De conformidade co establecido nos artigos 524, punto 1, e 526, punto 2, da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial; nos artigos 56 e seguintes do Real decreto 1451/2005, do 7 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de ingreso, provisión de postos de traballo e promoción profesional do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza; e mais na Resolución do 29 de agosto de 2025, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se aproba a relación de postos de traballo da Secretaría de Goberno e das oficinas de xustiza. Fase III, anúnciase a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de traballo cuxa descrición se especifica no anexo I desta convocatoria, consonte as seguintes bases:
Primeira. Participantes
1. O posto de traballo que se convoca pode ser solicitado por persoal funcionario de carreira pertencente ao corpo de tramitación procesual e administrativa, calquera que sexa a súa situación administrativa, excepto que se atope nalgunha das situacións previstas no punto 2, sempre que reúna as condicións xerais exixidas e os requisitos determinados nesta convocatoria na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e se manteñan ata a súa resolución.
2. Non poderán tomar parte nesta convocatoria:
a) As persoas declaradas suspensas en firme, mentres dure a suspensión.
b) O persoal funcionario que se atope en situación de excedencia voluntaria por interese particular, durante o período mínimo obrigatorio de permanencia na dita situación.
c) As persoas sancionadas con traslado forzoso, ata que transcorran un ou tres anos, se se trata dunha falta grave ou moi grave respectivamente, para o destino na mesma localidade en que se lles impuxo a sanción.
Segunda. Presentación de solicitudes
As persoas interesadas deberán presentar as súas solicitudes segundo o anexo II, nas cales farán constar os seus datos persoais, o posto de traballo actual e mais o posto ao cal aspiran, no prazo de cinco días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Boletín Oficial del Estado.
As solicitudes irán dirixidas á Dirección Xeral de Xustiza, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, e presentaranse por vía electrónica na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) empregando o procedemento xenérico PR004A e achegando o anexo II coa solicitude.
Canda a solicitude deberá achegarse un currículo e a documentación acreditativa dos méritos alegados para o posto solicitado.
Igualmente, xuntarase á instancia unha memoria asinada na cal, nunha extensión non superior aos cinco (5) folios, o/a candidato/a realizará unha análise das tarefas do posto solicitado e das condicións e dos medios necesarios para o seu desempeño, facendo constar, así mesmo, propostas de mellora no desenvolvemento das funcións e todas aqueloutras cuestións que o/a aspirante considere de interese ou importancia, con base na descrición das funcións do posto.
A Dirección Xeral de Xustiza ou o/a secretario/a de Goberno poderán realizarlles unha entrevista persoal ás persoas interesadas.
Terceira. Resolución e adxudicación de destino
Esta convocatoria será resolta pola Dirección Xeral de Xustiza, e o nomeamento efectuarase no prazo máximo de dous meses contados desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes. O dito prazo poderá prorrogarse, excepcionalmente, ata un mes máis.
A persoa designada poderá ser cesada con carácter discrecional pola mesma autoridade que a nomeou.
Tamén poderá renunciar ao devandito posto de traballo mediante solicitude razoada na cal fará constar os motivos profesionais ou persoais para esta renuncia, sempre que desempeñase o citado posto polo menos durante un ano.
O persoal funcionario que sexa nomeado con carácter definitivo nun posto de libre designación, cando cese no dito cargo será adscrito provisionalmente a unha praza vacante xenérica na localidade onde estaba a prestar servizos, e deberá participar no primeiro concurso de traslados en que se oferten prazas na dita localidade. Neste concurso gozará de preferencia para ocupar as vacantes de carácter xenérico da mesma localidade onde estaba a prestar servizos cando se produciu o seu cesamento.
Cuarta. Publicación da resolución
A resolución desta convocatoria publicarase no DOG e mais no BOE e poderase declarar deserta se se considera oportuno.
Quinta. Recursos
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante a Dirección Xeral de Xustiza no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Boletín Oficial del Estado, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; ou poderán impugnala directamente perante o xulgado do contencioso-administrativo competente no prazo de dous meses contados a partir da mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2026
José Tronchoni Albert
Director xeral de Xustiza
ANEXO I
Centro de destino: Secretaría de Goberno
|
Código do posto |
Denominación |
CXP |
CE |
Corpo |
Observacións |
|
XG92589000150307014.13 |
Tramitación-Xefatura SG en Pontevedra |
3.587,52 |
11.318,40 |
CTPA |
Dispoñibilidade horaria. Posto localizado en Pontevedra |
