Mediante a Orde do 27 de novembro de 2025, publicada no Diario Oficial de Galicia número 236, do 5 de decembro, convocouse a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de traballo da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas que se detalla no anexo desta orde.
De conformidade co establecido no artigo 92 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e de acordo co procedemento previsto no artigo 27 do Decreto 151/2022, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento dos procedementos de mobilidade do persoal funcionario de carreira da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais integrantes do sector público autonómico, e no uso das atribucións conferidas polo artigo 17.2.c) da citada lei, esta consellería
DISPÓN:
Primeiro. Resolver a convocatoria pública para a provisión, polo sistema de libre designación, dun posto de traballo vacante nesta consellería, convocado pola Orde do 27 de novembro de 2025 (Diario Oficial de Galicia núm. 236, do 5 de decembro).
Segundo. Adxudicarlle destino, no posto de traballo que se indica, á funcionaria cuxos datos se sinalan no anexo I, seleccionada conforme o establecido nas bases da convocatoria realizada mediante a Orde do 27 de novembro de 2025.
Terceiro. O cesamento no actual destino efectuarase no prazo de tres días hábiles, contados a partir do seguinte ao da data da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
O prazo para tomar posesión do novo destino obtido será de tres días hábiles se non implica cambio de residencia ou de sete días hábiles se comporta cambio de residencia. Cando a persoa adxudicataria do posto obteña coa súa toma de posesión o reingreso ao servizo activo, o prazo será dun mes, de conformidade co establecido no artigo 8.1 do Regulamento dos procedementos de mobilidade do persoal funcionario de carreira da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais integrantes do sector público autonómico, aprobado polo Decreto 151/2022, do 4 de agosto.
O cómputo dos prazos posesorios iniciarase cando finalicen os permisos ou licenzas que, se é o caso, lles fosen concedidos aos/ás interesados/as. Nos supostos de incapacidade temporal, o cómputo do prazo iniciarase a partir da correspondente alta.
Cuarto. A Xefatura do centro en que cause baixa a persoa seleccionada, así como a daquel en que obteña destino, consignarán no título administrativo, dentro do prazo sinalado no punto anterior, as correspondentes dilixencias de cesamento e toma de posesión.
Quinto. Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpor recurso potestativo de reposición, ante a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán impugnala directamente, ante a Sección do Contencioso-Administrativo do Tribunal de Instancia competente, no prazo de dous meses contados a partir da mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2026
María Martínez Allegue
Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas
ANEXO I
Apelidos e nome: Ana Pérez Pardo.
DNI: ***7924**.
Subgrupo: A1.
Denominación do posto de traballo: Subdirector/a xeral de Persoal e Xestión Económica.
Código do posto de traballo: IV.201.00.002.15770.001.
Centro directivo: Secretaría Xeral Técnica.
Localidade: Santiago de Compostela.
Corpo/escala: Xeral.
Grupo: A1.
Nivel: 30.
Complemento específico: 25.159,68 euros.
Tipo de adscrición: (A11) adscrición indistinta a funcionarios da Xunta de Galicia, Estado e CC.AA.
Formación específica: (640) para persoal doutra Administración, curso de perfeccionamento de galego (R.I.).
* O DNI está cifrado co fin de protexer os datos de carácter persoal.
