BDNS (Identif.): 881303.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/881303
Primeiro. Persoas beneficiarias
1. Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas os GALP que reúnan os seguintes requisitos:
a) Ter sido seleccionados pola Consellería do Mar no marco do desenvolvemento local participativo e na prioridade 3 do FEMPA 2021-2027.
b) Ter firmado un convenio de colaboración coa Consellería do Mar para o desenvolvemento dunha Estratexia de desenvolvemento local participativo (EDLP).
c) Participar nun proxecto de cooperación interterritorial e/ou transnacional.
d) Dispor de capacidade administrativa, financeira e operativa para desenvolver as tarefas correspondentes ao proxecto.
2. Non poderán obter a condición de beneficiarios dunha axuda os GALP:
a) Que se atopen nalgún dos supostos establecidos no artigo 11.1 e 3 do Regulamento (UE) nº (UE) 2021/1139.
b) Nos cales concorra algunha das circunstancias sinaladas no artigo 10, parágrafos 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
c) Os que incorran nas circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
d) Que non estean ao día no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social.
3. Os GALP poderán concorrer de xeito individual ou conxuntamente entre eles, como unha agrupación de entidades. Aqueles que concorran conxuntamente deberán facer constar expresamente na solicitude que compromisos corresponderán a cada un deles na execución das accións, así como o importe da subvención solicitada que corresponderá a cada un deles. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, que será unha das entidades solicitantes, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que como beneficiario lle corresponden á agrupación. Os compromisos de participación conxunta, así como o nomeamento de apoderado, deberán ratificarse mediante documento outorgado ante o órgano de xestión, unha vez notificada a concesión da axuda.
4. No caso de incumprimento por parte dunha agrupación de entidades, consideraranse responsables todos os beneficiarios integrados nela, en relación coas actividades subvencionadas que se comprometesen a realizar, ou solidariamente cando non fose posible determinar o alcance das obrigas correspondentes a cada un deles.
5. A agrupación non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo establece o artigo 8 desta lei.
Segundo. Finalidade
1. O obxecto da presente orde é establecer as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de subvencións a proxectos de cooperación interterritoriais e transnacionais dos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP), aprobadas pola Consellería do Mar no marco do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).
2. Así mesmo, convócanse subvencións no exercicio orzamentario do ano 2026. O procedemento que regula a presente orde correspóndese co código PE155B.
3. Para os efectos do presente artigo, defínense:
a) Cooperación interterritorial: a realizada dentro do Estado, entre os GALP dunha mesma zona ou de diferentes zonas do territorio nacional, ou entre os GALP e asociacións público-privadas locais dunha mesma zona ou de diferentes zonas do territorio nacional que apliquen unha EDLP.
b) Cooperación transnacional dentro da UE: a realizada entre grupos de distintos Estados membros da UE, ou con asociacións público-privadas locais doutros Estados membro que apliquen unha EDLP dentro da Unión.
Terceiro. Bases reguladoras
Orde do 12 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, a proxectos de cooperación interterritoriais e transnacionais dos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP), no marco do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) 2021-2027, e se convocan as correspondentes ao ano 2026, tramitada como anticipado de gasto (código de procedemento PE155B).
Cuarto. Importe
O crédito orzamentario para as solicitudes de axuda tramitadas durante o exercicio do ano 2026 e a plurianualidade asociada ás axudas que poidan concederse neste acadan o importe de oitocentos cincuenta mil euros (850.000 euros), repartidos nas seguintes anualidades e partidas orzamentarias:
|
Partida orzamentaria |
2026 |
2027 |
Total |
|
16.03.723C.780.0 |
500.000 € |
350.000 € |
850.000 € |
As porcentaxes de cofinanciamento das axudas son do 70 % con fondos FEMPA e do 30 % pola Comunidade Autónoma.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.
Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2025
Marta Barreiro Castro
Secretaria xeral técnica da Consellería do Mar
