DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Martes, 27 de xaneiro de 2026 Páx. 7619

III. Outras disposicións

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 15 de xaneiro de 2026 pola que se dá publicidade á declaración de interese público superior na protección fronte ao risco de inundación da actuación da apertura do azude de Carballo no río Belelle (Neda) (A Coruña).

A disposición adicional décimo oitava da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, dispón que o interese público superior na protección fronte ao risco de inundación para a execución de obras no ámbito das áreas de risco potencial significativo de inundación da demarcación hidrográfica de Galicia Costa que teñan por obxecto a recuperación ou a restauración da hidromorfoloxía da canle alterada por obras ou actividades realizadas no seu contorno e que teñan por finalidade a protección fronte ao risco de inundación deberá ser apreciado por resolución da Presidencia de Augas de Galicia.

O 24 de novembro de 2025 a Presidencia de Augas de Galicia apreciou o interese público superior na protección fronte ao risco de inundación da execución da actuación da apertura do azude de Carballo no río Belelle (Neda) (A Coruña) e dispuxo que se publicase esta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Tendo en conta o anterior e ao abeiro do disposto no artigo 15.3.n) da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia,

RESOLVO:

Publicar no Diario Oficial de Galicia e na páxina web de Augas de Galicia a Resolución do 24 de novembro de 2025, da Presidencia de Augas de Galicia, pola cal se aprecia o interese público superior na protección fronte ao risco de inundación da execución da actuación da apertura do azude de Carballo no río Belelle (Neda) (A Coruña), que se incorpora como anexo.

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2026

Roi Fernández Añón
Director de Augas de Galicia

ANEXO
Resolución do 24 de novembro de 2025, da Presidencia de Augas de Galicia, pola que se aprecia o interese público superior na protección fronte ao risco
de inundación da execución da actuación da apertura do azude de Carballo
no río Belelle (Neda) (A Coruña)

En relación co procedemento de declaración de interese público superior da actuación da apertura do azude de Carballo no río Belelle (Neda) (A Coruña), constan os seguintes

Antecedentes:

1. O 7 de novembro de 2025 o enxeñeiro de funcións facultativas de Augas de Galicia emitiu informe técnico no que se recolle o seguinte:

«1. A identificación e descrición da actuación prevista.

2. A localización xeográfica e referencia á área de risco potencial significativo de inundación na cal se inscribe.

3. A situación actual dos leitos dos ríos e as alteracións hidromorfolóxicas detectadas por obras ou actividades realizadas no seu contorno e as accións de recuperación ou restauración da hidromorfoloxía propostas.

4. A avaliación do risco existente para persoas, bens, infraestruturas públicas ou núcleos de poboación na situación actual e as ameazas que poden supoñer de se materializar o risco.

5. A xustificación da necesidade da execución da obra para reducir os riscos identificados e da súa urxencia.

6. A indicación de se a actuación se axusta aos criterios de recuperación ou de restauración hidromorfolóxica previstos no réxime especial da disposición adicional décimo oitava de referencia».

2. O 22 de novembro de 2025 o subdirector xeral de Réxime Xurídico de Augas de Galicia emitiu informe previo á resolución do procedemento, no cal se recolle o seguinte:

«Constando unha xustificación técnica e que a actuación se adecúa ao ámbito de aplicación da disposición adicional décimo oitava da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, concorren os requisitos legais para apreciar o interese público superior na protección fronte ao risco de inundación da actuación da apertura do azude de Carballo no río Belelle (Neda) (A Coruña)».

3. O 24 de novembro de 2025 o director de Augas de Galicia propuxo o seguinte:

«Apreciar o interese público superior na protección fronte ao risco de inundación da execución da actuación da apertura do azude de Carballo no río Belelle (Neda) (A Coruña)».

Fundamentos xurídicos:

Primeiro. Disposicións analizadas

– Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia (LAG).

– Real decreto 849/1986, do 11 de abril, polo que se aproba o Regulamento do dominio público hidráulico (RDPH).

– Plan de xestión de risco de inundacións ciclo 2021/2027, aprobado polo Real decreto 27/2023, do 17 de xaneiro (PXRI).

– Estatuto de Augas de Galicia, aprobado polo Decreto 32/2012, do 12 de xaneiro.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).

Segundo. Competencias de Augas de Galicia

Con carácter xeral correspóndelle a Augas de Galicia, no ámbito da xestión das concas intracomunitarias, as competencias que o ordenamento xurídico vixente na materia de augas atribúe aos organismos de conca, así como as que especificamente se regulen na LAG e no resto do ordenamento xurídico de aplicación (artigo 11 da LAG).

A declaración do interese público superior na protección fronte ao risco de inundación debe ser apreciada por resolución da Presidencia de Augas de Galicia, que corresponde á persoa titular da consellería competente en materia de augas (artigo 13 da LAG).

Terceiro. Réxime especial aplicable á execución de obras de recuperación ou restauración de canles para a protección fronte ao risco de inundacións

A disposición adicional décimo oitava da LAG establece:

«1. Na execución de obras no ámbito das áreas de risco potencial significativo de inundación da demarcación hidrográfica de Galicia Costa que teñan por obxecto a recuperación ou restauración da hidromorfoloxía da canle alterada por obras ou actividades realizadas no seu contorno, e que teñan por finalidade a protección fronte ao risco de inundación, non será necesario obter licenzas, autorizacións ou informes sectoriais preceptivos que sexan competencia da Comunidade Autónoma ou das entidades locais, nin someter o proxecto á exposición pública sobre a consideración do interese público superior en defensa da saúde e seguridade públicas que demanda a inmediata execución da obra para reducir os riscos identificados.

2. Para os efectos do indicado no punto anterior, o interese público superior na protección fronte ao risco de inundación deberá ser apreciado por resolución da Presidencia de Augas de Galicia, debendo valorarse especialmente a ameaza que a materialización dos riscos puidese ter para persoas e bens, infraestruturas públicas ou núcleos de poboación».

No caso que nos ocupa estamos ante obras que teñen por obxecto a recuperación ou a restauración da hidromorfoloxía da canle alterada por obras ou actividades realizadas no seu contorno e que teñen por finalidade a protección fronte ao risco de inundación, tal e como se recolle no informe técnico do 7 de novembro de 2025, do enxeñeiro de funcións facultativas de Augas de Galicia, e queda acreditado que a actuación proposta resulta necesaria para protexer valores fundamentais para a vida dos cidadáns, como é a súa seguridade, e a necesidade de que a Administración actúe. Ademais, tal e como se fundamenta no informe previo do 22 de novembro de 2025, concorren os requisitos legais para apreciar o interese público superior.

Consonte o exposto e ao abeiro do disposto no punto dous da disposición adicional décimo oitava da LAG

RESOLVO:

Apreciar o interese público superior na protección fronte ao risco de inundación da execución da actuación da apertura do azude de Carballo no río Belelle (Neda) (A Coruña).

As obras comprendidas nesta declaración terán a consideración de prioritarias e para a súa execución non será necesario obter licenzas, autorizacións ou informes sectoriais preceptivos que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia ou das entidades locais, nin someter o proxecto a exposición pública.

Notifíquese esta resolución aos interesados e publíquese no Diario Oficial de Galicia e na páxina web de Augas de Galicia.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse potestativo de reposición desde o día seguinte ao da súa notificación nos termos do artigo 123 da LPACAP ou directamente recurso contencioso-administrativo ante o xulgado do contencioso-administrativo que corresponda, de acordo cos artigos 8 e 14 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous (2) meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa notificación, consonte o disposto no artigo 46.1 da citada norma legal. Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2025. Ángeles Vázquez Mejuto, presidenta de Augas de Galicia.