DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 16 Luns, 26 de xaneiro de 2026 Páx. 6860

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 19 de xaneiro de 2026, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, pola que se dá publicidade á encomenda á Axencia Galega de Infraestruturas para a xestión das actuacións necesarias en relación co proceso de expropiación dos bens e dereitos afectados pola execución do proxecto de interese autonómico denominado Factoría do Deporte Galego-Galicia Sports 360.

En virtude do establecido no artigos 9 e 8.4 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, dáse publicidade á seguinte encarga:

– Resolución do 7 de xaneiro de 2026, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, pola que se encomenda á Axencia Galega de Infraestruturas a xestión das actuacións necesarias en relación co proceso de expropiación dos bens e dereitos afectados pola execución do proxecto de interese autonómico denominado Factoría do Deporte Galego-Galicia Sports 360.

– Actividade: desenvolvemento das determinacións do proxecto de interese autonómico denominado Factoría do Deporte Galego-Galicia Sports 360, a través dos correspondentes instrumentos de execución e proxectos técnicos ou estudos de detalle, de ser o caso, e os actos de edificación posteriores, no ámbito delimitado para ese efecto no punto 6.1 (Parte I. Información) da memoria e documentación gráfica do PIA, e que afecta unha superficie total de 301.596 m², así como o desenvolvemento das actuacións necesarias para a conexión cos sistemas xerais existentes e exteriores ao sector e para o reforzo destes para as novas demandas xeradas pola actuación, que se recollen no proxecto.

Todos os actos e traballos necesarios para a realización desta encomenda consideraranse efectuados con medios propios da Administración.

– Natureza e alcance da xestión encomendada: encomenda intersubxectiva a medio propio, segundo o disposto no artigo 13.1 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, e nos artigos 9 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, ao ter a Axencia Galega de Infraestruturas a consideración de medio propio e servizo técnico da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia. Tal condición de medio propio vén recollida no artigo 3.1 do Decreto 173/2011, do 4 de agosto, polo que se aproban os estatutos da Axencia Galega de Infraestruturas.

– Financiamento: a realización das actividades e/ou actos e negocios xurídicos necesarios para a execución desta encomenda de xestión por parte da Axencia Galega de Infraestruturas efectuarase a título gratuíto, sen que exista retribución ou tarifa.

O Real Club Celta, S.A.D. actuará como entidade financiadora facéndose responsable do pagamento de todos os gastos derivados do proceso de expropiación; tanto da tramitación, como do importe dos bens e dereitos afectados pola execución do proxecto Galicia Sports 360.

– Prazo de vixencia: o período de vixencia desta encomenda estenderase desde o día seguinte á súa sinatura ata a finalización da fase de determinación do prezo xusto dos bens e dereitos obxecto de expropiación.

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2026

Francisco Javier Abad Pardo
Secretario xeral técnico da Consellería de Presidencia,
Xustiza e Deportes