DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Martes, 3 de febreiro de 2026 Páx. 9617

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Igualdade

ORDE do 26 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a promoción da igualdade, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento SI435A).

missing image file

A Constitución española, no seu artigo 14, proclama o dereito á igualdade e prohibe calquera discriminación por razón de sexo e, no artigo 9.2, formula o mandamento expreso aos poderes públicos para que promovan as condicións para que a igualdade do individuo e das agrupacións en que se integra sexan reais e efectivas. Polo que respecta á Comunidade Autónoma de Galicia, o artigo 4 do Estatuto de autonomía de Galicia establece que lles corresponde aos poderes públicos de Galicia promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integra sexan reais e efectivas, remover os atrancos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación dos galegos na vida política, económica, cultural e social.

En desenvolvemento destas competencias asumidas polo Estatuto de autonomía de Galicia, na actualidade a normativa de aplicación está recollida na Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, así como a Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero. A promoción da igualdade entre mulleres e homes constitúe tamén un obxectivo básico e prioritario para a Xunta de Galicia, e ten o seu reflexo nas ditas normas e na implantación de plans que definen e recollen estratexias globais para o establecemento dos requisitos que posibiliten a participación das mulleres en condicións de igualdade en todos os ámbitos da sociedade.

O VIII Plan estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2022-2027 recolle como unha das súas prioridades de actuación a de impulsar as políticas de igualdade no ámbito local e establece como liña de acción a mellora da coordinación e dos apoios ás entidades locais para o desenvolvemento de accións no ámbito da igualdade.

Nesta actuación recoñécese o ámbito municipal, pola súa proximidade á cidadanía e polo coñecemento da situación específica da súa poboación, como o idóneo para desenvolver accións tendentes a garantir a igualdade entre mulleres e homes, a prevención e a erradicación da violencia de xénero, así como para establecer as condicións que posibiliten a participación das mulleres na vida política, económica, cultural e social, polo que nesta materia se vén traballando coas entidades locais no marco da colaboración e coordinación, para avanzar na consecución do obxectivo común de acadar unha sociedade igualitaria e coas mesmas oportunidades para mulleres e homes. Pola súa vez, promóvese e impúlsase un marco de xestión compartida no ámbito da colaboración e cooperación entre concellos para dotar dunha maior eficacia e eficiencia os servizos e as actuacións en materia de igualdade no ámbito territorial de Galicia.

A Consellería de Política Social e Igualdade é o órgano ao cal, entre outras competencias, lle corresponde promover e adoptar medidas encamiñadas á consecución da igualdade efectiva entre mulleres e homes, segundo dispón o Decreto 139/2024, do 20 de maio, polo que se establece a súa estrutura orgánica. Concretamente, a través da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade, correspóndenlle, entre outras, a función de propoñer medidas, programas e normas dirixidos á promoción do exercicio efectivo dos dereitos das mulleres, a incrementar a súa participación na vida económica, laboral, política, social e cultural; a eliminar as discriminacións existentes entre sexos e establecer relacións e canles de participación con asociacións, fundacións e outros entes e organismos que teñan entre os seus fins a consecución da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, así como a igualdade de trato e non discriminación por razón de orientación sexual e identidade de xénero.

Consonte o anterior, esta convocatoria ten por obxecto facilitar a implantación de actuacións de igualdade no ámbito local en Galicia co fin de prestarlles unha atención e un acompañamento de proximidade, psicolóxico, xurídico e de orientación sociolaboral ás mulleres, en particular, a aquelas que pertenzan a colectivos en risco de exclusión ou se atopen nalgunha situación de vulnerabilidade, de cara a mellorar a súa situación social, laboral e profesional.

Con este fin recóllese un marco de axudas públicas para o financiamento de actuacións desenvolvidas polas entidades locais, de forma individual ou mediante o sistema de xestión compartida, ao abeiro do Programa de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero.

As bases reguladoras e a convocatoria destas axudas axústanse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño); no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro); no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (DOG núm. 214, do 5 de novembro), e, no que resulte de aplicación, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE núm. 276, do 18 de novembro); e o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE núm. 176, do 25 de xullo).

Estas axudas están cofinanciadas nun 60 % pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, polo que é de aplicación e dáse debido cumprimento ao previsto no Regulamento (UE) nº 2021/1060, do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e á Política de Visados; no Regulamento (UE) nº 2021/1057, do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, polo que se establece o Fondo Social Europeo Plus (FSE+) e polo que se derroga o Regulamento (UE) nº 1296/2013, e na Orde TES/106/2024, do 8 de febreiro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo Plus durante o período de programación 2021-2027.

Ademais, nesta convocatoria incorpórase o uso de opcións de custos simplificados conforme o disposto no Regulamento (UE) 2021/1060, do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño.

Esta convocatoria tramítase como expediente anticipado de gasto, ao abeiro do disposto no artigo 1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto (DOG núm. 34, do 19 de febreiro), modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 (DOG núm. 209, do 29 de novembro), e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (DOG núm. 201, do 29 de outubro), ao existir crédito adecuado e suficiente para este fin no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2026 aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día 17 de outubro de 2025.

Así mesmo, segundo o establecido no seu artigo 5, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta convocatoria enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

Por todo o exposto, no uso das atribucións que me foron conferidas,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar no ano 2026 as subvencións ás entidades locais de Galicia, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, para o desenvolvemento de actuacións de promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e tratamento da violencia de xénero, dirixidas a mulleres que pertenzan a colectivos en risco de exclusión ou estean nalgunha situación de vulnerabilidade, de cara a mellorar a súa situación persoal, social, laboral e profesional.

2. Só se pode presentar ou participar nunha solicitude de subvención, ben sexa individual ou ben conxunta. No caso de concorrencia de solicitudes, individuais e conxuntas, ou de xestión compartida, terá lugar a inadmisión da solicitude individual e considerarase como efectiva a de xestión compartida.

3. A denominación e o código de procedemento correspondente a estas axudas é o seguinte: axudas e subvencións a entidades locais: Programa de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero (SI435A).

4. O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta orde tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co sinalado no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. A súa xestión realizarase de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 2. Financiamento

1. Para o financiamento das axudas previstas nesta convocatoria destínase crédito por importe total de seiscentos cincuenta mil euros (650.000 €) con cargo á aplicación 08.07.313B.460.0, código de proxecto 2023 00095, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026.

2. Estas axudas están cofinanciadas nun 60 % pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027 no obxectivo político 4: unha Europa máis social e inclusiva, por medio da aplicación do piar europeo de dereitos sociais; prioridade 2: inclusión social e loita contra a pobreza; obxectivo específico ESO4.8: fomentar a inclusión activa co obxecto de promover a igualdade de oportunidades, a non discriminación e a participación activa, e mellorar a empregabilidade, en particular, para os colectivos desfavorecidos; e medida 2.H.03: Programa de atención a mulleres en situación de especial vulnerabilidade.

2. De conformidade co establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, o outorgamento destas subvencións queda condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente para financiar as obrigas derivadas da súa concesión nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026.

3. O importe máximo inicial do crédito destinado ás axudas previstas nesta convocatoria poderá ser ampliado en función das solicitudes e das dispoñibilidades orzamentarias, nos supostos e nas condicións previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incremento do importe queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda tras o informe favorable da modificación orzamentaria que corresponda por parte do organismo intermedio do programa FSE+ Galicia 2021-2027 (actualmente a Dirección Xeral de Cohesión e Fondos Europeos). A ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que isto implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 3. Compatibilidade con outras axudas e ingresos xerados

1. As axudas previstas nesta convocatoria son incompatibles con calquera outra subvención pública co mesmo obxecto e finalidade.

2. Se a actuación subvencionada xera ingresos como consecuencia de taxas de inscrición, matrículas ou equivalentes, o seu importe será deducido do gasto subvencionable despois de aplicar o tipo fixo no momento da concesión da axuda, en atención aos declarados, obtidos ou previstos na solicitude de axuda. Para o caso de que os ingresos obtidos non se fixesen constar na solicitude ou fosen superiores aos declarados nela, a dedución farase ou reaxustarase no momento do pagamento final.

Artigo 4. Entidades beneficiarias e requisitos

1. Poderán ser entidades beneficiarias das subvencións previstas nesta orde os concellos de Galicia, mediante solicitude individual ou mediante solicitude conxunta de agrupación ou asociación de concellos; as mancomunidades de concellos de Galicia e os consorcios locais de Galicia, constituídos exclusivamente por concellos, así como as entidades locais resultantes dunha fusión municipal. Quedan excluídas do ámbito de aplicación desta convocatoria as deputacións provinciais.

2. Para poder acceder ás subvencións deberán cumprirse os requisitos e as condicións establecidos nesta orde e na normativa xeral de subvencións e os derivados, se é o caso, da presentación dunha solicitude para a xestión compartida dun proxecto.

3. Por outra banda, para poder ser beneficiaria destas axudas, con anterioridade a que remate o prazo de presentación de solicitudes ou, de ser o caso, o de contestación ao requirimento realizado para o efecto, deberá ter cumprido o requisito de ter remitidas as contas do exercicio orzamentario 2024 ao Consello de Contas de Galicia.

4. Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria destas subvencións cando concorra algunha das circunstancias ou prohibicións sinaladas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Todos os requisitos e as condicións exixidos deberán cumprirse na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes, sen prexuízo do previsto no número 3.

Artigo 5. Solicitudes de xestión compartida: requisitos e condicións

1. Para estes efectos, terán a consideración de solicitudes de xestión compartida as presentadas por agrupacións, asociacións ou entidades locais que integren varios concellos.

2. As entidades locais que se agrupen ou asocien deberán:

a) Presentar, xunto coa solicitude, un convenio de colaboración relativo á agrupación ou asociación, que poderá ser un novo convenio ou un anterior en vigor.

Se non achegan o convenio xunto coa solicitude ou no prazo concedido para a súa achega, logo do requirimento efectuado para o efecto, considerarase que desisten da súa solicitude.

b) Nomear a persoa titular dunha das alcaldías para a representación única, tanto na coordinación como na interlocución, ante a Consellería de Política Social e Igualdade, que será a que reciba e xustifique a subvención.

c) Reflectir os compromisos de execución asumidos por cada unha das entidades que forman parte da agrupación, así como a porcentaxe de subvención que se aplicará a cada unha delas.

d) Os concellos agrupados ou asociados terán, en todo caso, a condición de entidade beneficiaria, polo que para poder conceder a subvención solicitada todos eles teñen que cumprir os requisitos, as condicións, as obrigas e os compromisos establecidos nesta orde, nos termos establecidos no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. A falta de acreditación do cumprimento dalgún requisito por parte dalgunha das entidades participantes suporá a inadmisión da solicitude conxunta cando afecte a entidade que ten a representación; nos outros casos, manterase a validez da solicitude sempre que se comunique por escrito a exclusión do concello afectado polo incumprimento, dentro do prazo concedido para o efecto.

4. As mancomunidades de concellos e os consorcios locais deberán presentar, xunto coa solicitude, unha certificación expedida pola súa secretaría onde se fagan constar os concellos membros da mancomunidade ou consorcio e os que participan no proxecto para o cal se solicita subvención.

5. Procederá a exclusión ou inadmisión daquelas solicitudes de xestión compartida nas cales non se acredite a realización conxunta da actuación ou servizo para o cal se solicita subvención e que supoñan actuacións independentes en cada entidade local.

6. Considerarase cumprido este requisito, mesmo de se realizaren actuacións independentes en cada concello, cando na memoria xustificativa se acrediten os beneficios da solicitude conxunta, tales como licitacións conxuntas, razóns de economía de escala, racionalización do gasto, criterios de eficiencia e eficacia e colaboración técnica e administrativa, entre outros.

Nos supostos de mancomunidades e consorcios, deberá acreditarse que a actuación e/ou servizo se presta de xeito mancomunado ou consorciado e que, en todo caso, non supón unha actuación illada ou independente.

Artigo 6. Accións subvencionables e contía da axuda

1. Poderán ser obxecto de subvención ao abeiro desta convocatoria as actuacións directas de promoción da igualdade e de prevención e tratamento da violencia de xénero:

a) As actuacións subvencionables estarán dirixidas específica e exclusivamente a mulleres en situación de especial vulnerabilidade. No caso das mulleres vítimas de violencia de xénero, das mulleres vítimas de explotación sexual-laboral en redes de prostitución ou de trata de persoas e das mulleres lactantes sen apoio familiar ou sen recursos, as actuacións tamén se poden dirixir aos/ás seus/súas fillos e fillas.

Terán a consideración de mulleres en situación de vulnerabilidade aquelas en que concorra algunha das seguintes circunstancias:

– Vítimas de violencia de xénero ou de violencia doméstica.

– Vítimas de explotación sexual-laboral en redes de prostitución ou de trata de persoas.

– Inmigrantes, emigrantes retornadas ou refuxiadas.

– Pertencentes a unha minoría étnica.

– Dependentes do consumo de substancias tóxicas ou en procesos de rehabilitación.

– Perceptoras de rendas de integración, subsidios ou prestacións similares.

– Reclusas ou exreclusas.

– Procedentes de institucións de protección ou reeducación de menores.

– Transexuais ou con conflitos de identidade de sexo.

– Con diversidade funcional ou enfermidade mental.

– Con responsabilidades familiares non compartidas.

– Procedentes de núcleos familiares con ingresos inferiores a 2,5 veces o IPREM.

– Embarazadas ou lactantes sen apoio familiar ou sen recursos.

– Sen fogar ou que habitan nunha infravivenda, ou afectadas por un proceso de desafiuzamento.

– Sen titulación ou con baixa cualificación.

b) As actuacións subvencionables terán que encadrarse nalgún dos seguintes tipos: accións de apoderamento; servizos de atención, orientación e acompañamento para a mellora da situación persoal, social e laboral; asesoramento xurídico especializado e accións de atención directa a fillos e fillas de mulleres vítima de violencia de xénero ou de explotación sexual-laboral en redes de prostitución ou de trata de persoas ou de lactantes sen apoio familiar ou sen recursos.

Ao abeiro das axudas reguladas nesta orde son subvencionables as actuacións directas de promoción da igualdade e de prevención e tratamento da violencia de xénero.

Non serán subvencionables as actuacións colectivas de sensibilización e/ou asesoramento abertas ao público aínda que a súa acción posterior se centre en mulleres en situación de vulnerabilidade, como os puntos Lila.

c) As actuacións buscarán a recuperación dos proxectos vitais e da autonomía das mulleres en situación de vulnerabilidade, prestando apoio e orientación persoal, social e laboral. Terán en conta o diferencial feminino e o fomento da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes como elemento básico da atención especializada que deben recibir as mulleres en situación de vulnerabilidade.

Cada actuación do programa deberá incorporar a perspectiva de xénero con carácter transversal e incluír contidos que se poidan encadrar nos seguintes módulos ou bloques temáticos: estereotipos de xénero, a perspectiva de xénero e a prevención da violencia de xénero. Como mínimo, cada actuación contará cun destes módulos ou bloques temáticos que deberá ter unha duración mínima do 10 % das horas previstas para unha actuación ou actividade.

Tanto as actuacións e a documentación que lle dea soporte e a cartelaría incorporarán unha linguaxe inclusiva e imaxes non sexistas nin estereotipadas.

2. O número de persoas participantes nas actuacións do programa non poderá ser inferior a oito (8).

3. O importe máximo dos custos directos de persoal que se pode presentar para optar a esta axuda é de 30.000 euros; para o caso de que sexa superior, o órgano instrutor requirirá a entidade solicitante para que o reaxuste.

4. As axudas concederanse e xustificaranse a través da modalidade de custos simplificados de financiamento a tipo fixo, segundo o previsto nos artigos 53.1.d) e 56.1 do Regulamento (UE) 2021/1060, do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, conforme o cal, para cubrir o resto de custos subvencionables, engadirase un tipo fixo do 10 % sobre os custos de persoal subvencionables.

En consecuencia, o importe dos custos directos de persoal subvencionables incrementarase un 10 % para o financiamento dos outros gastos vinculados ao programa (de acordo co disposto no artigo 7.1.1.b) e 7.1.2.). Este incremento do 10 % non requirirá a presentación de ningunha documentación xustificativa adicional.

5. Ata esgotar o crédito dispoñible e co límite da contía máxima da axuda que corresponda ou, de ser inferior, da contía solicitada, a contía da subvención que se vai conceder ás entidades beneficiarias calcularase en función da puntuación obtida por estas, conforme o sinalado no artigo 14, aplicando sobre o gasto total subvencionable a porcentaxe de intensidade de axuda que corresponda:

– Máis de 55 e ata 75 puntos: 95 % do gasto subvencionable.

– Máis de 40 e ata 55 puntos: 90 % do gasto subvencionable.

– Máis de 20 e ata 40 puntos: 80 % do gasto subvencionable.

– Ata 20 puntos: 70 % do gasto subvencionable.

No caso de quedar crédito libre despois de adxudicar a contía que corresponda a cada unha das entidades que resulten beneficiarias da subvención, sempre que non exista lista de espera, este repartirase entre elas a partes iguais de xeito que se manteña a proporcionalidade derivada da aplicación dos criterios de valoración, co límite da contía máxima da axuda ou, de ser inferior, da contía solicitada.

6. En todo caso, a contía máxima da axuda será de 15.000 euros cando se trate dunha solicitude individual, e de 28.000 euros no caso de que se trate dunha solicitude para a xestión compartida ou dunha entidade resultante da fusión de concellos.

7. Se é o caso, a subvención será minorada proporcionalmente cando non se xustifique a totalidade do custo de persoal.

En todo caso, non se xerará dereito ao cobramento da subvención, e procederá o reintegro do anticipo establecido no artigo 19, cando as xustificacións non acaden como mínimo o 40 % do custo do persoal ou cando non se teña acadado o número mínimo de persoas participantes segundo o establecido no número 2.

Artigo 7. Gastos subvencionables

1. Serán gastos subvencionables os derivados do programa obxecto da axuda xerados no período comprendido entre o 1 de outubro de 2025 e o 30 de setembro de 2026, ambos os dous incluídos, e que respondan a algunha das seguintes categorías e conceptos, sendo as categorías doutros gastos directos e doutros gastos indirectos con cargo ao 10 % adicional que se recolle no artigo 6.4 e que non requiren xustificación adicional:

1.1. Gastos directos: terán esta consideración aqueles custos que estean directamente relacionados coa actividade subvencionada e que, polo tanto, se refiran de forma inequívoca e identificable a ela, en particular, os seguintes:

a) Gastos directos de persoal: serán subvencionables en concepto de custos directos de persoal as retribucións salariais brutas totais do persoal propio da entidade, incluído o salario base, complementos, pagas extraordinarias, cotizacións sociais a cargo da persoa traballadora e Seguridade Social a cargo da empresa, nos termos recollidos no artigo 16.4 do Regulamento (UE) nº 2021/1057 e na Orde TES/106/2024, do 8 de febreiro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo Plus durante o período de programación 2021-2027. En particular, no caso de persoal propio, será necesario acreditar, mediante un informe, declaración responsable ou documento equivalente, que as persoas traballadoras que prestan servizo neste programa non teñen bonificada a cota correspondente á Seguridade Social. En caso de ter bonificada a cota, deberán indicar cales son esas persoas e presentar o documento que reflicta esas bonificacións. Para o cálculo do importe elixible descontarase o importe correspondente ás bonificacións ou reducións que poidan estar asociadas ao pagamento desas cotizacións.

No caso de contratación mercantil ou externa, serán subvencionables os custos de persoal que formen parte da prestación do servizo externo, sempre que o persoal e o custo pola súa contratación estean claramente identificados e detallados na factura.

Non serán subvencionables os gastos de persoal que non fose contratado especificamente para o desenvolvemento da medida ou actuación subvencionada, nin os gastos de persoal pertencente aos centros de información ás mulleres (CIM) de calquera das entidades locais de Galicia.

Excepcionalmente, en atención ás circunstancias concorrentes debidamente xustificadas pola entidade solicitante, sempre que se trate de actuacións con permanencia no tempo que supoñan funcións de intervención directa e exista persoal cualificado non pertencente ao CIM que xa as viñese realizando con anterioridade, poderán ser subvencionables os custos de persoal correspondentes á porcentaxe de horas imputadas ás ditas funcións. Neste caso, deberá achegarse unha resolución expresa, asinada polo/a representante legal da entidade local, acreditativa da adscrición do persoal ao programa, coa porcentaxe de xornada destinada ao programa, medida ou actuación subvencionada e o período polo que se adscribe (segundo o modelo publicado no portal web https://igualdade.xunta.gal/).

Non obstante o anterior, non serán subvencionables os custos do persoal que ocupe postos de traballo ou que pertenza a servizos financiados, total ou parcialmente, con fondos procedentes de plans ou programas de calquera Administración pública, en particular, do Programa de servizos sociais comunitarios.

Non serán subvencionables os gastos de persoal que desenvolvan funcións de deseño, preparación, xestión, coordinación ou dirección.

b) Outros gastos directos: serán subvencionables en concepto de custos directos a elaboración de materiais, a adquisición de materiais didácticos ou outros materiais necesarios para a realización da actuación, os gastos de seguros destinados a cubrir continxencias de risco derivadas da actuación subvencionada, os gastos de transporte por desprazamentos das persoas participantes nas actuacións programadas, as axudas de custo e os gastos de locomoción do persoal que desenvolve a actuación necesarios para a súa realización.

1.2. Gastos indirectos: serán subvencionables en concepto de custos indirectos os gastos correntes que non corresponden en exclusiva á actuación subvencionada por teren carácter estrutural e que resulten necesarios para o seu desenvolvemento: gastos en bens consumibles e en material funxible, gastos de alugamento e de mantemento de instalacións (luz, auga, calefacción, teléfono, limpeza e seguridade).

2. En todo caso, as actuacións que se desenvolvan ao abeiro destas axudas deberán cumprir as normas establecidas no Regulamento (UE) nº 2021/1060, do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e á Política de Visados; no Regulamento (UE) nº 2021/1057, do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, polo que se establece o Fondo Social Europeo Plus (FSE+) e polo que se derroga o Regulamento (UE) nº 1296/2013, e na Orde TES/106/2024, do 8 de febreiro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo Plus durante o período de programación 2021-2027.

3. Para os efectos destas axudas non se considera subvencionable ningún tipo de taxa, tributo ou imposto, agás o imposto sobre o valor engadido non susceptible de recuperación ou compensación.

4. Non está permitida a subcontratación dos gastos subvencionables. Non obstante o anterior, non se considerarán gastos subcontratados aqueles en que teña que incorrer a entidade beneficiaria para a realización por si mesma da actuación subvencionada, tales como a contratación de persoal, o alugamento de instalacións para a realización das actuacións e/ou os gastos de subministración relacionados con eles, sempre que non sexan achegados pola mesma persoa física ou xurídica.

5. De acordo co disposto no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, cando o importe do gasto subvencionable supere as contías do contrato menor establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, a entidade beneficiaria deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á prestación do servizo ou á entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou agás que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

Artigo 8. Presentación de solicitudes e prazo

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último do mes.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 9. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Anexo II: certificación do órgano competente da entidade en que se faga constar, entre outros, o acordo de solicitar a subvención e do compromiso do financiamento do custo da actuación obxecto de axuda naquela parte que exceda o importe da subvención para a súa completa realización. No caso de mancomunidades ou consorcios, deberán cubrir o último punto do anexo para facer constar a relación de concellos que a integran e os que participan na actuación para a cal se solicita a subvención.

b) Anexo II-bis (só no caso de agrupacións ou asociacións de concellos): certificación do órgano competente do concello representante, en que se faga constar, con base nos acordos adoptados polos órganos competentes de cada un dos concellos asociados, as cuestións que se recollen no dito anexo en relación cos requisitos e as condicións previstos no artigo 5.

c) Anexo III: memoria descritiva da actuación, con indicación da duración e das datas de comezo e finalización estimadas, do importe dos custos directos de persoal, número estimado de persoas participantes, contidos das actuacións e módulos ou bloques temáticos específicos citados no artigo 6.1.c) que se inclúen, así como a tipoloxía dos gastos directos que se van imputar á subvención acordes co establecido no artigo 7.1. Non se valorará ningunha memoria complementaria deste anexo.

d) Copia do convenio de colaboración, só no caso de agrupacións ou asociacións de concellos.

e) Memoria de aforro de custos respecto da realización da actuación de forma individualizada, só no caso de agrupación ou asociación de concellos, mancomunidades ou consorcios.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

4. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar logo da presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 12. Emenda da solicitude

1. Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación exixida, a unidade administrativa encargada da tramitación do expediente requirirá a persoa solicitante para que, no prazo máximo e improrrogable de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se considerará que desistiu da súa solicitude, de acordo co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, logo de que se dite a resolución nos termos previstos no artigo 21 da citada lei.

Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, os citados requirimentos de emenda faranse mediante publicación no Diario Oficial de Galicia, a cal producirá os mesmos efectos da notificación.

2. Sen prexuízo do disposto no número anterior, en calquera fase do procedemento anterior á proposta de resolución poderáselle requirir á persoa solicitante que achegue a información e documentación complementaria que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación e comprobación da solicitude presentada.

Artigo 13. Instrución do procedemento e Comisión de Valoración

1. A instrución do procedemento previsto nesta orde correspóndelle á Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade.

Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, os expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos serán remitidos á Comisión de Valoración.

2. De conformidade co establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as solicitudes serán examinadas por unha Comisión de Valoración, coa seguinte composición:

– Presidencia: a persoa titular da Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade ou persoa que a substitúa.

– Secretaría: exercerá a secretaría da comisión unha das persoas que actúan como vogais da comisión.

– Vogalías: a persoa titular do Servizo de Fomento e Promoción da Igualdade; do Servizo de Programación, Cooperación Institucional e Planificación.

Na composición do órgano procurarase a presenza equilibrada de mulleres e homes.

No caso de ausencia dalgunha das persoas que integran a Comisión de Valoración, será substituída pola persoa designada pola presidencia da comisión.

3. O órgano instrutor, a petición da Comisión de Valoración, poderá requirir ás entidades solicitantes das subvencións información ou documentación adicional aclaratoria que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e relación directa para unha mellor valoración das solicitudes.

4. Avaliadas as solicitudes seguindo os criterios e pautas establecidos no artigo 14, a Comisión de Valoración emitirá un informe segundo o cal o órgano instrutor formulará proposta da resolución ao órgano competente para resolver a concesión ou denegación da subvención solicitada, e propoñerá a concesión de subvención segundo a orde de puntuación e polo importe da axuda que corresponda ata esgotar o crédito dispoñible.

No suposto de esgotar o crédito dispoñible segundo o establecido no artigo 2, o resto das solicitudes consideradas subvencionables quedará en reserva para seren atendidas no caso de producirse algunha renuncia ou algún incremento do crédito inicialmente dispoñible, de acordo co establecido no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Para estes efectos, o órgano instrutor poderá formular sucesivas propostas de resolución complementarias seguindo a orde de puntuación obtida.

Artigo 14. Criterios de valoración

1. A Comisión valorará os expedientes consonte os seguintes criterios:

1.1. Solicitudes presentadas por agrupacións de concellos, mancomunidades ou consorcios ou cando se trate de fusión de municipios, ata 40 puntos, de acordo co seguinte:

1.1.a) Agrupacións de concellos, mancomunidades ou consorcios, teranse en conta os seguintes aspectos:

1º. Pola presentación da solicitude para a xestión compartida: 15 puntos.

2º. Polo número de concellos asociados e a repercusión do proxecto tendo en conta a cifra de poboación total, segundo as cifras de poboación en 1 de xaneiro de 2025, fonte IGE: ata 15 puntos. De acordo co seguinte:

2º.1) Polo número de concellos participantes: 2 concellos, 3 puntos; 3 concellos, 4 puntos; 4 concellos, 5 puntos; 5 concellos, 6 puntos; máis de 5 concellos, 7 puntos.

2º.2) Pola poboación total: ata 5.000 habitantes, 1 punto; de 5.001 a 10.000 habitantes, 3 puntos; de 10.001 a 15.000 habitantes, 5 puntos; de 15.001 a 20.000 habitantes, 7 puntos; máis de 20.000 habitantes, 8 puntos.

3º. Pola presentación dunha memoria de aforro de custos respecto da realización da actuación de modo individual: 10 puntos.

1.1.b) Fusión municipal:

1º. Pola presentación da solicitude: 30 puntos.

2º. Polo número de concellos fusionados e a repercusión do proxecto tendo en conta a cifra de poboación total, segundo as cifras de poboación en 1 de xaneiro de 2025, fonte IGE: ata 10 puntos. De acordo co seguinte:

2º.1) Polo número de concellos participantes: 2 concellos, 3 puntos; 3 concellos, 4 puntos; 4 ou máis concellos, 5 puntos.

2º.2) Pola poboación total: ata 5.000 habitantes, 1 punto; de 5.001 a 10.000 habitantes, 2 puntos; de 10.001 a 15.000 habitantes, 3 puntos; de 15.001 a 20.000 habitantes, 4 puntos; máis de 20.000 habitantes, 5 puntos.

1.2. Distribución poboacional da entidade local solicitante. No caso de agrupación de concellos, terase en conta a poboación do concello representante e, no caso de mancomunidades, terase en conta a media da poboación de todos os concellos que a integran, segundo as cifras oficiais de poboación en 1 de xaneiro de 2025, fonte IGE: ata 16 puntos. De acordo co seguinte: ata 5.000 habitantes, 16 puntos; de 5.001 ata 10.000 habitantes, 12 puntos; de 10.001 a 20.000 habitantes, 8 puntos, e máis de 20.000 habitantes, 4 puntos.

1.3. Polo compromiso da entidade pola igualdade entre homes e mulleres: ata 2 puntos. De acordo co seguinte: a) estar adherido á Rede de entidades locais contra a violencia de xénero, 1 punto; b) ter constituída unha concellaría para a promoción da igualdade, 1 punto.

1.4. Polo alcance da xustificación da axuda concedida no procedemento SI435A ao abeiro da convocatoria de axudas ás entidades locais do ano 2025 (DOG núm. 25, do 6 de febreiro), valorarase ata 10 puntos de acordo coa seguinte modulación: se a xustificación acadou unha porcentaxe de entre o 85 % e o 95 %, 4 puntos; máis do 95 % e ata o 99 % incluído, 6 puntos; o 100 %, 10 puntos.

1.5. Se a entidade local non foi beneficiaria desta subvención (SI435A) no ano 2025: 7 puntos. As entidades locais que, sendo beneficiarias, perderan o dereito ao cobramento total ou renunciaran a esta subvención con posterioridade ao pagamento do anticipo do 80 %, non obterán estes puntos.

1.6. Pola incorporación en cada actuación do programa doutros módulos ou bloques temáticos, ademais do obrigatorio, dos citados no artigo 6.1.c) (estereotipos de xénero, perspectiva de xénero e prevención da violencia de xénero), dunha duración mínima do 10 % das horas previstas para a actuación ou actividade, ata 10 puntos, de acordo co seguinte: máis do 50 % das actuacións do programa inclúen, ademais do xa obrigatorio, un módulo ou bloque temático, 5 puntos; máis do 50 % das actuacións do programa inclúen, ademais do xa obrigatorio, dous módulos ou bloques temáticos, 10 puntos.

1.7. Pola duración do programa, ata un máximo de 15 puntos: 1,5 puntos por cada 15 horas de actuacións que conteña o programa. No caso de que a actuación teña máis dunha edición, o número de horas será o resultado das horas de cada edición polo número de edicións.

2. No suposto de que máis dunha proposta obteña a mesma puntuación e non sexa posible por razóns orzamentarias adxudicar axuda a todas elas, para o desempate terá preferencia, en primeiro lugar, a solicitude de xestión compartida fronte á presentada individualmente; en segundo lugar, a puntuación obtida en cada criterio de valoración seguindo a orde establecida neste artigo, ata que se produza o desempate e, de persistir este, resolverase tendo en conta a hora e a data de presentación da solicitude.

Artigo 15. Resolución e notificación

1. As resolucións que procedan ao abeiro desta orde serán ditadas pola persoa titular da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade, que actuará por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social e Igualdade, logo da proposta do órgano instrutor e, no caso de que o seu contido sexa a concesión da subvención, tras a súa fiscalización pola Intervención delegada.

2. O prazo para resolver e notificar ás entidades interesadas será de catro meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase desestimada.

3. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva e de conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, a resolución destas subvencións serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia, a cal producirá os mesmos efectos da notificación. Nesta publicación especificaranse a data da convocatoria, a entidade beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada, así como as solicitudes desestimadas, con expresión sucinta dos motivos da desestimación.

Así mesmo, deberá notificarse a cada entidade beneficiaria un documento en que se establezan as condicións da axuda. Así, na resolución de outorgamento da subvención constará a información sobre o cofinanciamento polo programa FSE+ Galicia 2021-2027 e a correspondente porcentaxe, con indicación do obxectivo político, prioridade, obxectivo específico e medida. Así mesmo, figurará a identificación da entidade beneficiaria, a contía da subvención e as obrigas que lle correspondan, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deben entregarse ou prestarse, o plan de financiamento, o prazo de execución e o método que se aplicará para determinar os custos da operación e as condicións de pagamento da axuda, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección de operación que debe conter o documento polo que se establecen as condicións da axuda (DECA). Tamén se informará a entidade beneficiaria de que a aceptación da subvención podería implicar a súa aparición na lista de operacións que se publique nos termos establecidos no artigo 49.3 do Regulamento (UE) nº 2021/1060, do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño.

4. Unha vez notificada a resolución de concesión da subvención, a entidade beneficiaria deberá comunicar no prazo de dez (10) días a súa aceptación e comprometerse a executar as actuacións subvencionadas no prazo e nas condicións establecidas na convocatoria. No caso de non comunicalo no prazo indicado, entenderase tacitamente aceptada.

5. As notificacións de resolucións e actos administrativos distintas ás previstas no número 3 deste artigo e no artigo 12 desta orde efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

7. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán crear de oficio o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

8. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

9. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 16. Réxime de recursos

1. As resolucións expresas ou presuntas ditadas ao abeiro da presente orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse:

a) Recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, se esta fose expresa ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Ou ben recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

2. Non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se desestime por silencio o recurso de reposición interposto.

Artigo 17. Modificación da resolución

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. O órgano competente para a concesión destas axudas, nos supostos en que proceda, poderá acordar a modificación da resolución por instancia da entidade beneficiaria e coa debida antelación. Estas bases habilitan para aprobar as modificacións nos supostos en que proceda, atendendo aos obxectivos e requisitos da convocatoria e da demais normativa aplicable.

Artigo 18. Solicitude de pagamento, prazo e xustificación da subvención

1. As entidades beneficiarias deberán presentar a documentación xustificativa da realización das actuacións subvencionadas coa data límite do 13 de outubro 2026. De acordo co sinalado no artigo 10, a dita documentación deberá presentarse electronicamente accedendo á carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. A xustificación realizarase a través da modalidade de custos simplificados segundo o previsto nos artigos 53.1.d) e 56.1 do Regulamento (UE) 2021/1060, do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, conforme o cal, para cubrir o resto de custos subvencionables, engadirase un tipo fixo do 10 % sobre os custos de persoal subvencionables.

3. Deberase presentar dentro do prazo sinalado no número 1 a seguinte documentación xustificativa:

a) Anexo IV: solicitude de pagamento da axuda debidamente cuberta e asinada pola persoa que exerce a representación da entidade.

b) Anexo V: declaración complementaria e actualizada de todas as axudas solicitadas, concedidas ou percibidas para a mesma actuación, das distintas administracións públicas ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais ou, se é o caso, declaración de que non se solicitaron outras axudas ou subvencións. E declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 11 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

c) Anexo VI: certificación do gasto subvencionable. Nela reflectiranse, respecto de cada un/unha dos/das profesionais e segundo o posto de traballo, os custos reais correspondentes aos gastos directos de persoal.

Os gastos directos de persoal subvencionables a custo real (nóminas, facturas...), xerados entre o 1 de outubro de 2025 e o 30 de setembro de 2026, deberán estar efectivamente pagados na data de finalización do prazo de xustificación da subvención, o 13 de outubro de 2026.

Para os efectos da súa consideración como subvencionable, considerarase efectivamente pagado o gasto cando quede xustificado o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias.

Non obstante o anterior, cando formen parte da conta xustificativa documentos de gastos que comporten ingresos á conta do IRPF ou cotas por seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación, o importe destes ingresos ou cotas considérase xustificado coa presentación do documento de gasto en que se reflicta o importe da retención ou cotización devindicadas na data de xustificación.

As entidades beneficiarias quedan obrigadas a presentar os documentos acreditativos da súa liquidación nos dez días seguintes ao remate dos prazos legalmente establecidos para o seu ingreso no período voluntario; en todo caso, a dita presentación terá como data límite o último día do mes seguinte ao último trimestre do exercicio da convocatoria.

d) Para xustificar o custo real dos gastos directos de persoal, terá que presentarse copia dos seguintes documentos:

– Contrato de traballo ou xustificación da excepcionalidade prevista no artigo 7.1.1.a), no caso de persoal propio da entidade beneficiaria.

– Informe da vida laboral que reflicta a situación de alta no período en que se desenvolveu a actuación subvencionada, no caso de persoal propio da entidade beneficiaria.

– Nóminas e recibos de liquidación de cotizacións, así como a relación nominal de persoas traballadoras e xustificantes bancarios que acrediten a súa realización, no caso de persoal propio da entidade beneficiaria.

– Informe ou declaración responsable sobre se as persoas traballadoras da entidade que prestaron servizo na actuación subvencionada teñen bonificada a cota correspondente á Seguridade Social, no caso de persoal propio da entidade beneficiaria. En caso afirmativo, deberán indicar cal/es son esas persoas traballadoras e achegar o documento que reflicta as ditas bonificacións.

– Certificado de asignación de funcións do persoal onde conste a porcentaxe de dedicación á actuación subvencionada.

– No caso de contratación mercantil dos gastos de persoal: facturas ou documentos con valor probatorio equivalente polo importe correspondente ao persoal contratado, así como os correspondentes xustificantes bancarios acreditativos do seu pagamento. No xustificante bancario deberán constar o número de factura obxecto de pagamento, a identificación da persoa pagadora e da destinataria do pagamento, que deberá coincidir coa que emite a factura.

Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas para o contrato menor de servizos na Lei 9/2017, do 8 de novembro, as entidades beneficiarias deberán acreditar a publicación do anuncio da licitación do contrato por calquera dos medios establecidos no artigo 347 da devandita lei, así como a resolución de adxudicación do servizo.

– Modelo 190 de resumo anual, retención de ingresos á conta do IRPF (modelo 111) correspondentes ao período durante o cal se desenvolveu a actuación subvencionada, unha vez que se dispoña deles segundo o indicado no último parágrafo da do punto 3.c) deste artigo, e xustificantes bancarios do ingreso do modelo 111 do IRPF.

e) Folla individualizada de asistencia do persoal que desenvolve a actuación subvencionada asinada por cada profesional e pola persoa responsable da entidade beneficiaria que coordina e/ou xestiona a actuación, segundo o modelo que aparece publicado no portal web https://igualdade.xunta.gal/

f) Anexo VII: memoria xustificativa da actuación subvencionada, con descrición detallada de cada unha das actuacións desenvolvidas, incluída a tipoloxía dos gastos directos realizados, así como os resultados obtidos, con indicación do número de persoas participantes desagregadas por sexo.

g) Memoria detallada das actuacións e do xeito en que se incorporou nelas a perspectiva de xénero e os contidos dos módulos ou bloques temáticos específicos que se indicaron no anexo III da solicitude, así como o material necesario para a súa xustificación e descrición (no caso de que se elaborase o dito material).

h) Relación numerada das persoas participantes asinada pola persoa representante da entidade, no modelo publicado no portal web https://igualdade.xunta.gal/. Para o caso de que as persoas participantes sexan menores de idade, a dita relación referirase aos proxenitores, preferentemente nai, pai ou ben persoa que exerza a tutela.

Esta relación será única para todas as actuacións subvencionadas, con independencia de que a mesma persoa participase nunha ou varias delas.

Non serán computables as persoas que non se identifiquen nin aquelas das cales non consten os datos dos indicadores de realización e de resultados na aplicación informática Participa 2127 e das cales non teñan debidamente cubertos os correspondentes cuestionarios de indicadores previstos no artigo 20.7.

Respecto dos cuestionarios de indicadores de realización e de resultado previstos no artigo 17 do Regulamento (UE) nº 2021/1057, do 24 de xuño, relativo ao Fondo Social Europeo Plus (FSE+), empregaranse os modelos dispoñibles no portal web https://igualdade.xunta.gal/

i) Un exemplar de todos os materiais elaborados, carteis, folletos, enquisas, material didáctico, fotografías, capturas de pantalla e outros documentos, para os efectos de acreditar o cumprimento das obrigas de visibilidade, transparencia e comunicación recollidas nos puntos 4 e 5 do artigo 20.

j) Información e indicadores sobre actividades de comunicación en redes sociais e medios de comunicación: para facilitar esta información empregaranse os modelos dispoñibles no portal web https://igualdade.xunta.gal/

4. Co obxecto de homoxeneizar a documentación xustificativa, a documentación prevista nas letras e) e h) do número 3 deberá presentarse obrigatoriamente seguindo os modelos dispoñibles no portal web https://igualdade.xunta.gal/

5. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido para o efecto comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e as demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

No caso de que a xustificación sexa incorrecta e/ou incompleta, requirirase a entidade para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez días, advertíndoa de que, de non facelo, se procederá, logo de resolución, á revogación da subvención concedida e, de ser o caso, a reintegrar a contía percibida en concepto de anticipo e os xuros de demora.

Artigo 19. Pagamento da subvención

1. O pagamento do importe da subvención realizarase do seguinte xeito: un primeiro pagamento en concepto de anticipo con anterioridade á xustificación da axuda, que se fará efectivo unha vez realizada a notificación da resolución e aceptada por parte da entidade; no caso de non comunicar expresamente a aceptación no prazo indicado no artigo 15.4, entenderase tacitamente aceptada.

Cando o importe da subvención non supere os 18.000 euros, o anticipo acadará o 80 % da subvención concedida. No caso de que o importe da subvención concedida supere os 18.000 euros, prevese, ademais, o pagamento anticipado dun 10 % adicional sobre o importe que exceda os 18.000 euros.

De conformidade co establecido no artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias quedan exoneradas da constitución de garantías.

2. Unha vez presentada a xustificación, realizarase o libramento final da axuda concedida, pola contía que corresponda, deducido, de ser o caso, o importe aboado en concepto de anticipo.

3. Procederá a minoración do importe da subvención concedida ou, de ser o caso, a perda do dereito ao seu cobramento, nos termos e nos casos previstos no artigo 6.7 e nos demais supostos previstos no artigo 22 e na normativa de aplicación relacionada no artigo 24.

Artigo 20. Obrigas das entidades beneficiarias

As entidades beneficiarias deberán cumprir, en todo caso, cos requisitos e obrigas exixidos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como coas condicións e obrigas establecidas nesta orde e as demais que resulten exixibles segundo a normativa de aplicación, en particular, as seguintes:

a) Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos, executar e acreditar a realización das actuacións que fundamentan a concesión da subvención dentro do período e dos prazos establecidos nesta convocatoria, así como o cumprimento dos requisitos, condicións e obrigas que resultan da normativa de aplicación.

b) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control. Así mesmo, conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

c) Manter rexistros contables independentes ou empregar códigos de contabilidade apropiados para todas as transaccións relacionadas coa operación, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría suficiente sobre os gastos financiados con fondos do programa FSE+ Galicia 2021-2027.

d) Conservar todos os documentos xustificativos relacionados coa operación que reciba axuda do FSE+ durante un prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que a autoridade de xestión do programa FSE+ Galicia 2021-2027 efectúe o último pagamento ao beneficiario do fondo, nos termos establecidos no artigo 82 do Regulamento (UE) nº 2021/1060, do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño.

e) Dar cumprimento á obriga de dar adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Tamén se debe cumprir coas medidas de visibilidade, transparencia e comunicación establecidas no Regulamento (UE) nº 2021/1060, do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño. En particular, de conformidade cos artigos 47 e 50 do devandito regulamento, nos espazos en que se desenvolvan as actuacións contarán co emblema da Unión Europea xunto coa declaración «Cofinanciado pola Unión Europea». Igualmente, nos lugares de realización da actuación informarase do apoio dos fondos a través dun cartel dun tamaño mínimo A3 ou unha pantalla electrónica equivalente con información sobre a operación, nun lugar ben visible para o público. Tamén se fará unha breve descrición da actuación na páxina web e nas contas nos medios sociais, no caso de dispoñer delas, mencionando os obxectivos e resultados, e destacando a axuda financeira da Unión Europea. Ademais, en todos os documentos e materiais de comunicación relacionados coa execución da actuación, destinados ao público ou ás persoas participantes, proporcionarase unha declaración que saliente a axuda da Unión Europea de xeito visible.

No portal web https://igualdade.xunta.gal/ está dispoñible a información, os emblemas da Unión Europea e do órgano concedente, así como un modelo coas características do cartel, emblemas e contido de obrigada inclusión.

f) Informar as persoas destinatarias de que as actuacións en que participan están cofinanciadas pola Xunta de Galicia (Consellería de Política Social e Igualdade-Dirección Xeral de Promoción da Igualdade) e pola Unión Europea. Os emblemas deberán figurar, como mínimo, en todo o material e nos documentos que se utilicen ou entreguen ás usuarias ou participantes.

g) Facilitar a información necesaria relativa ao desenvolvemento da actividade, que permita dar cumprimento aos requisitos de información indicadores de realización e de resultados previstos no artigo 17 do Regulamento (UE) nº 2021/1057, do 24 de xuño, relativo ao Fondo Social Europeo Plus (FSE+), polo que deberán realizar as actuacións precisas para recoller a información suficiente relativa ao desenvolvemento da prestación que permita dar cumprimento aos devanditos requisitos.

Os indicadores de realización relativos a cada persoa participante refírense á data inmediatamente anterior ao inicio da vinculación do/da dito/a participante coa actuación cofinanciada, mentres que os indicadores de resultado inmediato deberán referirse ao período comprendido entre o día posterior á finalización da súa vinculación coa operación e as catro semanas seguintes, no período de xustificación. Así mesmo, a Administración poderá requirir en calquera momento novos datos relativos á data en que se cumpran os seis meses desde que finalice a vinculación da persoa participante coa actuación cofinanciada, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no antedito regulamento.

Para estes efectos, facilitaráselle á entidade beneficiaria o acceso á aplicación Participa 2127 (https://participa2127.conselleriadefacenda.gal/Participa2127) e os oportunos cuestionarios, que terán que respectar o principio de integridade dos datos.

Para dar cumprimento a estes requisitos de información, as entidades beneficiarias deberán introducir os datos do perfil cos indicadores de realización e de resultados das persoas participantes na devandita aplicación informática. Así mesmo, as entidades beneficiarias deberán custodiar os cuestionarios de indicadores de realización e de resultados de cada unha das persoas participantes, asinados pola participante, segundo o modelo dispoñible no portal web https://igualdade.xunta.gal/

h) Dar cumprimento á normativa de protección de datos persoais, en concreto, ao disposto no Regulamento (UE) nº 2016/679, do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais (Regulamento xeral de protección de datos); na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e na demais normativa concordante.

As entidades beneficiarias da subvención serán responsables de informar de maneira fidedigna as destinatarias finais do tratamento que levarán a cabo sobre os seus datos, conforme o especificado no artigo 13 do Regulamento xeral de protección de datos, así como dos aspectos incluídos no parágrafo anterior, para o cal solicitarán o seu consentimento explícito. Así mesmo, as entidades beneficiarias serán responsables de custodiar a documentación que acredite o cumprimento destes deberes.

i) Comunicar ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público nacional ou internacional.

j) Facilitar toda a información requirida pola Dirección Xeral de Promoción da Igualdade, polos órganos verificadores que se establezan en aplicación dos artigos 74 ao 80 do Regulamento (UE) nº 2021/1060, do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, que incluirán as correspondentes visitas sobre o terreo, por outros órganos de control impostos pola normativa comunitaria, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas e por outros órganos de control impostos pola normativa no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

k) Someterse ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Política Social e Igualdade; ás verificacións que poidan realizar os organismos implicados na xestión ou no seguimento do programa FSE+ Galicia 2021-2027, nos termos establecidos no Regulamento (UE) 2021/1060, do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, que incorporarán as correspondentes visitas sobre o terreo; ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma; ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas; ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea, así como a calquera outra actuación de control que poidan realizar os órganos competentes, tanto autonómicos como estatais, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Artigo 21. Responsabilidade

A organización e a materialización das accións obxecto de subvención será responsabilidade exclusiva da entidade beneficiaria; a actuación da Consellería de Política Social e Igualdade quedará limitada ao seu outorgamento e a garantir o cumprimento da normativa en materia de axudas públicas.

Artigo 22. Reintegro e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.

2. Polo anterior, ademais do disposto na normativa xeral de aplicación a estas axudas, procederá a minoración da subvención concedida ou a perda do dereito ao seu cobramento e, de ser o caso, ao reintegro total ou parcial das cantidades percibidas, nos supostos establecidos no artigo 6.7.

3. Procederá a minoración da subvención concedida ou, de ser o caso, o reintegro do 10 % sobre a contía total da axuda percibida, no caso de incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público nacional ou internacional.

4. Procederá a perda do dereito ao cobramento da subvención concedida ou, de ser o caso, o reintegro do 100 % da contía total da axuda percibida, máis os xuros de demora correspondentes, sen prexuízo das sancións que poidan corresponder, no caso de incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a obtención doutras axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público nacional ou internacional.

5. Así mesmo, procederá a minoración ou, de ser o caso, o reintegro dun 2 % sobre a contía total da axuda percibida no caso de incumprimento dalgunha das obrigas recollidas nas letras b, c, d, e, f e g do artigo 20.

6. Procederá a minoración ou, de ser o caso, o reintegro dun 2 % sobre a contía total da axuda percibida no caso de incumprimento da incorporación de módulos ou bloques temáticos específicos de promoción da igualdade recollidos nos artigos 6.1.c) e 14.1.6 tidos en conta para a valoración da solicitude.

7. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 23. Control e loita contra a fraude

1. A Consellería de Política Social e Igualdade poderá levar a cabo as actividades de control que considere oportunas para controlar o cumprimento das axudas reguladas nesta convocatoria.

2. Todas as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas ou ás que correspondan a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea.

3. Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 3 de abril, do citado servizo, no seguinte enderezo:

https://www.igae.pap.hacienda.gob.es/sitios/igae/es-ES/snca/Paginas/ComunicacionSNCA.aspx

En canto non se habilite outra canle específica para o programa FSE+ Galicia 2021-2027, os devanditos feitos poderán poñerse en coñecemento a través do seguinte enderezo:

https://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf

Artigo 24. Base de datos nacional de subvencións

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do dito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Artigo 25. Información ás entidades interesadas

Sobre o procedemento administrativo asociado a esta convocatoria poderase obter documentación normalizada ou información adicional a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos, ou da Consellería de Política Social e Igualdade https://igualdade.xunta.gal, e nos teléfonos 981 54 73 97 e 981 54 53 53.

Disposición adicional única. Delegación de competencias

Autorízase expresamente a persoa titular da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade para actuar por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social e Igualdade para resolver a concesión, a denegación, a modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamentos, en relación co disposto no artigo 73 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para ditar instrucións

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade para ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións precisas para o desenvolvemento desta convocatoria, as cales serán obxecto de publicación no portal web https://igualdade.xunta.gal/

Disposición derradeira segunda. Inicio de efectos da convocatoria

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2025

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file