En cumprimento do disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 144.18 e 199 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, faise pública a aprobación da corrección de errosnúmero 3 do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Ordes, mediante a Orde da Conselleria de Vivenda e Planificación de Infraestruturas do 21 de xaneiro de 2026, que figura como anexo.
Unha vez inscrita a devandita corrección de erros do PXOM no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, a documentación íntegra deste, incluído o extracto ambiental, poderá consultarse na seguinte ligazón:
https://territorioeurbanismo.xunta.gal/gl/territorio-e-urbanismo/rexistro-de-ordenacion-do-territorio-e-urbanismo/buscador
Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2026
María Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Urbanismo
ANEXO
Orde de aprobación da corrección de erros núm. 3 do PXOM de Ordes, aprobado definitivamente pola Orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda do 13.12.2013
I. Antecedentes.
O 29.11.2025, o Concello de Ordes remitiu para a súa aprobación o documento de corrección de erros núm. 3 do PXOM, redactado por Estudio Técnico Gallego, S.A. en setembro de 2025 e aprobado polo Pleno da Corporación o 25.9.2025.
O Concello de Ordes conta cun Plan xeral de ordenación municipal aprobado definitivamente pola Orde do 13.12.2023, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, publicada no DOG núm. 243, do 26.12.2023.
Pola Orde da Consellería de Vivenda e Planificación de infraestruturas do 7.3.2025 foron aprobadas parcialmente as correccións de erros núm. 1 e 2 do PXOM.
Analizada a documentación achegada, e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Urbanismo, resulta:
II. Obxecto do documento e análise.
O obxecto do presente documento é a corrección do erro numérico detectado entre a ficha normativa do polígono de solo urbano non consolidado P-ORD-14 e a súa correlación cos demais documentos do PXOM.
Este erro correspóndese co mantemento incorrecto no documento aprobado definitivamente do coeficiente de edificabilidade asignado para o ámbito no documento de aprobación inicial (1,07 m2/m2), cando, tras a resolución das alegacións presentadas durante o proceso de exposición pública, debería ter sido modificado xa que a alegación sobre dito ámbito foi aceptada no senso de asignarlle un coeficiente de edificabilidade de 1,70 m2/m2.
Nomeadamente, a alegación co número de rexistro: 2805 solicitaba modificar a ordenación do P-OR-14 e deixala coas mesmas características do P-OR-15. O informe da alegación conclúe que dado que ambos os polígonos formaban parte da UA6 nas normas subsidiarias de planeamento, procede estimar a alegación e aumentar a edificabilidade a 1,70 m2/m2.
A atribución incorrecta do coeficiente de edificabilidade supón unha incoherencia entre a propia alegación resolta e a restante documentación (memoria xustificativa, ficha normativa do P-OR-14...).
O erro na asignación da edificabilidade afecta, ademais da ficha mencionada, outros documentos relacionados do PXOM: os correspondentes ás magnitudes da memoria do PXOM relacionadas coa edificabilidade do ámbito (epígrafe 3.3.1.2.- Cuantificación das previsións do plan xeral en solo urbano non consolidado, Distrito 1: Ordes, epígrafe 3.3.2.3.- Sistema zonas verdes e espazos libres, epígrafe 3.3.2.3.- Sistema de equipamentos, e epígrafe 3.3.3.- Xustificación reserva vivenda protexida mínima), que foron calculadas conforme a edificabilidade de 1,07 m2/m2 e que cómpre revisar.
Por todo o anterior, e dado que o PXOM definitivamente aprobado non recolleu correctamente a edificabilidade aceptada na alegación polo Pleno do Concello, considérase que é un erro material susceptible de ser corrixido mediante a presente corrección de erros.
III. Consideracións.
Segundo o artigo 109 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, estas poderán rectificar en calquera momento, de oficio ou por instancia de parte, os erros materiais, de feito ou aritméticos existentes nos seus actos.
A competencia para resolver corresponde á conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61 e 83.5 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), en relación co Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e o Decreto 142/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.
IV. Resolución.
Á vista de todo o anteriormente exposto,
RESOLVO:
1. Outorgar a aprobación ao documento aprobado polo Pleno municipal do 25.9.2025, de corrección de erros núm. 3 do PXOM de Ordes.
2. De conformidade cos artigos 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, e 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Urbanismo inscribirá de oficio a corrección de erros núm. 3 do PXOM de Ordes no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia.
3. De acordo co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e as ordenanzas, unha vez inscrito no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico.
4. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.
5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 a 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
