DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Mércores, 4 de febreiro de 2026 Páx. 10097

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

RESOLUCIÓN do 21 de xaneiro de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan axudas de mobilidade para o alumnado de ciclos formativos de grao superior de centros educativos públicos que forman parte do consorcio de mobilidade do proxecto Erasmus+ 2024-1-ES01-KA131-HED-000237224 no curso 2025/26.

O Regulamento (UE) nº 2021/817 do Parlamento Europeo e do Consello, do 20 de maio de 2021, establece Erasmus+, o programa da Unión Europea para a educación, a formación, a xuventude e o deporte para o período 2021-2027.

A educación, a formación, a mocidade e o deporte son ámbitos clave que contribúen ao desenvolvemento persoal e profesional da cidadanía. En última instancia, unha educación e formación de gran calidade e inclusivas, así como a aprendizaxe informal e non formal, equipan a mocidade e as persoas participantes de todas as idades coas cualificacións e capacidades necesarias para unha participación significativa nunha sociedade democrática, o entendemento intercultural e para xestionar con éxito as transicións no mercado laboral.

O programa Erasmus+ é un compoñente clave para apoiar os obxectivos do Espazo Europeo de Educación, o Plan de acción de educación dixital 2021-2027, a Estratexia da Unión Europea para a mocidade e o Plan de traballo da Unión Europea para o deporte (2021-24).

Así mesmo, o desenvolvemento de capacidades dixitais e de competencias e capacidades en campos orientados ao futuro, como a loita contra o cambio climático, a enerxía limpa, a intelixencia artificial, a robótica, a análise de macrodatos, etc., resulta fundamental para o futuro crecemento sustentable e a cohesión de Europa. O programa Erasmus+ pode facer unha contribución significativa a estes obxectivos ao promover a innovación e reducir a fenda de coñecementos, capacidades e competencias que presenta Europa.

A Lei 3/2022, do 31 de marzo, de ordenación e integración da formación profesional, aborda no seu título IX o coñecemento de linguas estranxeiras e a internacionalización do Sistema de formación profesional, reforzando a importancia de promover a participación do profesorado e do alumnado en programas internacionais e a integración do sistema educativo de formación profesional en redes internacionais que favorezan o intercambio de experiencias e a transferencia de coñecemento.

A Estratexia de FP Galicia 2030, aprobada polo Consello da Xunta o 10 de febreiro de 2022, ten como un dos seus eixes principais a internacionalización do sistema educativo de formación profesional, o que pretende acadar a través dunha serie de iniciativas, como son:

• Desenvolver estadías formativas profesionais do alumnado e profesorado no exterior, e accións de intercambio de profesorado e alumnado entre centros de FP de Galicia e outros países.

• Impulsar accións de colaboración con organismos da formación profesional noutros países.

• Promover a valorización no exterior das competencias profesionais adquiridas en Galicia.

• Reforzar linguas estranxeiras na formación profesional, para aumentar as posibilidades de mobilidade por motivos de aprendizaxe.

• Promover estadías formativas profesionais do alumnado e profesorado estranxeiro en Galicia.

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional resultou beneficiaria dun proxecto Erasmus+ 2024-1-ES01-KA131-HED-000237224, correspondente á acción clave 1, Mobilidade das persoas por motivos de aprendizaxe, no ámbito da formación profesional.

Tendo en conta o anterior, esta consellería considera necesario establecer un procedemento para a concesión das axudas de mobilidade ao alumnado de formación profesional no marco do proxecto 2024-1-ES01-KA131-HED-000237224.

De acordo co establecido no número 3 do artigo 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a xestión das referidas axudas rexerase polo réxime xurídico establecido pola Unión Europea para o desenvolvemento do programa Erasmus+, xa que é unha subvención concedida pola Unión Europea e financiada totalmente con fondos europeos, sen prexuízo da aplicación de normas de organización e procedementos propios da Administración da Comunidade Autónoma. En calquera caso, esta lei aplicarase con carácter supletorio respecto da normativa reguladora das subvencións financiadas pola Unión Europea.

Na súa virtude, e no uso das atribucións que me foron concedidas,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar axudas económicas para a realización da mobilidade de alumnado de ciclos formativos de grao superior de Formación Profesional dos centros educativos que forman parte do consorcio do proxecto 2024-1-ES01-KA131-HED-000237224 (anexo I).

Artigo 2. Requisitos das persoas solicitantes

1. Poderán concorrer a esta convocatoria as persoas que cumpran algún dos seguintes requisitos:

a) Estar matriculadas durante o curso 2025/26 nun ciclo formativo de grao superior de Formación Profesional ou nun curso de especialización de Formación Profesional de grao superior, nalgún dos centros educativos que se relacionan no anexo I, e estar en condicións de acceder á realización da formación en centros de traballo (FCT) ou de realizar un período de formación práctica en empresas antes do comezo da mobilidade.

b) Ter obtido unha titulación de grao superior de Formación Profesional ou certificado dun curso de especialización de Formación Profesional de grao superior nalgún dos centros educativos que se relacionan no anexo I, durante os doce (12) meses anteriores á finalización da mobilidade prevista.

2. Non poderá ter a condición de persoa beneficiaria das axudas previstas nesta orde o alumnado que incorra nalgunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A persoa solicitante debe cumprir os requisitos para obter a condición de persoa beneficiaria de acordo co artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo indica o artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

Artigo 3. Actividades admisibles

As actividades susceptibles de ser financiadas mediante esta convocatoria son as seguintes:

a) Mobilidades físicas de longa duración para formación práctica (2 a 12 meses), que permiten a realización de períodos de formación práctica no estranxeiro nunha empresa, un instituto de investigación, un laboratorio, unha organización ou calquera outro lugar de traballo pertinente.

b) Mobilidades combinadas para formación práctica, que constarán das seguintes partes:

• Mobilidade física de curta duración (5 a 30 días) para a realización de períodos de formación práctica no estranxeiro nunha empresa, un instituto de investigación, un laboratorio, unha organización ou calquera outro lugar de traballo pertinente.

• Compoñente virtual obrigatorio que facilite o intercambio educativo e o traballo en equipo en liña e de maneira colaborativa. Este compoñente poderá ter lugar antes ou despois da mobilidade física.

A mobilidade combinada para estudos debe conceder un mínimo de tres (3) créditos ECTS.

Artigo 4. Organizacións de acollida admisibles

A organización de acollida debe ser:

a) Unha institución de educación superior situada nun Estado membro da UE ou nun terceiro país asociado ao programa, á cal se lle concedeu unha ECHE, ou unha institución de educación superior dun terceiro país non asociado ao programa, recoñecida como tal polas autoridades competentes e que asinase acordos interinstitucionais cos seus socios dun Estado membro da UE ou dun terceiro país asociado ao programa antes de que leve a cabo a actividade de mobilidade.

b) Calquera organización pública ou privada activa no mercado de traballo ou nos ámbitos da educación, a formación, a mocidade, a investigación e a innovación.

c) Unha ONG, unha asociación o unha organización sen ánimo de lucro.

d) Un organismo de asesoramento académico, orientación profesional ou servizos informativos.

Artigo 5. Prazo de execución das mobilidades

A data de finalización das mobilidades financiadas ao abeiro desta convocatoria non poderá ser posterior á data de finalización do proxecto 2024-1-ES01-KA131-HED-000237224, isto é, o 31 de xullo de 2026.

Artigo 6. Orzamento

O importe total das axudas destinadas ás mobilidades de alumnado e persoas tituladas recentes será de 77.012,00 € con cargo á aplicación orzamentaria 07.04.422M.480.5 da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, dos orzamentos de 2026.

Artigo 7. Comisión Avaliadora

1. A instrución, a ordenación e a selección no procedemento correspóndelle a unha comisión avaliadora, que se constituirá en cada centro educativo coa seguinte composición:

• Presidencia: a persoa que exerza a dirección do centro educativo ou persoa en quen delegue.

• Vogalías:

– A persoa coordinadora de programas europeos no centro educativo.

– Dous membros do equipo directivo do centro educativo.

• Secretaría: unha persoa docente do centro educativo, que actuará con voz, pero sen voto.

2. Se por calquera causa, no momento en que a Comisión Avaliadora teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas compoñentes non pode asistir, será substituída pola persoa que para o efecto se nomee. Este nomeamento deberá recaer noutra persoa docente do centro educativo.

3. A resolución da convocatoria correspóndelle á persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.

Artigo 8. Criterios de selección

A selección do alumnado realizarase en cada centro educativo de acordo aos seguintes criterios:

1. Expediente académico (máximo 4 puntos). Terase en conta a nota media do ciclo formativo completo no caso das persoas tituladas recentes e a nota media do primeiro curso do ciclo no resto dos casos.

• Nota media inferior a 6: 1 punto.

• Nota media comprendida entre 6 e 7: 2 puntos.

• Nota media maior que 7 e inferior a 9: 3 puntos.

• Nota media igual ou superior a 9: 4 puntos.

2. Coñecemento do idioma do país de destino ou do idioma de traballo (máximo 4 puntos):

• Certificación de nivel B1: 1 punto.

• Certificación de nivel B2: 2 puntos.

• Certificación de nivel C1: 3 puntos.

• Certificación de nivel C2: 4 puntos.

Valoraranse aqueles certificados de coñecemento de idiomas admitidos por ACLES (Asociación de Centros de Linguas de Educación Superior) que avaliasen todas as destrezas lingüísticas (comprensión lectora, compresión auditiva, expresión escrita e expresión oral), conforme a táboa de certificados que estea vixente no momento de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

3. Entrevista persoal (máximo 4 puntos):

• A Comisión Avaliadora realizaralle unha entrevista á persoa candidata, na cal se valorarán as aptitudes e actitudes persoais en relación coas actividades que se van desenvolver durante a mobilidade, o grao de responsabilidade, a capacidade de traballo en equipo e a capacidade comunicativa.

• De non se presentar á entrevista, entenderase que a persoa aspirante renuncia á bolsa, polo que a súa solicitude será desestimada.

• Deberase obter unha puntuación mínima de 2 puntos nesta epígrafe para superar a fase de selección.

4. Persoas participantes con menos oportunidades: recibiran 2 puntos nesta epígrafe aquelas persoas solicitantes que se encontren nalgunha das seguintes situacións e que o acrediten documentalmente:

a) Discapacidade do 33 % ou superior.

Certificado de discapacidade emitido pola autoridade correspondente ou ter unha solicitude aberta para o recoñecemento da discapacidade, con informes médicos, psicolóxicos e psiquiátricos ou de entidades sociais.

b) Dificultades educativas e formativas.

Informe preceptivo do Departamento de Orientación do centro educativo ou autoridades e orientación educativa e psicopedagóxica das delegacións de educación, e, de ser o caso, ter un protocolo aberto polo centro previo á solicitude.

c) Obstáculos socioeconómicos.

Certificado de ser este curso ou ter sido beneficiario dunha bolsa de estudos de carácter xeral da Administración xeral do Estado no curso inmediatamente anterior a aquel en que se realice a mobilidade.

Certificado de percepción de prestación de ingreso mínimo vital, renda mínima de inserción ou calquera outra prestación de igual ou similar natureza da unidade familiar ou do proxenitor que teña a custodia (no caso de menores).

Informe dos servizos sociais que acredite a situación de exclusión social, risco de exclusión social ou situacións de especial necesidade e/ou emerxencia social.

Certificado de familia numerosa ou familia monoparental.

Acreditación administrativa de vítimas de terrorismo ou de situacións de violencia de xénero.

Certificado de orfandade.

Certificado de situación de dependencia, participantes con dependentes a cargo.

Contrato de traballo ou informe de vida laboral actualizado no caso de estudantes con contrato de traballo a tempo completo.

Certificado de ser persoa tutelada pola Administración.

Beneficiario/a de bolsa de comedor/libros.

Acreditación de situación daquelas persoas que non poden acceder ás prestacións ás cales se fai referencia nesta epígrafe, por algunha das seguintes causas: falta do período exixido de residencia ou empadroamento, ou ter esgotado o período máximo de percepción legalmente establecido.

d) Problemas de saúde.

Certificación de situación de saúde física que xere a necesidade de apoio adicional: informe médico expedido polo centro de saúde/especialista ou a autoridade sanitaria competente.

Certificación de situación de saúde mental que xere a necesidade de apoio adicional: informe de saúde mental expedido polo centro de saúde/especialista ou a autoridade sanitaria competente.

e) Diferenzas culturais.

Resolución de ter a condición de persoa refuxiada ou con dereito a protección subsidiaria, ou xustificante de ter presentado solicitude de protección internacional en España.

Informe dos servizos sociais que acredite a pertenza a outra etnia.

Informe do Departamento de Orientación do centro educativo.

f) Discriminación:

Certificado da Administración competente e informe do Departamento de Orientación do centro educativo que xustifique este obstáculo, por exemplo, por acoso escolar.

Artigo 9. Contía das axudas

As contías das axudas calcularanse mediante a suma dos seguintes conceptos:

1. Axuda para a viaxe:

Calcularase tendo en conta a distancia en liña recta entre o lugar da organización de envío e o lugar da organización de acollida, segundo as bandas de distancia que se recollen na táboa seguinte:

Banda de distancia

*Distancia

Importe

1

Entre 10 e 99 km

28 €

2

Entre 100 e 499 km

211 €

3

Entre 500 e 1.999 km

309 €

4

Entre 2.000 e 2.999 km

395 €

5

Entre 3.000 e 3.999 km

580 €

6

Entre 4.000 e 7.999 km

1.188 €

7

8.000 km ou máis

1.735 €

No caso de empregar medios de transporte ecolóxicos (autobús, tren, coche compartido, etc.) durante o tramo principal da viaxe tanto na ida como na volta, os importes serán os seguintes:

Banda de distancia

*Distancia

Importe

1

Entre 10 e 99 km

56 €

2

Entre 100 e 499 km

285 €

3

Entre 500 e 1.999 km

417 €

4

Entre 2.000 e 2.999 km

535 €

5

Entre 3.000 e 3.999 km

785 €

6

Entre 4.000 e 7.999 km

1.188 €

7

8.000 km ou máis

1.735 €

* Para determinar a banda de distancia correspondente, empregarase a calculadora de distancias Erasmus (https://erasmus-plus.ec.europa.eu/resources-and-tools/distance-calculator).

2. Axuda de apoio individual:

Calcularase en función do grupo do país de destino e do número de días que dure a mobilidade segundo os importes que se recollen nas táboas seguintes:

Mobilidade física de longa duración (2 a 12 meses)

Importe mensual

Axudas adicionais mensuais

Prácticas

Estudantes menos oportunidades

Grupo 1: Alemaña, Austria, Bélxica, Dinamarca, Finlandia, Francia, Irlanda, Islandia, Italia, Liechtenstein, Luxemburgo, Noruega, Países Baixos e Suecia

Terceiros países non asociados ao programa das rexións 13 e 14

650 €

150 €

250 €

Grupo 2: Chequia, Chipre, Eslovaquia, Eslovenia, España, Estonia, Grecia, Letonia, Malta e Portugal

600 €

150 €

250 €

Grupo 3: Bulgaria, Croacia, Hungría, Lituania, Macedonia do Norte, Polonia, Romanía, Serbia e Turquía

550 €

150 €

250 €

Terceiros países non asociados ao programa das rexións 1-12

700 €

Non procede

250 €

Mobilidade física de curta duración (5 a 30 días)

Para prácticas en empresas

Axuda ordinaria

Estudantes con menos oportunidades

Ata o día 14.

Todos os países.

79 €/día

100 € adicionais para toda a mobilidade

Do día 15 ao 30.

Todos os países.

56 €/día

150 € adicionais para toda a mobilidade

Días de viaxe financiados (válidos tanto para mobilidades de longa como de curta duración), cun máximo de dous días de viaxe no caso de desprazamento non ecolóxico, e un máximo de catro días se reciben apoio para o desprazamento ecolóxico, sempre que se trate dunha distancia que non poida ser percorrida nun só día.

3. Axuda de apoio á inclusión:

Apoio á inclusión

Para prácticas en empresas

Requisitos:

• Ter recoñecida e cualificada legalmente unha discapacidade de grao igual ou superior ao 33 % ou padecer problemas físicos, mentais ou de saúde, debidamente acreditados mediante a correspondente certificación médica, así como cumprir co resto de criterios de admisibilidade do programa.

Gastos subvencionables (teñen que estar directamente relacionados coa discapacidade ou co problema físico, de saúde ou mental do participante):

• Transporte especial/adaptado do participante nos seus desprazamentos tanto no  país de orixe como de acollida.

• Acompañantes.

• Servizos profesionais (intérpretes en lingua de signos ou servizos médicos terapéuticos puntuais relacionados directamente coa discapacidade legalmente recoñecida, problema físico, de saúde ou mental.

• Visitas preparatorias.

• Outros gastos específicos derivados da discapacidade acreditada do participante.

100 % dos custos reais subvencionables

Para a solicitude destes gastos, cómpre presentar unha táboa de orzamento en que se indiquen o concepto, a descrición, os documentos xustificativos (pro forma, tarifas vixentes...) e o importe parcial por concepto, así como o total.

Artigo 10. Presentación de solicitudes

O alumnado que reúna os requisitos para participar nesta convocatoria presentará no seu centro educativo a solicitude normalizada (anexo II), xunto coa documentación acreditativa dos méritos alegados, nos prazos que o centro estableza.

No caso de existir crédito dispoñible, os centros educativos poderán establecer novos prazos de presentación de solicitudes durante a vixencia do proxecto.

Artigo 11. Documentación que tramitarán os centros

1. Rematado o prazo de presentación de solicitudes, as comisións avaliadoras deberán valorar as solicitudes presentadas de acordo cos criterios que figuran no artigo 8.

2. Cada comisión avaliadora fará unha acta provisional (anexo III) na cal se indicarán as persoas seleccionadas, por orde de prelación, xunto coa puntuación obtida por cada solicitante. Indicaranse tamén as persoas excluídas, xunto coa causa da exclusión.

Esta acta provisional, asinada pola persoa que presida a Comisión e a persoa secretaria desta, deberá ser publicada no taboleiro de anuncios do centro educativo o día seguinte ao da reunión da Comisión Avaliadora.

Na acta farase mención de que se aplicaron os criterios citados no artigo 8 e de que existe o compromiso de gardar as probas documentais sobre o proceso de selección seguido, que poderán ser solicitadas pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional no caso de revisión documental ou auditoría solicitada polo SEPIE ou outro organismo competente.

3. As persoas interesadas disporán dun prazo de tres (3) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación da acta provisional, para a presentación de reclamacións ou renuncias.

4. Rematado o prazo de reclamacións, a Comisión Avaliadora resolveraas e elaborará unha acta definitiva (anexo IV) de persoas seleccionadas e excluídas, con indicación das puntuacións obtidas, e asinada pola persoa que presida a Comisión e a persoa secretaria desta, que fará pública no taboleiro de anuncios do centro educativo.

Artigo 12. Envío de documentación

Os centros educativos deberán enviarlle á Dirección Xeral de Formación Profesional a seguinte documentación en formato electrónico:

• Solicitudes presentadas (anexo II).

As solicitudes deberán estar asinadas dixitalmente polas persoas solicitantes ou compulsadas dixitalmente pola persoa que exerza a dirección do centro ou por outra competente para a compulsa dixital.

• Acta provisional de persoas seleccionadas e excluídas (anexo III).

A acta provisional deberá estar asinada dixitalmente pola persoa que presida a Comisión Avaliadora e a persoa secretaria desta, ou estar compulsada dixitalmente pola persoa que exerza a dirección do centro ou por outra competente para a compulsa dixital.

• Acta definitiva de persoas seleccionadas e excluídas (anexo IV).

A acta definitiva deberá estar asinada dixitalmente por quen presida a Comisión Avaliadora e a persoa secretaria desta, ou estar compulsada dixitalmente pola persoa que exerza a dirección do centro ou por outra competente para a compulsa dixital.

• Certificado de titularidade bancaria de cada unha das persoas beneficiarias.

O certificado deberá estar asinado dixitalmente pola entidade bancaria ou estar compulsado dixitalmente pola persoa que exerza a dirección do centro ou por outra competente para a compulsa dixital.

• Folla de cálculo cuberta cos datos das mobilidades (anexo V).

• No caso de viaxe ecolóxica, compromiso de empregar medios de transporte ecolóxicos (autobús, tren, coche compartido, etc.) durante o tramo principal da viaxe tanto na ida como na volta (anexo VI).

O compromiso deberá estar asinado dixitalmente pola persoa solicitante ou compulsado dixitalmente pola persoa que exerza a dirección do centro ou por outra competente para a compulsa dixital.

• Documentación acreditativa das situacións de solicitantes de menos oportunidades.

Deberán estar asinados dixitalmente pola Administración competente ou compulsados dixitalmente pola persoa que exerza a dirección do centro ou por outra competente para a compulsa dixital.

• Documentación acreditativa das situacións de apoio á inclusión.

Certificado de recoñecemento da discapacidade ou do problema de saúde, físico ou mental.

Táboa de gastos previstos de apoio á inclusión.

Deberán estar asinados dixitalmente pola Administración competente ou compulsados dixitalmente pola persoa que exerza a dirección do centro ou por outra competente para a compulsa dixital.

O prazo máximo para o envío da documentación á Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional será de cinco (5) días hábiles posteriores ao da data da acta definitiva. En calquera caso, a documentación deberá estar en poder da DXFP cunha antelación mínima corenta e cinco (45) días naturais ao do inicio da mobilidade.

Artigo 13. Adxudicación das axudas

1. Á vista da acta definitiva das persoas seleccionadas neste procedemento e do crédito dispoñible, a Dirección Xeral de Formación Profesional elaborará a correspondente proposta de adxudicación das axudas e enviaralla á persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, que resolverá o que proceda, e nos termos previstos no artigo 34 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

A adxudicación realizarase:

a) Para un determinado grupo de países, de entre os indicados no artigo 9.2, dentro do cal a persoa beneficiaria poderá escoller o país de realización da mobilidade.

b) Para unha determinada banda de distancia, de entre as indicadas no artigo 9.1, dentro da cal a persoa beneficiaria poderá escoller a localidade de realización da mobilidade.

c) Para un número total de días de mobilidade, incluídos os días de viaxe, que poderán ser desfrutados pola persoa beneficiaria en calquera momento entre a data de adxudicación e a data de finalización do proxecto, isto é, o 31 de xullo de 2026.

2. A adxudicación das mobilidades realizarase por orde de presentación das solicitudes dos centros educativos e expediente completo.

No caso de que a suma das mobilidades solicitadas nun mesmo expediente supere o crédito dispoñible nese momento, a Dirección Xeral de Formación Profesional procederá á adxudicación atendendo á puntuación obtida segundo o baremo establecido pola Comisión Avaliadora. As mobilidades concederánselles ás persoas con maior puntuación, ata esgotar o orzamento dispoñible.

No caso de empate, seguirase a seguinte orde de prioridade:

1º. Ás persoas solicitantes con menos oportunidades.

Se aínda así persiste o empate, farase a selección por sorteo.

3. Contra a resolución de adxudicación das axudas, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpor recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, no prazo dun mes, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

4. Para os efectos establecidos no artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o prazo máximo para resolver e notificar as solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta resolución será de cinco (5) meses, contado desde o día seguinte ao da data de remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo sen se ditar resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender rexeitadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 14. Modificación da resolución

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas para a mesma finalidade por outras administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión segundo prevé o artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 15. Renuncia á axuda

1. No caso de que, por motivos xustificados, a persoa beneficiaria non poida facer a mobilidade para a que ten concedida unha axuda, deberá presentar no centro educativo un escrito de renuncia (anexo VII).

2. O centro educativo enviará o referido escrito asinado dixitalmente pola persoa participante ou ben compulsado dixitalmente pola persoa que exerza a dirección do centro ou por outra competente para a compulsa dixital. Unha vez recibido, a Dirección Xeral anulará a reserva do importe asignado para a dita mobilidade.

3. Se a persoa beneficiaria percibise un anticipo da axuda, deberá reintegralo de conformidade co disposto no artigo 33 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 16. Formalización da axuda

1. O centro educativo e a persoa beneficiaria asinarán o convenio de subvención Erasmus+ deste proxecto (anexo VIII). Para esta finalidade, a persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional delegará a sinatura destes convenios nas persoas titulares da Dirección dos centros educativos.

2. A persoa beneficiaria, o centro educativo e a organización de acollida asinarán un acordo de aprendizaxe (anexo IX) con anterioridade ao inicio da mobilidade.

Este acordo deberá ser consensuado entre a organización de envío e a de acollida, e deberá recoller as condicións nas cales se levará a cabo a actividade de mobilidade e os resultados de aprendizaxe previstos.

Artigo 17. Pagamento das axudas

1. As axudas faranse efectivas directamente ao alumnado beneficiario, en dous pagamentos, a través da conta bancaria indicada para tal efecto no certificado de titularidade bancaria achegado.

2. O primeiro pagamento, dun 80 % da axuda concedida, realizarase antes do inicio da mobilidade. Para que este se poida tramitar, o centro educativo deberá enviarlle á Dirección Xeral de Formación Profesional, cunha antelación mínima de dez (10) días hábiles con respecto ao inicio da mobilidade:

• O convenio de subvención Erasmus+ (anexo VIII) asinado dixitalmente por todas as partes ou copia compulsada dixitalmente pola persoa que exerza a dirección do centro ou por outra competente para a compulsa dixital.

• O acordo de aprendizaxe (anexo IX) asinado dixitalmente por todas as partes ou copia compulsada dixitalmente pola persoa que exerza a dirección do centro ou por outra competente para a compulsa dixital.

3. Para o segundo pagamento, do 20 % restante, será necesario que:

• O centro educativo envíe á Dirección Xeral de Formación Profesional copia compulsada dixitalmente pola persoa que exerza a dirección do centro ou por outra competente para a compulsa dixital, do complemento ao acordo de aprendizaxe (anexo X) asinado pola persoa beneficiaria, o centro educativo e a organización de acollida. Este complemento emitirase unha vez realizada a actividade de mobilidade e permitirá confirmar que a dita actividade se desenvolveu segundo o acordado.

• Documentación xustificativa dos gastos reais das situacións de apoio á inclusión.

Facturas oficiais ou documentación contable de valor probatorio equivalente ás facturas (tíckets, transferencias bancarias, recibos, etc.).

Acreditación do acompañamento ou das visitas preparatorias.

Deberán estar asinados dixitalmente pola Administración competente ou compulsados dixitalmente pola persoa que exerza a dirección do centro ou por outra competente para a compulsa dixital.

• A persoa beneficiaria cubrirá e enviará en liña o cuestionario UE (EU Survey) nos trinta (30) días posteriores ao do remate da mobilidade, de acordo co establecido no programa Erasmus+.

• No caso de viaxe ecolóxica, será preciso que o centro educativo lle envíe á Dirección Xeral de Formación Profesional copia compulsada dixitalmente pola persoa que exerza a dirección do centro ou por outra competente para a compulsa dixital, da correspondente declaración xurada (anexo XI) asinada pola persoa beneficiaria.

O dito pagamento realizarase nos corenta e cinco (45) días naturais posteriores ao do envío en liña do cuestionario UE.

4. No caso de que o cómputo de días da mobilidade declarado no complemento ao acordo de aprendizaxe for inferior ao da axuda concedida, o pagamento do 20 % restante minorarase proporcionalmente. Se isto non for suficiente, solicitarase a devolución da parte proporcional do primeiro pagamento.

Para estes efectos, unicamente serán computables os días da mobilidade comprendidos entre a data de adxudicación e a data de finalización do proxecto.

Artigo 18. Compatibilidade das axudas

1. Estas axudas son compatibles con outras axudas e subvencións concedidas para a mesma finalidade, calquera que sexa a súa natureza ou a entidade que as conceda.

2. O importe total recibido en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións, axudas, ingresos ou recursos para o mesmo obxecto e finalidade, procedentes doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da actividade subvencionada, de conformidade co establecido no artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Perda das axudas

1. A falsidade dos datos ou falsificación dos documentos que se presenten, calquera que sexa o momento en que se demostre a inexactitude, terá como consecuencia a perda de todos os dereitos dos/das solicitantes que incorran en tal situación e a devolución total da contía percibida, ademais das responsabilidades que procedan, seguindo o procedemento establecido no artigo 77 e seguintes do Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

2. O incumprimento total ou parcial por parte da persoa beneficiaria de calquera das condicións e obrigas establecidas nesta orde e demais normas aplicables poderá constituír causa determinante de revogación da axuda e do reintegro total ou parcial das cantidades percibidas xunto cos xuros de demora que lle poidan corresponder en cada caso, en aplicación do disposto no artigo 33 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Procederá a devolución íntegra das cantidades percibidas cando se obteña a axuda sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión ou se falseen ou oculten feitos ou datos que motivaron a súa concesión.

Artigo 20. Obrigas das persoas beneficiarias

1. As persoas beneficiarias están obrigadas ao reintegro, total ou parcial, da subvención ou da axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, logo do procedemento establecido no artigo 77 e seguintes do Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

2. As persoas beneficiarias están obrigadas a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control que lles correspondan.

3. Para os efectos do artigo 31.7 da Lei 9/2007, estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, utilizarase a declaración responsable incluída no documento de solicitude (anexo II).

4. A persoa beneficiaria está obrigada a comunicarlle á Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos destinados a subvencionar a actividade subvencionada.

Artigo 21. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

• DNI/NIE da persoa solicitante.

• DNI/NIE da persoa representante, de ser o caso.

• Expediente académico.

• Certificado de estar ao día no pagamento á Seguridade Social do solicitante.

• Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias á Consellería de Facenda e Administración Pública do solicitante.

• Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias á Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) do solicitante.

• Que a persoa solicitante reúne os requisitos establecidos no artigo 2 desta resolución.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

3. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 22. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 23. Datos de carácter persoal

De acordo co establecido no artigo 14.1.ñ) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as persoas beneficiarias quedan informadas, cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Artigo 24. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.

3. No caso de optar pola notificación en papel, efectuarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 25. Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións (BDNS) a información requirida por esta e o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base.

As subvencións outorgadas ao abeiro desta resolución figurarán no Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios. En todo caso, a presentación da solicitude implica que a persoa solicitante consente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no dito rexistro, feito que terá lugar, agás nos casos legalmente establecidos, de acordo co regulado no artigo 16.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, de conformidade co disposto no artigo 14 da Lei de subvencións de Galicia, o/a beneficiario/a poderá facer constar o seu dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da dita lei.

Disposición adicional primeira. Réxime sancionador

As persoas beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional segunda. Impugnación

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpor potestativamente recurso de reposición, ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación na páxina web da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou interpor directamente recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, segundo prevé o artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Formación Profesional para adoptar os actos e medidas necesarias para a aplicación desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2026

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
P.D. (Orde do 5.6.2024)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de
Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

ANEXO I

Centros educativos do consorcio do proxecto
Erasmus+ 2024-1-ES01-KA131-HED-000237224

OID

Centro

E10007900

IES A Pontepedriña

E10011649

IES Fernando Wirtz Suárez

E10025603

IES Leixa

E10044127

IES Rodeira

E10055678

IES Marqués de Sargadelos

E10056804

CIFP A Farixa

E10058400

IES García Barbón

E10062946

CIFP Fraga do Eume

E10064590

IES Antón Losada Diéguez

E10066406

CIFP A Xunqueira

E10066592

IES Politécnico de Vigo

E10069168

IES Plurilingüe A Paralaia

E10072786

CIFP Someso

E10074373

CIFP Carlos Oroza

E10074803

CIFP Ánxel Casal-Monte Alto

E10076090

IES de Arzúa

E10077940

CIFP Paseo das Pontes

E10078955

CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro

E10083940

IES Ramón Menéndez Pidal

E10087969

CIFP A Granxa

E10094683

IES Fernando Blanco

E10096203

IES Plurilingüe Eusebio da Guarda

E10096619

CIFP As Mercedes

E10096705

IES Urbano Lugrís

E10097909

IES A Sardiñeira

E10098414

CIFP Porta da Auga

E10098567

CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel

E10098737

IES Leliadoura

E10098780

CIFP Universidade Laboral

E10099089

IES Lamas de Abade

E10099977

IES A Pinguela

E10100201

CIFP Portovello

E10103228

CIFP Ferrolterra

E10103530

IES Gregorio Fernández

E10103867

IES Ramón Mª Aller Ulloa

E10104269

IES Ribeira do Louro

E10106662

CIFP Politécnico de Lugo

E10110295

IES Terra de Trasancos

E10125547

IES O Ribeiro

E10129271

CIFP Imaxe e Son

E10140702

IES María Soliño

E10154382

IES Monte Neme

E10177707

CIFP de Vilamarín

E10200835

IES Pedro Floriani

E10217000

IES Espiñeira

E10286707

IES Universidade Laboral de Ourense