Á vista da solicitude formulada polo Concello de Narón, relativa á clasificación do posto de traballo de viceinterventor/a como reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional (en diante, PFHN), emítese resolución con base nos seguintes
Antecedentes de feito:
Primeiro e único. O Concello de Narón achegou a través do rexistro electrónico da Xunta de Galicia (núm. 2026/35083 e núm. 2026/60646) a solicitude relativa á clasificación do posto de traballo de viceinterventor/a como reservado a PFHN e xuntou a esta petición a seguinte documentación:
– Memoria económica e xurídica xustificativa para a clasificación do posto de viceinterventor/a do Concello de Narón como reservado a PFHN.
– Certificación relativa aos recursos do último orzamento consolidado aprobado pola entidade local (Concello e Padroado de Cultura), correspondente ao exercicio 2025, polo importe de 41.456.217,00 euros.
– Certificación relativa á cifra do último padrón municipal do Concello de Narón segundo a última rectificación referida a 1.1.2025 aprobada polo Instituto Nacional de Estatística, que ascende a 39.953 habitantes.
– Certificado da secretaría municipal relativo ao acordo plenario do 12.8.2025, polo que se aproba inicialmente a modificación da relación de postos de traballo do Concello de Narón na cal figura o posto de traballo reservado de viceinterventor/a como reservado a PFHN.
No citado certificado acredítase que o dito acordo de aprobación inicial se expuxo ao público durante o período de 20 días mediante a súa publicación no Boletín Oficial da provincia da Coruña núm. 156, do 19.8.2025, sen que se presentasen reclamacións a este, polo que quedou elevado a definitivo e publicouse no Boletín Oficial da Provincia da Coruña núm. 181, do 23.9.2025.
Polo que pode considerarse completado o expediente para os efectos de continuar coa súa tramitación.
Fundamentos de dereito:
Primeiro. O artigo 92.bis, punto 4, da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local (en diante, LRBRL), dispón que o Goberno, mediante real decreto, regulará as especialidades da creación, a clasificación e a supresión de postos de PFHN, así como as que poidan corresponder ao seu réxime disciplinario e de situacións administrativas.
As previsións contidas no citado precepto foron obxecto de desenvolvemento en virtude do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional (en diante, Real decreto 128/2018).
Segundo. O artigo 6 do Real decreto 128/2018 establece que son postos de traballo reservados a PFHN os que teñan expresamente atribuída, segundo corresponda, a responsabilidade administrativa das funcións reservadas de fe pública e asesoramento legal preceptivo, control e fiscalización interna da xestión económico financeira e orzamentaria e a contabilidade, a tesouraría e a recadación; debendo ser a relación de postos de traballo ou instrumento organizativo similar de cada entidade local onde queden reflectidas a denominación e as características esenciais dos citados postos de traballo reservados.
Terceiro. Pola súa banda, o artigo 15 do Real decreto 128/2018 regula a posibilidade das entidades locais de crear discrecionalmente outros postos de traballo que teñan atribuídas funcións de colaboración inmediata e auxilio ás de Secretaría, Intervención e Tesouraría. Estes postos de traballo estarán reservados a PFHN e exercerán as súas funcións baixo a dependencia funcional e xerárquica dos titulares dos últimos postos de traballo mencionados.
A estes postos de colaboración corresponderanlles as funcións reservadas que, previa autorización do/da alcalde/sa ou presidente da corporación, lles encomenden os titulares dos postos reservados de Secretaría, Intervención e Tesouraría e a substitución destes últimos nos casos de vacante, ausencia, enfermidade ou concorrencia de causa de abstención ou recusación legal ou regulamentaria destes.
Cuarto. A clasificación destes postos de colaboración correspóndelle á Comunidade Autónoma de acordo cos criterios sinalados no artigo 15.3 do Real decreto 128/2018, que na súa letra b), indica que nas entidades locais con postos de Secretaría e Intervención clasificados en clase 1ª os postos de colaboración ás funcións de secretaría poderán clasificarse en 1ª, 2ª e 3ª clase, e ser adscritos, respectivamente, ás subescalas de Intervención-Tesouraría, categoría superior, Intervención-Tesouraría, categoría de entrada e á subescala de Secretaría-Intervención.
O Concello de Narón considera necesaria a creación deste posto de colaboración debido ao aumento exponencial das funcións e das responsabilidades atribuídas aos órganos de control interno local durante esta década. Estas novas atribucións legais supoñen un incremento tanto do volume de traballo como das responsabilidades da área, polo que resulta necesario reforzar a súa estrutura orgánica dotándoa de persoal cualificado para a realización destas tarefas de control, para a consecución dunha maior eficacia e eficiencia no desempeño das funcións propias da Intervención municipal e, por extensión, dada a súa afectación transversal, ao resto das áreas municipais.
Quinto. O Real decreto 128/2018 atribúe ás comunidades autónomas, no seu respectivo ámbito territorial, a competencia para clasificar os postos reservados a PFHN, regulando o artigo 10 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre exercicio de competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, as normas xerais para clasificación de postos de traballo reservados a PFHN.
A Dirección Xeral de Administración Local é competente para a adopción deste acordo, segundo o establecido no artigo 29.3.g) do Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e no artigo 1.5 da Orde do 12 de xuño de 2024, sobre delegación de competencias na Secretaría Xeral Técnica e noutros órganos da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.
En virtude do anteriormente exposto, e tendo en conta o informe emitido pola subdirectora xeral de Réxime Xurídico Local,
RESOLVO:
Primeiro. Clasificar o seguinte posto de traballo como reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional no Concello de Narón, coas seguintes características:
Entidade local: Concello de Narón.
Posto: viceinterventor/a.
Subescala: Intervención-Tesouraría, categoría de entrada.
Forma de provisión: concurso de méritos.
Nivel de complemento de destino: 29.
Segundo. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e remitir a publicación á Dirección Xeral da Función Pública do Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, de conformidade co establecido nos artigos 8, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, e con carácter previo, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso administrativo de reposición, ante este órgano directivo, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015. Así mesmo, a entidade local poderá presentar previamente requirimento no prazo de dous meses conforme o disposto no artigo 44 da dita Lei 29/1998.
Santiago de Compostela, 14 de xaneiro de 2026
Natalia Prieto Viso
Directora xeral de Administración Local
