DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Luns, 12 de xaneiro de 2026 Páx. 1721

III. Outras disposicións

Fondo Galego de Garantía Agraria

RESOLUCIÓN do 23 de decembro de 2025 pola que se notifican as resolucións das solicitudes das axudas relativas ás intervencións ambientais e climáticas do PEPAC 2023-2027 para a campaña 2025, cofinanciadas ao 80 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

Mediante a Orde do 25 de febreiro de 2025 (DOG núm. 44, do 5 de marzo) a Consellería do Medio Rural regulou a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control.

O artigo 27 da citada orde dispón que as notificacións das resolucións se farán conforme o establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia, cunha ligazón á páxina web do Fogga. As persoas interesadas propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez días para a aceptación da resolución. Transcorrido o dito prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada e non será admisible a renuncia posterior.

Por outra banda, de conformidade cos artigos 15 e 25.2 da Orde do 25 de febreiro de 2025 e co Decreto 7/2014, do 16 de xaneiro, polo que se aprobaron os estatutos do organismo autónomo Fondo Galego de Garantía Agraria (en diante, Fogga), atribuíuse á Dirección do Fogga a competencia de resolver os procedementos de concesión destas axudas.

De acordo co anterior,

RESOLVO:

Primeiro. Facer pública na web do Fogga a relación de solicitudes aprobadas e denegadas das axudas relativas ás intervencións agroambientais e climáticas do plan estratéxico da PAC, ao abeiro da Orde do 25 de febreiro de 2025.

As persoas interesadas poden acceder á dita web na seguinte ligazón:

https://fogga.xunta.gal/es/pac/resoluciones-de-ayudas

Segundo. Poñer á disposición das persoas interesadas as resolucións completas das solicitudes indicadas no punto primeiro mediante a aplicación para teléfonos móbiles Sga@pp dispoñible en Google Play ou en App Store e no portal de axudas PAC a través da seguinte ligazón:

https://fogga.xunta.gal/gl/pac/consultas_pac/portal_de_axudas_pac

Neste portal, cada persoa interesada poderá acceder ao contido da súa resolución mediante certificado dixital, DNI-e (DNI electrónico) ou empregando Chave365. A información sobre a forma de alta en Chave365 está na ligazón que se indica a seguir:

https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365

Terceiro. Contra as citadas resolucións, que non poñen fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da presidencia do Fogga no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao desta publicación, consonte o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. O prazo de interposición concluirá o mesmo día desta publicación no mes de vencemento, de conformidade co artigo 30.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2025

Juan José Cerviño Varela
Director do Fondo Galego de Garantía Agraria