Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Terras Rurais de Pontevedra, dítase esta resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a seguir:
Feitos:
1. O 5 de maio de 2025, Juan José González Crespo, presidente do padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.
2. A Fundación Terras Rurais de Pontevedra constituírona a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común Santa María de Xeve, representada por Juan José González Crespo; a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Verducido, representada por Marcos Rey Pazos; a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común San Andrés de Xeve, representada por Jesús Benito Castro Castro; a entidade Montajes J.M. Iglesias, S.L., representada por José Manuel Iglesias Crespo, e a entidade Abilleira Forestal, S.L., representada por Francisco Abilleira González, mediante escritura pública outorgada o 6 de marzo de 2025, ante o notario de Vigo (Pontevedra) Ernesto Regueira Núñez, co número de protocolo 551.
3. A Fundación, consonte o artigo 6 dos seus estatutos, ten como obxecto «dinamizar o contorno rural da comarca próxima á cidade de Pontevedra e, por extensión, de Galicia, para aumentar a calidade de vida dos veciños, sempre baixo a premisa do respecto á contorna natural e o seu patrimonio rural».
4. Na escritura de constitución da Fundación constan os puntos relativos á identificación das persoas fundadoras; a súa capacidade e vontade de constituíla como de interese galego, conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; a dotación; os seus estatutos; e a composición do padroado inicial.
5. Nos estatutos da Fundación consta a súa denominación e natureza; a súa finalidade e as principais actividades para o seu cumprimento; o seu domicilio e ámbito de actuación; as regras para a aplicación dos recursos para cumprir os fins fundacionais e para a determinación das persoas beneficiarias; a composición e as normas de funcionamento do padroado, e as causas de disolución e o destino dos bens e dereitos resultantes da súa liquidación.
6. O padroado inicial da Fundación está formado pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común Santa María de Xeve, representada por Juan José González Crespo, como presidenta; a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Verducido, representada por Marcos Rey Pazos, como vicepresidenta; a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común San Andrés de Xeve, representada por Jesús Benito Castro Castro, como tesoureira; a entidade Montajes J.M. Iglesias, S.L., representada por José Manuel Iglesias Crespo, como secretaria; a entidade Abilleira Forestal, S.L., representada por Francisco Abilleira González, como vicesecretaria, e a entidade Olivos de Xeve, S.L., representada por Arturo Ramírez González, como vogal.
7. A Comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevoulle ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes proposta de clasificación como de interese para o desenvolvemento rural de Galicia da Fundación Terras Rurais de Pontevedra, consonte os seus fins fundacionais, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006 e de conformidade co establecido nos artigos 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego; e 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, o protectorado da Fundación será exercido pola Consellería do Medio Rural.
8. De conformidade con esta proposta, por Orde do 15 de decembro de 2025 da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, clasificouse de interese para o desenvolvemento rural de Galicia a Fundación Terras Rurais de Pontevedra e adscribiuse á Consellería do Medio Rural para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.
Fundamentos de dereito:
Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.
Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009 correspóndelle a esta consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Terras Rurais de Pontevedra, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.
Terceiro. A vista do disposto na Lei 12/2006, e nos decretos 14/2009 e 15/2009, e logo da emisión do regulamentario informe de idoneidade dos fins e de adecuación e suficiencia da dotación, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente para a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Terras Rurais de Pontevedra, polo que
RESOLVO:
1. Declarar de interese galego a Fundación Terras Rurais de Pontevedra.
2. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería do Medio Rural.
3. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; ao Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego. e ao Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, así como á demais normativa que resulte de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades; a ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos; así como a presentación anual da documentación contable e plan de actuación ante o protectorado, que será exercido pola Consellería do Medio Rural.
Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, pódese interpoñer un recurso de alzada ante a conselleira do Medio Rural, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, consonte os artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2026
Marta Forés Lojo
Secretaria xeral técnica da Consellería do Medio Rural
