DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Xoves, 29 de xaneiro de 2026 Páx. 8288

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

EXTRACTO da Resolución do 8 de xaneiro de 2026, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das axudas extraordinarias a persoas emigrantes galegas retornadas e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento PR905A).

BDNS (Identif.): 883304.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/883304

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as seguintes persoas que, residindo fóra de España con nacionalidade española, establezan a súa residencia na Comunidade Autónoma galega:

a) As persoas galegas e nacidas en Galicia.

b) Os/as cónxuxes ou persoas con unión análoga á conxugal das persoas galegas e nacidas en Galicia.

c) Os/as descendentes por consanguinidade das persoas galegas e nacidas en Galicia.

Segundo. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases que regularán o procedemento de concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións da Secretaría Xeral da Emigración que teñen por finalidade a concesión de axudas extraordinarias de carácter social e non periódicas dirixidas a persoas emigrantes galegas retornadas que carezan dos recursos suficientes, para axudar a facer fronte aos gastos extraordinarios da unidade familiar derivados do seu retorno á Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento PR905A).

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 8 de xaneiro de 2026, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das axudas extraordinarias a persoas emigrantes galegas retornadas e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento PR905A).

Cuarto. Importe

1. Para a concesión destas subvencións destinarase un crédito de dous millóns cincocentos mil euros (2.500.000 euros), con cargo á aplicación orzamentaria 14.05.312C.480.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026.

2. Este importe poderá ser ampliado nos casos establecidos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, en función das maiores dispoñibilidades orzamentarias que se poidan producir na dita aplicación e condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Neste caso, publicarase a ampliación do crédito nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura dun prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo do prazo para resolver.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes comezará ás 9.00 horas do quinto día natural seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. No caso de que o día de inicio do prazo fose inhábil, comezará o día hábil seguinte.

Este prazo rematará o 30 de setembro de 2026, ás 20.00 horas, sen que en ningún caso poida ser inferior a un mes.

As solicitudes presentadas antes das 9.00 horas do quinto día natural seguinte ao da súa publicación non serán admitidas.

Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2026

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración