A Constitución española, no seu artigo 40, establece un mandato que obriga os poderes públicos a promover as condicións favorables para o progreso social e económico e, de maneira especial, a realizar unha política orientada ao pleno emprego.
Tamén, de acordo coas bases e a ordenación da actuación económica xeral e a política monetaria do Estado, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, nos termos do disposto no artigo 149.1.13 da Constitución española, a competencia exclusiva para o fomento e a planificación da actividade económica en Galicia, segundo o disposto no artigo 30.I.1 do Estatuto de autonomía de Galicia.
De conformidade con esas determinacións, aprobouse a Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, que recolle entre os seus fins incentivar a creación e implantación de empresas e o seu posterior desenvolvemento, a través da xeración de cultura emprendedora, a formación, a flexibilización dos trámites administrativos, a ampliación dos prazos de validez dos permisos e a introdución de instrumentos financeiros, servizos específicos ás persoas emprendedoras e incentivos fiscais.
Son principios informadores a través dos cales se levarán a cabo as políticas públicas de promoción, protección, fomento e apoio da actividade emprendedora, tal e como se recolle no artigo 6 da Lei 9/2013, a mellora do tecido empresarial territorial endóxeno, así como un patrón de crecemento baseado na competitividade, a innovación, a tecnoloxía e o crecemento económico dentro dun marco de desenvolvemento sustentable e temperá da actividade emprendedora, mediante accións que favorezan o fortalecemento das empresas.
Así pois, o apoio ás iniciativas de emprendemento de autónomos/as e pequenas e medianas empresas continúa a ser necesario, nun contexto caracterizado pola permanencia de incertezas económicas, como a alza inflacionista nos prezos, a crise enerxética e mesmo as perturbacións derivadas dun contexto internacional inestable, tanto no continente europeo como noutros puntos do planeta, ás que non resulta allea a economía galega, motivo polo que cómpre fortalecer a actividade económica, mediante axudas que, por unha banda, tratan de poñer remedio a esas ameazas para o crecemento da nosa economía e, por outra, de fomentar o seu desenvolvemento sostido, ao tempo que se garante o mantemento dun emprego de calidade.
Nesta liña hai que ter en conta que o tecido empresarial de Galicia está composto, na súa maioría, por microempresas e, principalmente, por persoas traballadoras autónomas, que son as principais protagonistas na creación de emprego. Por este motivo, a Xunta de Galicia impulsa medidas para fomentar o emprendemento e apoiar as persoas emprendedoras como axentes dinamizadores da economía na Comunidade Autónoma e que contribúen de xeito esencial á xeración de riqueza e emprego.
Froito desta aposta polas iniciativas en materia de emprendemento é o recoñecemento de Galicia como Rexión Emprendedora Europea 2025, o cal debe supoñer un estímulo para avanzar nunha maior equidade territorial, no impulso de iniciativas emprendedoras na Galicia non urbana, na diversificación das actividades económicas que se desenvolven nese contorno e no fortalecemento da colaboración do ecosistema emprendedor.
De acordo co disposto no Decreto 147/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, correspóndelle a esta, entre outras materias, o exercicio das competencias relativas ao apoio ao emprendemento durante todas as fases da actividade emprendedora: tanto as actuacións necesarias para o comezo da actividade como a súa realización efectiva posterior, incluíndo a implementación e o mantemento, con servizos de asesoramento, mentorización, así como de apoio económico ou doutra índole ao crecemento e o mantemento do emprego.
Por iso, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración dá continuidade ao apoio ás iniciativas de emprendemento iniciado no ano 2022 mediante unha nova convocatoria de axudas, co obxectivo de contribuír ao seu mantemento e á súa mellora competitiva.
Nesta convocatoria mantéñense os conceptos subvencionables do proxecto empresarial, así como os rangos de investimento e a porcentaxe de axuda vinculada a cada un deles.
De igual maneira, tendo en conta que os gastos notariais e/ou rexistrais e os gastos de alugamento constitúen gastos habituais cando se decide poñer en marcha unha iniciativa emprendedora, esta convocatoria mantén, como unha forma adicional de apoio para as persoas emprendedoras, a posibilidade de subvencionar, nos termos e contías previstos na propia orde, os ditos gastos.
En canto ao procedemento de concesión, establécese a concorrencia competitiva, que constitúe, de acordo co previsto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o procedemento ordinario de concesión de subvencións. Deste xeito, o procedemento de concesión realizarase a través da comparación das solicitudes presentadas, co fin de establecer unha prelación entre elas de acordo cos criterios de valoración previamente fixados nas bases reguladoras e na convocatoria e adxudicar, co límite fixado na convocatoria dentro do crédito dispoñible, aquelas que obtivesen unha maior valoración con base nos citados criterios.
As subvencións reguladas nesta orde fináncianse con cargo aos correspondentes fondos dotados no orzamento de gastos da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración consignados no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026, aprobado no Consello extraordinario da Xunta de Galicia que tivo lugar o 17 de outubro de 2025.
Por todo o exposto, logo do informe da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, da Asesoría Xurídica e da Intervención Delegada da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, e no exercicio das facultades que confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto e finalidade
Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria pública de subvencións de apoio ao emprendemento para as persoas traballadoras autónomas e pequenas e medianas empresas, incluídas as cooperativas e sociedades laborais, que se atopen de alta e iniciasen a súa actividade económica desde o 1 de xaneiro de 2024 no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para a anualidade de 2026 (código de procedemento TR880A).
A finalidade é facilitar as iniciativas de emprendemento, contribuíndo ao incremento da súa actividade económica e á súa competitividade e, en definitiva, mantendo empregos de calidade, a través do apoio ao financiamento do investimento realizado e pagado entre o 1 de xullo de 2025 e a data da presentación da solicitude.
Artigo 2. Réxime xurídico
As solicitudes, tramitación e concesión destas subvencións axustaranse ao disposto nas seguintes normas:
a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
b) Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
c) Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.
d) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.
e) Regulamentos (UE) números 2023/2831, 1408/2013 e 717/2014 da Comisión Europea, relativos ás axudas de minimis e nesta orde.
Artigo 3. Principios de xestión
A xestión deste programa realizarase de conformidade coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de acordo cos seguintes principios:
1. Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.
2. Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados.
3. Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.
Artigo 4. Orzamento
1. No exercicio económico de 2026, as subvencións reguladas nesta orde financiaranse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria:
|
Aplicación |
Proxecto |
Crédito |
|
14.04.322C.770.2 |
2024 00079 |
6.000.000 € |
|
14.04.322C.470.2 |
2024 00079 |
700.000 € |
2. Esta convocatoria tramítase por tramitación anticipada de gasto, condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026, conforme o proxecto de lei de orzamentos para o exercicio de 2026, que foi aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o día 17 de outubro de 2025, e ao abeiro do establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de gasto, modificada polas ordes da Consellería de Economía e Facenda do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, xunto co artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. A concesión das subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario. De ser o caso, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas. As axudas deben estar tramitadas no exercicio corrente, xa que a convocatoria non é plurianual.
4. No suposto de que se esgote o crédito da partida orzamentaria 14.04.322C.770.2, poderase incrementar co remanente da outra, se o houbese, mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social.
Tanto do esgotamento do orzamento inicial como, de ser o caso, da redistribución orzamentaria que se realice, darase información mediante un anuncio a través da páxina web da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, de acordo co establecido no artigo 32 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
5. De conformidade co disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e do artigo 30 do seu regulamento, poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria. O incremento do crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, á realización dunha transferencia ou a existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.
Artigo 5. Beneficiarias e requisitos
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas traballadoras autónomas, mutualistas e as pequenas e medianas empresas segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014 e as sociedades cooperativas e laborais, que cumpran os dous requisitos seguintes:
a) Que se constitúan ou dean de alta, segundo a natureza xurídica da entidade de que se trate, desde o 1 de xaneiro de 2024, de conformidade co establecido no artigo 1.
b) Que iniciaran a súa actividade económica desde o 1 de xaneiro de 2024, de conformidade co establecido no artigo 1.
Quedarán excluídas aquelas persoas físicas ou xurídicas que sexan transformación doutras cuxa primeira inscrición no rexistro público correspondente ou alta no RETA, sexa anterior ao 1 de xaneiro de 2024 ou que sexan continuidade dunha actividade que viñera desenvolvendo outra empresa ou persoa autónoma cunha data de constitución anterior ao 1 de xaneiro de 2024.
Para estes efectos considerarase que existe continuidade na mesma actividade económica cando entre o cese dunha actividade e o inicio da seguinte transcorran menos de 3 meses e, entre a baixa no RETA e a nova alta, transcorran menos de 3 meses.
2. As persoas interesadas deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Ter o domicilio fiscal en Galicia.
b) Ter presentado, de ser o caso, as contas anuais do último ano no Rexistro Mercantil ou no Rexistro de Cooperativas, segundo corresponda á súa forma xurídica.
c) Terse constituído ou dado de alta, segundo a natureza xurídica da entidade de que se trate, e ter iniciado a súa actividade económica no período que transcorre entre o 1 de xaneiro de 2024 ata a data de presentación da solicitude.
d) Ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.
e) Estar ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e da Seguridade Social para obter subvencións.
f) Non ter sido sancionadas mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións.
3. Non poderán ser beneficiarias desta subvención aquelas iniciativas de emprendemento que obtiveran resolución favorable ao abeiro da Orde do 28 de xuño de 2023 (DOG núm. 127 do 5 de xullo), da Orde do 16 de xaneiro de 2024 (DOG núm. 25, do 5 de febreiro) e da Orde do 28 de abril de 2025 (DOG núm. 90, do 13 de maio).
Artigo 6. Conceptos subvencionables
1.a) Investimentos: serán subvencionables os investimentos que correspondan de xeito indubidable ao proxecto empresarial constituído ou dado de alta, segundo a natureza xurídica da entidade de que se trate, e que teña iniciado a súa actividade económica desde o 1 de xaneiro de 2024. En concreto:
Equipamento informático.
Activos intanxibles: activos que non teñen unha materialización física ou financeira.
Investimentos en eficiencia enerxética.
Adquisición de bens de equipamento e mobiliario.
Reforma e habilitación das instalacións do local de negocio (quedan expresamente excluídas desta convocatoria as reformas en locais destinados ao seu alugamento como vivendas catalogadas de uso turístico segundo a definición do artigo 5 do Decreto 12/2017, do 26 de xaneiro, polo que se establece a ordenación de apartamentos turísticos, vivendas turísticas e vivendas de uso turístico na Comunidade Autónoma de Galicia).
A adquisición de activos pertencentes a un establecemento ou de bens de equipo de segunda man, incluídos os bens reacondicionados, serán subvencionables sempre que cumpran os seguintes requisitos:
– Que os activos sexan adquiridos a unha terceira persoa non relacionada coa persoa compradora.
– Que conste unha declaración da persoa vendedora sobre a orixe dos bens e sobre que estes non foron obxecto de ningunha subvención nacional ou comunitaria.
– Que o prezo non sexa superior ao valor de mercado de referencia nin ao custo dos bens novos similares, acreditándose estes extremos mediante certificación de taxador/a independente ou dunha empresa subministradora de bens da mesma tipoloxía dos bens de segunda man obxecto de transacción.
Cando se adquiran bens de segunda man nestas condicións non será preciso achegar as tres ofertas ás que se fai referencia no artigo 12.1.e).
Cando a persoa emprendedora sexa membro da familia do/da propietario/a inicial ou un/unha empregado/a e se faga cargo da pequena empresa para continuar coa actividade, non se aplicará a condición de que os activos deban ser adquiridos a terceiras persoas non relacionadas coa persoa compradora.
A simple adquisición das accións dunha empresa non constituirá un investimento.
b) Gastos notariais, rexistrais e de alugamento: para as persoas solicitantes que cumpran os requisitos exixidos para seren beneficiarias da subvención en relación aos investimentos realizados, esta convocatoria mantén, así mesmo, como unha forma adicional de apoio ás persoas emprendedoras, a posibilidade de subvencionar, nos termos e nas contías previstos na propia orde, os seguintes gastos:
1) Gastos notariais e/ou rexistrais (gasto corrente).
2) Gastos de alugamento de inmobles para a realización da actividade para a que se solicita a subvención (gasto corrente).
2. Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos en propiedade pola persoa beneficiaria, admitíndose, para estes efectos, as reformas de instalacións en inmobles alugados. No caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes deberán pasar a ser de propiedade plena da persoa beneficiaria antes do remate do prazo de execución do proxecto, debendo constar neste momento o vencemento e pagamento das cantidades aprazadas.
3. Os investimentos terán que estar realizados e pagados dentro do prazo de execución, que abrangue desde o 1 de xullo de 2025 ata a data da presentación da solicitude.
4. O investimento (ben sexa adquisición ou reforma) en bens inscritibles nun rexistro público terá que ser mantido, con vinculación á actividade económica subvencionable e no centro de traballo en Galicia durante os 5 anos seguintes á data do pagamento final á persoa beneficiaria.
Teñen a consideración de bens inscritibles nun rexistro público os bens inmobles e os dereitos reais sobre eles, así como aqueles bens mobles tales como buques, aeronaves, automóbiles ou maquinaria industrial.
O resto do investimento deberá manterse coas mesmas condicións durante 2 anos desde a devandita data.
5. O investimento subvencionado poderá ser substituído no caso de obsolescencia, sempre e cando a actividade económica da beneficiaria se manteña en Galicia durante o período indicado. Neste caso, deberá quedar constancia contable e no inventario da empresa da substitución efectuada.
6. Non serán subvencionables o IVE nin outros impostos.
7. Non serán subvencionables os investimentos realizados en locais destinados ao seu aluguer como vivendas catalogadas de uso turístico segundo a definición do artigo 5 do Decreto 12/2017, do 26 de xaneiro, polo que se establece a ordenación de apartamentos turísticos, vivendas turísticas e vivendas de uso turístico na Comunidade Autónoma de Galicia.
8. Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos a terceiras persoas.
9. En ningún caso poderá concertar a persoa beneficiaria a execución total ou parcial das actividades.
10. En ningún caso o custo dos investimentos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.
Artigo 7. Intensidade de axuda
O investimento total realizado deberá ser como mínimo de 5.000 € (IVE excluído). A contía da axuda terá as seguintes porcentaxes de intensidade en función do rango de investimento total realizado:
Con investimentos de 5.000 € ou máis ata un límite de 20.000 €, a contía da axuda será do 55 % do investimento.
Con investimentos de 20.001 € ou máis ata un límite de 30.000 €, a contía da axuda será do 50 % do investimento.
Con investimentos de 30.001 € ou máis ata un límite de 60.000 €, a contía da axuda será do 45 % do investimento.
No suposto de que o proxecto de investimento evite o peche dun negocio por falta de remuda xeracional e facilite que a persoa interesada en emprender teña a posibilidade de recoller a testemuña dun negocio xa viable economicamente, a porcentaxe de intensidade en función do rango de investimento total realizado establecida neste artigo incrementarase nun 10 %.
Artigo 8. Definicións
Para os efectos desta orde, entenderase por:
a) Equipamento informático: considéranse equipamento informático os aparellos electrónicos e servizos anexos que posibiliten unha maior eficiencia no procesamento, almacenamento e visualización da información. Entre outros, teñen esta consideración as tabletas, ordenadores persoais de sobremesa, ordenadores portátiles ou similares, equipamentos de rede, servidores, conexión á internet, escáneres e similares, sempre que se destinen exclusivamente ao desenvolvemento da actividade económica da persoa solicitante.
En ningún caso se consideran subvencionables os teléfonos móbiles ou smartphones.
b) Activos intanxibles: activos que non teñen unha materialización física ou financeira, nomeadamente, a adquisición da propiedade ou do dereito ao uso de programas informáticos, incluída a subscrición a software estándar do mercado durante o período subvencionable. Tamén inclúe os gastos de creación e desenvolvemento de programas informáticos á medida e páxinas web, sempre que a súa utilización estea prevista durante varios exercicios; así como patentes, licenzas e coñecementos técnicos ou outros dereitos de propiedade intelectual, de carácter informático.
c) Investimentos en eficiencia enerxética: toda aquela compra de produtos e instalacións que reduzan o consumo enerxético, entre outras, o cambio de sistemas de iluminación ou cambios de maquinaria ou instalacións.
d) Investimentos para a substitución de combustibles fósiles ou materiais críticos ou escasos: enténdese por tal o cambio de maquinaria ou instalacións que empregan enerxías fósiles a outras que utilicen enerxías limpas.
e) Adquisición de bens de equipamento e mobiliario: maquinaria, bens de equipamento ou ferramentas mediante as cales se mellore o proceso produtivo. Comprende equipamentos e medios de transporte interno, medios de protección do ambiente e outros bens de equipamento, incluído mobiliario, entendido como conxunto de mobles que serven para a actividade normal da empresa, como mesas, cadeiras, andeis, mostradores e vitrinas.
En ningún caso se consideran subvencionables as decoracións ou ornatos suntuosos.
En ningún caso se consideran subvencionables os vehículos, as naves, as aeronaves ou similares, constitúan ou non a actividade empresarial propia da persoa solicitante.
f) Reforma e habilitación das instalacións do local do negocio: obras que consisten en reparacións simples, decoracións ou ornatos (incluída a rotulación) que non modifican a estrutura construtiva do local.
Para os efectos desta orde, entenderanse por reparacións simples as obras de escasa complexidade construtiva, sinxeleza técnica e baixo custo económico. Con carácter xeral, consisten en pequenas obras de mellora, conservación, mantemento e/ou reparación que, en ningún caso, poden afectar ou modificar a estrutura construtiva. Para os efectos de establecer unha cantidade máxima subvencionable neste concepto, consideraranse como reparación simple aqueles investimentos cuxo importe non supere a contía prevista para o contrato menor de obras a que fai referencia o artigo 118 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público (importe inferior a 40.000 €, con referencia á data de publicación destas bases).
Exclúese o domicilio habitual da persoa traballadora autónoma.
En ningún caso se considerará subvencionable a adquisición de materiais destinados á realización con medios propios de reformas e habilitacións do local de negocio nin os seguintes gastos relativos ás devanditas reformas e habilitacións:
• Proxectos.
• Taxas.
• Licenzas.
• Visados.
• Autorizacións.
Respecto ás decoracións e ornatos, incluída a rotulación do local, deberán respectar o establecido na Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, segundo a cal a Xunta de Galicia –non só a través dos medios de comunicación de titularidade autonómica, senón tamén a través daqueles en que participe ou aos cales subvencione– garantirá a transmisión dunha imaxe igualitaria, plural e non estereotipada das mulleres e dos homes e, en concreto, a utilización non sexista da linguaxe e/ou das imaxes.
En canto aos gastos notariais e/ou rexistrais subvencionables, estes deberán estar directamente relacionados coa actividade subvencionada e seren indispensables para a súa preparación adecuada ou execución, segundo o establecido no artigo 29.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Respecto dos gastos de alugamento, corresponderanse co local ou centro de traballo en que se realice a actividade subvencionada.
No caso dos gastos notariais e/ou rexistrais, estes estarán subvencionados cun máximo de 300 € por persoa beneficiaria e, no caso do alugamento, cun máximo de 1.500 € por persoa beneficiaria, os cales serán incrementados nun 10 % no suposto de que o proxecto de investimento evite o peche dun negocio por remuda deste.
Enténdese por local do negocio o centro de traballo declarado no anexo I. Exclúese o domicilio habitual da persoa traballadora autónoma.
Exclúese a adquisición de bens e servizos que poidan ser considerados como mercadoría pola cal a empresa obteña beneficios segundo a súa actividade.
Para os efectos desta orde, entenderase por remuda dun negocio o cambio de titularidade motivado pola xubilación ou pola proximidade da idade de xubilación da persoa titular do negocio; tamén pode estar motivada por causas sobrevidas, como a incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez, ou o falecemento.
Para ter dereito ao incremento da intensidade da axuda prevista no artigo anterior, a persoa emprendedora, calquera que sexa a natureza xurídica da entidade de que se trate, ten que ter sido beneficiaria dunha subvención do Bono Remuda concedida ao abeiro da Orde do 27 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de axuda ás persoas traballadoras autónomas, cofinanciadas parcialmente pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento TR353D).
Artigo 9. Criterios de valoración
Os criterios de valoración que servirán de base para a determinación da preferencia na concesión da subvención serán os seguintes:
|
Criterio de valoración |
Aspectos para valorar |
Puntuación (máximo 30 puntos) |
|
|
1 |
Actividade económica do solicitante (deberán constar de alta no certificado de situación censual do solicitante na data de publicación da convocatoria) |
Solicitantes de sectores estratéxicos, emerxentes e de alto potencial de Galicia (só aqueles indicados no anexo II) |
9/6/3 |
|
2 |
Poboación do municipio en que se realiza a actividade (datos de poboación segundo os últimos datos dispoñibles no Instituto Galego de Estatística (IGE) |
Menor ou igual a 2.000 habitantes |
12 |
|
De 2.001 a 5.000 habitantes |
9 |
||
|
De 5.001 a 10.000 habitantes |
6 |
||
|
Entre 10.001 e 20.000 habitantes |
3 |
||
|
Máis de 20.000 habitantes |
0 |
||
|
3 |
Proxecto nun concello emprendedor (segundo o descrito na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia) |
O concello en que se realice a actividade deberá estar adherido á Iniciativa galega de concellos emprendedores promovida pola Administración autonómica |
3 |
|
4 |
Implantación de medidas de igualdade e inclusión |
>50 % mulleres |
3 |
|
>10 % persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social |
3 |
Artigo 10. Axudas de Estado
1. As axudas establecidas nesta orde quedan sometidas ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder os límites cuantitativos establecidos nos seguintes regulamentos, segundo proceda:
a) Regulamento (UE) núm. 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L, do 15 de decembro). Nos termos desta normativa, a axuda total de minimis concedida a unha única empresa non excederá os 300.000 € durante calquera período de 3 anos.
b) Regulamento (UE) núm. 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro). Nos termos desta normativa, a axuda total de minimis concedida a unha única empresa non excederá os 50.000 € durante o período dos 3 anos previos.
c) Regulamento (UE) núm. 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28 de xuño). Nos termos desta normativa, a axuda total de minimis concedida a unha única empresa non excederá os 40.000 € durante calquera período de tres exercicios fiscais.
Para o cómputo dos límites deste réxime de axudas terase en conta o concepto de «única empresa» establecido nos artigos 2.2 dos citados regulamentos.
2. As persoas solicitantes das axudas previstas na presente orde están obrigadas a declarar as axudas percibidas baixo o réxime de minimis, segundo o recollido no anexo I.
Artigo 11. Solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia
(https://sede.xunta.gal).
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. Ao ser válida unha única solicitude por persoa, no caso de que a mesma persoa presente unha nova solicitude, entenderase que desiste da anterior, salvo que xa estea resolta.
3. A presentación da solicitude supón a aceptación das obrigas reguladas nesta orde para ser beneficiaria da axuda, así como a aceptación da axuda.
4. Xunto coa solicitude presentarase a xustificación de acordo co disposto no artigo 30.
Artigo 12. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Cando se actúe mediante representación, poder suficiente da persoa representante para actuar en nome da persoa representada, agás que estea inscrita no Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia e no Rexistro autonómico de persoas titulares de determinados órganos ou cargos.
b) Escritura de constitución da entidade debidamente rexistrada ou ben contrato ou documento de creación da entidade, se é o caso.
c) No caso das persoas mutualistas, especificamente deberán presentar, ademais da documentación a que se refire o artigo 12, certificado do colexio profesional de alta no dito colexio, con indicación de se presupón ou non exercicio de actividade, e certificado da mutualidade do colexio profesional con indicación dos períodos de alta na dita mutualidade, de ser o caso.
d) Censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal de Administración Tributaria (modelo 036 ou 037) e certificado censual, nos cales debe figurar a data da alta (ou alta previa, de ser o caso), o domicilio fiscal e a localización do establecemento da actividade.
e) Facturas e o seu correspondente xustificante bancario de pagamento.
De conformidade co establecido no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia –sempre que o investimento non estivese realizado no momento da convocatoria das axudas–, cando o importe do investimento subvencionable supere a contía prevista para o contrato menor no artigo 118 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público (importe igual ou superior a 15.000 € no caso de contrato de servizo ou subministración, e importe igual ou superior a 40.000 € no caso de contrato de obras, con referencia á data de publicación destas bases), as persoas interesadas deberán solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, prestación do servicio ou entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de persoas que a presten, ou salvo que o investimento se realizase con anterioridade á data da publicación da convocatoria.
A elección entre as ofertas presentadas, que se deberán achegar coa solicitude da subvención, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía e, cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa, deberase xustificar expresamente no anexo I da solicitude.
A persoa solicitante deberá presentar unha declaración responsable de persoas e empresas vinculadas na que manifeste que as ofertas presentadas non corresponden a empresas vinculadas á persoa solicitante nin a outras relacionadas coa mesma ata o 4º grao de consanguinidade ou afinidade, sen prexuízo do establecido no artigo 6.8 in fine desta orde.
f) Certificación acreditativa do grao de discapacidade da persoa solicitante, mutualista ou traballador por conta allea, no caso de que este non fora emitido pola Xunta de Galicia.
g) Declaración responsable na que se manifeste que a porcentaxe de mulleres na entidade é superior ao 50 %, se é o caso.
h) Informe de vida laboral actualizado á data de publicación da orde.
De conformidade co establecido no artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente polas persoas interesadas ante calquera Administración. Neste caso, as persoas interesadas deberán indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa das persoas interesadas.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas polas persoas interesadas, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos para presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude
Todos os tramites administrativos que as persoas interesadas deberán realizar trala presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 14. Emenda das solicitudes
Unha vez recibidas as solicitudes, a unidade administrativa encargada da instrución do procedemento comprobará se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 68.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, requirirá a persoa interesada para que no prazo máximo e improrrogable de 10 días emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará que a persoa interesada desiste da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Non serán admitidas aquelas emendas que supoñan un incremento do importe solicitado inicialmente. Calquera emenda que implique un incremento do importe inicial deberá presentarse a través dunha nova solicitude de axuda.
Esta fase completarase incorporando ao expediente a información rexistral da persoa solicitante segundo a documentación que consta na Dirección Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, así como as comprobacións referidas no artigo 15.1 desta orde.
Artigo 15. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
– DNI ou NIE da persoa solicitante.
– DNI ou NIE da persoa representante.
– Consulta da vida laboral nos últimos 12 meses.
– Certificación de estar ao día nas obrigas coa Axencia Tributaria de Galicia.
– Certificación de estar ao día nas obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.
– Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
– Consulta de concesión de subvencións e axudas.
– Consulta de concesións pola regra de minimis.
– Consulta da alta no imposto de actividades económicas (IAE) da persoa solicitante.
– NIF da entidade solicitante, se é o caso.
– NIF da entidade representante, se é o caso.
– Certificación de estar ao día nas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.
– Certificado do domicilio fiscal.
– Consulta da condición de beneficiaria da subvención do Bono Remuda concedida ao abeiro da Orde do 27 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de axuda ás persoas traballadoras autónomas, cofinanciadas parcialmente pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento TR353D).
Consultaranse ademais os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:
Certificado do grao de discapacidade emitido pola Xunta de Galicia correspondente á persoa física solicitante, mutualista ou ao traballador por conta allea, se é o caso.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario (anexo I) e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.
4. A comprobación será realizada polo órgano competente en cada unha das fases de xestión, control e verificación das axudas.
Artigo 16. Transparencia e bo goberno
1. Deberase dar cumprimento ás obrigas de transparencia e publicidade contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no seu artigo 3.1 a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 17. Órganos competentes
1. O órgano competente para a instrución dos expedientes será a Subdirección Xeral de Emprendemento, pertencente á Dirección Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social.
2. A competencia para resolver as solicitudes de axuda corresponderalle á persoa titular da Dirección Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, por delegación da persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
3. As solicitudes serán avaliadas pola Comisión de Avaliación, composta pola persoa responsable do Servizo de Fomento do Emprendemento, que a presidirá, e, como vogais, dúas persoas adscritas ao Servizo de Fomento do Emprendemento, unha das cales realizará as funcións de secretario ou secretaria, e unha persoa responsable designada pola entidade coordinadora dos Polos de Emprendemento.
Se, por calquera causa, no momento en que a Comisión de Avaliación teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non puider asistir, será substituída pola persoa que, para estes efectos, designe o órgano competente para resolver.
4. A competencia para coñecer, resolver e propor os correspondentes pagamentos das axudas previstas no programa regulado nesta orde corresponderalle á persoa titular da Dirección Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, por delegación da persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
Artigo 18. Instrución do procedemento
1. A concesión das subvencións realizarase en réxime de concorrencia competitiva, nos termos previstos no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
2. Unha vez revisados os expedientes e completados, de ser o caso, remitiranse á Comisión de Avaliación para que esta, nun acto único, proceda á súa avaliación e informe, no cal se concretará o resultado da avaliación efectuada á totalidade dos expedientes.
3. As solicitudes serán avaliadas pola Comisión de Avaliación en función da información facilitada polo solicitante, que será responsable do contido da súa solicitude. O órgano avaliador elaborará unha relación ordenada de todas as solicitudes, con indicación da puntuación outorgada a cada unha delas, en aplicación dos criterios de avaliación establecidos no artigo 9 destas bases. En caso de empate na puntuación obtida por varias solicitudes, a orde de prioridade virá determinada do seguinte xeito:
1) Maior puntuación no criterio de valoración nº 1.
2) Maior puntuación no criterio de valoración nº 2.
3) Maior puntuación no criterio de valoración nº 3.
4) Maior puntuación no criterio de valoración nº 4.
Unha vez ordenadas as solicitudes segundo a correspondente puntuación obtida e aplicados, se é o caso, os criterios de desempate, as axudas outorgaranse por estrita orde de puntuación ata o esgotamento do crédito dispoñible.
Quedarán expresamente excluídas aquelas solicitudes que no cómputo final de puntuación non acaden un mínimo de 6 puntos.
En caso de renuncia ou desistencia de calquera das persoas beneficiarias da subvención, o seu posto como beneficiario/a será ocupado polo/a interesado/a situado/a inmediatamente a continuación na correspondente listaxe ordenada de puntuación.
Artigo 19. Proposta de resolución provisional e definitiva
1. A Comisión de Avaliación elevará o informe ao órgano instrutor, que formulará unha proposta de resolución provisional debidamente motivada en vista deste informe. Esta proposta provisional farase pública na páxina web da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. Nela expresaranse a puntuación proposta para cada proxecto admitido, así como as causas que determinaron a exclusión das restantes solicitudes. As persoas interesadas disporán de 10 días hábiles, que se contarán a partir do seguinte ao da data de publicación da proposta provisional, para formularen as alegacións que consideren oportunas sobre esta proposta ante a Dirección Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social.
Poderase prescindir do trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin sexan tidos en contra outros feitos nin outras alegacións e probas que as aducidas polas persoas interesadas. Neste caso, a proposta de resolución formulada terá o carácter de definitiva.
2. Examinadas as alegacións aducidas polas persoas interesadas, formularase a proposta de resolución definitiva, que deberá expresar a relación de solicitantes para os cales se propón a concesión da subvención e a súa contía, especificando a súa puntuación e os criterios de valoración seguidos para efectuala, de acordo cos criterios establecidos no artigo 9 destas bases, en función das dispoñibilidades orzamentarias.
Artigo 20. Resolución
1. O órgano instrutor elevará a proposta de resolución definitiva ao órgano competente para resolver indicado no artigo 17.2.
2. A resolución de outorgamento da subvención comprenderá a identificación da persoa beneficiaria, a contía da subvención e as obrigas que lle corresponden como beneficiaria.
3. O prazo máximo para resolver e notificar será de 3 meses, que se computará desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, a solicitude entenderase desestimada, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
4. Unha vez notificada a resolución, as entidades interesadas disporán dun prazo de 10 días para a súa aceptación; transcorrido este sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
5. A resolución deberá conter a referencia de que a axuda concedida está suxeita ao réxime de minimis, facendo unha referencia expresa e completa ao regulamento concreto de minimis que sexa de aplicación.
Artigo 21. Réxime de recursos
As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de 2 meses, ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, e poderase formular, con carácter potestativo, recurso de reposición no prazo de 1 mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada. Todo o anterior de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, e na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Artigo 22. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que conste na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e rexeitadas cando transcorresen 10 días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 23. Estimación parcial da solicitude
No caso de que unha solicitude de axudas comprenda gastos ou investimentos para os cales non exista crédito suficiente, poderase estimar parcialmente.
Artigo 24. Modificación da resolución de concesión
Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión seguindo o principio de proporcionalidade a que se refire o artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Artigo 25. Réxime de compatibilidades e concorrencia
1. As subvencións concedidas ao amparo destas bases reguladoras serán compatibles con outras axudas, subvencións ou recursos destinados á mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, sempre que non se supere o 100 % do investimento subvencionable ou, de ser o caso, o límite máximo establecido na normativa que resulte de aplicación. Non obstante o anterior, as subvencións previstas nesta orde son incompatibles coas axudas para o impulso da innovación e sostibilidade do comercio local e artesanal (CO300C) que convoque no ano 2026 a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
2. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, nos termos previstos no artigo 24.
Artigo 26. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias
Son obrigas das persoas ou entidades beneficiarias das subvencións as sinaladas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, en especial as seguintes:
a) Aplicar a axuda a satisfacer os investimentos subvencionables realizados desde o 1 de xullo de 2025 ata a data da presentación da solicitude con base nos conceptos do artigo 6 da presente orde que correspondan de xeito indubidable ao proxecto empresarial que se constituíse ou dese de alta, segundo a natureza xurídica da entidade de que se trate, e que iniciara a súa actividade económica desde o 1 de xaneiro de 2024, nos termos recollidos nos artigos 1 e 5 da orde.
b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión da subvención.
c) Someterse ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, así como facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.
d) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e das obrigas asumidas polas persoas ou entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberase efectuar tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.
e) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.
f) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa beneficiaria en cada caso, coa finalidade de garantir o exercicio adecuado das facultades de comprobación e control.
Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.
Agás aquelas persoas ou entidades beneficiarias que pola normativa vixente estean exentas da obriga de levar a cabo unha contabilidade, as persoas ou entidades beneficiarias teñen a obriga de acreditar que levan unha contabilidade separada ou un código contable adecuado para os gastos obxecto da subvención.
g) Adoptar as medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. De acordo con esta obriga, as persoas deberán anunciar no seu domicilio social e nos seus centros de traballo a súa condición de beneficiarias dunha subvención outorgada pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. Con esta finalidade incorporarán un rótulo visible ao público, de tamaño mínimo A3, que inclúa o nome da entidade e o logotipo da Xunta de Galicia e do Ministerio de Traballo e Economía Social. Tamén se informará na páxina web, no caso de dispor dela, sobre a axuda financeira recibida da Xunta. Este rótulo e información deberá manterse exposto ao público durante un período de dous anos.
Os formatos que se utilicen serán os proporcionados pola Dirección Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social que constan na páxina web da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, na ligazón: https://oficinadoautonomo.gal e na sede electrónica https://sede.xunta.gal
h) Manter, por un período mínimo de dous anos desde a data da resolución de concesión, unha forma xurídica de entre as elixibles para resultaren beneficiarias da subvención concedida, así como a actividade empresarial.
O cumprimento desta obriga poderá ser comprobado, coa periodicidade que se considere oportuna, polo órgano competente en cada unha das fases de xestión, control e verificación.
i) Cumprir os deberes de transparencia e publicidade previstos no artigo 16 desta orde, quedando suxeitas as persoas beneficiarias ás consecuencias do incumprimento das ditas obrigas, de conformidade co establecido no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.
Artigo 27. Reintegro e perda do dereito ao cobramento da subvención
1. A declaración xudicial ou administrativa de nulidade ou anulabilidade da resolución de concesión, de acordo co procedemento e coas causas establecidas no artigo 32 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, comportará a obriga de devolver as cantidades percibidas.
2. Procederá a perda do dereito ao cobramento das subvencións e axudas concedidas no suposto de non estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, así como ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de pagamento da subvención.
3. Procederá a perda do dereito ao cobramento das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.
A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.
4. De conformidade co artigo 14.1, letra n), da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o importe que se deba reintegrar determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:
a) A obtención da subvención falseando os datos, feitos ou documentación, así como as condicións requiridas para a concesión ou ocultando aquelas que o impidan: reintegro do 100 % da subvención concedida.
b) O incumprimento da finalidade, dos requisitos e/ou das condicións exixidas á persoa beneficiaria para a concesión da subvención: reintegro do 100 % da subvención concedida.
c) A resistencia, a escusa, a obstrución ou a negativa ás actuacións de comprobación previstas nesta orde, o incumprimento das obrigas contables ou de conservación de documentos previstas na orde, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos, para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado: reintegro do 100 % da subvención concedida.
d) O incumprimento da obriga en materia de publicidade prevista no artigo 26.g): reintegro do 2 % da subvención concedida.
Non obstante, no suposto de resultar aínda posible o cumprimento desta obriga, o órgano xestor deberá requirir á persoa beneficiaria para que incorpore o rótulo, nun prazo non superior a 15 días hábiles, con expresa advertencia de que o seu incumprimento implicará o inicio do expediente declarativo da procedencia do reintegro.
e) A percepción doutras subvencións públicas incompatibles coa subvención prevista nesta orde: reintegro do 100 % da subvención concedida.
f) O incumprimento da obriga de comunicarlle ao órgano concedente a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos, públicos ou privados, que financien as actividades subvencionadas: reintegro do 5 % da axuda concedida.
g) O incumprimento da obriga de mantemento da forma xurídica e actividade prevista no artigo 26.h): reintegro da parte proporcional da axuda.
Artigo 28. Exclusións
1. Non poderán obter a condición de beneficiarias das subvencións establecidas nesta orde as persoas ou entidades en que concorran as circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:
a) Ser condenadas mediante sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas.
b) Solicitar a declaración de concurso, ser declaradas insolventes en calquera procedemento, encontrarse declaradas en concurso, agás que neste adquirise a eficacia un convenio; estar suxeitas a intervención xudicial ou ser inhabilitadas conforme a Lei concursal, sen que conclúa o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.
c) Dar lugar, por causa da que fosen declaradas culpables, á resolución firme de calquera contrato subscrito coa Administración.
d) Estar incursa a persoa física, as persoas administradoras das sociedades mercantís ou aquelas que exerzan a representación legal doutras persoas xurídicas nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.
e) Non estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, nos termos regulamentariamente establecidos.
f) Ter a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso fiscal.
g) Non estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, nos termos regulamentariamente establecidos.
h) Ter sido sancionada mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións segundo a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou a Lei xeral tributaria.
2. Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas que se atopen excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido nos artigos 46 e 46.bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.
Artigo 29. Devolución voluntaria de subvencións
1. De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as persoas ou entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o ingreso na conta ES82 2080 0300 8731 1006 3172 en concepto de devolución voluntaria da subvención.
2. En todo caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente unha memoria xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal conste a data do ingreso, o seu importe, o número do expediente e a denominación da subvención concedida.
3. A devolución voluntaria non exclúe a reclamación dos xuros de demora cando se considere procedente o reintegro da subvención.
Artigo 30. Forma de pagamento e xustificación
A presentación da xustificación requirida neste precepto realizarase coa solicitude de axuda de acordo co establecido no artigo 11 e conforme ao disposto neste precepto:
1. Comprobado o cumprimento dos requisitos para ser beneficiario/a desta subvención establecidos na presente orde e resolta a concesión da axuda, procederase ao pago da axuda no número de conta indicado na solicitude.
2. O cumprimento dos requisitos acreditarase na solicitude mediante a declaración responsable da persoa beneficiaria, emitida baixo a súa responsabilidade e sen prexuízo da comprobación do seu cumprimento con posterioridade á resolución de concesión.
3. Con independencia do importe da axuda concedida, ben por aplicación do artigo 51 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ben polo obxecto e natureza desta subvención, a persoa beneficiaria deberá xustificar a aplicación dos fondos mediante a presentación dunha conta xustificativa simplificada.
A conta xustificativa simplificada presentarase no anexo I e incluirá:
a. Memoria do cumprimento das condicións da axuda, establecidas na letra a) do artigo 26 e na cal se inclúa o detalle doutras axudas, de ser o caso, conforme o artigo 26, letra d) desta orde. Nesta memoria recollerase tamén sucintamente unha descrición do obxecto e actividade desenvolvida pola persoa solicitante, para a cal solicita a axuda.
b. Relación clasificada dos investimentos realizados desde o 1 de xullo de 2025 ata a data da solicitude, identificando o nome do provedor, o número de factura, o concepto subvencionable, a data de emisión, a data de pagamento e o seu importe sen IVE.
O pagamento deberá estar efectuado mediante transferencia ou ingreso bancario.
A persoa beneficiaria está obrigada a conservar toda a documentación xustificativa dos gastos e achegala se for requirida na fase de verificación da axuda ou en calquera control posterior.
4. Así mesmo, para xustificar a aplicación dos fondos, a persoa beneficiaria deberá achegar a seguinte documentación:
a. Reportaxe fotográfica, preferentemente en cor, de todos os investimentos obxecto da axuda, incluídas as obras executadas, de ser o caso. Deberase relacionar cada imaxe coa factura e investimento correspondente.
b. No suposto de terse realizado obras de reforma e/ou habilitación das instalacións do local do negocio, deberá presentar licenza de obras ou, se é o caso, de comunicación previa, cunha declaración responsable de que non foi requirido/a polo concello para a súa emenda.
c. No suposto de gastos de alugamento do local ou centro de traballo, deberá achegar copia do contrato de alugamento xunto coas facturas xustificativas de terse realizado o pagamento deste.
5. A verificación dos gastos recollidos na relación anterior poderase realizar a través da técnica de mostraxe sobre, como mínimo, o 20 % dos expedientes de concesión, que permitan obter evidencia razoable sobre a aplicación adecuada da axuda, para cuxo fin se lle poderá requirir á persoa beneficiaria a presentación dos correspondentes xustificantes de gasto e a demais documentación que proceda.
6. A determinación dos gastos subvencionables realizarase conforme o establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Considéranse gastos subvencionables aqueles que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada e se realicen no prazo de execución establecido nesta orde.
7. As facturas deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento das obrigas de facturación, e deberán estar emitidas a nome da entidade ou empresa solicitante dentro do prazo de execución establecido na convocatoria. As facturas presentaranse en calquera das linguas oficiais de Galicia ou, se é o caso, xunto cunha tradución oficial.
As facturas deberán describir con claridade os conceptos e as cantidades, así como o prezo unitario, e incluirán o imposto sobre o valor engadido (IVE) que sexa de aplicación.
O importe mínimo das facturas que poderán terse en conta nesta orde será de 300 €, IVE excluído.
8. Só se admitirán como documentación xustificativa do pagamento dos gastos os documentos bancarios en que consten perfectamente identificados o receptor e o emisor do pagamento (que deberá coincidir coa persoa beneficiaria da axuda), a data do pagamento, o número de conta, así como o número de factura e o importe (IVE incluído) do pagamento. Os mesmos datos deberán constar no caso de xustificantes bancarios emitidos a través da internet ou procedentes de pagamentos con tarxeta. Os datos do xustificante bancario de pagamento deberán coincidir exactamente cos da factura. Se o importe reflectido no documento bancario non coincide por existiren varios pagamentos agrupados, deberase presentar unha desagregación en que se poidan identificar os pagamentos en cuestión.
Non se admitirán os pagamentos en efectivo.
9. A unidade administrativa responsable da instrución deste procedemento analizará a documentación xustificativa acreditativa da realización da actividade obxecto da subvención e emitirá unha proposta de pagamento que se elevará ao órgano competente para resolver, que será tamén o órgano competente para ordenar o pagamento.
10. O pagamento efectuarase de forma nominativa a favor das persoas ou entidades beneficiarias e logo da acreditación dos gastos e pagamentos realizados, ata o tope máximo da contía establecida en función do investimento.
11. En ningún caso poderá realizarse o pagamento da subvención mentres a persoa beneficiaria non figure ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas, e fronte á Seguridade Social, teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou sexa debedora en virtude de resolución declarativa de procedencia de reintegro.
Artigo 31. Seguimento e control. Comunicación de fraudes e irregularidades
1. Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración levará a cabo funcións de control, avaliación e seguimento.
2. Para realizar as ditas funcións poderá utilizar cantos medios estean á súa disposición para comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas aos fins programados e o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e nas demais normas vixentes que resulten de aplicación. Para estes efectos, as persoas ou entidades beneficiarias deberán cumprir as obrigas de comprobación que se establecen nesta orde e na resolución de concesión.
3. A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar con precisión o exacto cumprimento.
4. Con independencia do disposto nos puntos anteriores, calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados no marco da presente orde, poderá poñer os ditos feitos en coñecemento da Xunta de Galicia, a través da canle de denuncias da Xunta de Galicia, de comunicación de información en materia de integridade institucional, dispoñible na seguinte ligazón: https://transparencia.xunta.gal/canle-de-denuncias
5. No control e na loita contra a fraude, a Dirección Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social actuará de conformidade co establecido no seu Plan específico de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude, que é de aplicación a esta convocatoria. A ligazón ao citado plan no Portal de transparencia e Goberno aberto da Xunta de Galicia é a seguinte:
https://ficheiros-web.xunta.gal/transparencia/plans/antifraude/emprego-comercio-emigracion/plan-antifraude-dxtaes-2024.pdf
Convocatoria de subvencións para a anualidade de 2026
Artigo 32. Convocatoria
Convócanse para a anualidade de 2026 as subvencións para apoiar iniciativas de emprendemento de persoas traballadoras autónomas e pequenas e medianas empresas iniciadas desde o 1 de xaneiro de 2024, de acordo co regulado polas bases contidas nesta orde.
Artigo 33. Presentación de solicitudes
As axudas previstas nesta convocatoria poderanse solicitar desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 2 de marzo de 2026.
Artigo 34. Período de execución das accións
O período de execución de accións abranguerá desde o 1 de xullo de 2025 ata a data da presentación da solicitude.
Os investimentos subvencionables deberán estar realizados no período de execución indicado e as facturas deberán estar emitidas e pagadas no dito período.
Os investimentos subvencionables deberán estar realizados e pagados con posterioridade á constitución ou á alta, segundo a natureza xurídica da entidade de que se trate, e iniciada a súa actividade.
Disposición adicional primeira. Delegación de competencias
Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración na persoa titular da Dirección Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social para resolver a concesión ou denegación das subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispor, recoñecer a obriga e propor os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente cobradas, respecto das resolucións de concesión de que derivan.
Disposición adicional segunda. Base de datos nacional de subvencións
De conformidade co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.
Ademais, a entidade outorgante deberá consignar a información sinalada no artigo 6.1 do Regulamento (UE) núm. 2023/2831 na Base de datos nacional de subvencións no prazo de 20 días hábiles a partir da concesión das axudas.
Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo
Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2026
José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración
