Na sesión que tivo lugar o día 19 de decembro de 2025, o tribunal nomeado pola Resolución do 14 de marzo de 2025 (DOG núm. 54, do 19 de marzo), encargado de cualificar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de acceso libre e de promoción interna, polo sistema de concurso-oposición, no corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de veterinarios, convocado pola Resolución do 22 de xaneiro de 2024 (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro),
ACORDOU:
Primeiro. De conformidade co disposto na base II.1.1.2 da convocatoria e nos criterios de corrección, valoración e superación do segundo exercicio do proceso selectivo, aprobados polo tribunal na sesión que tivo lugar o 23 de xuño de 2025, superaron o segundo exercicio do proceso selectivo as persoas aspirantes que obtiveron unha puntuación mínima de vinte (20) puntos.
Segundo. Publicar as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes presentadas ao segundo exercicio do proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de acceso libre e de promoción interna, polo sistema de concurso-oposición, no corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de veterinarios, no portal web corporativo xunta.gal/funcion-publica
Terceiro. De acordo co disposto na base II.1.2.8 da convocatoria, as persoas aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación ás puntuacións, no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Cuarto. De acordo co disposto na base II.1.1.3 da convocatoria, referida ao terceiro exercicio da fase de oposición, estarán exentas de realizar este exercicio as persoas aspirantes que acrediten que posuían, o día da finalización do prazo de presentación de instancias neste proceso, o Celga 4 ou o título equivalente debidamente homologado de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro).
Para estes efectos, xunto coa resolución pola que se fan públicas as cualificacións do segundo exercicio, a Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal publicará, no portal web corporativo xunta.gal/funcion-publica, unha listaxe de persoas aspirantes que están exentas de realizar o exame de galego por telo debidamente acreditado no seu expediente electrónico persoal.
As persoas aspirantes que superaron o segundo exercicio e non figuren na devandita listaxe de persoas exentas disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contados desde o seguinte ao da publicación no DOG da resolución pola que o tribunal fai públicas as cualificacións do segundo exercicio, para incorporar a documentación acreditativa de posuír o Celga 4 ou equivalente ao seu expediente electrónico persoal, ao cal accederán a través do Fides, do xeito establecido na Resolución do 5 de decembro de 2023 (DOG núm. 237, do 15 de decembro).
Quinto. Segundo o disposto na base III.13 da orde de convocatoria, contra este acordo poderase interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da consellería competente en materia de función pública nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2025
José Antonio Varela Señarís
Presidente do tribunal
