DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 10 Venres, 16 de xaneiro de 2026 Páx. 3697

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 30 de decembro de 2025 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a mellora da capacidade da innovación e o desenvolvemento tecnolóxico das empresas en Galicia, a través da aplicación de servizos de innovación, programa Tícket Innova para o ano 2026, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG408K).

O Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (en diante, Igape), na súa xuntanza do día 24 de novembro de 2025, acordou, por unanimidade dos membros asistentes, aprobar as bases reguladoras das axudas do Igape para a mellora da capacidade da innovación e o desenvolvemento tecnolóxico das empresas en Galicia, a través da aplicación de servizos de innovación, programa Tícket Innova e facultou a persoa titular da dirección xeral para a súa convocatoria, a aprobación dos créditos e a publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar as bases reguladoras das axudas do Igape para a mellora da capacidade da innovación e o desenvolvemento tecnolóxico das empresas en Galicia, a través da aplicación de servizos de innovación, programa Tícket Innova, e convocar para o ano 2026 as ditas axudas en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG408K).

A presente convocatoria finánciase con fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo. Esta convocatoria tramítase de conformidade co disposto no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Decreto 11/2009), no cal se establece a tramitación anticipada de expedientes de gasto, condicionando a concesión destas axudas á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Terceiro. O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará a computar o sexto día hábil posterior ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, ás 9.00 horas, e rematará o 30 de setembro de 2026 ás 14.00 horas, agás que antes desa data se produza o esgotamento do crédito.

Cuarto. Créditos

O crédito dispoñible para concesións nesta convocatoria aboarase con cargo á seguinte aplicación orzamentaria e polo seguinte importe:

Partida orzamentaria

Ano 2026

09.A1.561A.770.03

1.000.000,00 euros

A persoa titular da Dirección Xeral do Igape poderá ampliar o crédito, logo de declaración da súa dispoñibilidade, como consecuencia das circunstancias establecidas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto.

Quinto. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de tres meses desde a presentación da solicitude de axuda no Igape e, transcorrido este, poderase entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión de axuda.

Sexto. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia. A cesión de datos de carácter persoal que debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado, para os efectos de publicar as subvencións concedidas na Base de datos nacional de subvencións, non requirirá o consentimento do beneficiario.

Sétimo. Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2007), indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2025

Covadonga Toca Carús
Directora xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras das axudas para a mellora da capacidade da innovación
e o desenvolvemento tecnolóxico das empresas en Galicia, a través da aplicación de servizos de innovación, programa Tícket Innova

A Consellería de Economía e Industria, no recente Decreto 140/2024, do 20 de maio, onde se define a súa estrutura orgánica, establece entre as súas funcións a promoción e dinamización da economía, o impulso e a coordinación da política económica e industrial, así como o apoio xeral ao sector empresarial, fomentando a mellora da competitividade das empresas, incidindo no desenvolvemento tecnolóxico e na innovación, na transformación dixital, na sustentabilidade e na internacionalización.

O Igape, no cumprimento das súas funcións, desempeña un rol fundamental no desenvolvemento de programas e iniciativas que contribúan a acadar os obxectivos económicos estratéxicos da Comunidade galega.

O Igape, como ente de dereito público, é responsable, conforme a súa lei de creación, de definir a iniciativa e os programas de promoción e fomento do desenvolvemento rexional en cooperación coas distintas administracións e con outros entes públicos de promoción para contribuír á dinamización da economía de Galicia, impulsando a capacidade de innovación, a explotación das vantaxes propias e dos factores endóxenos, a atracción de investimentos, a competitividade da economía e o conxunto de actuacións de asesoramento, promoción, información e apoio que exixa o cumprimento dos seus obxectivos. Pola súa vez focalizará, entre as súas outras competencias, o fomento e promoción da innovación empresarial no sistema produtivo rexional como resposta directa para impulsar o crecemento e a competitividade empresarial.

A Resolución do 28 de maio de 2024, do Igape, pola que se crea unha nova área de innovación empresarial dentro da súa estrutura organizativa, introduce a misión de promocionar, avanzar e incrementar o sistema de innovación galego no tecido produtivo e na empresa, coordinando e colaborando na mellora da innovación do sistema económico galego a través da transferencia ao tecido produtivo dos resultados da investigación e desenvolvemento, co obxectivo de incrementar a capacidade competitiva da empresa galega.

O 8 de abril de 2022, o Consello da Xunta de Galicia adoptou o acordo mediante o cal se aprobou a estratexia de especialización intelixente (RIS3) de Galicia 2021-2027, que define o marco para as políticas de investigación e innovación na Comunidade Autónoma para este período. Como instrumento de planificación operativa para a súa implementación entre 2025 e 2027, o Consello da Xunta aprobou, o 3 de febreiro de 2025, o Plan galego de investigación e innovación 2025-2027.

A RIS3, no período 2021-2027, aborda a través da I+D+i tres grandes retos da economía e da sociedade galega. Para darlles resposta, por unha banda, a estratexia orienta as capacidades e os esforzos de investigación e innovación en Galicia cara a tres prioridades temáticas transversais e, pola outra, reforza e impulsa o ecosistema galego de innovación a través de cinco obxectivos estratéxicos, arredor dos cales articula os instrumentos e actuacións que desenvolverá integrados nos correspondentes programas.

Estas axudas enmárcanse na RIS3 de Galicia 2021-2027 e responden aos tres retos e ás tres prioridades. Contribúen ao obxectivo estratéxico 2 (equilibrar a excelencia na investigación e a súa aplicabilidade no mercado); polo tanto, intégranse no programa Innova e emprende da RIS3 de Galicia 2021-2027 e no programa Innovación e emprendemento do Plan galego de investigación e innovación 2025-2027.

No novo marco de especialización intelixente para o período 2021-2027, un dos obxectivos con respecto á innovación empresarial é definir itinerarios de apoio que respondan á heteroxeneidade do tecido empresarial e dean resposta tamén ás diferentes etapas de xeración e progreso da innovación ata converterse en valor no mercado.

Esta actuación tamén se encadran na Estratexia galega de impulso á biotecnoloxía, que inclúe como un dos seus eixes prioritarios o eixe 2: fortalecemento e consolidación empresarial, no cal se integra o programa de actuación B1: capacitación e competitividade innovadora.

En Galicia existe un contorno moi propicio para o progreso da innovación, xa que o ecosistema de innovación galego conta con numerosos axentes de primeiro nivel tanto no eido público coma no privado, tales como centros tecnolóxicos e empresas especializadas en servizos de apoio á innovación, empresas provedoras de servizos tecnolóxicos e de tecnoloxías facilitadoras...) que dotan a nosa comunidade dunha oferta moi importante de coñecemento científico e técnico para o tecido empresarial galego.

A abundante e diversa oferta de axentes presentes no ecosistema rexional de innovación non é incompatible, con todo, coa existencia ao mesmo tempo dunha baixa taxa de absorción, por parte das pequenas e medianas empresas, da innovación xerada na rexión e, de forma moi especial, polas pemes non tecnolóxicas pertencentes a sectores tradicionais.

Para incrementar o potencial de innovación das pequenas e medianas empresas, ao mesmo tempo que se aumentan os fluxos de transferencia de tecnoloxía, é necesario crear instrumentos áxiles que incentiven a adquisición de servizos técnicos específicos de apoio á innovación e desenvolvemento tecnolóxico por parte das pequenas e medianas empresas, como ferramentas para a mellora dos seus produtos, procesos e servizos, e da súa produtividade.

Estas axudas establécense, en suma, para promover unha maior absorción por parte das pemes galegas dos servizos de apoio á innovación, como instrumento para a diferenciación dos seus negocios no mercado e para o aumento da súa produtividade, coa finalidade última de crear e consolidar nas pequenas e medianas empresas unha actitude innovadora que faga innecesarios estes incentivos nun futuro a medio prazo.

Co obxectivo de impulsar o uso de servizos de innovación por parte das pemes galegas, preténdese desenvolver o procedemento que facilite o acceso das pequenas e medianas empresas á tecnoloxía e a innovación, mediante a concesión directa de axudas, na modalidade de subvención, dirixidas ás pemes.

Para iso incentivarase a colaboración activa, entre as pemes, os centros tecnolóxicos e as empresas especializadas na prestación de servizos de apoio á innovación, mediante acordos que impliquen a prestación de servizos técnicos de apoio á innovación empresarial, incluídos os relativos á xestión da innovación e a súa implantación no mercado.

As principais persoas beneficiarias destas actuacións serán pequenas e medianas empresas galegas e, de forma moi especial, as pemes non tecnolóxicas pertencentes a sectores tradicionais non intensivos en innovación.

Para acadar estes obxectivos poderanse publicar diferentes convocatorias, en concorrencia non competitiva, que serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Igape. As convocatorias incluirán o procedemento de tramitación, o prazo de presentación de solicitudes e os créditos asignados.

As axudas reguladas nestas bases outorgaranse en réxime de concorrencia non competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007.

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras para a concesión de axudas destinadas a incentivar o uso de servizos para o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación polas pequenas e medianas empresas (pemes), en especial, polas pertencentes a sectores tradicionais non intensivos en innovación.

2. A finalidade destas axudas é fomentar a implementación da innovación nas pemes galegas e a transferencia de tecnoloxía entre os centros tecnolóxicos e as empresas, como valor engadido e como instrumento para o incremento da súa produtividade, crecemento e diferenciación no mercado.

3. As axudas destinaranse a financiar a contratación polas pemes de servizos especializados de apoio á innovación, que inclúan os servizos relativos á xestión da innovación e a súa implantación no mercado, realizados a través de empresas de consultoría especializadas na prestación de servizos de innovación, centros tecnolóxicos galegos, hubs de innovación dixital, etc.

Artigo 2. Procedemento e réxime de aplicación

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.

2. As solicitudes resolveranse atendendo á súa prelación temporal ata o esgotamento do crédito, do cal se dará a correspondente publicidade.

Para os efectos da determinación da prelación temporal, a data que se terá en conta será a data e hora de presentación da solicitude. No caso de presentación de achegas ou de que a solicitude requira emenda, terase en conta a data e hora en que a persoa solicitante presente correctamente toda a documentación e a información requirida. No caso de que máis dunha solicitude teña a mesma data de presentación, prevalecerá a solicitude cuxa data e hora de presentación fose anterior, segundo conste no Rexistro electrónico xeral e, en último caso, prevalecerá aquela á cal o sistema lle asignase automaticamente o número de entrada máis baixo.

3. Non se poderán outorgar subvencións por unha contía superior á que se determine na presente convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación, transferencia ou incorporación de crédito ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007.

4. As axudas previstas nestas bases encádranse no Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis; no Regulamento (UE) 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola, e no Regulamento (UE) 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura, ou nas normas que os modifiquen ou os substitúan.

5. A presente convocatoria finánciase mediante fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1. Estas axudas son incompatibles con outras axudas ou subvencións para os mesmos gastos.

2. Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que, de recibir a persoa beneficiaria outras axudas baixo o réxime de minimis, non se supera o límite de 300.000 euros nos tres anos previos á concesión da axuda. Respecto das empresas do sector da pesca as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar os 40.000 euros nos tres anos previos á concesión da axuda, e respecto das empresas do sector agrícola o límite de minimis redúcese a 50.000 euros nos tres anos previos á concesión da axuda.

3. A solicitude e/ou obtención doutras axudas ou subvencións aos mesmos gastos ou a solicitude e/ou obtención doutras axudas ou subvencións en réxime de minimis deberá comunicarse ao Igape tan axiña como se coñezan. En todo caso, antes de conceder a axuda, requirirase da persoa solicitante unha declaración, escrita ou en soporte electrónico, sobre calquera axuda recibida para os mesmos gastos ou en réxime de minimis. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

Artigo 4. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas galegas (en diante, pemes) ou cun centro de traballo en Galicia.

2. Para os efectos das presentes bases, consideraranse pemes as empresas que, na data da solicitude, respondan á definición de peme establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014 e con forma xurídica de sociedade mercantil.

3. Non poderán ter a condición de beneficiarias:

a) As empresas que sexan prestadoras dos mesmos ou similares servizos para os que solicitan a axuda.

b) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.

c) As empresas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, ou que incumpran as obrigas do artigo 11 da citada lei.

Artigo 5. Condicións e conceptos subvencionables

1. Serán subvencionables os custos de contratación de servizos externos especializados en materia de innovación e desenvolvemento tecnolóxico (empresas especializadas en innovación e centros tecnolóxicos) efectuados desde o 1 de xaneiro de 2026 ata a data da solicitude de axuda. O importe mínimo de gasto subvencionable deberá acadar os 5.000 euros.

2. Non serán subvencionables en ningún caso os impostos, xuros e gastos financeiros, e taxas.

3. En ningún caso os gastos subvencionables poderán ser superiores ao valor de mercado.

4. As contratacións relativas á prestación dos servizos asociados aos tickets de innovación terán que estar realizadas e pagadas dentro do prazo de execución, que abrangue desde o 1 de xaneiro de 2026 ata a data da presentación da solicitude.

5. Existen 6 modalidades de tíckets Innova:

a) Estratexia e xestión da innovación.

– Estudos de viabilidade tecnolóxica e industria.

– Estudos de vixilancia tecnolóxica e estado da técnica.

– Auditoría/consultoría en produto/servizo.

– Estudos de mercado, ensaios, testaxe e validación experimental de novos prototipos de novos produtos e/ou servizos, procesos piloto, novos métodos ou materiais.

– Obtención de certificacións de normas oficiais vinculadas á actividade innovadora.

– Asesoramento para a identificación, monitorización e acompañamento de licitacións de CPI (compra pública de innovación).

– Actividades de deseño industrial, enxeñería e posta a punto de novos sistemas de produción vinculados a novos produtos, procesos ou servizos diferenciadores.

b) Deseño para a innovación.

– Conceptualización e deseño de novos produtos e servizos diferenciais.

– Deseño de marca e identidade corporativa.

c) Xestión da protección do coñecemento da innovación.

– Asesoramento na xestión da protección do coñecemento da innovación industrial patentes, marcas comerciais e deseños industriais, etc.

d) Certificacións para as deducións fiscais en I+D+i.

e) Preparación de propostas a programas e axudas europeos.

f) Deseño de novos procesos ou servizos baseados en tecnoloxías dixitais emerxentes.

– Realidade aumentada, impresión 3D, automatización avanzada e robótica, así como a internet das cousas ou sistemas intelixentes embebidos.

– Sistemas de intelixencia artificial (intelixencia de negocio, big data e similares).

– Ciberseguridade.

g) Diagnósticos de madurez do dato.

6. En ningún caso serán subvencionables as actuacións ou actividades habituais da empresa, nin a modificación ou adaptación de procesos produtivos, produtos ou servizos existentes que non supoñan unha innovación. En concreto, exclúense as actividades destinadas a:

a) Cumprimento de normativa obrigatoria.

b) Análises, ensaios ou caracterizacións habituais ou recorrentes non vinculados ao proxecto subvencionable.

c) Fabricación ou produción de prototipos.

d) Implantación de certificados de calidade, ambiente, boas prácticas ou similares.

e) Análise, ensaios ou caracterizacións habituais ou recorrentes.

f) Calquera tipo de acción formativa.

g) Accións de implantación de solucións dixitais na empresa que non supoñan innovacións en servizos, procesos e organización: como melloras de aplicacións ou software xa existente ou a súa adaptación, os desenvolvementos ofimáticos (ERP, CRM, páxinas web, plataformas de comercio electrónico, xestións de redes, clientes, intelixencia e análise de negocios), e ferramentas de oficina virtual, financeiras ou contables, e calquera outra aplicación asimilable ás citadas.

h) Servizos de telecomunicacións ou de almacenamento ou hospedaxe da información.

i) Arrendamento de equipos (hardware), redes ou sistemas físicos de tecnoloxías.

7. Os gastos que se subvencionan deberán respectar o establecido nesta convocatoria e serán exclusivamente custos directos.

8. Con carácter xeral, os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa persoa solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose que existe vinculación cando se dean as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e o artigo 43.2 do decreto que desenvolve a citada lei; así mesmo, tomarase en consideración a definición de empresas asociadas ou de empresas vinculadas establecida nos números 2 e 3 respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014.

9. Cando a persoa beneficiaria da subvención sexa unha empresa, os gastos subvencionables en que incorrese nas súas operacións comerciais deberán ter sido aboados nos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial que lle sexa de aplicación ou, na súa falta, nos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, e as súas modificacións posteriores.

10. Cando o importe dos gastos subvencionables supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor (importe igual ou superior a 15.000 euros no caso de prestación do servizo ou adquisición do ben no momento de publicar estas bases), a persoa beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á prestación do servizo ou da adquisición do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de provedores que os presten ou subministren. Neste caso, presentarase un escrito acreditativo desta circunstancia asinado por un experto independente.

As tres ofertas ou orzamentos de provedores deberán reunir, como mínimo, os seguintes requisitos:

a) Comparabilidade: deberán referirse á mesma tipoloxía de elemento obxecto de investimento, con prestacións similares, e conter conceptos análogos e comparables e co detalle suficiente para a súa comparación.

b) Non vinculación: os provedores das tres ofertas non poderán estar vinculados entre si nin coa empresa solicitante. Para estes efectos, enténdese que existe vinculación cando se dean as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e o artigo 43.2 do decreto que desenvolve a citada lei; así mesmo, tomarase en consideración a definición de empresas asociadas ou de empresas vinculadas establecida nos números 2 e 3 respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014.

c) Identificación do ofertante e do destinatario: deberán conter a razón social, o domicilio e o número ou código de identificación fiscal. Excepcionalmente, poderán admitirse ofertas ou orzamentos en que se omita algún dos elementos identificativos do emisor ou do destinatario cando, ao criterio dos servizos técnicos do Igape, se considere que están clara e inequivocamente identificados o ofertante e o destinatario.

d) Data: todas as ofertas deberán mostrar unha data de emisión.

Non serán admisibles as ofertas emitidas por provedores que non teñan a capacidade para a subministración do ben ou servizo ou que semellen de compracencia (contido e formato idénticos ou extremadamente similares entre ofertas, erros idénticos ou aparencia non habitual, entre outros).

Con carácter xeral, para cada elemento será subvencionable o importe correspondente á oferta de menor prezo de entre as comparables. Excepcionalmente, cando a persoa solicitante non escolla a oferta de menor prezo, considerarase subvencionable o importe da oferta elixida, logo da sucinta motivación de que se trata da oferta economicamente máis vantaxosa tras a valoración de diferentes criterios técnicos adicionais ao prezo.

Artigo 6. Contía e intensidade da axuda

Concederase unha axuda do 80 %, ata un máximo inferior a 30.000 euros, para os gastos realizados pola empresa beneficiaria durante o período subvencionable.

Gasto

Subvención

Intensidade

De 5.000 euros ata un máximo inferior a 37.500 euros

De 4.000 ata un máximo inferior a 30.000 euros

80 %

Artigo 7. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. Unha mesma entidade só poderá presentar unha solicitude en toda a convocatoria e para iso deberá escoller un servizo entre os seis correspondentes aos seis tickets para a innovación descritos nesta convocatoria.

De presentarse máis dunha, arquivaranse automaticamente as rexistradas despois da primeira, salvo que a persoa solicitante desista expresamente das outras.

2. Para presentar a solicitude, a persoa solicitante deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias da persoa solicitante e do proxecto para o que solicita a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://spiga-sede.igape.es

Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios.

No devandito formulario a persoa representante deberá realizar as seguintes declaracións relativas á persoa solicitante:

a) Que asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude.

b) Que cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións.

c) Que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que se solicita a axuda.

d) Que cumpre cos criterios de definición de peme, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no Regulamento (UE) núm. 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.

O Igape realizará as comprobacións documentais necesarias para garantir que as empresas para as que se propón a concesión da axuda teñen a condición de peme.

e) Que conservará os libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa beneficiaria en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos subvencionables, durante un período de catro anos desde a súa presentación.

f) Que os provedores non están asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose que existe vinculación cando se dean as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 43.2 do decreto que desenvolve a citada lei; así mesmo, tomarase en consideración a definición de empresas asociadas ou de empresas vinculadas establecida nos números 2 e 3, respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014.

g) Declaración das axudas concorrentes para a mesma actuación, solicitadas ou concedidas.

h) Declaración sobre calquera outra axuda de minimis recibida e/ou solicitada nos tres anos previos á concesión da axuda.

i) Declaración de non atoparse nas circunstancias previstas nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei de subvencións de Galicia.

j) Para as entidades suxeitas a inscrición no Rexistro Mercantil: que cumpriu coa obriga de depósito no Rexistro Mercantil das contas anuais correspondentes ao último exercicio, segundo os artigos 366 e 368 do Regulamento do Rexistro Mercantil (Real decreto 1784/1996, do 19 de xullo) e o artigo 279.1 do texto refundido da Lei de sociedades de capital.

3. No formulario incluirase a xustificación dos gastos realizados (facturados e pagados) mediante a modalidade de conta xustificativa simplificada, regulada no artigo 51.1 do Decreto 11/2009, que incluirá:

1º. Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.

2º. Unha relación clasificada dos gastos, con identificación do acredor e do documento, o seu importe con e sen IVE, a data de emisión e a data de pagamento.

De acordo co establecido no artigo 31 da Lei 30/2008, xeral de subvencións, os gastos para os que se solicite axuda deberán ter sido aboados nos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial que lle sexa de aplicación ou, na súa falta, nos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.

3º. O detalle doutros ingresos ou subvencións que financiasen os custos subvencionados, con indicación do seu importe e procedencia.

Os órganos competentes do Igape poderán solicitar as aclaracións, orixinais da documentación, ou informes relativos á xustificación do proxecto que consideren convenientes.

4º. Os xustificantes de pagamento dos gastos subvencionables que serán admisibles deben axustarse ao establecido ao respecto no artigo 42 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

4. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I), que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://spiga-sede.igape.es, tamén accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, as persoas solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) As solicitudes subscribiranas directamente as persoas interesadas ou a persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.

b) Ter en vigor un certificado dixital dos validados pola plataforma @firma da Administración xeral do Estado (http://administracionelectronica.gob.es/PAe/afirma-anexo-PSC).

Unha vez asinado o formulario de solicitude mediante o certificado dixital, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro electrónico da Xunta de Galicia. No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.

As solicitudes presentadas non poderán modificarse.

Artigo 8. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:

a) Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, modificacións posteriores destes e acreditación da representación con que se actúa, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil.

No caso de sociedades rexistradas no Rexistro Mercantil, poderá solicitarse, motivadamente, algunha ou algunhas das escrituras referidas no parágrafo anterior cando a información obtida do Rexistro Mercantil non resulte suficiente para concluír sobre a personalidade da sociedade ou da súa representación.

b) Declaración do imposto de sociedades do último exercicio pechado.

c) As contas anuais correspondentes ao último exercicio pechado para o que se cumpriu o prazo de aprobación legalmente establecido, ou de depósito, no caso de obriga de depósito no Rexistro Mercantil, xunto co informe de auditoría no caso de que a empresa estea obrigada a someter as súas contas a auditoría.

Así mesmo, no caso de que a solicitante estea integrada nun grupo de sociedades que consolide contas, anexará as contas anuais consolidadas. Anexaranse, igualmente, as contas anuais de todas as entidades que deban ser tidas en conta para os efectos de determinar a consideración ou non de peme da persoa solicitante, salvo que estas estean integradas nas contas consolidadas que, se é o caso, fosen presentadas.

d) Declaración da condición de peme, que se cubrirá no formulario electrónico de solicitude, con datos das contas anuais do último exercicio pechado na data da solicitude.

e) Con relación á declaración doutras axudas para o mesmo proxecto e doutras axudas de minimis recibidas durante os tres anos previos, cando teña axudas concedidas, deberá achegar unha copia das resolucións de concesión.

f) As tres ofertas que, se é o caso, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deban ter solicitado.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) NIF da entidade representante.

d) Consulta da documentación depositada no Rexistro Mercantil, segundo a letra a) do artigo 8.1 das bases.

e) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

f) Consulta de axudas e subvencións de minimis ampliado.

g) Consulta de concesións ampliado.

h) Consulta de axudas do Estado.

i) Imposto de actividades económicas (IAE).

j) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

k) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

l) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda e Administración Pública.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo I) e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo a través do enderezo da internet https://spiga-sede.igape.es

Artigo 11. Órganos competentes

A competencia para a instrución do procedemento de concesión da subvención correspóndelle á Área de Innovación do Igape.

A competencia para ditar a resolución, que poña fin ao procedemento na vía administrativa correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape.

Artigo 12. Instrución do procedemento, resolución e notificación

1. As solicitudes de axuda serán avaliadas polos servizos técnicos do Igape en función dos datos relativos á persoa solicitante e dos datos declarados na solicitude de axuda e no formulario electrónico e da documentación presentada.

En aplicación dos principios de eficacia e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos establecidos na Lei de subvencións de Galicia, e ao ser unha convocatoria de axudas en concorrencia non competitiva, as axudas resolveranse por orde de rexistro de entrada das solicitudes. Non obstante, naqueles supostos en que se lles requira ás persoas solicitantes a emenda de erros ou omisións na solicitude ou na documentación presentada, ou se presenten documentos posteriores, entenderase por rexistro de entrada da solicitude a data en que o dito requirimento foi correctamente atendido.

De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, se a solicitude ou o formulario non reúnen algunha da documentación ou información previstas nas bases, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos.

Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se considerará que desiste na súa petición e arquivarase o expediente, logo da correspondente resolución.

Instruído o procedemento e inmediatamente antes de ditar proposta de resolución, porase de manifesto ás persoas interesadas para que, no prazo de dez días, poidan alegar e presentar os documentos e xustificacións pertinentes. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polas persoas interesadas.

2. A Área de Innovación ditará a proposta de resolución con base neste procedemento, e elevaraa á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, quen resolverá a concesión das subvencións por delegación do Consello de Dirección do Igape.

A resolución de concesión da subvención comprenderá a identificación da persoa beneficiaria, a contía da subvención e as obrigas que correspondan. Informarase a persoa beneficiaria sobre o carácter de minimis da axuda, facendo unha referencia expresa e completa ao Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis.

Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación.

3. O prazo máximo para resolver as solicitudes presentadas ao abeiro desta convocatoria é o establecido na resolución de convocatoria; transcorrido este, poderase entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da axuda.

4. As notificacións das resolucións e actos administrativos do procedemento efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

De conformidade co artigo 47 da Lei /2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, o Igape practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Potestativamente, recurso previo de reposición ante a persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da notificación da resolución, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co establecido nestas bases reguladoras, se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 14. Modificación da resolución

Unha vez ditada a resolución de concesión, non se admitirán modificacións.

Artigo 15. Obrigas das persoas beneficiarias

Son obrigas das persoas beneficiarias:

a) Xustificar ante o Igape, de acordo co previsto nestas bases e na normativa reguladora de subvencións, o cumprimento dos requisitos e condicións da axuda, a realización da actividade e dos gastos subvencionables e o cumprimento da finalidade que determinan a concesión e o desfrute da subvención.

b) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, ou calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, en especial a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, e o Consello de Contas.

Para tal fin, deberá dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos subvencionables, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control durante, polo menos, un período de 4 anos desde a súa presentación.

d) Comunicar ao Igape a solicitude e/ou obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien os gastos subvencionados, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

f) Facilitar cantos datos resulten necesarios para a valoración da convocatoria no marco da avaliación da RIS3 de Galicia 2021-2027 ou doutros mecanismos relacionados coa medición da I+D+i, entre outros, as enquisas do INE. Tendo en conta que a localización do proxecto ten que ser Galicia, os datos asignados aos citados instrumentos de avaliación deberán estar consignados á Comunidade Autónoma de Galicia.

g) Cumprir os requisitos de comunicación do financiamento público do proxecto polo Igape, segundo o establecido no anexo II a estas bases, durante a execución do proxecto.

h) Conservar os estudos, auditorías, certificacións, etc. que se desenvolven no marco desta axuda.

i) Todo o anterior sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17. Pagamento das axudas

1. O aboamento das subvencións reguladas nesta convocatoria realizarase una vez comprobado o cumprimento dos requisitos exixidos. Resolverase a concesión da axuda e procederase ao seu pagamento no número de conta indicado na solicitude.

Os órganos competentes do Igape poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do proxecto que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que a persoa beneficiaria os presentase, o Igape iniciará o correspondente procedemento de incumprimento.

O réxime de pagamento deberá cumprir o establecido no artigo 31 da Lei 9/2007 e no título IV do seu regulamento.

Artigo 18. Reintegro

1. Producirase o reintegro da subvención no suposto de concorrencia das causas establecidas no artigo 33 da Lei 9/2007, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

O procedemento para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007.

Procederá o reintegro total da axuda concedida, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:

a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.

b) Non permitir someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas.

c) Non dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso.

2. Devolución voluntaria da subvención.

De acordo co establecido no artigo 64 do Decreto 11/2009, as persoas beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES83 2080 0388 2731 1000 0584, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

En todo caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente unha copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal consten a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 19. Réxime sancionador

Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Fiscalización e control

As persoas beneficiarias destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Igape para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 21. Comprobación de subvencións

1. O Igape comprobará a xustificación adecuada da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

Como mínimo farase unha comprobación nunha mostra aleatoria do 10 % das subvencións concedidas.

2. O prazo para a comprobación material de facturas e xustificantes do gasto será de catro anos desde a súa presentación.

3. En todo o non previsto nos puntos anteriores, será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 22. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións teñen a obriga de subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 23. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase a seguinte normativa:

a) Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L do 15 de decembro de 2023; Regulamento (CE) núm. 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28.6.2014), e Regulamento 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013), modificado polo Regulamento (UE) núm. 2019/316 da Comisión, do 21 de febreiro de 2019 (DOUE L 51, do 22 de febreiro).

b) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

c) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

d) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións pública.

e) Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais; Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e a libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos) e Real decreto 3/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema nacional de seguridade no ámbito da Administración electrónica.

f) No resto da normativa que resulte de aplicación.

Artigo 24. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Dirección da Área de Innovación para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións, instrucións, aclaracións ou interpretacións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento destas bases reguladoras.

IG408K-G.pdf
IG408K-G.pdf
IG408K-G.pdf

ANEXO II

Requisitos de comunicación do financiamento público

Responsabilidade do beneficiario.

As axudas para a mellora da capacidade da innovación e o desenvolvemento tecnolóxico das empresas en Galicia, a través da aplicación de servizos de innovación, programa Tícket Innova para o ano 2026, están financiadas polo Igape, polo que en todas as medidas de comunicación debe incluírse exclusivamente a imaxe de marca do Igape.

missing image file

A obriga de dar publicidade ao financiamento polo Igape dos gastos que sexan obxecto de subvención consiste na inclusión da imaxe de marca do Igape, así como inscricións relativas ao financiamento público nos folletos, materiais impresos que vaian ser obxecto de difusión alén do uso exclusivo da persoa solicitante, medios electrónicos audiovisuais, convocatorias e difusión de eventos ou ben en mencións realizadas nos medios de comunicación, que teñan relación co proxecto subvencionado, seguindo as normas e instrucións contidas no manual de imaxe corporativa da Xunta de Galicia. As marcas poderanse descargar no enderezo da internet https://spiga-sede.igape.es

Para dar publicidade do financiamento atenderase ao establecido no Decreto 112/2021, do 22 de xullo, polo que se aproba o uso dos elementos básicos da identidade corporativa da Xunta de Galicia (DOG núm. 146, do 2 de agosto).