expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

e) Consulta de concesións ampliado.

f) Consulta axudas do Estado.

g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

h) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da comunidade autónoma.

i) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).

j) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, agás o disposto no parágrafo 6 deste artigo.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, efectuadas a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. De conformidade co previsto no artigo 45.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a resolución de adxudicación será notificada mediante a súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Esta publicación substituirá á notificación persoal e producirá os mesmos efectos.

Artigo 11. Criterios de valoración

1. Teranse en conta os seguintes criterios para a valoración das solicitudes:

a) Expediente académico: ata 5 puntos. A valoración do expediente académico realizarase multiplicando por 0,5 a nota media simple do título universitario con que concorre á bolsa, consonte a normativa sobre valoración de expedientes académicos da Consellería competente na materia de ordenación universitaria (Resolución da Secretaría Xeral Técnica, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, do 15 de setembro de 2011; Diario Oficial de Galicia núm. 188, do 30 de setembro).

No caso de concorrer con máis dun título universitario dos que dan acceso a estas bolsas, terase en conta unicamente aquel expediente con mellor nota.

b) Cursos de posgrao, de especialización e mestrados relacionados con Historia, Arquivística, Diplomática, Paleografía, Historia das Institucións, Xestión documental e Arquivo electrónico, organizados exclusivamente por organismos públicos, universidades ou asociacións profesionais: 0,005 puntos por cada hora lectiva, ata un máximo de 4 puntos.

c) Cursos relacionados con Historia, Arquivística, Diplomática, Paleografía, Historia das Institucións, Xestión documental e Arquivo electrónico organizados exclusivamente por organismos públicos, universidades ou asociacións profesionais: 0,005 puntos por cada hora lectiva, ata un máximo de 4 puntos.

Non se terán en conta os cursos de menos de 10 horas lectivas nin aqueles nos que non se acrediten as horas lectivas.

Tampouco se terán en conta os cursos que formasen parte do currículo dunha titulación xa valorada na mesma solicitude.

2. En caso de empate, terán prioridade os/as solicitantes que acrediten maior nota media simple no expediente académico. De persistir aquel, atenderase á data de finalización dos estudos universitarios, dando preferencia á data máis recente. Finalmente, se aínda persistise o empate, as solicitudes ordenaranse por orde de presentación de solicitudes.

3. Non se valorará ningún mérito alegado pero non acreditado documentalmente nos termos regulados nesta convocatoria, sen que proceda, neste caso, facer requirimento.

Artigo 12. Instrución e avaliación

1. A instrución do procedemento de concesión das bolsas correspóndelle á Subdirección Xeral competente en materia de arquivos, que revisará as solicitudes recibidas e a documentación achegada. No caso de estar incompleta, conter erros ou non achegar toda a documentación requirida poderase reclamar ás persoas solicitantes que emenden os defectos apreciados na documentación exixida, outorgándoselles un prazo máximo e improrrogable de dez días, desde a notificación do requirimento, e indicaráselles que, se non o fan, se terán por desistido da súa solicitude de acordo co artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Co fin de cumprir co principio de concorrencia sinalado, as solicitudes serán examinadas por unha Comisión técnica de avaliación que se axustará aos preceptos contidos na sección 3ª da Lei 40/2015 de réxime xurídico do sector público. Esta comisión estará composta pola titular da Subdirección Xeral en materia de arquivos que a presidirá, actuando como vogais dúas (2) persoas do Servizo do Sistema de Arquivos. Exercerá a secretaría a titular do Servizo do Sistema de Arquivos. En caso de ausencia dalgunha das persoas que integran a comisión, correspóndelle ao titular da Dirección Xeral competente en materia de cultura nomear un suplente. A comisión formulará o informe en que se concrete o resultado da avaliación efectuada.

Artigo 13. Listaxes provisionais e proposta de resolución

1. A unidade instrutora, á vista dos expedientes e do informe emitido pola comisión técnica de valoración, elaborará a listaxe provisional de persoas excluídas por non reunir todos os requisitos, así como das persoas admitidas e a puntuación acadada. Estas listaxes publicaranse na páxina web da consellería competente en materia de cultura https://www.cultura.gal/gl/servizos e a través da páxina web do Portal de Arquivos de Galicia http://arquivosdegalicia.xunta.gal

2. As persoas solicitantes disporán dun prazo de dez días para formular alegacións ás listaxes provisionais . Estas alegacións dirixiranse á unidade instrutora.

3. A unidade instrutora examinará as alegacións recibidas e daralle traslado delas á comisión técnica de valoración para que as avalíe. Á vista de toda a documentación elaborará as listaxes definitivas de persoas propostas, coa puntuación acadada por estas. Así mesmo, incluirá a listaxe de persoas suplentes, ordenadas segundo a puntuación acadada, e das solicitudes denegadas, con expresión da causa de denegación.

4. A persoa titular da Dirección Xeral competente en materia de cultura formulará proposta de resolución motivada das solicitudes por orde decrecente de puntuación, logo do informe de avaliación emitido pola comisión técnica de avaliación. Esta proposta será elevada a persoa competente para resolver.

Artigo 14. Resolución e recursos

1. No prazo de 15 días desde a elevación da proposta de resolución de adxudicación definitiva por parte da persoa titular da dirección xeral competente en materia de cultura, a persoa titular da consellería competente en materia de cultura deberá resolver de acordo co disposto no artigo 37 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Na resolución incluírase a relación de solicitantes a que se lle conceden as bolsas convocadas, especificando a puntuación total obtida na valoración dos méritos. Así mesmo, incluirá unha listaxe de persoas suplentes, ordenadas segundo a puntuación acadada, que poderán ser chamadas en caso de non aceptación ou renuncia das persoas adxudicatarias. Tamén incluirá a lista das solicitudes denegadas, con expresión da causa de denegación.

3. O prazo máximo para ditar e notificar ás persoas interesadas a resolución expresa non poderá superar os cinco meses, segundo establece o artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O prazo computarase a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. O vencemento do prazo máximo sen que se notifique a resolución expresa faculta o interesado para entender como desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

4. A resolución de adxudicación, que se notificará segundo os termos previstos no artigo 10.6 pon fin á vía administrativa de acordo co artigo 114 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e contra esta cabe interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado a partir da data de notificación da mesma aos interesados ou recurso contencioso administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados dende a data de notificación.

5. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da bolsa e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación ou revogación da resolución da concesión.

6. A resolución será obxecto de publicidade a través da páxina web da Consellería competente en materia de Cultura, https://www.cultura.gal/gl/servizos e a través da páxina web do Portal de Arquivos de Galicia http://arquivosdegalicia.xunta.gal

Artigo 15. Aceptación das bolsas

1. As persoas que resultasen adxudicatarias dunha das bolsas convocadas elixirán o seu destino por orde de puntuación.

2. A dirección xeral competente en materia de cultura poderá adxudicar outro destino en función do desenvolvemento da bolsa e das circunstancias que poidan acaecer.

3. Dentro dos dez días naturais seguintes á notificación da resolución definitiva, as persoas beneficiarias das bolsas deberán comunicar á dirección xeral competente en materia de cultura a súa aceptación. De non facelo no prazo indicado se entenderá tacitamente aceptada segundo o establecido no artigo 21.5 da Lei de subvencións de Galicia.

4. Así mesmo, de non presentarse no centro de destino na data estipulada, o nomeamento quedará sen efecto e será motivo de exclusión na seguinte convocatoria. A dirección xeral competente en materia de cultura procederá ao chamamento de suplentes para cubrir estas prazas.

5. A aceptación dunha bolsa de museos ou de bibliotecas convocadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude no programa 2026-2027 comporta a exclusión da listaxe de suplentes das bolsas de arquivos convocada ao abeiro desta orde.

6. A aceptación da bolsa supón o compromiso implícito de manter a confidencialidade da información obtida no desenvolvemento das actividades obxecto destas bolsas, de acordo coa normativa aplicable.

Artigo 16. Nomeamento de suplentes

1. Nos supostos previstos no artigo 15, de non aceptación ou renuncia das persoas beneficiarias, procederase ao nomeamento como beneficiarias daquelas persoas que figuren na listaxe de suplentes, por orde de prelación.

2. Así mesmo, poderase proceder ao nomeamento de novo persoal bolseiro da listaxe de suplentes non casos de revogación ou renuncia das bolsas xa iniciadas, atendendo á posibilidade do aproveitamento da formación por parte da persoa chamada, tendo en conta o tempo que reste ata a finalización da bolsa.

3. Para a cobertura de vacantes, efectuarase un chamamento por correo electrónico á un máximo de 5 persoas por praza de entre aquelas que ocupen os primeiros postos das listas de suplentes, informándolles do lugar de destino da bolsa ofertada e da orde que ocupan no chamamento.

As persoas interesadas terán un prazo de tres días naturais para aceptar ou rexeitar por correo electrónico o chamamento. A bolsa adxudicarase a aquela persoa que aceptase en prazo e que ocupe a posición máis alta de entre as chamadas. Se ningunha das persoas convocadas chamadas acepta, repetirase o procedemento.

A non aceptación suporá a exclusión da listaxe para posteriores chamamentos, pero non penalizará para o acceso á bolsa en futuras convocatorias.

Artigo 17. Pagamento das bolsas e xustificación

1. O pagamento das bolsas axustarase á normativa orzamentaria de aplicación. Terá unha periodicidade mensual, de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias, unha vez que o persoal bolseiro presentase a documentación fixada no artigo 18.d).

2. Ás persoas adxudicatarias das bolsas poderáselles requirir a documentación necesaria para proceder ao pagamento desta bolsa.

3. Así mesmo, as persoas das bolsas están obrigadas a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 18. Obrigas das persoas bolseiras

Ademais das obrigas previstas polo artigo 11 da Lei de subvencións de Galicia, as persoas bolseiras seleccionadas quedan obrigadas a:

a) Incorporarse ao destino adxudicado na data que estipule a Dirección Xeral competente en materia de cultura. A non incorporación na data sinalada implicará a perda automática dos dereitos inherentes á bolsa concedida.

b) Asistir aos centros onde resulten destinados de acordo coas directrices que fixen os responsables da execución do programa de formación. O horario será o establecido no centro de destino.

c) Seguir as indicacións da dirección do arquivo e dos servizos técnicos coordinadores.

d) Entregar mensualmente ao Servizo competente en materia de arquivos un informe da actividade formativa realizada asinado pola dirección do arquivo e polo persoal bolseiro.

e) Entregar, ao finalizar a bolsa, unha memoria final explicativa correspondente ás actividades formativas desenvolvidas durante o tempo de desfrute da bolsa, asinada polo persoal bolseiro e pola dirección do arquivo. Na devandita memoria, a dirección do centro deberá facer constar se a formación se realizou con aproveitamento.

Artigo 19. Desenvolvemento das bolsas

1. Durante o desfrute da bolsa, a dirección xeral competente en materia de cultura poderá autorizar a interrupción temporal da mesma por un prazo máximo de 10 días hábiles, a petición da persoa interesada e logo de informe da dirección do arquivo correspondente. Esta interrupción será remunerada e non terá que ser xustificada nin recuperada.

2. A condición de persoa bolseira non implica relación funcionarial nin laboral coa consellería competente en materia de cultura, nin compromiso que se estenda máis alá do seu ámbito de duración.

3. Para a utilización do material e a información obtidos como resultado das actividades formativas desenvolvidas durante a bolsa, as persoas bolseiras deberán contar coa autorización expresa e previa da consellería competente en materia de cultura e do centro onde estiveron destinados.

4. Ao remate da bolsa, a dirección xeral competente en materia de cultura, logo da entrega dos informes e memorias entregadas e do informe favorable da dirección do centro correspondente, expedirá unha certificación acreditativa do período formativo realizado.

Artigo 20. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación ou revogación da resolución de concesión.

Artigo 21. Renuncias, revogación e reintegro de cantidades

1. A renuncia á bolsa, unha vez comezado o desfrute desta, deberá ser comunicada mediante o correspondente anexo II. Comunicación de renuncia á bolsa, dirixido á dirección xeral competente en materia de cultura polo menos con sete días de antelación á data en que solicite sexa efectiva a súa renuncia. A renuncia dará lugar á devolución das cantidades percibidas en exceso, se procede, e determinará a perda dos dereitos económicos da parte da bolsa non desfrutada.

2. O persoal técnico e facultativo que coordine e dirixa ao persoal bolseiro poderá proporlle á dirección xeral competente en materia de cultura a revogación da bolsa por falta de dedicación ou incumprimento das obrigas sinaladas.

3. Procederá o reintegro das cantidades percibidas e a esixencia dos xuros de mora cando proceda nos casos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 22. Réxime sancionador

As infraccións administrativas cometidas en relación coas bolsas reguladas nesta orde sancionaranse de conformidade co disposto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 23. Réxime xurídico

Para todos aqueles extremos non previstos nas presentes bases, aplicarase a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e a súa normativa de desenvolvemento; a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e os preceptos básicos do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o regulamento da Lei 38/2003, e a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das Administracións públicas. Será de aplicación o Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e condicións de inclusión no Réxime Xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social.

Artigo 24. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016,do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Disposición adicional

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira

Autorízase o director xeral competente en materia de cultura para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude
P.D. (Orde do 28.6.2024)
Elvira María Casal García
Secretaria xeral técnica da Consellería de Cultura,
Lingua e Xuventude

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file