DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 12 Martes, 20 de xaneiro de 2026 Páx. 5391

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 16 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria, mediante tramitación anticipada de gasto, do procedemento de concesión de subvencións para proxectos de aforro e eficiencia enerxética nas empresas galegas, para o ano 2026, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional nun 60 % no marco do programa Galicia Feder 2021-2027 (código de procedemento IN417Y).

A sensibilidade especial que para a cidadanía está a ter o uso racional das enerxías e a busca de novas fontes enerxéticas calou de forma importante no enfoque das administracións públicas, que unanimemente están a actuar neste campo, prestando o seu apoio ás iniciativas que sobre aforro e eficiencia enerxética ou enerxías renovables se están a desenvolver na actualidade.

O Instituto Enerxético de Galicia (Inega) constitúese en axencia por Decreto 142/2016, do 22 de setembro, mantendo a súa adscrición á consellería competente en materia de enerxía, conforme o establecido na Lei 3/1999, do 11 de marzo, e entre cuxas funcións destacan o impulso das iniciativas e programas de aplicación das tecnoloxías enerxéticas, incluídas as renovables, a mellora do aforro e a eficiencia enerxética, o fomento do uso racional da enerxía e, en xeral, a óptima xestión dos recursos enerxéticos nos distintos sectores económicos de Galicia. Igualmente prevé a participación na xestión e prestación de servizos noutros campos sinérxicos ao enerxético, de acordo coas directrices do Goberno no ámbito das súas competencias.

Para o desenvolvemento dos obxectivos anteriores, e na procura de incentivar a transformación da actividade en Galicia cara a unha economía baixa en carbono que aumente a súa competitividade nun mercado global, o Inega establece este sistema de subvencións, complementario aos creados por outras entidades públicas, relacionados con proxectos que fomenten o aforro e a eficiencia enerxética en empresas galegas. As actuacións que se van desenvolver enmárcanse dentro da Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050 e da Axenda Enerxética de Galicia 2030.

A presente convocatoria será cofinanciada con cargo ao programa operativo Galicia Feder 2021-2027, ten unha taxa de cofinanciamento do Feder do 60 % e compútase como investimento privado elixible das persoas beneficiarias o 40 % no caso de empresas, e como outro investimento público elixible o 40 % no caso de que os beneficiarios sexan entidades públicas (na liña de proxectos de eficiencia enerxética en infraestruturas públicas).

A convocatoria encaixa nas seguintes epígrafes do programa Galicia Feder 2021-2027:

– Obxectivo político: 2. Unha Europa máis verde, baixa en carbono, en transición cara a unha economía con cero emisións netas de carbono e resiliente, promovendo unha transición enerxética limpa e equitativa, o investimento verde e azul, a economía circular, a mitigación e adaptación ao cambio climático, a prevención e xestión de riscos e a mobilidade urbana sustentable.

– Obxectivo específico: RSO2.1. Fomento da eficiencia enerxética e da redución das emisións de gases de efecto invernadoiro.

– Actuación: 2.1.02. Fomento da eficiencia enerxética e da descarbonización das actividades económicas, especialmente das empresas e peme.

– Ámbitos de intervención:

038. Eficiencia enerxética e proxectos de demostración en pemes e medidas de apoio.

039. Eficiencia enerxética e proxectos de demostración en grandes empresas e medidas de apoio.

040. Eficiencia enerxética e proxectos de demostración en pemes ou grandes empresas e medidas de apoio que cumpran os criterios de eficiencia enerxética.

044. Renovación da eficiencia enerxética ou medidas de eficiencia enerxética relativas a infraestruturas públicas, proxectos de demostración e medidas de apoio.

– Os indicadores correspondentes a estas axudas son os seguintes:

a) Indicador de realización:

• RCO02 Empresas apoiadas a través de subvencións.

• RCO01 Empresas apoiadas. 

b) Indicador de resultado:

• RCR26 Consumo anual primario de enerxía (vivendas, edificios públicos, empresas, outros) en MWh/ano.

• RCR29 Emisións de gases de efecto invernadoiro estimadas (toneladas de CO2 eq./ano).

Por outra banda, as axudas sométense aos requisitos e límites establecidos no Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea (Regulamento xeral de exención por categorías), publicado no DOUE L 187, do 26 de xuño, salvo no caso das empresas con actividade de transformación e comercialización de produtos da pesca e da acuicultura que, dada a súa exclusión do anterior, estarán sometidas aos requisitos e límites establecidos no Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

Como un dos órganos encargados de desenvolver a política enerxética da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia, o Inega considera de máximo interese potenciar as actuacións de mellora do aforro e a eficiencia enerxética, as enerxías renovables e a óptima xestión dos recursos enerxéticos nos distintos sectores en Galicia.

Por todo o anterior, en virtude do disposto no artigo 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 16 dos estatutos da Axencia Instituto Enerxético de Galicia,

RESOLVO:

Aprobar as bases reguladoras da concesión de subvencións a proxectos de aforro e eficiencia (código de procedemento IN417Y) cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, así mesmo, por medio desta resolución procédese á súa convocatoria para a anualidade 2026.

Bases reguladoras

Artigo 1. Obxecto e normativa de aplicación

1. Estas bases teñen por obxecto regular a concesión de subvencións para a realización de proxectos de aforro e eficiencia enerxética nas empresas galegas, que cumpran cos requisitos e coas condicións establecidos no articulado nestas bases reguladoras (código de procedemento IN417Y).

2. O procedemento administrativo para a concesión destas subvencións será o de concorrencia non competitiva, segundo o disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. As solicitudes de axuda presentadas no prazo e cos requisitos establecidos nestas bases tramitaranse e resolveranse por orde de entrada no rexistro da solicitude, do que se fará publicidade na aplicación informática que se utiliza na xestión das axudas.

Xustifícase a excepcionalidade pola dificultade de comparar os proxectos entre si, e por favorecer o inicio dos proxectos desde a data de presentación das solicitudes, dándose a posibilidade de que algúns solicitantes xa dispoñan de terreos, traballos preparatorios, permisos ou estudos de viabilidade que permitan o comezo dos investimentos case de inmediato. 

3. Estas axudas para as empresas con actividade de transformación e comercialización de produtos da pesca e da acuicultura estarán sometidas aos requisitos e límites establecidos no Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L, do 15 de decembro), e a axuda total de minimis concedida a unha empresa determinada ou outras empresas controladas de feito ou de dereito pola mesma entidade dentro do mesmo grupo non pode ser superior a 300.000 € durante o período dos tres anos previos; cando se trate de empresas doutros sectores, estas axudas estarán suxeitas aos requisitos e límites establecidos no Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea (Regulamento xeral de exención por categorías), publicado no DOUE L 187, do 26 de xuño. A presente convocatoria refírese ás axudas que aparecen definidas no capítulo III, sección 7, artigo 38, axudas ao investimento destinadas a medidas de eficiencia enerxética distintas das dos edificios, e artigo 38.bis, axudas ao investimento destinadas a medidas de eficiencia enerxética en edificios.

Artigo 2. Condicións dos proxectos

1. De conformidade co disposto no artigo 6.1 destas bases reguladoras, os traballos non poderán iniciarse con anterioridade á data de presentación da solicitude. Enténdese por inicio dos traballos a definición recollida no artigo 2 do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño.

Así, non poderán incorrer en ningún dos custos alegados sobre os que se solicita subvención con carácter previo á solicitude, de ser así, a totalidade do proxecto será considerado non subvencionable.

Considérase que o proxecto xa foi iniciado cando exista un primeiro compromiso en firme para a execución das obras ou para a adquisición dalgún dos elementos integrantes do proxecto, e entenderase por proxecto calquera dos investimentos ou gastos comprendidos na solicitude de axuda. Neste sentido, considérase que existe compromiso en firme no caso de existencia dun contrato ou oferta asinado entre as partes, ou existencia dun pedido para calquera dos elementos subvencionables.

2. O investimento mínimo elixible para que a actuación sexa subvencionable debe ser de 15.000 euros por actuación, o IVE non está incluído. No caso de empresas con actividade de transformación e comercialización de produtos da pesca e da acuicultura, o investimento para que a actuación sexa subvencionable ten que ser superior aos 200.000 euros, IVE non incluído.

3. Cada empresa poderá presentar unha ou máis solicitudes. Cada solicitude comprenderá un único proxecto técnico que pode constar dunha soa actuación ou de varias actuacións homoxéneas executadas nunha mesma localización e que se valorarán de xeito conxunto.

Considéranse actuacións homoxéneas todas as actuacións de iluminación que se realicen no centro de traballo e a renovación de varios equipamentos para o mesmo fin. Por exemplo, a instalación de varios compresores, ou de dúas caldeiras para proceso, aínda que estas non sexan iguais (ademais debe incluírse no mesmo proxecto calquera actuación relacionada que se efectúe na sala de caldeiras como pode ser a instalación dun economizador ou tanque de revaporizado). Tamén se considerará actuación homoxénea a mellora dun edificio cando este estea incluído no ámbito de aplicación da normativa vixente de certificación enerxética e exista metodoloxía de cálculo recoñecida para a súa certificación (solicitudes tramitadas conforme o establecido no artigo 8.2).

Considérase actuación non homoxénea e que polo tanto debe cursarse en solicitudes separadas a combinación de proxectos independentes, por exemplo, a renovación dun compresor, a renovación dos equipamentos de iluminación, a renovación das caldeiras, a instalación de variadores de frecuencia en motores, etc. A mellora de varios equipamentos con distinta función dentro da mesma liña de produción poderase considerar actuación homoxénea.

4. En cumprimento do artigo 9.4 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño (DOUE do 30 de xuño, L 231), polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración; o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e á Política de Visados (en adiante, RDC), todos os proxectos financiados ao abeiro destas bases reguladoras deben respectar o principio de non causar un prexuízo significativo ao ambiente (principio DNSH, polas súas siglas en inglés, Do no significant harm). En atención á consideración 10 do citado RDC, o principio de non causar un prexuízo significativo ao ambiente debe interpretarse no sentido do artigo 17 do Regulamento (UE) 2020/852, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sustentables que fixa os obxectivos ambientais que se van protexer:

1º. Mitigación do cambio climático.

2º. Adaptación ao cambio climático.

3º. Uso sustentable e protección dos recursos hídricos e mariños.

4º. Transición cara a unha economía circular.

5º. Prevención e control da contaminación.

6º. Protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas.

Artigo 3. Financiamento

1. As subvencións que se concedan financiaranse con cargo aos orzamentos do Inega coa repartición bianual por beneficiarios recollida na seguinte táboa. O importe total asignado a esta convocatoria ascende a 7.500.000 €.

O crédito máximo segundo a tipoloxía de proxecto e tipo de solicitante será o seguinte:

Liña de axuda

Proxecto contable

Aplicación

Orzamento 2026 (€)

Orzamento 2027 (€)

Total (€)

Papeme-Proxectos de aforro e eficiencia enerxética en pemes

2023 00002

09.A3.733A.770.2

700.000

2.800.000

3.500.000

PAGE-Proxectos de aforro e eficiencia enerxética en grandes empresas

2023 00003

09.A3.733A.770.2

500.000

1.000.000

1.500.000

PAE-Proxectos de aforro e eficiencia enerxética en pemes ou grandes empresas que reduzan as emisións de GEI polo menos nun 30 %

2023 00004

09.A3.733A.770.2

500.000

1.000.000

1.500.000

PAP-Proxectos de aforro e eficiencia enerxética en infraestruturas públicas

2023 00001

09.A3.733A.744.4

100.000

100.000

200.000

09.A3.733A.745.0

100.000

100.000

200.000

09.A3.733A.760.2

300.000

300.000

600.000

Total PAP

500.000

500.000

1.000.000

Total

2.200.000

5.300.000

7.500.000

O orzamento por partida e anualidade redistribuírase tendo en conta as solicitudes rexistradas conforme ao establecido no artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, entre as seguintes partidas: 09.A3.733A.744.4, 09.A3.733A.745.0, 09.A3.733A.760.2 e 09.A3.733A.770.2.

O crédito máximo recollido na táboa anterior poderá ser redistribuído se pasado un mes desde a apertura do prazo de solicitudes nalgún dos epígrafes non se rexistran solicitudes suficientes para esgotar os fondos dispoñibles, e noutro dos epígrafes existe un volume elevado de solicitudes.

2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior a que se determine na presente convocatoria.

O importe dos fondos previstos entenderase máximo, se ben cabería a posibilidade de ampliar o crédito como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada dalgunha das circunstancias previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Isto podería dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes.

3. De producirse a ampliación de crédito, publicarase no DOG e na páxina web do Inega (www.inega.gal), sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo para resolver.

4. A presente convocatoria tramitarase polo procedemento anticipado de gasto. O outorgamento das subvencións queda condicionado á existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Artigo 4. Persoas beneficiarias

1. Poderán acceder á condición de persoas beneficiarias das presentes subvencións:

a) As empresas legalmente constituídas e autónomos, que teñan domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia.

Aos efectos destas bases terase en conta a definición de empresa recollida no anexo I do Regulamento 651/2014 segundo a cal se considerará empresa toda entidade, independentemente da súa forma xurídica, pública ou privada, que exerza unha actividade económica. En particular, consideraranse empresas as entidades que exerzan unha actividade artesanal ou outras actividades a título individual ou familiar, así como as sociedades de persoas e as asociacións que exerzan unha actividade económica de forma regular.

b) As empresas de servizos enerxéticos que xestionen total ou parcialmente instalacións consumidoras de enerxía e que o obxecto destes contratos de servizos sexa a consecución de aforro económico derivado dun menor consumo de enerxía. Os centros de consumo nos que se actúe deben estar situados en Galicia e corresponder a empresas incluídas no ámbito de actuación das presentes bases.

Para poder ser destinatarias últimas das axudas, estas empresas deberán actuar en función dun contrato de servizos enerxéticos con algunha empresa das incluídas no ámbito de actuación das presentes bases e deberán contar en todo caso co visto e prace do titular da instalación, por se a concesión da axuda dese lugar á modificación do contrato existente entre ambas as partes.

As empresas de servizos enerxéticos deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 56/2016, do 12 de febreiro, para o desenvolvemento da actividade profesional de provedor de servizos enerxéticos, e deberán estar incluídos na Listaxe de provedores de servizos enerxéticos regulada no capítulo III do citado real decreto.

Segundo a definición da Directiva 2006/32/CE, do 5 de abril, sobre a eficiencia do uso final da enerxía e dos servizos enerxéticos, e para os efectos destas bases, entenderase por empresas de servizos enerxéticos, aquela persoa física ou xurídica que poida proporcionar servizos enerxéticos, na forma definida no paragrafo seguinte, nas instalacións ou locais dun usuario e afronte certo grado de risco económico ao facelo. Todo isto, sempre que o pagamento dos servizos prestados se base, xa sexa en parte ou totalmente, na obtención de aforros de enerxía por introdución de melloras da eficiencia enerxética e no cumprimento dos demais requisitos de rendemento convidos.

O servizo enerxético prestado pola empresa de servizos enerxéticos consistirá nun conxunto de prestacións incluíndo a realización de investimentos inmateriais, de obras ou de subministracións necesarias para optimizar a calidade e a redución dos custos enerxéticos. Esta actuación poderá comprender ademais da construción, instalación ou transformación de obras, equipamentos e sistemas, o seu mantemento, actualización ou renovación, a súa explotación ou a súa xestión derivados da incorporación de tecnoloxías eficientes. O servizo enerxético así definido deberá prestarse baseándose nun contrato que deberá levar asociado un aforro de enerxía verificable, medible o estimable.

2. As entidades que resulten beneficiarias da subvención e con posterioridade contratasen a xestión enerxética, total ou parcialmente, a unha empresa de servizos das definidas no punto anterior deste artigo, poderán solicitar a modificación da resolución de concesión no sentido de que pase a ser beneficiaria esta última, xuntando unha copia do contrato de servizos enerxéticos no que se recollan as cláusulas asociadas ao proxecto para o que se solicita a axuda. Esta solicitude deberá presentarse, como mínimo, 20 días hábiles antes da finalización do prazo de xustificación do investimento do proxecto, podendo dar lugar á minoración da axuda inicialmente outorgada logo da aplicación da metodoloxía de cálculo da axuda segundo o establecido nestas bases, no caso de que se produza unha variación do investimento elixible ou das características técnicas do proxecto.

3. As empresas deberán cumprir co criterio de autonomía e demais requisitos que se establecen no anexo I do Regulamento xeral de exención por categorías.

4. Os requisitos para obter a condición de beneficiarios deberanse cumprir, como máis tarde, na data límite de remate do prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 5. Persoas e entidades excluídas destas axudas

1. Non poderán ter a condición de beneficiarias:

– As persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– As persoas particulares e comunidades de propietarios sen actividade económica.

– As empresas que non cumpran os prazos de pagamento a que se refire o artigo 13.3.bis da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

– As que entren dentro da categoría de empresas en crise, ao abeiro da definición do artigo 2.18 do Regulamento UE 651/2014.

– As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente logo dunha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

– As empresas do sector da pesca e acuicultura, por aplicación do artigo 1.3.a) do Regulamento (UE) nº 651/2014, sen prexuízo de que as empresas con actividade de transformación e comercialización de produtos da pesca e da acuicultura estarán incluídas nesta axudas por estaren sometidas aos requisitos e límites establecidos no Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro.

– As empresas que operan no sector de produción agrícola primaria coas actividades incluídas na sección A e, en concreto, as clases desde a 1.11 á 02.40 do CNAE-2025, ambas incluídas na exclusión.

– Os sectores a que se refire o número 3 do artigo 1 do Regulamento (UE) nº 651/2014.

– A industria extractiva enerxética, a de refinación de petróleo e biocombustibles, así como as empresas de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica.

– As empresas dedicadas ás actividades recollidas na sección L do CNAE-2025 de actividades financeiras e de seguros.

– Investimentos destinados a reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro derivadas das actividades enumeradas no anexo I da Directiva 2003/87/CE.

– Fabricación, transformación e comercialización do tabaco e produtos do tabaco.

– Demais actividades recollidas no artigo 7 do Regulamento (UE) 2021/1058 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e ao Fondo de Cohesión.

2. Os/as solicitantes da axuda encherán no formulario electrónico de solicitude unha declaración responsable de non atoparse en ningunha situación que os/as exclúa de seren beneficiarios/as conforme este artigo.

Artigo 6. Proxectos que se subvencionan

1. Poderán ter dereito á subvención os proxectos de aforro e eficiencia enerxética recollidos no número 2 que se executen dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

O prazo de execución dos proxectos subvencionables (téñase en conta a definición de inicio dos traballos recollida no artigo 2.1) iniciarase unha vez que se teña efectuada a solicitude de axuda ante esta entidade e rematará no prazo previsto no artigo 27.

2. Serán subvencionables aqueles proxectos con rateos de aforro enerxético anual iguais ou superiores aos indicados na seguinte táboa para cada liña:

Denominación da liña

Proxectos subvencionables

Papeme-Proxectos de aforro e eficiencia enerxética en pemes

Proxectos que xustifiquen rateos de aforro enerxético iguais ou superiores a 0,18 kWh/€ de aforro enerxético de enerxía final e de enerxía primaria por euro de investimento elixible

PAGE-Proxectos de aforro e eficiencia enerxética en grandes empresas

Proxectos que xustifiquen rateos de aforro enerxético iguais ou superiores a 0,25 kWh/€ de aforro enerxético de enerxía final e de enerxía primaria por euro de investimento elixible

PAE-Proxectos de aforro e eficiencia enerxética en pemes ou grandes empresas que reduzan as emisións de GEI en polo menos un 30 %

Proxectos que xustifiquen rateos de aforro enerxético iguais ou superiores a 0,10 kWh/€ de aforro enerxético de enerxía final e de enerxía primaria por euro de investimento elixible e que ademais reduzan polo menos un 30 % as emisións de GEI.

PAP-Proxectos de aforro e eficiencia enerxética en infraestruturas públicas

Proxectos que xustifiquen rateos de aforro enerxético iguais ou superiores a 0,18 kWh/€ de aforro enerxético de enerxía final e de enerxía primaria por euro de investimento elixible

Os investimentos só poderán ser subvencionados sobre a base dunha auditoría enerxética (no caso de actuacións de mellora de edificios, substituirase a auditoría enerxética polo certificado de eficiencia enerxética), cuxos resultados se plasmarán na memoria técnica da solicitude.

Serán subvencionables instalacións novas en que o aforro enerxético deberá xustificarse en relación coas instalacións de referencia que correspondan á práctica comercial normal no sector ou na actividade de que se trate. A modo de exemplo poden utilizarse para o cálculo dos consumos da instalación de referencia as fichas que resulten de aplicación do Catálogo de medidas estandarizadas de eficiencia enerxética definidas na Orde TED 845/2023, do 18 de xullo.

Os custos dos proxectos que non estean directamente vinculados á consecución dun nivel máis elevado de eficiencia enerxética non serán subvencionados.

Para o paso de enerxía final a enerxía primaria utilizaranse os factores de paso establecidos na memoria técnica a que se fai referencia no artigo 12.

Para contribuír á comprobación dos resultados enerxéticos obtidos será subvencionable a implantación de medidas de contabilización, monitorización e telexestión do consumo de enerxía asociadas ás actuacións de aforro para as que se solicita a axuda. Será subvencionable a realización de auditorías enerxéticas que inclúan en detalle a actuación subvencionada salvo que se trate dunha auditoría obrigatoria conforme a normativa vixente.

Para as solicitudes tramitadas baixo a modalidade de empresas de servizos enerxéticos terase en conta a actividade asimilable ao centro de traballo en que se instalen.

Non se serán subvencionables os investimentos que se realicen para que as empresas se adecúen a normas da Unión xa adoptadas, estean ou non en vigor. Como excepción serán subvencionables os investimentos para cumprir normas da Unión xa adoptadas, sempre e cando os ditos investimentos estean rematados cunha antelación mínima de 18 meses antes da entrada en vigor da norma.

Non será subvencionable a instalación de equipos de enerxía alimentados por combustibles fósiles, incluído o gas natural.

Non serán subvencionables os proxectos en centros ou institucións de coidados de longa duración.

Artigo 7. Requisitos técnicos dos proxectos que se subvencionan

1. Levar asociado o aforro enerxético mínimo requirido para cada proxecto segundo o indicado no artigo 6. O dito aforro debe quedar xustificado na memoria técnica e na ficha de consumos a que se fai referencia no artigo 12. Non se considerarán válidos para a xustificación os resultados de experiencias anteriores non sendo que se presente a documentación que acredite tales aforros.

2. No caso de mellora de instalacións de iluminación, a instalación resultante debe cumprir os requisitos que sexan de aplicación definidos na Norma UNE-EN 12464 (iluminación dos lugares de traballo) e na Guía técnica para a avaliación e prevención de riscos relativos á utilización de lugares de traballo.

3. Os proxectos que se presenten deberán ser técnica, xurídica, económica e financeiramente viables.

4. Para o caso de proxectos que requiran da realización de obra civil, deberán cumprirse as seguintes condicións específicas durante a execución do proxecto:

a) Polo menos o 70 % (en peso) dos residuos de construción e demolición non perigosos (excluído o material natural mencionado na categoría 17 05 04 na Listaxe europea de residuos establecida pola Decisión 2000/532/EC) xerados na execución do proxecto prepararase para a súa reutilización, reciclaxe ou recuperación doutros materiais, incluídas as operacións de recheo utilizando residuos para substituír outros materiais, de acordo coa xerarquía de residuos e o Protocolo de xestión de residuos de construción e demolición da UE. A verificación desta condición realizarase achegando os certificados de xestión de residuos de construción e demolición con destino á reutilización, reciclaxe e recuperación expedidos polos xestores de destino como xustificación da entrega, incluídos os códigos da Listaxe europea de residuos (LER) e a porcentaxe de valorización acadada.

b) Non utilización de amianto nin substancias moi preocupantes identificadas a partir da listaxe de substancias suxeitas á autorización que figura no anexo XIV do Regulamento (CE) 1907/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de decembro, relativo ao rexistro, á avaliación, á autorización e á restrición das substancias e mesturas químicas (REACH), polo que se crea a Axencia Europea de Substancias e Mesturas Químicas, se modifica a Directiva 1999/45/CE e se derrogan o Regulamento (CEE) nº 793/93 do Consello, e o Regulamento (CE) nº 1488/94 da Comisión, así como a Directiva 76/769/CEE do Consello, e as directivas 91/155/CEE, 93/67/CEE, 93/105/CE e 2000/21/CE, da Comisión. A verificación desta condición realizarase achegando un certificado da empresa contratista conforme para a execución da obra non se utilizou amianto nin substancias moi preocupantes identificadas a partir da lista de substancias suxeitas a autorización que figura no anexo XIV do Regulamento (CE) 1907/2006, do 18 de decembro.

5. Para o caso de proxectos que inclúan a execución de infraestruturas deberá asegurarse que se cumpran as seguintes condicións:

• As actuacións que poidan afectar espazos naturais protexidos terán en conta as determinacións que establece o Plan director da Rede Natura 2000 para o seu ámbito territorial de aplicación, así como as contidas nos instrumentos de planificación e xestión que resulten de aplicación nos demais espazos protexidos declarados ao amparo da Lei 5/2019, do 2 de agosto, de patrimonio natural e a biodiversidade de Galicia.

• As actuacións que poidan afectar os bens culturais ou a súa contorna deberán ser autorizadas polo órgano administrativo competente en materia de patrimonio cultural.

6. As axudas reguladas por esta resolución atenderán ao principio de «non prexudicar significativamente» (principio DNSH) a ningún dos obxectivos ambientais establecidos no Regulamento (UE) nº 2020/852 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xuño, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sustentables, e polo que se modifica o Regulamento (UE) nº 2019/2088.

7. Cando se trate de rehabilitacións integrais de edificios (rehabilitacións que, como mínimo, afecten conxuntamente a cuberta e a envolvente do edificio), o beneficiario debe garantir a protección fronte ao cambio climático daquelas infraestruturas cuxa vida útil sexa como mínimo de cinco anos, de acordo co establecido no artigo 73.2.j) do Regulamento (UE) 2021/1060. Para iso, deberá terse en conta a Guía de apoio para a implementación da proba climática de infraestruturas de Galicia dispoñible no enderezo:

https://www.conselleriadefacenda.gal/areastematicas/planificacionefondos/periodocomunitario-2021-2027/proteccion-deinfraestruturasfronte-ao-cambio-climatico

Artigo 8. Custos subvencionables

1. No caso de solicitudes de axudas reguladas polo Regulamento (UE) 2023/2831, de minimis (empresas con actividade de transformación e comercialización de produtos da pesca e da acuicultura):

Serán custos subvencionables os custos totais do investimento de aforro e eficiencia enerxética.

No caso particular de investimentos destinados á mellora de eficiencia enerxética en edificios:

1º. As axudas deben inducir unha mellora da eficiencia enerxética do edificio, medida en enerxía primaria, de como mínimo un 20 % en comparación coa situación anterior ao investimento. A demanda inicial de enerxía primaria e a mellora estimada estableceranse por referencia a un certificado de eficiencia enerxética, tal como se define no artigo 2, punto 12, da Directiva 2010/31/UE.

2º. As axudas concedidas para a mellora da eficiencia enerxética do edificio poderán combinarse con axudas para todas ou algunha das medidas recollidas nas alíneas da a) á f) do número 2 deste artigo.

2. No caso de solicitudes de axuda reguladas polo Regulamento (UE) nº 651/2014 (Regulamento xeral de exención por categorías) e destinadas a medidas de eficiencia enerxética en edificios:

Conforme o recollido no artigo 38 bis do Regulamento 651/2014, serán custos subvencionables os custos totais do investimento.

As axudas deben inducir unha mellora da eficiencia enerxética do edificio, medida en enerxía primaria, de como mínimo un 20 % en comparación coa situación anterior ao investimento. A demanda inicial de enerxía primaria e a mellora estimada estableceranse por referencia a un certificado de eficiencia enerxética, tal como se define no artigo 2, punto 12, da Directiva 2010/31/UE.

As axudas concedidas para a mellora da eficiencia enerxética do edificio poderán combinarse con axudas para todas ou algunha das medidas seguintes:

a) A instalación de equipamentos integrados in situ que xeren electricidade, calor ou frío a partir de fontes de enerxía renovables, incluídos, entre outros, os paneis fotovoltaicos ou as bombas de calor.

b) A instalación de equipamentos para o almacenamento da enerxía xerada por instalacións de enerxía renovable in situ; o equipo de almacenamento absorberá polo menos o 75 % da súa enerxía de instalacións de xeración de enerxía renovable directamente conectadas, sobre unha base anual.

c) A conexión a un sistema urbano de calefacción e/ou refrixeración enerxeticamente eficiente e aos equipamentos conexos.

d) A construción e instalación de infraestruturas de recarga para o uso dos usuarios do edificio, así como das infraestruturas conexas, como condutos, cando o aparcadoiro estea situado dentro do edificio ou sexa fisicamente adxacente a este.

e) A instalación de equipamentos para a dixitalización do edificio, en particular, para efectos de aumentar a súa preparación para aplicacións intelixentes, incluídos a conexión pasiva con fíos no interior ou a cablaxe estruturada para redes de datos e a parte auxiliar da infraestrutura de banda larga na propiedade a que pertence o edificio, pero excluíndo a conexión con fíos ou a cablaxe para redes de datos fóra da propiedade.

f) Os investimentos en teitos verdes e equipamentos para a retención e utilización das augas pluviais.

No caso destas obras combinadas indicadas nas alíneas a) á d) anteriores, o custo total do investimento das distintas instalacións e equipamentos constituirá os custos subvencionables. Os custos que non estean directamente vinculados á consecución dun nivel máis elevado de eficiencia enerxética ou rendemento ambiental non serán subvencionables.

3. No caso de solicitudes de axudas reguladas polo Regulamento (UE) 651/2014 destinadas a medidas de eficiencia enerxética distintas das dos edificios:

Conforme o recollido no artigo 38 do Regulamento (UE) 651/2014, considerase custo subvencionable os custos de inversión adicionais necesarios para lograr un nivel mais elevado de eficiencia enerxética. Así, cando os custos do investimento en eficiencia enerxética consistan nunha inversión claramente identificable destinada unicamente a mellorar a eficiencia enerxética e para a que non exista un investimento de contraste con menos eficiencia enerxética entón os custos subvencionables serán o total dos custos do investimento. No resto dos casos, os costes subvencionables se determinarán comparando os custos da inversión cunha hipótese de contraste sen axuda do seguinte xeito:

a) Cando a hipótese de contraste consista en realizar un investimento con menos eficiencia enerxética que corresponda á práctica comercial normal no sector ou a actividade de que se trate, os custos subvencionables consistirán na diferenza entre os custos do investimento para o cal se concede a axuda estatal e os custos do investimento con menos eficiencia enerxética.

b) Cando a hipótese de contraste consista en que se realice o mesmo investimento nun momento posterior, os custos subvencionables consistirán na diferenza entre os custos do investimento para a que se concede a axuda estatal e o valor actual neto dos custos do investimento posterior, actualizados ao momento en que levaría a cabo o investimento que recibe a axuda.

c) Cando a hipótese de contraste consista en manter en funcionamento as instalacións e equipos existentes, os custos subvencionables consistirán na diferenza entre os custos do investimento para a que se concede a axuda estatal e o valor actual neto do investimento no mantemento, reparación e modernización das instalacións e equipos existentes, actualizados ao momento en que levaría a cabo o investimento que recibe a axuda.

Sen prexuízo do disposto nas alíneas a), b) e c), os custos subvencionables poderanse determinar sen a identificación dunha hipótese de contraste. No devandito caso, os custos subvencionables serán o total dos custos de investimento directamente vinculados á consecución dun nivel máis elevado de eficiencia enerxética e as intensidades de axuda aplicables reduciranse nun 50 %.

Artigo 9. Investimentos subvencionables

1. Considéranse custos subvencionables: a elaboración dos proxectos técnicos, dirección facultativa e obra civil relacionados coas actuacións, o prezo dos equipamentos, a súa montaxe e posta en marcha, así como os sistemas de monitorización, contabilización e telexestión e as auditorías nos termos indicados no artigo 6.

2. Non se consideran custos subvencionables:

a) Os gastos de legalización.

b) O imposto sobre o valor engadido (IVE).

c) Os gastos que se realicen en pagamento de licenzas, gastos sometidos a aranceis, adquisición de bens de segunda man e os recollidos con tal carácter no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Os proxectos que non cumpran cos requisitos técnicos mínimos recollidos nos artigos 6 e 7 non serán subvencionables.

4. Non se admitirán no orzamento partidas alzadas; todas as partidas deberán levar as súas correspondentes medicións.

5. Non serán subvencionables as seguintes actuacións:

a) As instalacións que utilicen enerxías renovables salvo as asociadas a melloras integrais de edificios, as que procedan da valorización de residuos non propiamente enerxéticos e as bombas de calor.

b) Operacións de mantemento (simples reposición de lámpadas...).

c) Vehículos de todas as clases utilizables para o transporte terrestre, marítimo ou aéreo de persoas, animais, materiais ou mercadorías, excepto os que se deban rexistrar na conta de maquinaria. A conta de maquinaria inclúe o conxunto de máquinas ou bens de equipo mediante os cales se realiza a extracción ou elaboración dos produtos. Nesta conta figurarán todos aqueles elementos de transporte interno que se destinen ao traslado de persoal, animais, materiais e mercadorías dentro de factorías, talleres, etc. sen saír ao exterior.

d) Non serán subvencionables a instalación de equipos de enerxía alimentados por combustibles fósiles, incluído o gas natural.

6. En ningún caso serán subvencionables as instalacións/equipamentos que xa foran obxecto de axuda en anos anteriores.

7. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionable.

Cando nunha actuación de aforro se incremente substancialmente a capacidade produtiva final do proceso só se considerará elixible o custo correspondente á mellora enerxética da capacidade produtiva inicial, salvo que se xustifique que a capacidade produtiva adicional presenta unha eficiencia superior á práctica comercial normal do sector ou actividade de que se trate no momento da súa implantación.

Artigo 10. Contía da axuda

1. A intensidade da axuda en función do regulamento de aplicación será a indicada nos seguintes subapartados, limitando no seu caso a axuda a conceder cando sexan de aplicación os umbrais establecidos nos restantes apartados deste artigo.

a) Solicitudes acollidas ao Regulamento (UE) 2023/2831, de minimis (empresas con actividade de transformación e comercialización de produtos da pesca e da acuicultura):

A contía da subvención será do 35 % do custo subvencionable da actuación. A intensidade da axuda incrementarase un 20 % no caso de axudas concedidas a pequenas empresas e un 10 % no caso de medianas empresas.

b) Solicitudes acollidas ao Regulamento (UE) nº 651/2014 (Regulamento xeral de exención por categorías) destinadas a medidas de eficiencia enerxética en edificios.

A contía da subvención será do 20 % do custo subvencionable da actuación. A intensidade da axuda incrementarase un 20 % no caso de axudas concedidas a pequenas empresas e un 10 % no caso de medianas empresas.

c) Solicitudes acollidas ao Regulamento (UE) nº 651/2014 (Regulamento xeral de exención por categorías) destinadas a medidas de eficiencia enerxética distintas das dos edificios.

A contía da subvención será do 35 % do custo subvencionable da actuación. A intensidade da axuda incrementarase un 20 % no caso de axudas concedidas a pequenas empresas e un 10 % no caso de medianas empresas.

2. Establécese unha axuda máxima por expediente de 300.000 euros no caso de acollerse ao Regulamento (UE) 2023/2831, de minimis, e de 1.000.000 euros no caso de acollerse ao Regulamento (UE) 651/2014 (Regulamento xeral de exención por categorías).

3. A axuda máxima por entidade beneficiaria no conxunto da convocatoria será de 2.000.000 de euros.

4. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor do mercado.

Artigo 11. Forma e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes (anexo I) subscribiranas directamente os interesados ou por persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito. Para facilitar a acreditación da representación achégase un modelo no anexo II destas bases. Unha vez presentada a solicitude non se poderá modificar o proxecto ata que recaia resolución de concesión.

2. O prazo de presentación de solicitudes comezará o oitavo (8º) día hábil seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, ás 9.00 horas, e finalizará o 15 de setembro de 2026, ás 20.00 horas.

Cando o último día do prazo sexa inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, e na páxina web do Inega. Para o acceso á aplicación de presentación das solicitudes será necesario o número do NIF e o contrasinal determinado polas persoas interesadas.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

A publicación dos formularios da solicitude no DOG faise unicamente para efectos informativos.

4. Para formular a solicitude e que esta sexa válida, ademais de encher o correspondente formulario cos datos de identificación do solicitante e xerais da actuación (anexo I de solicitude), deberase achegar a través da aplicación, a seguinte documentación mínima:

– Nomeamento de representante (anexo II), cando sexa necesario.

– Memoria técnica do proxecto segundo o modelo dispoñible na web do Inega (www.inega.gal) en función da tipoloxía da actuación.

5. As solicitudes que non conten co contido mínimo indicado anteriormente serán inadmitidas a trámite.

6. Os fondos solicitados e os validados polo Inega para cada liña poderán visualizarse en todo momento a través da aplicación informática. Unha vez presentada unha solicitude, a aplicación informática descontará a contía de axuda correspondente ao expediente dos fondos dispoñibles para a liña de axudas de que se trate. Polo tanto, a axuda máxima que se vai conceder ao expediente estará limitada pola axuda indicada na solicitude inicial.

De se chegaren a esgotar os fondos dispoñibles para unha liña de axudas, as seguintes solicitudes presentadas incluiranse nunha listaxe de espera para esta liña; no momento da presentación, a aplicación informática informará da posición que ocupa a solicitude na listaxe de espera. As inadmisións, desistencias, denegacións, renuncias e minoracións de solicitudes con fondos asignados liberarán fondos que poderán ser reasignados aos expedientes que se atopen en listaxe de espera segundo a orde de prelación que lle corresponda.

7. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

Artigo 12. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación obrigatoria:

a) Documentación administrativa:

i. Nomeamento de representante (anexo II), cando sexa necesario.

ii. As tres ofertas de distintos provedores que debe ter solicitado o solicitante da axuda cando o investimento sen IVE da actuación que se subvenciona supoña un gasto para o beneficiario igual ou superior a 15.000 €.

Cando o investimento sen IVE da actuación sexa inferior a 15.000 €, o beneficiario deberá achegar unha oferta que avale o orzamento do proxecto.

Para todos os gastos incluídos na solicitude de axuda, salvo cando a actuación sexa inferior a 15.000 €, deberán solicitarse como mínimo tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación, e presentalas coa solicitude de axuda. As ofertas presentadas para cada gasto deberán cumprir cos seguintes requisitos:

1º. Deberán proceder de empresas que teñan como obxecto social a fabricación ou subministración dos bens ou servizos incluídos na oferta.

Non poderán proceder de empresas vinculadas entre elas, nin co solicitante. Para estes efectos, considérase que existe vinculación entre empresas se se dan as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e o artigo 43.2 do decreto que desenvolve a citada lei; así mesmo, tomarase en consideración a definición de empresas asociadas ou empresas vinculadas establecida nos números 2 e 3, respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

2º. Deberán incluír como mínimo o NIF, o nome e enderezo da empresa oferente, o nome ou razón social da empresa solicitante da axuda, a data de expedición e unha descrición detallada dos conceptos ofertados. Para que a descrición dos conceptos se considere detallada deberá incluír no caso de obra civil e instalacións a relación pormenorizada e cuantificada das unidades de obra que inclúe, no caso de subministración de maquinaria e equipamentos, a súa marca, modelo así como características técnicas e, no caso de prestación de servizos, a descrición detallada destes.

Non serán admisibles ás ofertas emitidas por provedores que non teñan capacidade para a subministración do ben ou servizo ou que parezan de compracencia (contido e formato idénticos ou extremadamente similares entre ofertas, erros idénticos ou aparencia non habitual, entre outros).

3º. Excepcionalmente, no caso de conceptos subvencionables que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren, a moderación de custos poderá xustificarse alternativamente mediante un informe dun taxador, perito ou dun organismo público autorizado en que se determine xustificadamente o seu valor de mercado.

Non se considerarán subvencionables os gastos en que non se xustifique a moderación de custos conforme os criterios e requisitos sinalados.

4º. No caso de licitacións públicas, poderase presentar un certificado do interventor ou persoa responsable do control do cumprimento da normativa de contratación neste sentido e trasladar a presentación das ofertas á fase de xustificación da actuación.

iii. As empresas, xunto coa solicitude, presentarán a documentación prevista nas alíneas i) e ii) deste artigo e ademais deberán achegar:

1º. Documento oficial en que conste o código CNAE correspondente á actividade da empresa, tal como: declaración censual, declaración de vida laboral, imposto de actividades económicas. Tamén se aceptarán os documentos en que aparezan as actividades previstas no IAE que se correspondan coas seccións do CNAE 2025 ou as escrituras de constitución en que se defina a actividade da empresa.

2º. As empresas, cando non se atopen obrigadas por lei a inscribirse no Rexistro Mercantil ou calquera outro rexistro público, presentarán copia da documentación acreditativa da constitución e da representación correspondente. (Non é necesario no caso de que o solicitante sexa unha empresa pública).

3º. As empresas ou entidades deben acreditar a existencia dun centro de traballo en Galicia ou a realización dalgunha actividade empresarial xustificable dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. No caso das empresas de servizos enerxéticos, os que deben estar situados no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia son os centros de consumo.

4º. Cando unha empresa de servizos enerxéticos xestione total ou parcialmente instalacións consumidoras de enerxía, deberá achegar ademais:

a. Copia do contrato de servizos enerxéticos en que se recollan as cláusulas asociadas ao proxecto para o que se solicita a axuda. O contrato deberá recoller a súa formalización con data igual ou posterior á data de presentación da solicitude de axuda da presente convocatoria, co obxecto de respectar o seu carácter incentivador.

b. Constancia por escrito da autorización e coñecemento por parte do titular ou titulares da instalación de que se solicita a subvención.

5º. Declaración responsable de que non se trata dunha empresa en crise e que non está suxeita a unha orde de recuperación pendente logo dunha decisión da Comisión.

6º. Declaración responsable do representante da empresa en que se indique a cualificación como empresa autónoma, ou ben se indiquen as empresas asociadas ou vinculadas, incluídos os datos de participación.

7º. Para a acreditación da condición de pequena ou mediana empresa ou gran empresa, deberase achegar ademais:

a. Contas anuais da empresa solicitante, e das empresas asociadas ou vinculadas, correspondentes ao último exercicio contable pechado, co xustificante de seren depositadas no rexistro correspondente.

b. Declaración responsable emitida polo representante da empresa en que se reflicta o número de empregados da empresa, así como os das empresas asociadas ou vinculadas.

b) Documentación técnica:

i. Memoria técnica do proxecto segundo o modelo Memoria técnica PAE dispoñible na web do Inega (www.inega.gal) ou o modelo Memoria técnica PAE_ILU para proxectos específicos de mellora de iluminación. No caso de actuacións de mellora de edificios tramitadas conforme o artigo 8.2, deberá xuntarse á memoria o certificado de eficiencia enerxética antes e despois da actuación.

ii. Documento denominado Ficha de consumos PAE, segundo o modelo dispoñible na web do Inega (www.inega.gal), no cal se relacione o número de factura e o consumo enerxético de todas as facturas (electricidade, gas, fuel óleo, gasóleo…) do período anual tomado como referencia (2025 ou últimos doce meses), así como os datos enerxéticos do proxecto. Non será precisa a presentación desta ficha no caso de proxectos de iluminación. No caso de proxectos de mellora dun edificio poderá tomarse como referencia de consumo inicial o indicado no certificado de cualificación enerxética. No caso de novas instalacións, indicarase o consumo da instalacións de referencia que corresponda á práctica comercial normal no sector ou a actividade de que se trate, xustificando na memoria técnica os consumos indicados.

iii. Fotografías da instalación actual. Incluíndo cando proceda a placa de características técnicas dos equipos sobre os que se actúa. As fotografías deberán vir identificadas coa estancia en que se atopan.

iv. Plano de situación das instalacións no establecemento coa distribución dos equipamentos.

v. Características técnicas dos equipamentos para os cales se solicita a axuda subministradas polo fabricante (catálogo, certificado ou ficha técnica do fabricante) onde se inclúan datos da produtividade do equipo e do seu consumo e rendemento enerxético.

vi. No caso de investimentos en eficiencia enerxética non separables, achegar oferta técnica dun provedor que avale o orzamento dun investimento similar que implique menor eficiencia enerxética e que podería realizarse de forma crible sen subvención (investimento de referencia).

vii. No caso de actuacións específicas de iluminación, deberase presentar unha declaración responsable asinada por un técnico cualificado (especificar no documento o nome completo, DNI e cualificación do técnico asinante), en que se relacionen as estancias reformadas (coa mesma estrutura utilizada no documento Memoria técnica PAE_ILU), o seu uso e se declare que logo dos estudos lumínicos realizados se constata o cumprimento da Norma UNE-EN 12464 (Iluminación. Iluminación nos lugares de traballo), e na Guía técnica para a avaliación e prevención de riscos relativos á utilización de lugares de traballo, se é o caso.

viii. Ademais, nas instalacións de iluminación que estean incluídas total ou parcialmente no ámbito de aplicación do documento HE3 do Código técnico da edificación, xustificación asinada por un técnico competente de que cumpran coas exixencias establecidas nel. Nos casos en que a instalación non estea incluída total ou parcialmente no ámbito de aplicación do HE3, xuntar escrito xustificativo dos motivos.

ix. Ademais, nos casos en que proceda, tamén se debe achegar a memoria técnica adicional para actuacións de renovación de edificios segundo o modelo Memoria técnica adicional edificios PAE dispoñible na web do Inega (www.inega.gal).

x. Calquera outra documentación adicional que o interesado considere conveniente achegar para a correcta avaliación do proxecto.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada debe indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitárselle novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentación separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos a presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos (10MB) ou tivera un formato non admitido, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior.

Artigo 13. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Certificacións de estar ao día das obrigas tributarias coa AEAT.

b) Certificado de estar ao día das obrigas tributarias fronte á Seguridade Social.

c) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia.

d) DNI/NIE da persoa solicitante.

e) NIF da entidade solicitante.

f) NIF da entidade representante.

g) DNI/NIE da persoa representante.

h) Certificado de alta no censo de empresarios, profesionais e retedores ou certificado de situación censual, expedido por la Axencia Estatal de Administración Tributaria.

i) Inhabilitación para obter subvencións e axudas.

j) Concesión de subvencións e axudas.

k) Concesións pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 14. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente a través da aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).

Artigo 15. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, o organismo ou a entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopan vencelladas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte de aquelas das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 16. Publicidade

1. O Inega publicará as subvencións concedidas destas bases na súa páxina web oficial (www.inega.gal) e no Diario Oficial de Galicia e expresará a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas. Incluirá igualmente as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude levará implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade. A publicidade no Diario Oficial de Galicia realizarase no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións, non obstante, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Inega.

2. En cumprimento do artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación de acordo co establecido no Real decreto 130/2019, de 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas.

3. Na publicación que se faga no DOG e no taboleiro electrónico das axudas cofinanciadas con fondos Feder e individualmente concedidas ao abeiro desta convocatoria, incluirase unha referencia expresa ás disposicións pertinentes do Regulamento (UE) núm. 651/2014, da Comisión, ao seu título e á data de publicación no Diario Oficial de la Unión Europea (DOUE).

Artigo 17. Compatibilidade das subvencións

As subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras serán incompatibles con outras axudas ou subvencións destinados á mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

Artigo 18. Órganos competentes

A Xerencia do Inega será o órgano competente para a instrución do procedemento administrativo de concesión das subvencións, e corresponde á persoa titular da Dirección do Inega ditar as diferentes resolucións que deriven do dito procedemento.

Artigo 19. Instrución do procedemento de concesión das axudas

1. A solicitude de axuda con reserva de fondos será avaliada polos servizos do órgano instrutor do Inega en función dos datos relativos ao solicitante e ao proxecto declarados na solicitude de axuda e na documentación complementaria presentada.

De ser o caso, tamén poderán ser avaliadas as solicitudes de axudas que figuren nos postos de máis prelación da listaxe de espera, sen que tal avaliación supoña garantía de que os expedientes se cheguen a subvencionar ata que, eventualmente, se dite resolución expresa de concesión de axuda.

Se a solicitude non reúne algunha da documentación ou información previstas nas bases, requirirase ao interesado para que, nun prazo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos; coa advertencia expresa de que, se así non o fixese, teráselle por desistido na súa petición e arquivarase o expediente. Isto, cando non se trate da documentación que ten carácter de mínimos e que aparece recollida con tal carácter no artigo 11.4 destas bases reguladoras, en cuxo caso se non se achega, a solicitude inadmitirase sen máis a trámite.

Igual requirimento efectuarase no suposto de resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT); Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS); consellería competente en materia de facenda; Rexistro Mercantil e outros rexistros públicos.

2. Sen prexuízo do establecido no punto anterior, poderá requirirse a solicitante para que achegue aqueles datos, documentos complementarios ou aclaracións que resulten necesarios na tramitación e resolución do procedemento.

3. Logo do informe dos servizos técnico e xurídico, se existe algún elemento de controversia, un comité de avaliación formado pola persoa titular do Departamento de Enerxía, a persoa titular do Área de Aforro e Eficiencia Enerxética e unha persoa técnica do Inega verificarán que o que se achegou é conforme as bases.

Artigo 20. Resolución

1. O procedemento de concesión axustarase ao disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A resolución de concesión da subvención comprenderá a identificación do beneficiario, a contía da subvención, as obrigas dos beneficiarios, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse coa axuda, o Plan financeiro e o calendario de execución, prazo de execución, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección de operacións que debe conter o documento polo que se establecen as condicións da axuda (DECA).

Na resolución de concesión da axuda, cando proceda, informarase sobre o seu carácter de minimis, facendo unha referencia expresa ao Regulamento (UE) 2023/2831, da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro, serie L).

Na resolución denegatoria da axuda farase constar o motivo da denegación.

3. No suposto de ampliación do crédito e ata o límite do crédito dispoñible, concederase, sen necesidade dunha nova convocatoria, a subvención ao solicitante ou solicitantes seguintes na orde de entrada da solicitude.

4. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento será de catro (4) meses, contados desde a data de presentación da solicitude ou, se é o caso, da súa emenda.

Se transcorrese o prazo sen que se ditase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 21. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán crear de oficio o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. Os interesados poderán consultar na aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) e na Carpeta cidadá-A miña sede o estado das súas solicitudes á medida que avanza a tramitación administrativa do expediente e a documentación presentada.

Artigo 22. Réxime de recursos

Contra as resolucións ditadas ao abeiro destas bases poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

1. Recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produzan os efectos do silencio administrativo, ante a persoa titular da Presidencia da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Contra as resolucións de reintegro, recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica se produzan os efectos do silencio administrativo, ante a persoa titular da Dirección da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 23. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión. A persoa beneficiaria deberá achegar toda a documentación que se vexa modificada en relación coa validada ao ditar a resolución de concesión, de forma que a nova documentación achegada será validada polo órgano instrutor co obxecto de verificar co cumprimento do establecido nas presentes bases reguladoras.

2. Cando por circunstancias técnicas sexa imprescindible variar o contido específico dos investimentos recollidos no proxecto inicial, o órgano competente para a concesión da axuda poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, debendo cumprir os requisitos previstos no punto seguinte.

Cando a modificación do proxecto afecte o documento polo que se establecen as condicións da axuda (DECA), o Inega deberá emitir unha resolución de modificación (anexo DECA) que recolla as ditas modificacións e, de ser o caso, os valores estimados dos indicadores de realización.

3. O órgano competente para a concesión da subvención poderá autorizar a modificación da resolución por instancia do beneficiario respectando os seguintes requisitos:

a) Que a modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non suporían a denegación da axuda.

4. As modificacións de proxectos que non se comuniquen con anterioridade á xustificación do investimento, ou aquelas que de xeito previo non acheguen a documentación necesaria para a súa valoración, tramitaranse conxuntamente coa documentación xustificativa do investimento, utilizando o requirimento de emenda de xustificación para completar o expediente. Poderán formalizarse a aceptación da modificación do proxecto e a xustificación deste mediante a resolución de pagamento sempre e cando a modificación do proxecto respecte os requisitos establecidos no punto 3 deste artigo e se achegue toda a documentación da solicitude modificada.

5. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación do proxecto, que poderá ou non afectar os termos da resolución de concesión, será ditado pola Dirección do Inega logo da instrución do correspondente expediente no cal se lle dará audiencia aos interesados.

Artigo 24. Aceptación e renuncia

No caso de que o beneficiario dunha subvención desexe renunciar á axuda concedida para a súa solicitude, deberá enviar un escrito, por medios electrónicos a través da aplicación informática, comunicando este feito co fin de proceder ao arquivamento do expediente.

No caso de que se comunicase a renuncia, ditarase a correspondente resolución que se lle notificará ao interesado por medios electrónicos, de conformidade co procedemento establecido no artigo 21.2 destas bases reguladoras.

Artigo 25. Obrigas das persoas beneficiarias

Son obrigas das persoas beneficiarias, sen prexuízo das demais obrigas que figuran no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

1. Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

2. Xustificar ante o Inega o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o gozo da subvención.

3. Dispoñer da capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal se concede a axuda e garantir a súa sustentabilidade financeira. O Inega verificará o cumprimento desta obriga a través do plan financeiro que deberán presentar os beneficiarios coa solicitude de axuda.

4. Someterse ás actuacións de comprobación e/ou de control financeiro que poidan realizar os distintos órganos de control a nivel autonómico, estatal ou comunitario, en particular, o órgano concedente, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a Intervención Xeral da Administración do Estado, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas ou, en xeral, as verificacións previstas no artigo 74 do RDC que realizará o organismo intermedio, a autoridade de xestión e, se é o caso, os órganos de control da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo, e outras instancias de control como a Oficina de Loita contra a Fraude ou a Fiscalía Europea, tamén ás auditorías do organismo de auditoría do programa operativo ou das distintas instancias comunitarias de control sobre os fondos europeos, achegando canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. Para tal fin, garantirase que todos os documentos xustificativos da operación se conserven durante un prazo de cinco (5) anos a partir do 31 de decembro do ano en que se lle efectúe o último pagamento ao beneficiario (artigo 82 do RDC).

5. Comunicar ao Inega a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e sempre con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

6. Manter o investimento de que se trate para a finalidade e co carácter solicitado por un período mínimo de cinco (5) anos, excepto no caso das empresas beneficiarias que teñan a condición de peme, en que o período de durabilidade poderá reducirse ata os tres (3) anos; o cómputo deses prazos comezará a contar desde o último día de pagamento á persoa beneficiaria (artigo 65 do RDC).

No caso de adquisición, construción, rehabilitación e mellora de bens inscritibles nun rexistro público, a entidade beneficiaria deberá manter os investimentos, durante o período dos 5 anos seguintes ao pagamento final. Ademais, deberá facer constar na escritura esta circunstancia, así como o importe da subvención concedida. Estes aspectos deberán ser obxecto de inscrición no rexistro público correspondente.

Nos contratos de servizos enerxéticos que teñan unha duración inferior a cinco (5) anos terase que achegar un documento asinado polo propietario da instalación en que asume o compromiso de manter o investimento ata que se cumpra este período.

7. Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos correspondentes cos investimentos realizados ao abeiro desta axuda.

8. Comprometerse a evitar os impactos negativos significativos no ambiente na execución das actuacións, respectando o principio de non causar prexuízo significativo (principio Do no significant harm-DNSH), no sentido establecido no artigo 9.4 do RDC. Para tal efecto, a persoa beneficiaria asinará unha declaración responsable segundo o modelo dispoñible na web do Inega http://www.inega.gal/

9. En cumprimento do artigo 15.3 da Lei de 9/2007, de subvencións de Galicia, no caso de promoción ou difusión pública que as persoas beneficiarias realicen da actuación subvencionada por calquera soporte, deberá constar o cofinanciamento con fondos da Xunta de Galicia a través do Instituto Enerxético de Galicia, que se efectuará incorporando de forma visible o símbolo e logotipo da Xunta de Galicia, do Feder e do Inega.

10. En relación coa publicidade do financiamento, de conformidade co previsto no artigo 50.1 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño (DOUE do 30 de xuño, L 231), a persoa beneficiaria deberá:

a) No seu sitio web oficial, cando o dito sitio web exista, e nas súas contas nas redes sociais, fará unha breve descrición da operación, de xeito proporcionado en relación co nivel de axuda, cos seus obxectivos e resultados, destacando a axuda financeira da Unión Europea.

b) Nos documentos e materiais de comunicación destinados ao público e relacionados coa execución da actuación, proporcionará unha declaración que destaque a axuda da Unión Europea de xeito visible.

c) Exhibirá nun lugar ben visible para o público polo menos un cartel de tamaño mínimo A3 ou unha pantalla electrónica equivalente con información sobre a actuación onde se destaque a axuda dos fondos europeos; nos casos en que o beneficiario sexa unha persoa física, asegurará, na medida do posible, a dispoñibilidade de información adecuada onde se destaque a axuda dos fondos europeos, nun lugar visible para o público ou mediante unha pantalla electrónica.

d) Para operacións que consistan na realización de investimentos físicos e/ou compra de equipos de máis de 500.000 euros de custo total, en lugar do previsto na letra c), o beneficiario, tan pronto como comecen e durante a toda a súa execución, colocará unha placa ou valado publicitario resistente nun lugar ben visible para o público, no cal figurará o emblema da Unión Europea e a declaración de cofinanciamento, de conformidade coas características técnicas que figuran no anexo IX do RDC.

Cando varias actuacións teñan lugar na mesma localización, só é preciso colocar un cartel ou placa.

Durante o período de obrigatoriedade de conservación da documentación, o beneficiario deberá conservar, preferentemente en formato dixital, unha copia de todos os materiais de comunicación e publicidade que elabore no marco da actuación. Este material deberá ser posto a disposición do organismo intermedio ou das institucións da Unión Europea, se así llo solicitan.

O beneficiario deberá respectar, en todo momento, as orientacións recollidas no documento de uso do emblema europeo (https://commission.europa.eu/system/files/2021-05/eu-emblem-rules_es.pdf) e as características técnicas descritas no anexo IX do Regulamento (UE) 2021/1060.

O Inega facilitaralles modelos aos beneficiarios a través da súa páxina web.

11. Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

12. A aceptación da axuda cofinanciada con fondos Feder implica a aceptación da inclusión das entidades beneficiarias na lista de operacións que se publicará no portal da Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Facenda e Función Pública co contido previsto no punto 3 do artigo 49 do Regulamento (UE) nº 2021/1060.

13. Cumprir a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións, así como a normativa vixente sobre accesibilidade de persoas con discapacidade.

14. O Inega realizará consultas sobre datos de titularidade real das empresas beneficiarias no rexistro habilitado a tal efecto a nivel estatal. O beneficiario estará obrigado a facilitar os datos do titular real dos perceptores de financiamento da unión, no caso de que, requirida a dita información, as autoridades competentes, non poida dispoñer dela.

15. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

16. No caso de que algunha das entidades beneficiarias estea suxeita ao ámbito subxectivo de aplicación da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, deberá respectar, no que proceda, a normativa de contratación pública na adquisición dos bens e servizos obxecto da axuda.

17. Debido a que a presente convocatoria de axudas está incluída nun tipo de acción que inclúe operacións catalogadas de importancia estratéxica suxeitas á obrigación de realizar unha actividade ou acto de comunicación coa participación da Comisión Europea e da autoridade de xestión, no caso de que algunha operación concreta fose seleccionada como operación relevante desde o punto de vista estratéxico, as entidades beneficiarias afectadas deberán colaborar co Inega que coordinará estas accións de comunicación e informará as entidades beneficiarias do momento e condicións en que debe realizarse a dita actividade ou acto.

Artigo 26. Subcontratación

Permitirase que o beneficiario subcontrate con terceiros a execución de ata o 100 % da actuación que se subvenciona nos termos recollidos no artigo 27 e concordantes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Para tal fin, deberanse ter en conta os requisitos recollidos no parágrafo terceiro deste artigo nos casos en que a actividade subcontratada con terceiros supere o 20 por cento e o dito importe sexa superior aos 60.000 €.

Artigo 27. Prazo para a execución da instalación

A data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 15 de setembro de 2027.

Artigo 28. Xustificación da subvención

1. A documentación correspondente á xustificación do investimento realizado presentarase de forma electrónica a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).

2. Tal e como dispón o artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións de Galicia, cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables nas xustificacións presentadas polos beneficiarios, porao no seu coñecemento e concederalle un prazo de dez (10) días para a súa corrección. Os requirimentos de emenda serán notificados tal e como se establece no artigo 21 destas bases reguladoras.

Igual requirimento se efectuará por parte do Inega no suposto de resultado negativo da consulta cos seguintes organismos: Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), Tesouraría Xeral da Seguridade Social e Consellería de Facenda e Administración Pública, así como a verificación do DNI do solicitante (persoa física), CIF o NIF do solicitante (persoa xurídica) e NIF do representante da persoa xurídica.

3. No suposto de que transcorrese o prazo establecido para a xustificación sen terse presentado ningunha documentación, requirirase igualmente o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez (10) días hábiles a presente.

A presentación da xustificación no prazo adicional de dez (10) días non eximirá das sancións que, conforme a lei, correspondan.

Artigo 29. Documentación xustificativa da subvención

1. Para o cobramento da subvención concedida o beneficiario deberá xustificar previamente o investimento que lle supuxo executar o proxecto ou actuación subvencionada. Todos os investimentos deberán estar plenamente realizados, na data límite de xustificación do proxecto.

2. Para o cobramento da subvención concedida, o beneficiario deberá presentar, toda a documentación que se sinala neste artigo e solicitará o pagamento mediante a presentación do anexo III, que se xunta a título informativo. Este anexo deberá presentarse a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal// ou ben desde a páxina web do Inega (https://www.inega.gal).

3. Documentación xustificativa que se ten que presentar xunto coa solicitude de pagamento:

a) Conta xustificativa composta de facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa pagados, en orixinal ou copias auténticas electrónicas. Os gastos aparecerán desagregados por conceptos ou unidades de obra.

No suposto de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase anexar unha relación de elas, asinada polo representante legal.

No caso de entidades públicas presentaranse facturas orixinais ou facturas electrónicas rexistradas no Punto xeral de entrada de facturas electrónicas da Administración xeral do Estado (FACE) ou plataforma similar.

Cando o beneficiario non dispoña de facturas electrónicas para a xustificación da subvención, deberá achegar unha copia auténtica electrónica dos documentos orixinais en papel, de acordo cos procedementos que establece a normativa vixente.

A expedición das facturas e o seu contido axustarase ao disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento das obrigas de facturación.

Non se admitirán supostos de autofacturación (facturas emitidas polo propio beneficiario da subvención).

Os provedores non poderán estar vinculados co organismo solicitante ou coa empresa beneficiaria final, ou cos seus órganos directivos ou xestores.

Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas os seguintes:

1º. Xustificante bancario (transferencia bancaria, certificación bancaria, xustificante bancario de ingreso efectivo polo portelo), no cal conste: o titular da conta desde a que se realiza a operación ou persoa que realiza o ingreso efectivo, que debe coincidir en todo caso coa persoa beneficiaria da subvención, receptor do pagamento (empresa ou autónomo) e número da factura obxecto de pagamento. Cando o beneficiario pida financiamento para o pagamento da actuación, aceptarase o pagamento directo da entidade financeira ao provedor sempre e cando se achegue o contrato de financiamento para garantir a rastrexabilidade do pagamento.

2º. Efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado (cheque, obriga de pagamento, letra de cambio): achegarase copia do efecto mercantil xunto coa documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto, etc.) na cal conste claramente que o efecto foi efectivamente cargado na conta do beneficiario dentro do prazo de xustificación.

No caso de que non quede acreditado o concepto do gasto, deberá achegar, ademais, xustificante de recepción asinado e selado polo provedor en que se especifique o número de factura pagada, número e data do cheque e NIF e nome da persoa receptora do cobramento.

Tanto no caso do cheque nominativo como de obriga de pagamento, para efectos da data de pagamento, estimarase a data de cargo na conta do extracto bancario. En ningún caso se estimará como data de pagamento efectivo a entrega do cheque ao provedor.

Non se admitirán en ningún caso como xustificante os documentos acreditativos de pagamentos en metálico, nin os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou se non dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

A data dos xustificantes de gasto e do pagamento debe ser posterior á data de solicitude da axuda e terá como límite para a súa validez e admisión o último día do prazo de xustificación previsto no artigo 27.

Os gastos subvencionables en que incorrese a empresa nas súas operacións comerciais deberán ser aboados nos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial que lle sexa de aplicación ou, na súa falta, nos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.

En ningún caso poderá concertar o beneficiario a execución total ou parcial das actividades subvencionadas nos supostos recollidos nas alíneas a), b) e c) do artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura á cal se imputa o pagamento.

b) Declaración expresa por parte do beneficiario de que o proxecto foi executado conforme o indicado na solicitude e na documentación inicial ou indicando os cambios acontecidos, que o proxecto se axusta á normativa vixente e se obtiveron todos os permisos e autorizacións necesarias para a súa execución. Na páxina web do Inega (www.inega.gal) estará dispoñible o modelo de declaración a que se refire este punto.

De existir modificacións no proxecto, deberase indicar no informe técnico da actuación realizada e achegar a documentación técnica presentada coa solicitude que se vexa afectada polas modificacións.

c) Informe técnico da actuación realizada, segundo o modelo dispoñible na páxina web do Inega (www.inega.gal).

d) Documentación que acredite a existencia dunha contabilidade separada ou diferenciada para todas as transaccións relacionadas. Achegarase a documentación xustificativa que corresponda.

e) Certificado do instalador/provedor en que se indique a data de finalización da instalación/actuación subvencionada asinado polo técnico competente; en todo caso, a data de finalización da obra/actuación debe estar comprendida dentro do período de xustificación.

f) Nos casos en que proceda, xustificante de solicitude de inscrición no rexistro correspondente da consellería competente en materia de industria no cal se recolla tanto a identificación do titular da instalación como o código de acceso, para ter a posibilidade de verificación se fose necesario.

g) Sempre que sexa obrigatorio, o beneficiario da axuda deberá contar coa autorización emitida pola consellería competente en materia de industria para a posta en servizo da instalación. No caso de que aínda non se obtivese a autorización, deberá acreditar documentalmente a súa solicitude.

h) Memoria técnica de xustificación da publicidade de fondos Feder, segundo o modelo dispoñible na páxina web do Inega (www.inega.gal).

i) Fotografías dos equipamentos principais instalados no lugar (realizadas desde os mesmos puntos que as fotografías presentadas na solicitude), incluíndo, cando proceda, a placa de características técnicas dos equipamentos.

j) Declaración responsable do principio de non causar prexuízo significativo ao ambiente (principio Do no significant harm-DNSH) a ningún dos obxectivos ambientais establecidos no Regulamento (UE) nº 2020/852.

k) Documentación acreditativa, naqueles proxectos sometidos á avaliación ambiental, do cumprimento da tramitación preceptiva.

l) No caso de actuacións específicas de iluminación, deberase presentar un certificado asinado por un técnico cualificado en que se relacionen as estancias reformadas (coa mesma estrutura utilizada no documento Memoria técnica PAE_ILU), o seu uso, e se declare que tras as medicións realizadas se constata o cumprimento dos requisitos que se definen na Norma UNE-EN 12464 (Iluminación. Iluminación nos lugares de traballo) e na Guía técnica para a avaliación e prevención de riscos relativos á utilización de lugares de traballo, se é o caso.

m) Para o caso de proxectos que requiran da realización de obra civil, deberán achegarse:

1º. Certificados de xestión de residuos de construción e demolición con destino á reutilización, reciclaxe e recuperación expedidos polos xestores de destino como xustificación da entrega, incluídos os códigos da Listaxe europea de residuos (LER) e a porcentaxe de valorización acadada.

2º. Certificado da empresa contratista conforme para a execución da obra non se utilizou amianto nin substancias moi preocupantes identificadas a partir da listaxe de substancias suxeitas á autorización que figura no anexo XIV do Regulamento (CE) 1907/2066.

4. Sempre e cando a persoa beneficiaria presente o xustificante de ter solicitado licenza, autorización administrativa ou inscrición no rexistro correspondente dentro do prazo máximo de execución, pero non dispoña da licenza, autorización administrativa ou inscrición no rexistro debido a circunstancias que non lle resulten imputables que deberá xustificar nunha memoria, o Inega poderá outorgar un prazo adicional para cumprir eses requisitos. De non presentar os ditos documentos dentro do prazo concedido, procederá o reintegro da axuda.

5. Con carácter xeral, a documentación presentada permitirá ao Inega medir os indicadores de resultado asociado a estas bases reguladoras, que son o RCR26 Consumo anual primario de enerxía (MWh/ano) e o RCR29 Emisións de gases de efecto invernadoiro (estimadas en toneladas de CO2 eq./ano).

Artigo 30. Pagamento das axudas

1. Os beneficiarios poderán solicitar un anticipo de ata o 50 % do importe da subvención. No caso dos anticipos exonerados de constituír garantía, recollidos no artigo 65.4 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, entre os que figuran: aqueles en que os pagamentos non superen os 18.000 € e os formulados por entidades dependentes da Administración, poderase solicitar o anticipo directamente no formulario de solicitude e resolverase conxuntamente coa solicitude. No caso de anticipos non exonerados de constituír garantía, seguirase o procedemento ordinario recollido no seguinte epígrafe.

2. Os beneficiarios interesados en solicitar un anticipo que non estean exonerados de constituír garantía de ata o 50 % do importe da subvención concedida, poderano solicitar no prazo máximo dun mes contado desde a data de notificación da resolución de concesión da axuda. A súa concesión supeditarase á constitución, con carácter previo ao pagamento, dunha garantía bancaria nos termos previstos no artigo 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que deberá cubrir o 110 % da cantidade que se vai aboar.

A presentación da garantía realizarase ante o órgano concedente no prazo de quince (15) días a partir da notificación da resolución de concesión do anticipo. Este prazo poderá ser ampliado cando concorran circunstancias que dificulten a súa formalización.

A presentación da garantía terá validez ata que o Inega autorice a súa cancelación, unha vez que o beneficiario da axuda acredite a realización e o pagamento dos investimentos e o cumprimento dos obxectivos e das condicións estipulados na resolución de concesión da axuda.

3. Os órganos competentes do Inega poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presentase, poderase entender que renuncia á subvención.

4. No caso de que o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto e sempre que isto non supoña unha realización deficiente do proxecto, a contía da subvención poderá reducirse proporcionalmente se debido á redución do investimento se superan as porcentaxes máximas de subvención.

5. Previamente á proposta de pagamento, e sempre que se trate de subvencións de capital cun importe superior a 60.000 euros, os servizos técnicos do Inega realizarán unha inspección de comprobación material en que certifiquen que se realizou o investimento que foi obxecto da axuda e que tal investimento coincide co previsto na resolución de concesión.

Artigo 31. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar a devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Incumprimento dos proxectos:

a) Incumprimento total. Se o beneficiario xustifica conceptos, partidas e/ou elementos subvencionables aprobados que representen menos do 60 % do importe total do investimento subvencionable, entenderase que non acadou os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, perderá o dereito de cobramento da subvención.

b) Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou as condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, poderá apreciarse un incumprimento parcial, e deberase resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecerase a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

i. No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos subvencionables deixados de practicar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables, e deberanse, se é o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. En particular, unha execución por baixo do 60 % da base subvencionable aprobada considerarase un incumprimento total.

ii. Non manter a publicidade ao financiamento do proxecto, de acordo co establecido no artigo 25.10 destas bases suporá o reintegro dun máximo do 3 % da subvención concedida.

iii. Non manter un sistema de contabilidade separado ou código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais de contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados, co Feder, suporá o reintegro dun máximo do 2 % da subvención concedida.

iv. No período de mantemento dos investimentos, procederá a incoación dun procedemento de reintegro no suposto de non manter os investimentos obxecto da subvención durante o período establecido, o que suporá o reintegro da subvención correspondente ao activo non mantido, de forma proporcional ao período en que se incumprise este requisito.

4. Procederá a perda total do dereito ao cobramento da axuda concedida, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:

a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.

b) Non xustificar ante o Inega o cumprimento dos requisitos e das condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o gozo da subvención.

c) Non permitir someterse ás actuacións de comprobación e/ou control financeiro que poidan realizar os distintos órganos de control a nivel autonómico, estatal ou comunitario, en particular, ás verificacións previstas no artigo 74 do RDC, ás auditorías do organismo de auditoría do programa operativo ou das distintas instancias comunitarias de control sobre os fondos europeos, achegando canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. Para tal fin, garantirase que todos os documentos xustificativos da operación se conserven durante un prazo de cinco (5) anos a partir do 31 de decembro do ano en que se efectúe o último pagamento ao beneficiario (artigo 82 do RDC).

d) Non acreditar estar ao día nas obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma.

e) Non comunicar ao Inega a obtención doutras subvencións e axudas que financien as actividades subvencionadas.

f) Non comunicar ao Inega a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención.

g) Non dar publicidade ao financiamento do proxecto (ausencia total de publicidade) nos termos exixidos no artigo 25.10 destas bases reguladoras.

5. No caso de condicións que constitúan obrigas que o beneficiario debe acreditar en fase de xustificación (obrigas de publicidade, comunicación doutras axudas, etc), estas deberán xustificarse en todo caso para poder proceder ao pagamento da subvención, polo que a gradación fixada neste punto só resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso en que se detecten en controis posteriores ao pagamento dalgún incumprimento relativo a esas obrigas.

Artigo 32. Réxime de sancións

Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases aplicaráselles o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 33. Fiscalización e control

1. Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de comprobación e/ou control financeiro que poidan realizar os distintos órganos de control a nivel autonómico, estatal ou comunitario, en particular, ás verificacións previstas no artigo 74 do RDC, ás auditorías do organismo de auditoría do programa operativo ou das distintas instancias comunitarias de control sobre os fondos europeos, achegando canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. Para tal fin, garantirase que todos os documentos xustificativos da operación se conserven durante un prazo de cinco (5) anos a partir do 31 de decembro do ano en que se efectúe o último pagamento ao beneficiario (artigo 82 do RDC).

2. Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer eses feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto neste enderezo:

https://www.igae.pap.hacienda.gob.es/sitios/igae/es-ES/Paginas/denan.aspx

Artigo 34. Comprobación de subvencións

1. As subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras serán incompatibles con outras axudas ou subvencións destinadas á mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

2. Para todo o non previsto no punto anterior, será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos artigos 57 e seguintes do seu regulamento.

3. O Inega realizará comprobacións sobre aqueles aspectos declarados polos beneficiarios no relativo ao tamaño da empresa e a consideración como empresa en crise, así como sobre vinculacións entre empresas e/ou provedores.

4. Para evitar o dobre financiamento, o Inega realizará a comprobación, na Base de datos nacional de subvencións, da non concorrencia doutras axudas concedidas e/ou solicitadas polas empresas beneficiarias para a mesma finalidade.

Artigo 35. Remisión normativa

1. As subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras rexeranse, entre outras, polas seguintes normas:

a) Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE 2831, do 15 de decembro).

b) Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE L 187, do 26 de xuño).

c) Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, Fondo Social Europeo Plus, Fondo de Cohexión, Fondo de Transición Xusta e Fondo Europeo Marítimo, de Pesa e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e a Política de Visados (DOUE L 231, do 30 de xuño).

d) Regulamento (UE) nº 2021/1058 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e ao Fondo de Cohesión (DOUE L 231, de 30 de xuño de 2021).

e) Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos).

f) Orde HFP /1414/2023, do 27 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas financiados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Fondo de Transición Xusta para o período 2021-2027.

g) Ademais, será de aplicación o cumprimento da normativa ambiental aplicable, particularmente o establecido no artigo 17 do Regulamento 2020/852 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xuño, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sustentables, que regula o principio de non causar un prexuízo significativo ao ambiente (principio Do no significant harm-DNSH), así como a súa normativa de desenvolvemento e execución.

2. Así mesmo, rexeranse pola normativa aplicable ás axudas e subvencións na Comunidade Autónoma, en particular a seguinte:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

e) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

f) Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2025

Pablo Fernández Vila
Director do Instituto Enerxético de Galicia

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file