O Decreto 146/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, establece que lle corresponde á Dirección Xeral de Xuventude, entre outras, a xestión das actuacións en materia de xuventude, así como as políticas xuvenís de carácter interdepartamental e de apoio ao desenvolvemento da actividade xuvenil, e o fomento da participación da mocidade na vida social.
A Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia, sinala no seu artigo 10 que a Xunta de Galicia facilitará os procesos de autonomía persoal da xuventude, desenvolvendo políticas transversais que favorezan o acceso da xente nova a unha vivenda digna. No seu preámbulo e no seu artigo 1 establécese que terán a consideración de persoas novas as que teñen idades comprendidas entre os 14 e os 30 anos, ambos incluídos, ben que permite que desde a Dirección Xeral de Xuventude se poidan adoptar programas ou actuacións dirixidos a mozos e mozas dun rango diferente de idade, polas súas especiais características. Así mesmo, a Lei 5/2021, do 2 de febreiro, de impulso demográfico de Galicia, sinala no seu artigo 11 que as administracións públicas de Galicia considerarán prioritarias para o impulso demográfico as políticas que faciliten a emancipación da mocidade con programas específicos que promovan o seu acceso a empregos estables e de calidade e para o acceso á vivenda.
Nun contexto de escaseza de oferta de vivenda e, por conseguinte, de prezos altos tanto para a adquisición de vivenda como para o alugueiro, consciente das dificultades que atopan os mozos e mozas á hora de independizarse nunha vivenda de seu, é unha prioridade da Xunta de Galicia en xeral, e da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude en particular, establecer os mecanismos axeitados para favorecer a emancipación da mocidade non só con axudas para a adquisición ou alugamento de vivenda, senón tamén con incentivos para afrontar outros gastos derivados desa emancipación, con apoio no principio de transversalidade que debe informar todas as políticas de xuventude.
Co obxecto de complementar as medidas de promoción de acceso a unha vivenda, e sobre a base da necesidade de establecer apoios que incentiven a busca dun proxecto de autonomía persoal na mocidade, que cada vez se realizan con máis atraso debido a diferentes motivos de tipo socioeconómico, nace a iniciativa do Bono emancípate co propósito de impulsar a xente nova traballadora menor de 36 anos a dar o paso cara a emancipación, e apoiala nesta decisión de tanta relevancia para o seu proxecto de vida. Con este obxectivo, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude publicará unha orde co obxecto de establecer os requisitos e o procedemento de concesión dunha axuda económica para as persoas mozas traballadoras que adquiran ou aluguen unha vivenda, a través do Bono emancípate, para contribuír a sufragar os gastos derivados da súa emancipación nunha vivenda distinta da dos seus proxenitores, que non sexan os do prezo de adquisición ou da renda de alugueiro, como son os derivados da adquisición de mobiliario e artigos de decoración en xeral, electrodomésticos, enxoval de cociña e baño e téxtil de fogar. Este bono, incorporado como crédito nunha tarxeta virtual, poderá ser utilizado en establecementos de venda de mobiliario, de electrodomésticos, tendas de decoración e outros establecementos especializados e grandes superficies.
A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, prevé a posibilidade de contar con entidades colaboradoras no procedemento de xestión e pagamento de axudas públicas. Neste sentido, o seu artigo 9 establece que será entidade colaboradora aquela que, actuando en nome e por conta do órgano concedente para todos os efectos relacionados coa subvención, entregue e distribúa os fondos públicos ás persoas beneficiarias cando así se estableza nunhas bases reguladoras ou colabore na xestión da subvención.
Así mesmo, o artigo 13.4 da mesma lei dispón que cando as entidades colaboradoras sexan persoas suxeitas a dereito privado, seleccionaranse previamente mediante un procedemento sometido aos principios de publicidade, concorrencia, igualdade e non discriminación e a colaboración formalizarase mediante un convenio, salvo que polo obxecto da colaboración resulte de aplicación plena a Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014.
A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude en materia de xestión das actuacións en materia de xuventude, participación e voluntariado, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,
DISPOÑO:
Artigo 1. Convocatoria
Convócase o procedemento para a selección da entidade colaboradora que participará na entrega e distribución das axudas económicas que se farán efectivas a través do Bono Emancípate, de acordo coa orde da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude pola que se estableza o procedemento de concesión deste (código de procedemento CT501A).
Artigo 2. Obxecto da colaboración
O obxecto da colaboración é a entrega e a distribución das axudas do programa de apoio ás persoas mozas traballadoras que aluguen ou adquiran en propiedade unha vivenda, para contribuír a sufragar os gastos derivados da súa emancipación nunha vivenda distinta da das súas persoas proxenitoras, que non sexan os do prezo de adquisición ou da renda de alugueiro, como son os derivados da adquisición de mobiliario e artigos de decoración en xeral, electrodomésticos, enxoval de cociña e baño e téxtil de fogar, en virtude do Bono Emancípate, que se farán efectivas a través dunha tarxeta virtual que só poderá ser utilizada en establecementos de venda de mobiliario, de electrodomésticos, tendas de decoración e outros establecementos especializados e grandes superficies, que teñan establecemento aberto no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, para os gastos que se fixen na correspondente orde de convocatoria. Esta tarxeta non poderá ser utilizada en compras a distancia.
Para estes efectos, subscribirase o oportuno convenio de colaboración coa Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, segundo o modelo que figura como anexo I desta orde.
Artigo 3. Requisitos e condicións de solvencia
Poderán ser entidades colaboradoras as entidades financeiras privadas con personalidade xurídica e plena capacidade de obrar, validamente constituídas, que cumpran os seguintes requisitos:
– Ter oficinas comerciais abertas, cando menos, nos concellos de máis de 20.000 habitantes das catro provincias galegas.
– Ter colaborado na xestión financeira da Xunta de Galicia nos últimos dous anos.
Artigo 4. Prazo de duración
O prazo de duración da colaboración estenderase desde o momento da sinatura do correspondente convenio ata o 31 de decembro de 2026.
O convenio poderá ser prorrogado dentro dos límites establecidos no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.
Artigo 5. Obrigas e compromisos da entidade colaboradora
Son obrigas da entidade colaboradora, sen prexuízo do disposto no artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:
1. Estar ao día no pagamento das obrigas coa Facenda pública do Estado e a Administración autonómica, así como coa Seguridade Social.
2. Someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro dos órganos competentes da Administración autonómica, estatal e comunitaria no exercicio das súas funcións.
3. Cumprir cos criterios e as obrigas establecidas no convenio subscrito coa Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, segundo o modelo que figura no anexo I.
4. Facilitar un soporte de tarxeta financeira virtual interoperativa en calquera dos establecementos de venda de mobiliario, de electrodomésticos, tendas de decoración e outros establecementos especializados e grandes superficies, que teñan establecemento aberto no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, en que se incorpore o importe da axuda concedida, segundo os casos.
5. Permitir que todas as persoas que lle comunique a Xunta de Galicia sexan titulares das correspondentes tarxetas sen ningún requisito a maiores e con independencia de que sexan ou non clientes/as da entidade.
6. Habilitar un proceso de activación das tarxetas virtuais que permita á Xunta de Galicia ordenar a súa emisión mediante un sistema automatizado de envío/recepción de ficheiros.
7. Establecer un deseño da tarxeta virtual acorde cos requirimentos de imaxe que a Xunta de Galicia defina.
8. Remitirlle á Dirección Xeral de Xuventude, por medios electrónicos, os documentos en que figure o sistema de enlace que se estableza, onde as persoas beneficiarias poden descargar as tarxetas cargadas cos importes recoñecidos ás persoas mozas beneficiarias, con instrucións para a súa activación e información das condicións de uso.
9. Ter operativas unha plataforma e/ou aplicacións informáticas que permitan realizar o seguimento dos consumos con cargo ás tarxetas, habilitando o procedemento operativo con anterioridade ao remate do prazo para formular solicitudes que se indique na correspondente orde de convocatoria da axuda.
10. Permitir unha parametrización de comercios/sectores de actividade en que se admite a operatividade da tarxeta con independencia da entidade financeira con que os establecementos comerciais teñan contratado o seu servizo de pagamentos.
11. Habilitar un sistema seguro de activación de tarxetas válido para todas as persoas beneficiarias da subvención, con máis dunha canle de acceso.
12. Facilitar canles que permitan ás persoas titulares da tarxeta acceder á consulta dos movementos e do saldo remanente nela en cada momento.
13. Habilitar a Xunta de Galicia para que esta poida recuperar os fondos residuais das tarxetas cando proceda en cumprimento das bases reguladoras da subvención.
14. Utilizar a imaxe do programa definida pola Dirección Xeral de Xuventude en todos os soportes físicos e dixitais.
15. Xestionar, controlar e supervisar o correcto destino dos fondos depositados na conta para o programa e, de ser o caso, coas instrucións específicas dadas pola Dirección Xeral de Xuventude.
16. Informar do saldo dispoñible dos bonos logo de alcanzada a súa data de caducidade ou no fin do programa coa finalidade de realizar o reembolso dese saldo, de ser o caso, á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
17. Comunicar á Dirección Xeral de Xuventude, a través do correspondente ficheiro, as operacións de liquidacións e transferencias de aboamento realizadas, cunha periodicidade semanal.
18. Reintegrar os fondos públicos no suposto de incumprimento dos requisitos e das obrigas establecidas para a concesión da subvención e, en todo caso, nos supostos regulados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
19. Deberase manter a xestión das bases de datos do programa á marxe das bases de datos da clientela da entidade financeira, e non se poderán utilizar para ningún fin distinto da propia administración e xestión dos bonos.
20. Conservar a documentación relacionada coa axuda durante un período de dous anos desde a sinatura do convenio de colaboración.
21. Xustificar a entrega dos fondos percibidos ante o órgano concedente da subvención antes do remate do prazo de vixencia deste convenio.
22. Cumprir, en materia de protección de datos, o Regulamento (UE) núm. 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos, a Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e as demais disposicións vixentes sobre a materia.
23. Deixar clara constancia nos seus rexistros contables e así facilitar a axeitada xustificación da subvención e a comprobación do cumprimento das condicións establecidas, de acordo co disposto no artigo 13.2.j) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 6. Criterios de selección da entidade colaboradora
Os criterios obxectivos que servirán de base para a adxudicación deste procedemento de selección son os seguintes:
• Proposta técnica que describa coa amplitude e detalle precisos todos os elementos necesarios para a articulación da colaboración solicitada: ata 70 puntos.
• Memoria xustificativa do número e cobertura das canles habilitadas para lles facilitar ás persoas usuarias tanto a utilización das súas tarxetas (con especial incidencia respecto do número de oficinas comerciais, caixeiros automáticos e TPV instalados, así como a súa distribución ao longo dos diferentes concellos galegos) como o acceso á información relativa a elas (ata 30 puntos).
Artigo 7. Lugar, forma e prazo de presentación das solicitudes
As solicitudes, dirixidas á Dirección Xeral de Xuventude, presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, segundo o modelo que se inclúe como anexo II desta orde.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
O prazo máximo de presentación das solicitudes será de sete días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Artigo 8. Documentación complementaria
As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
– Escritura de constitución/modificación.
– Poder acreditativo da representación da persoa que asina a solicitude de participación.
– Proposta técnica, memoria e toda a documentación que, a xuízo da entidade solicitante, permita á Administración valorar a solicitude conforme os criterios obxectivos fixados no artigo 6 desta orde.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.
A documentación complementaria deberase presentar electronicamente.
Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
Artigo 9. Comprobación de datos
Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a entidade interesada se opoña á súa consulta:
1. NIF da entidade solicitante.
2. DNI/NIE da persoa representante.
3. Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.
4. Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
5. Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
No caso de que as entidades interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da entidade interesada para realizar a consulta.
Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 10. Comisión de Valoración
1. A Comisión de Valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo 6 desta orde.
2. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:
• Presidente/a: a persoa titular da Subdirección Xeral do Instituto da Xuventude de Galicia.
• Vogais:
– A persoa titular da xefatura do Servizo de Actividades para a Xuventude.
– A persoa titular da xefatura do Servizo de Participación Xuvenil e Escola Galega de Xuventude.
– Unha persoa funcionaria da Dirección Xeral de Xuventude, que fará as funcións de secretaría.
3. O funcionamento da Comisión de Valoración rexerase polo establecido para os órganos colexiados na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
Artigo 11. Resolución
O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ás entidades interesadas será de quince (15) días naturais contados a partir do día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes.
Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, as entidades interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co disposto no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 12. Notificacións
As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás entidades interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as entidades interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as entidades interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 14. Órganos competentes
A Dirección Xeral de Xuventude será o órgano competente para a instrución deste procedemento, así como para realizar a proposta de resolución, e corresponderá á persoa titular da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ditar a resolución que corresponda, sen prexuízo da delegación noutros órganos.
Artigo 15. Transparencia e bo goberno
Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, á que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude
P.D. (Orde do 28.6.2024, DOG núm. 130, do 5 de xullo)
Elvira Mª Casal García
Secretaria xeral técnica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
ANEXO I
Convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
e xxxx para a entrega e distribución dos fondos das axudas do programa
Bono Emancípate
Santiago de Compostela, ... de ... de 2026
REUNIDOS:
Dunha parte:
José López Campos, conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, nomeado para o dito cargo polo Decreto 44/2024, do 14 de abril, polo que se nomean os titulares das consellerías da Xunta de Galicia, actuando no exercicio das competencias que ten atribuídas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta de Galicia e da súa Presidencia.
Doutra parte:
..., con DNI..., actuando en nome e representación de..., na súa condición de..., en virtude das facultades emanadas de....
Ambas as dúas partes interveñen no nome e representación das súas respectivas institucións no exercicio das competencias que lles están legalmente atribuídas, e recoñécense mutua e reciprocamente capacidade para obrigarse mediante o presente convenio nos termos que nel se conteñen e, para o efecto,
MANIFESTAN:
Primeiro. A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude vai convocar o programa Bono Emancípate coa finalidade de impulsar a xente nova traballadora menor de 36 anos a dar o paso cara a emancipación, e apoiala nesta decisión de tanta relevancia para o seu proxecto de vida. Con este obxectivo, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude publicará unha orde co obxecto de establecer os requisitos e o procedemento de concesión dunha axuda económica para as persoas mozas traballadoras que aluguen ou adquiran en propiedade unha vivenda, para contribuír a sufragar os gastos derivados da súa emancipación nunha vivenda distinta da das súas persoas proxenitoras, que non sexan os do prezo de adquisición ou da renda de alugueiro, como son os derivados da adquisición de mobiliario e artigos de decoración en xeral, electrodomésticos, enxoval de cociña e baño e téxtil de fogar, en virtude do Bono Emancípate, que se farán efectivas a través dunha tarxeta virtual que só poderá ser utilizada en establecementos de venda de mobiliario, de electrodomésticos, tendas de decoración e outros establecementos especializados e grandes superficies que teñan establecemento aberto no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, para os gastos que se fixen na correspondente orde de convocatoria.
A axuda farase efectiva a través da tarxeta moedeiro virtual Bono Emancípate, que se expedirá a nome da persoa solicitante. Esta tarxeta non poderá ser utilizada en compras a distancia.
Segundo. A entidade xxxxxx, conforme a Orde da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude do 23 de decembro de 2025, resultou seleccionada como entidade financeira colaboradora na entrega e distribución dos fondos do programa Bono Emancípate.
Terceiro. Ambas as partes, por razóns de eficacia na xestión e co fin de conseguir unha mellor prestación dos servizos ás persoas beneficiarias das axudas, e de conformidade cos artigos 9 e 13 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, acordan subscribir o presente convenio de colaboración de acordo coas seguintes
CLÁUSULAS:
Primeira. Obxecto da colaboración
Constitúe o obxecto deste convenio establecer o marco da colaboración entre as partes asinantes para a xestión e distribución dos fondos das axudas económicas que se van convocar no marco do programa Bono Emancípate coa finalidade de impulsar a xente nova traballadora menor de 36 anos a dar o paso cara a emancipación, e apoiala nesta decisión de tanta relevancia para o seu proxecto de vida.
Segunda. Entidade colaboradora
xxxxxx é unha entidade colaboradora que cumpre cos artigos 3 e 6 da orde pola que se convoca o procedemento de concorrencia para a selección dunha entidade colaboradora para a entrega e distribución dos fondos das axudas do programa Bono Emancípate (código de procedemento CT501A).
Terceira. Obrigas da entidade colaboradora
A entidade colaboradora, sen prexuízo do disposto no artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e do establecido na orde pola que se convoca o procedemento de concorrencia para a selección dunha entidade colaboradora para a entrega e distribución dos fondos das axudas do programa Bono Emancípate, obrígase ao seguinte:
1. Facilitar un soporte de tarxeta financeira virtual interoperativa en calquera dos establecementos de venda de mobiliario, de electrodomésticos, tendas de decoración e outros establecementos especializados e grandes superficies que teñan establecemento aberto no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, en que se incorpore o importe da axuda concedida, segundo os casos.
2. Permitir que todas as persoas que lle comunique a Xunta de Galicia sexan titulares das correspondentes tarxetas sen ningún requisito a maiores e con independencia de que sexan ou non clientes/as da entidade.
3. Habilitar un proceso de activación das tarxetas virtuais que permita á Xunta de Galicia ordenar a súa emisión mediante un sistema automatizado de envío/recepción de ficheiros.
4. Establecer un deseño da tarxeta virtual acorde cos requirimentos de imaxe que a Xunta de Galicia defina.
5. Remitir os documentos en que figure o sistema de enlace que se estableza, onde as persoas beneficiarias poden descargar as tarxetas cargadas cos importes recoñecidos ás persoas mozas beneficiarias, con instrucións para a súa activación e información das condicións de uso, coa gráfica e contido que a Xunta de Galicia decida e respectando a orde indicada nos ficheiros de solicitude, no prazo de 4 días hábiles desde a recepción da solicitude da Dirección Xeral de Xuventude coa lista de persoas beneficiarias.
6. Facilitar á consellería un ficheiro de resposta ás solicitudes de emisión habilitado de xeito que se permita a identificación e xestión independente de cada solicitante.
7. Cargar os fondos entregados pola Xunta de Galicia na tarxeta nun prazo máximo de dous (2) días hábiles desde que se lle realice a transferencia deles.
8. Comunicar á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través do correspondente ficheiro de resposta e con carácter mensual, a efectividade das recargas solicitadas ou as incidencias que se producisen.
9. Cumprir cos requisitos e obrigas impostas pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, particularmente co disposto nos artigos 10 e 12, así como polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
10. Ter operativas unha plataforma e/ou aplicacións informáticas que permitan realizar o seguimento dos consumos con cargo ás tarxetas, habilitando o procedemento operativo con anterioridade ao remate do prazo para formular solicitudes que se indique na correspondente orde de convocatoria da axuda.
11. Permitir unha parametrización de comercios/sectores de actividade en que se admite a operatividade da tarxeta con independencia da entidade financeira con que os establecementos comerciais teñan contratado o seu servizo de pagamentos.
12. Habilitar un sistema seguro de activación de tarxetas válido para todas as persoas beneficiarias da subvención, con máis dunha canle de acceso.
13. Facilitar canles que permitan ás persoas titulares da tarxeta acceder á consulta dos movementos e do saldo remanente nela en cada momento.
14. Habilitar a Xunta de Galicia para que esta poida recuperar os fondos residuais das tarxetas cando proceda en cumprimento das bases reguladoras da subvención.
15. Utilizar a imaxe do programa definida pola Dirección Xeral de Xuventude en todos os soportes físicos e dixitais.
16. Xestionar, controlar e supervisar o correcto destino dos fondos depositados na conta para o programa e, de ser o caso, coas instrucións específicas dadas pola Dirección Xeral de Xuventude.
17. Informar do saldo dispoñible dos bonos logo de acadada a súa data de caducidade ou ao final do programa coa finalidade de realizar o reembolso dese saldo, de ser o caso, á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
18. Comunicar á Dirección Xeral de Xuventude, a través do correspondente ficheiro, as operacións de liquidacións e transferencias de aboamento realizadas, cunha periodicidade semanal.
19. Reintegrar os fondos públicos no suposto de incumprimento dos requisitos e obrigas establecidas para a concesión da subvención e, en todo caso, nos supostos regulados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
20. Cumprir, en materia de protección de datos, o Regulamento (UE) núm. 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril, relativo á protección das persoas físicas en que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos, a Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e as demais disposicións vixentes sobre a materia.
21. Deberase manter a xestión das bases de datos do programa á marxe das bases de datos da clientela da entidade financeira, e non se poderán utilizar para ningún fin distinto da propia administración e xestión dos bonos.
22. Dispoñer de libros e rexistros contables para facilitar a adecuada xustificación da subvención e a comprobación do cumprimento das condicións establecidas.
23. Someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro dos órganos competentes da Administración autonómica, estatal e comunitaria no exercicio das súas funcións.
24. Xustificar a entrega dos fondos percibidos ante o órgano concedente da subvención antes do remate do prazo de vixencia deste convenio.
25. Cumprir cos requisitos e obrigas establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, particularmente, nos seus artigos 10 e 12, así como no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.
Cuarta. Obrigas da Dirección Xeral de Xuventude
A Dirección Xeral de Xuventude comprométese a:
1. Librar o crédito necesario para realizar o pagamento dos bonos trocados dentro do período subvencionable establecido na correspondente orde de convocatoria do programa.
2. Definir a imaxe do programa en todos os soportes físicos e dixitais.
3. Enviar mensualmente unha relación coa petición de emisión de tarxetas, en que se indicará:
– Número de tarxetas que se solicitan.
– Nome e apelidos de cada persoa destinataria final da tarxeta.
– Número de teléfono móbil asociado a cada rexistro de tarxeta solicitada para permitir ás persoas destinatarias dela a súa activación.
– Importe da carga asociada a cada rexistro de tarxeta.
4. Habilitar un teléfono de soporte operativo a que se poidan dirixir as persoas beneficiarias da axuda que requiran de información adicional sobre as condicións operativas da tarxeta e xestións sobre a súa operatoria, tales como solicitudes de bloqueo por perda/roubo, solicitudes de duplicado, etc.
5. Compensar os gastos en que incorra a entidade colaboradora ao abeiro do artigo 13.2.m) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Quinta. Operativa da xestión das axudas
– A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude remitirá mensualmente á entidade ****** unha relación de persoas beneficiarias da axuda e o importe que lle corresponde a cada unha coa finalidade de que esta proceda á emisión e carga das tarxetas virtuais.
A entidade *******, logo de recibidos estes documentos, dará de alta as tarxetas virtuais nos seus sistemas, procederá á súa emisión e xestionará cada unha das tarxetas solicitadas de modo que sexan totalmente independentes entre si, cargando cada tarxeta co saldo inicial indicado pola consellería.
Unha vez finalizado este proceso, a entidade ********** remitiralle á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude en lotes os documentos en que figure o sistema de enlace que se estableza, onde as persoas beneficiarias poden descargar as tarxetas cargadas cos importes recoñecidos. Cada documento estará identificado co código da solicitude, e nel indicarase o xeito de realizar a descarga da tarxeta virtual no dispositivo móbil do beneficiario, así como o procedemento para a súa activación.
A entidade ********** xestionará de modo independente cada tarxeta beneficiaria. A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude será titular de todas e cada unha das tarxetas solicitadas á entidade.
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude remitirá os documentos en que figure o sistema de enlace que se estableza, onde as persoas beneficiarias poden descargar as tarxetas cargadas cos importes recoñecidos ás persoas mozas beneficiarias, con instrucións para a súa activación, e informaraas das condicións de uso.
Cada persoa usuaria disporá dos bonos que se establezan na orde de convocatoria do programa, que poderán ser usados nun ou en varios dos establecementos de venda de mobiliario, de electrodomésticos, tendas de decoración e outros establecementos especializados e grandes superficies que teñan establecemento aberto no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, que teñan asociado un TPV aos códigos previamente parametrizados pola entidade colaboradora por sectores de actividade.
Cada tarxeta contará co saldo que, segundo os casos, se indique na orde de convocatoria, e non será susceptible de recarga. O dito importe irase reducindo en función do valor da compra de acordo cos criterios establecidos na citada orde.
O período de validez da tarxeta será o establecido na orde de convocatoria do programa.
O uso da aplicación e a descarga das tarxetas polas persoas usuarias suporá a aceptación das condicións do seu uso e da política de privacidade, conforme o Regulamento (UE) núm. 2016/67 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación de estes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos), e a Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, da que serán informadas convenientemente.
Para estes efectos, por medio dunha declaración responsable as persoas usuarias deberán manifestar, baixo a súa responsabilidade, que cumpren cos requisitos establecidos na orde correspondente e que os datos indicados son certos. Así mesmo, deberán constar as autorizacións correspondentes en materia de protección de datos persoais nos termos que se establezan na orde de convocatoria do programa e neste convenio.
Sexta. Depósito dos fondos públicos
Para lle dar cumprimento ao disposto no número 1 da cláusula cuarta, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude depositará os fondos públicos destinados ao programa Bonos na seguinte conta bancaria da entidade financeira colaboradora: xxxxxx. O depósito farase co concepto de «pagamento programa Bono Emancípate». Estes fondos en ningún caso se considerarán integrantes do patrimonio da entidade colaboradora.
Sétima. Compensación económica e constitución de garantías
A compensación económica a favor de xxxx polos gastos de posta en funcionamento, seguimento e control do programa Bono Emancípate é de 80.000,00 €, financiados con cargo á aplicación orzamentaria 13.05.313A.780.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026.
O pagamento da compensación económica faráselle á entidade financeira colaboradora, unha vez finalizado o programa Bono Emancípate, na seguinte conta bancaria: xxxxxx.
En atención ás características da colaboración e á solvencia da entidade, a entidade colaboradora está exenta de constituír as garantías previstas no capítulo II do título IV do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Oitava. Protección de datos
As partes asinantes estarán obrigadas, en materia de protección de datos, a cumprir o Regulamento (UE) núm. 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos), a Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e as demais disposicións vixentes sobre a materia.
As partes deberán respectar o segredo profesional e, en consecuencia, manter absoluta confidencialidade e reserva sobre a totalidade dos documentos, datos e informacións que lles sexan confiados para a formalización do programa ou que sexan elaborados con ocasión da súa execución, salvo que a comunicación derive dunha obriga legal ou mandato xudicial.
A entidade colaboradora, como encargada do tratamento dos datos, ten encomendado o labor de recollida, rexistro e almacenamento dos datos persoais necesarios para a tramitación dos bonos Emancípate segundo as directrices establecidas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, e garante expresamente, respecto dos datos de carácter persoal que se traten durante a xestión dos ditos bonos:
a) Que adoptará as medidas técnicas e organizativas necesarias para garantir a súa conservación e seguridade e evitar a súa alteración, perda, tratamento ou acceso non autorizado.
b) Que non os comunicará a terceiras persoas.
c) Que gardará o segredo profesional respecto destes.
d) Que os utilizará única e exclusivamente para os efectos previstos neste convenio.
As obrigas anteriormente citadas non exclúen nin contraveñen as obrigas que se citarán como condición de encargado do tratamento.
Novena. Encargado do tratamento
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ten a condición de responsable do tratamento de datos persoais e a entidade colaboradora ten a condición de encargado do tratamento; a entidade colaboradora comprométese ás seguintes condicións:
1. Tratar, por conta da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, os datos de carácter persoal necesarios para a xestión dos bonos Emancípate. A tipoloxía de datos tratados e as categorías de interesados serán unicamente os recollidos nesta orde. O tratamento poderá consistir na recollida, rexistro, conservación, consulta, supresión e destrución da información.
2. Utilizar os datos persoais obxecto de tratamento, ou os que recolla para a súa inclusión, só para a finalidade obxecto deste encargo. En ningún caso poderá utilizar os datos para fins propios, suposto en que será considerado como responsable do tratamento.
3. Tratar os datos de acordo coas instrucións do responsable do tratamento. Se o encargado do tratamento considera que algunha das instrucións infrinxe o RXPD, a LOPDGDD ou calquera outra disposición vixente en materia de protección de datos, informará inmediatamente o responsable.
4. Levar por escrito, cando proceda segundo o artigo 30 do RXPD, un rexistro das actividades de tratamento efectuadas por conta do responsable, que inclúa o contido previsto no referido artigo.
5. Non comunicar os datos a terceiras persoas, salvo que conte coa autorización expresa do responsable do tratamento, nos supostos legalmente admisibles. O encargado pode comunicar os datos a outros encargados do tratamento do mesmo responsable, de acordo coas instrucións deste último.
6. Manter o deber de segredo respecto dos datos persoais a que tivese acceso en virtude do presente contrato, mesmo despois de que finalice o seu obxecto.
7. Garantir que as persoas autorizadas para tratar datos persoais se comprometan, de forma expresa e por escrito, a respectar a confidencialidade e a cumprir as medidas de seguridade correspondentes, do que serán informadas convenientemente. O encargado manterá á disposición do responsable a documentación acreditativa do cumprimento desta obriga.
8. Garantir a formación necesaria en materia de protección de datos persoais das persoas autorizadas para tratar este tipo de información.
9. Asistir o responsable do tratamento na resposta ao exercicio dos dereitos recoñecidos pola lexislación vixente en materia de protección de datos persoais, a través de medidas técnicas e organizativas apropiadas, para que este poida cumprir coa súa obriga de responder ás devanditas solicitudes dos interesados nos prazos previstos pola normativa vixente. Para iso, o encargado facilitaralle ao responsable, por requirimento deste, e coa maior brevidade posible, canta información sexa necesaria ou relevante para estes efectos. No caso de que as persoas afectadas solicitasen o exercicio dos seus dereitos ante o encargado do tratamento, este informaraos a través de calquera medio fidedigno de que poderán acceder ao procedemento previsto para iso en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos
10. No caso de que o obxecto da contratación prevexa a recollida de datos directamente polo adxudicatario, este facilitará a información relativa aos tratamentos de datos que se van realizar no momento de recadar os datos. A redacción e o formato en que se facilitará a información deberase acordar co responsable e cumprirá en todo caso as exixencias previstas no RXPD e na LOPDGDD.
11. Notificarlle ao responsable do tratamento, de forma inmediata e implementando as medidas de seguridade necesarias, as violacións da seguridade dos datos persoais ao seu cargo de que teña coñecemento, xunto con toda a información relevante para a documentación e comunicación da incidencia, de ser o caso, á Axencia Española de Protección de Datos, conforme o previsto no artigo 33 do RXPD.
12. Apoiar o responsable do tratamento na realización das avaliacións de impacto relativas á protección de datos e na realización das consultas previas á autoridade de control, cando cumpra.
13. Implantar, nos casos en que proceda, as previsións recollidas no Real decreto 311/2022, do 3 de maio, polo que se regula o Esquema nacional de seguridade no ámbito da administración electrónica (ENS). En todo caso, implantaranse as medidas de seguridade necesarias para:
13.1. Garantir a confidencialidade, integridade, dispoñibilidade e resiliencia permanentes dos sistemas e servizos de tratamento.
13.2. Restaurar a dispoñibilidade e o acceso aos datos persoais de forma rápida, en caso de incidencia física ou técnica.
13.3. Verificar, avaliar e valorar, de forma regular, a eficacia das medidas técnicas e organizativas implantadas para garantir a seguridade do tratamento.
13.4. Pseudonimizar e cifrar os datos persoais, se for necesario.
14. Poñer á disposición do responsable toda a información necesaria para demostrar o cumprimento das súas obrigas, en particular, certificados de cumprimento da normativa expedidos por entidades acreditadas ou, no caso de non existiren, facilitando a realización das auditorías ou as inspeccións que realicen o responsable ou outro auditor autorizado.
15. Designar un delegado de protección de datos, se corresponde segundo o previsto no artigo 37 do RXPD e no artigo 34 da LOPDGDD, e comunicarlle a súa identidade e datos de contacto ao responsable, sen prexuízo da preceptiva inscrición na AEPD.
Para estes efectos, faise constar que a entidade financeira colaboradora conta cun/cunha delegado/a de protección de datos formalmente designado/a, xxxxxxxx, e co que o responsable do tratamento pode poñerse en contacto no seguinte enderezo electrónico: xxxxxxxx.
16. Devolverlle ao responsable, unha vez cumpridas as prestacións obxecto da presente contratación, os datos persoais e, de ser o caso, os soportes onde consten. A devolución suporá o borrado total dos datos existentes nos equipamentos informáticos utilizados polo encargado. Non obstante, este último poderá conservar unha copia dos datos estritamente necesarios, debidamente bloqueados, mentres poidan derivar responsabilidades da execución da prestación.
17. Non subcontratar ningunha das prestacións que formen parte do obxecto deste convenio que comporten o tratamento de datos persoais, fóra daqueles servizos auxiliares que resulten necesarios para o normal funcionamento dos servizos do encargado ou aqueles que resulten precisos para alcanzar o bo fin deste convenio. Neste caso, as entidades subcontratistas terán tamén a condición de encargado do tratamento e deberán cumprir igualmente as obrigas establecidas neste convenio para esta figura e as instrucións que dite o responsable do tratamento. Á entidade bancaria colaboradora corresponderalle regular a nova relación de forma que o novo encargado quede suxeito ás mesmas condicións (instrucións, obrigas, medidas de seguridade…), ao mesmo réxime de responsabilidade e cos mesmos requisitos formais que o encargado inicial, no referente ao adecuado tratamento dos datos persoais e á garantía dos dereitos das persoas afectadas.
Décima. Prazo de duración
Este convenio de colaboración entrará en vigor o día da súa sinatura e os seus efectos estenderanse ata o 31 de decembro de 2026.
O convenio poderá ser prorrogado dentro dos límites establecidos no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.
Décimo primeira. Interpretación do convenio
As cuestións xurdidas sobre a interpretación, modificación ou efectos do convenio serán resoltas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, e os seus acordos porán fin á vía administrativa.
Contra estes acordos cabe interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes ante o mesmo órgano que ditou a resolución, segundo o previsto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderá interpoñerse directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación do acto que poña fin á vía administrativa, se o dito acto fose expreso. Se non o fose, o prazo será de seis meses e contarase, para o/a solicitante e outros/as posibles interesados/as, a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produza o acto presunto, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Décimo segunda. Resolución do convenio
Son causas de resolución deste convenio:
1. O transcurso do prazo de vixencia do convenio sen que se acordase a súa prórroga.
2. O acordo unánime das partes asinantes.
3. O incumprimento total ou parcial das estipulacións contidas nas cláusulas ou no articulado da orde pola que se convoca o procedemento de selección de entidades colaboradoras, sen prexuízo da tramitación dos compromisos adquiridos con anterioridade sobre expedientes de axudas en curso.
4. Calquera outra causa distinta das anteriores prevista na lexislación vixente.
Para os efectos do reintegro das subvencións, aplicarase o disposto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
Décimo terceira. Xustificación e inspección
A Dirección Xeral de Xuventude, como responsable do programa, reserva para si o dereito de realizar a posteriori e de forma aleatoria cantas comprobacións, inspeccións e demais medidas de control considere oportunas para asegurar a correcta aplicación dos recursos públicos e para verificar o adecuado desenvolvemento e execución do programa de subvencións.
A entidade colaboradora deberá acreditar a entrega dos fondos ás pesoas beneficiarias antes do remate da vixencia deste convenio.
Décimo cuarta. Natureza administrativa
Este convenio de colaboración ten natureza administrativa e queda fóra do ámbito de aplicación da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, sen prexuízo da aplicación dos principios e os criterios da devandita lei para resolver as dúbidas ou lagoas que poida presentar.
O convenio rexerase polas súas propias cláusulas e, supletoriamente, polas normas xerais do dereito administrativo.
As dúbidas que poidan xurdir en relación coa interpretación e cumprimento do convenio resolveranse de común acordo, sen prexuízo da competencia da orde xurisdicional contencioso-administrativa.
Décimo quinta. Réxime xurídico
Para todo o non previsto neste convenio de colaboración observarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, así como nas restantes normas xerais de dereito administrativo.
E, en proba da conformidade cos termos deste convenio de colaboración, as partes asínano e rubrícano no lugar e na data indicados na cabeceira.
|
José López Campos Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude |
.............................. Pola entidade colaboradora ........ |
