BDNS (Identif.): 880748.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/880748
Primeiro. Entidades beneficiarias
a) Pemes e grandes empresas do ámbito industrial que dispoñan dun centro de traballo permanente legalmente constituído en Galicia, que poidan liderar proxectos empresariais de I+D+i de carácter estratéxico que cumpran as características recollidas no artigo 5.
b) As agrupacións de pemes e grandes empresas que realicen proxectos de I+D+i en colaboración.
c) Agrupacións dunha empresa ou empresas do sector industrial, e un ou varios centros tecnolóxicos e/ou centros de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito autonómico inscritos no rexistro de centros creado polo Real decreto 2093/2008, do 19 de decembro, e que conten cun centro de traballo permanente legalmente constituído en Galicia.
De acordo co artigo 5.2.a) do Regulamento UE 2021/1058 relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e Fondo de Cohesión, só serán admisibles os proxectos presentados por grandes empresas se cooperan con unha ou varias pemes, e estas deberán asumir, no seu conxunto, un mínimo do 5% total dos custos subvencionables do proxecto. Os organismos de investigación non terán a consideración de pemes para estes efectos.
Segundo. Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e teñen por obxecto o apoio ao desenvolvemento da innovación das empresas galegas, orientado a mellorar a súa capacidade mediante o impulso de proxecto de investigación industrial, desenvolvemento experimental e a innovación de procesos e organización.
Terceiro. Bases reguladoras
Resolución do 30 de decembro de 2025 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a iniciativa Industria Innova, dirixidas ao impulso de proxectos de desenvolvemento da innovación no sector industrial galego, orientados a mellorar a súa capacidade mediante o impulso de proxectos de investigación industrial, desenvolvemento experimental e a innovación de procesos e organización, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se convocan para os anos 2026, 2027 e 2028 en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG530B).
Cuarto. Importe
Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.A1.561A.770.06 por un importe de 30.000.000 €, e coa seguinte distribución plurianual: 6.875.000 € no ano 2026, 16.250.0000 € no ano 2027 e 6.875.000 € no ano 2028.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará a computar a partir do día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia e será de dous meses, contados desde as 9.00 horas do día de inicio do prazo e ata as 14.00 horas do día en que se cumpra o citado prazo de dous meses.
Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2025
Ainhoa Mallo Martínez
Xerente do Instituto Galego de Promoción Económica
