DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Xoves, 15 de xaneiro de 2026 Páx. 3095

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 22 de decembro de 2025 pola que se procede á convocatoria do Programa de infravivenda para o ano 2026, tramitada como anticipado de gasto (código de procedemento VI406A).

O artigo 90 da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, sinala que a rehabilitación do patrimonio inmobiliario residencial será obxecto de atención prioritaria por parte das administracións públicas con competencia en materia de vivenda, como forma de garantir o dereito a gozar dunha vivenda digna e axeitada e como medida de protección do patrimonio cultural e arquitectónico, do ambiente, da paisaxe e do territorio.

O artigo 91 da Lei 8/2012, do 29 de xuño, establece que o Instituto Galego da Vivenda e Solo desenvolverá políticas de rehabilitación e renovación do parque de vivendas de Galicia atendendo a criterios de accesibilidade, sustentabilidade, aforro enerxético, mellora da calidade e conservación dos elementos singulares das construcións existentes. Pola súa parte, o artigo 94 establece que as actuacións de rehabilitación de carácter illado teñen por obxecto a conservación e rehabilitación dos edificios e das vivendas construídas para mellorar as condicións de vida das persoas que os ocupan.

Con esta finalidade, o 17 de xaneiro de 2025 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 30 de decembro de 2024, pola que se establecen as bases reguladoras aplicables á concesión das subvencións do Programa de infravivenda e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento VI406A).

As axudas deste programa están dirixidas a prestar apoio aos concellos de Galicia de menos de 10.000 habitantes cunha dobre finalidade: axudar ás unidades de convivencia que residan en condicións de propietarias nunha infravivenda e non dispoñan de recursos económicos para acometer obras que permitan ter as mínimas condicións de habitabilidade, e rehabilitar infravivendas do seu patrimonio municipal para destinalas a solucionar os problemas de residencia de unidades de convivencia que acrediten uns ingresos inferiores aos límites do IPREM que se determinen na correspondente convocatoria.

Esta resolución ten por obxecto convocar as axudas do Programa de Infravivenda para o ano 2026, e suxéitase ao disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

A tramitación anticipada dos expedientes de axudas e subvencións no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos, con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, realízase ao abeiro da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998. Con este fin, no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2026 habilítanse créditos para o financiamento destas axudas.

De conformidade con todo o anterior, no exercicio das facultades que me confire o artigo 4 do Decreto 143/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto e réxime de concesión das axudas

1. Esta resolución ten por obxecto convocar para a anualidade 2026 as subvencións do Programa de infravivenda, dirixido a prestarlles apoio aos concellos de Galicia de menos de 10.000 habitantes para a rehabilitación de vivendas (código de procedemento VI406A).

2. A concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto nesta resolución, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Bases reguladoras

1. As subvencións deste programa rexeranse polas bases reguladoras contidas na Resolución do 30 de decembro de 2024, pola que se establecen as bases reguladoras aplicables á concesión das subvencións do Programa de infravivenda e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento VI406A), publicadas no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG), do 17 de xaneiro de 2025.

2. En todo o non recollido nas bases reguladoras e nesta resolución será de aplicación o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no seu regulamento aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, no Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan as especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Terceiro. Definicións

Ao abeiro do ordinal segundo da Resolución do 30 de decembro de 2024, para os efectos da aplicación deste programa, os termos incluídos neste ordinal interpretaranse co significado e alcance seguintes:

a) Infravivenda: edificación, ou parte dela, destinada a vivenda, que non reúne as condicións mínimas exixidas pola lexislación aplicable. En todo caso, entenderase que non reúne ditas condicións as vivendas que incumpran os requisitos de superficie, número, dimensión e características das pezas habitables, as que presenten deficiencias graves nas súas dotacións e instalacións básicas e as que non cumpran os requisitos mínimos de seguridade, accesibilidade universal e habitabilidade exixibles á edificación.

b) Unidade de convivencia: conxunto de persoas que habitan e gozan dunha vivenda de forma habitual e permanente e con vocación de estabilidade, con independencia da relación que exista entre todas elas. Unha unidade de convivencia pode estar composta por varias unidades familiares. A composición da unidade familiar será a que se estableza na normativa reguladora do imposto sobre a renda das persoas físicas (en diante, IRPF).

c) Indicador público de renda de efectos múltiples (en diante, IPREM): indicador definido no Real decreto lei 3/2004, do 25 de xuño, para a racionalización da regulación do salario mínimo interprofesional e para o incremento da súa contía; considérase unidade de medida para a determinación da contía dos ingresos familiares, no seu cómputo anual, incluíndo dúas pagas extras.

Cuarto. Crédito orzamentario

1. As subvencións previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 11.81.451A.760.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, por importe de 370.000,00 euros para a anualidade 2026.

2. De conformidade co establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, o outorgamento destas subvencións queda supeditado á existencia de crédito adecuado e suficiente para financiar as obrigas derivadas da súa concesión.

3. A contía establecida nesta convocatoria poderá ser obxecto de ampliación por resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), que terá efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Quinto. Actuacións subvencionables

Consideraranse actuacións subvencionables, de conformidade co ordinal sétimo da Resolución do 30 de decembro de 2024, a execución de obras de rehabilitación en edificacións e vivendas, co obxecto de que estas acaden unhas mínimas condicións de habitabilidade.

En concreto, serán subvencionables con cargo a este programa as actuacións que teñan por obxecto:

– A reforma ou rehabilitación de elementos exteriores.

– A mellora das condicións estruturais e de seguranza.

– A mellora da accesibilidade da edificación ou das vivendas.

– A mellora da habitabilidade. Inclúense dentro desta actuación a execución de obras que eviten a entrada no edificio do gas radón ou a adopción de medidas que garantan a súa eliminación do interior das vivendas.

Sexto. Requisitos das actuacións

1. Para ter acceso á subvención é preciso que concorran os seguintes requisitos:

– Que, segundo informe municipal emitido ao efecto, a edificación ou vivenda non reúna as condicións mínimas de habitabilidade.

– Que todas as actuacións a realizar se axusten á normativa técnica e urbanística en vigor e cumpran a normativa vixente en materia de habitabilidade e funcionalidade.

– Que as actuacións subvencionables non estean iniciadas no momento da presentación da solicitude.

2. O prazo de execución das obras virá fixado na resolución de concesión da subvención, sen que en ningún caso poida exceder de seis meses, contados a partir do día seguinte ao da súa notificación.

3. O custe total das actuacións subvencionables poderá incluír os honorarios dos profesionais que interveñan, os informes técnicos e certificados necesarios, os gastos derivados da tramitación administrativa e outros gastos xerais similares, sempre que todos eles estean debidamente xustificados. Tamén será subvencionables os gastos xerais de estrutura que incidan sobre o contrato, de conformidade co artigo 131 do Real decreto 1098/2001, do 12 de outubro, polo que se aproba o Regulamento xeral da Lei de contratos das administracións públicas: gastos xerais e beneficio industrial. Así mesmo, no custo total das actuacións incluiranse gastos derivados de impostos, taxas e tributos.

Sétimo. Requisitos das unidades de convivencia

1. No suposto de que as actuacións se vaian a executar en edificacións ou vivendas propiedade de persoas físicas, deberán cumprise os seguintes requisitos:

a) Que algún membro da unidade de convivencia, residente na vivenda obxecto da actuación, sexa o seu propietario/a.

b) Que ningún membro da unidade de convivencia sexa propietario/a doutra vivenda en todo o territorio nacional, a non ser que esta poida ser considerada inadecuada ou insuficiente ou non poda dispor do seu uso.

c) As unidades de convivencia deberán acreditar uns ingresos ponderados inferiores ao IPREM. Para a valoración das solicitudes utilizarase o valor do IPREM de 2024. Os datos fiscais que se terán en conta nesta convocatoria para a concesión das axudas corresponderán ao exercicio económico 2024.

2. Os ingresos dos membros da unidade de convivencia determinaranse de conformidade coa normativa reguladora do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (en diante, IRPF). Para estes efectos, procederase do seguinte modo:

a) Partirase da contía da base impoñible xeral e do aforro reguladas nos artigos 48 e 49, respectivamente, da Lei 35/2006, do 28 de novembro, do IRPF, correspondente á declaración ou declaracións presentadas por cada persoa da unidade de convivencia relativas ao último período impositivo con prazo de presentación vencido no momento da solicitude. De non dispoñer da correspondente declaración por non estar obrigado/a a tributar por este concepto, deberase acreditar os ingresos mediante certificacións de ingresos emitidas pola Axencia Estatal da Administración Tributaria (en diante, AEAT), nóminas e seguros sociais. Nestes casos, deberá achegar ademais, unha declaración responsable dos seus ingresos.

b) A contía resultante converterase en número de veces o IPREM en vigor no período a que se refiran os ingresos acreditados.

c) O número de veces do IPREM resultante ponderarase en función dos seguintes coeficientes multiplicativos, segundo corresponda:

– Unidade familiar dun membro: 1,00.

– Unidade familiar de dous membros: 0,90.

– Unidade familiar de tres membros: 0,80.

– Unidade familiar de catro membros: 0,75.

– Unidade familiar de cinco ou máis membros: 0,70.

No suposto de que a unidade de convivencia estea composta por máis dunha unidade familiar das establecidas na normativa do IRPF, os ingresos de cada unidade familiar, convertidos en número de veces o IPREM e ponderados conforme o previsto neste ordinal, sumaranse, debendo ser o resultado inferior ao límite máximo previsto nesta resolución.

Se algún membro da unidade de convivencia é unha persoa con discapacidade, nos termos establecidos na normativa do IRPF, o coeficiente corrector aplicable será o do tramo seguinte ao que lle correspondese, conforme o previsto nos apartados anteriores.

Para o caso de que na unidade de familiar houbera mulleres xestantes no momento da convocatoria, os concibidos e non nacidos contarán como membros da unidade familiar, para os efectos da aplicación do coeficiente multiplicativo corrector previsto no apartado 1.c) deste artigo, sempre que coa aplicación desta fórmula se obteña un maior beneficio. Igual tratamento terá a acreditación da adopción en trámite.

Oitavo. Concellos beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas os concellos de Galicia que cumpran cos seguintes requisitos:

a) Contar con menos de 10.000 habitantes. Para estes efectos, tomaranse como referencia as últimas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes, publicadas polo Instituto Galego de Estatística á data da publicación desta resolución.

b) Ter cumprido co deber de remitir ao Consello de Contas de Galicia as contas xerais do exercicio inmediatamente anterior ao ano da convocatoria, no que o seu prazo de presentación estivera vencido.

2. Non poderán ser beneficiarios destas axudas aqueles concellos que se atopen nalgún dos supostos previstos no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Noveno. Contía da axuda

As axudas poderán acadar ata o 95% do orzamento protexido das obras, sen que en ningún caso poidan superar a cantidade de 15.000 euros por vivenda rehabilitada.

Décimo. Prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes comezará a contarse unha vez transcorridos cinco días hábiles dende o seguinte ao da publicación desta resolución no DOG. No suposto de que o primeiro día do prazo sexa inhábil, o prazo comezará o primeiro día hábil seguinte.

2. O prazo de presentación de solicitudes rematará o 3 de xullo de 2026 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario previsto nesta convocatoria. O dito esgotamento será publicado no DOG mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS. Non obstante, o prazo de presentación de solicitudes poderá ser ampliado mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que deberá ser publicada no DOG.

3. As solicitudes poderán presentarse dende as 9.00 horas do primeiro día de inicio do prazo ata ás 14.00 horas do 3 de xullo de 2026.

4. As solicitudes presentadas fora do prazo e do horario indicado serán inadmitidas.

Décimo primeiro. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) que se incorpora como anexo I a esta resolución e deberá dirixirse á Área Provincial do IGVS onde estea situada a edificación ou a vivenda.

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se algún dos concellos interesados presenta a súa solicitude presencialmente, será requirido para que a emende a través da súa presentación electrónica debendo dirixirse á Área Provincial do IGVS onde estea situada a edificación ou a vivenda. Nestes casos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. Os concellos que pretendan subvencionar varias actuacións para unha mesma infravivenda deberán presentalas todas nunha única solicitude.

4. Ningún concello poderá solicitar axudas para actuacións xa subvencionadas en convocatorias anteriores.

5. A solicitude deberá formalizala, en representación do concello, a persoa titular da alcaldía ou a persoa en que esta delegue.

6. No formulario de solicitude o concello solicitante deberá realizar as seguintes declaracións:

a) Declaración de que non solicitou nin obtivo ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou obtido algunha outra axuda, deberá indicar cales e o seu importe.

b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que sexa solicitada ou obtida pola persoa ou entidade solicitante para a mesma finalidade.

c) Declaración responsable de que está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 9 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

d) Declaración responsable de que non está incursa nas causas de inhabilitación para a obtención de axudas previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

e) Declaración responsable de que coñece e acepta os contidos e obrigas recollidos nas bases reguladoras e nesta resolución.

f) Declaración responsable de que todos os datos da solicitude son correctos.

Décimo segundo. Documentación complementaria

1. As solicitudes de subvención deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

a) Certificado do acordo municipal de solicitar a subvención ao IGVS aceptando os termos das bases reguladoras e da convocatoria, de conformidade coa memoria, o orzamento e o prazo de execución propostos na documentación que se acompaña á solicitude.

b) Anexo II, de autorización da/s persoa/s propietaria/s do inmoble, membro/s da unidade de convivencia, para que o concello execute as obras de rehabilitación, así como o compromiso de dedicar a vivenda a domicilio habitual e permanente da unidade de convivencia durante un prazo non inferior a cinco anos, contado desde a finalización das obras, no suposto de que á vivenda sexa de titularidade privada.

c) Certificado da Secretaría municipal no que se acredite o cumprimento dos requisitos recollidos no ordinal oitavo desta resolución.

d) Proxecto técnico ou memoria relativa á infravivenda obxecto das actuacións. Deberá vir acompañado da seguinte documentación:

– Informe social sobre as circunstancias persoais, así como das económico-sociais de cada un dos membros da unidade de convivencia. No caso de tratarse dunha infravivenda da súa titularidade que aínda non estea ocupada por unha unidade de convivencia, non se presentará este informe.

– Informe asinado pola persoa técnica municipal relativo á localización da infravivenda, das súas características e do seu estado de deterioración. Este informe deberá ir acompañado dunha reportaxe fotográfica en cor da edificación ou vivenda e dunha xustificación da necesidade e idoneidade das actuacións propostas.

– Memoria da actuación proposta, do orzamento de execución material e do calendario de execución.

– Informe da persoa técnica municipal de que as actuacións propostas cumpren coa lexislación vixente.

– Informe municipal sobre o financiamento da actuación que xustifique a súa viabilidade.

– Certificado do correspondente órgano do concello de que o nivel de renda da unidade de convivencia das persoas beneficiarias entra dentro dos criterios establecidos nesta resolución. No caso de tratarse dunha infravivenda da súa titularidade, que aínda non estea ocupada por unha unidade de convivencia, non se presentará este certificado.

– No caso de tratarse dunha vivenda da súa titularidade, certificado da secretaría municipal no que se acredite que a edificación ou vivenda obxecto de rehabilitación é da súa titularidade.

– No caso de que a edificación ou vivenda pertenza a algunha das persoas membro da unidade de convivencia, certificado da secretaría municipal no que se acredite a propiedade da edificación ou da vivenda obxecto de rehabilitación.

e) Documentación acreditativa da persoa titular da Alcaldía ou a persoa en que esta delegue, de ser o caso.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola concello interesado a calquera Administración. Neste caso, deberase indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electrónicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitárselle novamente o concello interesado a súa achega.

Décimo terceiro. Forma de presentación da documentación complementaria

1. A documentación complementaria deberá presentarse por vía electrónica. Se algún dos concellos solicitantes presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

2. Os concellos solicitantes responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegados polo concello solicitante, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos a presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo cuarto. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Número de identificación fiscal do concello solicitante.

b) Documento nacional de identidade ou, de ser o caso, número de identidade de estranxeiro da persoa representante.

2. No caso de que os concellos interesados se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no correspondente formulario e achegar os documentos.

Cando así o esixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso do concello interesado para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselle solicitar aos concellos interesados a presentación dos documentos correspondentes.

Décimo quinto. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que os concellos solicitantes deban realizar trala presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente, accedendo á Carpeta cidadá do concello interesado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo sexto. Órganos competentes

1. A instrución do procedemento é competencia da Área Provincial do IGVS onde estea situado o edificio ou a vivenda no que se realicen as actuacións.

2. Corresponde á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS resolver sobre a concesión das axudas solicitadas.

Décimo sétimo. Procedemento de concesión

1. De acordo co disposto nos puntos 1 e 2 do ordinal décimo oitavo da Resolución do 30 de decembro de 2024, o procedemento iniciarase de oficio, en réxime de concorrencia non competitiva mediante a publicación desta resolución no DOG.

2. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou nesta convocatoria, requirirase ao concello solicitante para que nun prazo de dez días hábiles emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, de conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución, nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. Unha vez completado o expediente e logo das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas, a persoa titular da Xefatura da Área Provincial do IGVS emitirá informe sobre o cumprimento dos requisitos e elevará a proposta de resolución de cada expediente á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Décimo oitavo. Resolución e recursos

1. A resolución de concesión indicará a contía da subvención concedida, as actuacións subvencionables, o seu custo, as condicións que se deberán cumprir para a execución da obra, así como o prazo para a súa finalización.

2. Para a concesión das axudas atenderase á orde cronolóxica de entrada das solicitudes na sede electrónica da Xunta de Galicia. Para tal fin, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que esta quedase validamente presentada por terse cuberto na forma correcta e ir acompañada da totalidade dos documentos exixidos nas bases reguladoras e nesta resolución de convocatoria.

3. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución será de dous meses, contados desde a data de presentación da solicitude. O vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima o concello interesado para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

4. Contra a resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS poderase interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do IGVS. O prazo de interposición deste recurso será dun mes, contado desde o día seguinte ao da notificación desta resolución.

Décimo noveno. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención ou, se for o caso, a obtención concorrente doutras subvencións e axudas, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión da subvención.

2. Así mesmo, a resolución de concesión poderá ser modificada nos termos sinalados no artigo 7 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, para o caso de reaxuste de anualidades ou modificación na execución de obras por causa de imprevistos.

Vixésimo. Causas de denegación

1. Será causa de denegación da subvención o incumprimento dalgún dos requisitos exixidos na normativa que rexe estas subvencións.

2. Así mesmo, serán denegadas as solicitudes que non dispuxesen de cobertura orzamentaria no momento da súa resolución e as relativas a actuacións que polas súas características non poidan ser executadas no prazo máximo fixado na correspondente resolución de concesión.

Vixésimo primeiro. Xustificación e pagamento da subvención

De conformidade o ordinal vixésimo segundo da Resolución do 30 de decembro de 2024, a xustificación da execución das obras subvencionadas realizarase conforme ao seguinte procedemento:

1. O concello beneficiario deberá comunicar á correspondente Área Provincial do IGVS o remate das obras nun prazo máximo de quince días. Este prazo comezará a contar desde a súa finalización ou desde o remate do prazo máximo fixado na resolución de concesión da subvención para a terminación das obras. A comunicación deberá facerse por vía electrónica, conforme ao anexo III, de comunicación de remate das obras, no que se deberá facer unha declaración de estar ao día no cumprimento de obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, para poder proceder ao pagamento de acordo co artigo 60.4 do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Xunto co citado anexo deberá xuntarse, segundo os casos, a seguinte documentación:

– Certificación expedida pola Secretaría do concello, co visto e prace da persoa titular da Alcaldía, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención, na que se faga constar de forma detallada o cumprimento da finalidade da subvención, así como os conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados polo concello e imputables a esta actuación, coa seguinte relación: identificación da persoa acredora, número de factura ou documento equivalente, certificación da obra, importe, data de emisión e recoñecemento da obriga polo órgano competente.

A citada conta xustificativa incorporará, en todo caso, a certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control, da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida a subvención, de acordo co establecido no artigo 8 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións a entidades locais galegas.

– Memoria explicativa das obras realizadas.

– Fotografías que mostren as obras realizadas.

– Documentos acreditativos dos gastos realizados con medios e recursos propios e a indicación, de ser o caso, dos criterios de repartición dos custos xerais e/ou indirectos incorporados na relación a que se fai referencia no apartado anterior.

– Relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada, con indicación do seu importe e a súa procedencia.

– Copia de tres ofertas, de conformidade co establecido no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, no suposto de que o importe do gasto subvencionable da actuación supere a contía de 40.000 euros. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme a criterios de eficiencia e economía, debendo xustificarse expresamente nunha memoria a elección, cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

2. Transcorrido o prazo indicado sen que o concello beneficiario presente a documentación xustificativa, o órgano instrutor requiriralla para que a presente nun prazo de dez días.

3. En ningún caso admitirase a presentación de documentación xustificativa da subvención con posterioridade ao último día hábil do mes de novembro do 2026, salvo que o requirimento sinalado no apartado 2 deste ordinal se fixera dentro dos dez días anteriores a esa data.

4. Unha vez presentada a documentación xustificativa e logo das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas, a persoa titular da Área Provincial do IGVS emitirá informe sobre o cumprimento dos requisitos e elevará unha proposta de pagamento á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

5. O pagamento realizarase mediante transferencia bancaria na conta de titularidade municipal sinalada para o efecto no anexo I polo concello beneficiario.

Vixésimo segundo. Obrigas dos concellos beneficiarios

Ademais das recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, os concellos beneficiarios terán as seguintes obrigas:

1. Executar as actuacións subvencionadas nas condicións e prazos indicados que consten na resolución de concesión.

2. Destinar a vivenda rehabilitada a solucionar os problemas de infravivenda durante un prazo non inferior a cinco anos, a contar desde a finalización das obras, para o caso de que a edificación ou vivenda fora de propiedade municipal.

3. Acreditar documentalmente ao IGVS a efectividade dos pagamentos realizados nos prazos establecidos no artigo 3 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro.

4. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas de Galicia no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

5. Dar a axeitada publicidade de que as actuacións están subvencionadas pola Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través do IGVS, de conformidade co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

6. As demais obrigas que derivan da Resolución do 30 de decembro de 2024 e desta convocatoria.

Vixésimo terceiro. Perda e reintegro da subvención

1. Poderán ser causa de perda e reintegro da subvención, ademais dos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, os seguintes:

a) O incumprimento das obrigas recollidas no ordinal anterior.

b) A falta de comunicación da finalización das obras ou da presentación da xustificación da subvención no prazo establecido nesta resolución.

c) A falta de comunicación ao órgano instrutor de calquera modificación das circunstancias determinantes do recoñecemento da subvención.

2. O incumprimento ou a falsidade nas condicións requiridas para o outorgamento da subvención comportará, ademais das sancións que puideren corresponder, o reintegro da subvención percibida, incrementada co xuro legal correspondente desde o seu pagamento máis o 25 %, segundo establece o artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. Poderá ser causa de perda e posterior reintegro da subvención a non comunicación ao órgano instrutor de calquera modificación das circunstancias determinantes do recoñecemento da subvención.

4. O incumprimento do deber de reintegro poderá dar lugar ao inicio do correspondente procedemento de compensación con cargo ao Fondo de Cooperación Local, de conformidade coa normativa vixente.

Vixésimo cuarto. Compatibilidade das subvencións

As subvencións previstas nesta resolución son compatibles coas axudas que se poidan recibir para as mesmas actuacións, sempre que o importe de todas elas non supere o seu custo, de acordo co establecido no artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Non obstante o anterior, estas axudas serán incompatibles coas do programa subvencións para rehabilitar edificacións e vivendas públicas de titularidade municipal.

Vixésimo quinto. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, os concellos interesados deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de Notificación Electrónica de Galicia - Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Vixésimo sexto. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, os concellos beneficiarios de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, á que se atopen vinculadas, previo requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Vixésimo sétimo. Base de datos nacional de subvencións

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no apartado oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de Datos Nacional de Subvencións (en diante, BDNS). A BDNS dará traslado ao DOG do extracto da convocatoria para a súa publicación de acordo co establecido no Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a BDNS e a publicidade das subvencións e demais axudas.

Vixésimo oitavo. Recursos contra esta resolución

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan presentar calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Presidencia do IGVS no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Vixésimo noveno. Eficacia

Esta resolución producirá efectos ao día seguinte da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2025

María Martínez Allegue
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file