BDNS (Identif.): 882957.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/882957
Primeiro. Entidades beneficiarias
As universidades públicas do Sistema universitario de Galicia (SUG), os organismos públicos de investigación de Galicia, as fundacións públicas de investigación sanitaria de Galicia (Fundación Pública Galega Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica INIBIC, Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica Galicia Sur) e os centros do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) radicados en Galicia, que contraten as persoas seleccionadas a través dun contrato predoutoral de duración determinada e con dedicación a tempo completo, en virtude do cal a persoa seleccionada quedará vinculada á institución onde desenvolva a súa actividade e ambas as partes asumirán as obrigas contractuais que deriven del e que, en todo caso, se adecuarán ao contido da solicitude de axuda.
Poderán acceder a estas axudas os organismos e as entidades sinalados no parágrafo anterior que presenten como candidatas a ser destinatarias delas persoas que cumpran, na data de peche da convocatoria, os requisitos que se indican no artigo 2 da convocatoria.
Segundo. Obxecto
Esta orde establece as bases reguladoras e a convocatoria das axudas de apoio á etapa predoutoral da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva. O obxecto do programa de apoio á etapa predoutoral é outorgarlles axudas ás universidades públicas do SUG, aos organismos públicos de investigación de Galicia, ás fundacións públicas de investigación sanitaria de Galicia (Fundación Pública Galega Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica INIBIC, Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica Galicia Sur) e aos centros do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) radicados en Galicia, que contraten persoas tituladas superiores para a súa formación como doutoras e doutores nos seus centros (código de procedemento ED481A para as universidades do SUG e IN606A para as demais entidades).
Este programa procura a formación de persoas investigadoras para a obtención do título de doutoramento e a adquisición das competencias e habilidades relacionadas coa investigación dentro dun programa de doutoramento.
Co obxecto de que as persoas investigadoras destinatarias destas axudas poidan acadar a mención de doutora ou doutor internacional, de acordo co establecido no Real decreto 99/2011, do 28 de xaneiro, fináncianse estadías de tres meses de duración no estranxeiro.
Terceiro. Bases reguladoras
Publícanse conxuntamente coa convocatoria.
Cuarto. Contía
O importe total da convocatoria é de 12.403.200,00 euros para os anos 2026, 2027, 2028, 2029 e 2030.
Convócanse 102 axudas (90 para as universidades do SUG e 12 para o resto de entidades beneficiarias) dun máximo de catro anos de duración. O importe de cada axuda inclúe os seguintes conceptos:
1. Durante a primeira e a segunda anualidade, cada axuda é de 24.600 € anuais; para o terceiro ano é de 25.200 € e de 30.600 € durante o cuarto ano. Durante o período de orientación posdoutoral, o importe máximo é de 31.500 €/ano.
2. Estadías de tres meses de duración no estranxeiro de ata 6.000 € en función da zona.
3. Un complemento anual por axuda de 1.300 €, destinado ás entidades beneficiarias para cubrir os gastos asociados á contratación, para o seguro durante o período de estadía e para cubrir o custo da matrícula no programa de doutoramento.
4. Se as persoas contratadas depositan a súa tese de doutoramento na universidade onde estean matriculadas, para a súa lectura e aprobación, dentro do período de duración do contrato predoutoral, recibirán no último ano deste un premio de 1.000 €, que non terá a consideración de salario. As entidades beneficiarias recibirán o importe deste premio, que deberán aboarlles integramente ás persoas contratadas.
5. En aplicación do artigo 21, letra e), da Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, ao remate do contrato por expiración do tempo convido, a persoa traballadora terá dereito a percibir unha indemnización de contía equivalente á prevista para os contratos de duración determinada no artigo 49 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores. Para cubrir o custo da indemnización ao final do contrato, incluirase unha axuda total de 3.500 €.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación será dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.
Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia,
Universidades e Formación Profesional
P.D. (Orde do 5.6.2024)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Ciencia,
Universidades e Formación Profesional
