DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 10 Venres, 16 de xaneiro de 2026 Páx. 4232

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 30 de decembro de 2025 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras para a concesión das axudas IA360 orientadas a potenciar a innovación empresarial a través do desenvolvemento experimental e a aplicación da intelixencia artificial no tecido industrial galego e a súa cadea de valor, vencellado aos sectores estratéxicos ou de especial relevancia para a Xunta de Galicia, e se convocan para os anos 2026 e 2027 en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG408M).

O Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (en diante, Igape), na súa xuntanza do día 24 de novembro de 2025, acordou por unanimidade dos membros asistentes aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión das axudas da iniciativa IA360 para potenciar a innovación a través do desenvolvemento experimental e a aplicación da intelixencia artificial no tecido industrial galego e a súa cadea de valor, vencellado aos sectores estratéxicos ou de especial relevancia para a Xunta de Galicia, e facultou a persoa titular da Dirección Xeral para a súa convocatoria, a aprobación dos créditos e a publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar as bases reguladoras das axudas do Igape co obxectivo de potenciar a innovación a través do desenvolvemento experimental e a aplicación da intelixencia artificial no tecido industrial galego e a súa cadea de valor, vencellado aos sectores estratéxicos ou de especial relevancia para a Xunta de Galicia, e convocar para os anos 2026 e 2027 as ditas axudas en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG408M).

Esta convocatoria finánciase con fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo. Esta convocatoria tramítase de conformidade co disposto no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Decreto 11/2009), no cal se establece a tramitación anticipada de expedientes de gasto, e condiciónase a concesión destas axudas á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Terceiro. O prazo de presentación das solicitudes da axuda comezará a computar a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e será de dous meses contado desde as 9.00 horas do día de inicio do prazo e ata as 14.00 horas do día en que se cumpra o citado prazo de dous meses.

Cuarto. Créditos

Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria e polos seguintes importes e distribución plurianual:

Partida orzamentaria

Liña

Ano 2026

Ano 2027

Total

09.A1.561A.770.01

Liña A. Desenvolvemento tecnolóxico con base na IA

3.000.000,00 €

5.000.000,00 €

8.000.000,00 €

Liña B. Adquisición e implantación de solucións baseadas na IA

2.000.000,00 €

0,00 €

2.000.000,00 €

Total

5.000.000,00 €

5.000.000,00 €

10.000.000,00 €

A persoa titular da Dirección Xeral do Igape poderá ampliar o crédito, logo de declaración da súa dispoñibilidade, como consecuencia das circunstancias establecidas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009), mediante resolución publicada para o efecto.

No relativo aos créditos, estes poderán redistribuírse na concesión en función das solicitudes recibidas co obxectivo de maximizar a execución do orzamento, feito que se fará constar de xeito expreso na resolución de concesión.

Unha vez aplicados os criterios de baremación e seleccionados os proxectos subvencionables por cada liña, se quedase crédito sobrante nalgunha delas, este poderá ser destinado ao financiamento das solicitudes restantes encadradas na outra das liñas, respectando a orde de baremación.

Quinto. Prazos

O prazo máximo para resolver e publicar a resolución será de catro meses, contados desde a publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e, transcorrido este prazo, poderase entender rexeitada por silencio administrativo a solicitude de concesión da axuda.

O prazo de execución da liña A comezará a partir da data de solicitude da axuda, sen que, en ningún caso, se poida superar o 15 de setembro de 2027. A data límite de xustificación para os proxectos desta liña A non poderá superar o 30 de setembro de 2027, que coincide coa data máxima de presentación da solicitude do cobramento por parte da persoa beneficiaria.

O prazo de execución da liña B comezará a partir da data de solicitude da axuda, sen que en ningún caso se poida superar o 30 de setembro de 2026. A data límite de xustificación para os proxectos desta liña B non poderá superar o 15 de outubro de 2026, que coincide coa data máxima de presentación da solicitude do cobramento por parte da persoa beneficiaria.

Liña

Prazo de inicio
da execución

Prazo límite
de execución

Prazo límite
de xustificación

Liña A. Desenvolvemento tecnolóxico con base na IA

Data da solicitude

15 de setembro de 2027

30 de setembro de 2027

Liña B. Adquisición e implantación de solucións baseadas na IA

Data da solicitude

30 de setembro de 2026

15 de outubro de 2026

As persoas beneficiarias da axuda, xunto coa resolución de concesión, recibirán a concesión dun anticipo de ata o 50 % da subvención, sen que supere o importe da anualidade. O prazo máximo de xustificación do anticipo da anualidade 2026 será o 31 de xaneiro de 2027.

Sexto. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia. A cesión de datos de carácter persoal que se lle debe efectuar á Intervención Xeral da Administración do Estado para os efectos de publicar as subvencións concedidas na Base de datos nacional de subvencións non requirirá o consentimento da persoa beneficiaria.

Sétimo. Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2007), indícanse nas bases anexas desta resolución.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2025

Covadonga Toca Carús
Directora xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

ANEXO
Bases reguladoras das axudas IA360 orientadas a potenciar a innovación
a través do desenvolvemento experimental e a aplicación da intelixencia artificial no tecido industrial galego e a súa cadea de valor, vencellado aos sectores estratéxicos ou de especial relevancia para a Xunta de Galicia,
en réxime de concorrencia competitiva

A Consellería de Economía e Industria, no recente Decreto 140/2024, do 20 de maio, onde se define a súa estrutura orgánica, establece entre as súas funcións a promoción e a dinamización da economía, o impulso e a coordinación da política económica e industrial, así como o apoio xeral ao sector empresarial, fomentando a mellora da competitividade das empresas, incidindo no desenvolvemento tecnolóxico e na innovación, na transformación dixital, na sustentabilidade e na internacionalización.

O Igape, como ente de dereito público, é responsable, conforme a súa lei de creación, de definir a iniciativa e os programas de promoción e fomento do desenvolvemento rexional en cooperación coas distintas administracións e con outros entes públicos de promoción para contribuír á dinamización da economía de Galicia, impulsando a capacidade de innovación, a explotación das vantaxes propias e dos factores endóxenos, a atracción de investimentos, a competitividade da economía e o conxunto de actuacións de asesoramento, promoción, información e apoio que exixa o cumprimento dos seus obxectivos. Pola súa vez focalizará, entre outras competencias, o fomento e a promoción da innovación empresarial no sistema produtivo rexional como resposta directa para impulsar o crecemento e competitividade empresarial.

A Resolución do 28 de maio de 2024 do Igape, pola que se crea unha nova área de innovación empresarial dentro da súa estrutura organizativa, introduce a misión de promocionar, avanzar e incrementar o sistema de innovación galego no tecido produtivo e na empresa, coordinando e colaborando na mellora da innovación do sistema económico galego a través da transferencia ao tecido produtivo dos resultados da investigación e desenvolvemento co obxectivo de incrementar a capacidade competitiva da empresa galega.

A iniciativa IA360 enmárcase dentro da Estratexia de especialización intelixente RIS3 Galicia 2021-2027, que se considera a estratexia global de Galicia para mellorar a competitividade, o crecemento económico e o emprego sostible e de calidade a través da innovación. Como instrumento de planificación operativa para a súa implementación entre 2025 e 2027, o Consello da Xunta aprobou o 3 de febreiro de 2025 o Plan galego de investigación e innovación 2025-2027.

A RIS3, no período 2021-2027, fundamentouse nun proceso de profunda análise, reflexión e diagnose do ecosistema de I+D+i de Galicia, do contexto socioeconómico galego, así coma das tendencias de especialización das cadeas de valor predominantes en Galicia. Tras este proceso de diagnose establecéronse cinco obxectivos cos seus respectivos programas co fin último de dar resposta aos retos e desafíos detectados, e avanzouse así na especialización intelixente da nosa rexión co foco posto na innovación.

O equilibrio entre a excelencia e a aplicabilidade para o mercado é un dos obxectivos estratéxicos definidos, ao cal se pretende dar resposta a través do programa 2, Innova e emprende, cuxa finalidade é incrementar o número de empresas innovadoras e facilitar que as máis pequenas incorporen a innovación nas diferentes etapas dos seus procesos produtivos a partir de proxectos individuais ou colaborativos.

A RIS3 Galicia 2021-2027 establece tres grandes prioridades de especialización que, pola súa vez, están compostas por ámbitos de priorización determinados. Moitos destes ámbitos de priorización están aliñados co reto 2, Modelo industrial baseado na competitividade e no coñecemento, que ten como obxectivo aumentar a intensidade tecnolóxica da estrutura industrial de Galicia, a través das tecnoloxías facilitadoras esenciais e a evolución das cadeas de valor. Así mesmo, a prioridade 2, Apoio á tecnificación e dixitalización (desenvolvemento e/ou incorporación de tecnoloxías) busca, entre outras cousas, impulsar o modelo industrial galego como panca para a transformación resiliente de Galicia.

En consecuencia, estas axudas alíñanse coa RIS3 de Galicia 2021-2027, respondendo ao mencionado reto 2 e á prioridade 2 (Dixitalización). Contribúen ao obxectivo estratéxico 2 (Equilibrar a excelencia na investigación e a súa aplicabilidade no mercado), e intégranse, polo tanto, no programa Innova e emprende da RIS3 de Galicia 2021-2027 e no programa Innovación e emprendemento do Plan galego de investigación e innovación 2025-2027.

Ademais, tamén dan resposta ao Plan estratéxico de Galicia 22-30 no eixe 3: Competitividade e crecemento e plan de actuación PA 3.3: Impulsar o crecemento e competitividade das pemes, a transición industrial e o emprendemento. OE 3.3.2: Incrementar a competitividade das empresas galegas a través da innovación e o desenvolvemento tecnolóxico, apoiar o desenvolvemento de polos de desenvolvemento baseados nas TIC e das habilidades STEM en todas as fases do proceso educativo, e a competitividade do sector produtivo apostando por produtos de alto valor engadido diferenciados con base no compoñente tecnolóxico, a calidade e o deseño.

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras para a concesión de axudas destinadas a pemes e grandes empresas galegas ou cun centro de traballo permanente e legalmente constituído en Galicia, no cal se desenvolvan as actividades do proxecto, co obxectivo de fomentar o desenvolvemento experimental e a capacidade innovadora das pemes, mediante o uso da intelixencia artificial e a súa implantación no tecido produtivo ou industrial e nas súas cadeas de valor.

IA360 financiará actividades integradas en proxectos de desenvolvemento para pemes e grandes empresas e innovación en favor das pemes, segundo a súa finalidade, mediante as seguintes liñas de actuación:

1. Liña A. Desenvolvemento de produtos ou servizos baseados na IA para a mellora de procesos industriais e a comercialización de novos produtos con foco nos sectores incentivables, de cara a optimizar a produtividade e a competitividade empresarial.

2. Liña B. Adquisición e implantación de solucións baseadas na intelixencia artificial para a mellora da produtividade empresarial.

Artigo 2. Procedemento e réxime de aplicación

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine nesta convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito, a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ou dunha transferencia de crédito, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007.

3. As axudas concedidas no marco desta resolución axustaranse ao establecido no Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do tratado, publicado no Diario Oficial de la Unión Europea, e máis concretamente no descrito nos seus artigos 25, 28 e 29, axudas a proxectos de investigación e desenvolvemento; axudas á innovación en favor das pemes; axudas á innovación en materia de procesos e organización, respectivamente.

4. Esta convocatoria finánciase mediante fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

As axudas concedidas polo Igape ao abeiro desta convocatoria serán compatibles coa percepción doutras axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional, salvo que se superen as intensidades máximas de axuda establecidas no Regulamento (UE) 651/2014, que se indican e que teñen a consideración de intensidade máxima.

Artigo 4. Entidades beneficiarias

1. Para as liñas A e B, poderán ser persoas beneficiarias destas axudas as pemes galegas ou cun centro de traballo permanente e legalmente constituído en Galicia, no cal se deberán desenvolver as actividades do proxecto. No caso da liña A, tamén poderán ser beneficiarias as grandes empresas galegas ou cun centro de traballo permanente e legalmente constituído en Galicia, no cal se deberán desenvolver as actividades do proxecto.

2. As empresas beneficiarias deberán exercer a súa actividade no tecido industrial galego e a súa cadea de valor e vencellados aos sectores estratéxicos e de especial interese definidos pola Xunta de Galicia, así coma aqueles sectores emerxentes de especial relevancia ou vencellados aos plans directores da Xunta de Galicia.

3. Para os efectos destas bases, consideraranse pemes as empresas que, na data da solicitude, respondan á definición de peme establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) 651/2014.

4. As persoas beneficiarias das axudas deberán contar con capacidade administrativa, financeira e operativa suficiente para tramitar e executar a axuda que se lles conceda, cuxas condicións se determinarán na resolución de concesión correspondente, conforme o disposto no artigo 10.2 desta resolución.

5. Non poderán ter a condición de empresas beneficiarias:

a) As asociacións, as fundacións e, en xeral, as entidades sen ánimo de lucro.

b) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas como consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.

c) As empresas en crise, de acordo coa definición establecida no número 18 do artigo 2 do Regulamento (UE) 651/2014.

d) As empresas nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada lei.

e) Para subvencións de importe superior a 30.000 €, as empresas que incumpran os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, e as súas posteriores modificacións.

6. As empresas solicitantes da axuda cubrirán no formulario electrónico de solicitude unha declaración responsable de non atoparse en ningunha situación que as exclúa de ser persoas beneficiarias conforme este artigo. O Igape realizará as comprobacións documentais necesarias para garantir que as empresas beneficiarias non incorren en ningunha das circunstancias enumeradas no número 18 do artigo 2 do Regulamento (UE) 651/2014 para considerar unha empresa en crise.

Artigo 5. Actividades que se subvencionan

1. As persoas interesadas poderán presentar unha solicitude a cada unha das dúas liñas desta resolución.

2. No caso dos proxectos presentados á liña A, terán a consideración de actividade subvencionable aqueles proxectos que teñan como finalidade o desenvolvemento tecnolóxico para a obtención dun novo produto ou servizo baseado na intelixencia artificial. Os proxectos deberán partir dun nivel de madurez tecnolóxica, TRL, 5.

a) Os proxectos da liña A terán un orzamento mínimo subvencionable de 150.000 €.

b) As tecnoloxías de intelixencia artificial que se empregarán serán de forma prioritaria as seguintes: recoñecemento de patróns mediante machine learning ou deep learning, RPA (automatización robótica de procesos), visión artificial e robótica; NLP (procesamento de linguaxe natural) mediante Transformers (modelos BERT, GPT), IA xenerativa ou axentes da IA aplicados ou análises de datos de distintas fontes e uso de algoritmos de computación cuántica na mellora da optimización de enerxía de cómputo, procesos en que interveña a IA en campos como machine learning, optimización de rutas, investigación básica, criptografía, desenvolvemento de medicamentos o calquera outro que supoña un avance respecto á computación tradicional.

A modo orientativo, as aplicacións dos desenvolvementos centraranse nalgunha das seguintes aplicacións:

Categoría

Subcategoría

Temática

Planificación integrada

Planificación

Predición da demanda e de mercado

Operacións e procesos

Operacións

Optimización das operacións e funcións

Simulación

Solucións de simulación

Adquisición de datos

Captura en tempo real e xestión de datos

Optimización de procesos

Mellora de procesos e toma de decisións intelixentes

Control de execución de traballos

Xestión e control de subcontratistas e traballos

Supervisión

Solucións de IA para a inspección operativa

Sustentabilidade

Redución de consumos (enerxético, auga) e seguimento da sustentabilidade e circularidade

Axuda ao traballador/a

Sistemas e asistentes intelixentes

Interacción co/coa cliente/a

Sistemas e asistentes intelixentes

Materiais

Materiais avanzados

Enxeñaría e deseño

Deseño baseado na IA e fabricación intelixente

Xemelgo dixital

Soporte ao deseño, planificación e explotación

Fiabilidade e mantemento

Mantemento

Mantemento preditivo

Optimización

Loxística

Xestión de material

Optimización de inventario

Xestión de frotas

Xestión de frotas

Servicio post delivery

Calidade

Inspección visual

3. No caso dos proxectos presentados á liña B, terán a consideración de actuacións subvencionables os proxectos de aplicación de solucións comerciais baseadas en intelixencia artificial que permitan mellorar a produtividade e a competitividade das empresas de Galicia. Os proxectos da liña B terán un orzamento mínimo subvencionable de 30.000 €.

4. En ambas as dúas liñas, as empresas beneficiarias deberán desenvolver a súa actividade nalgún dos sectores definidos no artigo 4.2 destas bases.

5. Soamente se financiarán as actividades desenvolvidas na Comunidade Autónoma galega.

6. Será requisito indispensable para ser elixible o aliñamento do proxecto cos retos, prioridades e ámbitos de priorización da Estratexia de especialización de Galicia (RIS3).

7. De acordo co artigo 6 do Regulamento (UE) 651/2014, considerarase que as axudas teñen un efecto incentivador. O comezo do proxecto terá como data mínima de inicio a data de solicitude, polo que calquera actividade ou investimento terá que ser executado con posterioridade á solicitude e, no caso de se detectar que calquera actividade do proxecto se iniciou antes, a totalidade do proxecto será inadmisible.

Sen prexuízo do establecido nos parágrafos anteriores, os estudos de viabilidade previos, realizados pola persoa beneficiaria, non incluídos na solicitude de axuda non se terán en conta para determinar a data de inicio da actividade. O mesmo se aplica aos avances técnicos dos proxectos para acadar os TRL previos a aqueles que se indiquen na solicitude do proxecto.

Artigo 6. Conceptos subvencionables

1. Os custos que se subvencionan na liña A son os seguintes:

a) Os custos de persoal, propio ou de nova contratación, rexeranse polo disposto no artigo 8 destas bases, cun límite do 80 % sobre o orzamento total subvencionable.

b) Os custos de materiais, licenzas/software por subscrición, subministracións e produtos similares.

Poderanse imputar os gastos de materiais directamente destinados ás actividades do proxecto. Para estes efectos, deberán recollerse de forma detallada e concisa e estarán xustificados na memoria presentada na solicitude. Entrarán neste concepto do custo as licenzas de software mediante subscrición, pagamento por uso ou similar.

Os gastos de material de oficina e consumibles informáticos non se financiarán neste concepto, xa que se consideran incluídos dentro da porcentaxe de custos indirectos.

c) Custos de equipamento e material instrumental inventariables, de nova adquisición.

Serán subvencionables os custos de equipamento e material instrumental de nova adquisición na medida e durante o período en que se utilicen para o proxecto. No caso de que este equipamento ou material se dedique exclusivamente á actuación subvencionada e a súa vida útil se esgote ao terminar a execución, será subvencionable o custo de adquisición. No caso de que a súa vida útil se estenda máis alá da duración do proxecto subvencionable, só serán subvencionables os custos de amortización que correspondan á duración do proxecto, que serán calculados sobre a base das boas prácticas contables. Ambas as dúas consideracións deberán quedar detalladas na memoria técnica do proxecto.

A compra de novas licenzas e as renovacións de licenzas de software están dentro da categoría de material inventariable e cumprirán o establecido no parágrafo anterior.

A instalación do equipamento ou do material instrumental, sempre e cando sexa estritamente necesaria para a súa posta en funcionamento, poderase incluír no custo amortizable.

Tamén se inclúen os activos necesarios para a prototipaxe ou validación de pilotos.

d) Custos de obtención, validación e defensa de patentes e outros activos inmateriais.

No relativo a patentes, inclúese a xestión da tramitación de novas patentes, modelos de utilidade e os dereitos de propiedade intelectual, tanto en España coma internacionalmente, e exclúense o mantemento ou a ampliación das existentes.

e) Custos de investigación contractual, coñecementos e patentes adquiridos ou obtidos por licenza de fontes externas en condicións de plena competencia, así como os custos de consultoría e servizos equivalentes destinados de xeito exclusivo ao proxecto.

As patentes deberán ser adquiridas ou obtidas por licenza de fontes externas á entidade solicitante, coa condición de que a operación se realice en condicións de plena competencia e sen ningún elemento de colusión.

f) Os custos derivados do informe de auditoría para a xustificación económica da subvención, de conformidade co establecido no artigo 20.5.b) destas bases reguladoras, non poderán superar os 1.500 € por anualidade.

g) Subcontratacións: aquelas actuacións contratadas con terceiros que supoñan a execución dunha parte das actividades incluídas no proxecto que constitúe o obxecto da subvención rexeranse polo disposto no artigo 9 destas bases. A subcontratación máxima será do 50 % dos custos directos elixibles do proxecto.

h) Consideraranse subvencionables os custos indirectos, que son aqueles que non están vinculados ou non poden vincularse directamente coa actividade subvencionada por ter carácter estrutural, pero resultan necesarios para a súa realización, nos cales se inclúen os gastos administrativos (tales como xestión administrativa e contable), gastos de supervisión e control de calidade, subministracións (tales como auga, electricidade, calefacción e teléfono), seguros, seguridade ou gastos de limpeza. O custo imputable por este concepto será o importe resultante de aplicar unha porcentaxe do 20 % aos custos directos do proxecto.

2. Os custos que se subvencionan na liña B son os seguintes:

a) Os custos de persoal, propio ou de nova contratación, rexeranse polo disposto no artigo 8 destas bases, cun límite do 30 % sobre o orzamento total subvencionable.

b) Os custos de instrumental e material na medida e durante o período en que se utilicen para o proxecto.

Poderanse imputar os gastos de materiais, equipamentos e produtos directamente relacionados coa implantación do novo produto ou servizo e directamente relacionado coas actividades do proxecto. Para estes efectos, deberán recollerse de forma detallada e concisa na memoria presentada na solicitude, e serán debidamente xustificados ao finalizar o proxecto.

c) Os custos de consultoría e servizos tecnolóxicos externos.

d) Os custos derivados do informe de auditoría para a xustificación económica da subvención, de conformidade co establecido no artigo 20.5.b) destas bases reguladoras. Non poderá superar os 1.500 € por anualidade.

e) Os gastos xerais e outros gastos de explotación adicionais que deriven directamente do proxecto e que sexan recollidos de forma detallada e concisa na memoria presentada na súa solicitude, que serán debidamente xustificados ao finalizar o proxecto. Entrarán neste concepto do custo as licenzas de software mediante subscrición, pagamento por uso ou similar.

f) Subcontratacións: aquelas actuacións contratadas con terceiros que supoñan a execución dunha parte das actividades incluídas no proxecto que constitúe o obxecto da subvención. Rexeranse polo disposto no artigo 9 destas bases. A subcontratación máxima será do 50 % dos custos directos elixibles do proxecto.

3. Non serán subvencionables en ningún caso impostos, xuros e gastos financeiros, nin taxas.

4. Non poden ser considerados como subvencionables os custos derivados:

a) Do cumprimento de normativa obrigatoria.

b) Das análises, ensaios ou caracterizacións habituais ou recorrentes non vinculados ao proxecto subvencionable.

c) De calquera tipo de acción formativa.

d) De servizos de telecomunicacións ou de almacenamento ou hospedaxe da información.

e) De instalacións de edificios e obra civil (electricidade, climatización, redes de telecomunicacións, etc.).

f) Equipamento para espazos ou usos alleos ás actividades directamente relacionadas co proxecto como, por exemplo, zonas de administración ou xestión, salas de reunións, despachos ou mobiliario de oficina.

g) Quedan expresamente excluídos os custos correspondentes a calquera forma de consultoría asociada á xestión e tramitación do financiamento solicitado.

h) Investimentos no ámbito da fabricación dos produtos, así como a renovación de activos xa existentes na empresa.

5. Cando o importe dos gastos subvencionables supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor (importe igual ou superior a 15.000 € no caso de prestación do servizo ou adquisición do ben no momento de publicar estas bases), a persoa beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á prestación do servizo ou da adquisición do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de provedores que os presten ou subministren. Neste caso, presentarase un escrito acreditativo desta circunstancia asinado por un experto independente.

As tres ofertas ou orzamentos de provedores deberán reunir, como mínimo, os seguintes requisitos:

a) Comparabilidade: deberán referirse á mesma tipoloxía de elemento obxecto de investimento, con prestacións similares e conter conceptos análogos e comparables e co detalle suficiente para a súa comparación.

b) Non vinculación: os provedores das tres ofertas non poderán ser vinculados entre si nin coa empresa solicitante. Para estes efectos, enténdese que existe vinculación cando se dean as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 43.2 do decreto que desenvolve a citada lei; así mesmo, tomarase en consideración a definición de empresas asociadas ou de empresas vinculadas establecida nos números 2 e 3, respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) 651/2014.

c) Identificación do ofertante e do destinatario: deberán conter a razón social, o domicilio e o número ou código de identificación fiscal. Excepcionalmente, poderán admitirse ofertas ou orzamentos en que se omita algún dos elementos identificativos do emisor ou do destinatario cando, ao criterio dos servizos técnicos do Igape, se considere que están clara e inequivocamente identificados o ofertante e o destinatario.

d) Data: todas as ofertas deberán mostrar unha data de emisión.

Non serán admisibles as ofertas emitidas por provedores que non teñan a capacidade para a subministración do ben ou servizo ou que semellen de compracencia (contido e formato idénticos ou extremadamente similares entre ofertas, erros idénticos ou aparencia non habitual, entre outros).

Con carácter xeral, para cada elemento será subvencionable o importe correspondente á oferta de menor prezo de entre as comparables. Excepcionalmente, cando a persoa solicitante non escolla a oferta de menor prezo, considerarase subvencionable o importe da oferta elixida, logo da sucinta motivación de que se trata da oferta economicamente máis vantaxosa tras a valoración de diferentes criterios técnicos adicionais ao prezo.

6. Cando a persoa beneficiaria da subvención sexa unha empresa, os gastos subvencionables en que incorrese nas súas operacións comerciais deberán ter sido aboados nos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial que lle sexa de aplicación ou, na súa falta, nos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, e as súas posteriores modificacións.

6. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

Artigo 7. Contía da axuda e criterios de avaliación e selección de proxectos

1. As axudas concederanse en forma de subvencións. A contía máxima da axuda que pode ser concedida a cada empresa beneficiaria determinarase sobre o orzamento total subvencionable e será conforme os límites de intensidade previstos nos artigos 25, 28 e 29 do Regulamento (UE) 651/2014, segundo a seguinte táboa:

Liña

Modalidade

Empresa

Grande

Mediana

Pequena

Liña A

Desenvolvemento tecnolóxico

25 %*

35 %*

45 %*

Liña B

Innovación

0 %

50 %

50 %

*15 % adicional por compromiso de publicidade e divulgación, cun máximo do 60 % cando proceda.

No caso da liña A, cando exista compromiso para a difusión ampla dos resultados do proxecto por medio de conferencias, publicacións, bases de libre acceso ou programas informáticos gratuítos ou de fonte aberta. Para a aceptación deste incremento do 15 % deberá presentar, xunto coa memoria da solicitude, un plan en que se especifiquen as accións que se van levar a cabo para dar cumprimento a este compromiso de difusión. O persoal técnico do Igape determinará a súa idoneidade, e polo tanto, a viabilidade da aplicación do incremento porcentual na contía da axuda.

2. A subvención máxima que se vai percibir polos proxectos será de 500.000 €, no caso dos proxectos da liña A, e de 100.000 €, no caso dos proxectos da liña B.

3. A avaliación de proxecto que reúna os requisitos exixidos nestas bases realizarase sobre un total de 100 puntos, que se outorgarán atendendo aos obxectivos e aspectos técnicos e económico-financeiros que se detallan a seguir:

Criterios de avaliación

Puntuación

1. Grao de innovación e calidade do proxecto

60

1. Grao de innovación tecnolóxica do proxecto

Liña A-De aplicación para proxectos de desenvolvemento tecnolóxico

20

a) O proxecto parte de tecnoloxías maduras ou probadas con éxito en contornas reais e o proxecto está próximo ao mercado

Ata 15

b) O proxecto pode partir de tecnoloxías maduras, pero o proxecto está en fase de desenvolvemento e validación

Ata 10

c) O proxecto, aínda que poida partir de tecnoloxías maduras, está en fase de proba de concepto ou próximo a ela

Ata 5

d) Viabilidade da proposta presentada

Ata 5

1. Grao de innovación tecnolóxica do proxecto

Liña B-De aplicación para proxectos de innovación de procesos ou organización nas pemes

20

a) O produto ou servizo é xenérico, responde a estándares comerciais e está listo para a implantación directa na empresa

Ata 5

b) O produto ou servizo, aínda que está desenvolvido e testado, require de adaptación final para a súa adecuación para a implantación na empresa

Ata 10

c) O produto ou servizo é un paquete básico funcional, pero que require de ser desenvolvido especificamente para a mellora individual de cada caso concreto. Son produtos centrados na adaptación á medida das necesidades reais

Ata 15

d) Viabilidade da proposta presentada

Ata 5

2. Impacto tecnolóxico do proxecto

20

a) Transversalidade das solucións e transferencia entre sectores

Ata 10

b) Contribución potencial do proxecto para mellorar a produtividade e a competitividade do modelo produtivo de Galicia

Ata 5

c) Aliñamento cos retos e ámbitos de priorización da RIS3

Ata 5

3. Adecuación do proxecto

20

a) Viabilidade técnica e económica, custo da solución e tempo de implementación, adecuación do orzamento e dos medios humanos

Ata 10

b) Descrición de aspectos claves, actuacións, entregables e grao de axuste da solución proposta co modelo de negocio da empresa solicitante

Ata 5

c) Coherencia na organización e planificación do traballo

Ata 5

2. Capacidade da empresa solicitante para a execución do proxecto

30

a) Viabilidade do proxecto fronte ao volume da empresa: ratio de investimento fronte á facturación declarada

Ata 10

b) Coherencia económica do orzamento: xustificación da necesidade da/das partida/s en que se distribúe o orzamento do proxecto

Ata 5

c) Capacidade técnica das persoas integrantes do proxecto, así como da empresa beneficiaria

Ata 15

a. Capacidade técnica das entidades solicitantes con valoración da experiencia en proxectos de I+D+i

Ata 7,5

b. Capacidade do equipo humano no desenvolvemento de proxectos de I+D+i

Ata 7,5

3. Resultados esperados, métricas de éxito e contribución ambiental

10

a) Indicadores de resultado cuantificables (KPI, TRL, etc.)

Ata 5

b) Adecuación do proxecto aos obxectivos ODS

Ata 5

4. No caso de coincidir a puntuación de varias solicitudes, utilizarase como criterio de desempate o de maior puntuación sucesivamente nos criterios 1.1, 1.2, 1.3, por esa orde. No caso de que persista o empate, en último termo terá preferencia a solicitude que teña o número de expediente máis baixo.

Artigo 8. Custos de persoal

1. Poderanse subvencionar:

a) Os custos de persoal propio que participa no proxecto, e cuxos custos se imputen na solicitude da axuda, que deberán ter relación laboral coa empresa beneficiaria.

b) Os custos de persoal de nova contratación que se incorpore á entidade para a realizar o proxecto e que se deberá dedicar de xeito exclusivo a este. Este persoal debe ser contratado con posterioridade á data de solicitude da axuda ao abeiro desta resolución e cumprir o indicado no punto 7 deste artigo.

2. Tanto no suposto do persoal propio como no de persoal de nova contratación, só serán subvencionables os custos de persoal relativos aos salarios fixados nun contrato de traballo, nun acordo laboral ou na lei (agás os custos de viaxes e as indemnizacións ou axudas de custo) e a parte proporcional do custo da Seguridade Social por conta da empresa.

3. No caso de persoal propio, deberán xustificarse os motivos da porcentaxe de imputación do tempo de dedicación ao proxecto sobre a base dos fitos ou traballos concretos que se van desenvolver no proxecto. Non será suficiente unha xustificación xenérica que non permita valorar a adecuación, a pertinencia e a verificabilidade do tempo imputado.

4. Poderán subvencionarse os custos de persoal directivo e xerencial que realice tarefas técnicas de desenvolvemento e innovación (I+D+i) cunha dedicación máxima mensual do 30 %.

Para estes efectos, só terá a consideración de persoal directivo o persoal de alta dirección definido no artigo 1 do Real decreto 1382/1985, polo que se regula a relación laboral de carácter especial do persoal de alta dirección.

Na memoria técnica que se achegue coa solicitude xustificaranse detalladamente as funcións ou as tarefas concretas de innovación que desenvolverá este persoal nas diferentes fases e actividades recollidas no plan de traballo do proxecto. Estas funcións deberán ser compatibles co seu labor directivo ou xerencial.

5. No caso de persoal de nova contratación, deberá cumprir o seguinte:

a) Dedicarse de xeito exclusivo cunha dedicación do 100 % ao proxecto para o cal é contratado.

b) Estar contratado a xornada completa.

c) Non poderá ter contrato laboral coa empresa ou empresa vinculada nos 6 meses anteriores á formalización do contrato.

d) A retribución anual bruta que percibirá cada persoa contratada adscrita ao proxecto deberá figurar expresamente no contrato.

6. Para os efectos do disposto nestas bases, o persoal imputado ao proxecto deberá cumprir a coherencia entre os grupos de cotización e a titulación, segundo a seguinte táboa:

Titulación/categoría profesional

Grupo de cotización

Enxeñeiros, licenciados, persoal de alta dirección

1

Enxeñeiros técnicos, peritos e axudantes titulados, diplomados

2

Xefes administrativos e de taller (técnicos especialistas)

3

Axudantes non titulados

4

Oficiais administrativos

5

As contratacións en grupos de cotización inferiores aos correspondentes ás titulacións/categorías profesionais que establece a Seguridade Social non se considerarán subvencionables.

7. Só serán subvencionables aqueles gastos de persoal relacionados con actividades do proxecto que se subvenciona e que a entidade non levaría a cabo se este non se realizase.

8. Calquera modificación no cadro de persoal asignado ao proxecto deberá ser motivada, xustificada e notificada ao Igape no momento en que se efectúe o devandito cambio. De non ser notificado ao Igape nese momento, o custo asociado aos cambios realizados non será subvencionable. Só se admitirán cambios de persoal entre persoas traballadoras da mesma categoría profesional e cunha titulación ou traxectoria profesional que permita desempeñar as mesmas funcións.

9. Non se considerarán subvencionables:

a) Os gastos relacionados con aquelas persoas traballadoras que non estean dadas de alta nun centro de traballo da Comunidade Autónoma de Galicia onde se desenvolve o proxecto.

b) Os gastos de persoal que non teña relación contractual laboral coa empresa beneficiaria da subvención, agás que se trate de socios que traballen baixo o réxime de autónomos, cunha dedicación máxima mensual do 30 %.

c) Os custos de persoal administrativo relacionados con tarefas de xestión e tramitación do financiamento solicitado.

d) Os custos de viaxes, as indemnizacións ou axudas de custos.

e) Os pagamentos salariais xustificados mediante factura.

f) As contratacións en formación, as de prácticas, as de bolseiros/as e as contratacións a tempo parcial.

Artigo 9. Subcontratacións

1. As empresas beneficiarias das axudas poderán subcontratar as actividades subvencionadas ata unha porcentaxe máxima do 50 % dos custos directos do proxecto, respectando para iso o establecido nos artigos 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da citada lei, e no artigo 6 destas bases.

2. Considéranse subcontratacións as actuacións contratadas a terceiros que supoñan a execución total ou parcial das actividades do proxecto que constitúe o obxecto da subvención e que non poden ser realizadas polas empresas beneficiarias, punto que haberá que xustificar e motivar na memoria técnica de solicitude do proxecto.

Quedan fóra deste concepto os custos correspondentes a calquera forma de consultoría asociada á xestión e tramitación do financiamento solicitado.

3. Conforme o establecido no artigo 27.3 da citada Lei 9/2007, cando a actividade concertada con terceiros exceda o 20 % do importe da actividade subvencionada e o dito importe sexa superior a 60.000 euros, a subcontratación estará sometida ao cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Que o contrato se subscriba por escrito.

b) Que a súa subscrición a autorice previamente o Igape.

Non poderá fraccionarse un contrato co obxecto de diminuír a súa contía e eludir o cumprimento dos requisitos exixidos no parágrafo anterior.

4. En ningún caso as empresas beneficiarias poderán subcontratar con:

a) Persoas ou entidades incursas nalgunhas das prohibicións que se recollen no artigo 10 da Lei 9/2007.

b) Persoas ou entidades que perciban outras subvencións para realizar a actividade obxecto da contratación.

c) Intermediarios ou asesores en que os pagamentos se definan como unha porcentaxe do custo total da operación, agás que o dito pagamento estea xustificado con referencia ao valor de mercado do traballo realizado ou dos servizos prestados.

d) Persoas ou entidades solicitantes de axuda na mesma convocatoria que non obtivesen subvención por non reuniren os requisitos ou non alcanzaren a valoración suficiente.

e) Persoas ou entidades vinculadas ou asociadas e/ou do mesmo grupo empresarial coa persoa beneficiaria, salvo que se cumpra o establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Persoas ou entidades en que concorran algunhas das circunstancias detalladas no artigo 43.2 do Decreto 11/2009.

A entidade beneficiaria deberá exixir un compromiso por escrito aos subcontratistas para conceder os dereitos e o acceso necesarios para que as autoridades competentes exerzan plenamente as súas respectivas competencias (actuacións de comprobación que efectúe o Igape ou calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, en especial a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas).

Artigo 10. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. Para presentar a solicitude, a empresa solicitante deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias da empresa solicitante e do proxecto para o cal solicita a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://spiga-sede.igape.es. Deberá encher necesariamente todos os campos establecidos como obrigatorios.

2. No devandito formulario, a persoa representante deberá realizar as seguintes declaracións relativas á empresa solicitante:

a) Que asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como o deber de comunicarlle ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude.

b) Que cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións.

c) Que non pode ser considerada unha empresa en crise, conforme ao disposto no artigo 2.18 do Regulamento (UE) 651/2014.

d) Que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal se solicita a axuda.

e) No caso da liña B do programa, que cumpre cos criterios de definición de peme, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no Regulamento (UE) 651/2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do tratado.

O Igape realizará as comprobacións documentais necesarias para garantir que as empresas para as cales se propón a concesión da axuda teñen a condición de peme.

f) Que non iniciou o proxecto e que non existe acordo irrevogable para realizalo.

g) Que conservará os libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á empresa beneficiaria en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos subvencionables durante un prazo de 4 anos desde a súa presentación.

h) Que os provedores non están asociados nin vinculados coa persoa solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores; enténdese que existe vinculación cando se dean as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 43.2 do decreto que desenvolve a citada lei; así mesmo, tomarase en consideración a definición de empresas asociadas ou de empresas vinculadas establecida nos números 2 e 3, respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) 651/2014.

i) Que terá unha permanencia mínima ininterrompida na actividade e manterá as infraestruturas e equipamentos subvencionados destinados ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención durante o período de 3 anos.

j) Declaración das axudas concorrentes para a mesma actuación e mesmos custos, solicitadas ou concedidas.

k) Para as entidades suxeitas á inscrición no Rexistro Mercantil: que cumpriu coa obriga de depósito no Rexistro Mercantil das contas anuais correspondentes ao último exercicio coa obriga de depósito, segundo os artigos 366 e 368 do Regulamento do Rexistro Mercantil (Real decreto 1784/1996, do 19 de xullo) e o artigo 279.1 do texto refundido de Lei de sociedades de capital.

l) Que non está suxeita a unha orde de recuperación de axudas como consecuencia dunha decisión da Comisión Europea que declarase a axuda ilegal e incompatible co mercado común.

m) Que ten implantado un plan de igualdade, coa identificación do código do localizador no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos, de ser o caso.

3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I), que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://spiga-sede.igape.es, tamén accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

4. Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, as persoas solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) As solicitudes subscribiranas directamente as persoas interesadas ou a persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.

b) Ter en vigor un certificado dixital dos validados pola plataforma @firma da Administración xeral do Estado (http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC).

Unha vez asinado o formulario de solicitude, mediante certificado dixital, anotarase unha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia. No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.

Artigo 11. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:

a) Memoria descritiva do proxecto, que deberá conter mención explícita aos criterios de avaliación e selección dos proxectos aplicables (artigo 7). A extensión da memoria non poderá superar as 30 páxinas.

b) As tres ofertas que, se é o caso, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deban ter solicitado, de acordo co establecido no artigo 6 destas bases reguladoras.

c) Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, modificacións posteriores destes e acreditación da representación con que se actúa, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil. No caso de sociedades rexistradas no Rexistro Mercantil, poderá solicitarse, motivadamente, algunha ou algunhas das escrituras referidas no parágrafo anterior cando a información obtida do Rexistro Mercantil non resulte suficiente para concluír sobre a personalidade da sociedade ou da súa representación.

d) Declaración do imposto de sociedades do último exercicio pechado.

e) As contas anuais correspondentes ao último exercicio pechado para o cal se cumpriu o prazo de aprobación legalmente establecido, ou a acreditación do seu depósito, no caso de deber de depósito no Rexistro Mercantil, xunto co informe de auditoría no caso de que a empresa estea obrigada a someter as súas contas a auditoría. Así mesmo, no caso de que a solicitante estea integrada nun grupo de sociedades que consolide contas, anexará as contas anuais consolidadas. Anexaranse, igualmente, as contas anuais de todas as entidades que deban ser tidas en conta para os efectos de determinar a consideración ou non de peme da persoa solicitante, salvo que estas estean integradas nas contas consolidadas que, se é o caso, fosen presentadas.

f) En relación coa declaración doutras axudas para o mesmo proxecto ou mesmos custos, cando teña axudas concedidas, deberá achegar copia das resolucións de concesión.

g) Para subvencións de importe superior a 30.000 €, as persoas beneficiarias deben cumprir coa normativa en materia de prazos a provedores, o que se acreditará polos seguintes medios de proba:

1. As persoas físicas, mediante certificación subscrita pola persoa física en que afirme alcanzar o nivel de cumprimento dos prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro. As persoas xurídicas que, de acordo coa normativa contable poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante certificación do órgano de administración ou equivalente, con poder de representación suficiente, en que afirmen alcanzar o nivel de cumprimento dos prazos de pagamento previstos na citada Lei 3/2004, do 29 de decembro. Todas elas poderán tamén acreditar a dita circunstancia por algún dos medios de proba previstos no punto 2º e con suxeición á súa regulación.

2. As persoas xurídicas que, de acordo coa normativa contable, non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante:

i. Certificación emitida por auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas que conteña unha transcrición desagregada da información en materia de pagamentos descrita na memoria das últimas contas anuais auditadas, cando delas se desprenda que se alcanza o nivel de cumprimento dos prazos de pagamento establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, determinado neste punto, con base na información requirida pola disposición adicional terceira da Lei 15/2010, do 5 de xullo, de modificación da Lei 3/2004, do 29 de decembro.

Esta certificación será válida ata que resulten auditadas as contas anuais do exercicio seguinte.

ii. No caso de que non sexa posible emitir a certificación do auditor a que se refire o número anterior, informe de procedementos acordados, elaborado por un auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas que, con base na revisión dunha mostra representativa das facturas pendentes de pagamento a provedores da sociedade nunha data de referencia, conclúa sen a detección de excepcións ao cumprimento dos prazos de pagamento da Lei 3/2004, do 29 de decembro, ou no caso de que se detectasen, estas non impidan alcanzar o nivel de cumprimento requirido no punto segundo da letra d) da disposición derradeira sexta da Lei 18/2022, do 28 de setembro, de creación e crecemento de empresas.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitaráselle novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Artigo 12. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) NIF da entidade representante.

e) Consulta da documentación depositada no Rexistro Mercantil segundo o artigo 11.1.c) das bases.

f) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

g) Consulta de concesións ampliado.

h) Consulta de axudas do Estado.

i) Imposto de actividades económicas (IAE).

j) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

k) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

l) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda e Administración Pública.

m) Consulta sobre a titularidade real da entidade e identificación da titularidade real dos subcontratistas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselle solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo a través do enderezo da internet https://spiga-sede.igape.es

Artigo 14. Órganos competentes

A competencia para a instrución do procedemento de concesión da subvención correspóndelle á Área de Innovación Empresarial do Igape e a competencia para ditar a resolución que poña fin ao procedemento na vía administrativa correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape.

Os proxectos serán avaliados por un órgano avaliador composto por tres membros de entre o persoal da Área de Innovación Empresarial: o/a director/a da Área de Innovación Empresarial, que actuará como presidente, o/a subdirector/a de Innovación Empresarial, que actuará como secretario/a con voz e voto e un/unha técnico/a da Área de Innovación Empresarial. Axustará o seu funcionamento ás disposicións sobre órganos colexiados contidas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. O órgano avaliador poderá solicitar colaboración externa cando por razón da especialización da materia así o requira, en prol de garantir o rigor científico-técnico na avaliación dos proxectos.

Artigo 15. Instrución do procedemento

1. Unha vez recibidas as solicitudes, de conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, se a solicitude ou o formulario non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución.

Dado o réxime de concesión en concorrencia competitiva, a ausencia de memoria descritiva do proxecto ou a presentación dunha memoria descritiva ilexible non será emendable e o expediente avaliarase utilizando unicamente a información achegada no formulario de solicitude.

2. As solicitudes serán avaliadas polo órgano avaliador, quen elaborará unha relación ordenada de todas as solicitudes, con indicación da puntuación outorgada a cada unha delas, en aplicación dos criterios de avaliación, desempate e puntuación mínima establecidos no artigo 7 destas bases.

Artigo 16. Resolución, publicación e notificacións

1. A Área de Innovación Empresarial do Igape ditará a proposta de resolución con base neste procedemento a partir da relación de solicitudes puntuadas. A continuación, elevaraa á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, quen emitirá a resolución de concesión das subvencións, por delegación do Consello de Dirección do Igape.

2. A resolución de concesión da subvención comprenderá a identificación da persoa beneficiaria e a contía da subvención, con indicación das obrigas que corresponden á persoa beneficiaria.

3. Na resolución denegatoria da axuda farase constar o motivo da denegación.

4. O anuncio da publicación do texto completo da resolución definitiva no enderezo https://spiga-sede.igape.es será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co artigo 45 da Lei 39/2015.

5. O prazo máximo para resolver e publicar a resolución será o establecido na resolución de convocatoria. Transcorrido este, poderase entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da axuda.

6. As notificacións das resolucións e actos administrativos do procedemento que non sexan obxecto de publicación efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas realizaranse a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

De conformidade co artigo 47 da Lei /2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán crear de oficio o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

As notificacións por medios electrónicos entenderanse realizadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e, rexeitadas cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda a el.

Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 17. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Potestativamente, recurso previo de reposición, que resolverá a persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co establecido nestas bases reguladoras, se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución, ou no prazo de seis meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 18. Modificación da resolución

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, observarase o establecido no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións, e admitiranse, modificacións dentro dos límites xerais establecidos nestas bases, sempre e cando estes cambios non alteren o baremo ou desvirtúen o proxecto. Concretamente, non se admitirán modificacións que amplíen o prazo de execución do proxecto máis alá das datas límite establecidas na resolución de convocatoria nin aquelas que supoñan unha maior subvención para o proxecto.

2. A empresa beneficiaria deberá solicitar a modificación tramitando o formulario sinalado no artigo 10 e presentando a súa instancia dirixida á Dirección Xeral Igape. A solicitude de modificación deberá presentala cunha antelación mínima dun mes á finalización do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado, por delegación do Consello de Dirección do Igape, pola persoa titular da Dirección Xeral do Igape, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia, de ser preciso, ás persoas interesadas.

Artigo 19. Obrigas das persoas beneficiarias

Son obrigas das empresas beneficiarias:

a) Executar o proxecto que fundamenta a concesión das subvencións no prazo establecido na resolución de concesión e manter, de ser o caso, o investimento no centro de traballo en Galicia durante os 3 anos seguintes ao remate do prazo de execución do proxecto.

b) Xustificar ante o Igape, de acordo co previsto nestas bases e na normativa reguladora de subvencións, o cumprimento dos requisitos e condicións da axuda, a realización da actividade e dos gastos subvencionables e o cumprimento da finalidade que determinan a concesión e gozo da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, ou a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, en especial a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas.

Para tal fin, deberá dispór dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como da documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos subvencionables, coa finalidade de garantir o exercicio axeitado das facultades de comprobación e control durante, polo menos, un período de 4 anos desde a súa presentación.

d) Comunicarlle ao Igape a solicitude e/ou obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien os investimentos subvencionados, así como a modificación das circunstancias que fundamenten a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, coa solicitude de cobramento da subvención. En ningún caso o importe da subvención poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas, supere as porcentaxes máximas establecidas no artigo 7 destas bases respecto do custo elixible do proxecto que vai desenvolver a persoa beneficiaria ou as que resulten da normativa aplicable ás axudas concorrentes.

e) Facilitar cantos datos resulten necesarios para a valoración da convocatoria no marco da avaliación da RIS3 de Galicia 2021-2027 ou doutros mecanismos relacionados coa medición da I+D+i, entre outros, as enquisas do INE. Tendo en conta que a localización do proxecto ten que ser Galicia, os datos asignados aos citados instrumentos de avaliación deberán estar consignados á Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Reintegrar os fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007.

g) Cumprir os requisitos de comunicación do financiamento público do proxecto polo Igape, segundo o establecido no anexo II destas bases durante a execución do proxecto.

h) No caso de non poder realizar o proxecto para o cal se concedeu a axuda, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza da non execución.

i) Todo isto sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 20. Xustificación da subvención

1. A persoa beneficiaria deberá presentar a xustificación e a solicitude de cobramento a través da aplicación informática https://spiga-sede.igape.es, tamén accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

2. No caso de que a solicitude de cobramento non se presente en prazo ou a xustificación sexa incorrecta, requirirase a persoa beneficiaria para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de dez días hábiles. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e as demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá a persoa beneficiaria das sancións que, conforme a lei, correspondan. A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da dita Lei 9/2007.

3. Xunto coa solicitude de cobramento, a empresa beneficiaria da axuda presentará a seguinte documentación:

a) Documentación xustificativa do gasto: documentos acreditativos dos gastos consistentes en facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa, segundo o establecido no artigo 28.3 da Lei 9/2007 e no artigo 48 do Decreto 11/2009. As facturas deberán conter suficiente información que permita relacionala co gasto xustificado. No caso de investimentos, achegarase, ademais, o cadro de amortización pertinente.

b) Documentación xustificativa do pagamento: conforme o pagamento foi realizado efectivamente dentro do prazo de execución, por algún dos seguintes medios:

1º. Xustificante de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario, ou xustificante electrónico de transferencia bancaria en que conste o código de verificación na sede electrónica da entidade bancaria ou outro mecanismo que garanta a veracidade do xustificante. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento e o importe da factura. En ningún caso se admitirán os pagamentos xustificados mediante recibo do provedor, nin os pagamentos por caixa ou en efectivo.

2º. Informe de auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que deberá manifestarse sobre o período de realización (facturación) e pagamento dos gastos alegados, así como sobre a existencia ou non de aboamentos ou devolucións posteriores que poidan supor unha redución no valor patrimonial dos bens alegados como subvencionables no expediente.

No suposto de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase xuntar unha relación delas, asinada polo representante legal.

No suposto de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ás accións subvencionadas, a xustificación do pagamento débese realizar sempre mediante algún dos medios sinalados nos puntos anteriores para as facturas alegadas nas accións e, ademais, algún dos seguintes documentos: relación emitida polo banco dos pagamentos realizados, orde de pagamentos da empresa selada polo banco ou xustificante de recepción asinado polo provedor, para os efectos de identificar as facturas non referidas ás accións subvencionadas.

As facturas en moeda estranxeira deben presentarse con copia dos documentos bancarios de cargo en que conste o cambio empregado.

As facturas emitidas polos subcontratistas especificarán o contido das actividades do proxecto que se financian e virán acompañadas dun informe xustificativo da entidade subcontratada en que especifiquen as actividades e tarefas realizadas.

c) Memoria técnica de execución do proxecto: na cal se poña de manifesto a finalización do proxecto subvencionado segundo o establecido no artigo 1. Esta memoria deberá ter, polo menos, os seguintes contidos:

i. Cronograma de desenvolvemento do proxecto.

ii. Descrición do proxecto realizado e resultados obtidos e descrición en diagrama de bloques.

iii. Descrición dos recursos empregados nas tarefas correspondentes.

iv. Modificacións e desviacións sobre o proxecto orixinal (incluíndo eventuais cambios de provedor).

v. Documentación gráfica dos investimentos realizados (fotografías de equipos, capturas de pantalla de aplicacións, etc., así como a súa relación cos números de serie).

vi. Licenzas adquiridas ou contratos de licenzas, de ser o caso.

d) As tres ofertas que deba ter solicitado a empresa beneficiaria, de acordo co establecido no artigo 6.6 das bases reguladoras, no caso de non achegalas coa solicitude de axuda.

e) Calquera soporte dos establecidos no anexo II das bases onde se aprecie que se cumpriu a obrigatoriedade de publicidade do financiamento público.

4. Para a xustificación de custos de persoal, deberá achegarse:

a) Certificación dos custos de persoal debidamente asinada, segundo os formularios normalizados da convocatoria, consistente nunha relación detallada por meses do persoal dedicado ás actividades do proxecto, que deberá incluír os seguintes datos: DNI, nome, apelidos, posto na entidade, retribución bruta e líquida mensual, data de pagamento das retribucións, importe da Seguridade Social, data de pagamento da Seguridade Social e custo total imputado (retribucións e Seguridade Social) segundo a dedicación de cada traballador ás actividades do proxecto.

b) Follas mensuais comprensivas da totalidade das horas efectivamente dedicadas ao proxecto subvencionado asinadas por cada traballador/a e a persoa responsable do persoal, segundo o formulario normalizado.

c) Declaración asinada polo responsable de recursos humanos cos importes mensuais e por cada traballador das retencións do IRPF dos traballadores dedicados ás actividades do proxecto, acompañada dos modelos 111 e dos seus correspondentes xustificantes bancarios de pagamento e, cando proceda, do modelo 190 (declaración informativa, retencións e ingresos á conta). Nos documentos correspondentes a cotas liquidables con posterioridade á data de xustificación, o importe considerarase xustificado coa presentación da citada declaración e as entidades quedarán obrigadas a presentar os documentos acreditativos da súa liquidación no prazo máximo dun mes desde a data límite de xustificación establecida na convocatoria.

d) Copias das nóminas ou documentos correspondentes do persoal dedicado ás actividades do proxecto, así como as copias dos xustificantes bancarios do seu pagamento. Nos xustificantes de pagamento das nóminas ou documentos que correspondan deberán vir detallados os seus receptores e o concepto, así como as cantidades percibidas por cada un deles. Cando a documentación xustificativa deste gasto conste dun xustificante bancario da remesa total mensual, deberá achegarse a listaxe da orde de transferencia en que se detallen os distintos traballadores incluídos, que deberá estar selada pola entidade bancaria.

e) Boletíns de cotización á Seguridade Social e os seus xustificantes de pagamento. Nos documentos correspondentes a cotas liquidables con posterioridade á data de xustificación, as entidades quedarán obrigadas a presentar os documentos acreditativos da súa liquidación no prazo máximo dun mes desde a data límite de xustificación establecida na convocatoria. No caso de traballadores autónomos, deberanse achegar nóminas e xustificantes bancarios do seu pagamento, así como xustificantes de pagamento das cotas á Seguridade Social.

f) Informe de vida laboral da entidade referida á data de finalización do prazo de xustificación e que comprenda toda a anualidade. No caso de persoal autónomo, certificado de vida laboral referida á data de finalización do prazo de xustificación.

g) No caso de persoal de nova contratación deberá achegarse copia do contrato de traballo asinado polas partes en que se poida verificar a contratación para o desenvolvemento de actividades do proxecto, conforme os requisitos desta convocatoria, xunto coa certificación da súa titulación académica.

5. En todos os casos, as persoas beneficiarias deberán estar ao día nas súas obrigas coa Facenda Pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social. No caso de que a persoa beneficiaria se opoña á consulta ou non preste o consentimento expreso, deberá achegar as certificacións xunto co resto da documentación xustificativa.

6. Advírtese que calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo de inicio de expediente de incumprimento que, se é o caso, poderá supor a modificación ou revogación da concesión e o reintegro, de ser o caso, das cantidades previamente aboadas.

Artigo 21. Pagamento das axudas

1. O aboamento da axuda realizarase unha vez que o Igape considere xustificada a realización e o pagamento do proxecto e o cumprimento das condicións dentro do prazo establecido na resolución de concesión.

Os órganos competentes do Igape poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do proxecto que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que a persoa beneficiaria os presentase, o Igape iniciará o correspondente procedemento de incumprimento.

O réxime de pagamento deberá cumprir o establecido no artigo 31 da Lei 9/2007 e no título IV do seu regulamento.

2. As persoas beneficiarias disporán de anticipos de ata o 50 % do importe da subvención concedida, co límite da anualidade prevista no exercicio orzamentario correspondente, no momento da resolución de concesión da axuda.

Neste sentido, exímense as persoas beneficiarias da obriga de constituír garantías, logo da súa autorización polo Consello da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 67.4 do Decreto 11/2009. A resolución de concesión da axuda, cando o solicitante active o recadro habilitado para a solicitude de anticipo, comportará tamén a súa concesión. A concesión do anticipo realizarase mediante resolución motivada, ao abeiro do artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 22. Perda do dereito á subvención e reintegro

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras ou de concorrencia das causas establecidas no artigo 33 da Lei 9/2007, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Procederá a perda total do dereito ao cobramento da axuda concedida, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:

a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.

b) Non xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou gozo da subvención.

c) Non permitir someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, concretamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas.

d) Non dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á beneficiaria.

e) Cando, como consecuencia de incumprimento parcial, o investimento subvencionable sexa inferior ao 50 % do concedido.

f) A percepción doutras subvencións públicas, incompatibles coa totalidade da subvención prevista nestas bases, suporá a perda ou, se é o caso, o reintegro, do 100 % da subvención concedida.

g) Non comunicarlle ao Igape a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

h) Non dar publicidade do financiamento do proxecto, de acordo co establecido no anexo II destas bases.

i) Non acreditar estar ao día nas obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma.

4. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión da axuda, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial, e deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

a) No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos subvencionables deixados de aplicar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables, debendo, se é o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. En particular, unha execución por baixo do 50 % da base subvencionable aprobada ou non acadar o orzamento subvencionable mínimo establecido nas bases considerarase un incumprimento total.

b) Non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais de contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados suporá a perda ou, se é o caso, o reintegro, dun 2 % da subvención concedida.

5. No período de mantemento dos investimentos, nos casos en que se aplique o artigo 19.a) destas bases reguladoras, procederá a incoación dun procedemento de reintegro no suposto de non manter os investimentos obxecto da subvención durante o período establecido, o que suporá o reintegro da subvención correspondente ao activo non mantido, de forma proporcional ao período en que se incumpra este requisito.

Adicionalmente, non manter a publicidade do financiamento do proxecto, de acordo co establecido no artigo 19.g) destas bases, suporá o reintegro dun máximo do 3 % da subvención concedida.

6. Devolución voluntaria da subvención.

De acordo co establecido no artigo 64 do Decreto 11/2009, as persoas beneficiarias poderán realizar, sen requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES83 2080 0388 2731 1000 0584, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

En todo caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente a copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 23. Réxime sancionador

Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 24. Fiscalización e control

As persoas beneficiarias destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Igape para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 25. Comprobación de subvencións

1. O Igape comprobará a xustificación axeitada da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o gozo da subvención. O prazo para a comprobación material de facturas e xustificantes de investimento será de 4 anos desde a finalización do prazo de execución do proxecto.

2. Nas subvencións de capital superiores a 60.000 euros, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será de aplicación o establecido no artigo 60.2 do Decreto 11/2009.

3. Para todo o non previsto nos puntos anteriores será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007 e nos artigos 57 e seguintes do seu regulamento.

Artigo 26. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións teñen a obriga de subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se estean vinculadas, logo do requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 27. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase a seguinte normativa:

a) Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do tratado.

b) Artigo 2 do anexo I do Regulamento (UE) 651/2014: definición de microempresa, pequena e mediana empresa.

c) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

d) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

e) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

f) Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

g) Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos).

h) Regulamento (UE) 2024/1689 do Parlamento Europeo e do Consello, do 13 de xuño, polo que se establecen normas harmonizadas en materia de intelixencia artificial e polo que se modifican os regulamentos (CE) 300/2008, (UE) 167/2013, (UE) 168/2013, (UE) 2018/858, (UE) 2018/1139 e (UE) 2019/2144, e as directivas 214/90/UE, (UE) 2016/797 e (UE) 2020/1828 (Regulamento de intelixencia artificial).

i) Lei 2/2025, do 2 de abril, para o desenvolvemento e o impulso da intelixencia artificial en Galicia.

j) O resto da normativa que resulte de aplicación.

Artigo 28. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Dirección da Área de Innovación Empresarial para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións, instrucións, aclaracións ou interpretacións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento destas bases reguladoras.

missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO II
Requisitos de comunicación do financiamento público

Responsabilidade da persoa beneficiaria.

Ao tratarse de subvencións financiadas con fondos propios da Comunidade Autónoma, recoñecerá a axuda da Xunta de Galicia, e para iso:

a) Na súa páxina web oficial, cando exista a dita web, e nas súas contas de redes sociais fará unha breve descrición da operación, de forma proporcionada en relación co nivel de axuda, cos seus obxectivos e resultados, destacando a axuda económica da Xunta de Galicia.

b) Nos documentos e materiais de comunicación destinados ao público e relacionados coa execución da actuación achegará unha declaración que destaque de forma visible as axudas da Xunta de Galicia.

c) Exporá nun lugar ben visible para o público, polo menos, un cartel de tamaño A3 como mínimo ou unha pantalla electrónica equivalente con información da actuación onde se destaque a axuda da Xunta de Galicia a través do Igape.

Para iso achégase o seguinte modelo a seguir como formato de cartel.

missing image file

A obriga de dar publicidade do financiamento polo Igape dos gastos que sexan obxecto de subvención consiste na inclusión da imaxe de marca do Igape, así como inscricións relativas ao financiamento público nos folletos, materiais impresos que vaian ser obxecto de difusión, ademais do uso exclusivo da persoa solicitante, medios electrónicos audiovisuais, convocatorias e difusión de eventos ou ben en mencións realizadas nos medios de comunicación, que teñan relación co proxecto subvencionado, seguindo as normas e instrucións contidas no Manual de imaxe corporativa da Xunta de Galicia. As marcas poderanse descargar no enderezo da internet https://spiga-sede.igape.es

Para dar publicidade do financiamento, observarase o establecido no Decreto 112/2021, do 22 de xullo, polo que se aproba o uso dos elementos básicos da identidade corporativa da Xunta de Galicia (DOG número 146, do 2 de agosto).