BDNS (Identif.): 880749.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/880749
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/880750 (minimis pesca)
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/880751 (minimis agrícola)
Os códigos asignados pola BDNS corresponden a un mesmo texto de convocatoria.
Primeiro. Entidades beneficiarias
Poderán ser entidades beneficiarias as pequenas e medianas empresas (pemes), incluíndo os autónomos, comunidades de bens, asociacións, fundacións ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, mesmo carecendo de personalidade xurídica, leven a cabo unha actividade empresarial e poidan levar a cabo os proxectos, as actividades ou os comportamentos, ou se atopen na situación que motiva a concesión da subvención.
En calquera caso, deberán ter radicado algún centro de traballo en Galicia e cumprir a definición de peme. Para esta definición utilizarase a establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño de 2014), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías).
Para solicitar as axudas para a prestación dos servizos, tendo en conta as súas características, as pemes deben cumprir as seguintes condicións:
a) Para todos os servizos definidos no artigo 1, agás o servizo de apoio para empresas emerxentes innovadoras, polas características deste tipo de empresas, as solicitantes deberán contar cun cadro medio de traballadores, no ano anterior ao da solicitude da axuda, non inferior a 3.
b) Para o servizo de apoio para empresas emerxentes innovadoras, entenderanse como tales aquelas de recente creación (entre 0 e 7 anos), cunha base innovadora ou tecnolóxica, e cunha proposta de valor diferenciada.
Segundo. Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e teñen por obxecto aprobar as condicións polas cales se rexerá a concesión de axudas destinadas a facilitar a execución dun conxunto de servizos profesionais por parte de entidades colaboradoras previamente seleccionadas mediante a Resolución do 12 de decembro de 2023 (DOG núm. 241, do 21 de decembro).
As axudas en especie estarán destinadas á execución de servizos en empresas galegas, que se agrupan nas seguintes tipoloxías:
– Profesionalización e desenvolvemento estratéxico:
– Servizos de análise do potencial competitivo e primeiras accións de mellora.
– Servizos de desenvolvemento estratéxico integral da empresa.
– Servizos de análise do cumprimento normativo e dos riscos legais (Compliance).
– Servizos de captación, fidelización e xestión de talento.
– Servizos para o desenvolvemento dunha estratexia de integración ESG.
– Servizos de mellora da xestión financeira e procura de financiamento.
– Servizos de circularización e optimización dos procesos de produción e cadea loxística.
– Servizos de asesoramento para o relanzamento comercial.
– Servizos de preparación de procesos certificables.
– Servizo de apoio para empresas emerxentes innovadoras.
Innovación:
– Servizos de deseño e lanzamento de produtos e servizos innovadores.
– Servizos de protección da innovación.
– Servizos de asesoramento para o financiamento da innovación.
Terceiro. Bases reguladoras
Resolución do 30 de decembro de 2025 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas a servizos modulares de asesoramento especializado a empresas galegas prestados por entidades colaboradoras (Programa Re-acciona), cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para os anos 2026 e 2027 en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG402A).
Cuarto. Importe
O crédito dispoñible para concesións nesta convocatoria aboarase con cargo á aplicación orzamentaria 09.A1.741.A.7700, por un importe de 2.000.000 €, coa seguinte distribución plurianual: 1.200.000 € con cargo ao ano 2026 e 800.000 € con cargo ao ano 2027.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará a computar o sexto día hábil posterior ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia ás 9.00 horas, e rematará o 30 de setembro de 2026 ás 14.00 horas, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.
Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2025
Ainhoa Mallo Martínez
Xerente do Instituto Galego de Promoción Económica
