DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Mércores, 4 de febreiro de 2026 Páx. 10125

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

ORDE do 17 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a promoción e consolidación do emprego autónomo a través do Programa de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida e a formación de persoas asalariadas, e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento TR349F).

No marco establecido no artigo 40 da Constitución española, nos artigos 29 e 30 do Estatuto de autonomía de Galicia e nos obxectivos de crecemento e emprego da Unión Europea, conforme a Estratexia europea de emprego, e co obxectivo de que a Comunidade Autónoma de Galicia acade uns maiores niveis de desenvolvemento económico, de calidade no emprego, de benestar social e de cohesión no territorio, é preciso adoptar políticas que promovan un modelo de desenvolvemento económico que favoreza a capacidade creativa e emprendedora da sociedade galega, como fonte de riqueza e como elemento esencial para o crecemento, a competitividade e a modernización do tecido produtivo galego.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 29, atribúelle á Comunidade Autónoma, en concordancia co artigo 149.1.7 da Constitución española, competencia para a execución da lexislación do Estado en materia laboral, asumindo as facultades, funcións e servizos correspondentes a este ámbito.

No título V da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo (BOE núm. 166, do 12 de xullo), dedicado ao fomento e á promoción do traballo autónomo, establécese que os poderes públicos adoptarán políticas de fomento do traballo autónomo dirixidas ao establecemento e ao desenvolvemento de iniciativas económicas e profesionais por conta propia. Na aplicación destas políticas de fomento tenderase ao logro da efectividade da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, e prestarase especial atención aos colectivos de persoas desfavorecidas ou non suficientemente representadas, entre as cales as persoas con discapacidade ocupan un lugar preferente.

A disposición adicional segunda do Real decreto 818/2021, do 28 de setembro, que regula os programas comúns das políticas activas de emprego, establece que as comunidades autónomas poderán desenvolver programas propios adaptados á realidade do seu ámbito territorial, que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración vén a desenvolver neste caso para incentivar e favorecer a contratación de persoas desempregadas por parte de persoas traballadoras autónomas ou profesionais, para promover a consolidación do emprego autónomo creando novos empregos estables.

O tecido empresarial de Galicia está composto, na súa maioría, por microempresas e, principalmente, por persoas traballadoras autónomas, que son as principais protagonistas na creación de emprego. Por este motivo, a Xunta de Galicia impulsa medidas para fomentar o emprendemento e apoiar a persoa emprendedora como axente dinamizador da economía na Comunidade Autónoma. Pero non é suficiente con desenvolver políticas que favorezan o emprendemento, senón que tamén é necesario articular programas que axuden e consoliden as persoas autónomas xa establecidas.

A crise económica coloca a persoa emprendedora como a grande esperanza para o crecemento económico. Axentes sociais e administracións públicas tratan de deseñar os mellores mecanismos para que emerxa no territorio todo un ecosistema de persoas emprendedoras que dinamicen o futuro da economía. Unha persoa emprendedora é a que detecta unha oportunidade, unha necesidade, unha forma de achegar valor á sociedade a través do enxeño, a creatividade e, sobre todo, o risco e o talento de actuar.

A realidade socioeconómica pon de relevo que non só é importante dinamizar e tratar de que se cree o maior número de empresas posibles, senón deseñar os mecanismos necesarios para que as empresas creadas poidan sobrevivir, crecer e ampliar os seus mercados. Estas empresas son vitais para unha recuperación do emprego e esta debe ser unha prioridade fundamental.

Neste marco e co obxectivo de favorecer a creación de novos empregos estables, a inserción laboral de persoas en desemprego e contribuír ao desenvolvemento e ao crecemento das pequenas unidades produtivas, deséñase un programa específico para apoiar e incidir naquelas persoas traballadoras autónomas e persoas profesionais que, con potencialidade para crear emprego, non adoptan tal decisión polo risco ou carga que pode supor a contratación das súas primeiras persoas traballadoras e o cambio de dimensión do seu negocio, e que ten unha especial relevancia nesta comunidade autónoma.

De acordo co disposto no Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia; no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 147/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, correspóndelle a esta o exercicio das competencias e funcións relativas á xestión das políticas activas de emprego e, en concreto, a regulación específica, a convocatoria, a xestión e o control das axudas e subvencións do Programa de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida de persoas asalariadas.

O programa de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida e a formación de persoas asalariadas finánciase a través de fondos finalistas, ao tratarse de accións elixibles de acordo co Plan anual de fomento do emprego digno (PAFED).

Estas axudas ampáranse, segundo o sector a que pertenzan as persoas empregadoras e empresas beneficiarias e o ámbito da súa actividade, no Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15.12.2023, serie L), no Regulamento (UE) 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE do 24.12.2013, L352/9), e no Regulamento (UE) 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE do 28.6.2014, L190/45).

Establécese un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva, de acordo co disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que, de acordo coa finalidade e obxecto do programa, non resulta necesario realizar a comparación das solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que a concesión da axuda se realiza tras a comprobación da concorrencia na persoa solicitante dos requisitos establecidos, ata o esgotamento do crédito orzamentario.

A presente orde tramítase ao abeiro do disposto no artigo 1.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, na redacción dada pola Orde do 27 de novembro de 2000, modificada pola Orde do 25 de outubro de 2001, e o artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, polo que a concesión das subvencións queda sometida á condición suspensiva de existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución.

Neste marco de actuación, as bases reguladoras axústanse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en especial no relativo aos principios de transparencia, eficacia e eficiencia na xestión; no Decreto 11/2009, do 9 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xuño.

Consecuentemente con todo o anterior, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo do informe da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade, da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio, da Asesoría Xurídica e da Intervención Delegada da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Ámbito e réxime das axudas e disposicións comúns de procedemento

Artigo 1. Obxecto e finalidade

O obxecto desta orde é fixar as bases reguladoras e convocar para o ano 2026 os incentivos á contratación indefinida inicial e a formación de persoas desempregadas realizada polas persoas traballadoras autónomas ou por persoas profesionais con domicilio social e fiscal na Comunidade Autónoma de Galicia co fin de promover a consolidación do emprego autónomo (código de procedemento TR349F).

A finalidade do programa é favorecer a creación de novos empregos estables e contribuír ao crecemento de pequenas unidades produtivas con potencialidade para a creación de emprego, a través da concesión dunha contía fixa que contribúa a que as persoas autónomas fagan fronte á contratación de persoas traballadoras.

Este programa inclúe dous tipos de axudas compatibles entre si:

1. Bono de contratación, cuxas particularidades se recollen no capítulo II desta orde, e por medio do cal se proporcionará unha subvención para a contratación indefinida inicial de persoas desempregadas realizadas por persoas traballadoras autónomas ou persoas profesionais con domicilio social e fiscal en Galicia.

2. Bono de formación (opcional), cuxas particularidades se recollen no capítulo III desta orde, e por medio do cal se proporcionará unha subvención ás persoas traballadoras autónomas ou persoas profesionais con domicilio social e fiscal en Galicia, para que leven a cabo accións formativas dirixidas ás persoas traballadoras cuxos contratos se subvencionan por medio desta orde, co obxecto de mellorar os seus coñecementos e as habilidades relacionadas co posto de traballo.

Artigo 2. Marco normativo

As solicitudes, a tramitación e a concesión das subvencións axustaranse ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día 17 de outubro de 2025; no que resulte de aplicación, a Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento de desenvolvemento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, e ao disposto nesta orde.

Artigo 3. Principios de xestión

A xestión destes programas realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 4. Orzamentos

1. A concesión das subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario e realizarase con cargo a aplicacións da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais recollidas no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 17 de outubro de 2025.

2. No exercicio económico 2026, o Programa de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida e a formación de persoas asalariadas financiarase con fondos finalistas procedentes do Servicio Público de Emprego Estatal, con cargo á aplicación orzamentaria 14.02.322C.470.3, código de proxecto 2016 00315, cun crédito de 1.350.000 euros.

3. A presente orde tramítase ao abeiro do disposto no artigo 1.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expediente de gasto, na redacción dada pola Orde do 27 de novembro de 2000, modificada pola Orde do 25 de outubro de 2001, e o artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, polo que queda a concesión das subvencións sometida á condición suspensiva de existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución e, así mesmo, todos os actos ditados no expediente enténdense condicionados a que, unha vez aprobado o orzamento, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que se produciron.

4. De ser o caso, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase mediante resolución da persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas.

5. Os ditos créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais.

6. Poderá ampliarse a contía máxima dos créditos consignados nesta convocatoria. O incremento de crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, e dunha transferencia de crédito, ao tratarse dunha convocatoria de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 30.2 do seu regulamento de desenvolvemento.

7. A distribución provincial de créditos para o financiamento das axudas e subvencións previstas nesta orde será, con carácter xeral, directamente proporcional ao número de persoas desempregadas e á evolución do paro rexistrado no período 2020-2024, e inversamente proporcional á evolución da poboación no citado período, e terá en conta o necesario equilibrio e solidariedade con aqueles territorios máis desfavorecidos. Ao abeiro disto, en cada unha das provincias galegas a repartición realizarase en atención ás seguintes porcentaxes: A Coruña, 33 %; Lugo, 17 %; Ourense, 17 % e Pontevedra, 33 %.

De existiren remanentes nun departamento territorial, unha vez atendidas todas as solicitudes que cumpran os requisitos, poderán redistribuírse nos restantes departamentos territoriais, respectando a prelación de solicitudes.

Artigo 5. Definicións

Para os efectos desta orde considérase:

1. Persoa desempregada: aquela que figure inscrita como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia e que, pola súa vez, careza de ocupación segundo o informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e, se é o caso, segundo certificado da mutualidade do colexio profesional, no momento da súa contratación.

Considérase persoa inscrita aquela que figure como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia con anterioridade ou no mesmo día da contratación que se subvenciona.

Considérase persoa que carece de ocupación aquela que non estea en situación de alta no día anterior á contratación que se subvenciona, segundo o informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e, se é o caso, segundo certificado da mutualidade do colexio profesional. Se o día anterior á contratación que se subvenciona coincide coa data de baixa da persoa traballadora que se contrata, considérase que non carece de ocupación.

2. Data de inicio da actividade laboral: para os efectos deste programa, entenderase como data de inicio da actividade laboral a data de inicio que figura na solicitude de alta como persoa autónoma no correspondente réxime da Seguridade Social ou na mutualidade do colexio profesional. Esta data será a que figura recollida no documento de alta do Ministerio de Traballo e Economía Social, así como nos informes de vida laboral.

3. Persoa con discapacidade: aquela que teña recoñecido pola Administración competente un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %.

Segundo o artigo 4.2 do Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, modificado pola Lei 3/2023, do 28 de febreiro, de emprego, considerarase que presentan unha discapacidade de grao igual ou superior ao 33 por cento as persoas pensionistas da Seguridade Social que teñan recoñecida unha pensión de incapacidade permanente no grao total, absoluta ou grande invalidez e as persoas pensionistas de clases pasivas que teñan recoñecida unha pensión de xubilación ou de retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade.

4. Persoa en situación ou risco de exclusión social: para os efectos desta orde, teñen esta consideración as persoas perceptoras da renda de inclusión social de Galicia ou as persoas membros da súa unidade de convivencia e tamén as persoas que teñan o certificado emitido polos servizos sociais acreditativo da dita situación social, tras a verificación da ausencia ou déficit grave de recursos económicos e a situación de desemprego, así como a concorrencia dalgún dos factores de exclusión social recollidos no artigo 3 da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia.

Equipáranse ás persoas perceptoras da renda de inclusión social de Galicia as persoas perceptoras do ingreso mínimo vital.

5. Persoa emigrante retornada:

a) Para os efectos desta orde, considéranse persoas emigrantes retornadas as seguintes persoas que, residindo fóra de España, se establezan na Comunidade Autónoma galega:

i. As persoas galegas e nacidas en Galicia.

ii. As persoas cónxuxes ou con unión análoga á conxugal e as descendentes por consanguinidade das persoas galegas e nacidas en Galicia.

b) Todas as persoas contratadas neste colectivo deberán cumprir os seguintes requisitos na data de presentación da solicitude:

i. Acreditar a condición de persoa emigrante retornada de acordo co disposto na letra a).

ii. Estar en posesión da nacionalidade española antes do retorno a España.

iii. Estar empadroadas nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia.

Para adquirir esta condición de persoa emigrante retornada, non deben transcorrer máis de dous anos entre a data do seu retorno a España e a data de presentación da solicitude de axuda ao abeiro desta orde.

6. Persoa estranxeira: aquela que careza de nacionalidade española e estea en posesión de autorización ou permiso de residencia e traballo en España.

7. Persoa desempregada de longa duración: aquela que na data da súa alta no correspondente réxime da Seguridade Social estea sen traballo e acredite un período de inscrición como desempregada no Servizo Público de Emprego de Galicia de, polo menos, doce meses durante os dezaoito meses anteriores á súa contratación. Este período de doce meses non ten que ser ininterrompido.

8. Persoa trans: toda aquela persoa que se identifique cun sexo diferente a aquel que lle foi asignado ao nacer.

9. Concello rural: aquel que non conta con ningunha zona densamente poboada no nivel de parroquia (ZPD) segundo a clasificación publicada polo Instituto Galego de Estatística (https://www.ige.eu/web/mostrar_paxina.jsp?paxina=003003001&idioma=gl). Para estes efectos, considéranse concellos rurais todos os concellos galegos agás os seguintes: Cambre, A Coruña, Culleredo, Ferrol, Narón, Oleiros, Santiago de Compostela, Lugo, Barbadás, Ourense, Poio, Pontevedra e Vigo.

10. Acción formativa: formación que se impartirá, ben con medios propios da beneficiaria ou ben a través dunha entidade externa ou persoas expertas, co obxecto de que a persoa traballadora participante adquira coñecementos e habilidades en relación co posto de traballo que vaia desenvolver na empresa participante no marco do programa.

11. Ocupacións con subrepresentación feminina na contratación: tomando como referencia as persoas contratadas por xénero no período 2020-2024 nos grupos ocupacionais segundo a Clasificación nacional de ocupacións (CNO-11) aprobada polo Real decreto 1591/2010, do 26 de novembro, téñense en conta os grupos ocupacionais que en 2024 reflicten unha diferenza porcentual de polo menos 20 puntos entre os valores de contratación masculina e feminina, e segundo o cal se elabora unha listaxe de ocupacións con subrepresentación feminina por ocupacións.

Artigo 6. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta orde as persoas traballadoras autónomas ou as persoas profesionais con domicilio social e fiscal en Galicia, pola primeira, segunda e terceira contratación que realicen con carácter indefinido.

2. Non poderán ser beneficiarias as persoas que desenvolvesen como persoas traballadoras autónomas a mesma actividade, nos tres meses inmediatamente anteriores á data do inicio da nova situación de alta na Seguridade Social. Para estes efectos, entenderase por mesma actividade a coincidencia ao nivel de 3 díxitos da Clasificación nacional de actividades económicas (CNAE).

3. Non poderán ser beneficiarias nin as sociedades civís nin as comunidades de bens, así como as persoas socias ou comuneiras que as integran, nin as persoas autónomas colaboradoras.

4. Non poderán obter a condición de beneficiarias das subvencións establecidas nesta orde as persoas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

a) Ser condenadas mediante sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas.

b) Solicitar a declaración de concurso, ser declaradas insolventes en calquera procedemento, acharse declaradas en concurso, salvo que neste adquirise a eficacia un convenio, estar suxeitas a intervención xudicial ou ser inhabilitadas conforme a Lei concursal sen que conclúa o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.

c) Dar lugar, por causa da que fosen declaradas culpables, á resolución firme de calquera contrato subscrito coa Administración.

d) Estar incursa nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.

e) Non estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, nos termos regulamentariamente establecidos.

f) Ter a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso fiscal.

g) Non estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, nos termos regulamentariamente establecidos.

h) Ser sancionadas mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións segundo a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou a Lei xeral tributaria.

i) Non poderán obter a condición de entidades beneficiarias das subvencións reguladas nesta orde as persoas empregadoras ou empresas que incumpran os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 31 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, para subvencións de importe superior a 30.000 euros, cando as persoas solicitantes sexan unicamente suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.

Esta circunstancia acreditarase no momento da solicitude mediante declaración responsable da persoa solicitante, sen prexuízo de que as sociedades que, de acordo coa normativa contable, non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada deberán acreditar o cumprimento dos prazos legais de pagamento mediante certificación, emitida por auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas.

5. Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas solicitantes que estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido no artigo 46 e 46.bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

6. A xustificación por parte das persoas solicitantes de non estaren incursas nas prohibicións contidas nos números 4 e 5 anteriores para obter a condición de beneficiarias, coa excepción do recollido no punto 4.e), realizarase mediante declaración responsable no anexo de solicitude.

Artigo 7. Incompatibilidades e concorrencia

1. Os incentivos establecidos nesta orde serán compatibles con calquera outra axuda para distinta finalidade da Unión Europea, doutras administracións públicas ou entes públicos ou privados, sen que en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras, poidan superar os límites establecidos pola Unión Europea e os que establece o artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. As subvencións previstas no bono de contratación son incompatibles con outras que, polas mesmas persoas traballadoras cuxos contratos se subvencionan, poidan outorgar as administracións públicas como medida de fomento de emprego. Non obstante, serán compatibles, se é o caso, cos incentivos en forma de bonificacións á Seguridade Social.

Os beneficios establecidos á contratación nesta orde non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 80 % do custo salarial de dúas anualidades correspondentes ao contrato que se subvenciona.

3. As subvencións previstas no bono de formación son incompatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para o financiamento das horas de formación procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, estatal, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

Artigo 8. Solicitudes: forma, lugar e prazo de presentación

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galici: https://sede.xunta.gal

Deberán cubrirse, necesariamente, todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, e serán unicamente válidas as solicitudes que se presenten no modelo establecido.

As solicitudes deberán presentarse ante o departamento territorial onde a persoa solicitante teña o domicilio fiscal.

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administración públicas, se algunha das persoas ou entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. O prazo xeral para a presentación das solicitudes das axudas establecidas nesta orde comezará ás 9.00 horas do quinto día hábil posterior ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e rematará ás 20.00 horas do 30 de setembro de 2026.

5. A presentación da solicitude supón a aceptación das obrigas reguladas nesta orde para ser beneficiarias da axuda, así como a aceptación da subvención de ser persoa beneficiaria dela.

Artigo 9. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Cando se actúe mediante representación, acreditación por calquera medio válido en dereito, só no caso que non estea inscrito no Rexistro Xeral de Apoderamentos de Galicia. Os poderes inscritos no dito rexistro poderaos comprobar de oficio o órgano xestor.

b) Documentación que acredite que se trata do primeiro, segundo ou terceiro posto de traballo de carácter indefinido (vida laboral da persoa autónoma como empresaria desde o inicio da actividade ata a data da contratación indefinida da persoa traballadora pola cal se solicita subvención, incluíndo todas as contas de cotización: informe de vida laboral dun código conta de cotización).

c) TA2 de baixa das persoas traballadoras indefinidas contratadas que causaron baixa por dimisión, falecemento, xubilación, incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez da persoa traballadora, despedimento disciplinario procedente ou por resolución durante o período de proba, de ser o caso.

d) Certificado do colexio profesional de alta no dito colexio, con indicación de se presupón ou non exercicio da actividade, e certificado da mutualidade do colexio profesional con indicación dos períodos de alta nela, de ser o caso.

e) Documentación acreditativa da condición de risco ou situación de exclusión social, de ser o caso.

f) Documentación acreditativa da discapacidade nos casos de discapacidade recoñecida fóra de Galicia, de ser o caso.

g) Documentos xustificativos do nacemento en Galicia da persoa traballadora contratada e, ademais, no caso de alegar algunha relación de parentesco coa persoa nacida en Galicia, documentación que acredite o vínculo con esta, no caso de solicitar polo colectivo de persoa emigrante retornada.

h) Certificado de persoa emigrante retornada, expedido polas delegacións ou subdelegacións do Goberno, baixa consular ou calquera outra documentación que acredite fidedignamente a residencia no exterior e a data de retorno a España, no caso de solicitar polo colectivo de persoa emigrante retornada.

i) Documentación que xustifique ter obtido ante o Rexistro Civil a rectificación da mención relativa ao sexo ou ben o cambio de nome para a asignación dun diferente ao do sexo rexistrado ao nacer, no caso de solicitar o incremento por persoa trans.

j) No caso de contratacións fixas descontinuas, sempre que a información non conste na comunicación do contrato de traballo:

– Declaración ou documentación acreditativa da xornada prevista e indicación da xornada completa que lle corresponde segundo convenio, para poder calcular a porcentaxe.

– Declaración ou documentación acreditativa do período de actividade previsto con carácter anual.

k) No caso de que as persoas traballadoras cuxos contratos se subvencionan se opuxesen á comprobación dos datos, documentos acreditativos das condicións necesarias para que o contrato sexa subvencionable.

l) No caso de solicitar a liña de incentivos á formación prevista no artigo 1.2 por accións formativas xa rematadas no momento da solicitude, documentación xustificativa da actividade formativa establecida no artigo 33.1 desta orde.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa ou entidade interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa ou entidade interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán acadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa ou entidade interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa ou entidade interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa ou entidade interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código do procedemento (TR349F) e o órgano responsable, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante.

b) NIF da entidade representante.

c) Certificado da persoa solicitante de estar ao día nas súas obrigas coa Seguridade Social.

d) Certificado da persoa solicitante de estar ao día nas súas obrigas coa Administración Tributaria de Galicia (Atriga).

e) Certificado da persoa solicitante de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).

f) Consulta de todos os códigos conta de cotización.

g) Consulta de concesións pola regra de minimis.

h) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

i) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.

j) Certificado de domicilio fiscal.

k) Alta no imposto de actividades económicas

l) Informe de vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social da persoa solicitante.

m) DNI ou NIE da persoa traballadora contratada.

n) Informe de períodos de inscrición no Servizo Público de Emprego de Galicia da persoa traballadora contratada.

ñ) Informe de vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social dos últimos 12 meses da persoa traballadora contratada.

o) Contrato laboral da persoa traballadora contratada.

Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Certificado de discapacidade ou dependencia recoñecida pola Xunta de Galicia da persoa traballadora contratada.

b) Consulta de datos de residencia con data de última variación no padrón da persoa traballadora contratada.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

4. A persoa solicitante asinará na declaración responsable que forma parte da solicitude que dispón dos documentos asinados pola persoa ou persoas contratadas, en que autorizan ou se opoñen á comprobación dos seus datos, conforme o modelo do anexo IV. O devandito documento poderá ser requirido pola Administración pública en calquera momento.

Así mesmo, no caso de que algunha persoa contratada pola que se solicita a subvención se opoña á comprobación de datos, farao constar na dita declaración responsable e, consecuentemente, presentará os documentos que os acrediten.

Artigo 11. Emenda das solicitudes

A sede electrónica remitiralle as solicitudes recibidas á unidade administrativa encargada da instrución do expediente para que comprobe se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde. No suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, requirirán a persoa interesada para que a emende no prazo máximo e improrrogable de dez días. Indicaráselle que, se así non o fixer, se terá por desistida da súa solicitude, logo de resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 13. Competencia para instruír e resolver

1. A competencia para coñecer e resolver as solicitudes corresponderalles, por delegación da persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, ás persoas titulares dos departamentos territoriais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, no respectivo ámbito provincial onde a persoa solicitante teña o seu domicilio fiscal.

2. O órgano competente para a instrución dos expedientes será o Servizo de Emprego, Relacións Laborais, Traballo Autónomo e Economía Social do departamento territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración competente por razón do territorio, segundo os criterios sinalados no número 1 deste artigo.

Artigo 14. Instrución, tramitación e procedemento de concesión

1. O procedemento de concesión das solicitudes presentadas ao abeiro desta orde é de concorrencia non competitiva e, polo tanto, axustarase ao disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que polo obxecto e finalidade da subvención non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento.

2. Entenderase que a empresa desiste da súa solicitude cando a persoa traballadora pola cal se solicita subvención cause baixa na empresa solicitante en data anterior á resolución da concesión da axuda. A empresa solicitante está obrigada a comunicar esta situación ao órgano ante o que solicitou a axuda.

3. En aplicación dos principios de eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos establecidos na Lei de subvencións de Galicia, e ao ser unha convocatoria de subvencións en concorrencia non competitiva, a orde de prelación para resolver as solicitudes virá determinado pola data en que se presentase a documentación completa requirida nestas bases reguladoras.

Artigo 15. Resolución e recursos

1. A resolución de concesión da subvención comprenderá a identificación da persoa beneficiaria e a contía da subvención. A resolución de concesión emitirase atendendo ás manifestacións contidas nas declaracións responsables recollidas no formulario de solicitude, subscritas pola persoa que as realiza, baixo a súa responsabilidade e coas repercusións que ten a súa falsidade reguladas na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Na resolución de concesión serán informadas as persoas beneficiarias de que estas axudas se someten ao Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis, e aos Regulamentos (UE) 717/2014, do 27 de xuño (sector pesca e acuicultura) e 1408/2013, do 18 de decembro (sector agrícola).

2. Toda vez que os requisitos para ser persoa beneficiaria desta axuda se deben cumprir con anterioridade á presentación da solicitude e que as obrigas asumidas pola persoa beneficiaria se recollen na presente orde nos artigos 20, 28 e 33, non é necesaria a aceptación expresa ou tácita da resolución regulada no artigo 21.5 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia, e enténdese aceptada coa presentación da solicitude.

3. No caso de que o remanente de crédito existente en cada departamento territorial sexa inferior ao importe que correspondería otorgar segundo as contías establecidas nos artigos 26 e 31, poderase conceder a axuda polo importe do remanente existente, logo da aceptación da persoa solicitante.

Igualmente, no caso de que unha solicitude de axudas comprenda varias contratacións de persoas traballadoras e non exista crédito suficiente para atender todas as contratacións, poderase estimar parcialmente a solicitude e conceder a axuda para aquelas contratacións para as cales exista crédito, logo da aceptación da persoa solicitante e tendo en conta a orde de prelación das persoas traballadoras indicada no anexo I.

De se produciren renuncias ou perdas do dereito ao cobramento noutras solicitudes ou de levarse a cabo as ampliacións ou redistribucións de créditos a que se refiren os parágrafos 5 e 6 do artigo 4, poderanse atender na súa totalidade as solicitudes concedidas segundo o exposto no parágrafo anterior, por orde de prelación.

4. O prazo máximo para resolver e notificar é de tres meses, que se computarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o devandito prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada. Todo o anterior establécese de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 16. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos realizaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación realizada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia. De ser o caso, a Administración poderá crear de oficio o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido rexeitadas cando transcorran 10 días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda a el.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, realizarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 17. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión seguindo o principio de proporcionalidade a que se refire o artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Forma de pagamento

1. O cumprimento dos requisitos acreditarase na solicitude mediante a declaración da persoa beneficiaria, emitida baixo a súa responsabilidade e sen prexuízo da comprobación do seu cumprimento con posterioridade á resolución de concesión; en función desa declaración responsable resolverase a concesión da axuda e realizarase ao seu pagamento, unha vez comprobado o cumprimento pola persoa ou entidade das obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de non ter pendentes de pagamento débedas coa Administración da Comunidade Autónoma, no número de conta, con inclusión do IBAN, indicado na solicitude.

2. Nos casos en que se solicite unicamente o bono de contratación, o pagamento será único no momento da concesión da axuda.

3. Nos casos en que se solicite ademais o bono de formación, o pagamento terá lugar unha vez xustificada a formación realizada segundo o indicado no artigo 33. A falta de presentación da xustificación en prazo comportará a perda do dereito ao cobramento dos incentivos para a actividade formativa.

Artigo 19. Devolución voluntaria da subvención

De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as persoas beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES82 2080 0300 87 3110063172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

En todo caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, en que conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 20. Obrigas xerais das persoas beneficiarias e supostos de reintegro

1. Sen prexuízo das obrigas establecidas con carácter específico para cada liña de axudas nos artigos 28 e 33, son obrigas das persoas beneficiarias das subvencións as sinaladas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, en especial, as seguintes:

a) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

b) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas persoas beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

c) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa beneficiaria en cada caso, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

d) Adoptar as medidas adecuadas de difusión para dar publicidade do financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración con fondos recibidos do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE), dando publicidade da axuda concedida na páxina de inicio da web da empresa ou noutro sitio visible accesible desde a páxina de inicio, no caso de dispor dela, e colocar e manter, durante un mínimo de 36 meses, un cartel, en cor e formato A3, nun lugar visible do lugar do traballo, segundo o modelo que consta na sede electrónica da Xunta de Galicia.

e) Reintegrar os fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos casos previstos nesta orde.

f) Notificar a totalidade das axudas obtidas, dentro do réxime de minimis en que se encadra esta orde, e deberase sinalar, ademais, cales destas foron obtidas para a mesma finalidade.

g) Someterse ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

h) Deberá manter no seu poder as autorizacións (ou as oposicións) para comprobar os datos das persoas traballadoras obxecto de subvención, segundo o modelo do anexo IV. Estes documentos poderán ser requiridos pola Administración pública en calquera momento.

Así mesmo, deberá informar as persoas cuxos contratos laborais se subvencionan ao abeiro desta orde dos seguintes aspectos:

– Da comunicación dos datos á Administración para o seu tratamento no ámbito das competencias e de acordo cos fins do procedemento administrativo.

– Da posibilidade de que a Administración realice as consultas precisas para comprobar, entre outros aspectos, a súa veracidade.

– Do dereito de oposición que as asiste a que a Administración trate os seu datos, suposto en que deberán comunicar a súa oposición á Administración para os efectos oportunos.

i) Aqueloutras obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Procederá o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de mora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos casos establecidos nos artigos 29 e 34 para cada liña de axudas.

No caso de incumprimento da obriga indicada no punto 1.d) deste artigo e de non enviar a fotografía co cartel identificativo dos fondos recibidos en prazo, procederá o 2 % do reintegro da axuda total percibida ao abeiro desta convocatoria.

Artigo 21. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da referida Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no seu artigo 3.1 a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no titulo I da citada lei. O incumprimento desta obriga determinará, de ser o caso, a imposición das multas coercitivas previstas no punto 4 do citado artigo.

Artigo 22. Comunicación de feitos constitutivos de fraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados no marco da presente convocatoria poderá pór os ditos feitos en coñecemento da Xunta de Galicia, a través da Canle de denuncias da Xunta de Galicia, de comunicación de información en materia de integridade institucional, dispoñible na seguinte ligazón: https://transparencia.xunta.gal/canle-de-denuncias

Artigo 23. Axudas concedidas baixo as condicións do réxime de minimis

Estas axudas ampáranse, segundo o sector a que pertenzan as persoas empregadoras e empresas beneficiarias e o ámbito da súa actividade, no Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15.12.2023, serie L), no Regulamento (UE) 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE do 24.12.2013, L352/9), e no Regulamento (UE) 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE do 28.6.2014, L190/45).

A aplicación do réxime de minimis implica que non se poderán superar os seguintes límites máximos:

a) A axuda total de minimis concedida a unha empresa determinada, en virtude da aplicación do artigo 3.2 do Regulamento (UE) 2023/2831, non pode ser superior a 300.000 € durante o período dos tres anos previos.

b) A axuda total de minimis concedida a unha empresa determinada, en virtude da aplicación do artigo 3.2 do Regulamento (UE) 1408/2013 da Comisión, non pode ser superior a 50.000 € durante o período dos tres anos previos.

c) A axuda total de minimis concedida a unha empresa determinada, en virtude da aplicación do artigo 3.2 do Regulamento (UE) 717/2014, non pode ser superior a 40.000 € durante calquera período de tres exercicios fiscais.

Estes límites máximos aplícanse a todo o conxunto de axudas recibidas en concepto de minimis pola empresa, independentemente da forma en que se outorguen ou do obxectivo perseguido.

Para o cómputo dos límites deste réxime de axudas terase en conta o concepto de «única empresa» establecido no artigo 2.2 do Regulamento (UE) 2023/2831.

Artigo 24. Seguimento e control

1. Sen prexuízo das facultades que teñen atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración levará a cabo funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos programas.

2. Os departamentos territoriais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos, a persoa beneficiaria deberá cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

3. Para realizar estas funcións poderanse utilizar cantos medios estean ao dispor da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

CAPÍTULO II

Bono de incentivos á contratación

Artigo 25. Accións subvencionables

1. Serán subvencionables ao abeiro deste programa as contratacións que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que as persoas contratadas sexan desempregadas conforme o concepto definido no artigo 5.1 desta orde.

Non obstante, non se requirirá a inscrición no Servizo Público de Emprego de Galicia no caso de persoas que se atopen nalgún dos casos recollidos no artigo 4.1.a) do Real decreto lei 1/2023, do 10 de xaneiro, de medidas urxentes en materia de incentivos á contratación laboral e mellora da protección social das persoas artistas.

b) Que as contratacións se realicen dentro do período subvencionable, que comprende desde o 1 de outubro de 2025 e ata o 30 de setembro de 2026, ambas as dúas datas incluídas.

c) Que as contratacións teñan lugar con anterioridade ou no mesmo día da solicitude de axudas.

d) Que estean comunicadas ao Servicio Público de Emprego a través da aplicación Contrat@ no prazo de 10 días hábiles desde o seu inicio.

2. A contratación deberá ser indefinida inicial, incluídos os contratos fixos descontinuos. O período de actividade no caso do contrato fixo descontinuo deberá ter unha duración mínima de 6 meses cada ano.

3. O contrato poderá ser a tempo completo ou a tempo parcial. Neste último caso, para ser subvencionable deberá ter unha xornada mínima do 50 %, desde o seu inicio, respecto da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, da xornada ordinaria máxima legal.

4. Subvenciónanse ao abeiro desta orde a primeira, a segunda e a terceira contratación indefinida inicial que realice a persoa autónoma ou a persoa profesional.

I. Será subvencionable a primeira contratación indefinida inicial cando na data en que se formalice o contrato polo que se solicita a subvención non houbese outra persoa traballadora contratada cunha relación laboral indefinida.

II. Serán subvencionables a segunda e a terceira contratación indefinida inicial, sempre que na data de formalización deses contratos existan no cadro de persoal da persoa/entidade solicitante unha persoa contratada indefinida (para a segunda contratación) ou dúas persoas contratadas indefinidas (para a terceira contratación).

Non obstante, no caso de solicitarse a axuda pola segunda contratación, se con posterioridade á formalización do contrato polo que se solicita a subvención se produce a baixa da primeira contratación indefinida, concederase a axuda como primeira contratación.

No suposto de solicitar a axuda pola terceira contratación, se con posterioridade á formalización do contrato polo que se solicita a subvención se produce a baixa das dúas contratacións iniciais indefinidas, concederase a axuda por primeira contratación.

No caso de solicitar a axuda pola terceira contratación, se con posterioridade á formalización do contrato polo que se solicita a subvención se produce a baixa dunha delas, concederase a axuda por segunda contratación.

Todo isto salvo que as persoas beneficiarias acrediten que as causas de extinción dos contratos iniciais non lles resultan imputables. Para estes efectos, consideraranse causas non imputables ás persoas beneficiarias as previstas no artigo 11.2 do Real decreto 818/2021, do 28 de setembro, polo que se regulan os programas comúns de activación para o emprego do Sistema nacional de emprego, isto é:

– Baixa voluntaria.

– Recoñecemento de discapacidade ou incapacidade laboral permanente total ou parcial.

– Xubilación.

– Falecemento.

– Despedimento disciplinario procedente.

– Subrogación.

De non existiren persoas contratadas no momento previo á contratación indefinida pola cal se solicita a axuda, entenderase sempre como primeira contratación.

Artigo 26. Contía dos incentivos

1. As contratacións indefinidas iniciais terán os seguintes incentivos:

I. Primeira persoa traballadora indefinida desempregada: 7.500 €. A contía será de 9.000 € cando a persoa desempregada se encadre nalgún dos seguintes colectivos, non acumulables:

a) Muller.

b) Persoas desempregadas de longa duración.

c) Maiores de 52.

d) Persoas con discapacidade.

e) Persoas en situación ou risco de exclusión social.

f) Persoas emigrantes retornadas.

g) Persoas estranxeiras.

II. Segunda e terceira persoa traballadora indefinida: 9.000 €. A contía será de 11.000 € cando a persoa desempregada se encadre nalgún dos seguintes colectivos, non acumulables:

a) Muller.

b) Persoas desempregadas de longa duración.

c) Maiores de 52.

d) Persoas con discapacidade.

e) Persoas en situación ou risco de exclusión social.

f) Persoas emigrantes retornadas.

g) Persoas estranxeiras.

2. Os incentivos sinalados no número anterior incrementaranse nun 15 % nos seguintes casos, que son acumulables entre si:

a) No caso de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) da persoa autónoma estea situado nun concello rural

b) Persoas maiores de 45 anos (non será aplicable no caso de que a axuda se conceda polo colectivo de maiores de 52 sinalado na letra c) das liñas I e II do punto primeiro deste artigo).

c) Persoas trans.

d) Se a persoa incorporada é unha muller nunha profesión ou oficio en que a muller estea subrepresentada, segundo informe do Observatorio do Emprego, tal e como figuran no anexo II desta orde.

3. Deste xeito as contías máximas posibles, de se aplicaren todos os incrementos, serían:

– Para a primeira persoa traballadora indefinida 14.400 €.

– Para a segunda e terceira persoa traballadora indefinida 17.600 €.

Aplicaranse a subvención polo colectivo e os incrementos indicados pola persoa solicitante. En caso de non exercer a opción, entenderase solicitada pola contía superior que quede acreditada coa documentación que conste no expediente. Se non queda acreditada a pertenza a ningún colectivo ou o dereito a algún incremento, entenderase que solicita pola contía base mínima.

4. Cando se trate de contratacións indefinidas cunha xornada a tempo parcial, as contías dos incentivos serán proporcionais ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, da xornada ordinaria máxima legal.

5. No caso de contratacións indefinidas iniciais na modalidade de fixos descontinuos, a contía do incentivo será proporcional ao tempo de traballo (período de actividade do contrato fixo descontinuo, que deberá ter unha duración mínima de 6 meses cada ano).

Artigo 27. Exclusións

Exclúense dos beneficios regulados nesta orde:

1. As relacións laborais de carácter especial previstas no artigo 2.1 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, ou noutras disposicións legais e disposicións complementarias.

2. Os contratos realizados co cónxuxe, os ascendentes, os descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, da persoa solicitante. Non será aplicable esta exclusión cando a persoa empregadora sexa unha persoa traballadora autónoma que contrate como persoa traballadora por conta allea os fillos e fillas menores de 30 anos, tanto se conviven ou non con ela, ou cando se trate dunha persoa traballadora autónoma sen persoas asalariadas e contrate un só familiar menor de 45 anos que non conviva no seu fogar nin estea ao seu cargo.

3. As contratacións realizadas con persoas traballadoras que nos 24 meses anteriores á data da contratación prestasen servizos na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato de carácter indefinido, ou nos últimos 3 meses mediante un contrato de carácter temporal. O disposto neste parágrafo será tamén de aplicación no suposto de vinculación laboral anterior do traballador ou da traballadora con empresas ás cales a persoa solicitante dos beneficios sucedese en virtude do establecido no artigo 44 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro.

Para os efectos desta orde, considéranse grupo de empresas, ademais dos que deriven da normativa mercantil de aplicación, todas aquelas sociedades que sexan controladas polas mesmas persoas administradoras.

4. As persoas traballadoras que rematen unha relación laboral de carácter indefinido noutra empresa nun prazo de 3 meses previos á formalización do contrato polo que se solicita a subvención, agás que a dita relación laboral finalizase por causa dun despedimento recoñecido ou declarado improcedente ou se extinga por algunha das causas sinaladas nos artigos 49.1.g), 51 e 52.c) do Estatuto dos traballadores.

5. As contratacións realizadas con persoas traballadoras polas que a mesma persoa autónoma obtivese axudas ao abeiro deste procedemento: TR349F. O disposto neste parágrafo será tamén de aplicación nos casos de sucesión de empresas previstos no artigo 44 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro.

Artigo 28. Obrigas das persoas beneficiarias

1. A persoa beneficiaria deberá manter no seu cadro de persoal a persoa traballadora contratada por un tempo mínimo de trinta e seis (36) meses.

No suposto de extinción da relación laboral por baixa voluntaria, recoñecemento de discapacidade ou incapacidade laboral permanente total ou parcial, despedimento por non superar o período de proba, despedimento disciplinario procedente, xubilación ou falecemento dalgunha persoa traballadora pola que se concedeu a subvención, ou no caso de excedencias, a persoa beneficiaria está obrigada a cubrir a vacante cunha nova contratación indefinida inicial, polo menos cunha xornada de traballo igual ou superior á da persoa substituída, e a nova persoa traballadora deberá pertencer a algún colectivo polo cal se lle poida conceder un incentivo por importe igual ou superior ao da persoa que causase baixa. Para cumprir esta obriga a empresa ten de prazo ata o último día do mes seguinte ao da baixa. Esta nova contratación deberá serlle comunicada ao órgano que concedeu a axuda e non dará lugar, en ningún caso, a unha nova subvención.

No suposto de que, durante o período subvencionable, se produza unha suspensión do contrato de traballo por un período máximo de 6 meses, esta dará lugar á suspensión do computo do período de mantemento do emprego previsto, e retomarase desde a data de reincorporación ao posto de traballo ata completar o período de 36 meses.

No suposto de que a suspensión se produza por un período superior a seis meses, será de aplicación o suposto de reintegro parcial establecido no artigo 29.1.a).

No caso de que se produzan substitucións, a persoa beneficiaria deberá presentar os documentos asinados pola persoa ou persoas contratadas, en que autorizan ou se opoñen á comprobación dos seus datos, conforme o modelo do anexo IV. No caso de que se opoñan á consulta, deberán, ademais, presentar a correspondente documentación.

No caso de que a persoa traballadora autónoma beneficiaria da axuda constitúa unha sociedade, en solitario ou con participación externa, e subrogue as persoas traballadoras por conta allea cuxos contratos foron subvencionados con cargo a esta orde, a sociedade quedará subrogada en todos os dereitos e obrigas que naceron da concesión da axuda.

2. No caso de ser beneficiaria da axuda pola segunda ou terceira contratación, estará obrigada a manter no seu cadro de persoal as persoas traballadoras iniciais durante un período mínimo de 12 meses desde o inicio do contrato obxecto da axuda.

Todo isto, salvo que as persoas beneficiarias acrediten que as causas de extinción dos contratos iniciais non lles resultan imputables de acordo co previsto no artigo 25.

Transcorrido un período de 12 meses desde o inicio do contrato subvencionado, a persoa solicitante deberá achegar un informe actualizado de vida laboral do código conta de cotización co fin de comprobar o cumprimento desta obriga.

3. Enviar no prazo dun mes, contado desde o día seguinte á recepción da concesión da axuda, unha fotografía do cartel publicitario indicado no artigo 20.1.d).

Artigo 29. Reintegros nos bonos de contratación

1. Procederá o reintegro das axudas cando a persoa beneficiaria incumpra a obriga establecida no artigo 28.1 desta orde. Por cada contratación subvencionada e non substituída conforme o establecido no antedito artigo procederá o reintegro da axuda concedida pola persoa traballadora de que se trate.

Neste suposto hai que diferenciar entre o reintegro total, cando non se leve a cabo a substitución da persoa traballadora que causou baixa, agás no caso de baixa voluntaria, recoñecemento de discapacidade ou incapacidade laboral permanente total ou parcial, despedimento por non superar o período de proba, despedimento disciplinario procedente, xubilación ou falecemento da persoa traballadora, e o reintegro parcial, que procederá nos seguintes casos:

a) Cando se produza a baixa voluntaria, recoñecemento de discapacidade ou incapacidade laboral permanente total ou parcial, despedimento por non superar o período de proba, despedimento disciplinario procedente, xubilación ou falecemento da persoa traballadora contratada e non se efectúe a substitución, ou si se efectuou a substitución pero esta non foi feita no prazo anteriormente indicado, a contía que se reintegrará será a correspondente aos meses en que o posto estivese vacante.

O cálculo da contía que se vai reintegrar parcialmente farase do seguinte xeito:

i. Divídese entre 36 meses o importe da subvención concedida.

ii. Calcúlase o número de meses que o posto estivo vacante. Computarase para estes efectos o prazo que se concede para realizar a substitución. Así mesmo, o mes en que se leve a cabo a substitución considérase como mes de incumprimento, sexa cal sexa o día do dito mes en que aquela se realice.

iii. Multiplícase o importe obtido na primeira operación (i) polo número de meses en que o posto de traballo estivese vacante.

b) Cando se efectuou a substitución, pero esta non foi feita cunha nova persoa traballadora pertencente a algún dos grupos recollidos no artigo 26 polo que se poida conceder unha subvención por importe igual ou superior ao da persoa que causou baixa, procederá o reintegro parcial da axuda concedida pola diferenza entre a cantidade percibida e a cantidade que correspondería á nova contratación.

c) Cando a persoa substituta non ten as mesmas características que a persoa substituída no que se refire aos incrementos acumulables establecidos nas bases reguladoras:

i. No caso de que se substitúa no prazo establecido nas bases reguladoras, descontaráselle ao importe concedido pola persoa que extinguiu a relación laboral a contía correspondente ao incremento ou incrementos acumulables do 15 % sobre a contía base que non cumpre a persoa substituta.

ii. No caso de non realizarse a substitución no prazo establecido, ao importe resultante no ordinal primeiro aplicaráselle o cálculo establecido na letra a).

2. No suposto de modificación de xornada da persoa contratada subvencionada, procederá o reintegro parcial da axuda concedida pola diferenza entre a cantidade percibida e a que lle corresponde pola xornada inferior desde a data en que tivo lugar a modificación.

3. No caso de incumprimento da obriga prevista no artigo 28.2, procederá o seguinte reintegro:

No caso de ser beneficiaria da axuda pola segunda contratación, se con posterioridade á formalización do contrato polo cal se solicita a subvención e dentro dos 12 meses seguintes se produce a baixa da primeira contratación, procederá o reintegro pola diferenza entre a cantidade percibida e a que lle correspondería por primeira contratación.

No caso de ser beneficiaria da axuda pola terceira contratación, se con posterioridade á formalización do contrato polo cal se solicita a subvención e dentro dos 12 meses seguintes se produce a baixa das dúas contratacións iniciais, procederá o reintegro pola diferenza entre a cantidade percibida e a que lle correspondería por primeira contratación.

Todo isto, salvo que as persoas beneficiarias acrediten que as causas de extinción dos contratos iniciais non lles resultan imputables de acordo co previsto no artigo 25.

CAPÍTULO III

Bono de incentivos á formación

Artigo 30. Accións subvencionables e requisitos

1. As persoas autónomas ou profesionais que así o soliciten poderán ser beneficiarias dun bono para a formación das persoas traballadoras cuxos contratos se subvencionan por medio do bono de contratación previsto nesta orde. Para isto teñen que cumprir os seguintes requisitos:

a) A persoa traballadora que recibe a formación e titorización ten que ser a mesma cuxo contrato se subvenciona a través do bono de contratación e, polo tanto, cumprir os mesmos requisitos que se establecen no artigo 25 desta orde.

b) A duración da acción formativa será dun mínimo de 70 horas de formación teórica en contidos relacionados co posto de traballo a que asista integramente a persoa traballadora que participa neste programa.

c) A acción formativa terá lugar dentro dos tres primeiros meses desde a data de inicio do contrato da solicitude e deberá estar finalizada o 30 de outubro de 2026.

2. Queda excluída deste bono de incentivos á formación aquela formación que supoña o cumprimento de obrigas legais empresariais en materia preventiva a que fai referencia o artigo 19 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.

Artigo 31. Contías dos incentivos e condicións da percepción

Esta formación incentivarase cunha axuda de 2.000 euros por cada persoa traballadora cuxo contrato se subvenciona por medio do bono de contratación e que cumpra os requisitos establecidos neste capítulo terceiro.

Artigo 32. Lugar de impartición das accións formativas

1. As persoas beneficiarias desenvolverán as accións formativas a través de medios propios ou por medio da súa contratación, e poderán realizalas tanto nas súas instalacións como nas da entidade encargada da súa formación.

2. Para o caso de impartición da formación na modalidade de teleformación, deberá realizarse a través dunha plataforma virtual de aprendizaxe cunha metodoloxía apropiada para esta modalidade que posibilite a interactividade entre a persoa traballadora que recibe a formación e a que imparte a titoría, e que asegure a xestión dos contidos, un proceso de aprendizaxe sistematizado, o seu seguimento continuo en tempo real, así como a avaliación de todo o proceso.

Programaranse controis periódicos de aprendizaxe cun número de horas para cada módulo en función dos contidos relacionados co posto de traballo, ata acadar o mínimo de horas teóricas exixidas na convocatoria.

Artigo 33. Obrigas das persoas beneficiarias

1. As persoas beneficiarias deberán presentar a seguinte documentación no prazo máximo de 10 días, contados desde o seguinte ao remate da acción formativa:

a) Declaración expresa da aplicación da axuda aos gastos subvencionables e declaración doutras axudas solicitadas e/ou concedidas segundo o modelo do anexo III.

b) Documento acreditativo de que a persoa solicitante lle comunicou ás persoas representantes legais das persoas traballadoras a acción formativa xustificativa do bono de formación que se realizou coa solicitude desta axuda. No suposto de que non haxa representantes legais, a comunicación debe realizarse a todas as persoas traballadoras da empresa.

c) Declaración da persoa beneficiaria da axuda, que deberá axustarse ao modelo publicado na sede electrónica da Xunta de Galicia, conforme se realizou a formación subvencionada, coa relación das persoas traballadoras que a recibiron, os contidos das accións formativas, o calendario de actividades e o número de horas impartidas. A dita declaración conterá un informe individualizado de aproveitamento e avaliación de resultados, asinado pola persoa titora da formación.

d) A xustificación na modalidade de teleformación realizarase mediante a presentación dos resultados obtidos nos controis de aprendizaxe programados por cada un dos módulos polos cales a persoa recibiu a formación e que permitan identificar se realizou as probas, a data e a hora en que se desenvolveu o control e o tempo empregado para o seu desenvolvemento, con indicación da súa cualificación.

Estes datos deben ser almacenados polo sistema de teleformación empregado para a execución da formación.

2. Exceptúanse do prazo máximo de 10 días para a presentación da documentación xustificativa prevista no número 1 anterior aquelas accións formativas que se axusten ao disposto nesta orde e xa se realizasen. Neste caso, a dita documentación xustificativa achegarase xunto coa solicitude.

Artigo 34. Incumprimento de obrigas e reintegro

No caso de que a persoa traballadora por quen se solicita a axuda establecida no bono formación cause baixa na empresa, se esta non recibiu as horas de formación establecidas no artigo 30 na súa totalidade, a entidade beneficiaria perderá o dereito ao cobramento da axuda concedida.

No caso de que a persoa traballadora que causou baixa fose substituída por outra persoa traballadora que cumprise as mesmas condicións que a anterior, a persoa beneficiaria poderá percibir a axuda establecida no bono formación no caso de que esta nova persoa traballadora reciba a formación na súa totalidade segundo o artigo 30.

Esta axuda percibirase por unha soa persoa traballadora formada.

En todo caso, as accións formativas deberán executarse, no referente aos prazos establecidos, segundo o artigo 30 desta orde de convocatoria.

Disposición adicional primeira. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de competencias da persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración nos directores e directoras territoriais, no ámbito das súas respectivas provincias, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispor, recoñecer a obriga e propor os correspondentes pagamentos, e para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas persoas beneficiarias, respecto das resolucións de concesión de que derivan, ditadas por delegación da persoa titular da consellería.

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración na persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais para tramitar e resolver os expedientes de redistribución dos créditos necesarios para o financiamento desta orde.

Disposición adicional segunda. Comunicación á Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase a información necesaria á Base de datos nacional de subvencións (BDNS).

Disposición adicional terceira. Publicidade

As subvencións outorgadas ao abeiro desta orde figurarán no Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios. En todo caso, a presentación da solicitude implica que a persoa solicitante consente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no dito rexistro, feito que terá lugar, agás nos casos legalmente establecidos, de acordo co regulado no artigo 16.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Non obstante, a persoa solicitante poderá solicitar a non publicación dos seus datos cando concorra algunha das causas previstas no artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións, as instrucións e as aclaracións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2025

José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO II

Ocupacións con subrepresentación feminina na contratación

Código CNO-2011

Ocupación

1221

Directores/as comerciais e de vendas

2158

Profesionais da saúde e da hixiene laboral e ambiental

2325

Instrutores/as en tecnoloxías da información en ensino non regrado

2431

Enxeñeiros/as industriais e de produción

2432

Enxeñeiros/as en construción e obra civil

2439

Enxeñeiros/as non clasificados baixo outras epígrafes

2443

Enxeñeiros/as en telecomunicacións

2461

Enxeñeiros/as técnicos industriais e de produción

2469

Enxeñeiros/as técnicos non clasificados baixo outras epígrafes

2640

Profesionais de vendas técnicas e médicas (salvo as TIC)

2711

Analistas de sistemas

2712

Analistas e deseñadores/as de software

2713

Analistas, programadores/as e deseñadores/as web e multimedia

2729

Especialistas en bases de datos e en redes informáticas non clasificados baixo outras epígrafes

2932

Compositores/as, músicos/as e cantantes

2934

Directores/as de cine, de teatro e afíns

2936

Locutores/as de radio, televisión e outros presentadores

2939

Artistas creativos/as e interpretativos/as non clasificados baixo outras epígrafes

3122

Técnicos/as en construción

3123

Técnicos/as en electricidade

3124

Técnicos/as en electrónica (salvo electromedicina)

3126

Técnicos/as en mecánica

3129

Outros/as técnicos/as das ciencias físicas, químicas, ambientais e das enxeñarías

3131

Técnicos/as en instalacións de produción de enerxía

3132

Técnicos/as en instalacións de tratamento de residuos, de augas e outros/as operadores/as en instalacións similares

3151

Xefes/as e oficiais de máquinas

3152

Capitáns/ás e oficiais de ponte

3202

Supervisores/as da construción

3203

Supervisores/as de industrias alimentarias e do tabaco

3209

Supervisores/as doutras industrias manufactureiras

3532

Organizadores/as de conferencias e eventos

3535

Portavoces e axentes de relacións públicas

3721

Atletas e deportistas

3722

Adestradores/as e árbitros/as de actividades deportivas

3723

Instrutores/as de actividades deportivas

3731

Fotógrafos/as

3734

Xefes/as de cociña

3739

Outros/as técnicos/as e profesionais de apoio de actividades culturais e artísticas

3811

Técnicos/as en operacións de sistemas informáticos

3812

Técnicos/as en asistencia ao usuario de tecnoloxías da información

3813

Técnicos/as en redes

3820

Programadores/as informáticos

3831

Técnicos/as de gravación audiovisual

3832

Técnicos/as de radiodifusión

3833

Técnicos de enxeñaría das telecomunicacións

4121

Empregados/as de control de abastecementos e inventario

4123

Empregados/as de loxística e transporte de pasaxeiros e mercadorías

5491

Vendedores/as a domicilio

5892

Empregados/as de funerarias e embalsamadores

5894

Instrutores/as de autoescola

5923

Policías locais

5931

Bombeiros/as (salvo forestais)

5932

Bombeiros forestais

5941

Vixilantes de seguranza e similares habilitados/as para iren armados/as

5942

Auxiliares de vixilante de seguranza e similares non habilitados/as para iren armados/as

5992

Bañistas-socorristas

5999

Traballadores/as dos servizos de protección e seguranza non clasificados baixo outras epígrafes

6110

Traballadores/as cualificados/as en actividades agrícolas (salvo en hortas, invernadoiros, viveiros e xardíns)

6120

Traballadores/as cualificados/as en hortas, invernadoiros, viveiros e xardíns

6201

Traballadores/as cualificados/as en actividades gandeiras de vacún

6205

Traballadores/as cualificados/as na avicultura e a cunicultura

6410

Traballadores/as cualificados/as en actividades forestais e do medio natural

6421

Traballadores/as cualificados/as na acuicultura

6422

Pescadores/as de augas costeiras e augas doces

6423

Pescadores de altura

7111

Encofradores/as e operarios/as de colocación en obra de formigón

7121

Albaneis

7122

Canteiros/as, tronzadores/as, labrantes e gravadores/as de pedras

7131

Carpinteiros (salvo ebanistas)

7132

Instaladores de cerramentos metálicos e carpinteiros metálicos (salvo montadores de estruturas metálicas)

7191

Mantedores/as de edificios

7199

Outros/as traballadores/as das obras estruturais de construción non clasificados/as baixo outras epígrafes

7211

Escaiolistas

7212

Aplicadores/as de revestimentos de pasta e morteiro

7221

Fontaneiros/as

7231

Pintores/as e empapeladores/as

7232

Pintores/as nas industrias manufactureiras

7240

Solladores/as, colocadores/as de parqué e afíns

7250

Mecánicos/as-instaladores/as de refrixeración e climatización

7291

Montadores/as de cubertas

7292

Instaladores/as de material illador térmico e de insonorización

7294

Montadores/as -instaladores/as de placas de enerxía solar

7312

Soldadores/as e oxicortadores/as

7313

Chapistas e caldeireiros/as

7314

Montadores/as de estruturas metálicas

7322

Traballadores/as da fabricación de ferramentas, mecánicos/as-axustadores/as, modelistas, matriceiros/as e afíns

7323

Axustadores/as e operadores/as de máquinas-ferramenta

7324

Pulidores/as de metais e afiadores/as de ferramentas

7401

Mecánicos/as e axustadores/as de vehículos de motor

7403

Mecánicos/as e axustadores/as de maquinaria agrícola e industrial

7404

Mecánicos/as e axustadores/as de maquinaria naval e ferroviaria

7510

Electricistas da construción e afíns

7521

Mecánicos/as e reparadores/as de equipamentos eléctricos

7522

Instaladores/as e reparadores/as de liñas eléctricas

7531

Mecánicos/as e reparadores/as de equipamentos electrónicos

7533

Instaladores/as e reparadores/as en tecnoloxías da información e as comunicacións

7616

Rotulistas, gravadores/as de vidro, pintores/as decorativos de artigos diversos

7622

Traballadores/as de procesos de impresión

7704

Traballadores/as do tratamento do leite e elaboración de produtos lácteos (incluídos xeados)

7706

Traballadores/as da elaboración de bebidas alcohólicas distintas do viño

7707

Traballadores/as da elaboración do viño

7811

Traballadores/as do tratamento da madeira

7812

Axustadores/as e operadores/as de máquinas para traballar a madeira

7820

Ebanistas e traballadores/as afíns

7891

Mergulladores/as

7899

Oficiais, operarios/as e artesáns/ás doutros oficios non clasificados baixo outras epígrafes

8111

Mineiros/as e outros operadores en instalacións mineiras

8112

Operadores/as en instalacións para a preparación de minerais e rochas

8121

Operadores/as en instalacións para a obtención e transformación de metais

8122

Operadores/as de máquinas pulidoras, galvanizadoras e recubridoras de metais

8131

Operadores/as en instalacións industriais químicas

8142

Operadores/as de máquinas para fabricar produtos de material plástico

8143

Operadores/as de máquinas para fabricar produtos de papel e cartón

8144

Operadores/as de serradoiros, de máquinas de fabricación de taboleiros e de instalacións afíns para o tratamento da madeira e da cortiza

8193

Operadores/as de máquinas de embalaxe, embotellamento e etiquetaxe

8199

Operadores/as de instalacións e maquinaria fixas non clasificados baixo outras epígrafes

8201

Ensambladores/as de maquinaria mecánica

8202

Ensambladores/as de equipamentos eléctricos e electrónicos

8209

Montadores/as e ensambladores/as non clasificados noutras epígrafes

8321

Operadores/as de maquinaria agrícola móbil

8322

Operadores/as de maquinaria forestal móbil

8331

Operadores/as de maquinaria de movementos de terras e equipamentos similares

8332

Operadores/as de guindastres, montacargas e de maquinaria similar de movemento de materiais

8333

Operadores/as de carretas elevadoras

8340

Mariñeiros/as de ponte, mariñeiros de máquinas e afíns

8411

Condutores/as propietarios/as de automóbiles, taxis e furgonetas

8412

Condutores/as asalariados/as de automóbiles, taxis e furgonetas

8420

Condutores/as de autobuses e tranvías

8431

Condutores/as propietarios de camións

8432

Condutores/as asalariados de camións

8440

Condutores/as de motocicletas e ciclomotores

9222

Limpadores/as de vehículos

9420

Repartidores/as de publicidade, limpabotas e outros traballadores de oficios na rúa

9432

Mozos/as de equipaxe e afíns

9433

Repartidores/as, recadeiros/as e mensaxeiros/as a pé

9441

Recolledores/as de residuos

9442

Clasificadores/as de refugallos, operarios/as de punto limpo e recolledores/as de chatarra

9443

Varredores/as e afíns

9490

Outras ocupacións elementais

9511

Peóns/oas agrícolas (salvo en hortas, invernadoiros, viveiros e xardíns)

9512

Peóns/as agrícolas en hortas, invernadoiros, viveiros e xardíns

9520

Peóns/as gandeiros/as

9530

Peóns/oas agropecuarios/as

9541

Peóns/oas da pesca

9543

Peóns/oas forestais e da caza

9601

Legoeiros/as de obras públicas

9602

Peóns/oas da construción de edificios

9603

Peóns/oas da minaría, canteiras e outras industrias extractivas

9811

Peóns/oas do transporte de mercadorías e descargadores

Para elaborar esta relación tómanse como referencia as persoas contratadas por xénero no período 2020-2024 nos grupos ocupacionais segundo a Clasificación nacional de ocupacións (CNO-11) publicada no Real decreto 1591/2010, do 26 de novembro.

Téñense en conta os grupos ocupacionais que reflicten valores de contratación inferiores a un 40 % de representación feminina e que contan cun volume de contratación significativa no mercado de traballo.

missing image file
missing image file
missing image file