DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Martes, 13 de xaneiro de 2026 Páx. 2136

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 19 de decembro de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos en zonas rurais, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da política agrícola común 2023-2027 en Galicia, e se anuncia a convocatoria para o ano 2026, mediante tramitación anticipada de gasto (código de procedemento MR711D).

O Regulamento (UE) 2021/2115 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021, polo que se establecen normas en relación coa axuda aos plans estratéxicos que deben elaborar os Estados membros no marco da política agrícola común financiada con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e polo que se derrogan os regulamentos (UE) nº 1305/2013 e (UE) nº 1307/2013, establece as normas que regulan os obxectivos xerais e específicos que deben perseguirse coa axuda da Unión financiada no marco da política agrícola común, os tipos de intervencións e requisitos comúns para que os Estados membros persigan os ditos obxectivos, así como os plans estratéxicos da PAC que deben elaborar os Estados membros, e que establecen as metas, as condicións das intervencións e a asignación dos recursos financeiros, de conformidade cos obxectivos específicos e as necesidades recoñecidas.

Neste contexto, e mediante a Decisión de execución da Comisión do 31 de agosto de 2022 aprobouse o Plan estratéxico da PAC 2023-2027 de España para a axuda da Unión financiada polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía e o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (CCI: 2023ES06AFSP001), modificada mediante a Decisión de execución da Comisión do 14 de agosto de 2025.

No marco da intervención 6872 levaranse a cabo investimentos que favorezan a permanencia no medio rural, en particular, mediante a dotación de infraestruturas e equipamentos en servizos básicos, co fin de mellorar as condicións de vida da poboación rural, e evitar desta forma o despoboamento.

Para esta intervención, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural configúrase como unha entidade xestora. Esta atribución competencial é coherente coa natureza desta entidade, nos termos definidos no artigo 6 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia (DOG núm. 94, do 21 de maio).

De acordo con esta norma, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural configúrase como unha axencia pública autonómica, nos termos previstos na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, ten a consideración de medio propio e servizo técnico da Comunidade Autónoma de Galicia, e actúa como instrumento básico na promoción e coordinación do desenvolvemento do territorio rural galego, co obxectivo de mellorar as condicións de vida dos seus habitantes e de evitar o despoboamento.

En concreto, correspóndelle á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural a xestión das medidas e actuacións que se lle encomenden no marco da programación dos fondos europeos de desenvolvemento rural, así como daquelas que teñan por obxecto a revitalización do tecido produtivo e a fixación de poboación en áreas rurais, nunha aposta pola recuperación demográfica e pola creación dunhas condicións de vida de calidade no medio rural.

Esta actuación estratéxica canalizarase a través da concesión de subvencións a favor das entidades locais para executar obras e prestar servizos básicos locais no marco dos principios de colaboración e cooperación que rexen as relacións entre os municipios e a Administración autonómica, nos termos previstos na Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Neste contexto, cómpre tramitar un procedemento de concesión de axudas no marco da intervención 6872, Investimentos en servizos básicos en zonas rurais, co fin de apoiar a prestación de servizos básicos locais que propicien a implantación de actividades que poidan xerar emprego e fixar poboación, na procura de satisfacer as necesidades dos habitantes das zonas rurais e das empresas que se localicen nesas áreas.

A tramitación deste expediente acóllese á Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, que regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, polo que a aprobación do expediente queda condicionada á efectiva existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma para 2026.

Esta convocatoria de axudas está cofinanciada co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural nunha porcentaxe do 60 %.

Tendo en conta o anterior, a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, no exercicio das competencias delegadas polo Acordo do Consello Reitor desta axencia do 11 de xullo de 2013 (Resolución do 24 de xullo de 2013, DOG núm. 148, do 5 de agosto),

RESOLVE:

Artigo 1. Obxecto

1. O obxecto desta resolución é establecer as bases reguladoras das axudas que xestiona a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural no marco da intervención 6872, Investimentos en servizos básicos en zonas rurais (subintervención 6872_07, Servizos básicos en entidades de poboación), do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 en Galicia, para proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais en entidades de poboación situadas nas zonas rurais de Galicia, e convocar as correspondentes ao exercicio orzamentario 2026.

2. As axudas consisten en subvencións directas de capital.

O procedemento de concesión tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, nos termos previstos no artigo 20 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, LSG).

3. O código identificativo do procedemento administrativo na sede electrónica da Xunta de Galicia será o MR711D.

Artigo 2. Financiamento

1. Para o financiamento desta convocatoria está previsto un crédito de 5.000.000 € con cargo á aplicación orzamentaria 15-A1-712A-760.0 dos orzamentos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para o ano 2026 (código de proxecto 2026-00002).

Este crédito está cofinanciado nun 60 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (no marco da intervención 6872 do Plan estratéxico da PAC 2023-2027, Investimentos en servizos básicos en zonas rurais (subintervención 68720_07, Servizos básicos en entidades de poboación), nun 12 % pola Administración xeral do Estado e nun 28 % pola Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Esta convocatoria de axudas tramítase conforme o establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro do 2000 e do 25 de outubro de 2001, relativa á tramitación anticipada de expedientes de gasto, polo que queda condicionada a súa eficacia a que exista crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026. Así mesmo, a concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

3. As contías indicadas poderán incrementarse en función das solicitudes presentadas, sempre que teña lugar unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito ou existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa, segundo prevén o artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da devandita lei, e debe publicarse no DOG o aludido incremento de contía.

Artigo 3. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarios das axudas xestionadas ao abeiro destas bases reguladoras os concellos de Galicia que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter remitido ao Consello de Contas de Galicia as contas do último exercicio orzamentario a que legalmente estea obrigado, antes do vencemento do prazo de presentación da solicitude de axuda.

b) Estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública de Galicia. Este requisito comprobarase con anterioridade a ditar a correspondente proposta de resolución de concesión, tendo en conta o límite máximo para resolver este procedemento, segundo o que se determina no artigo 18 desta resolución.

c) Ter a titularidade ou, de ser o caso a dispoñibilidade, durante un período mínimo de cinco anos dos bens sobre os cales se vai actuar.

2. Non poderán ter a condición de beneficiarios os concellos que estean incursos nalgunha das prohibicións establecidas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Actuacións subvencionables

1. Serán subvencionables as actuacións destinadas á dotación de infraestruturas e equipamentos de servizos básicos destinadas a:

a) Instalación, ampliación ou mellora das redes de iluminación pública.

b) Construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de espazos públicos (prazas, parques públicos, parques infantís, paseos e rúas etc.).

c) Construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de edificios ou dependencias municipais destinados á prestación de servizos básicos e/ou dotación de equipamentos destes edificios ou dependencias.

d) Construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de instalacións deportivas de uso público e/ou dotación de equipamentos das referidas instalacións.

e) Rehabilitación de elementos patrimoniais (fontes, lavadoiros, hórreos, muíños...) ou, de ser o caso, da súa contorna.

f) Implantación e mellora de servizos asistenciais (atención á infancia, centros de día, residencias para maiores, dependentes ou discapacitados, centros formativos e de inserción/reinserción laboral/social etc.).

g) Implantación e mellora de servizos culturais (bibliotecas, casas de cultura, centros de interpretación, museos etc.).

h) Centros de servizos, así como pequenas infraestruturas e/ou equipamentos a pequena escala que fomenten a cooperación, servizos e implantación ou mellora das empresas no medio rural.

i) Infraestruturas e/ou equipamentos de uso compartido vinculados coa transformación e comercialización de produtos agroalimentarios.

j) Implantación e mellora de equipamentos vinculados á prestación doutros servizos municipais.

Para proxectar as actuacións incluídas nas subalíneas anteriores, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural porá á disposición dos concellos solicitantes, a través da páxina web https://agader.xunta.gal/gl/linas-de-axuda, a Guía de boas prácticas para intervencións nos núcleos rurais, que constitúe o instrumento para racionalizar o crecemento dos núcleos rurais ofrecendo modelos e alternativas que conserven e potencien un modelo de asentamento sustentable e respectuoso co medio e a paisaxe.

2.Todos os proxectos subvencionables deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Que non estean iniciados na data de presentación da solicitude da axuda.

Para estes efectos, considerarase como inicio do investimento o comezo dos traballos de construción ou ben o primeiro compromiso en firme para o pedido dos equipamentos ou outro compromiso que faga o investimento irreversible e que vincule xuridicamente o solicitante, se esta data é anterior.

Os solicitantes poderán iniciar a execución das actuacións para as cales solicita a axuda antes da resolución de concesión, sempre que acrediten que non están iniciadas na data de solicitude da axuda mediante acta que reflicta fidedignamente o non inicio das actuacións, na forma establecida no artigo 10.1.g) desta resolución.

b) Que se desenvolvan no territorio de Galicia, con excepción das parroquias clasificadas como zonas densamente poboadas (ZDP) atendendo á clasificación para as parroquias galegas segundo o grao de urbanización denominada GU 2016 (IGE, 2016). No enderezo da páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, https://agader.xunta.gal/gl/linas-de-axuda, estará dispoñible a relación de zonas densamente poboadas (ZDP).

c) Que sexan finalistas, é dicir, que no momento do pagamento final cumpran os obxectivos e funcións para os cales se lles concedeu a axuda. Non se admitirán fases de proxectos.

d) Que sexan viables técnica e financeiramente.

e) Que se axusten á normativa sectorial que resulte de aplicación para cada tipo de proxecto, así como ás especificacións indicadas nesta resolución.

Artigo 5. Investimentos subvencionables

1. Serán subvencionables os seguintes gastos:

a) A construción, adquisición e mellora de inmobles que vaian ser utilizados en relación cos obxectivos do proxecto.

No caso de adquisición de inmobles, o importe subvencionable non poderá superar o 50 % do total dos gastos subvencionables.

Deberán cumprirse os condicionantes seguintes:

– Que se xunte un informe dun taxador independente, acreditado como tal, cualificado ou dun organismo debidamente autorizado que confirme que o prezo de compra non supera o valor do mercado e que o ben se axusta á normativa que resulte de aplicación. De ser o caso, a taxación deberá diferenciar o valor da edificación e o valor do terreo ou parcela en que se asente.

– O ben inmoble non pode ter sido obxecto nos últimos 10 anos de ningunha subvención nacional ou comunitaria.

– Os edificios quedarán afectos ao destino previsto durante un período non inferior a 5 anos ou o tempo que exixa a normativa sectorial.

– Non será subvencionable a compra de inmobles que vaian ser derrubados.

– O inmoble deberá constituír o elemento principal da adquisición. Non se considerará que a edificación constitúe o elemento principal cando o valor de mercado do solo exceda o valor de mercado da edificación.

b) Adquisición de terreos, por un valor inferior ao 10 % do total dos gastos subvencionables.

Deberá xuntarse un informe dun taxador independente, acreditado como tal, cualificado ou dun organismo debidamente autorizado que confirme que o prezo de compra non supera o valor do mercado e que o ben se axusta á normativa que resulte de aplicación.

c) Obra, maquinaria e bens de equipamento necesarios para a execución do proxecto.

d) Custos xerais asociados aos investimentos que se efectúen, tales como honorarios de proxecto, dirección de obra e estudos de viabilidade, ata o límite do 12 % do investimento subvencionable.

e) O imposto sobre o valor engadido (IVE), cando non sexa recuperable de acordo coa normativa en materia de subvencións.

2. Sen prexuízo de calquera outra actuación que non se considere subvencionable como consecuencia do previsto nesta resolución, na normativa xeral de subvencións ou na normativa específica que regula os fondos Feader, en ningún caso serán subvencionables:

a) Os gastos orixinados como consecuencia da adquisición de bens funxibles, gastos previsiblemente reiterativos, así como os gastos de funcionamento da actividade subvencionada.

b) Os proxectos relacionados coa prevención e extinción de incendios forestais.

c) As actuacións de mantemento e conservación da rede viaria municipal, agás rúas interiores.

d) As obras de mantemento ou simple reparación, así como actuacións exclusivamente ornamentais, ou aqueles destinados á colocación, substitución ou reparación de elementos ou pezas illadas en mobiliario ou equipamento público.

e) A reposición ou simple substitución de equipamento e/ou mobiliario público, maquinaria, salvo que a nova adquisición corresponda a elementos distintos dos anteriores, ben pola tecnoloxía utilizada ou polo seu rendemento ou eficiencia ambiental, que deberá xustificarse na memoria resumo do proxecto (anexo II).

f) Adquisición de maquinaria, equipamento e materiais de segunda man.

g) Equipamentos informáticos de oficina e licenzas informáticas en sistemas operativos e aplicacións de ofimática, e software en xeral.

h) Os investimentos que substitúan outros financiados anteriormente con fondos comunitarios e respecto dos que non transcorresen cinco anos desde a certificación da súa realización, así como os investimentos en rehabilitación de locais cuxa construción ou adquisición fose xa subvencionada con fondos comunitarios e aínda non pasasen cinco anos desde a súa execución.

i) Os conceptos do orzamento sen desagregar tales como «outros» ou partidas a tanto global.

j) Os investimentos realizados con carácter previo á presentación da solicitude da axuda.

Artigo 6. Intensidade da axuda

Con carácter xeral, a axuda financiará o 100 % dos gastos subvencionables, ata o importe máximo de 100.000 € de axuda.

Artigo 7. Incompatibilidade de axudas

1. No marco destas bases reguladoras, estas axudas son incompatibles con calquera outra subvención, axuda, ingreso ou recurso procedente de administracións ou entes públicos, nacionais ou internacionais, para os mesmos gastos e finalidade. En particular, o artigo 36 do Regulamento (UE) 2021/2116 establece que os gastos financiados no marco do Feader non poden optar a ningún outro financiamento con cargo ao orzamento da Unión.

2. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión ou, de ser o caso, ao reintegro da axuda.

3. A entidade beneficiaria deberá declarar outras axudas solicitadas, concedidas e/ou pagadas para o mesmo proxecto, nos termos previstos na solicitude de axuda (anexo I) e na solicitude de pagamento (anexo V).

Artigo 8. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. A notificación practicarase do seguinte xeito:

a) Enviaráselle ao concello interesado, ao enderezo de correo electrónico que facilita no formulario de solicitude de axuda, un aviso no cal se lle indica a posta á súa disposición da notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

b) Poderá acceder á citada notificación no taboleiro electrónico dispoñible na aplicación informática habilitada para estas axudas co usuario e contrasinal do solicitante, no enderezo da internet https://appsagader.xunta.gal/servizosbasicos2026

3. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Entenderase rexeitada cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

4. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Presentación de solicitudes

1. O prazo para presentar as solicitudes de axuda será dun (1) mes desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

De acordo co artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación; se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

2. Cada concello deberá presentar unha única solicitude de axuda, en que veñan definidas as actuacións propostas, ata un máximo de tres.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos.

Dentro do prazo establecido na convocatoria, os concellos interesados deberán cubrir previamente o formulario descritivo das circunstancias da entidade solicitante e do proxecto para o cal se solicita a subvención, a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e no enderezo da internet https://appsagader.xunta.gal/servizosbasicos2026

Para poder presentar a solicitude, é imprescindible que o concello solicitante ou o seu representante legal dispoña de DNI electrónico ou calquera outro certificado dixital expedido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT).

3. Para poder presentar as solicitudes de axuda, será necesario seguir os seguintes pasos:

a) No caso de que xa estivese dado de alta na aplicación informática habilitada para a xestión das axudas tramitadas no marco do procedemento MR711D deberá acceder co nome de usuario e contrasinal xa rexistrados para estas convocatorias.

Noutro caso, deberá darse de alta na citada aplicación informática. O nome de usuario será sempre o NIF da entidade solicitante; o contrasinal será o determinado por esta.

Na aplicación está dispoñible un servizo de recuperación de contrasinais.

b) Necesariamente deberán cubrirse todos os campos establecidos como obrigatorios; así mesmo, débese anexar a documentación referida no artigo 10.

c) Unha vez cuberto o formulario, a entidade solicitante poderá presentar a súa solicitude de axuda.

No momento da presentación, a aplicación informática expedirá un recibo acreditativo do feito da presentación e xerará de forma automática o anexo I (solicitude de axuda) e o anexo II (memoria resumo do proxecto). A publicación no DOG dos citados anexos ten carácter puramente informativo.

4. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

5. A aplicación informática disporá de instrucións de axuda para consulta dos solicitantes. No caso de dificultades técnicas ou no caso de requirir máis información, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural pon á disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través do número de teléfono 981 54 73 69, e o enderezo de correo electrónico subdireccion-planificacion.agader@xunta.gal

Artigo 10. Documentación complementaria

1. Para cada solicitude de axuda, os concellos solicitantes deberán presentar xunto co formulario normalizado de solicitude (anexo I), a seguinte documentación:

a) Memoria xustificativa segundo o anexo II, en que se detalle a necesidade das obras ou equipamentos para os cales se solicita a subvención e, de ser o caso, a súa viabilidade técnica.

Deberase ter en conta que a información resultante desta memoria se considerará, se for o caso, para a selección da solicitude de axuda, nos termos establecidos no artigo 16 desta resolución.

Esta memoria xustificativa incluirá un cadro resumo do orzamento, con identificación das partidas a que se imputa o gasto para o cal se solicita a axuda, así como unha xustificación dos beneficios da actuación para a poboación.

b) No caso de actuacións que comporten a execución de obra, deberá presentar o/os proxecto/s ou anteproxecto/s asinado/s pola persoa técnica redactora, co seguinte contido mínimo:

– Memoria descritiva das necesidades detectadas e das actuacións propostas.

– Orzamento desagregado, indicando unidades de obra, medicións, prezos unitarios e descompostos.

– Planos de situación e de detalle.

– Referencia catastral e coordenadas UTM das actuacións propostas.

c) No caso de actuacións que comporten a dotación de mobiliario ou bens de equipamento, deberá presentarse unha memoria valorada en que se describa de forma detallada e o equipamento para o cal se solicita a axuda, con desagregación de elementos unitarios e importe.

d) Certificación expedida pola persoa titular da secretaría da entidade local, acreditativa dos seguintes aspectos:

– Da designación legal do representante da entidade solicitante.

– Do acordo da entidade municipal relativo á participación nesta convocatoria de axudas.

– Da titularidade municipal ou dispoñibilidade dos terreos ou inmobles onde se van realizar os investimentos.

– De que a entidade solicitante remitiu ao Consello de Contas as contas do último exercicio orzamentario a que legalmente está obrigada. Nesta certificación deberá quedar acreditado que a remisión se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación da solicitude da axuda.

e) Informe asinado por técnico/a municipal competente, indicando se a actuación proposta foi obxecto ou non de subvencións con fondos comunitarios nos últimos cinco anos ou incide en locais cuxa construción ou adquisición fose xa subvencionada con fondos comunitarios no mesmo período.

A maiores, nos casos de actuacións que comporten a execución de obra, deberá indicar:

1º. Se as actuacións cumpren coa lexislación urbanística e sectorial, así como co planeamento en vigor.

2º. Se resultan necesarios permisos e/ou autorizacións sectoriais, con indicación daqueles que se deben incorporar ao expediente.

f) Declaración asinada pola persoa titular da alcaldía de que o concello solicitante está ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, para os efectos previstos no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 11/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) Acta asinada por un/unha técnico/a municipal, que teña a condición de empregado público, ou pola persoa titular da secretaría municipal, que reflicta fidedignamente o non inicio das actuacións incluídas na solicitude de axuda. Para estes efectos, estará dispoñible no enderezo da internet https://appsagader.xunta.gal/servizosbasicos2026 un modelo normalizado de acta.

h) De ser o caso, certificado dun taxador independente, debidamente acreditado ou dun órgano ou organismo público autorizado, que acredite que o prezo de compra do ben inmoble non excede o valor de mercado, cando o/s proxecto/s comporten a adquisición de inmobles ou terreos.

i) De ser o caso, documentación acreditativa de que os investimentos inciden sobre bens incluídos no inventario do patrimonio cultural ou catalogados no correspondente plan xeral de ordenación municipal, nos termos previstos no artigo 16.1.b.2º desta resolución.

j) Calquera outra documentación adicional que a persoa interesada considere conveniente para a correcta avaliación e selección do proxecto.

Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, poderá requirírselle ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para tramitar e resolver o procedemento.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

No caso de que os proxectos de obra superen o tamaño límite establecido pola sede electrónica, ou teñan un formato non admitido, os promotores poderán dividir o arquivo electrónico correspondente, xerando varios arquivos de menor tamaño, ou ben optar pola súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos, en formato CD. Neste último caso, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 11. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que os concellos interesados se opoñan á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Concesións de subvencións e axudas.

d) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 12. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 13. Instrución do procedemento

1. Os actos de instrución do procedemento en virtude dos que deba ditarse a resolución de concesión competerán á Subdirección de Planificación e Dinamización do Medio Rural.

2. Na fase de instrución do procedemento comprobarase que a operación cumpre as obrigas establecidas pola normativa da Unión Europea, a lexislación nacional e o Programa de desenvolvemento rural, entre elas as relativas ás axudas estatais e demais normas e requisitos obrigatorios. En particular, verificarase:

a) A admisibilidade da entidade beneficiaria.

b) A admisibilidade da operación proposta.

c) A elixibilidade dos investimentos propostos.

d) O cumprimento dos criterios de selección de operacións.

e) A localización do investimento en territorio elixible.

3. Logo da presentación da solicitude da axuda e durante a instrución do procedemento, non se admitirá ningunha modificación dos investimentos para os cales se solicita axuda que supoña o incremento do seu importe.

4. Na fase de instrución do procedemento os servizos dependentes do órgano instrutor poderán realizar unha visita de comprobación ao lugar da operación, co fin de comprobar a viabilidade dos investimentos propostos.

Artigo 14. Emenda da solicitude

1. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano instrutor requiriralle á entidade interesada que a emende no prazo máximo e improrrogable de dez (10) días, nos termos previstos no artigo 68 da Lei 39/2015, coa indicación de que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa solicitude, logo de resolución que deberá ditarse nos termos previstos no citado artigo.

2. As notificacións do requirimento de emenda efectuaranse por medios electrónicos, nos termos previstos no artigo 8 desta resolución.

3. A documentación a que se refire a emenda presentarase de forma electrónica a través do enderezo da internet https://appsagader.xunta.gal/servizosbasicos2026, acudindo á aplicación informática habilitada para a xestión destas axudas.

4. Co fin de completar a instrución do procedemento, poderá requirírselle á entidade solicitante que achegue aqueles datos, documentos complementarios ou aclaracións que resulten necesarios para tramitar e resolver o procedemento.

5. Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar con posterioridade á presentación da solicitude de axuda deberán realizarse electronicamente accedendo á aplicación informática habilitada para a xestión das axudas, accesible desde o enderezo da internet https://appsagader.xunta.gal/servizosbasicos2026

Artigo 15. Selección das solicitudes

As áreas dependentes do órgano instrutor valorarán as solicitudes de axuda que reúnan todos os requisitos e conten con toda a documentación necesaria prevista nestas bases reguladoras.

A valoración realizarase en réxime de concorrencia competitiva, tendo en conta os datos e a documentación achegada pola entidade solicitante e segundo os criterios de selección de operacións previstos no artigo seguinte.

Excluiranse aquelas solicitudes de axuda que, logo da súa selección, de acordo cos criterios aplicables, obteñan unha puntuación inferior a 30 puntos, ao considerarse que non acadan os niveis mínimos de viabilidade e cobertura dos obxectivos desta convocatoria de axudas.

Artigo 16. Criterios de selección de operacións

1. En aplicación do artigo 79 do Regulamento (UE) nº 2021/2015 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021, aplicaranse os seguintes criterios para a selección das actuacións proxectadas:

a) Criterios en función da localización do proxecto, ata un máximo de 20 puntos.

1º. En función do número de habitantes do concello, segundo datos do IGE para o ano 2024, ata un máximo de 15 puntos.

– Concellos cuxa poboación sexa inferior a 1.000 habitantes: 15 puntos.

– Concellos cuxa poboación sexa igual ou superior a 1.000 habitantes e inferior a 2.500 habitantes: 12 puntos.

– Concellos cuxa poboación sexa igual ou superior a 2.500 habitantes e inferior a 5.000 habitantes: 9 puntos.

– Concellos cuxa poboación sexa igual ou superior a 5.000 habitantes e inferior a 10.000 habitantes: 6 puntos.

– Concellos cuxa poboación sexa igual ou superior a 10.000 habitantes e inferior a 20.000 habitantes: 3 puntos.

– Concellos cuxa poboación sexa igual ou superior a 20.000 habitantes: 0 puntos.

2º. A entidade solicitante presenta investimentos en aldeas modelo declaradas ao abeiro da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, ou da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia: 5 puntos.

3º. A entidade solicitante presenta investimentos en parroquias con territorio incluído na Rede Natura 2000: 5 puntos.

b) En función da tipoloxía de proxectos e investimentos propostos: ata un máximo 60 puntos.

1º. O proxecto prevé a execución de infraestruturas vinculadas á valorización, transformación e/ou comercialización de produtos agroalimentarios: 20 puntos.

2º. O proxecto prevé actuacións sobre bens incluídos no Inventario do patrimonio cultural ou catalogados no correspondente PXOM e/ou no seu ámbito de protección: 15 puntos.

3º. O proxecto de investimento prevé actuacións vinculadas á recollida, eliminación, valorización e reciclaxe de residuos: 15 puntos.

4º. O proxecto de investimento prevé infraestruturas destinadas a servizos sociais: 15 puntos.

5º. O proxecto prevé actuacións destinadas a fomentar o cambio cara a dinámicas de transporte e mobilidade máis sustentables: 15 puntos.

6º. O proxecto de investimento prevé a execución de infraestruturas destinadas a mellorar a accesibilidade das persoas con mobilidade reducida ou á supresión de barreiras arquitectónicas: 10 puntos.

7º. O proxecto de investimento prevé actuacións destinadas a infraestruturas de lecer, recreativas, culturais e deportivas: 10 puntos.

8º. O proxecto de investimento prevé actuacións destinadas a instalar e/ou mellorar a sinalización do concello: 7,5 puntos.

c) Criterios en función do apoio público: ata un máximo de 10 puntos.

1º. En atención ao importe do investimento auxiliable, ata 5 puntos.

– Proxectos cun investimento auxiliable superior a 100.000 €: 5 puntos.

– Proxectos cun investimento auxiliable igual ou inferior a 100.000 € e superior a 50.000 €: 3 puntos.

– Proxectos cun investimento auxiliable igual ou inferior a 50.000 €: 0 puntos.

2º. En función das axudas públicas percibidas polo concello ao abeiro da subintervención 6872_03 do PEPAC Galicia 2023-2027 ou ben da medida 741 do PDR de Galicia 2014-2020 xestionadas pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural nos últimos catro anos, ata 5 puntos:

– O concello non foi beneficiario de axudas: 5 puntos.

– O concello foi beneficiario de axudas: 0 puntos.

d) Criterios segundo as circunstancias do concello promotor: máximo 10 puntos.

1º. Concellos afectados pola vaga de incendios durante os meses de verán de 2025 e respecto dos que se declarase o nivel 2 de emerxencia: 5 puntos.

2º. Concellos definidos pola Comunidade Autónoma como zonas de montaña ao abeiro do artigo 32 do Regulamento (UE) nº 1305/2013: 5 puntos.

2. En caso de empate, a priorización de proxectos atenderá á maior puntuación obtida no criterio definido no número 1.a.1º, en función do número de habitantes do concello, segundo datos do IGE.

De persistir o empate, atenderase á puntuación obtida no criterio definido no número 1.b), en función da tipoloxía de proxectos e investimentos propostos.

Se aínda así persiste o empate, terase en conta a puntuación obtida no número 1.d.2º, concellos definidos como zonas de montaña.

Artigo 17. Proposta de resolución

1. Unha vez avaliadas as solicitudes, o órgano instrutor elaborará unha relación dos expedientes ordenada por orde decrecente de puntuación, en aplicación dos criterios de selección establecidos no artigo anterior.

2. Instruído o procedemento e inmediatamente antes de ditar a proposta de resolución, poñerase de manifesto aos concellos interesados, para que no prazo de dez días poidan alegar e presentar os documentos e xustificacións pertinentes. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polos interesados.

Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor confeccionará a relación definitiva de puntuacións outorgadas ás solicitudes e elevará a proposta de resolución á directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

3. A proposta de resolución expresará, de forma motivada, a relación de solicitudes para as cales se propón a concesión da axuda, coa identificación, en relación con cada unha, da persoa beneficiaria, a puntuación obtida no proceso de selección, o importe da axuda proposta e as fontes de financiamento.

Expresará tamén, de xeito motivado, a relación das solicitudes de axuda para as cales non se propón a concesión de subvención, por falta de documentación, por non reunir os requisitos ou por non acadar a puntuación mínima necesaria.

Artigo 18. Órgano competente

A persoa titular da Dirección Xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural resolverá motivadamente, por delegación do Consello de Dirección desta axencia, a selección dos proxectos.

O prazo límite para ditar resolución expresa e notificala será de cinco meses, contado desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes. A persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo se, transcorrido o prazo anterior, non se lle notificou resolución expresa.

Artigo 19. Notificación e publicación

1. Todas as resolucións e actos administrativos se notificarán nos termos establecidos nos artigos 40 e 41 da Lei 39/2015. A notificación farase exclusivamente a través de medios electrónicos, segundo o establecido no artigo 8 desta resolución.

Nas notificacións indicarase de modo expreso que a actuación se subvenciona a través do Feader e se enmarca dentro do PEPAC 2023-2027 de Galicia, na intervención 6872, Investimentos en servizos básicos en zonas rurais, subintervención 68720_07, Servizos básicos en entidades de poboación.

2. A resolución de concesión expresará a porcentaxe e o importe total da axuda que lle corresponde para a execución do proxecto, segundo o disposto no artigo 6 destas bases reguladoras.

3. Notificada a resolución e sen prexuízo dos recursos que procedan, se, transcorridos dez días hábiles desde a notificación, a entidade interesada non comunica expresamente a súa renuncia á subvención (anexo III) entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiaria.

4. Publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a relación de axudas que se concedan. Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (https://agader.xunta.gal).

Artigo 20. Obrigas das persoas beneficiarias

Sen prexuízo das demais obrigacións establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, os beneficiarios das axudas concedidas ao abeiro desta orde quedan obrigados a:

1. Cumprir o obxectivo, executar os investimentos e manter a obriga de destino das actuacións subvencionadas durante un período mínimo de cinco anos a partir da resolución de pagamento final.

No caso de execución de obras, estas deberán ter unha garantía de mantemento de cinco anos, contados desde a data de pagamento final da axuda. E serán por conta do concello os custos necesarios para a súa conservación. O concello debe asumir todas cantas responsabilidades dimanen das posibles irregularidades ou ilegalidades causadas por mor das obras, nos termos previstos na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014 (en adiante, LCSP).

2. Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións impostas para a concesión da axuda, así como o cumprimento da finalidade da subvención.

3. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos e executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamentou a concesión, segundo o estipulado no artigo 41 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Realizar o proceso de tramitación e adxudicación da contratación conforme as prescricións contidas na LCSP.

5. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

6. Consentir expresamente a inclusión dos datos relevantes da subvención nos rexistros públicos que proceda, conforme a disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o exercicio 2006, e no artigo 16 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A aceptación da axuda supón a súa publicación nunha lista pública de beneficiarios.

7. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

A maiores, ao tratarse de axudas cofinanciadas cos fondos do Feader, os beneficiarios deberán someterse á normativa de controis administrativos e sobre o terreo establecida no Real decreto 1047/2022, do 27 de decembro, polo que se regula o sistema de xestión e control das intervencións do Plan estratéxico e outras axudas da política agrícola común.

De conformidade co Regulamento (UE) 2021/2116, toda persoa ou entidade que reciba fondos da Unión debe cooperar na protección dos intereses financeiros desta. No caso de bases reguladoras, exíxese ás persoas ou entidades potenciais beneficiarias a obriga de asumir a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no ámbito de xestión da entidade, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeitas de fraude no ámbito dos fondos Feader.

8. Proporcionar á autoridade de xestión, aos avaliadores designados ou a outros organismos en que a devandita autoridade delegue a realización deste tipo de tarefas toda a información necesaria para poder realizar o seguimento e a avaliación do programa, en particular en relación co cumprimento de determinados obxectivos e prioridades, de conformidade co disposto no artigo 141 do Regulamento (UE) nº 2021/2115, do 2 de decembro de 2021.

9. Os beneficiarios deberán levar un sistema de contabilidade separado ou ben un código contable adecuado para todas as transaccións relativas á acción de cooperación subvencionada.

10. Cumprir coas obrigas de publicidade que se especifican a continuación, de conformidade co disposto nos anexos II e III do Regulamento 2022/129 da Comisión, do 21 de decembro de 2021, e particular:

a) Deberá colocarse en lugar visible ao público unha placa explicativa ou pantalla electrónica equivalente con información sobre o proxecto, que destaque a axuda financeira da Unión, con referencia expresa ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural, con inclusión do emblema de la Unión.

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural facilitará a través da súa páxina web os modelos, formatos e dimensións das placas informativas.

b) No caso de que o concello teña páxina web, incluirá unha breve descrición da operación con referencia ao financiamento da Unión Europea.

As referidas obrigas de publicidade deberán cumprirse durante un período mínimo de cinco anos contado desde a resolución de pagamento final da axuda.

11. Deberá conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, polo menos, durante o período de permanencia dos investimentos.

12. Os expedientes de contratación deberán estar dispoñibles no concello para a súa comprobación e, de ser o caso, deberá remitirse copia á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural se así se lle require ao concello.

13. Cando o concello beneficiario non poida executar o proxecto subvencionado, deberá presentar a súa renuncia a través do modelo normalizado que se incorpora á resolución como anexo III.

14. Conforme o previsto no artigo 64 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias das axudas poderán devolver voluntariamente na conta da entidade financeira Abanca número ES19 2080 0388 2831 1000 1396 as axudas percibidas, indicando os datos identificativos, o importe da axuda devolta, a denominación da axuda percibida e devolta, o número de expediente, a data de cobramento da axuda e a data de ingreso da devolución.

En todo caso, a persoa beneficiaria deberá remitir á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural a copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal consten a data do ingreso, o seu importe e o número de expediente e denominación da subvención concedida. Para estes efectos, no texto da operación farase constar sempre o concepto da devolución con indicación do número de expediente.

Artigo 21. Execución das actuacións subvencionadas

1. Os concellos beneficiarios deberán licitar e adxudicar as actuacións subvencionadas nos termos previstos na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.

2. Os concellos poderán tramitar calquera dos procedementos previstos no artigo 131 da LCSP. Non se admitirá a execución de obras a través de encomendas de xestión.

3. No caso de que opten por tramitar un contrato menor, e independentemente do disposto no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deberán solicitar e obter, como mínimo, tres ofertas de diferentes licitadores con carácter previo á contratación, salvo que non exista no mercado suficiente número de entidades que executen a prestación de que se trate. A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse na xustificación, realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa. A comparación das tres ofertas debe cumprir co establecido no artigo 82.4.a) do Real decreto 1047/2022 e no número 5.2.1.f) do Plan galego de controis non SIXC.

4. No caso de que se prevexan melloras como criterio de adxudicación, estas deberán estar suficientemente especificadas, nos termos previstos no artigo 145.7 da Lei 9/2017. No suposto de que as melloras incluídas no prego de cláusulas administrativas particulares non respecten o disposto no citado artigo , aplicarase un desconto sobre a axuda que se deberá pagar equivalente ao valor das melloras ofertadas polo contratista.

5. Independentemente do procedemento que se siga, as empresas ofertantes non poderán estar vinculadas entre elas, nos termos establecidos na lexislación de contratos do sector público.

6. En todo o proceso de licitación, os concellos coidarán especialmente de que en toda a documentación se faga constar que as actuacións que se van executar contan co cofinanciamento da Unión Europea a través do Feader, do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e da Xunta de Galicia.

Artigo 22. Prazo para a xustificación dos investimentos

1. O prazo límite para executar e xustificar os investimentos será o 18 de setembro de 2026.

Este prazo poderá ampliarse excepcionalmente ata o 2 de outubro de 2026 de acordo coas seguintes condicións:

– Que os concellos o soliciten de forma expresa e xustifiquen de xeito motivado a necesidade desta ampliación, segundo o modelo que se xerará automaticamente na aplicación informática que xestiona a convocatoria das axudas, https://appsagader.xunta.gal/servizosbasicos2026

– Que o concello teña solicitado a concesión dun pagamento anticipado antes do 1 de agosto de 2026 nos termos previstos no artigo 25 desta resolución.

Tanto a petición dos interesados como a decisión sobre a ampliación deberán producirse, en todo caso, antes do vencemento do prazo de que se trate.

Artigo 23. Xustificación dos investimentos

1. A presentación da solicitude de pagamento (anexo V) realizarase unicamente por medios electrónicos, a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e no enderezo da internet
https://appsagader.xunta.gal/servizosbasicos2026, dentro do prazo de execución e xustificación referido no artigo 22 desta resolución.

A documentación correspondente á xustificación do investimento presentarase, igualmente, de forma electrónica.

Tal e como dispón o artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia (en diante, RLSG), cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables nas xustificacións presentadas polas entidades beneficiarias, porállelos no seu coñecemento e concederalles un prazo de dez (10) días hábiles para a súa corrección.

No suposto de que transcorra o prazo establecido para a xustificación sen terse presentado esta, requirirase igualmente a entidade beneficiaria para que no prazo improrrogable de dez (10) días hábiles a presente, nos termos previstos no artigo 45.2 do RLSG.

Os requirimentos de emenda serán notificados tal e como se establece no artigo 8 desta resolución.

2. Xunto coa solicitude de pagamento, os concellos beneficiarios deberán presentar a seguinte documentación:

a) Factura/s rexistradas no Punto xeral de entrada de facturas electrónicas da Administración xeral do Estado (FACE) ou plataforma similar.

b) Xustificantes bancarios do pagamento (transferencia bancaria ou certificación bancaria).

c) No caso de proxectos que comporten a execución de obra, certificación/s de obra asinada/s polo/a director/a de obra.

d) Relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiarán a actividade subvencionada, con indicación do seu importe e procedencia.

O anexo V inclúe unha relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiarán a actividade subvencionada, con indicación do seu importe e procedencia.

e) No caso de que o concello opte por tramitar contratos menores, ben para obra ou ben para a adquisición de bens de equipamento, tres ofertas solicitadas segundo o exposto no artigo 21.3 desta resolución.

f) Certificación emitida e asinada electronicamente pola secretaría da entidade local beneficiaria, en que se faga constar:

– O acordo da aprobación polo órgano competente da entidade beneficiaria dos distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables ao proxecto subvencionado, coa seguinte relación: identificación do/da acredor/a, número de factura ou documento equivalente, certificación da obra, importe, data de emisión e data de recoñecemento da obriga polo órgano competente.

– O cumprimento da finalidade da subvención.

– Que, segundo informe da intervención municipal, se tomou razón en contabilidade, na fase de recoñecemento da obriga, dos gastos correspondentes á execución do proxecto subvencionado.

– Que na tramitación e contratación das obras se cumpriu a normativa de aplicación no ámbito local e, especificamente, a que rexe as contratacións das administracións públicas, con indicación do procedemento seguido para a súa tramitación e con expresión dos criterios de adxudicación que se tiveron en conta para a licitación e adxudicación das obras.

g) Listaxe de comprobacións para operacións de investimento público, que estará dispoñible no enderezo da internet https://appsagader.xunta.gal/servizosbasicos2026

h) Declaración asinada pola persoa titular da alcaldía de que o concello solicitante está ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, para os efectos previstos no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 11/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

i) Fotografía da placa publicitaria que acredite o cumprimento das obrigas de publicidade previstas no artigo 20.10 desta resolución.

j) Captura da páxina web do concello, con referencia ao financiamento do proxecto segundo o exposto no artigo 20.10 desta resolución, de ser o caso.

k) Para o suposto de adquisición de terreos ou inmobles, o documento de compravenda elevado a público e presentado no rexistro correspondente.

l) Informe asinado por técnico municipal do cal resulte que os proxectos contan cos permisos e autorizacións legalmente exixidos para levar a cabo as obras, e que na execución se respectou o contido destes.

En todo caso, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural poderá solicitarlle ao beneficiario as aclaracións ou informes que considere convenientes en relación coa xustificación da subvención concedida.

Artigo 24. Control administrativo da solicitude de pagamento

1. Os controis administrativos da solicitude de pagamento incluirán necesariamente as seguintes comprobacións:

– A operación finalizada en comparación coa operación para a cal se presentou a solicitude e se concedeu a axuda.

– Os custos contraídos e os gastos realizados.

2. Para todos os expedientes con subvencións superiores a 60.000 € realizarase unha visita de control in situ para comprobar o remate da operación obxecto de solicitude de pagamento final.

Sen prexuízo do anterior, naqueles casos en que da revisión documental do expediente non resulte suficientemente acreditado o cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a axuda, o órgano xestor poderá realizar as citadas visitas, para os efectos de asegurar a realidade dos investimentos subvencionados.

3. Os gastos xustificados deben coincidir cos compromisos adquiridos segundo a resolución de concesión da subvención. O pagamento calcularase sobre a base dos importes que se consideren admisibles durante o control administrativo da solicitude de pagamento.

O órgano xestor examinará a solicitude de pagamento presentada pola persoa beneficiaria e determinará os importes subvencionables e os que non o son. O pagamento calcularase sobre a base dos importes que se consideren admisibles durante o control administrativo da solicitude de pagamento.

Conforme o artigo 51 do Real decreto 147/2023, do 28 de febreiro, polo que se establecen as normas para a aplicación de penalizacións nas intervencións recollidas no Plan estratéxico da política agrícola común, e se modifican varios reais decretos polos que se regulan distintos aspectos relacionados coa aplicación en España da política agrícola común para o período 2023-2027, fixará:

a) O importe pagadoiro á persoa beneficiaria en función da solicitude de pagamento e a decisión de concesión. No caso de que o primeiro sexa superior ao segundo, o importe solicitado axustarase ao límite da concesión.

b) O importe pagadoiro á persoa beneficiaria logo do exame da subvencionabilidade do gasto que figure na solicitude de pagamento.

Se o importe fixado conforme a alínea a) supera o importe fixado conforme a alínea b) en máis dun 10 %, aplicarase unha penalización ao importe fixado conforme a alínea b). O importe da penalización será igual á diferenza entre eses dous importes, pero non irá máis alá do importe solicitado.

No caso de incumprimentos de normas relacionadas coa contratación pública, tomaranse como referencia as porcentaxes indicadas no anexo da Decisión da Comisión, do 19 de decembro de 2013, relativa ao establecemento e á aprobación das directrices para a determinación das correccións financeiras que deba aplicar a Comisión aos gastos financiados pola Unión no marco da xestión compartida, no caso de incumprimento de normas en materia de contratación pública.

Artigo 25. Réxime de pagamentos

Logo da xustificación dos investimentos por parte do concello beneficiario, e realizados os controis administrativos referidos no artigo anterior, tramitarse o pagamento final do expediente.

Dado o carácter anual desta convocatoria, non se tramitarán pagamentos á conta.

Non obstante o anterior, logo da solicitude dos concellos beneficiarios, poderá tramitarse un pagamento anticipado en concepto de entrega de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para levar a cabo as accións inherentes á subvención.

A solicitude de pagamento do anticipo presentarase segundo o modelo que se xerará automaticamente na aplicación informática que xestiona a convocatoria das axudas, https://appsagader.xunta.gal/servizosbasicos2026

Os concellos deberán comprometerse a aboar o importe cuberto pola garantía no caso de que non se estableza o dereito ao pagamento anticipado.

A data límite para solicitar o pagamento anticipado será o de 1 de agosto de 2026.

A tramitación e concesión do pagamento anticipado suxeitarase á regulación do artigo 31.6 da LSG, do artigo 63 e seguintes do Decreto 11/2009, e á normativa aplicable sobre a tramitación de pagamentos con fondos comunitarios, en particular, ao artigo 44.3 do Regulamento (UE) 2021/2116, do 2 de decembro.

De acordo con esta normativa, o pagamento anticipado non poderá superar o 50 % da axuda pública concedida nin, de ser o caso, exceder a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

Artigo 26. Modificación da resolución de concesión da subvención

1. Toda alteración das circunstancias tidas en conta para a concesión da subvención poderá dar lugar á modificación da subvención concedida. En particular, a variación do importe dos investimentos subvencionados e a obtención concorrente de subvencións, axudas ou recursos outorgados por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da subvención concedida. Tamén dará lugar á modificación da subvención a alteración das condicións establecidas na resolución de adxudicación da subvención.

2. Unha vez ditada a resolución de concesión, a entidade beneficiaria poderá solicitar a modificación do seu contido, utilizando para isto o modelo normalizado (anexo IV).

Se a modificación consiste nunha modificación do orzamento do expediente, xunto coa solicitude de modificación deberá achegar o novo proxecto modificado, co orzamento proposto para a súa execución.

Se a modificación consiste nun cambio do réxime de financiamento, xunto coa solicitude de modificación deberá achegar a declaración doutras axudas concedidas e/ou solicitadas a outras entidades públicas e/ou privadas para o mesmo proxecto.

3. Para a modificación da resolución de concesión non poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tiveron lugar con posterioridade a ela.

As entidades beneficiarias terán a obriga de comunicarlle á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural calquera alteración das circunstancias tidas en conta para a concesión da subvención. A modificación poderase autorizar sempre que:

Non desvirtúe a finalidade da axuda e non supoña incremento do orzamento.

Non exista prexuízo a terceiros.

Os novos elementos e circunstancias que motivan a modificación, de concorreren na concesión inicial, non supuxesen a denegación da axuda.

Non se admitirá a modificación que supoña a inclusión de novos proxectos distintos dos autorizados na resolución de concesión da axuda.

4. No suposto de que as novas circunstancias afecten criterios tidos en conta no proceso de selección da solicitude de axuda, revisarase a puntuación asignada inicialmente ao proxecto, o que poderá dar como resultado a perda do dereito á subvención.

En todo caso, a modificación da resolución de concesión tramitarase nos termos previstos no artigo 35 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. No caso de obras, deberá tramitarse unha modificación do proxecto nos termos previstos na LCSP, e remitirse unha copia á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

Artigo 27. Reintegro da subvención

1. Procederá o reintegro das contías percibidas indebidamente e a exixencia dos xuros de demora nos supostos previstos no artigo 33.1 da LSG e de conformidade co artigo 10 da Lei 30/2022, do 23 de decembro, pola que se regulan o sistema de xestión da PAC e outras materias conexas. Os xuros de demora calcularanse en función do tempo transcorrido entre a finalización do prazo de pagamento para a persoa beneficiaria indicado na resolución do procedemento de reintegro e a data de reembolso ou dedución.

2. Tendo en conta o artigo 14.1.n) da LSG, se o incumprimento atinxe ao mantemento do ben e/ou da actividade subvencionada, a cantidade que se reintegrará será proporcional ao tempo de incumprimento.

3. Suporá a perda dun 2 % da subvención concedida non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con fondos Feader.

4. Suporá a perda dun 2 % da subvención concedida non dar publicidade ao financiamento dos investimentos que sexan obxecto de subvención, de acordo co establecido nestas bases.

5. Suporá a perda dun 5 % non comunicar á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención, unha vez recalculada e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

No caso de condicións que constitúan obrigas que o beneficiario debe acreditar en fase de xustificación (obrigas de publicidade, comunicación doutras axudas etc.), estas deberán xustificarse en todo caso para poder proceder ao pagamento da subvención, polo que a gradación fixada neste punto só resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso en que se detecte en controis posteriores ao pagamento algún incumprimento relativo a esas obrigas.

6. O procedemento de reintegro tramitarase nos termos previstos no artigo 77 do RLSG.

7. Non procederá o reintegro da axuda nos seguintes supostos:

a) Expropiación dunha parte importante do ben subvencionable, se esta expropiación non era previsible o día en que se concedeu a subvención.

b) Catástrofe natural grave que afecte considerablemente os bens da entidade subvencionada e impida o seu normal funcionamento.

Artigo 28. Réxime sancionador

As persoas beneficiarias das axudas, se é o caso, estarán suxeitas ao réxime sancionador previsto no título IV da LSG e no VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da LSG, e ao disposto no título II da Lei 30/2022, do 23 de decembro, pola que se regula o sistema de xestión da PAC e outras materias conexas.

Artigo 29. Normativa de aplicación

Normativa autonómica:

Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (LSG).

Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (RLSG).

Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

Plan galego de controis, intervencións PEPAC 2023-2027, Réxime Feader non SIXC.

Instrución ARX PEPAC 01/2013, Información, publicidade e visibilidade.

Normativa estatal:

Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014.

Lei 30/2022, do 23 de decembro, pola que se regulan o sistema de xestión da política agrícola común e outras materias conexas.

Real decreto 1047/2022, do 27 de decembro, polo que se regula o sistema de xestión e control das intervencións do Plan estratéxico e outras axudas da política agrícola común.

Real decreto 147/2023, do 28 de febreiro, polo que se establecen as normas para a aplicación de penalizacións nas intervencións recollidas no Plan estratéxico da política agrícola común, e se modifican varios reais decretos polos que se regulan distintos aspectos relacionados coa aplicación en España da política agrícola común para o período 2023-2027.

Circular de coordinación 37/2023 relativa ao Plan nacional de controis das intervencións de desenvolvemento rural non establecidas no ámbito do sistema integrado do período 2023-2027 incluídas no Plan estratéxico da política agrícola común.

Normativa comunitaria:

Decisión de execución da Comisión, do 31 de agosto de 2022, pola que se aproba o Plan estratéxico da PAC 2023-2027 de España para a axuda da Unión financiada polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía e o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (CCI: 2023ES06AFSP001), modificada por Decisión de execución da Comisión, do 14 de agosto de 2025.

Regulamento (UE) nº 2021/2115 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021, polo que se establecen normas en relación coa axuda aos plans estratéxicos que deben elaborar os Estados membros no marco da política agrícola común (plans estratéxicos da PAC), financiada con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e polo que se derrogan os regulamentos (UE) nº 1305/2013 e (UE) nº 1307/2013, e actos normativos de execución

Regulamento (UE) nº 2021/2116 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021, sobre o financiamento, a xestión e o seguimento da política agrícola común e polo que se derroga o Regulamento (UE) nº 1306/2013, e actos normativos de execución.

Regulamento delegado (UE) 2022/127 da Comisión, do 7 de decembro de 2021, que completa o Regulamento (UE) 2021/2116 do Parlamento Europeo e do Consello con normas relativas aos organismos pagadores e outros órganos, a xestión financeira, a liquidación de contas, as garantías e o uso do euro.

Regulamento delegado (UE) 2022/1408 da Comisión, do 16 de xuño de 2022, polo que se modifica o Regulamento (UE) 2021/2116 do Parlamento Europeo e do Consello en que incumbe ao pagamento de anticipos para determinadas intervencións e medidas de apoio recollidas no Regulamento (UE) 2021/2115.

Regulamento de execución (UE) 2022/128 da Comisión, do 21 de decembro de 2021, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 2021/2116 do Parlamento Europeo e do Consello sobre os organismos pagadores e outros órganos, a xestión financeira, a liquidación de contas, os controis, as garantías e a transparencia.

Regulamento de execución (UE) 2022/129 da Comisión, do 21 de decembro de 2021, polo que se establecen normas para os tipos de intervención relativos ás sementes oleaxinosas, o algodón e os subprodutos da vinificación en virtude do Regulamento (UE) 2021/2115 do Parlamento Europeo e do Consello, así como para os requisitos en materia de información, publicidade e visibilidade relacionadas coa axuda da Unión e os plans estratéxicos da PAC.

Artigo 30. Réxime de recursos

Contra as resolucións do procedemento poderase formular potestativamente requirimento previo para a súa anulación ou revogación nos termos establecidos no artigo 44 en relación co 46.6 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ou, de ser o caso, interpor recurso contencioso-administrativo nos termos da citada lei.

Disposición adicional primeira. Información sobre o procedemento

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional a través dos seguintes medios:

Na páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural: https://agader.xunta.gal

Na Guía de procedementos e servizos, no enderezo https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos

No teléfono 981 54 73 69 (Axencia Galega de Desenvolvemento Rural).

De xeito presencial, na Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (lugar da Barcia, 56, Laraño, 15897 Santiago de Compostela), con cita previa no teléfono 981 54 73 69.

Disposición adicional segunda. Información ás persoas interesadas

1. De acordo co establecido no artigo 14, alínea ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

No marco do financiamento Feader, infórmase de que se publicarán os datos relativos ás persoas interesadas nos termos establecidos no artigo 98 do Regulamento (UE) 2021/2116, e que os ditos datos serán tratados por organismos de auditoría e investigación da Unión e dos Estados membros para protexer os intereses financeiros da Unión, de conformidade co artigo 99 do mesmo regulamento.

2. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Disposición adicional terceira

A resolución e xestión desta convocatoria de axudas está condicionada á aprobación pola autoridade rexional de xestión da aprobación da novena modificación dos criterios de selección de operacións, logo de consulta ao Comité de seguimento rexional, para a selección das actuacións segundo os criterios fixados para a subintervención 9872_07, Servizos básicos en entidades de poboación, establecidos no artigo 16.

Disposición derradeira primeira

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural poderá ditar os actos necesarios para asegurar a correcta aplicación desta convocatoria.

Disposición derradeira segunda

Esta resolución será aplicable desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2025

María Paz Rodríguez Rivera
Directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file