DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Xoves, 29 de xaneiro de 2026 Páx. 8361

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 30 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas, en concorrencia competitiva, para investimentos en reforestación con especies de frondosas e/ou coníferas, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da política agrícola común de España para o período 2023-2027, e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento MR605D).

BDNS (Identif.): 882176.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/882176

Primeiro. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas para investimentos en reforestación con especies de frondosas e/ou coníferas, que se concederán en réxime de concorrencia competitiva, e convocar estas axudas para o ano 2026 (código de procedemento MR605D).

2. No marco desta orde inclúense as axudas previstas na intervención 6883, investimentos forestais produtivos, recollida no Plan estratéxico da política agraria común de España 2023-2027 (PEPAC), cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), a través das seguintes subintervencións:

a) Subintervención 6883_01, Investimentos forestais produtivos_1, destinada a financiar actuacións de reforestación produtiva con especies de frondosas (liña II e liña III).

b) Subintervención 6883_02, Investimentos forestais produtivos_2, destinada a financiar actuacións de reforestación produtiva con especies de coníferas (liña I).

Segundo. Bases reguladoras

Orde do 30 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas, en concorrencia competitiva, para investimentos en reforestación con especies de frondosas e/ou coníferas, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da política agrícola común de España para o período 2023-2027, e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento MR605D).

Terceiro. Persoas beneficiarias

1. Serán beneficiarias as persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares dos terreos obxecto de axuda, entendendo por titulares tanto propietarios como arrendatarios ou xestores.

2. Non poderán ser persoas beneficiarias as empresas en crise ou as que teñan unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior.

3. As persoas beneficiarias deben cumprir coas obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e non estar incursas en ningunha clase de inhabilitación de axudas previstas no seu artigo 10. Ademais, non deben estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

4. As comunidades de montes veciñais en man común (en diante, CMVMC) para poder acceder a estas axudas deberán estar legalmente constituídas e regulamentariamente inscritas no Rexistro Provincial de CMVMC, de acordo co disposto no artigo 57 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e cumprir co disposto no artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e no Decreto 23/2016, do 25 de febreiro, polo que se regula o reinvestimento dos ingresos obtidos polas CMVMC en actuacións de mellora e protección forestal como moi tarde o día en que remate o prazo de solicitude da axuda.

5. Os monte de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo deben cumprir co estipulado no artigo 126 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e no Decreto 16/2024, do 18 de xaneiro, polo que se regula o réxime xurídico e o rexistro de monte de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo.

6. Silvicultor/a activo/a deberá estar inscrito no rexistro correspondente segundo o establecido na Orde do 26 de abril de 2022 pola que se desenvolve a tramitación electrónica das solicitudes para o recoñecemento como agrupación forestal de xestión conxunta e como persoa silvicultora activa (código de procedemento MR608C). Con todo, de conformidade coa excepción prevista no artigo 4, poderán ser persoas beneficiarias aquelas que teñan presentada a solicitude de inscrición dentro do prazo de presentación das solicitudes de axuda, sempre que figuren inscritas antes do pagamento da axuda.

7. As agrupacións forestais de xestión conxunta deberán ter a inscrición no rexistro correspondente segundo o establecido na Orde do 26 de abril de 2022 pola que se desenvolve a tramitación electrónica das solicitudes para o recoñecemento como agrupación forestal de xestión conxunta (código de procedemento MR608B) e como persoa silvicultora activa. Con todo, de conformidade coa excepción prevista no artigo 4, poderán ser persoas beneficiarias aquelas que teñan presentada a solicitude de inscrición dentro do prazo de presentación das solicitudes de axuda, sempre que figuren inscritas antes do pagamento da axuda.

Cuarto. Financiamento

1. O financiamento das axudas recollidas nesta orde efectuarase, nos exercicios 2026 e 2027, con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias segundo a subintervención:

Liña (subintervención)

Aplicación orzamentaria

Ano 2026

Ano 2027

Total

Liña I (6883_02)

15.03.713B.770.0 2024 00100

3.300.000

3.300.000

6.600.000

Liña II (agás chopo) (6883_01)

15.03.713B.770.0 2024 00109

733.000

750.000

1.483.000

Liña III (6883_01)

15.03.713B.770.0 2024 00109

100.000

300.000

400.000

Total

4.133.000

4.350.000

8.483.000

As axudas previstas na Intervención 6883, Investimentos forestais produtivos (subintervención 6883_01, Investimentos forestais produtivos_1, que financia actuacións de reforestación produtiva de frondosas, e subintervención 6883_02, Investimentos forestais produtivos_2, que financia actuacións de reforestación produtiva de coníferas) do PEPAC 2023-2027 de Galicia, están financiadas polo Feader nun 60 %, polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación nun 12 % e pola Xunta de Galicia nun 28 %.

2. Do crédito de cada liña resérvanse as seguintes porcentaxes da dispoñibilidade orzamentaria indicada no punto anterior segundo o tipo de beneficiario:

a) Agrupacións forestais de xestión conxunta rexistrada no rexistro correspondente (incluídas Sofor): 40 %.

b) CMVMC: 40 %.

c) Propietario particular, asociacións sen ánimo de lucro, sociedades civís e comunidades de bens, cooperativas e outras entidades de economía social, sociedades agrarias de transformación, sociedades mercantís reguladas na lexislación de sociedades de capital e calquera outra que teña por obxecto a recuperación, de forma conxunta, de terras forestais: 20 %.

No caso de que unha vez priorizados os expedientes solicitados non se consuma a totalidade do importe especificado nos distintos puntos da distribución do crédito detallado no parágrafo anterior, os importes sobrantes dos distintos puntos pasarán aos demais para facer fronte aos expedientes solicitados.

3. Para as liñas II e III (15.03.713B.770.0 2024 00109) no caso de que, unha vez priorizados os expedientes que cumpran as condicións e criterios establecidos nesta orde, non se consuma a totalidade do importe establecido pola distribución de crédito arriba indicado para cada liña, os importes sobrantes pasarán a financiar a outra liña.

4. Esta orde regúlase mediante tramitación anticipada de gasto, conforme o establecido no artigo 25 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, así como o establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, polo que queda condicionada a súa eficacia a que exista crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026.

5. Sen prexuízo das contías indicadas anteriormente, existe a posibilidade de ampliación de crédito nos supostos previstos no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Neste caso, o órgano concedente procederá a publicar esta ampliación nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de 30 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2025

María José Gómez Rodríguez
Conselleira do Medio Rural