DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Luns, 12 de xaneiro de 2026 Páx. 1723

III. Outras disposicións

Universidade de Vigo

RESOLUCIÓN do 26 de decembro de 2025 pola que se ordena a publicación do acordo polo que se adapta o Regulamento electoral xeral da Universidade de Vigo á Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario.

Exposición de motivos

O Claustro Universitario da Universidade de Vigo, na súa sesión do 19 de decembro de 2025, aprobou a adaptación do Regulamento electoral xeral da Universidade de Vigo á Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario.

Por isto, este reitorado

RESOLVE:

Ordenar a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do acordo polo que se adapta o Regulamento electoral xeral da Universidade de Vigo á Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario, aprobado polo Claustro Universitario da Universidade de Vigo na súa sesión do 19 de decembro de 2025.

Vigo, 26 de decembro de 2025

Manuel Joaquín Reigosa Roger
Reitor da Universidade de Vigo

ANEXO

Acordo polo que se adapta o Regulamento electoral xeral da Universidade de Vigo á Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario

(aprobado no Claustro Universitario o 19 de decembro de 2025)

Exposición de motivos

O Regulamento electoral xeral da Universidade de Vigo, aprobado no Claustro Universitario o 15 de outubro de 2019 e modificado nas sesións do 16 de outubro de 2020, 29 de outubro e 17 de decembro de 2021, precisa unha actualización para cumprir as disposicións de aplicación directa recollidas na Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario (en diante, LOSU). Esta norma introduce cambios relevantes no réxime electoral universitario, especialmente no relativo á duración dos mandatos dos órganos unipersoais, á presidencia da Comisión Electoral, aos requisitos para a elección do reitorado e ao sistema de ponderación dos votos.

Os novos estatutos da Universidade de Vigo están a tramitarse e pendentes de aprobación polos órganos competentes, polo que non resulta procedente acometer unha reforma integral do Regulamento electoral xeral neste momento. Porén, é necesario introducir modificacións puntuais e de carácter transitorio que garantan a adecuación do réxime electoral ás previsións legais vixentes.

Estas modificacións afectan, entre outros aspectos, a composición da Comisión Electoral, a duración dos mandatos dos cargos unipersoais, os requisitos para ser elixido reitor ou reitora, o sistema de cómputo dos votos e a adaptación das categorías de persoal e da súa denominación conforme a LOSU.

En consecuencia, este acordo ten como finalidade asegurar a correcta aplicación da normativa estatal no ámbito electoral universitario, mediante a modificación parcial do Regulamento electoral xeral da Universidade de Vigo, ata que se aproben os novos estatutos.

En virtude do anterior, o Claustro Universitario da Universidade de Vigo, na súa sesión do 19 de decembro de 2025, adopta o seguinte

ACORDO:

Artigo único. Modificación do Regulamento electoral xeral da Universidade de Vigo

O Regulamento electoral xeral da Universidade de Vigo (REX) modifícase nos seguintes termos:

Un. Modifícase o punto 2.a) do artigo 8 do Regulamento electoral xeral da Universidade de Vigo, que queda redactado do seguinte xeito:

Artigo 8. A comisión electoral

2. A comisión electoral estará composta:

a) Pola/o secretaria/o xeral, que a preside, quen poderá delegar nun dos/das vicerreitores/as.

A persoa que desenvolva as funcións da secretaría será elixida entre os membros da comisión electoral que teñan a condición de funcionarios da Universidade de Vigo.

Dous. Modifícase o punto 1 do artigo 50 do Regulamento electoral xeral da Universidade de Vigo, que queda redactado do seguinte xeito:

Artigo 50. A elección do/da reitor/a

1. A comunidade universitaria elixirá o/a reitor/a, mediante elección directa por sufraxio universal ponderado e secreto, por un período de seis anos improrrogables e non renovables, entre o persoal docente e investigador permanente doutor a tempo completo, en activo, que preste os seus servizos na Universidade de Vigo e posúa, como mínimo, os requisitos fixados no punto 3 da disposición transitoria primeira da Lei orgánica 2/2023, do sistema universitario, isto é, contar con tres sexenios de investigación, tres quinquenios docentes e acreditar catro anos de experiencia en cargos unipersoais de xestión universitaria.

Tres. Modifícase o punto 1 do artigo 73 do Regulamento electoral xeral da Universidade de Vigo, que queda redactado do seguinte xeito:

Artigo 73. Disposicións comúns

1. As/os decanas/os e as/os directoras/es de centro elixiranse por un período de seis anos improrrogables e non renovables.

Catro. Incorpórase unha nova disposición adicional ao Regulamento electoral xeral da Universidade de Vigo.

Disposición adicional quinta. Referencias ao persoal de administración e servizos

Todas as referencias contidas neste regulamento ao persoal de administración e servizos deberán entenderse feitas ao persoal técnico, de xestión e de administración e servizos.

Disposición transitoria única. Secretaría da Comisión Electoral

A designación da secretaría da Comisión Electoral efectuarase na primeira sesión celebrada tras a entrada en vigor deste acordo.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta modificación, unha vez aprobada polo Claustro Universitario, entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG).