Expediente: IN407A 2025/085-1.
Promotora: Xunta de Compensación, de Polígono Léste SUD-5 Icaria IV.
Denominación do proxecto: LMTS, RBTS e 2 CT prefabricados de 630 kVA e 400 kVA en urbanización Icaria IV, Polígono Léste SUD-5.
Concello: Oleiros.
Feitos
1. O día 13 de maio de 2025, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da instalación de distribución eléctrica mencionada. Co obxecto de dar servizo ao futuro polígono residencial.
Ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, presentan o proxecto que inclúe memoria, planos e orzamento e que comprende os seguintes documentos:
1º. Proxecto de execución denominado LMTS, RBTS e 2 CT prefabricados de 630 kVA e 400 kVA en urbanización Icaria IV, Polígono Léste SUD-5, asinado o día 23.2.2025 por Rubén Darío Suárez-Torga y Martínez, enxeñeiro industrial, número de colexiado 2.380 de Galicia, con número de visado 20250460, do 26.2.2025.
2º. Anexo II ao proxecto LMTS, RBTS e 2 CT prefabricados de 630kVAs e 400kVAs en urbanización Icaria IV, Polígono Léste SUD-5, asinado o día 11.12.2025 por Rubén Darío Suárez-Torga y Martínez, enxeñeiro industrial, número de colexiado 2.380 de Galicia, con número de visado 20253414, do 12.12.2025.
2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).
3. Consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, solicitouse o informe preceptivo ás distintas entidades afectadas: R-Cable, Nedgia e Concello de Oleiros.
A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos informes emitidos no prazo outorgado para ese efecto.
4. O día 19.12.2025 emitiuse o informe técnico.
Consideracións legais e técnicas:
Primeira. O director territorial é competente para resolver este expediente, ao abeiro do disposto no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio).
Segunda. Lexislación de aplicación:
– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
– Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.
– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).
Terceira. Características técnicas:
As instalacións obxecto deste expediente están situadas no Polígono Léste SUD-5, Perillo no concello de Oleiros e as súas características técnicas son as seguintes:
1. Nova liña de media tensión soterrada a 16 kV, en condutor RHZ1-2OL 12/20 3x(1x240)Al, cunha lonxitude de 724 m, coa orixe e fin en empalmes que se van realizar en arqueta existente na LMTS SMC725, no tramo comprendido entre o CT 15CYC4 e CT15CVG7, unha vez que entra e saia dos CT proxectados.
2. Dous novos CT compactos soterrados, de 400 kVA e 630 kVa respectivamente, e relación de transformación 15.000/420 V.
Cuarta. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos deste departamento territorial.
De acordo con todo o exposto,
RESOLVO:
a) Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción para a dita instalación de distribución eléctrica.
b) A instalación executarase no prazo de dous anos, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. En todo caso, deberán respectarse os prazos establecidos no artigo 13.9 do Regulamento (UE) 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de febreiro de 2024, sobre os gases fluorados de efecto invernadoiro, polo que se modifica a Directiva (UE) 2019/1937, e se derroga o Regulamento (UE) nº 517/2014 (DOUE nº 573, do 20 de febreiro de 2024), sobre prohibicións para a posta en funcionamento de aparellos eléctricos que empregue gases fluorados de efecto invernadoiro, ou cuxo funcionamento dependa deles, nun medio illante ou de rotura.
c) Para a posta en explotación da instalación autorizada, deberá achegar perante este departamento territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:
– As declaracións de conformidade relativas ao material ou ao equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.
– Un certificado do/a director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.
– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
d) Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial, no relativo á ordenación do territorio e ao medio ambiente.
O incumprimento das condicións e dos requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia ao interesado, segundo o establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada perante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.
Mediante este documento notifícaselles ás persoas interesadas esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da dita Lei 39/2015.
A Coruña, 22 de decembro de 2025
Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña
