DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Xoves, 29 de xaneiro de 2026 Páx. 8179

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 22 de xaneiro de 2026 pola que se clasifica de interese educativo a Fundación Pública Galega de Talento Investigador de Alto Nivel Galtia.

Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Pública Galega de Talento Investigador de Alto Nivel Galtia, fundación do sector público autonómico, con domicilio na Cidade da Cultura, s/n (Edificio Fontán), en Santiago de Compostela, resultan os seguintes feitos e consideracións legais.

Feitos:

1. O 29 de decembro de 2025, a Fundación presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Pública Galega de Talento Investigador de Alto Nivel Galtia constituíuna a Comunidade Autónoma de Galicia, Administración xeral da Xunta de Galicia, con autorización por Acordo do Consello da Xunta do día 17 de novembro de 2025, mediante escritura pública outorgada o 12 de decembro de 2025, ante o notario de Santiago de Compostela José Ignacio Feijóo Juarros, co número de protocolo 709.

3. A Fundación, consonte o artigo 7 dos seus estatutos, ten por obxecto: «contribuír ao fomento, activación e desenvolvemento da investigación e do coñecemento en todas as súas manifestacións científicas, humanísticas e tecnolóxicas en beneficio da sociedade, das universidades galegas, centros galegos de investigacións e da comunidade científica en xeral en Galicia».

4. O padroado inicial da Fundación está formado pola persoa titular da consellería competente en materia de ciencia e/ou investigación, Román Rodríguez González, como presidente; a persoa titular da secretaría xeral con competencias en universidades, José Alberto Díez de Castro, como vicepresidente; a persoa directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Carmen Cotelo Queijo, como vogal; a persoa titular da Consellería de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, en representación da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), como vogal; a persoa proposta pola consellería competente en materia de facenda, titular da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio, José María Barreiro Díaz, como vogal; a persoa representante da Fundación Pública Galega Centro Tecnolóxico de Supercomputación de Galicia (Cesga), Lois Orosa Noguera, como vogal; a persoa proposta pola Axencia Galega de Innovación (GAIN), María Covadonga Salgado Blanco, como vogal.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes proposta de clasificación, como de interese educativo, da Fundación Pública Galega de Talento Investigador de Alto Nivel Galtia, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade do fundador, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese educativo e a súa adscrición á Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Consonte o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle a esta Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 20 de xaneiro de 2026,

DISPOÑO:

Clasificar de interese educativo a Fundación Pública Galega de Talento Investigador de Alto Nivel Galtia e adscribila ao protectorado da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse, no prazo de dous meses, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte o artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e pode interpoñerse no prazo dun mes, previamente e con carácter potestativo, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, de conformidade co artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2026

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes