DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Martes, 13 de xaneiro de 2026 Páx. 2181

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

EXTRACTO da Resolución do 19 de decembro 2025 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos en zonas rurais, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da política agrícola común 2023-2027 en Galicia, e se anuncia a convocatoria para o ano 2026, mediante tramitación anticipada de gasto (código de procedemento MR711D).

BDNS (Identif.): 880497.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/880497

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarios das axudas xestionadas ao abeiro destas bases reguladoras os concellos de Galicia que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter remitido ao Consello de Contas de Galicia as contas do último exercicio orzamentario a que legalmente estea obrigado, antes do vencemento do prazo de presentación da solicitude de axuda.

b) Estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública de Galicia.

c) Ter a titularidade ou, de ser o caso, a dispoñibilidade, durante un período mínimo de cinco anos dos bens sobre os que se vai actuar.

Segundo. Obxecto

O obxecto desta resolución é establecer as bases reguladoras das axudas que xestiona a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural no marco da intervención 6872, Investimentos en servizos básicos en zonas rurais (subintervención 6872_07, Servizos básicos en entidades de poboación), do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 en Galicia para proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais en entidades de poboación situadas nas zonas rurais de Galicia, e convocar as correspondentes ao exercicio orzamentario 2026.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución de 19 de decembro 2025 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos en zonas rurais, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da política agrícola común 2023-2027 en Galicia, e se anuncia a convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento MR711D).

Cuarto. Contía

Para o financiamento desta convocatoria está previsto un crédito de 5.000.000 € con cargo á aplicación orzamentaria 15-A1-712A-760.0 dos orzamentos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para o ano 2026 (código de proxecto 2026-00002).

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para presentar as solicitudes de axuda será dun (1) mes desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación; se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

Sexto. Outros datos

O procedemento de concesión tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, nos termos previstos no artigo 20 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A axuda financiará o 100 % dos gastos subvencionables, ata o importe máximo de 100.000 € de axuda.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2025

María Paz Rodríguez Rivera
Directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural