DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Martes, 27 de xaneiro de 2026 Páx. 7624

III. Outras disposicións

Universidade da Coruña

RESOLUCIÓN do 12 de xaneiro de 2026 pola que se lle dá publicidade ao convenio de encomenda de xestión formalizado co organismo autónomo Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación (ANACA).

Ao abeiro do disposto no artigo 11 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, dáselle publicidade ao convenio de encomenda de xestión que figura como anexo, subscrito o 12 de xaneiro de 2026 entre o organismo autónomo Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación (ANACA) e a Universidade da Coruña para a avaliación da actividade investigadora de persoal docente e investigador contratado.

A Coruña, 12 de xaneiro do 2026

Ricardo Cao Abad
Reitor da Universidade da Coruña

ANEXO
Encomenda de xestión formalizada por convenio entre a Universidade da Coruña
e o organismo autónomo Axencia Nacional de Avaliación da Calidade
e Acreditación, para a avaliación da actividade investigadora de persoal docente
e investigador contratado

Reunidos:

Dunha parte, Pilar Paneque Salgado, en nome e representación da Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación (en diante, ANACA), organismo autónomo adscrito ao Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, segundo o Real decreto 472/2024, do 7 de maio, polo que se desenvolve a estrutura orgánica básica do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. Intervén en calidade de directora, nomeada polo Consello Reitor da ANACA (Resolución do 28 de febreiro de 2023, da Presidencia do Consello Reitor, pola que se publica o nomeamento), e actúa en virtude das atribucións que lle atribúe o artigo 16 do Estatuto do organismo autónomo ANACA, aprobado polo Real decreto 1112/2015, do 11 de decembro.

Doutra parte, Ricardo Cao Abad, reitor da Universidade da Coruña (en diante, UDC), que actúa en nome e representación desta universidade, co CIF Q6550005J, con sede na rúa da Mestranza, 9, 15001 A Coruña, conforme as atribucións que lle confire o artigo 126 dos estatutos da Universidade, aprobados polo Decreto 94/2025, do 6 de outubro (DOG do 27 de outubro), logo do seu nomeamento por medio do Decreto 1/2024, do 11 de xaneiro, polo que se nomea reitor da Universidade da Coruña o profesor doutor Ricardo José Cao Abad (DOG do 15 de xaneiro).

Expoñen:

1. Que a ANACA, a través da Comisión Nacional Avaliadora da Actividade Investigadora (en diante, CNAAI), de conformidade co previsto no Real decreto 1112/2015, do 11 de decembro, polo que se aproba o Estatuto do organismo autónomo ANACA, realiza mediante convocatorias de carácter anual da Secretaría Xeral de Universidades a avaliación da actividade investigadora dos funcionarios de carreira e interinos dos corpos docentes universitarios de universidades públicas, de conformidade co disposto no artigo 2.4.2 do Real decreto 1086/1989, do 28 de agosto, sobre retribucións do profesorado universitario, así como dos organismos públicos de investigación da Administración xeral do Estado, segundo a Orde CNU/1 181/2019, do 3 de decembro, pola que se establecen as bases comúns para a avaliación da actividade investigadora do persoal investigador funcionario das escalas científicas dos organismos públicos de investigación da Administración xeral do Estado, facendo uso da habilitación conferida pola disposición derradeira terceira do Real decreto 310/2019, do 26 de abril.

2. Que co obxectivo de impulsar a actividade de investigación, as universidades públicas e os organismos públicos de investigación precisan contar cun sistema de avaliación do seu persoal docente e investigador contratado, que sexa equiparable ao sistema de avaliación do seu persoal docente e investigador coa condición de funcionario de carreira e interino da universidade pública e os organismos públicos de investigación, equiparación en canto á avaliación mesma considerada, sen que iso se poida vincular en ningún caso, directa ou indirectamente, nin supoña un recoñecemento dun dereito retributivo do Real decreto 1086/1989, do 28 de agosto, para o persoal docente funcionario de carreira, ou do artigo 87 da Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario (en diante, LOSU).

3. Que os efectos das avaliacións que realice a ANACA baixo esta encomenda serán os que estableza, de ser o caso, a correspondente convocatoria da Universidade da Coruña, de conformidade coa normativa aplicable.

4. Que a ANACA e a Universidade da Coruña teñen un interese común na mellora da calidade da actividade investigadora do persoal docente e investigador, calquera que sexa o seu vínculo laboral, e a Universidade da Coruña está interesada en poder ter o dito sistema de avaliación do seu profesorado contratado non funcionario.

5. Que ambas as partes, con data do 5 de xaneiro de 2022, asinaron unha encomenda pola cal a Universidade da Coruña lle encomendou á ANACA a avaliación pola CNAAI da actividade investigadora do seu persoal docente e investigador contratado, que está próxima a vencer.

Tendo en conta o anterior, a ANACA e a Universidade da Coruña

Acordan:

Subscribir esta encomenda formalizada por convenio, ao abeiro do disposto no artigo 11 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, que se rexerá polas seguintes cláusulas:

Primeira. Obxecto

O obxecto desta encomenda é que a ANACA avalíe, a través da Comisión Nacional Avaliadora da Actividade Investigadora (CNAAI), a actividade investigadora do persoal docente e investigador contratado da Universidade da Coruña e, en concreto, das figuras que a Universidade da Coruña estableza na correspondente convocatoria.

De conformidade con iso, a convocatoria para a avaliación desta actividade investigadora realizaraa a Universidade da Coruña, por ser da súa competencia.

Esta avaliación realizarase cos mesmos criterios que aplica a ANACA nas súas avaliacións de sexenios para o persoal funcionario de universidade que leva a cabo a CNAAI.

Segunda. Obrigas da UDC

As obrigas da UDC son estas:

1. Realizar a convocatoria para o recoñecemento da actividade investigadora do persoal docente e investigador contratado que considere.

Esta convocatoria indicará a obrigatoriedade de iniciar o procedemento mediante a presentación das solicitudes de avaliación no Rexistro da Universidade da Coruña.

A Universidade da Coruña emitirá, de ser o caso, a correspondente autorización, necesariamente con data anterior á do peche da recepción de solicitudes na ANACA, para continuar coa tramitación na seguinte ligazón: https://sede.aneca.es

Na convocatoria recollerase que este documento de autorización será requisito indispensable que deberá formar parte da documentación que lle remitirá á ANACA a persoa interesada.

Na convocatoria establecerase que o prazo de remisión á ANACA das solicitudes se iniciará o primeiro día hábil un mes despois do inicio do prazo de presentación de solicitudes que estableza a resolución da Secretaría Xeral de Universidades pola que se aproba a convocatoria de avaliación da actividade investigadora anualmente do profesorado funcionario pola CNAAI (coñecida como convocatoria ordinaria).

A Universidade da Coruña terá en conta, para os efectos do prazo de resolución que estableza na súa convocatoria, que as solicitudes de avaliación que se reciban baixo esta encomenda serán despachadas na ANACA, en todo caso, tras a revisión administrativa das solicitudes do persoal docente e investigador funcionario. A ANACA remitirá os informes correspondentes nun prazo dun mes desde a finalización do trámite de notificación das resolucións do Pleno da CNAAI da convocatoria da Secretaría Xeral de Universidades para o persoal funcionario.

2. Remitirlle á ANACA unha listaxe coas solicitudes de tramo autorizadas para avaliar, por sede electrónica, poñendo no asunto «Solicitudes avaliables CNAAI convocatoria xxxx», en que «xxxx» será o ano da convocatoria de que se trate. Será unha única listaxe editable e ordenada alfabeticamente, onde se identifiquen as solicitudes autorizadas, xunto coa seguinte información: nome da universidade/razón social, NIF, domicilio fiscal, persoa de contacto, órgano xestor, unidade tramitadora, oficina contable, órgano propoñente e calquera outra información relevante para o pagamento do custo.

3. Resolver os procedementos de avaliación da actividade avaliada, así como asumir todos os actos administrativos e resolucións que da tramitación da convocatoria poidan xurdir, por ser da súa competencia.

4. En caso de que a Universidade da Coruña resolva en sentido contrario ao informe remitido pola ANACA, informará a ANACA dos motivos do cambio de sentido da avaliación.

5. Cando se interpoña un recurso contra a resolución dos procedementos de avaliación da actividade investigadora, a Universidade da Coruña poderá solicitarlle un informe á ANACA. Posteriormente, a Universidade da Coruña ditará a resolución administrativa que poña fin ao recurso e informará a ANACA do resultado da resolución do recurso.

Terceira. Obrigas da ANACA

As obrigas da ANACA son estas:

1. Avaliar as solicitudes de tramos de investigación do persoal docente e investigador contratado da Universidade da Coruña que autorizasen, seguindo os criterios de avaliación da CNAAI.

Para iso, a ANACA porá á disposición da Universidade da Coruña a ligazón en que os solicitantes poderán continuar o procedemento administrativo (https://sede.aneca.es) unha vez que conten coa súa autorización.

A ANACA manterá aberta a citada ligazón durante un período de tempo idéntico ao que se determinase na resolución da Secretaría Xeral de Universidades pola que se aproba a convocatoria ordinaria de avaliación da actividade investigadora.

2. Emitir un informe técnico por cada solicitude de avaliación.

No informe técnico, a obra sometida a valoración cualificarase dentro do rango de 0 a 10. O informe técnico seralle remitido despois á Universidade.

3. Establecer o procedemento para seguir na avaliación do persoal docente e investigador contratado da Universidade ou centro de investigación. Este procedemento respectará os criterios e as normas aplicables ao procedemento xeral de avaliación da actividade investigadora do profesorado funcionario de universidade, coas excepcións establecidas nesta encomenda.

4. En canto aos prazos, de acordo co indicado na cláusula segunda, as solicitudes de avaliación que se reciban baixo esta encomenda serán despachadas na ANACA tras a revisión administrativa das solicitudes do persoal docente e investigador funcionario, polo que os informes se lle remitirán á Universidade da Coruña no prazo dun mes desde a finalización do trámite de notificación das resolucións do Pleno da CNAAI da convocatoria ordinaria.

5. Emitir informe no caso das eventuais impugnacións que se poidan realizar conforme se prevé na cláusula anterior.

Cuarta. Compensación de gastos

A Universidade da Coruña compensaralle á ANACA os gastos que teña na realización das avaliacións a que se refire esta encomenda, con cargo á súa partida orzamentaria. O importe que se vai compensar comprende os gastos directos e indirectos xerados da actividade de avaliación e un custo equivalente á utilidade derivada deles.

No seo da Comisión Mixta de Seguimento, a ANACA emitirá unha liquidación de gastos da encomenda en que se farán constar as solicitudes de avaliación de tramo de investigación recibidas e o importe que terá que pagar a Universidade da Coruña.

Cada tramo corresponde a un sexenio de investigación. O custo da avaliación de cada tramo de investigación que se solicite avaliar será de 250,00 €. Unha persoa solicitante poderá presentar unha solicitude para a avaliación dun máximo de seis tramos de investigación (seis sexenios).

O importe total estimado durante a vixencia desta encomenda estará entre un mínimo de 250 €, atendendo ao custo da solicitude de avaliación dun tramo de investigación, e un máximo de 150.000 €, cunha previsión de avaliación de 60 solicitudes de tramos.

Os membros dos comités asesores percibirán asistencias con cargo ao capítulo 2 do orzamento da ANACA (sección 33, programa 322C, artigo 23), sempre de conformidade co disposto no artigo 27 e seguintes do Real decreto 462/2002, do 24 de maio, sobre indemnizacións por razón do servizo, e cos límites establecidos para o efecto polo Ministerio de Facenda na Resolución da Secretaría de Estado de Orzamentos e Gastos, do 11 de febreiro de 2025, ou as correspondentes autorizacións aprobadas para o efecto durante a vixencia desta encomenda.

Quinta. Solicitudes de avaliación

Os solicitantes de avaliación que fosen autorizados pola Universidade da Coruña no marco da súa convocatoria utilizarán a plataforma electrónica proporcionada pola ANACA para remitir a documentación.

A ANACA non admitirá solicitudes presentadas na plataforma que non estean acompañadas da correspondente autorización previa da Universidade da Coruña.

As persoas interesadas non poderán solicitar a avaliación de tramos que xa recibisen unha avaliación positiva da CNAAI por convenio con outra universidade.

Sexta. Titularidade da competencia

Esta encomenda de xestión non supón unha cesión da titularidade das competencias das partes nin dos elementos substantivos do seu exercicio.

A Universidade da Coruña ditará os actos ou as resolucións que dean soporte, ou en que se integre, a avaliación que realizará a ANACA baixo esta encomenda.

Sétima. Protección de datos persoais

A Universidade da Coruña, responsable de tratamento, porá á disposición da ANACA os datos persoais das persoas solicitantes, necesarios para facer posible a avaliación a que se refire este convenio. A ANACA, encargada do tratamento, comprométese a tratar os datos con esa única e exclusiva finalidade. Unha vez realizada a avaliación, a ANACA devolverá os datos proporcionados pola Universidade, xunto con cada informe de avaliación, e suprimirá as copias existentes a menos que se requira a conservación dos datos persoais en virtude do dereito da Unión Europea ou de España.

De acordo co previsto no artigo 6.1.e) do Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos; en diante, RXPD), o tratamento dos datos referidos no parágrafo anterior é necesario para o cumprimento dunha misión realizada en interese público por parte da Universidade, a garantía da calidade establecida como fin esencial da política universitaria no artigo 5 da Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, e a valoración, entre outras, da actividade investigadora e a actividade de transferencia e intercambio ou do coñecemento e innovación como conceptos avaliables para os efectos retributivos e de promoción, a que se refiren os artigos 11.6 e 76.2 da mesma lei orgánica. A Universidade da Coruña facilitaralle a cada persoa avaliada, no momento da recollida dos datos, a información prevista no artigo 13 do RXPD.

A ANACA non aplicará os datos nin os utilizará cun fin distinto ao previsto neste convenio, nin llelos comunicará, nin sequera para a súa conservación, a outras persoas, exceptuando os avaliadores e avaliadoras encargados da avaliación. Así mesmo, comprométese a non realizar ningunha cesión dos ditos datos e observará en todo momento, e en relación cos datos de carácter persoal que lle poidan ser entregados para a realización dos traballos de avaliación, o deber de confidencialidade e segredo profesional disposto no artigo 28.3.b) do RXPD, así como na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e no resto de normas aplicables a esta materia, de conformidade cos cales a ANACA garantirá que os seus avaliadores que poidan acceder aos ditos datos se comprometan a respectar a dita confidencialidade.

Non será posible realizar subcontratacións a terceiros do servizo que a encargada do tratamento lle presta á responsable do tratamento.

A ANACA manifesta cumprir coa normativa vixente en materia de protección de datos de carácter persoal e, en particular, co RXPD e co resto de disposicións vixentes na materia. As medidas de seguridade implantadas na ANACA correspóndense coas previstas no anexo II (Medidas de seguridade) do Real decreto 311/2022, do 3 de maio, polo que se regula o Esquema nacional de seguridade.

A ANACA notificaralle á Universidade da Coruña, sen dilación indebida e a través do enderezo de correo electrónico que esta lle indique, as violacións da seguridade dos datos persoais ao seu cargo de que teña coñecemento, xunto con toda a información relevante para a documentación e comunicación da incidencia. Así mesmo, porá á disposición da Universidade toda a información necesaria para demostrar o cumprimento das obrigas establecidas no artigo 28 do RXPD, así como para permitir e contribuír á realización de auditorías, incluídas inspeccións, por parte da persoa responsable ou doutro auditor autorizado pola dita responsable.

Sen prexuízo do disposto no artigo 82 do RXPD, se a ANACA infrinxe este documento e o disposto na dita norma ao determinar os fins e medios do tratamento, será considerada responsable do tratamento con respecto ao dito tratamento.

Oitava. Extinción

Esta encomenda extinguirase polo cumprimento do seu obxecto ou por incorrer nalgunha causa de resolución.

Son causas de resolución estas:

a) O transcurso do prazo de vixencia sen se ter acordado a prórroga.

b) Por mutuo acordo das partes que a asinan.

c) Por circunstancias que fagan imposible ou innecesaria a realización das actuacións obxecto deste convenio.

d) Polo incumprimento das obrigas e dos compromisos asumidos por algunha das partes que asinan o convenio. Neste caso, as partes faranse un aviso previo por vinte (20) días para evitar, de ser iso posible, a extinción, o que tamén lle comunicarán á Comisión de Seguimento. Se, transcorrido o prazo indicado no requirimento, persiste o incumprimento, a parte que o dirixiu notificaralles ás partes que asinan este convenio a concorrencia da causa de resolución e o convenio entenderase resolto, o cal non comportará dereito a indemnización.

e) Por decisión xudicial declaratoria da nulidade do convenio.

f) Pola asunción, por parte da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), da avaliación da actividade investigadora do persoal docente e investigador contratado das universidades de Galicia.

g) A introdución de cambios relevantes no sistema de avaliación da actividade investigadora que afecte a continuidade e non faga posible o mantemento da avaliación segundo o previsto nesta encomenda formalizada por convenio.

h) Calquera outra causa prevista no ordenamento xurídico.

Novena. Modificación

Esta encomenda poderá ser modificada por mutuo acordo das partes que a asinan na Comisión Mixta de Seguimento, por solicitude de calquera das partes.

Décima. Vixencia

Esta encomenda formalizarase pola prestación do consentimento das partes a través da súa sinatura e deberá ser publicada no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co artigo 11.3 da Lei 40/2015, do 1 de outubro. A tramitación desta publicación será realizada pola Universidade da Coruña.

O convenio terá unha duración dun ano desde o 1 de xaneiro e seralles de aplicación ás avaliacións que realice a ANACA no mesmo período da convocatoria correspondente da Secretaría Xeral de Universidades que estea en curso.

Logo da revisión da Comisión Mixta de Seguimento, este convenio poderá ser prorrogado expresamente por mutuo acordo das partes con antelación á data de expiración, por un período dun ano máis, para a seguinte convocatoria, mediante a subscrición da correspondente prórroga.

Décimo primeira. Comisión Mixta de Seguimento

O seguimento desta encomenda realizarao unha comisión mixta formada por ambas as partes, a través de dous representantes de cada unha delas, que serán designados polas partes que asinan o convenio, as cales resolverán as controversias que poidan presentarse sobre a interpretación e execución da encomenda, e cuxo funcionamento se rexerá polo disposto no artigo 15 e os seguintes da Lei 40/2015, do 1 de outubro. Así mesmo, coñecerá os distintos aspectos referidos neste convenio.

Esta comisión de seguimento reunirase ao finalizar o dito seguimento para acordar a liquidación dos gastos que deban serlle aboados pola Universidade da Coruña á ANACA, de conformidade co sinalado na cláusula cuarta.

Na falta de acordo, as partes acordan someterse aos xulgados e tribunais da orde xurisdicional contencioso-administrativa.

Décimo segunda. Réxime xurídico

Este convenio é unha encomenda de xestión das previstas no artigo 11 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e ten natureza administrativa.

Décimo terceira. Finalización de encomendas anteriores

A ANACA e a Universidade da Coruña acordan resolver a encomenda subscrita por ambas as partes para a avaliación da actividade investigadora do persoal docente e investigador contratado da Universidade da Coruña, con data do 5 de xaneiro de 2022, que se declara, por conseguinte, resolta e extinta.

En proba de conformidade, ambas as partes subscriben esta encomenda, para un só efecto, no lugar e nas datas da sinatura electrónica. Tomarase como data de formalización deste documento a data da última sinatura.

Pola Universidade da Coruña, Ricardo Cao Abad

Pola Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación, Pilar Paneque Salgado