O Estatuto de autonomía de Galicia lexitima a actuación lexislativa da Comunidade Autónoma no campo de protección da familia, a infancia e a adolescencia nos títulos competenciais xenéricos de asistencia social e de promoción de desenvolvemento comunitario (artigo 27, puntos 23 e 24).
O apoio á familia e aos núcleos de convivencia debe responder á complexidade da nosa sociedade e dar solución a diferentes situacións que impiden ou dificultan a formación e constitución de novas familias ou grupos estables de convivencia, como o desenvolvemento integral das xa constituídas.
A Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia é a convivencia de Galicia, recoñece as familias monoparentais dentro do grupo de familias de especial consideración, merecedoras dunha protección especial para os efectos desta lei.
O artigo 13 da dita norma, de acordo coa modificación introducida pola disposición derradeira terceira dous da Lei 5/2021, do 2 de febreiro, de impulso demográfico de Galicia, recolle o seguinte concepto de familia monoparental:
«1. Para os efectos da presente lei, enténdese por familia monoparental o núcleo familiar composto por un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa coa que manteña unha relación análoga á conxugal e os fillos ou fillas ao seu cargo, nos seguintes supostos:
a) Os homes ou as mulleres que afrontan a paternidade ou a maternidade en solitario.
b) As familias formadas por unha ou un cónxuxe viúvo e os fillos e fillas.
c) As familias formadas por un pai ou nai que queda a cargo das fillas e fillos sen que haxa custodia compartida.
2. Para os efectos previstos neste artigo, teñen a mesma consideración que o fillo ou a filla:
a) As persoas unidas ao único proxenitor ou proxenitora por razón de tutela ou acollemento.
b) O concibido ou a concibida, sempre que mediante a aplicación desta asimilación se obtivese maior beneficio».
Así o exposto, á Consellería de Política Social e Igualdade, de conformidade co Decreto 139/2024, do 20 de maio, polo que se establece a súa estrutura orgánica, órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, correspóndelle propoñer e executar as directrices xerais do Goberno no ámbito de benestar que engloban competencias en materia de servizos sociais, incluídas as políticas de familia e servizos comunitarios.
Especificamente, a través do seu órgano de dirección competente en materia de familia, correspóndelle exercer as políticas autonómicas en materia de apoio á familia, segundo o disposto na Lei 3/2011, do 30 de xuño, e polo tanto, o recoñecemento da condición de familia monoparental.
Así, de conformidade co artigo 12 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as administracións públicas deberán garantir que as persoas interesadas poidan relacionarse coa Administración a través de medios electrónicos, para o cal porán á súa disposición as canles de acceso que sexan necesarias, así como os sistemas e as aplicacións que en cada caso se determinen.
A presente orde limítase a habilitar a presentación electrónica das correspondentes solicitudes do certificado de familia monoparental mediante a incorporación da tramitación do procedemento á sede electrónica da Xunta de Galicia, con obxecto de que as persoas usuarias poidan relacionarse coa Administración por medios electrónicos.
Así pois, en cumprimento da normativa citada, o procedemento administrativo de prazo aberto en materia de solicitude do recoñecemento da condición de familia monoparental estará dispoñible telematicamente.
En consecuencia, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
RESOLVO:
Artigo 1. Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto habilitar o procedemento administrativo de prazo aberto que permita a presentación das solicitudes do certificado de familia monoparental por medios electrónicos.
2. Aprobar e dar publicidade ao formulario normalizado de presentación de solicitudes do certificado de familia monoparental.
3. O dito procedemento habilitarase na sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal, e figurará na Guía de procedementos e servizos co código de procedemento BS427A.
Artigo 2. Requisitos
1. Os núcleos familiares compostos por un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa coa que manteña unha relación análoga á conxugal e os fillos ou fillas ao seu cargo terán a consideración de familia monoparental nos seguintes supostos:
a) Os homes ou as mulleres que afrontan a paternidade ou a maternidade en solitario.
b) As familias formadas por unha ou un cónxuxe viúvo e os fillos e fillas.
c) As familias formadas por un pai ou unha nai que queda a cargo das fillas e fillos sen que haxa custodia compartida.
2. Equipáranse aos/ás fillos/as:
a) As persoas unidas ao único proxenitor ou proxenitora por razón de tutela ou acollemento.
b) O concibido ou a concibida, sempre que mediante a aplicación desta asimilación se obtivese maior beneficio».
Artigo 3. Forma, lugar e prazo de presentación de solicitudes
As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
As solicitudes poderanse presentar desde o 1 de xaneiro ao 31 de decembro de cada ano.
Artigo 4. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude, anexo I, a seguinte documentación:
a) Anexo II, de comprobación de datos de terceiras persoas, debidamente cuberto e asinado por todos os demais membros que compoñen a familia monoparental.
b) Copia do/s libro/s de familia en que consten todas as persoas ou certificación de nacemento do rexistro civil de cada un dos/das fillos/as que forman parte da unidade familiar, no caso de tratarse da primeira solicitude.
c) Informe médico asinado por unha persoa colexiada na Comunidade Autónoma de Galicia, que acredite que se iniciou a semana 21 de embarazo na data de presentación da solicitude, data previsible do parto e número de fetos, agás que se trate de xestantes que sigan o embarazo no Sistema público galego de saúde (Servizo Galego de Saúde-Sergas), só cando proceda.
d) Xustificante de estar estudando no momento da solicitude, no caso de fillos ou fillas maiores de 21 anos, ata os 25 anos.
e) Copia do certificado de defunción do/da outro/a proxenitor/a, de ser o caso e no caso de tratarse da primeira solicitude.
f) Copia do certificado de discapacidade ou solicitude de revisión de grao dos/das fillos/as, cando proceda e só no caso de que fose emitido por outra Comunidade Autónoma.
g) Copia da sentenza de nulidade, separación ou divorcio ou da resolución xudicial que estableza medidas paterno-filiais dos fillos/as comúns nas unións de feito e/ou do convenio regulador, cando proceda, ou calquera outro medio válido en dereito que permita acreditar as ditas medidas, no caso de tratarse da primeira solicitude.
h) Copia da resolución xudicial ou administrativa que declare a tutela, adopción ou o acollemento familiar da/das persoa/as menor/es, de ser o caso, cando se trate de procedementos formalizados fóra da Comunidade Autónoma.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.
Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
5. Se a documentación achegada está incompleta, requirirase a persoa solicitante para que, nun prazo de dez días hábiles, que comezará a contar o día seguinte ao da recepción do requirimento, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se non o fixese, se considerará que desiste da súa petición, e arquivaranse as actuacións despois da notificación da resolución en tal sentido, de acordo co establecido nos artigos 21 e 68 da Lei 39/2015, do 1 outubro.
Artigo 5. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) Documento nacional de identidade ou número de identidade de estranxeiro da persoa solicitante e do/dass fillos/as.
b) Certificado de datos de convivencia actual.
c) Certificado negativo de inscrición no Rexistro de Parellas de Feito.
2. Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:
a) Certificado de discapacidade expedido pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia dos/das fillos/as.
b) Resolución xudicial ou administrativa que declare a tutela, a adopción ou o acollemento do/dos menores, de ser o caso, cando se trate de procedementos formalizados dentro da Comunidade Autónoma.
c) Acreditación de atoparse na semana 21 ou posterior de xestación, no suposto de seguimento do embarazo polo Servizo Galego de Saúde.
3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente (anexo I e anexo II) e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
5. As consultas previstas nos números anteriores deste artigo poderán realizarse coa periodicidade que se determine durante o período de vixencia do certificado, para os efectos de comprobar que as circunstancias persoais que deron lugar ao dito certificado seguen a estar vixentes.
Artigo 6. Notificacións
1. As notificacións das resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.
2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.
3. No caso de optar pola notificación en papel, efectuarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
6. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta Cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 8. Resolución
1. As solicitudes de recoñecemento da condición de familia monoparental serán obxecto de resolución e notificación dentro do prazo de tres meses, de acordo co establecido no artigo 21.3 da Lei 30/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
2. Os prazos empezarán a computar desde o día en que a solicitude teña entrada no rexistro correspondente da Xunta de Galicia. Transcorrido o prazo citado, a solicitude poderá entenderse estimada, de conformidade co sinalado no artigo 24 da Lei 30/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Artigo 9. Sistema de información
A Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica establecerá un sistema de información cos datos derivados do procedemento de solicitude do certificado de familia monoparental que garante a dispoñibilidade da información e a comunicación recíproca entre as administracións públicas.
Este sistema de información terá en conta específicamente a realización de estatísticas en materia de familia monoparental.
Disposición derradeira primeira. Actualización de modelos normalizados
De conformidade coa disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, os modelos normalizados aplicables na tramitación do procedemento habilitado nesta disposición poderán ser modificados co obxecto de mantelos actualizados e adaptados á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación dos modelos actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria unha nova publicación no Diario Oficial de Galicia.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 5 de xaneiro de 2026
Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade
