BDNS (Identif.): 880407.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/880407
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/880739 (minimis pesca)
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/880740 (minimis agrícola)
Os códigos asignados pola BDNS corresponden a un mesmo texto de convocatoria.
Primeiro. Entidades beneficiarias
Poderán ser beneficiarios destas axudas os organismos intermedios empresariais de Galicia.
Consideraranse, así mesmo, beneficiarias as empresas, incluídos os autónomos, que participen directamente nas accións subvencionadas, que cumpran os seguintes requisitos:
a) Cumprir coa definición de peme segundo o anexo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías).
b) Ter algún centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia e contar no devandito centro con, polo menos, un traballador por conta allea na data de publicación destas bases de axudas no DOG. Este requisito non será de aplicación ás startups que conten con certificación de Enisa en vigor nin ás empresas constituídas con menos de corenta e dous (42) meses de antigüidade na citada data. As accións de internacionalización solicitadas deberán estar directamente vinculadas ás actividades desenvolvidas no centro de traballo radicado en Galicia.
Ás empresas imputaráselles a axuda de minimis que lles corresponda segundo o gasto subvencionado. Cada peme participante deberá declarar o cumprimento dos requisitos de peme e as axudas de minimis solicitadas e/ou concedidas nos tres anos previos á concesión da axuda.
c) As empresas deben estar dadas de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización, cun informe positivo emitido a partir do 1 de xaneiro de 2013. A solicitude de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización deberase facer antes da data presentación da solicitude de axuda, a través do procedemento do Igape IG192.
Segundo. Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e teñen por obxecto impulsar o desenvolvemento de proxectos de internacionalización promovidos por organismos intermedios que contribúan a reforzar a proxección exterior, a visibilidade e o posicionamento competitivo das empresas galegas nos mercados internacionais. Para acadar este fin fomentarase a realización conxunta de accións de promoción e cooperación empresarial, que favorezan o aproveitamento de sinerxías, a optimización de recursos e a mellora da presenza das pemes galegas no ámbito global.
Terceiro. Bases reguladoras
Resolución do 30 de decembro de 2025 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a execución de accións de promoción exterior conxunta das empresas galegas (Galicia Exporta Organismos Intermedios 2026), cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG421A).
Cuarto. Importe
Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.A1.741A.7810, polo seguinte importe e anualidade: 1.700.000 € con cargo ao ano 2026.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará a computar o oitavo día hábil posterior ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia ás 9.00 horas e rematará o 30 de setembro de 2026, ás 14.00 horas, agás que antes desa data se produza o esgotamento do crédito.
Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2025
Ainhoa Mallo Martínez
Xerente do Instituto Galego de Promoción Económica
