Visto o certificado emitido polo secretario do 4 de novembro de 2025, en relación co Acordo adoptado pola Deputación Provincial do 31 de outubro de 2025, relativo á aceptación da delegación na Deputación Provincial do exercicio das competencias de xestión, liquidación e recadación en voluntaria e executiva e revisión de actos de tributos e outros ingresos de dereito público, de conformidade co disposto no artigo 7 do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, e no artigo 106.3 da Lei 7/1985 das bases de réxime local, publícase o citado acordo nos seguintes termos:
«Aceptar a delegación de competencias efectuada polo Concello de Cortegada a favor da Deputación Provincial, mediante o Acordo plenario do 8 de outubro de 2025, para a xestión tributaria, liquidación e recadación voluntaria e executiva, así como a revisión dos actos ditados dos seguintes tributos e ingresos de dereito publico:
– Imposto de bens inmobles-IBI.
– Imposto sobre vehículos de tracción mecánica-IVTM.
– Imposto sobre actividades económicas-IAE.
– Taxa pola subministración de auga.
– Taxa polo servizo de sumidoiros.
– Taxa de entrada de vehículos.
– Canon de auga (salvo as facultades de recadación executiva e revisión dos actos ditados nesa vía).
Todo isto nas condicións xerais recollidas no acordo de delegación do Concello de Cortegada; en todo caso, serán de aplicación as seguintes condicións xerais:
a) O contido da delegación abranguerá o exercicio de todas as facultades necesarias para a realización da xestión tributaria, liquidación e recadación voluntaria e executiva, ditando todos os actos administrativos necesarios para a xestión dos ditos procedementos, incluída a emisión da providencia de constrinximento e resolución dos recursos administrativos contra os actos de recadación executiva.
b) Para o exercicio da competencia delegada, o Concello debería remitir as oportunas certificacións da relación de debedores dos últimos catro anos para os efectos de poder iniciar a recadación en executiva, así como, en relación coas débedas anteriores aos últimos catro anos, certificacións de que as débedas non están prescritas, e indicará as diferentes datas de notificación da débeda en executiva en relación co tributo ou ingreso de dereito público a que se refire.
c) A taxa para satisfacer polo Concello pola prestación do servizo de recadación en voluntaria será o resultante de aplicarlles ás cantidades efectivamente recadadas de padróns, liquidacións, altas e outros ingresos non periódicos o tipo de gravame único do 5 % e a taxa pola prestación do servizo de recadación en período executivo será o 100 % da recarga de constrinximento que debe pagar o debedor tributario conforme o establecido no artigo 6, alíneas a) e b), da Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación dos servizos de xestión, inspección e recadación da Deputación Provincial de Ourense. A Deputación deducirá da transferencia do importe recadado a cantidade correspondente á taxa liquidada, sen prexuízo da notificación da dita liquidación na forma prevista no artigo 9 da Ordenanza fiscal.
d) Esta delegación entrará en vigor, unha vez aceptada pola Deputación Provincial, o 1 de xaneiro de 2026 e publicarase no Boletín Oficial da provincia e no Diario Oficial de Galicia para xeral coñecemento. Esta delegación estará vixente por un período de catro anos, prorrogándose tacitamente por períodos iguais de catro anos se ningunha das partes mostra expresamente a súa vontade en contra, comunicándoo á outra cunha antelación non inferior a 6 meses á data sinalada ou á de calquera dos períodos de prórroga».
Ourense, 21 de novembro de 2025
Luis Menor Pérez
Presidente da Deputación Provincial de Ourense
