A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración é o órgano encargado de exercer as competencias que en materia de comercio interior atribúe á nosa comunidade autónoma o artigo 30.1.4 do Estatuto de autonomía de Galicia, de acordo co disposto no Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia.
O Decreto 147/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración establece que lle corresponde á Dirección Xeral de Comercio e Consumo a planificación, a coordinación e o control das competencias da consellería en materia de comercio interior. Dentro destas cabe sinalar, especificamente, a promoción, o fomento, a modernización, o desenvolvemento do comercio e a programación e xestión de axudas destinadas a estes fins, o impulso do asociacionismo comercial e da asistencia técnica comercial en colaboración con outras institucións e entidades.
O comercio tradicional está sometido a un profundo proceso de cambio que exixe realizar un esforzo de renovación continuo para adaptarse á realidade actual e aos novos hábitos de compra das persoas consumidoras.
Por outra parte, na actualidade a inflación está a producir graves consecuencias económicas, tales como o incremento xeneralizado dos prezos e o conseguinte descenso do consumo. Esta situación está a influír dun xeito indubidable na actividade económica e no comportamento dos/das consumidores/as, afectando de forma moi significativa a actividade comercial e, en xeral, a economía das persoas consumidoras.
Por isto, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración vai proceder á convocatoria, por sexto ano consecutivo, do programa bonos Activa comercio dada a repercusión positiva que tiveron as anteriores edicións do programa na reactivación das vendas no comercio de proximidade galego, facendo posible que numerosas persoas puidesen beneficiarse destas axudas.
A finalidade desta edición do programa bonos Activa Comercio é continuar estimulando a demanda das persoas consumidoras e incrementar o fortalecemento e a reactivación económica do comercio retallista, mellorando o fondo de manobra dos establecementos comerciais galegos e paliando o impacto negativo derivado da crise económica.
Os bonos Activa comercio poderán utilizarse polas persoas físicas maiores de idade nos establecementos comerciais retallistas radicados na Comunidade Autónoma de Galicia que se adhiran ao programa, sendo as persoas consumidoras parte activa e fundamental para levar a cabo esta campaña de dinamización e reactivación do seu comercio de proximidade.
A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, prevé a posibilidade de contar con entidades colaboradoras no procedemento de xestión e pagamento de axudas públicas. Neste sentido, o seu artigo 9 establece que será entidade colaboradora aquela que, actuando en nome e por conta do órgano concedente para todos os efectos relacionados coa subvención, entregue e distribúa os fondos públicos ás persoas beneficiarias cando así se estableza nunhas bases reguladoras ou colabore na xestión da subvención.
Así mesmo, o artigo 13.4 da mesma lei dispón que cando as entidades colaboradoras sexan persoas suxeitas a dereito privado, seleccionaranse previamente mediante un procedemento sometido aos principios de publicidade, concorrencia, igualdade e non discriminación e a colaboración formalizarase mediante convenio, salvo que polo obxecto da colaboración resulte de aplicación plena a Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014.
Esta orde tramítase como expediente anticipado de gasto, o que permite obter antes a súa resolución.
Todo iso faise no marco da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como consonte a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na medida en que sexa aplicable, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración en materia de comercio interior, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,
DISPOÑO:
Artigo 1. Convocatoria
Convócase o procedemento para a selección da entidade colaboradora que participará na entrega e distribución das axudas económicas que se farán efectivas a través dos bonos Activa comercio de acordo coa orde da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración pola que se estableza o procedemento de concesión destes (código de procedemento CO301A).
A tramitación desta orde faise por tramitación anticipada de gasto e fica condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026.
A Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998 sobre tramitación anticipada de gasto, modificada polas ordes da Consellería de Economía e Facenda do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, establece que os expedientes de gasto se poderán iniciar, sempre que as necesidades que se teñan que satisfacer poidan ser razoablemente previstas anticipadamente, no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar, condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente no proxecto de lei de orzamentos xerais aprobado polo Consello da Xunta de Galicia.
Na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026 existe crédito adecuado e suficiente para poder tramitar esta orde.
De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998 a tramitación anticipada poderá chegar, como máximo, ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da dita orde, todos os actos de trámite ditados no desenvolvemento desta orde enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.
Artigo 2. Obxecto da colaboración
O obxecto da colaboración é a entrega e distribución das axudas do Programa de dinamización e incentivación do consumo nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos bonos Activa comercio.
Para estes efectos, subscribirase o oportuno convenio de colaboración coa Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, segundo o modelo que figura como anexo I desta orde.
Artigo 3. Requisitos e condicións de solvencia
Poderán ser entidades colaboradoras as entidades financeiras privadas con personalidade xurídica e plena capacidade de obrar, validamente constituídas, que cumpran os seguintes requisitos:
– Ter oficinas comerciais abertas, cando menos, nos concellos de máis de 20.000 habitantes das catro provincias galegas.
– Ter colaborado na xestión financeira da Xunta de Galicia nos últimos dous anos.
A entidade financeira colaboradora actuará en nome do órgano concedente para todos os efectos relacionados coa subvención, entregando e distribuíndo os fondos públicos aos comercios adheridos ao programa.
Artigo 4. Prazo de duración
O prazo de duración da colaboración estenderase desde o momento da sinatura do correspondente convenio ata o 31 de decembro de 2026.
O convenio poderá ser obxecto de prórroga dentro dos límites establecidos no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.
Artigo 5. Obrigas e compromisos da entidade colaboradora
Son obrigas da entidade colaboradora, sen prexuízo do disposto no artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:
1. Encontrarse ao día no pagamento das obrigas coa Facenda Pública do Estado e a Administración autonómica, así como coa Seguridade Social.
2. Someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro dos órganos competentes da administración autonómica, estatal e comunitaria no exercicio das súas funcións.
3. Cumprir cos criterios establecidos no convenio subscrito coa Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
4. Actuar en nome e por conta da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, entregando e distribuíndo as axudas do Programa de dinamización e incentivación do consumo nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos bonos Activa comercio.
5. Conservar a documentación relacionada coa axuda durante un período de dous anos desde a sinatura do convenio de colaboración.
6. Cumprir, en materia de protección de datos, co Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos; coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais; e as demais disposicións vixentes sobre a materia.
7. Deixar clara constancia nos seus rexistros contables e así facilitar a axeitada xustificación da subvención e a comprobación do cumprimento das condicións establecidas de acordo co disposto no artigo 13.2.j) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 6. Criterios de selección da entidade colaboradora
Os criterios obxectivos que servirán de base para a adxudicación deste procedemento de selección son os seguintes:
– Proposta técnica que describa coa amplitude e detalle precisos todos os elementos necesarios para a articulación da colaboración solicitada: ata 70 puntos.
– Experiencia na entrega e distribución de axudas aos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia no marco de programas de incentivación do consumo de ámbito autonómico: ata 30 puntos.
Artigo 7. Lugar, forma e prazo de presentación das solicitudes
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, segundo o modelo que se inclúe como anexo II desta orde.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave 365).
O prazo máximo de presentación das solicitudes será de cinco días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Artigo 8. Documentación complementaria
As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
– Escritura de constitución/modificación.
– Poder acreditativo da representación da persoa que asina a solicitude de participación.
– Proposta técnica, memoria e toda a documentación que, a xuízo da entidade solicitante, permita á Administración valorar a solicitude conforme os criterios obxectivos fixados no artigo 6 desta orde.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
A documentación complementaria deberase presentar electronicamente.
Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 10. Comprobación de datos
Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a entidade interesada se opoña á súa consulta:
1. DNI/NIE da persoa representante.
2. NIF da entidade solicitante.
3. Certificado de estar ao día do pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.
4. Certificado de estar ao día do pagamento coa Seguridade Social.
5. Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
No caso de que as entidades interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da entidade interesada para realizar a consulta.
Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 11. Comisión de Valoración
1. A Comisión de Valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios fixados no artigo 6 desta orde e redactar un informe en que conste a relación de todas as solicitudes admitidas por orde de puntuación, indicando de xeito individualizado a puntuación detallada en cada un dos criterios de avaliación e a puntuación total obtida.
O dito informe servirá de base ao órgano instrutor para a elaboración da proposta de resolución.
Para efectuar a valoración das solicitudes, a Comisión de Valoración poderá solicitar cantas aclaracións considere oportunas.
2. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:
Presidencia:
Un/unha subdirector/a da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.
Vogais:
Un/unha xefe/a de servizo da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.
Dous/dúas xefes/as de sección da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.
Un/unha funcionario/a da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, que fará as funcións de secretario/a.
3. O funcionamento da Comisión de Valoración rexerase polo establecido para os órganos colexiados na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
Artigo 12. Audiencia
1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto ás entidades interesadas para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e as xustificacións que consideren pertinentes.
2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polas entidades interesadas.
Artigo 13. Resolución
Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución que será elevada á persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ás entidades interesadas será de quince días naturais contados a partir do día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes.
Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que recaia resolución expresa, as entidades interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co disposto no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 14. Notificacións
As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitirá ás entidades interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as entidades interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas entidades interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 15. Órganos competentes
A Subdirección Xeral de Artesanía, Entidades e Promoción Comercial será o órgano competente para a instrución deste procedemento, así como para realizar a proposta de resolución, correspondéndolle á persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración ditar a resolución que corresponda, sen prexuízo da delegación noutros órganos.
Artigo 16. Transparencia e bo goberno
Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 17. Remisión normativa
Para todo o non previsto nestas bases reguladoras aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Regulamento desta lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia vixente na anualidade; no Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE 15.12.2023, serie L) e no resto de normativa que resulte de aplicación.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2026
José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración
ANEXO I
Convenio de colaboración entre a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia e xxx para a entrega e distribución dos fondos das axudas do Programa de dinamización e incentivación do consumo nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia a través
dos bonos Activa comercio
Santiago de Compostela, na data da sinatura dixital
Reunidos:
Dunha parte, José González Vázquez, conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, nomeado para o devandito cargo polo Decreto 44/2024, do 14 de abril, actuando en exercicio das competencias que ten atribuídas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.
Doutra, xxxxxx, na súa calidade de xxxxxx nomeado para o dito cargo por xxxxxx.
As partes, na representación que exercen, teñen capacidade legal para asinar este convenio de colaboración e, na súa virtude,
EXPOÑEN:
Primeiro. A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración é o órgano encargado de exercer as competencias que en materia de comercio interior atribúe á nosa comunidade autónoma o artigo 30.I4 do Estatuto de autonomía de Galicia, de acordo co disposto no Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia e no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia.
O Decreto 147/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, establece que lle corresponde á Dirección Xeral de Comercio e Consumo a planificación, a coordinación e o control das competencias da consellería en materia de comercio interior. Dentro destas cabe sinalar, especificamente, a promoción, o fomento, a modernización, o desenvolvemento do comercio e a programación e xestión de axudas destinadas a estes fins, o impulso do asociacionismo comercial e da asistencia técnica comercial en colaboración con outras institucións e entidades.
Segundo. A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración vai proceder á convocatoria, por sexto ano consecutivo, do programa bonos Activa comercio coa finalidade de continuar estimulando a demanda das persoas consumidoras e incrementar o fortalecemento e a reactivación económica do comercio de proximidade galego.
A concesión destas axudas económicas farase efectiva a través dos bonos Activa comercio, que poderán utilizar as persoas físicas maiores de idade nos establecementos comerciais retallistas radicados na Comunidade Autónoma de Galicia que se adhiran ao programa.
Terceiro. A entidade xxxxxx, conforme a Orde da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración do xx de xxxx de xxxx, resultou seleccionada como entidade financeira colaboradora na entrega e distribución dos fondos do Programa de dinamización e incentivación do consumo nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos bonos Activa comercio.
Cuarto. Ambas as partes, por razóns de eficacia na xestión e co fin de conseguir unha mellor prestación dos servizos ás persoas beneficiarias das axudas, e de conformidade cos artigos 9 e 13 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, acordan subscribir o presente convenio de colaboración de acordo coas seguintes
Cláusulas
Primeira. Obxecto
Este convenio ten por obxecto establecer as bases de colaboración entre partes asinantes para a xestión e distribución dos fondos das axudas económicas que van ser convocadas no marco do programa bonos Activa comercio para fortalecer o sector comercial retallista de Galicia, estimulando a demanda das persoas consumidoras.
Segunda. Entidade colaboradora
xxxxxx é unha entidade colaboradora que cumpre cos artigos 3 e 6 da orde pola que se convoca o procedemento de concorrencia competitiva para a selección dunha entidade colaboradora para a entrega e distribución dos fondos das axudas do Programa de dinamización e incentivación do consumo nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos bonos Activa comercio.
Terceira. Depósito dos fondos públicos
Para dar cumprimento ao disposto no punto 1 da cláusula quinta, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración depositará os fondos públicos destinados ao programa bonos Activa comercio na seguinte conta bancaria da entidade financeira colaboradora: xxxxxx. O depósito farase co concepto de «pagamento xxxxxx bonos Activa comercio».
Cuarta. Compensación económica e constitución de garantías
A compensación económica a favor de xxxxxx polos gastos de posta en funcionamento, seguimento e control do programa bonos Activa comercio é de 60.000,00 €, financiados con cargo á aplicación orzamentaria 14.06.751A.480.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026, coa posibilidade de incrementar a dita compensación se o aconsellan razóns económicas debidamente xustificadas a través da subscrición da correspondente addenda.
O pagamento da compensación económica farase á entidade financeira colaboradora, unha vez finalizado o programa bonos Activa comercio, na seguinte conta bancaria: xxxx.
En atención ás características da colaboración e á solvencia da entidade, a entidade colaboradora está exenta de constituír as garantías previstas no capítulo II do título IV do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Quinta. Obrigas da consellería
A Dirección Xeral de Comercio e Consumo comprométese a:
1. Librar o crédito necesario para realizar o pagamento dos bonos trocados dentro do período subvencionable establecido na correspondente orde de convocatoria do programa.
2. Definir a imaxe do programa en todos os soportes físicos e dixitais.
3. Facilitar o contido das declaracións das altas dos comercios e das persoas usuarias, así como das autorizacións expresas en materia de protección de datos nos termos que se establezan na orde de convocatoria do programa e neste convenio.
4. Autorizar as liquidacións con carácter previo á súa transferencia.
5. Compensar os gastos en que incorra a entidade colaboradora ao abeiro do artigo 13.2.m) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Sexta. Obrigas da entidade colaboradora
A entidade colaboradora, sen prexuízo do disposto no artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e do establecido na orde pola que se convoca o procedemento de concorrencia competitiva para a selección dunha entidade financeira colaboradora para a xestión do Programa de dinamización e incentivación do consumo nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos bonos Activa comercio, obrígase ao seguinte:
1. Entregar e distribuír as axudas do programa mediante a habilitación dunha plataforma tecnolóxica específica e das aplicacións informáticas máis axeitadas para a posta en marcha, a eficaz execución e o seguimento do programa de tal forma que permita ter un seguimento, control e rastrexabilidade da emisión dos bonos, do seu troco nos comercios adheridos e seu pagamento dos mesmos, de acordo coas previsións establecidas na cláusula sétima.
2. Ter operativas a plataforma e/ou aplicacións informáticas, habilitando o procedemento operativo antes da entrada en vigor da orde de convocatoria do programa.
3. Utilizar a imaxe do programa definida pola Dirección Xeral de Comercio e Consumo en todos os soportes físicos e dixitais.
4. Por á disposición da Dirección Xeral de Comercio e Consumo os seguintes informes:
– Persoas usuarias dadas de alta no programa.
– Comercios dados de alta no programa.
– Número de bonos descargados (localidade, provincia).
5. Ser a depositaria dos fondos transferidos e entregar e distribuír os fondos públicos aos comercios adheridos ao programa, sen ningún custo ou requisito adicional dos previstos no programa e con independencia de que sexan clientes/as da entidade, cunha periodicidade semanal.
Estes fondos en ningún caso se considerarán integrantes do seu patrimonio.
6. Xestionar, controlar e supervisar o correcto destino dos fondos depositados na conta para o programa e, de ser o caso, coas instrucións específicas dadas pola Dirección Xeral de Comercio e Consumo.
7. Informar do saldo dispoñible dos bonos unha vez alcanzada a súa data de caducidade ou ao fin do programa coa finalidade de realizar o reembolso dese saldo, se é o caso, á Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
8. Comunicar á Dirección Xeral de Comercio e Consumo, a través do correspondente ficheiro, as operacións de liquidacións e transferencias de aboamento realizadas, cunha periodicidade semanal.
9. Reintegrar os fondos públicos no suposto de incumprimento dos requisitos e obrigas establecidas para a concesión da subvención e, en todo caso, nos supostos regulados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
10. Cumprir, en materia de protección de datos, co Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016 (en diante, RXPD) relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos; coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro (en diante, LOPDGDD) de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e as demais disposicións vixentes sobre a materia.
Deberase manter a xestión das bases de datos do programa á marxe das bases de datos da clientela da entidade financeira, non poderán utilizalas para ningún fin distinto da propia Administración e xestión dos bonos.
11. Dispoñer de libros e rexistros contables para facilitar a adecuada xustificación da subvención e a comprobación do cumprimento das condicións establecidas.
12. Someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro dos órganos competentes da Administración autonómica, estatal e comunitaria no exercicio das súas funcións.
13. Cumprir cos requisitos e obrigas establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, particularmente, nos seus artigos 10 e 12, así como no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.
Sétima. Operativa da xestión das axudas
– A entidade colaboradora habilitará as aplicacións informáticas tecnicamente máis axeitadas para dar de alta as persoas usuarias dos bonos Activa comercio, identificando respecto de cada unha delas a información que se estableza na orde de convocatoria do programa e, en todo caso, a seguinte:
• Nome e apelidos.
• Maioría de idade.
• DNI/NIE.
• Localidade de residencia (código postal).
• Número de teléfono móbil.
• Correo electrónico.
– Habilitación da solución técnica para a descarga dixital dos bonos por parte das persoas usuarias.
Cada persoa usuaria disporá dos bonos que se establezan na orde de convocatoria do programa, que poderán ser usados nun ou varios dos comercios retallistas adheridos ao programa. A súa aplicación efectuarana os propios establecementos, habilitando, para tal efecto, a entidade colaboradora os mecanismos e canles necesarios.
Cada bono terá o valor determinado na orde de convocatoria do programa. O dito importe irase reducindo en función do valor da compra de acordo cos criterios establecidos na citada orde.
O período de validez dos bonos será o establecido na orde de convocatoria do programa.
O uso da aplicación e a descarga dos bonos polas persoas usuarias suporá a aceptación das condicións do seu uso e da política de privacidade conforme o RXPD e a LOPDGDD.
Para estes efectos, por medio dunha declaración responsable as persoas usuarias deberán manifestar, baixo a súa responsabilidade, que cumpren cos requisitos establecidos na orde correspondente e que os datos indicados son certos. Así mesmo, deberán constar as autorizacións correspondentes en materia de protección de datos persoais nos termos que se establezan na orde de convocatoria do programa e neste convenio.
– A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, mediante convocatoria pública, establecerá o prazo para que os comercios retallistas interesados en adherirse ao Programa bonos Activa comercio se dean de alta na aplicación tecnolóxica habilitada para tal efecto pola entidade colaboradora.
Na alta dos comercios deberá quedar constancia da información que se estableza na orde de convocatoria do programa e, en todo caso, a seguinte:
• Nome e apelidos/razón social.
• Domicilio fiscal en Galicia.
• NIF/CIF.
• Nome, apelidos e DNI/NIE da persoa representante.
• Nome comercial.
• Enderezo do establecemento comercial.
• Número de teléfono móbil.
• Correo electrónico.
• IAE principal.
• IBAN da conta bancaria.
• Páxina web do establecemento comercial.
A alta e o uso da aplicación polas persoas comerciantes suporá a aceptación das condicións e obrigas do programa e da política de privacidade conforme o RXPD e a LOPDGDD.
Para estes efectos, as persoas comerciantes deberán asinar dixitalmente unha declaración responsable manifestando o cumprimento das condicións establecidas e a veracidade dos datos indicados.
O importe máximo de bonos que poderán trocarse por cada empresa establecerase, de ser o caso, na orde de convocatoria do programa.
A entidade colaboradora habilitará o sistema de funcionamento e troco dos bonos de tal forma que quede rexistrado o importe e o concepto da compra, a identificación do bono e o importe descontado.
A entidade colaboradora deberá entregar e distribuír aos comercios, na conta bancaria indicada para tal efecto, o importe dos bonos trocados.
Oitava. Relación con terceiros
A subscrición deste convenio non comporta relación laboral, contractual ou de calquera outro tipo entre os profesionais que desenvolvan as actividades e a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, de tal xeito que non se lle poderá exixir responsabilidade ningunha, nin directa, nin indirecta, nin subsidiaria, polos actos ou feitos acaecidos no seu desenvolvemento.
Novena. Inspección
A Dirección Xeral de Comercio e Consumo, como responsable do programa, reserva para si o dereito de realizar a posteriori e de forma aleatoria cantas comprobacións, inspeccións e demais medidas de control considere oportunas para asegurar a correcta aplicación dos recursos públicos e para verificar o adecuado desenvolvemento e execución do programa subvencional.
No suposto de que exista algún incumprimento por parte dos establecementos adheridos, a Dirección Xeral de Comercio e Consumo poderá cancelar a adhesión destes ao Programa bonos Activa comercio, comunicando a dita circunstancia á entidade colaboradora co fin de impedir o troco e pagamento dos bonos.
Os comercios retallistas adheridos están obrigados a facilitar canta información lles sexa requirida pola Dirección Xeral de Comercio e Consumo e os restantes órganos de control no exercicio das súas funcións de fiscalización do destino das axudas.
Décima. Protección de datos de carácter persoal
As partes asinantes virán obrigadas en materia de protección de datos a cumprir co RXPD, coa LOPDGDD e coas demais disposicións vixentes sobre a materia.
As partes deberán respectar o segredo profesional e, en consecuencia, manter absoluta confidencialidade e reserva sobre a totalidade dos documentos, datos e informacións que lle sexan confiados para a formalización do programa ou que sexan elaborados con ocasión da execución deste, salvo que a comunicación derive dunha obriga legal ou mandato xudicial.
A entidade colaboradora, como encargada do tratamento dos datos, ten encomendado o labor de recollida, rexistro e almacenamento dos datos persoais necesarios para a tramitación dos bonos Activa comercio segundo as directrices establecidas pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, garantindo expresamente respecto dos datos de carácter persoal que se traten durante a xestión dos devanditos bonos:
a) Que adoptará as medidas técnicas e organizativas necesarias para garantir a súa conservación e seguridade e evitar a súa alteración, perda, tratamento ou acceso non autorizado.
b) Que non os comunicará a terceiras persoas.
c) Que gardará o segredo profesional respecto destes.
d) Que os utilizará única e exclusivamente para os efectos previstos neste convenio.
As obrigacións anteriormente citadas non exclúen nin contraveñen as obrigas que se citarán como condición de encargado do tratamento.
Décimo primeira. Encargado do tratamento de datos de carácter persoal
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración ten a condición de responsable do tratamento de datos persoais e a entidade colaboradora ten a condición de encargado do tratamento, comprometéndose a entidade colaboradora ás seguintes condicións:
1. Tratar por conta da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración os datos de carácter persoal necesarios para a xestión dos bonos Activa comercio. A tipoloxía de datos tratados e as categorías de interesados serán unicamente os recollidos nesta orde. O tratamento poderá consistir na recollida, rexistro, conservación, consulta, supresión e destrución da información.
2. Utilizar os datos persoais obxecto de tratamento, ou os que recolla para a súa inclusión, só para a finalidade obxecto deste encargo. En ningún caso poderá utilizar os datos para fins propios, sendo considerado neste suposto como responsable do tratamento.
3. Tratar os datos de acordo coas instrucións do responsable do tratamento. Se o encargado do tratamento considera que algunha das instrucións infrinxe o RXPD, a LOPDGDD ou calquera outra disposición vixente en materia de protección de datos informará inmediatamente ao responsable.
4. Levar por escrito, cando proceda segundo o artigo 30 do RXPD, un rexistro das actividades de tratamento efectuadas por conta do responsable, que inclúa o contido previsto no referido artigo.
5. Non comunicar os datos a terceiras persoas, salvo que conte coa autorización expresa do responsable do tratamento, nos supostos legalmente admisibles. O encargado pode comunicar os datos a outros encargados do tratamento do mesmo responsable, de acordo coas instrucións deste último.
6. Manter o deber de segredo respecto dos datos persoais a que tivese acceso en virtude do presente contrato, mesmo despois de que finalice o seu obxecto.
7. Garantir que as persoas autorizadas para tratar datos persoais se comprometan, de forma expresa e por escrito, a respectar a confidencialidade e a cumprir as medidas de seguridade correspondentes, das que lles informara convenientemente. O encargado manterá á disposición do responsable a documentación acreditativa do cumprimento desta obrigación.
8. Garantir a formación necesaria en materia de protección de datos persoais das persoas autorizadas para tratar este tipo de información.
9. Asistir ao responsable do tratamento na resposta ao exercicio dos dereitos recoñecidos pola lexislación vixente en materia de protección de datos persoais, a través de medidas técnicas e organizativas apropiadas, para que este poida cumprir coa súa obrigación de responder ás devanditas solicitudes dos interesados nos prazos previstos pola normativa vixente. Para iso, o encargado facilitará ao responsable, a requirimento deste, e a maior brevidade posible, canta información sexa necesaria ou relevante para estes efectos. No caso de que os afectados solicitasen o exercicio dos seus dereitos ante o encargado do tratamento, este informaralles a través de calquera medio fidedigno de que poderán acceder ao procedemento previsto para iso en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos
10. No caso de que para o desenvolvemento da actividade obxecto deste convenio sexa necesaria a recollida de datos directamente polo adxudicatario, este facilitará a información relativa aos tratamentos de datos que se van realizar no momento de solicitar os datos. A redacción e o formato en que se facilitará a información deberase acordar co responsable e dará cumprimento en todo caso as exixencias previstas no RXPD e na LOPDGDD.
11. Notificar ao responsable do tratamento, de forma inmediata e implementando as medidas de seguridade necesarias, as violacións da seguridade dos datos persoais ao seu cargo das cales teña coñecemento, xunto con toda a información relevante para a documentación e comunicación da incidencia, de ser o caso, a Axencia Española de Protección de Datos, conforme o previsto no artigo 33 do RXPD.
12. Dar apoio ao responsable do tratamento na realización das avaliacións de impacto relativas á protección de datos e na realización das consultas previas á autoridade de control, cando cumpra.
13. Implantar, nos casos que aplique, as previsións recollidas no Real decreto 3/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema nacional de seguridade no ámbito da administración electrónica (ENS). En todo caso, implantaranse as medidas de seguridade necesarias para:
13.1. Garantir a confidencialidade, integridade, dispoñibilidade e resiliencia permanentes dos sistemas e servizos de tratamento.
13.2. Restaurar a dispoñibilidade e o acceso aos datos persoais de forma rápida, en caso de incidente físico ou técnico.
13.3. Verificar, avaliar e valorar, de forma regular, a eficacia das medidas técnicas e organizativas implantadas para garantir a seguridade do tratamento.
13.4. Seudonimizar e cifrar os datos persoais, se for necesario.
14. Poñer á disposición do responsable toda a información necesaria para demostrar o cumprimento das súas obrigacións, en particular, certificados de cumprimento da normativa expedidos por entidades acreditadas ou, en caso de non existir, facilitando a realización das auditorías ou as inspeccións que realicen o responsable ou outro auditor autorizado.
15. Designar un delegado de protección de datos, se corresponde segundo o previsto no artigo 37 do RXPD e no artigo 34 da LOPDGDD, e comunicar a súa identidade e datos de contacto ao responsable, sen prexuízo da preceptiva inscrición na Axencia Española de Protección de Datos.
Para estes efectos, faise constar que a entidade financeira colaboradora conta cun/cunha delegado/a de protección de datos formalmente designado/a, xxxx, e co que o responsable do tratamento pode poñerse en contacto mediante o seguinte enderezo electrónico: xxxxxxxx.
16. Devolver ao responsable, unha vez cumpridas as prestacións obxecto da presente contratación, os datos persoais e, de ser o caso, os soportes onde consten. A devolución suporá o borrado total dos datos existentes nos equipamentos informáticos utilizados polo encargado. Non obstante, este último poderá conservar unha copia dos datos estritamente necesarios, debidamente bloqueados, mentres se poidan derivar responsabilidades da execución da prestación.
17. Non subcontratar ningunha das prestacións que formen parte do obxecto deste convenio que comporten o tratamento de datos persoais, fóra daqueles servizos auxiliares que resulten necesarios para o normal funcionamento dos servizos do encargado ou aqueles que resulten precisos para alcanzar o bo fin do presente convenio. Neste caso, as entidades subcontratistas terán tamén a condición de encargado do tratamento e deberán cumprir, igualmente, as obrigacións establecidas neste convenio para esta figura e as instrucións que dite o responsable do tratamento. Á entidade bancaria colaboradora corresponderalle regular a nova relación de forma que o novo encargado quede suxeito ás mesmas condicións (instrucións, obrigacións, medidas de seguridade…), ao mesmo réxime de responsabilidade e cos mesmos requisitos formais que o encargado inicial, no referente ao adecuado tratamento dos datos persoais e á garantía dos dereitos das persoas afectadas.
Décimo segunda. Comisión de Seguimento
Coa finalidade de asegurar o cumprimento deste convenio constituirase unha comisión de seguimento que adoptará os seus acordos por consenso e estará integrada por dúas persoas representantes da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e dúas en representación da entidade colaboradora.
A comisión constituirase por petición de calquera das partes e as súas funcións serán velar polo cumprimento do convenio e propoñer as medidas necesarias para garantir o exercicio coordinado das competencias de cada unha das partes.
En todo o non especificamente previsto sobre o funcionamento desta comisión serán de aplicación as normas sobre órganos colexiados previstas na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. A propia comisión, unha vez constituída, decidirá o réxime das súas reunións.
Décimo terceira. Modificación
Toda alteración das condicións a ter en conta para a subscrición deste convenio poderá dar lugar á súa modificación nos termos previstos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
As devanditas modificacións deberán formalizarse a través da correspondente addenda e someterse aos requisitos previstos no citado artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
Así mesmo, de conformidade co establecido no artigo 31.4 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, o convenio poderá ser modificado unilateralmente pola Administración cando teña por finalidade o logro dos obxectivos de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financieira.
Décimo cuarta. Resolución
Serán causas de resolución do convenio as seguintes:
• O acordo expreso e escrito das partes.
• O incumprimento total ou parcial por algunha das partes de calquera das prescricións contidas no convenio.
• A denuncia escrita formulada por calquera das partes.
• O transcurso do tempo estipulado sen que se culminen as actividades acordadas no convenio.
Décimo quinta. Vixencia
Este convenio de colaboración entrará en vigor o día da súa sinatura e os seus efectos estenderanse ata o 31 de decembro de 2026.
Décimo sexta. Publicidade e inscrición no Rexistro de convenios
As partes asinantes outorgan o seu consentimento para que os datos persoais e o resto das especificacións que constan neste convenio sexan publicados no Portal de transparencia e Goberno aberto e no Rexistro de Convenios da Xunta de Galicia, de acordo co establecido no artigo 15 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no Decreto 126/2006, do 20 de xullo, polo que se regula o Rexistro de Convenios da Xunta de Galicia, en concordancia cos artigos 14 e seguintes da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno.
En cumprimento do disposto nos artigos 18, 20.2 e 20.8 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, comunicarase a subscrición deste convenio á Base de datos nacional de subvencións que opera como sistema nacional de publicidade de subvencións.
Décimo sétima. Natureza xurídica, réxime xurídico e xurisdición competente
Este convenio ten natureza administrativa e considérase incluído no artigo 4 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, polo que queda fóra do seu ámbito de aplicación, ben que se aplicarán os principios e criterios do dito texto legal para resolver as dúbidas e lagoas que puidesen presentarse.
O convenio rexerase polas súas propias cláusulas e, ademais, polos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, que a desenvolve; pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; a Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno; a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
Así mesmo, seranlle de aplicación as demais normas de dereito administrativo aplicable ou, na súa falta, as derivadas do dereito privado.
En consecuencia, correspóndenlle á Consellería de Emprego, Comercio e Emigración as prerrogativas de interpretación, modificación, resolución, reintegro e nulidade deste convenio, así como resolver as dúbidas que xurdan sobre o seu cumprimento. Os acordos correspondentes porán fin á vía administrativa e serán inmediatamente executivos, sendo impugnables ante a xurisdición contencioso-administrativa.
Este convenio obriga ao cumprimento do expresamente pactado, someténdose as partes ao acordado en todas as súas estipulacións. E, como proba de conformidade, subscríbese no lugar e data indicados na cabeceira.
|
Pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración José González Vázquez |
Por xxxxxx xxxxxx |
