O artigo 29.4 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, establece que cada xefatura territorial da consellería competente en materia de facenda solicitaralles no mes de xaneiro de cada ano aos distintos colexios, asociacións ou corporacións profesionais legalmente recoñecidos o envío dunha lista de persoas colexiadas ou asociadas que estean dispostas a actuar como persoal perito terceiro, que se agruparán por orde alfabética en diferentes listas tendo en conta a natureza dos bens e dereitos que haxa que valorar. Tras ser elixida por sorteo público unha persoa de cada lista, as designacións efectuaranse por orde correlativa.
Será necesaria a aceptación expresa polo/a perito/a elixido/a por sorteo nun prazo de cinco días desde a comunicación da súa proposta de designación. A dita aceptación determinará, así mesmo, a aceptación dos honorarios aprobados pola Administración. A renuncia do/da perito/a terceiro/a en calquera das listas impedirá a súa designación no exercicio corrente e nos dous posteriores a este.
Co fin de elaborar a devandita lista para o exercicio 2026,
RESOLVO:
Primeiro. Os distintos colexios, asociacións ou corporacións profesionais legalmente recoñecidos poderán enviar a cada delegación da Axencia Tributaria de Galicia unha lista das persoas colexiadas ou asociadas que estean dispostas a actuar como persoal perito terceiro en cada ámbito territorial.
Segundo. Presentarase unha lista por cada colexio ou asociación e delegación da Axencia Tributaria de Galicia, e poderán as persoas colexiadas ou asociadas anotarse nun ou en máis ámbitos territoriais. A lista presentada en cada delegación incluirá exclusivamente as persoas colexiadas ou asociadas que desexen actuar no ámbito territorial da devandita delegación. Para estes efectos, os ámbitos territoriais de cada delegación da Axencia Tributaria de Galicia serán os establecidos na Orde do 19 de decembro de 2012 pola que se establece o ámbito territorial das delegacións da Axencia Tributaria de Galicia (DOG do 26 de decembro).
Terceiro. As solicitudes de inclusión nas listas para actuar como persoal perito terceiro deberanse presentar no prazo de quince (15) días hábiles, contados a partir do seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, xunto coa relación de persoas colexiadas ou asociadas en soporte informático.
Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2026
Sonia Lafont Sendino
Directora da Axencia Tributaria de Galicia
