No Diario Oficial de Galicia número 213, do 4 de novembro de 2025, publicouse a Orde do 24 de outubro de 2025, pola que se aproban as bases xerais reguladoras e se convocan o proceso selectivo de acceso por promoción interna (código de procedemento PR461C) e o proceso de provisión por mobilidade (código de procedemento PR461H) no corpo da Policía Local de Galicia, escala básica, categoría de oficial.
Con data do 9 de xaneiro de 2026, publicouse no Diario Oficial de Galicia número 5 a Resolución do 8 de xaneiro pola que se aprobaron as listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas no proceso selectivo de acceso por promoción interna (código de procedemento PR461C), e publicáronse na páxina web da Agasp a listaxe provisional de persoas admitidas, a listaxe provisional de persoas exentas e non exentas da realización da proba de coñecemento da lingua galega e a listaxe provisional de persoas aspirantes excluídas, con indicación da causa determinante da súa exclusión, e concedeuse un prazo de dez (10) días hábiles para emendas en ambos os dous procesos selectivos.
Finalizado o prazo de emendas e de acordo co regulado na dita orde, esta dirección xeral
RESOLVE:
Primeiro. Aprobar as listaxes definitivas de persoas admitidas e excluídas no proceso selectivo de acceso por promoción interna (código de procedemento PR461C) e de provisión por mobilidade (PR461H) no corpo da Policía Local de Galicia, escala básica, categoría de oficial, convocado pola Orde do 24 de outubro de 2025.
Poderán consultarse a través da páxina web oficial da Academia Galega de Seguridade Pública https://agasp.xunta.gal
– A listaxe definitiva de persoas aspirantes admitidas.
– A listaxe definitiva de persoas aspirantes excluídas, con indicación da causa determinante da súa exclusión.
– A listaxe definitiva de persoas aspirantes exentas e non exentas da realización da proba de coñecemento da lingua galega.
Segundo. Anunciar que a primeira proba correspondente ao proceso selectivo de acceso por promoción interna terá lugar o día 6 de marzo de 2026, na sede da Agasp, en chamamento único que se realizará ás 10.30 horas.
As persoas aspirantes deberán consultar na páxina web da Agasp toda a información, indicacións, criterios e normas que hai que ter en conta que o tribunal nomeado para cualificar este proceso publique para o efecto.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o director xeral da Agasp, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou ben interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados do mesmo xeito, nos termos previstos na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
A Estrada, 21 de xaneiro de 2026
Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública
