DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 10 Venres, 16 de xaneiro de 2026 Páx. 4276

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

EXTRACTO da Resolución do 30 de decembro de 2025 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras para a concesión das axudas IA360 orientadas a potenciar a innovación empresarial a través do desenvolvemento experimental e a aplicación da intelixencia artificial no tecido industrial galego e a súa cadea de valor, vencellado aos sectores estratéxicos ou de especial relevancia para a Xunta de Galicia, e se convocan para os anos 2026 e 2027 en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG408M).

BDNS (Identif.): 880746.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/880746

Primeiro. Persoas beneficiarias

Serán beneficiarias as pequenas e medianas empresas galegas (pemes) ou cun centro de traballo en Galicia para as liñas 1 e 2 e as grandes empresas galegas ou cun centro de traballo en Galicia para a liña 2.

Consideraranse pemes as empresas que, na data da solicitude, respondan á definición de peme establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) 651/2014 e con forma xurídica de sociedade mercantil.

As persoas beneficiarias das axudas deberán contar con capacidade administrativa, financeira e operativa suficiente para a execución da axuda que se lles conceda, cuxas condicións se determinarán na resolución de concesión correspondente.

Segundo. Obxecto

Estas bases reguladoras teñen por obxecto a concesión de axudas destinadas a pemes e grandes empresas galegas ou cun centro de traballo permanente e legalmente constituído en Galicia, en que se desenvolvan as actividades do proxecto, co obxectivo de fomentar o desenvolvemento experimental e a capacidade innovadora das pemes, mediante o uso da intelixencia artificial e a súa implantación no tecido produtivo ou industrial e nas súas cadeas de valor.

IA360 financiará actividades integradas en proxectos de desenvolvemento para pemes e grandes empresas e innovación en favor das pemes, segundo a súa finalidade, mediante as seguintes liñas de actuación:

– Liña A. Desenvolvemento de produtos ou servizos baseados en IA para a mellora de procesos industriais e a comercialización de novos produtos con foco nos sectores incentivables, de cara a optimizar a produtividade e a competitividade empresarial.

– Liña B. Adquisición e implantación de solucións baseadas en intelixencia artificial para a mellora da produtividade empresarial.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 30 de decembro de 2025 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras para a concesión das axudas IA360 orientadas a potenciar a innovación empresarial a través do desenvolvemento experimental e a aplicación da intelixencia artificial no tecido industrial galego e a súa cadea de valor, vencellado aos sectores estratéxicos ou de especial relevancia para a Xunta de Galicia, e se convocan para os anos 2026 e 2027 en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG408M).

Cuarto. Importe

Os créditos dispoñibles para as concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.A1.561A.770.01 por un importe de 10.000.000 €, coa seguinte distribución plurianual:

Liña A: 3.000.000 € no ano 2026 e 5.000.000 € no ano 2027.

Liña B: 2.000.000 € no ano 2026.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes da axuda comezará a computar a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e será de dous meses, contados desde as 9.00 horas do día de inicio do prazo e ata as 14.00 horas do día en que se cumpra o citado prazo de dous meses.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2025

Ainhoa Mallo Martínez
Xerente do Instituto Galego de Promoción Económica