Expediente: IN407A 2024/271-1.
Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Denominación da instalación: Ampliación de potencia do CT Cundíns (15AFW8).
Concello: Cabana de Bergantiños.
Feitos:
1. A empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e de construción, máis a aprobación do proxecto de execución da instalación eléctrica o 3.9.2024.
2. O día 24.3.2025, este departamento territorial resolveu conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción á dita instalación de distribución eléctrica, cun prazo de execución de dous anos, contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.
3. O día 12.1.2026, a empresa promotora presenta escrito de renuncia á autorización outorgada, ao abeiro do artigo 94 da Lei 39/2015 do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Consideracións legais e técnicas:
1. O director territorial é competente para resolver este expediente, ao abeiro do disposto no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio).
2. Lexislación de aplicación:
– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).
– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (BOE núm. 236, do 2 de outubro).
– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE núm. 310, do 27 de decembro).
– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica (BOE núm. 310, do 27 de decembro).
– Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas (BOE núm. 246, do 14 de outubro).
– Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).
3. O artigo 21.1 da dita Lei 39/2015 establece que «A Administración está obrigada a ditar resolución expresa e a notificala en todos os procedementos calquera que sexa a súa forma de iniciación. Nos casos de prescrición, renuncia do dereito, caducidade do procedemento ou desistencia da solicitude, así como de desaparición sobrevida do obxecto do procedemento, a resolución consistirá na declaración da circunstancia que concorra en cada caso, con indicación dos feitos producidos e as normas aplicables».
Así mesmo, o seu artigo 94.1 establece que «Toda persoa interesada poderá desistir da súa solicitude ou, cando iso non estea prohibido polo ordenamento xurídico, renunciar aos seus dereitos». Pola súa banda, o artigo 94.4 da mesma lei sinala que «A Administración aceptará de plano a desistencia ou a renuncia, e declarará concluso o procedemento salvo que, tendo comparecido nel terceiros interesados, estes instasen a súa continuación no prazo de dez días desde que foron notificados da desistencia ou renuncia».
4. Á vista dos preceptos citados, logo de analizar o expediente e xa que non existen terceiras persoas interesadas ou afectadas, este departamento territorial entende que non existe inconveniente ningún en aceptar de plano a renuncia solicitada.
De acordo con todo o sinalado,
RESOLVO:
Aceptar a solicitude de renuncia formulada pola empresa promotora, deixando sen efecto a Resolución deste departamento territorial, do 24 de marzo de 2025, de autorización administrativa previa e a de autorización administrativa de construción.
Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada perante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren axeitado. Mediante este documento notifícase a resolución correspondente ao expediente que se indica, segundo o exixido no artigo 40 e seguintes da Lei 39/2015.
A Coruña, 13 de xaneiro de 2026
Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña
